Crónica legislativa de Galicia. Segundo semestre de 2015
Abstract
Crònica legislativa de Galícia; segon semestre de 2015
Full text
CRÒNICA LEGISLATIVA DE GALÍCIA 2º semestre de 2015 Galicia: informe negativo da CELRM e irrelevancia das políticas lingüísticas Alba Nogueira López* Palabras clave: Galicia; derecho lingüístico. LEGISLATIVE REPORTS ON GALICIA Abstract Legislative Reports on Galicia, second semester of 2015 Keywords: Galicia; Linguistic Law. 1 Introdución Este periodo non permite sinalar ningún proxecto normativo de certa entidade xa que a única referencia salientable é a da Lei de transparencia e bo goberno que se limita a incluir referencias rotineiras á lingua. Orzamentariamente 2016 volve a ser un ano de vacas fracas como leva sucedendo nos últimas oito nos que houbo un descenso do 60% do orzamento de política lingüística. O informe de cumprimento da Carta Europea de Linguas Rexionais e Minoritarias mostra unha continuidade dos incumprimentos sinalados nos sucesivos informes e de xeito moi significativo en materia educativa, xustiza e medios de comunicación que deberían conducir a cambios na política lingüística. No plano xudicial o máis relevante é unha deficientísima sentenza do TSXG que anula diversos preceptos da Ordenanza de Uso do Galego de Lugo. 2 A Lei de transparencia e bo goberno: as referencias estritamente necesarias A actividade normativa cínguese ás referencias contidas na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno (DOG 15 de febreiro de 2016, http://www.parlamento.gal/sitios/web/BibliotecaLeisdeGalicia/ Lei1_2016.pdf). Non hai outras normas autonómicas legais ou regulamentarias salientabeis no periodo en relación co uso das linguas. Aínda asi a lei apenas vai máis alá das referencias case obrigadas en relación coa presenza das dúas linguas oficiais nas ferramentas, portais e informacións que sexan accesibeis ao público en virtude desta normativa. ∗ Alba Nogueira López, prof. titular de dereito administrativo, Universidade de Santiago de Compostela. Citación recomendada: Nogueira López, Alba. «Crònica legislativa de Galícia. 2º semestre de 2015», Revista de Llengua i Dret, núm. 65, p. 201-205. DOI: 10.2436/20.8030.02.146.
Alba Nogueira López Crònica legislativa de Galícia. 2º semestre de 2015 Revista de Llengua i Dret, Journal of Language and Law, núm. 65, 2016 202 Dentro dos principios que rexen nesta materia está o de non discriminación tecnolóxica e lingüística que se concreta (Art.2. f) en que “as entidades suxeitas ao ámbito de aplicación desta lei arbitrarán os medios necesarios para poñer á disposición da cidadanía a información pública na lingua e a través do medio de acceso que a cidadanía elixa”. Debe haber por tanto a posibilidade de garantir os dereitos lingüísticos da cidadanía pondo ao seu dispor a información na lingua da súa preferencia. Podería parecer que ese principio de escolla lingüística que proclama o artigo 2 resulta matizado polo artigo 22 da mesma lei no que se recolle ao regular os formatos dispoñibeis que “a Administración xeral da Comunidade Autónoma e as entidades instrumentais do seu sector público facilitarán os seus documentos nos formatos ou nas linguas en que estean dispoñibles (...)”. Unha interpretación conforme de ambolos dous preceptos tírase da ubicación deste artigo 22 nun capítulo dedicado á “reutilización da información” que aborda a forma de poñer a disposición do público da información dispoñibel, mesmo con fins comerciais. Nese sentido non se fala dun contexto de demanda activa de información por parte da cidadanía, coa conseguinte garantía dos seus dereitos lingüísticos, senon da práctica unilateral pola Administración da transparencia mediante a publicación sistemática da información que está no seu poder. De feito a dicción do artigo 24.2 que regula o dereito de acceso á información pública confirma esa interpretación reafirmando o dereito da cidadanía “c) A recepción da información pública na lingua oficial de Galicia en que a solicite”. Finalmente o artigo 29.3 regula o Portal de transparencia e Goberno aberto e fixa que “o acceso da cidadanía á información do Portal de transparencia e Goberno aberto será gratuíto e respectará os principios de accesibilidade, interoperabilidade e reutilización. A información estará dispoñible en galego e castelán”. Regulación, en síntese, que respecta os límites estritamente precisos de presenza das linguas e os dereitos lingüísticos da cidadanía sen avanzar máis do indispensabel neste ámbito. A voltas do Decreto de Plurilingüismo. Inadmisión a trámite do recurso de amparo O Tribunal Constitucional decidía o 17 de setembro de 2015 non admitir a trámite o recurso de amparo presentado pola Real Academia Galega en relación co Decreto de plurilingüismo no ensino aprobado en 2010. Logo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ter anulado algúns dos preceptos máis polémicos -libertade de elección de lingua dos alumnos con independencia da lingua na que o curriculum escolar determinara que se impartía a materia; determinación da lingua vehicular das materias por unha enquisa ás familiasaínda que mantivo o reparto porcentual establecido que provocou un retroceso na presenza do galego en beneficio do inglés e a ausencia do galego da maioría das materias científicas, o Tribunal Supremo confirmara a sentenza en casación. A Real Academia Galega (RAG) recorrera en defensa da súa propia posición por non ter sido consultada no proceso de aprobación desa norma e defendendo a lingua galega de acordo co seu mandato fundacional. O Tribunal Constitucional inadmite o recurso de amparo “dada la manifiesta inexistencia de violación de un derecho fundamental”. Non obstante a RAG estuda a viabilidade dun recurso ante o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos unha vez esgotadas as vías de recurso internas. Cuarto Informe de Avaliación do cumprimento da Carta Europea de Linguas Rexionais e Minoritarias A publicación do Cuarto informe do Comité de Expertos sobre o cumprimento dos compromisos ratificados polo Reino de España case por unanimidade dos deputados do Congreso en 2001, mostra unha vez máis a asimetría entre os compromisos adquiridos e o cumprimento. No caso de Galiza reitéranse advertencias sobre incumprimentos xa sinalados nos tres anteriores informes e, de xeito moi singular, as referidas á inexistencia de inmersión lingüística no ensino infantil, primario e secundario e á imposibilidade da xustiza ser administrada en galego. Non son novas estas advertencias e as dos outros ámbitos de aplicación da Carta e revelan unha ratificación puramente propagandística, ou cun descoñecemento profundo do seu alcance, sen vontade real de cumplilo. Non obstante, a Carta Europea de Linguas Rexionais e Minoritarias ao incorporar este mecanismo de seguemento permite apreciar a inacción e falta de vontade política para protexer as linguas e os dereitos lingüísticos dos falantes.
Alba Nogueira López Crònica legislativa de Galícia. 2º semestre de 2015 Revista de Llengua i Dret, Journal of Language and Law, núm. 65, 2016 203 Hai que lembrar que unha vez ratificada a CELRM convírtese en parte do noso ordenamento xurídico, sendo por tanto de obrigado cumprimento e aplicación polos tribunais, coa particularidade de que é unha norma que non pode ser modificada ou devaluada polos órganos lexislativos (estatais, autonómicos ou locais) internos. Cómpre pois que a cidadanía exixa os dereitos e a acción pública de protección que se deriva da Carta e cómpre ensaiar fórmulas novas de activismo lingüístico para os facer valer. a) O galego fóra de Galiza O informe sinala a falta de información sobre o galego en Asturias, Castela-León e Extremadura, constata un descenso dos falantes galegos en Asturias e demanda a necesidade de acción resolta para frear a situación do galego nestas tres comunidades autónomas. O comité de expertos percibe unha falta de visibilidade das linguas propias fóra dos seus territorios e recomenda elevar a concienciación sobre a pluralidade lingüística nas comunidades monolingües. Igualmente recomenda unha acción decidida para promover esa visibilidade a través do ensino e os medios de comunicación. b) Educación O Comité sinala que a lexislación educativa galega está claramente en contradicción cos obxectivos ratificados e indica que se debe facilitar ensinanza en galego (inmersión) para todos os niveis educativos polo que considera incumpridos os compromisos adquiridos. Tamén sinala que hai un incumprimento no compromiso de poñer en marcha un órgano para avaliar o cumprimento e realizar informes de seguimento do cumprimento da Carta na educación. c) Xustiza No ámbito da xustiza as advertencias sobre os coñecidos problemas tanto na celebración dos propios xuizos, como na plataforma informática son obxecto de atención polo comité de expertos que realizar varias advertencias coincidentes en parte coas xerais que fai o Consello de Ministros ao Reino de España. Ínstanse a enmendar o marco normativo vixente co obxecto de que sexa claro que os órganos xudiciais penais, civis e administrativos nas Comunidades Autónomas poden levar os procedementos xudiciais nas linguas cooficiais pola petición de unha das partes e tamén se chama a atención de que as partes deben ser informadas específicamente sobre os seus dereitos lingüísticos aos xuizos seren celebrados en galego se tan só unha das partes asi o solicita. Tamén se recomenda incrementar a proporción de xuices e fiscais competentes en galego e adoptar medidas de formación lingüística do persoal xudicial e os avogados. Advirte igualmente do incumprimento parcial do compromiso de dispor en galego da lexislación vixente. d) Administración e servizos públicos No que atinxe ás Administracións e servizos públicos o informe do comité de expertos sinala que seguen rexistrándose incumprimentos singularmente na existencia de documentos e impresos comúns (Axencia tributaria...), tamén incumprimentos parciais na atención ao público. Igualmente solicita información sobre o peche de servizos de normalización lingüística municipais. Faise eco do descenso do uso da lingua nos servizos públicos como consecuencia da privatización e do escaso uso nos que dependen do estado polo que entende que ese obxectivo está só parcialmente cumprido. Curiosamente considera cumprido o obxectivo relacionado coa tradución sinaladamente das páxinas webs dos ministerios. Con respecto ao adestramento e contratación de empregados públicos considera cumprido o obxectivo para os autonómicos e parcialmente para os estatais. e) Medios de comunicación Os medios de comunicación foran obxecto dun duro tratamento no terceiro informe. Nos radiofónicos o nacemento dalgúns medios novos e a existencia doutros cunha certa audiencia (Radio Fene, Radio Estrada and Radio Oleiros) leva aos expertos a considerar que hai un cumprimento parcial do compromiso. Esa mesma conclusión é a que se dá nos medios televisivos. Nos medios escritos constátanse os cambios no sector e saúdase a existencia de medios dixitais en galego ou a posibilidade dos medios en castelán contar con ferramentas de tradución mais aconsella explorar a posibilidade dun medio escrito. No que respecta ao
Alba Nogueira López Crònica legislativa de Galícia. 2º semestre de 2015 Revista de Llengua i Dret, Journal of Language and Law, núm. 65, 2016 204 intercambio de produtos informativos con Portugal o comité de expertos sinala que lle falta información, indica que no próximo informe debe proporcionárselle e aconsella ás autoridades que impulsen activamente a posibilidade da televisión e radio portuguesas seren recibidas en Galiza. f) Actividades culturais En xeral os compromisos en materia de cultura considéranse cumpridos malia os recortes experimentados nas partidas orzamentarias. g) Vida social e económica A situación no sector financeiro é ao xuizo dos expertos dun cumprimento parcial da obriga de dispor da documentación usual e poder realizar as transaccións en galego. A actividade de promoción do galego no sector público económico considera que cumpre cos compromisos da Carta. En canto á atención en galego na sanidade e servizos sociais o comité de expertos insta ás autoridades a que se ofreza a posibilidade das persoas ser atendidas en galego. Polo que respecta á información e advertencias de seguridade existentes en obras, edificios, etc. o comité entende que se incumpre a obriga de que esa información se proporcione en galego. h) Informes transfronteirizos Os compromisos en materia transfronteiriza consideráse cumpridos. i) Conclusións finais Como conclusións finais o comité de expertos considera que no caso do galego en Galiza: “A lingua ten unha presenza xeralizada na vida pública incluída a administración autonómica e local. No ámbito da educación o comité de expertos está preocupado pola redución gradual do ensino en galego. Coa introdución do modelo trilingüe, a proporción de ensino en galego reduciuse na educación primaria e secundaria. Os problemas persisten nos procesos xudiciais e hai unha oferta insuficiente de programas en galego nas televisións privadas”. Tamén inclue recomendacións para o galego alén das fronteiras administrativas da comunidade autónoma. Para o galego-asturiano en Asturias: “As autoridades emprenderon un grupo de medidas para mellorar a lingua, incluindo o recoñecemento da súa identidade distintiva. Ofréncense clases de asturiano como materia no ensino. Debería facerse unha distinción clara entre o Galego e o Asturiano no próximo informe periódico”. En relación co galego en Castela-León: “Aínda que a lingua ten unha certa presenza no sistema educativo, necesita ser reforzada. Precísanse máis medidas para promover o galego nos medios e en xeral na vida pública”. Finalmente a recomendación sobre o galego en Extremadura é: “A lingua non está recoñecida como unha lingua minoritaria. Non se experimentaron progresos na protección e promoción da lingua de acordo coa Carta”. En definitiva sen avances significativos e coa consolidación de certas tendencias totalmente contraditorias co ratificado en ámbitos tan sensibeis como a educación que deberían mover a unha modificación urxente do marco normativo. Anulación dunha boa parte dos preceptos da Ordenanza de uso do galego do concello de Lugo
Alba Nogueira López Crònica legislativa de Galícia. 2º semestre de 2015 Revista de Llengua i Dret, Journal of Language and Law, núm. 65, 2016 205 A publicación dunha Sentenza do TSX de Galicia pola que se anulan diversos preceptos da ordenanza municipal de uso do galego de Lugo1 pon de novo sobre a mesa unha traxectoria deste tribunal dunha xurisprudencia moi deficiente desde o punto de vista técnico e claramente contraria á normalización lingüística. A sentenza do TSXG evidencia o descoñecendo dos principios básicos da lexislación sobre dereitos lingüísticos, cuestións elementais de dereito administrativo e os principios de interpretación das normas. Así anula o artigo no que se declara lingua propia do concello o galego por omitir a referencia ao castelán. É evidente que a ausencia de mención nunha ordenanza a cuestións que xa figuran en normas de rango superior non implica a súa negación senon simplemente unha boa técnica normativa. Non é preciso que unha ordenanza municipal recolla o texto literal dun artigo da Constitución española para que este siga vixente sempre e cando a ordenanza non o contraveña. Igualmente anula as previsións en relación coa obriga dos concesionarios e contratista de entregar os seus servizos en galego ou realizar a súas prestacións (atención ao público, facturas...) en galego cunha discutible asimilación destes cos dereitos lingüísticos dos cidadáns. Os concesionarios e contratistas traballan por conta da administración en virtude do contrato (de prestación de servizos, de asesoramento...) polo que están ligados á administración local. Dicir que non teñen obrigas lingüísticas cando están nesa posición ou afirmar que teñen os mesmos dereitos de escolla lingüística que calquera cidadán é contrario ás normas de contratación pública e ás potestades de dirección, interpretación e fixación dos termos do contrato dos que dispón a administración. A administración contratante pode imporlle a obriga de entregar documentos en galego (igual que lle pode impor o cumprimento de exixencias de seguridade, de calidade, de transparencia...), de atender ao público cos mesmos usos lingüísticos e respectando os dereitos dos cidadáns. Unha afirmación –que non interpretación xa que a sentenza adoece de falta de argumentosnesa dirección implicaría que só porque se externalice un servizo sexa a empresa prestadora a que someta á cidadanía aos seus usos lingüísticos e a administración escapara das obrigas que lle fixa a lexislación lingüística. Outro aspecto anulado é a obriga da rotulación estar en galego. Igualmente se anula a preferencia polo galego como lingua dos procedementos e lingua de certas actuacións municipais (rogos nos plenos). Ambas previsións son compatibeis coa lexislación vixente e entran dentro da autoorganización da administración e das súas competencias lingüísticas sempre e cando respecten o dereito do cidadán a solicitar e recibir a documentación que lle corresponda nos procedementos en que sexa parte na lingua da súa elección. Anúlase asimesmo a referencia a que a formación dos empregados municipais se desenvolva en galego. Resulta paradóxico que unha administración non poida programar a formación dos funcionarios dándolle prioridade ás cuestións nas que aprecie máis carencias e que esta formación se faga en galego para mellorar a competencia lingüística. Finalmente a anulación da valoración de que “as actividades realizadas constribúan a normalizar o uso da lingua galega” sen sustento en ningunha previsión normativa que poidera ser violada é, en cambio, contraria a preceptos vixentes da Lei de Normalización Lingüística e da Lei de Subvencións de Galicia. Esta anulación dunha simple actividade de fomento dun valor positivo como é o coñecemento da lingua convertida nunha ameaza ilegal é rebeladora dos prexuizos, que non valoracións xurídicas, que inspiran esta sentenza. Orzamentos. Descendendo sen tregua Os orzamentos da Xunta de Galicia para 2016 asentan a tendencia á baixa iniciada desde que o Partido Popular recuperou en 2009 o goberno2. Cun 60% menos de orzamento do que dispuña para política lingüística nese momento, en 2016 estabilízase nunha cifra de pouco máis de 6,5 millóns de euros (chegou a ter no 2009 21,5 millóns). Ademáis non é unha das partidas que experimentan subidas significativas debido á pretendida saída da crise. A parálise e falta de dirección e planificación lingüística vai acompañada dun orzamento en declive. 1 Para consultar o texto da ordenanza e da sentenza premer nos enlaces dispoñibeis nesta noticia: http://praza.gal/movementossociais/11318/o-tsxg-anula-tras-un-recurso-de-galicia-bilingue-parte-da-ordenanza-do-uso-do-idioma-en-lugo/ 2 http://praza.gal/politica/10495/a-xunta-asenta-na-irrelevancia-o-orzamento-para-fomentar-o-galego/