Sociedade de responsabilidade limitada
Abstract
A Unidade Didáctica denominada A Sociedade de Responsabilidade Limitada desenvolve unha parte da materia Dereito da Empresa pertencente á titulación de Grado de Dirección e Administración de Empresas; corresponde ás leccións 7 e 8 do programa. Forma parte das chamadas materias de Formación Básica. Esta Unidade Didáctica localízase no bloque dedicado ao empresario social. Ten por destinatarios ao alumnado de primeiro curso. Estrutúrase para unha duración de 3 horas, correspondentes a dúas clases interactivas e 30 minutos dunha clase expositiva.
Full text
Vicerreitoría de estudantes, cultura e formación continua Unha colección orientada a editar materiais docentes de calidade e pensada para apoiar o traballo do profesorado e do alumnado de todas as materias e titulacións da universidade Grao en Administración e Dirección de Empresas Dereito da Empresa Ignacio Vidal Portabales Departamento de Dereito Mercantil e do Traballo Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais 7 e 8 Sociedade de responsabilidade limitada 9788498 879070 ISBN 978-84-9887-907-0
Sociedade de responsabilidade limitada 7 e 8 Ignacio Vidal Portabales Departamento de Dereito Mercantil e do Traballo Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais
ADVERTENCIA LEGAL: reservados todos os dereitos. Queda prohibida a duplicación, total ou parcial desta obra, en calquera forma ou por calquera medio (electrónico, mecánico, gravación, fotocopia ou outros) sen consentimento expreso por escrito dos editores. Copyright © Universidade de Santiago de Compostela, 2012 Deseño Unidixital Edita Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Formación Continua da Universidade de Santiago de Compostela Servizo de Publicacións da Universidade de Santiago de Compostela Imprime Unidixital Servizo de Edición Dixital da Universidade de Santiago de Compostela Dep. Legal: C 1125-2012 ISBN 978-84-9887-907-0
UNIDADE DIDÁCTICA. Sociedade de responsabilidade limitada 3 MATERIA: Sociedade de Responsabilidade Limitada. TITULACIÓN: Grao en Administración e Dirección de Empresas. PROGRAMA XERAL DO CURSO Localización da presente unidade didáctica Lección 1. Dereito, economía e mercado Concepto, caracteres e fines do Dereito O Dereito e a súa clasificación Norma xurídica e outros conceptos básicos Lección 2. Os dereitos subxectivos Persoa física e persoa xurídica Feito, acto e negocio xurídico A obriga O contrato EMPRESARIO INDIVIDUAL E EMPRESARIO SOCIAL Lección 3 O empresario individual O Dereito Mercantil: concepto, caracteres e fontes O estatuto do empresario O Rexistro Mercantil A contabilidade do empresario Lección 4. A sociedade mercantil Determinación do concepto de sociedade mercantil A personalidade xurídica da sociedade mercantil. A sociedade irregular Tipos de sociedades mercantís As sociedades colectivas e comanditarias Lección 5. A sociedade anónima I Concepto e características Réxime xurídico das accións Órganos sociais Modificación de estatutos: aumento e redución do capital Lección 6. A sociedade anónima II Disolución e liquidación Emisión de obrigas A sociedade anónima cotizada Sociedade Anónima Europea Lección 7. A sociedade de responsabilidade limitada I Concepto e características Constitución As participacións Órganos sociais Lección 8. A sociedade de responsabilidade limitada II Modificación de estatutos Disolución e liquidación Sociedade unipersoal Sociedade Nova Empresa
4 - UNIDADE DIDÁCTICA. Sociedade de responsabilidade limitada Lección 9. Outras formas sociais Sociedades mutualísticas A sociedade cooperativa galega Unións e asociacións de empresas Sociedades de inversión mobiliaria RÉXIME XURÍDICO DA ACTIVIDADE EMPRESARIAL Lección 10. Dereito da competencia O principio de liberdade de empresa e a libre competencia Protección xurídica da libre competencia Concentración de empresas Órganos de Defensa da Competencia Lección 11. Competencia desleal e publicidade comercial A lei de competencia desleal Supostos legais de competencia desleal Accións nadas da competencia desleal A protección contra a publicidade ilícita Lección 12. Dereito da Propiedade Industrial Consideracións xerais Patentes de invención Modelos de utilidade O deseño industrial A marca Lección 13. Sociedade da Información e empresa A Lei de Servizos da Sociedade da Información Páxinas web e empresa Nomes de dominio e empresa A Lei Orgánica de Protección de Datos A CONTRATACIÓN MERCANTIL Lección 14. A contratación mercantil Especialidades das obrigas mercantís Os contratos mercantís A defensa do consumidor: a LGDC e U A contratación mercantil internacional Lección 15. Os contratos mercantís I A compravenda mercantil e afines Transporte Depósito Seguro Lección 16. Os contratos mercantís II O contrato de comisión Contratos de colaboración e distribución Contratos bancarios O mercado de valores Lección 17. Contratación electrónica Os prestadores de servizos da sociedade da información Concepto e tipos de contratación electrónica Réxime xurídico da contratación electrónica
UNIDADE DIDÁCTICA. Sociedade de responsabilidade limitada 5 Contratos informáticos A firma electrónica MEDIOS DE PAGO Lección 18. Medios de pago I Os medios de pago no moderno tráfico mercantil As tarxetas e os seus tipos O diñeiro electrónico O crédito documentario Lección 19. Medios de pago II Os títulos valores A letra de cambio: concepto e requisitos formais Aceptación, endoso e aval Pago e incumprimento das obrigas cambiarias O cheque e a obriga de pagamento Lección 20. Concurso de acredores A declaración do concurso Efectos da declaración do concurso Cualificación do concurso Terminación do concurso
UNIDADE DIDÁCTICA. Sociedade de responsabilidade limitada 7 ÍNDICE Contextualización ......................................................................................... 9 Xustificación ................................................................................................ 9 Os obxectivos ............................................................................................... 9 A metodoloxía ............................................................................................. 10 Os contidos ................................................................................................. 11 1. CONCEPTO E CARACTERISTICAS .......................................... 11 1.1. Introdución ................................................................... 11 1.2. Concepto ...................................................................... 13 1.3. Caracteres .................................................................. 13 2. CONSTITUCIÓN ......................................................................... 14 2.1. Número de socios e capital ........................................ 14 2.2. Achegas sociais ......................................................... 14 2.3. Prestacións accesorias ................................................ 15 2.4. Formalidades: escritura e inscrición no RM ............... 16 2.5. Nulidade ....................................................................... 17 3. AS PARTICIPACIÓNS ............................................................... 18 3.1. Concepto e caracteres ................................................. 18 3.2. Posición xurídica do socio: deberes e dereitos ........... 18 3.3. Transmisión de participacións ..................................... 19 3.4. Dereitos reais sobre as participacións ........................ 20 4. ÓRGANOS SOCIAIS ................................................................... 20 4.1. A xunta xeral ................................................................ 21 4.1.1. Concepto ...................................................... 21 4.1.2. Competencias .............................................. 21 4.1.3. A convocatoria ............................................. 21 4.1.4. Constitución ................................................. 22 4.1.5. Asistencia e representación ......................... 23 4.1.6. Adopción de acordos ................................... 23 4.1.7. Acta da xunta ............................................... 24 4.1.8. Impugnación dos acordos sociais ................ 25 4.2. Os administradores ...................................................... 25 4.2.1. Formas de organizar a administración ........ 25 4.2.2. Nomeamento, duración e separación .......... 26 4.2.3. Exercicio do cargo e responsabilidade ........ 26 4.2.4. Representación ............................................ 28 4.2.5. Retribución ................................................... 28 5. MODIFICACIÓN DE ESTATUTOS ............................................. 29 5.1. Aumento de capital ...................................................... 29 5.1.1. O dereito de preferencia .............................. 30 5.2. Redución de capital ..................................................... 31 6. DISOLUCIÓN E LIQUIDACIÓN .................................................. 32 6.1. Causas de disolución ................................................... 33 6.2. Funcións dos liquidadores ........................................... 34 7. SRL UNIPERSOAL ...................................................................... 34 8. A SLNE ........................................................................................ 36 Avaliación .................................................................................................... 37 Anexos ......................................................................................................... 39 Bibliografía .................................................................................................. 41
14 - UNIDADE DIDÁCTICA. Sociedade de responsabilidade limitada Para rematar, debe destacarse que as SRL gozan dunha polivalencia funcional. Quere dicirse con iso que a súa estrutura xurídica pode adaptarse moi ben ao que demandan as pequenas, as medianas e as grandes empresas. 2. CONSTITUCIÓN A LSC regula a constitución das sociedades de capital de xeito conxunto, salvo certas esixencias diferentes en canto ao contido da escritura pública de constitución e ao contido dos estatutos sociais. 2.1. Número de socios e capital Polo que concirne ao número de socios, a SRL pode ser constituída tanto por unha pluralidade de socios como por un só socio (SRL unipersoal).E respecto do capital, han de concorrer estes dous principios: 1) o de capital legal mínimo (3000 euros); 2) e o de desembolso íntegro do capital social fixado nos estatutos, por contraste coa SA, onde cabe a fundación sucesiva. Ademais, o capital social haberá de estar dividido en participacións sociais (nótese a diferenza coas SA, onde aquel se divide en accións) e ha de estar integrado polas achegas patrimoniais de “todos” os socios. 2.2. Achegas sociais Dos artigos 58 e 60 LSC resultan estas dúas ideas fundamentais: 1. As achegas sociais ao capital social consistirán en bens ou dereitos patrimoniais susceptibles de valoración económica; en ningún caso poderán ser obxecto de achega o traballo ou os servizos. 2. As achegas enténdense realizadas, salvo que se estipule outra cousa, a título de propiedade. De aquí pode inferirse unha dobre clasificación: pode haber achegas en diñeiro e achegas non en diñeiro (“in natura”); e tamén achegas a título de propiedade ou a título diferente (por exemplo, de uso, arrendamento, usufruto, etc.). Centrámonos na primeira clasificación. Achegas en diñeiro As achegas en diñeiro -as máis frecuentes-, realizaranse en euros; e de facerse en moeda estranxeira determinarase o equivalente en euros con arranxo á lei (61 LSC). A realidade das achegas deberá acreditarse ante o Notario autorizante da correspondente escritura pública, mediante certificación do depósito das correspondentes cantidades a nome da sociedade nunha entidade de crédito ou mediante a entrega ao propio Notario para que este realice devandito depósito na conta da sociedade. Como medida de control,
UNIDADE DIDÁCTICA. Sociedade de responsabilidade limitada 15 establécese que a certificación só ten unha validez de dous meses que se van contar dende a súa data (62 LSC). Achegas non de diñeiro Conforme ao artigo 63 da LSC na escritura de constitución describiranse as achegas de diñeiro con asignación da súa valoración en diñeiro e determinando o número de participacións sociais que corresponden ao achegante. A LSC non esixe, cando se trata de SRL, o informe do experto sobre a natureza e o valor da achega (que si é necesaria cando se trata de SA), pero o achegante quedará sometido ao réxime de responsabilidade que se establece nos artigos 63, 64, 65 e 66 LSC para o achegante “in natura”, cuxas regras sintetizamos a continuación: a) Se se achegasen mobles ou inmobles (en propiedade), o achegante queda obrigado á entrega e saneamento. b) Se se achegase un dereito de crédito, o achegante responde da lexitimidade deste e da solvencia do debedor. c) Se se achegase unha empresa, o achegante queda obrigado ao saneamento do seu conxunto se afecta á maior parte ou a elementos esenciais da explotación. Ademais desta responsabilidade do achegante, establécese a responsabilidade “pola realidade e valoración das achegas non dinerarias” a cargo das seguintes persoas: a) Os fundadores. b) Os socios no momento do aumento de capital. c) Os adquirentes de participacións desembolsadas mediante achegas non de diñeiro. d) Os administradores. Trátase dunha responsabilidade solidaria que opera fronte á sociedade e fronte aos acredores sociais. Prescribirá, isto é, extinguirase, aos cinco anos contados dende o momento en que se fixo a achega (73 LSC). Naturalmente, os socios cuxas achegas non de diñeiro sexan sometidas a valoración pericial conforme ao previsto para as sociedades anónimas quedan excluídos da responsabilidade solidaria a que se refiren os artigos anteriores (76 LSC). 2.3. Prestacións accesorias Nas sociedades de capital son posibles as chamadas prestacións accesorias sempre que estean previstas nos estatutos e exprésese o seu contido concreto e determinado. Trátase de achegas que responden ás relacións creadas entre os socios e a sociedade e que contribuirán á consecución do fin social. As prestacións accesorias poderán establecerse con carácter obrigatorio para todos os socios ou para algúns deles; tamén poden estar vinculadas á titularidade dunha ou varias participacións sociais. Por outra banda, poderán ser retribuídas ou gratuítas, aínda que a retribución nunca poderá exceder do valor que corresponda á prestación. Poden consistir en:
16 - UNIDADE DIDÁCTICA. Sociedade de responsabilidade limitada -O fornezo de bens polos socios. -A realización de obrigacións de facer. -A realización obrigacións de non facer, etc. Finalmente, cabe destacar que: 1) Para a transmisión voluntaria por actos «inter vivos» de calquera participación pertencente a un socio persoalmente obrigado a realizar prestacións accesorias será necesaria a autorización da xunta xeral. 2) Para a creación, modificación e extinción anticipada da obrigación de realizar prestacións accesorias esíxese que o correspondente acordo se adopte cos requisitos para a modificación de estatutos e, ademais, o consentimento dos obrigados a realizalas (86 a 89 LSC). 2.4. Formalidades: escritura de constitución e inscrición no RM O artigo 20 LSC proclama que a SRL, en tanto sociedade de capital, constituirase mediante escritura pública, que deberá inscribirse no RM; coa inscrición a SRL adquirirá a súa personalidade xurídica. A escritura debe inscribirse no prazo de dous meses dende o seu outorgamento, sendo os fundadores e os administradores responsables solidarios dos danos e prexuízos que se causaren polo incumprimento desa obrigación (32 LSC). Aplicaranse tamén ás SRL as normas sobre sociedade en formación e sociedade irregular (36 a 40 LSC). A LSC distingue entre escritura e estatutos. A primeira é o documento notarial que recolle o documento constitutivo (e que incluirá os estatutos sociais). Os segundos son as normas convencionais que rexen o funcionamento da vida social. Segundo o artigo 22 LSC, a escritura de constitución expresará: -A identidade do socio ou socios fundadores. -A vontade de constituír unha SRL. -As achegas de cada socio e as participacións asignadas en pago. -Os estatutos sociais, coas mencións mínimas do artigo 23 LSC. -A identidade de administradores e representantes. -A determinación do modo concreto de organización da administración, en caso de previsión de diferentes alternativas nos estatutos. Polo que concirne aos estatutos, este é o seu contido mínimo: -A denominación da sociedade. -O domicilio social. -O capital social, as participacións en que se divida, o seu valor nominal e a súa numeración correlativa. E se os dereitos atribuídos ás participacións son distintos deberá especificarse a contía ou a extensión destes. -O modo ou modos de organizar a administración da sociedade (23 LSC). Ademais deste contido obrigatorio, existe un contido facultativo ao que se refire o artigo 28 LSC cando di que na escritura e nos estatutos se poderán incluír, ademais, todos os pactos e condicións que os socios fundadores xulguen conveniente establecer, sempre que non se opoñan ás
UNIDADE DIDÁCTICA. Sociedade de responsabilidade limitada 17 leis nin contradigan os principios configuradores do tipo elixido (con todo, os pactos que se manteñan reservados non serán opoñibles á sociedade, é dicir, esta poderá descoñecelos, 29 LSC). Entre aqueles pactos atópanse os relativos á data de comezo das operacións sociais e á duración da sociedade. No entanto, debe terse en conta que os estatutos non poderán fixar unha data anterior á do outorgamento da escritura, excepto no suposto de transformación e que, salvo disposición contraria dos estatutos, as operacións sociais darán comezo na data de outorgamento da escritura de constitución (24 LSC). Ademais, o artigo 25 LSC aclara que, en defecto de pacto en contra, a duración da SRL será indefinida. En xeral, como xa indicamos na epígrafe 1.3, pódese observar que a SRL presenta maior flexibilidade que a SA (así o evidencia nalgúns artigos da LSC referidos ás SRL o engadido “salvo disposición contraria dos estatutos” ). 2.5. Nulidade A LSC establece nos artigos 56 e 57 un réxime común para os distintos tipos de sociedade de capital. Expoñemos a continuación as causas de nulidade contempladas (que teñen carácter de “numerus clausus”): a) Por non concorrer no acto constitutivo a vontade efectiva de, polo menos, dous socios fundadores, no caso de pluralidade destes ou do socio fundador cando se trate de SRL unipersoal. b) Pola incapacidade de todos os socios fundadores. c) Por non expresarse na escritura de constitución as achegas dos socios. d) Por non expresarse nos estatutos a denominación da sociedade. e) Por non expresarse nos estatutos o obxecto social ou ser este ilícito ou contrario á orde pública. f) Por non expresarse nos estatutos a cifra do capital social. g) Por non desembolsarse integramente o capital social. En canto aos efectos, son os seguintes: 1) A sentenza que declare a nulidade da sociedade abre a súa liquidación, que se seguirá polo procedemento previsto na presente Lei para os casos de disolución. 2) A nulidade non afectará á validez das obrigas ou dos créditos da sociedade fronte a terceiros, nin á dos contraídos por estes fronte á sociedade, someténdose unhas e outros ao réxime propio da liquidación. 3) Nas sociedades de responsabilidade limitada, cando a sociedade sexa declarada nula por non terse desembolsado integramente o capital social, os socios terán a obriga de desembolsar a parte que quedase pendente.
18 - UNIDADE DIDÁCTICA. Sociedade de responsabilidade limitada 3. AS PARTICIPACIÓNS 3.1. Concepto e caracteres As participacións sociais constitúen as partes alícuotas en que se divide o capital social (1.2 LSC e 90 LSC) e estarán numeradas (23 letra d) LSC). Aínda que poden ter un valor nominal distinto, pertencendo a series distintas (ex.: serie A, con participación nominal de 50 euros, e serie B, con participación nominal de 500 euros), hai unha tendencia cara á igualdade, que se manifesta no contido dos dereitos atribuídos ao socio (vide. 94 LSC). Ademais de representar partes do capital social, as participacións sociais incorporan e expresan os dereitos corporativos que conforman a posición do socio dentro do ente social. Presentan os seguintes caracteres: a) Son indivisibles (90 LSC). Con todo, a súa titularidade pode ser compartida “pro indiviso” por varios titulares; nese caso debe designarse un representante (126 LSC). b) Son acumulables, isto é, un socio pode ser titular de varias participacións; e, no suposto de SRL unipersoal, de todas. c) Non terán o carácter de valores nin poderán incorporarse a títulos negociables ou estar representadas por anotacións en conta, nin denominarse accións (92 LSC). d) Han de estar integramente desembolsadas (78 LSC). 3.2. Posición xurídica do socio: deberes e dereitos Antes de proceder á enumeración dos deberes e dereitos que incumben ao partícipe dunha SRL, cabe apuntar que o principio de igualdade de trato recollido no artigo 94 informa o contido da posición xurídica do socio. Así, a LSC dispón que as participacións sociais (e as accións) atribúen aos socios os mesmos dereitos, coas excepcións establecidas ao amparo da lei (así, poden outorgar dereitos diferentes). 94 e 97 LSC. a) deberes 1) O de realizar as achegas na forma convida, xa sexa no momento da constitución da sociedade, xa sexa en determinados casos de aumento de capital ( 22 c) LSC). 2) O de realizar as prestacións accesorias convidas nos estatutos (86 LSC). 3) De fidelidade. Como manifestacións deste deber cabe citar, dunha parte, o deber dos administradores de non facer competencia á sociedade (230 LSC) e, doutra, o deber de abstención nas votacións nos casos de conflito de intereses (190 LSC). b) dereitos Distinguimos entre dereitos patrimoniais (ou económicos) e dereitos administrativos (ou políticos). b1) patrimoniais
UNIDADE DIDÁCTICA. Sociedade de responsabilidade limitada 19 1) Participar no reparto das ganancias sociais. Conforme ao artigo 275.1 LSC, na SRL, salvo disposición contraria dos estatutos, a distribución de dividendos aos socios realizarase en proporción á súa participación no capital social. 2) Participar na cota do patrimonio resultante da liquidación, ben en diñeiro ben mediante a restitución de achegas non en diñeiro (393.1 e 2 LSC). 3) Asumir con preferencia cando hai aumento de capital un número de participacións proporcional ao valor nominal das que posúa (304 LSC). Así conserva no novo capital a mesma proporción de participación que tiña antes da ampliación. b2) administrativos 1) Asistir á xunta xeral. Os estatutos non poden esixir para esa asistencia un número mínimo de participacións (179.1 LSC), a diferenza do que ocorre nas SA, nas que si se permite esta posibilidade (179.2 LSC). 2) De información. Permite que os socios poidan solicitar por escrito, con anterioridade á reunión da xunta xeral ou verbalmente durante ela, os informes ou aclaracións que estimen precisos achega dos asuntos comprendidos na orde do día (196.1 LSC). 3) De emisión de voto. Conforme ao artigo 188.1 LSC, cada participación social concede ao seu titular o dereito a emitir un voto. No entanto, se se pactase nos estatutos, cabe que o número de votos se calcule en proporción ao capital (por exemplo, un voto cada 5% do capital). 4) De impugnación de acordos sociais da xunta xeral (204 a 208 LSC). 3.3. Transmisión das participacións Pese a que a SRL se concibe como un tipo societario pechado, nas SRL as participacións son transmisibles unha vez inscrita a sociedade ou, no seu caso, o aumento de capital (34 LSC). Esta transmisión ha de levarse a cabo en documento público e debe notificarse á sociedade, que levará un libro rexistro de socios (104 e 106 LSC). O réxime da transmisión é o seguinte: A) Transmisión “inter vivos” . a) Se a transmisión se fai a outro socio, a favor do cónxuxe, ascendente ou descendente ou de sociedades do mesmo grupo, rexe o principio de libre transmisibilidade, sempre que os estatutos non dispoñan o contrario (107.1 LSC). b) Se a transmisión se pretende facer a outras persoas, haberá que estar, en primeiro lugar, ao que dispoñan os estatutos. Estes han de respectar, entre outras, as seguintes regras: -Serán nulas as cláusulas que fagan practicamente libre a transmisión voluntaria das participacións sociais por actos “inter vivos”. -Serán nulas as cláusulas polas que o socio que ofreza a totalidade ou parte das súas participacións quede obrigado a transmitir un número diferente das ofrecidas.
20 - UNIDADE DIDÁCTICA. Sociedade de responsabilidade limitada -As cláusulas que prohiban a transmisión voluntaria por acto “inter vivos” só serán válidas se os estatutos recoñecen ao socio o dereito de separación da sociedade en calquera momento; ademais, para incorporar este tipo de cláusulas aos estatutos requirirase o consentimento de todos os socios (108.1, 2 e 3 LSC). c) A falta de regulación estatutaria, o artigo 107.2 LSC establece unhas normas supletorias para a transmisión voluntaria “inter vivos” das participacións sociais, coas seguintes fases: –O socio transmitente comunicará por escrito a súa intención de transmitir aos administradores, indicando os datos pertinentes sobre a identidade do adquirente, número de participacións, prezo, etc. –A sociedade deberá prestar o seu consentimento, que deberá ser adoptado mediante o correspondente acordo da xunta xeral coa maioría ordinaria (maioría dos votos validamente emitidos sempre que representen polo menos un terzo dos votos correspondentes ás participacións sociais en que se divida o capital social). A sociedade só poderá denegar ese consentimento se comunica ao transmitente, por conduto notarial, a identidade dun ou varios socios ou terceiros que adquiran todas as participacións. E se non hai socios ou terceiros que queiran adquirir a totalidade das participacións, a xunta xeral pode acordar que sexa a sociedade a que adquira as participacións. –O socio poderá transmitir as súas participacións a quen queira (nas condicións comunicadas) se a sociedade non lle comunica a identidade do adquirente ou adquirentes dentro dos tres meses seguintes á data en que o socio puxo en coñecemento daquela a súa intención de transmitir. B) Transmisión forzosa. Nos casos de alleamento forzoso (en poxa, por exemplo), o xuíz ou autoridade administrativa debe notificar á sociedade a acta de poxa ou o acordo de adxudicación. A sociedade trasladará esta comunicación aos socios no prazo de cinco días e estes teñen o prazo dun mes para subrogarse no lugar do rematante ou do acredor (109 LSC). C) Transmisión “mortis causa”. De conformidade coas regras civís, a adquisición por sucesión hereditaria confire ao herdeiro ou legatario a condición de socio. Con todo, os estatutos poden establecer un dereito preferente a favor dos socios (e, na súa falta, da propia sociedade) sobre as participacións do socio falecido; o prazo para exercitalo é de tres meses contados dende a comunicación á sociedade da adquisición hereditaria (110 LSC). 3.4. Dereitos reais sobre as participacións A LSC contempla os supostos de usufruto e de peñor de participacións. En caso de usufruto (que deberá formalizarse en escritura pública), a calidade de socio reside no nó propietario, pero o usufrutuario terá dereito aos dividendos pactados durante o usufruto. As relacións entre nó propietario/usufrutuario rexeranse polo título de constitución do usufruto, e, na súa falta, pola normativa civil aplicable (127 LSC). En caso de peñor (que se formalizará en documento público) o exercicio dos dereitos de socio
UNIDADE DIDÁCTICA. Sociedade de responsabilidade limitada 21 corresponde, a salvo disposición en contra dos estatutos, ao propietario. En caso de execución do peñor aplicaranse as regras xa vistas sobre transmisión forzosa “inter vivos” (132 LSC). 4. ÓRGANOS SOCIAIS Importa apuntar en primeiro lugar que, nesta materia, a recente LSC estableceu un réxime en boa parte común para as SA e para as SRL, aínda que non pode pensarse nunha identificación absoluta dos dous réximes. De forma similar ao establecido noutros tipos societarios mercantís, a SRL dispón dunha estrutura organizativa que xira en torno a dous órganos: a xunta xeral e os administradores. A primeira é o órgano deliberante e de formación da vontade social; e os segundos constitúen o órgano de xestión e de representación da sociedade. 4.1. A xunta xeral 4.1.1. Concepto O seu concepto despréndese do artigo 159 LSC cando afirma que os socios, reunidos en xunta xeral, “decidirán pola maioría legal ou a estatutariamente establecida, nos asuntos propios da competencia da xunta. Todos os socios, incluso os disidentes e os que non participen na reunión, quedan sometidos aos acordos da xunta xeral”. En canto ás clases, a LSC distingue entre xuntas xerais ordinarias (a que se reúne necesariamente dentro dos seis primeiros meses de cada exercicio, para, no seu caso, aprobar a xestión social, as contas do exercicio anterior e resolver sobre a aplicación do resultado) e as extraordinarias (as demais). 164 e 165 LSC. 4.1.2. Competencias Son as seguintes: a) A aprobación das contas anuais, a aplicación do resultado e a aprobación da xestión social. b) O nomeamento e separación dos administradores, dos liquidadores e, no seu caso, dos auditores de contas, así como o exercicio da acción social de responsabilidade contra calquera deles. c) A modificación dos estatutos sociais. d) O aumento e a redución do capital social. e) A supresión ou limitación do dereito de asunción preferente. f) A transformación, a fusión, a escisión ou a cesión global de activo e pasivo e o traslado de domicilio ao estranxeiro. g) A disolución da sociedade. h) A aprobación do balance final de liquidación.
22 - UNIDADE DIDÁCTICA. Sociedade de responsabilidade limitada i) Calquera outros asuntos que determinen a lei ou os estatutos (161 LSC). 4.1.3. A convocatoria Polo que respecta a quen efectúa a convocatoria, a regra xeral é que a xunta xeral ha de ser convocada polos administradores nas datas e os períodos que determinen os estatutos; e tamén cando o consideren necesario ou conveniente. Ademais, haberán de convocala cando se solicite por un ou varios socios que representen polo menos o 5% do capital social (se os administradores non atenden tal solicitude poderá realizarse a convocatoria polo xuíz do mercantil, vide. artigos 167-169 LSC). A LSC tamén contempla determinados casos especiais nos que a SRL queda sen goberno (morte ou cese do administrador único, de todos os administradores que actúen individualmente, dalgún dos administradores que actúen conxuntamente, ou da maioría dos membros do consello de administración, sen que existan suplentes). Nestes casos, calquera socio poderá solicitar do xuíz do mercantil do domicilio social a convocatoria da xunta coa única finalidade de proceder ao nomeamento de administradores; esta convocatoria tamén a poderán efectuar, con este único obxecto, os administradores que permanezan no cargo (171 LSC). Así pois, do exposto despréndese que a convocatoria a deberán de realizar os administradores ou o xuíz. En canto á forma da convocatoria, salvo disposición en contra dos estatutos, a xunta xeral será convocada mediante anuncio publicado no «Boletín Oficial do Rexistro Mercantil» e na páxina web da sociedade. Con carácter voluntario e adicional a esta última ou cando a sociedade non teña páxina web, a convocatoria publicarase nun dos diarios de maior circulación na provincia en que estea situado o domicilio social. Por outra banda, co fin de facilitar a convocatoria e aforrar custos, os estatutos poderán establecer que esta se realice mediante anuncio publicado na páxina web da sociedade ou por calquera procedemento de comunicación, individual e escrita, que asegure a recepción do mesmo por todos os socios. Voluntariamente, a convocatoria poderase publicar nun dos diarios de maior circulación na provincia en que estea situado o domicilio social. (173 LSC, modificado por lei 25/2011, de 1 de agosto). O contido mínimo da convocatoria especifícao a LSC ao esixir que aquela exprese o nome da sociedade, a data e hora da reunión, a orde do día cos asuntos que se deben tratar, e o cargo da persoa ou persoas que a realicen (174 LSC). Entre a convocatoria e a data prevista para a celebración da reunión deberá existir un prazo de, polo menos, quince días nas sociedades de responsabilidade limitada (recórdese que o prazo será dun mes nas sociedades anónimas).Vide. art. 176 LSC. Para rematar, cabe apuntar que non será necesaria a convocatoria en caso de xunta universal (aquela na que está presente ou representada a totalidade do capital social e os concorrentes aceptan por unanimidade a celebración da reunión. 178 LSC).
UNIDADE DIDÁCTICA. Sociedade de responsabilidade limitada 23 4.1.4. Constitución Tratándose de SRL, a LSC non esixe un quórum determinado para a válida constitución da xunta xeral (a diferenza do que sucede nas SA). No entanto, os artigos 198 a 200 establecen as maiorías necesarias para a válida aprobación dos acordos da xunta, o que determina que deberán asistir polo menos aqueles socios que dispoñan dos votos precisos para esa válida aprobación. Polo que se refire ao lugar de celebración da xunta, salvo disposición en contra dos estatutos sociais, será o do termo municipal onde a SRL teña o seu domicilio social; se na convocatoria non figurase o lugar de celebración, entenderase que a xunta foi convocada para a súa celebración no domicilio social (175 LSC). En canto á mesa da xunta, salvo previsión contraria dos estatutos, estará constituída polo presidente e o secretario do consello de administración e, na súa falta, polos designados polos socios concorrentes ao comezo da reunión (191 LSC). 4.1.5. Asistencia e representación Ao configurarse como un dereito social básico, todos os socios teñen dereito de asistencia á xunta xeral, e non é válido que os estatutos esixan máis dunha participación para a asistencia ás reunións da xunta xeral. Por outra banda, é posible a asistencia por medio de representante, como se expón seguidamente: -O socio só poderá facerse representar na xunta xeral pola súa cónxuxe, ascendente ou descendente, por outro socio ou por persoa que ostente poder xeral conferido en documento público con facultades para administrar todo o patrimonio que o representado tiver en territorio nacional. -Os estatutos poderán autorizar a representación por medio doutras persoas. - A representación deberá conferirse por escrito. E se se outorga en documento público pode servir para varias xuntas (nótese que na SA a representación debe ser especial para cada xunta. 184.2 LSC). - A representación comprenderá a totalidade das participacións de que sexa titular o socio representado. 4.1.6. Adopción de acordos Os acordos da xunta xeral constitúen a forma de expresión da vontade social, articulada a través do exercicio de voto. Como xa indicamos, e tal como dispón o artigo 188.1 LSC, na sociedade de responsabilidade limitada, salvo disposición contraria dos estatutos sociais, cada participación social concede ao seu titular o dereito a emitir un voto. Con todo, a LSC
30 - UNIDADE DIDÁCTICA. Sociedade de responsabilidade limitada posibilidade de delegación aos administradores para que acorden o aumento (o capital autorizado). Dende un punto de vista técnico, o aumento pode instrumentarse de dúas formas: pola creación de novas participacións ou mediante a elevación do valor nominal das xa existentes. Ámbolos dous supostos, o contravalor do aumento de capital poderá consistir tanto en novas achegas en diñeiro ou non en diñeiro ao patrimonio social (incluída a achega de créditos contra a sociedade) como na transformación de reservas ou beneficios. Desta forma, a doutrina distingue entre aumento real ou efectivo e aumento contable. É real ou efectivo cando a operación implica o ingreso de elementos de natureza económica no patrimonio da sociedade ou a diminución do seu pasivo; e é contable cando a operación supón simplemente un desprazamento dunha conta a outra do balance (por exemplo, a transferencia da conta de reservas á de capital social). Vemos agora os requisitos que esixe a lei en función do modo en que se realice o aumento: a) En caso de compensación de créditos, os créditos serán totalmente líquidos e exixibles (301.1 LSC). É necesario un informe dos administradores sobre a natureza e características dos créditos (nas SA esíxese tamén un informe dos auditores). b) En caso de achegas non en diñeiro, necesítase que se poña a disposición dos socios un informe dos administradores sobre estas (achegas proxectadas, valoración, nº de participacións que teñan que crearse, contía do aumento, etc.).300 LSC. c) No suposto de aumento con cargo a reservas, poderán utilizarse as reservas dispoñibles, as primas de asunción de participacións, e a totalidade da reserva legal. As reservas empregadas para o aumento figurarán nun balance aprobado pola xunta xeral dentro dos seis meses inmediatamente anteriores ao acordo de aumento e verificado polo auditor de contas da sociedade ou por un nomeado polo rexistrador mercantil se a sociedade non estivese obrigada á verificación contable (303 LSC). 5.1.1. O dereito de preferencia O dereito de asunción preferente de participacións poderá exercitarse nos casos de aumento de capital con creación de novas participacións. Consiste na facultade outorgada ao socio de asumir un número destas proporcional ao valor nominal das participacións que posúa. Na SRL, o dereito de asunción preferente réxese polas seguintes regras: a) O exercicio do dereito terá lugar no prazo fixado ao adoptar o acordo, sen que poida ser inferior ao prazo dun mes dende a publicación do anuncio da oferta de asunción das novas participacións no BORME. O órgano de administración poderá substituír a publicación do anuncio por unha comunicación escrita a cada un dos socios (ou usufrutuarios) que figure no libro de socios. 305 LSC. b) Como dispón o artigo 306 LSC, o dereito de preferencia pode ser transmitido por acto “inter vivos” a favor das persoas que segundo a lei e os
UNIDADE DIDÁCTICA. Sociedade de responsabilidade limitada 31 estatutos poidan adquirir libremente as participacións. Os estatutos poderán recoñecer a posibilidade de transmisión a favor de persoas distintas (con suxeición neste caso aos requisitos vistos para a transmisión de participacións por acto “inter vivos”). c) Salvo disposición en contra dos estatutos, se as participacións ofrecidas non son asumidas na súa totalidade polos socios, os administradores ofreceranas primeiro aos socios (nun prazo non superior a 15 días) e despois poderán adxudicalas a persoas estrañas (307 LSC). Non haberá lugar a este dereito nalgúns supostos: a) cando o aumento de capital se deba á absorción doutra sociedade; b) cando a sociedade reciba como beneficiaria todo ou parte do patrimonio escindido doutra sociedade. 304 LSC); e c) cando a xunta xeral decida, ao acordar o aumento, a supresión do dereito de preferencia porque o esixa o interese social. Neste último caso, esíxese, entre outros requisitos, a elaboración dun informe polos administradores e que na convocatoria se fixo constar a proposta de supresión e o dereito dos socios a examinar o informe citado (308 LSC). Para rematar, convén recordar que o acordo de aumento e a súa execución deberán inscribirse simultaneamente no RM. Transcorridos seis meses dende que se abriu o prazo para o aumento, se non se presentan os documentos no RM, os achegantes poderán esixir a restitución (315 e 316 LSC). 5.2. Redución de capital A LSC permite as seguintes modalidades de redución de capital: a restitución das achegas aos socios (redución efectiva) ou o restablecemento do equilibrio entre o capital e o patrimonio contable diminuído a consecuencia de perdas (redución contable). En canto aos requisitos, o acordo de redución de capital supón unha modificación estatutaria, polo que é competente a xunta xeral, necesitándose o voto favorable de máis da metade dos votos correspondentes ás participacións en que se divida o capital social (199 LSC). Non obstante esta regra xeral, se o acordo de redución con devolución do valor das achegas non afecta por igual a todas as participacións, requírese o consentimento individual desas participacións (358 LSC). E, por outra banda, o artigo 358 LSC permite a redución do capital polos administradores nos casos de separación ou exclusión dos socios. Vexamos as modalidades: a) redución de capital por restitución de achegas Neste suposto, a LSC articula un sistema de protección aos acredores baseado nunha responsabilidade persoal dos socios polas débedas sociais ou ben na constitución dunha reserva indispoñible (recórdese que nas SA se establece para este fin o dereito de oposición dos acredores ao acordo de redución, 334 LSC). O seu réxime xurídico é o seguinte: 1) Os socios a quen se restituíu a totalidade ou parte das achegas responderán das débedas sociais contraídas con anterioridade á data en
32 - UNIDADE DIDÁCTICA. Sociedade de responsabilidade limitada que a redución fose opoñible a terceiros (a data de publicación do acordo no BORME. 331 LSC). Trátase dunha responsabilidade solidaria entre os socios e coa sociedade, pero está limitada ao importe do restituído, e extínguese aos cinco anos contados dende que a redución fose opoñible a terceiros. 2) A lei permite liberar desta responsabilidade aos socios se a sociedade ao acordar a redución constitúe unha reserva especial (indispoñible por un prazo de cinco anos) con cargo a reservas libres ou beneficios por un importe igual ao das restitucións realizadas aos socios (332 LSC). 3) Os estatutos poderán establecer que esta modalidade de redución só se leve a cabo tras un prazo de tres meses desde a notificación do acordo aos acredores. A notificación será persoal e si non é posible por medio de anuncios publicados no BORME e en páxina web (ou nun diario dos de maior circulación).Durante ese prazo de tres meses os acredores ordinarios poderán opoñerse á execución do acordo de redución se os seus créditos non son satisfeitos ou a sociedade non presta garantía (333 LSC). 4) A devolución do capital farase a pro rata das participacións sociais que posúa cada socio, salvo que por unanimidade se estableza outro sistema de devolución (330 LSC). b) redución de capital para compensar perdas Non será posible esta modalidade de redución de capital social en tanto a sociedade dispoña de calquera clase de reservas (332 LSC). A redución será necesaria se se quere evitar que opere como causa de disolución o disposto no 363 d) LSC, isto é, na hipótese de que as perdas deixen reducido o patrimonio neto a menos da metade do capital social. Para rematar, o balance que sirva de base para a redución do capital social debe referirse a unha data comprendida dentro dos 6 meses anteriores ao acordo, estar aprobado pola xunta xeral (82-2 LSC) e verificado por auditores (que serán os da sociedade si esta debe verificar as súas contas, ou o auditor nomeado polos administradores, 323 LSC). 6. DISOLUCIÓN E LIQUIDACIÓN Na LSC existe un réxime común para as SRL, SA e SCA (Título X, Capítulo I, artigo 360 a 370 LSC). Nesta materia é preciso distinguir os seguintes conceptos xerais: a) Disolución. É a fase ou situación na que se coloca a sociedade a consecuencia de certos feitos ou actos aos que a lei ou os estatutos dotan de efectos disolutorios, e que normalmente dá lugar á apertura do período de liquidación e á subseguinte extinción da sociedade. É importante apuntar que a disolución da sociedade abre o período de liquidación e que a sociedade disolta conservará a súa personalidade xurídica mentres a liquidación se realiza. Durante ese tempo deberá engadir a súa denominación a expresión «en liquidación» (371-1 e 2 LSC).
UNIDADE DIDÁCTICA. Sociedade de responsabilidade limitada 33 b) Liquidación. É un conxunto de actos e operacións encamiñados a determinar o patrimonio social, a satisfacer as obrigas sociais, a repartir o remanente patrimonial entre os socios e proceder á cancelación dos asentos rexistrais da sociedade. É, pois, un proceso. c) Extinción. Identifícase coa morte da SRL. Rematado o reparto do haber social, os liquidadores outorgarán a escritura pública de extinción, que, coas mencións e os documentos esixidos na lei (balance final, relación de socios, etc.), haberá de inscribirse no RM. 6.1. Causas de disolución As causas de disolución non operan todas da mesma forma. Por iso, a LSC, ao recoller o réxime xurídico das causas de disolución para as sociedades de capital distingue: A) Causas de disolución de pleno dereito. As sociedades de capital disolveranse de pleno dereito nos seguintes casos: a) Polo transcurso do termo de duración fixado nos estatutos, a non ser que con anterioridade fose expresamente prorrogada e inscrita a prórroga no Rexistro Mercantil. b) Polo transcurso dun ano dende a adopción do acordo de redución do capital social por baixo do mínimo legal como consecuencia do cumprimento dunha lei, se non se inscribiu no Rexistro Mercantil a transformación ou a disolución da sociedade, ou o aumento do capital social ata unha cantidade igual ou superior ao mínimo legal. Transcorrido un ano sen que se inscribira a transformación ou a disolución da sociedade ou o aumento do seu capital, os administradores responderán persoal e solidariamente entre si e coa sociedade das débedas sociais. 360.1 LSC. Hai que ter en conta que, conforme ao artigo 361-1 LSC, a declaración de concurso da sociedade de capital non constituirá, por si soa, causa de disolución (pero a apertura da fase de liquidación no concurso de acredores producirá a disolución de pleno dereito da sociedade). B) Disolución por constatación da existencia de causa legal ou estatutaria (que deberá ser constatada pola xunta xeral ou por resolución xudicial) A sociedade de capital deberá disolverse: a) Polo cese no exercicio da actividade ou actividades que constitúan o obxecto social. En particular, entenderase que se produciu o cese tras un período de inactividade superior a un ano. b) Pola conclusión da empresa que constitúa o seu obxecto. c) Pola imposibilidade manifesta de conseguir o fin social. d) Pola paralización dos órganos sociais de modo que resulte imposible o seu funcionamento. e) Por perdas que deixen reducido o patrimonio neto a unha cantidade inferior á metade do capital social, a non ser que este se aumente
34 - UNIDADE DIDÁCTICA. Sociedade de responsabilidade limitada ou se reduza na medida suficiente, e sempre que non sexa procedente solicitar a declaración de concurso. f) Por redución do capital social por baixo do mínimo legal, que non sexa consecuencia do cumprimento dunha lei. g) Porque o valor nominal das participacións sociais sen voto excedese da metade do capital social desembolsado e non se restablecese a proporción no prazo de dous anos. h) Por calquera outra causa establecida nos estatutos (362 e 3631LSC). C) Disolución por mero acordo da xunta xeral (esixe os requisitos para a modificación de estatutos (maioría de máis da metade dos votos correspondentes ás participacións. 368 LSC). 6.2. Funcións dos liquidadores Como regra xeral, nas SRL, en tanto sociedades de capital, quen fosen os administradores ao tempo da disolución quedan convertidos en liquidadores, salvo disposición contraria dos estatutos ou acordo da xunta xeral (376-1 LSC). Velaquí, sintetizadas, as súas funcións: • Representación da SRL en liquidación. • Comparecer en xuízo e concertar transaccións e arbitraxes. • Realizar un inventario e balance inicial. • Concluír operacións pendentes e realizar as novas que sexan necesarias. • Percibir créditos sociais e pagar as débedas sociais. • Leva da contabilidade. • Allear os bens sociais. • Manter informados a socios e a acredores. • Someter á aprobación da xunta xeral o balance final da liquidación. • Satisfacer aos socios a cota resultante da liquidación . • Outorgar a escritura de extinción da SRL solicitando a súa inscrición no RM. (379 e 383 e ss. LSC). 7. SRL UNIPERSOAL No Dereito español de Sociedades, a regulación das sociedades unipersoais (limitadas ou anónimas) atópase contida no Título I, capítulo II, artigos 12 a 17 da LSC. Enténdese por sociedade unipersoal de responsabilidade limitada: a) A constituída por un único socio, sexa persoa natural ou xurídica. Recibe o nome de unipersonalidade orixinaria. b) A constituída por dous ou máis socios cando todas as participacións pasen a ser propiedade dun único socio. Recibe o nome de unipersonalidade sobrevida. Os seus trazos peculiares son:
UNIDADE DIDÁCTICA. Sociedade de responsabilidade limitada 35 A) Publicidade da unipersonalidade Distinguimos entre a) Publicidade rexistral. A unipersonalidade farase constar en escritura pública, que se inscribirá no RM. Esta obriga esténdese, segundo o artigo 13.1 LSC, non só á constitución, senón tamén ás seguintes situacións: - Unipersonalidade sobrevida. - Perda da unipersonalidade. - Cambio de socio único. b) Publicidade de feito. A ela refírese o artigo 13.2 LSC. Mentres subsista a situación de unipersonalidade, a sociedade fará constar expresamente a súa condición de unipersoal en toda a súa documentación, correspondencia, notas de pedido e facturas, así como en todos os anuncios que publique por disposición legal ou estatutaria. B) Órganos Neste punto aplícanse as regras xerais e, xa que logo, o socio único poderá confiar a administración da sociedade de responsabilidade limitada a un terceiro ou terceiros. Por outra banda, é claro que na SRL unipersoal o socio único exercerá as competencias da xunta xeral pois non hai nin acordos nin debate. Por iso, o artigo 15.2 LSC precisa que “as decisións do socio consignaranse en acta, baixo a súa firma ou a do seu representante, podendo ser executadas e formalizadas polo propio socio ou polos administradores da sociedade”. C) Contratación do socio único coa sociedade A LSC mira con cautela os contratos do socio único coa sociedade, coa mira posta na defensa do patrimonio da SRL unipersoal. Así, nesta hipótese, establécense as seguintes disposicións: -os contratos deben constar por escrito (ou na forma documental esixida conforme á súa natureza) e deben transcribirse a un libro rexistro convenientemente legalizado. -a memoria anual debe referirse a eles expresa e individualizadamente. -en caso de concurso do socio único ou da sociedade, non son opoñibles á masa os contratos non transcritos ou non referenciados -en calquera caso, durante dous anos dende a súa celebración, o socio único responde fronte á sociedade das vantaxes que directa ou indirectamente obteña en prexuízo desta (13 LSC). D) Efectos da falta de inscrición da unipersonalidade sobrevida Se transcorren seis meses dende a adquisición pola sociedade do carácter unipersoal sen que esta circunstancia se inscribise no Rexistro Mercantil, o socio único responderá persoal, ilimitada e solidariamente das débedas sociais contraídas durante o período de unipersonalidade. Pero, inscrita a unipersonalidade, o socio único non responderá das débedas contraídas con posterioridade a dita inscrición (14 LSC).
36 - UNIDADE DIDÁCTICA. Sociedade de responsabilidade limitada 8. A SLNE A Lei 7/2003 de 1 de abril de 2003 modificou a Lei 2/1995 de Sociedades de Responsabilidade Limitada, creando unha sociedade de responsabilidade limitada singular, denominada Sociedade Nova Empresa, coa dobre finalidade de estimular a creación de empresas de pequena e mediana dimensión, e de fomentar a súa incorporación ao uso das novas tecnoloxías. Na actualidade, a Sociedade Limitada Nova Empresa regúlase no Título XII do RDL 1/2010 de 2 de xullo, que aproba o texto refundido da Lei de Sociedades de Capital. As súas características básicas son as seguintes: a) Na súa constitución, a denominación social estará formada polos dous apelidos e o nome dun dos socios fundadores, seguidos dun código alfanumérico que permita a identificación da sociedade de xeito único e inequívoca; así mesmo, deberá figurar a indicación Sociedade Limitada Nova Empresa ou a súa abreviatura SLNE. Ademais, a denominación social incorporarase inmediatamente a unha subsección especial da sección de denominacións do Rexistro Mercantil Central (435 LSC). b) A SLNE terá como obxecto social todas ou algunhas das seguintes actividades, que han de transcribirse literalmente nos estatutos: a actividade agrícola; gandeira; forestal; comercial; turística; de transporte; comunicacións; de intermediación; de profesionais ou de servizos en xeral. Os socios fundadores poden incluír no obxecto social calquera actividade singular distinta das anteriores, ben entendido que se a inclusión da devandita actividade singular dese lugar á cualificación negativa do rexistrador mercantil da escritura de constitución da sociedade, non se paralizará a inscrición, que se practicará, sen a actividade singular en cuestión, sempre que os socios fundadores o consintan expresamente na propia escritura de constitución ou con posterioridade a ela (436.1 e 2 LSC). c) En canto aos requisitos subxectivos, só poderán ser socios da SLNE as persoas físicas. Ademais, ao tempo da constitución, os socios non poderán superar o número de cinco. E respecto de a unipersonalidade, non poderán constituír este tipo de sociedade nin adquirir a condición de socio único dunha SLNE quen xa ostente a condición de socios únicos doutra SLNE (437 e 438 LSC). d) Para a súa válida constitución, a SLNE require escritura pública e inscrición no Rexistro Mercantil correspondente ao domicilio social. Para impulsar a constitución deste tipo societario, o Ministerio de Xustiza publicou uns modelos de Estatutos Sociais. Os trámites do proceso de constitución poderán realizarse utilizando técnicas electrónicas, informáticas e telemáticas. Unha das pezas mestras do sistema é o documento único electrónico (DUE), que é o documento integrador e de natureza electrónica que comprende todos os datos referentes á SLNE que se remitirán aos rexistros públicos e ás Administracións que interveñen no proceso de creación dunha empresa; así pois, o DUE cumpre unha función simplificadora do proceso de creación da sociedade. Con todo, tamén é posible a tramitación presencial, á que poderán acudir, se o desexan, os socios fundadores ou os seus representantes; neste caso, establécense uns prazos de resposta breves (24 horas) por parte de notarios e rexistradores
UNIDADE DIDÁCTICA. Sociedade de responsabilidade limitada 37 (440 e 441 LSC). O comezo da tramitación poderá realizarse nos chamados puntos de asesoramento e inicio da tramitación (PAIT). e) O capital social da SLNE non poderá ser inferior a tres mil euros nin superior a cento vinte mil euros; e a cifra de capital mínimo sinalada só poderá ser desembolsada mediante achegas en diñeiro (443 LSC). f) Polo que concirne á transmisión de participacións sociais por acto “inter vivos”, esta só poderá facerse a favor de persoas físicas, podendo superarse o número de cinco socios. No suposto no que, como consecuencia da transmisión, persoas xurídicas adquirisen participacións sociais, estas deberán ser alleadas a favor de persoas físicas no prazo de tres meses dende a súa adquisición; e, de non facerse así, a SLNE quedará sometida á normativa xeral da SRL, sen prexuízo da responsabilidade dos administradores (444 LSC). g) A administración da sociedade pódese confiar a un órgano unipersoal ou a un órgano pluripersoal, cuxos membros poden actuar solidaria ou mancomunadamente; se se atribúe a un órgano pluripersoal, non poderá adoptar a forma nin o réxime de funcionamento dun consello de administración. Ademais, requírese a condición de socio (447 e 448.1 LSC). A representación da sociedade, no caso de administrador único, corresponderá a este; se existen varios administradores solidarios, a un calquera deles; e se existen varios administradores mancomunados, a dous calquera deles. As convocatorias das xuntas xerais poderán efectuarse por correo certificado ou mediante a utilización de medios telemáticos (446 LSC). Para rematar, cabe sinalar o avance que supuxo o RD 1332/2006, de 21 de novembro, polo que se regulan as especificacións e condicións para o emprego do DUE na creación de SRL mediante o sistema de tramitación telemática; deste xeito, o RD citado vén adaptar as funcionalidades do DUE a calquera tipo de SRL, facilitando así a creación destas sociedades. Nesta liña, o RDL 13/2010, de 3 de decembro, e o RDL 8/2011 de 1 de xullo, contemplan medidas para axilizar a constitución de sociedades de capital mediante o uso de medios telemáticos. E o RD 368/2010, de 26 de marzo, posibilita que os empresarios individuais poidan levar a cabo os trámites de creación da súa empresa mediante a utilización do Documento Único Electrónico. AVALIACIÓN DA UNIDADE DIDÁCTICA A avaliación realizarase en tres momentos, tal como se describe a continuación: a) No momento inicial. Para comprobar o nivel dos alumnos sobre os seus coñecementos societarios o profesor manterá un dialogo co alumnado. Esta comprobación é necesaria para a organización equilibrada dos grupos, pois se intentará conseguir que alumnos con coñecementos previos estean mesturados cos que carecen deles. b) Mediante a observación, o profesor determinará a implicación dos alumnos no traballo de grupo.
38 - UNIDADE DIDÁCTICA. Sociedade de responsabilidade limitada c) Durante o proceso, o profesor indagará sobre as dificultades que os diferentes grupos de expertos e os grupos base vanse atopando. d) A propia dinámica do Puzzle de Aronson leva aparellada unha avaliación, en tanto que os grupos base deberán cubrir unha ficha de grupo resolvendo unha serie de cuestións suscitadas. A súa resolución implica necesariamente o coñecemento da normativa básica sobre SRL. Por outra banda, tamén haberá unha avaliación da parte do programa traballada con esta UD a través dalgunhas preguntas no exame final.
UNIDADE DIDÁCTICA. Sociedade de responsabilidade limitada 39 ANEXOS Anexo 1 Fichas de Expertos EXPERTOS Ficha A: Concepto, características, constitución e réxime xurídico das participacións das SRL. • Compara o concepto de SRL co de SA. • Como é o réxime de responsabilidade do achegante dun inmoble a unha SRL? • Que son as prestacións accesorias? • Cales son os requisitos básicos de constitución dunha SRL? E dunha SA? • Os estatutos, deben facer referencia aos modos de organizar a administración? • Que carácteres presentan as participacións? • Cal é o réxime xurídico de transmisión das participacións nunha SLR? • Que é a copropiedade de accións? E o usufruto? • Fai un breve resumo dos ítems asignados no encabezamento. EXPERTOS Ficha B: Órganos sociais e modificación de estatutos. • Cales son os requisitos de convocatoria dunha Xunta xeral de SRL? • Explica o dereito de asistencia á Xunta na SRL. • Como é o sistema de adopción de acordos nunha SRL? • Que acordos son impugnables nunha SRL? • A quen corresponde o nomeamento de administradores? • Que deberes lles incumben? • Explica o réxime de retribución dos administradores na SRL. • Explica o dereito de asunción preferente de participacións. • Cales son os requisitos xerais das modificacións estatutarias? • Fai un breve resumo dos ítems asignados no encabezamento.