scieee AI-readable full text Open interactive document viewer

Regulamento e Memoria de Creación do Centro de Tecnoloxías para a Aprendizaxe

Universidade de Santiago de Compostela. Consello de Goberno

Full text

REGULAMENTO E MEMORIA DE CREACIÓN DO CENTRO DE TECNOLOXÍAS PARA A APRENDIZAXE Consello de Goberno do 22 de decembro de 2003 MEMORIA DE CREACIÓN Nos últimos anos a Universidade de Santiago de Compostela ven realizando un grande esforzo para dar resposta á crecente demanda de integración, particularmente no que atinxe a ferramentas e contidos para a formación en liña ou virtual, das Tecnoloxías da Información e as Comunicacións no proceso de ensino–aprendizaxe, tanto como elemento complementario á docencia presencial tradicional como na xeración de novas modalidades de formación síncronas e asíncronas baseadas no uso intensivo de factores e útiles tecnolóxicos. Por iso, considérase oportuno que a Universidade se dote dun servizo específico de apoio e coordinación dos esforzos e actividades que se están a realizar neste ámbito, e que sirva de estímulo e impulso permanente á integración e emprego das TIC no proceso xeral de ensino-aprendizaxe. O novo servizo, denominado Centro de Tecnoloxías para a Aprendizaxe (CETA), substitúe ó Centro de Competencia de Innovación Educativa e Tecnoloxías da Información e Comunicación (CCIETIC), o cal desaparece, unha vez cumprida a función para o que foi creado. Do CCIETIC toma tanto o seu emprazamento físico como os distintos elementos inventariables que o CCIETIC foi adquirindo ó longo dos seus catro anos de vida. Parte tamén, como non, do excelente traballo desenvolto durante os ditos anos. Dentro do organigrama da Universidade, o Centro de Tecnoloxías para a Aprendizaxe dependerá do Vicerreitorado de Terceiro Ciclo e Extensión Docente, o cal incorporará na súa planificación orzamentaria anual os créditos necesarios para a súa posta en marcha e posterior funcionamento ordinario. O CETA contará con un regulamento propio, aprobado polo Consello de Goberno. O CETA proporcionará asesoramento e apoio técnico e pedagóxico para a creación e adaptación de materiais docentes e na adopción das TIC no proceso de ensino e aprendizaxe, fomentando o emprego das TIC nas distintas vertentes da docencia da USC, tanto presencial como a distancia, tanto a súa Comunidade Universitaria como ao exterior. Por último, o CETA será o servizo encargado de que a Universidade de Santiago de Compostela teña unha imaxe e un funcionamento coherente e homoxéneo no seu campus virtual, para o que asumirá as tarefas de administración e xestión do conxunto de ferramentas tecnolóxicas e de procesos administrativos que sustentan o Campus Virtual. REGULAMENTO DO CENTRO DE TECNOLOXÍAS PARA A APRENDIZAXE DA UNIVERSIDADE DE SANTIAGO DE COMPOSTELA. (CONSELLO DE GOBERNO DO 22 DE DECEMBRO DE 2003) Art. 1 Definición O Centro de Tecnoloxías para a Aprendizaxe, en adiante CETA, é un servizo universitario que ten como finalidade coordinar e apoiar á integración e o bo uso das tecnoloxías da información e das comunicacións no proceso de ensino e de aprendizaxe. Art. 2 Funcións Son funcións da CETA as seguintes: 1.- Coordinar os recursos e a oferta no eido da formación en liña da USC. A estes efectos realizará, entre outras, accións encamiñadas a establecer directrices, protocolos de colaboración e seguimento da oferta dos distintos axentes da USC con implicación e actividade na docencia en liña. 2.- Proporcionar apoio técnico e pedagóxico para a creación de materiais docentes en soportes multimedia e a integración e bo uso das TIC no proceso de ensino e de aprendizaxe. Esta función sustentarase basicamente nas seguintes liñas de actuación: a) Establecendo guías técnico-pedagóxicas de elaboración de materiais e uso das TIC. b) Proporcionando servicios de formación e asesoramento neste ámbito. c) Fomentando a elaboración de materiais por parte dos docentes. d) Elaborando materiais e proxectos, propios ou en colaboración con outros. 3.- Fomentar o emprego e as boas prácticas das TIC na actividade docente da USC, tanto na docencia presencial como en liña. 4.- Desenvolver proxectos e prestar servicios externos no ámbito da súa actividade. 5.- Impulsar e xestionar o Campus Virtual da USC. Art. 3 Dirección e Xestión A actividade do centro desenvolverasea través dos órganos de dirección co apoio da estructura administrativa e persoal técnico que se determine. A actividade externa do Centro poderá ser xestionada indirectamente por calquera dos entes instrumentais de xestión –de réxime público e privadodos que a USC se dote, a través da correspondente encomenda. Art. 4 Órganos de Dirección Os órganos de dirección do centro son os seguintes: • O equipo de goberno • O director • O subdirector Art. 5 Equipo de goberno O equipo de goberno estará constituído por: • O reitor, ou vicerreitor en quen delegue • O vicerreitor de Terceiro Ciclo e Extensión Docente. • O vicerreitor de Organización Académica e Profesorado. • O vicerreitor de Tecnoloxías e Infraestructuras. • O vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo. • O director do centro. • O subdirector do centro, que actuará de secretario. O equipo de goberno estará presidido e será convocado polo reitor e adaptará as súas decisións por maioría simple. O equipo de goberno reunirase alomenos unha vez ó ano e desenvolverá as seguintes funcións: • Aprobar, a proposta do director, o proxecto de orzamento do centro para a súa integración no xeral da Universidade. • Informar e aprobar o programa anual de actividades do centro, proposto polo director. • Coñecer e aprobar a memoria de actividades realizadas do centro. • Propoñer convenios e contratos con administracións, entidades públicas e privadas, institucións, etc, no ámbito da súa actividade. • En xeral, todas as que afecten a cuestións administrativas, económicas e de xestión do centro. Art. 6 Director O director do centro será un membro do PDI da USC nomeado polo reitor por períodos de catro anos, renovables. Son funcións do director: • Propoñer o orzamento e o programa de actividades do centro ao equipo de goberno do centro. • Dirixir as actividades do centro. • Administrar o orzamento. • Elaborar a memoria anual de actividades. • En xeral, todas aquelas non atribuídas a outros órganos. Art. 7 Subdirector O subdirector do centro será un membro do PDI ou do PAS da USC, nomeado polo reitor, a proposta do director do Centro. Son funcións do subdirector: • Colaborar na dirección e coordinación do centro. • Asumir as tarefas delegadas pola dirección de acordo coas necesidades funcionais. • Substituír ó director nas súas ausencias. Art. 8 Consello asesor Constituirase un consello asesor formado por: • O reitor, ou vicerreitor no que delegue, que o presidirá. • O director do centro, que actuará de secretario. • O vicerreitor de Terceiro Ciclo e Extensión docente. • O director da área TIC da USC. • O xerente. • 2 profesores por cada unha das grandes áreas de coñecemento e 2 membros do PAS, nomeados polo reitor, oído o Consello de Goberno, por un período de catro anos, asegurando a representación dos dous campus. • 2 estudiantes de primeiro e segundo ciclo e un estudiante de terceiro ciclo, nomeados polo reitor, oído o Consello de Goberno, por un período dun ano. Cada dous anos procederase á renovación de cinco dos membros do PDI, un por cada unha das grandes áreas de coñecemento científico e de un membro do PAS O consello reunirase, cando menos unha vez ao ano e as súas funcións serán: • Asesorar en relación aos centros, estudios ou campos de actuación que deban recibir unha atención preferente no emprego das TIC no ensino-aprendizaxe. • Coñecer a memoria de actividades do centro de cada curso académico, e o programa previsto para cada novo curso. • Propoñer todas aquelas iniciativas que considere de interese desenvolver ou apoiar dende o centro. Disposición Transitoria Toda as competencias e funcións non recollidas expresamente no presente regulamento, e que viña exercendo con anterioridade o director do CCIETIC, pasan a ser asumidas, a partir da aprobación deste regulamento, polo director do CETA. Disposición final O presente regulamento entrará en vigor ó día seguinte da súa aprobación polo Consello de Goberno da USC.