Aproximacións ao estudo do Vocabulario trobadoresco, edición ao coidado de Mercedes Brea e Santiago López Martínez-Morás. Santiago de Compostela: Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, 2010, 252 pp. [Recensión]
Full text
Revista de libRos 343 VERBA, 2012, vol. 39: 335-366 Aproximacións ao estudo do Vocabulario trobadoresco, edición ao coidado de Mercedes Brea e Santiago López Martínez-Morás. Santiago de Compostela: Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, 2010, 252 pp. aProximaCiónS ao estudo do Vocabulario Trobadoresco entra a formar parte da colección de publicacións do Arquivo Galicia Medieval do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CIRP). Neste centro, onde se desenvolven diversas liñas de investigación –destacadamente na lingüística, na literatura e na edición de textos galegos–, acóllese o macroproxecto Arquivo Galicia Medieval, que abrangue os estudos de lírica profana, lírica relixiosa e prosa medieval galego-portuguesa. Aqueles que están familiarizados con estes campos de investigación, obrigatoriamente terán coñecemento da Base de datos da Lírica Profana Galego-Portuguesa (MedDB), así como da Bibliografía de Referencia do Arquivo Galicia Medieval (BiRMED), ambos dirixidos e coordinados pola Profesora Mercedes Brea. Lonxe da pretensión de se limitar ao ámbito galego-portugués, o equipo dirixido pola Prof. Brea está a traballar conxuntamente con investigadores de diversas universidades europeas co obxectivo de ofrecer un produto que permita coñecer mellor o léxico das diferentes tradicións líricas medievais. Podemos entender que a publicación deste volume garda unha relación directa coa posta en marcha e o adecuado desenvolvemento dese proxecto. Precisamente, que o vocabulario trobadoresco sexa de interese común a especialistas de diversas universidades europeas propicia que o libro teña un carácter esencialmente románico, recollendo contribucións dedicadas ao estudo do léxico galego-portugués, occitano, francés e italiano. Un lector potencial pode percibir isto nada máis achegarse ao índice de contidos da obra, e isto sería o que, exitosamente, procurarían os editores e responsables, a profesora Mercedes Brea e o profesor Santiago López Martínez-Morás. Os dous primeiros traballos poden entenderse como os estudos de máis ampla perspectiva. O volume ábrese coa contribución asinada por M. Brea, da Universidade de Santiago de Compostela («O vocabulario como fío de cohesión na tradición trobadoresca», pp. 9-19), que inicia cunha reflexión sobre a importancia e as dificultades no estudo do léxico, tanto para a tradución dos textos como para a elaboración dun glosario, engadíndose ás complicacións os usos metafóricos de termos clave na linguaxe trobadoresca, que serven na conformación dun código poético. Recórdase que a adaptación da lingua feudal á ficción literaria xurdiu en terras occitanas, e propagouse por Cataluña, Aragón, Navarra e Italia Septentrional, continuando a súa influencia cara a outros territorios máis afastados e propiciando a aparición de novas escolas e produtos, como a escola siciliana e a escola galego-portuguesa, en que se verifica un distanciamento lingüístico (siciliano e galego-portugués, respectivamente), así como unha adecuación do código poético a un espazo socio-político diferenciado. Dáse exemplo disto grazas ao repaso de certos termos utilizados polos trobadores galego-portugueses, que se deben enten_Libro Verba 39_2012.indb 343 10/12/12 14:07
Revista de libRos 344 VERBA, 2012, vol. 39: 335-366 der estreitamente relacionados coa translación da metáfora feudal. Para concluír, a autora fala da viabilidade de mellorar as ferramentas hoxe en día dispoñibles para a consulta e estudo do léxico mediante a lematización das catro grandes tradicións líricas medievais e a aplicación dun mesmo software, que permitiría crear «unha enciclopedia electrónica de todo o conxunto». A seguinte contribución é a do historiador F. Martínez Martínez, da Universidad Complutense de Madrid («Lenguaje y derecho: una aproximación al léxico feudal de los trovadores», pp. 21-35), que ofrece unha explicación da introdución e adaptación do uso da terminoloxía feudal aplicada con valor metafórico na lírica galego-portuguesa, propiciada pola difusión da lírica occitana, pero tamén polo uso da terminoloxía feudal que, entre os séculos XI e XII, favoreceu o incesante influxo franco. No volume encóntranse outros traballos centrados na análise de termos léxicos empregados habitualmente con valor retórico. A profesora Y. Frateschi Vieira, da Universidade Estadual de Campinas («Os olhos e o coração na lírica galego-portuguesa», pp. 193-208), ofrece unha análise do motivo dos ollos e do corazón no interior das composicións galegoportuguesas; os dous termos, recorrentes na literatura de todas as épocas, aparecen conxuntamente en 53 cantigas de amor. Pär Larson, investigador da Opera del Vocabolario Italiano de Florencia («Da un mare all’altro», pp. 75-90), parte dos valores metafóricos do mare na lírica amorosa italiana (así como doutros termos asociables, tal que nave, tempesta, porto, onda, remi…), ata o mar (e barca/barco, galeon, marinha, marinheiro, nave, navio, ondas, porto, remar, remador e tormenta) no interior das cantigas de amigo galego-portuguesas. Destacándose o valor esencialmente simbólico das ondas nas cantigas de Mendinho e Martin Codax, adquiren un excepcional sentido metafórico na expresión ondas al cor na cantiga de Roi Fernandiz. O traballo de P. Larson permítenos apreciar a singularidade desta composición atribuída a Roi Fernandiz, que presenta o refrán Maldito sea’l mare / que mi faz tanto male!, con ecos nun verso de Giovanni Boccaccio: l’onda del mare mi fa sì gran male. Centrándose no estudo do léxico utilizado por Guido Cavalcanti, a profesora C. F. Blanco Valdés, da Universidad de Córdoba («El léxico de la paura en Guido Cavalcanti», pp. 181191), deseña unha panorámica do léxico da paura utilizado polo poeta stilnovista. Mediante a presentación dos valores de tremare, temer, temenza, paura, pauroso, recoñécese que o medo corresponde á hipérbole da dor nas composicións do autor. No volume, encóntrase outro estudo dedicado en exclusividade ao léxico italiano. Este está asinado polo profesor C. Pulsoni, da Università degli Studi di Perugia («Note su sogliardo», pp. 151-159), que centrou o seu traballo na expresión sogliardo. Atendendo máis especificamente ao ámbito da lírica galego-portuguesa, hai diferentes achegas dedicadas á análise de determinadas expresións rexistradas nas cantigas de escarnio. Así, o profesor J. Paredes, da Universidad de Granada («Vocabulario y especificidad genérica: en torno a la cantiga de escarnio y maldecir», pp. 123-133), propón decodificar as cantigas de escarnio e maldicir a partir da parodia e da subversión, tendo en consideración os campos léxicos e, especialmente, o campo semántico do obsceno. A importancia da selección _Libro Verba 39_2012.indb 344 10/12/12 14:07
Revista de libRos 345 VERBA, 2012, vol. 39: 335-366 léxica na cantiga de escarnio exemplifícase co discurso explícito das cantigas Mari’ Mateu, ir-me quer’eu d’aquen de Afonso Eanes do Coton e Martin jograr, ai, Dona Maria de Pero d’Ambroa. No texto Domingas Eanes ouve sa baralha de Alfonso X a formulación non sería tan explícita como nas cantigas anteriores e, ademais, nela xogaríase coa equivocatio. Por último, comenta o caso da cantiga de Afonso López de Baian, onde se di fazer casa com madeira nova, en relación a unha expresión semellante que aparece nunha cantiga de Pai Gomez Charinho, en que tamén teñen cabida o equívoco e o obsceno. O estudo dos rexistros léxicos preséntase, certamente, como un factor decisivo para a consideración de textos que actúan como contratextos dos xéneros canónicos. Tamén está centrado no estudo do léxico incluído nas cantigas de escarnio galegoportuguesas o traballo de A. A. Domínguez Carregal, da Universidade de Santiago de Compostela («Un verso de Johan Soarez de Pavia e a adaptación do modelo poético occitano», pp. 65-73), pois analiza dous substantivos localizados na celébre composición Ora faz ost’o senhor de Navarra de Johan Soarez de Pavia: trabalho e pẽa que se reproducen no mesmo verso, ben sofre i de trabalh’e de pẽa. A partir da idea de que se «uma só palavra ou expressâo encaixada num dado texto o pode literalmente determinar, também é verdade que o sentido literal do texto determina os limites da palabra a fixar no seu seio» (p. 135), a profesora Â. Correia, da Universidade de Lisboa («Palavras escarninhas de Joam Soarez Coelho. Bon casament’á, pero sen gran milho», pp. 135-149), centrou o seu traballo no estudo de varias expresións reproducidas nos versos iniciais da cantiga V1019, atribuída a Joan Soares Coelho. A autora dá unha nova interpretación e proposta ecdótica para uns versos que, en verdade, encerran unha gran dificultade hermenéutica, e que segundo a súa proposta serían: «Bon casament’á, pero sen gran milho, / ena porta de ferro ũa tendeira». A investigadora portuguesa entende o texto como unha sátira dirixida a Gomes Pires Sarrasa, que casaría en segundas nupcias con Constança Galinhata, e na cantiga procuraríase, segundo a súa hipótese, satirizar as vantaxes dun casamento propiciado sobre todo pola fertilidade desa muller, ou a escolla dun casamento pouco proveitoso desde o punto de vista económico. Relacións entre a lírica galego-portuguesa e a lírica de oil póñense especialmente de manifesto na contribución que asina a profesora M. A. Ramos, da Universität Zürich («Vectores de circulação lingüística na poesia galego-portuguesa [A126, B1510]», pp. 37-63). A lectura do seu traballo resulta de interese especialmente porque pon de manifesto a adopción de elementos discursivos propios doutros discursos diferentes do lírico; desta maneira, amosa outras formas de intertextualidade, propiciada pola adopción de estruturas ou expresións propias da narrativa na lírica. Isto exemplifícao a autora coa análise do refrán multilingüe da cantiga Punhei eu muit’en me quitar de Fernan Garcia Esgaravunha. Ademais, a profesora Ramos presenta outro caso de intertextualidade entre diferentes áreas lingüísticas; os paralelismos entre as cantigas de Fernan Garcia Esgaravunha e Pero Garcia Burgales, que establecen relación con outros textos románicos. Especialmente, distínguense afinidades entre a cantiga de Esgaravunha e o Lis dis dou peu au vilain de Rutebeuf, do que o trobador galego-portugués se _Libro Verba 39_2012.indb 345 10/12/12 14:07
Revista de libRos 346 VERBA, 2012, vol. 39: 335-366 serviría para crear «um eco de vozes que se ouviriam em segundo plano nos ambientes aristocráticos trovadorescos» (p. 57), facendo xogos de palabras con finalidade xocosa, valéndose da homonimia, a homofonía, a paronimia e a polisemia, e creando novas expresións (como o nengueninin que a autora tamén analiza), postas ao servizo desa xocosidade. A profesora A. M. Mussons, da Universidad de Barcelona («Traducir a los trovadores provenzales», pp. 111-122), é responsable dunha achega crítica e interesante, onde se afronta a tradución da cansó de Guilhem de Peitieu Ab la dolchor del temps novel. A autora analiza as diferentes lecturas dos editores para identificar o texto que reproduce a forma lingüística máis adecuada e a lectura máis correcta en función da lección manuscrita; desta maneira, selecciona o texto editado por K. Bartsch (1855) como base para a tradución. Cremos que este traballo debe entenderse non só dirixido a tradutores e estudosos do léxico, senón tamén a editores de textos medievais. Por isto, parece conveniente reproducir unhas declaracións de A. M. Mussons especialmente significativas, que deberían propiciar unha reflexión sobre a rigorosidade da práctica editorial: Muchos editores no se preocupan demasiado de la traducción que ofrecen, tal vez porque dirigen todo su interés al establecimiento del texto, como si éste fuera algo independiente del mensaje que nos quiere transmitir. Algunas veces, el texto editado no encaja con la traducción ofrecida, lo que resulta particularmente frecuente en el caso de las antologías. Cuando analizamos los documentos que contienen descubrimos que la mayoría ofrecen el texto y la traducción procedentes de ediciones anteriores sin demasiados planteamientos acerca de la coherencia entre el texto editado y la traducción propuesta, porque muchas de ellas se limitan a copiar antologías existentes anteriormente (p. 112). O profesor J. C. Ribeiro Miranda, da Universidade do Porto («Cantar ou cantiga? Sobre a designação genérica da poesia galego-portuguesa», pp. 161-179), analiza a presenza dos substantivos cantar e cantiga no interior das composicións líricas galego-portuguesas, nas rúbricas que complementan as composicións e na fragmentaria poética Arte de Trovar. Revélase que, entre os trobadores, houbo unha tendencia maioritaria ao uso de cantar. En cambio, cantiga sería unha forma introducida na lírica desde o centro peninsular e non partiría do occidente, segundo o historiador; ademais, aparece utilizada por seis trobadores, cinco deles do «período alfonsino»: Afons’Eanes do Coton, Pero da Ponte, Juião Bolseiro, Joan Baveca, Pai Gomes Charino e Estevan da Guarda. A forma cantiga é a que se reproduce en sintagmas do tipo cantigas d’amigo e cantigas d’amor. A profesora M.ª do R. Ferreira, da Universidade de Coimbra («Aquí, alá, alhur: reflexões sobre poética do espaço e coordenadas do poder na cantiga de amigo», pp. 209-227), reflexiona sobre a maneira en que se presenta e expresa o espazo nas cantigas de amigo, centrándose nas composicións de Fernan Rodrigues de Calheiros, Vasco Praga de Sandin e Bernal de Bonaval. O estudo descobre que desde Calheiros a Bonaval hai unha mudanza na concepción deses espazos (o aquí, o alá e o alhur), vistos estes en relación coas figuras da amiga, o amigo, a nai e o rei. _Libro Verba 39_2012.indb 346 10/12/12 14:07
Revista de libRos 347 VERBA, 2012, vol. 39: 335-366 Por último, varias contribucións da obra están destinadas a promocionar proxectos que son de indubidable valor para a consulta e o estudo do vocabulario. O primeiro destes traballos está asinado polos profesores R. Distilo, F. Constantini e R. Viel («Per il vocabolario della poesia trobadorica: notizie dalla base dati TROBVERS», pp. 91-109), que presentan a base de datos TROBVERS para o estudo e consulta do léxico das cantigas da escola lírica occitana. A achega do profesor P. G. Beltrami, da Università di Pisa («Problemi e prospettive per i dizionari della lingua dei trovatori», pp. 229-235), é unha panorámica dos traballos feitos ata o momento no ámbito da lírica e lingua occitana e pon de manifesto algunhas das dificultades para a confección dun novo dicionario de occitano medieval e as necesidades que este debería satisfacer. Significativamente, o profesor Beltrami finaliza a exposición dunha forma moi semellante a como o facía a profesora Brea na súa: destacando a preferencia pola cooperación internacional, neste caso para permitir o uso de varias linguas. Por outra parte, o profesor M. Ferreiro, da Universidade da Coruña («Sobre o proxecto Glosario crítico da lírica profana galego-portuguesa», pp. 237-252), dá noticia do proxecto que dirixe no seo da UdC, que ten como obxectivo preparar un glosario completo e exhaustivo da lírica profana galego-portuguesa. O autor informa sobre os pasos, de diferente complexidade, para a realización do proxecto, e anuncia algunhas das dificultades máis importantes. Para a elaboración desta valiosa ferramenta, anúnciase a revisión crítica da lingua das cantigas e das solucións editoriais, que sen dúbida servirá para revisitar e esclarecer numerosos problemas ecdóticos e hermenéuticos, polo que o resultado do traballo se preve interesante e útil para o coñecemento da lingua dos cancioneiros e da lingua medieval en xeral. En síntese, o conxunto das dezaseis contribucións que acolle o volume serven para facer un repaso do traballo feito no campo do léxico da lírica desde o século pasado ata a actualidade, pero tamén amosa que é indispensable avanzar empregando novas ferramentas, servirse da cooperación internacional entre especialistas das diferentes áreas e empregar linguas diversas. Así mesmo, a obra representa unha actualización da cuestión, cunha reflexión sobre os problemas presentes e futuros para o estudo do léxico. Recolle o anuncio de novas liñas de investigación e novos proxectos que, sen dúbida, transformarán os estudos de lírica románica, en particular, e os estudos de léxico románico medieval, en xeral. Da lectura do volume conclúese a necesidade de continuar na investigación en cada unha das escolas líricas, pero necesariamente abríndose ás restantes tradicións lingüístico-líricas e mesmo a outro tipo de discurso románico medieval. BIBLIOGRAfíA K. Bartsch (1855): Provenzalisches Lesebuch. Elberfeld: R. L. Friederichs. ◢ déborah gonzález martínez _Libro Verba 39_2012.indb 347 10/12/12 14:07