131 conceptos clave de educación social
Abstract
Definición en galego dos 131 conceptos máis importantes que se empregan na teoría e práctica da Educación Social. Os conceptos (ou expresións) ofrécense numerados, ordenados alfabeticamente e explicados en aproximadamente 20 liñas
Full text
A 1. ACCIÓN SOCIAL: Na linguaxe sociolóxica reciben esta denominación as conductas e iniciativas que desenvolven un ou varios individuos nun contexto relacional (grupos, comunidades, institucións sociais, etc.), con maior ou menor grao de voluntariedade, aínda que sempre coa intencionalidade subxectiva de promover algún tipo de cambio ou transformación na realidade social. Segundo esta lectura, e con visión ampla, hai acción social sempre que as persoas interactúan para solventa-las necesidades e problemas que xorden da convivencia social, o que converte este concepto nun elemento básico da análise sociolóxica, polo menos para determinados autores e correntes de pensamento. Por outra parte, e cunha percepción máis restrictiva, a acción social é habitual que se identifique coa actividade política que emprenden certas áreas da Administración Social, por iniciativa pública ou privada, co obxecto de asistir ou previr determinadas situacións de carencia persoal ou familiar, de exclusión ou marxinación social; neste caso acaba configurando unha variante do Traballo Social e da Asistencia Social. 2. ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS: Conxunto de institucións que conforman a estructura organizativa do Estado, responsabilizándose da función administrativa do mesmo. Ocúpanse de planificar, organizar, xestionar e controlar recursos, servicios e prestacións, así como de supervisar e seleccionar ó persoal que nelas traballa. No caso español, segundo a súa adscrición territorial, poden diferenciarse tres niveis na Administración Pública: Central ou Estatal, Autonómica e Local. Nos últimos anos adquire gran relevancia a Administración Municipal como o escenario máis idóneo para a intervención no ámbito socioeducativo e cultural, pola súa proximidade ó cidadán. O principio de descentralización que rexe a devandita estructura administrativa supón a transferencia de funcións do Goberno Central ás Comunidades Autónomas e de ámbalas dúas ós Entes Locais, nun proceso de autonomía e diversificación de poderes que tenta xerar un maior achegamento das Administracións ás persoas. Na actualidade, mesmo recoñecendo a súa importancia, cuestiónase a fraxilidade desta descentralización, toda vez que o traspaso de competencias non sempre vai vencellado á transferencia dos orzamentos que permitan desenvolvelas con eficacia. 3. AMBIENTE: En senso estricto este concepto alude ós factores bióticos e abióticos que constitúen o contexto vital dun individuo, comunidade ou especie. Incorporando a esta definición a dimensión humana, con calidades de certa subxectividade, o ambiente inclúe procesos referidos ós efectos dos axentes e ás respostas dos organismos vivos, configurando unha realidade dinámica e interactiva. Desde unha perspectiva social, o ambiente pode definirse como o conxunto de seres e obxectos que constitúen o espacio próximo ou afastado das comunidades humanas, sobre os que poden actuar e que tamén condicionan ou determinan a súa forma de vida. O ambiente social debe ser aprehendido como un conglomerado dinámico de factores sociais, económicos, políticos e culturais que, ó mesmo tempo, establecen relacións de mutua influencia cos elementos bióticos e abióticos que integran o ambiente físico-natural. A modificación dos factores ambientais, socioculturais ou físico-naturais, é un compoñente clave nas estratexias de intervención socioeducativa, en particular naquelas que preteden contextualiza-los seus procesos nun determinado territorio, cultura, sociedade, etc. O carácter interactivo e dinámico dos diferentes factores ambientais provoca que a introducción de cambios parciais nun deles poida xerar cambios
na totalidade ambiental, incluídos os suxeitos ou comunidades obxecto da intervención. 4. ANIMACIÓN SOCIOCULTURAL: Proceso que implica unha concepción e orientación do traballo cultural cara a prácticas e estratexias metodolóxicas que promovan decididamente a iniciativa, organización, reflexión crítica, participación e acción autónoma das persoas, grupos e comunidades na vida sociopolítica e cultural na que están integradas, independentemente da súa condición social, idade, etc. As súas metas céntranse na promoción social das persoas no marco global do territorio, potenciando a democracia cultural como superación da democratización cultural, para acada-la emancipación colectiva e o cambio social. O concepto de animación sociocultural, que comeza a utilizarse en Europa a partir dos anos 60, sobrepasa hoxe a súa concreción inicial, reducida ó marco do tempo libre, para concibirse como parte dunha política cultural global. Con este enfoque, a animación sociocultural aspira a vencellar opcións éticas, políticas, organizativas, económicas, técnicas, formativas, etc.; neste senso, trata de ser congruente cun proxecto amplo e integral de desenvolvemento sociocultural, descentralizando e territorializando as súas iniciativas. 5. ANIMADOR SOCIOCULTURAL: Persoa que de forma profesional ou voluntaria, pero sempre a partir dunha formación específica na intervención socioeducativa e cultural, desempeña o seu labor nun proxecto de desenvolvemento social e territorial amplo, promovendo iniciativas orientadas a incrementa-la vertebración da sociedade civil. Actuando habitualmente en equipo, trata de potencia-la participación das persoas en proxectos colectivos, na procura de cambios e transformacións que respondan ó logro dun maior benestar social. Na sociedade actual debe valorizarse o seu rol como facilitador de coñecementos e procesos pedagóxicos que posibiliten ós membros dunha comunidade-territorio o acceso ó gozo das artes, á cultura e ó desenvolvemento das súas capacidades expresivas como medio de elevación do seu nivel educativo, de protagonismo na creación cultural e na mellora da calidade de vida. O seu perfil como axente social e cultural, polas funcións e cometidos que lle son propios, implica: unha metodoloxía pedagóxica da acciónintervención cultural; a producción e difusión de bens artísticos e culturais; o establecemento de relacións cos diversos axentes que conforman o complexo cultura-sociedade nas comunidades locais (pobos, barrios, etc.); a xestión, organización e administración de accións e programas socioculturais; a coordenación con profesionais de diversa cualificación de cara ó deseño e implementación de estratexias de intervención cultural, tanto no plano político como técnico. Os seus ámbitos de actuación, moi diversificados, teñen como referentes principais a cultura e as artes, a educación e o tempo libre. 6. ASISTENCIA SOCIAL: Conxunto de actuacións e medidas prestacionais que promoven as organizacións públicas e privadas sen fin de lucro, coa finalidade de atender ás persoas, ás familias, ós grupos e/ou ás comunidades que sofren ou revelan problemas e necesidades socioeconómicas que dificilmente poden solventar por si mesmas. Concretada en termos dunha iniciativa de xustiza social, comporta o establecemento de axudas (económicas, técnicas, de xestión, sanitarias, informativas, de aloxamento, de manutención) outorgables con carácter discrecional ou regrado, de modo transitorio ou permanente, para corrixir, aminorar ou asistir situacións de emerxencia ou marxinación social, indixencia, fame, drogodependencias, minusvalías, etc. Como axuda subsidiaria, intervén na implantación e mantemento dunha orde social que garanta uns mínimos de seguridade e benestar para tódolos individuos. Historicamente, tivo os seus antecedentes no labor de caridade e beneficencia públicas, das que trata de diferenciarse pola maior organización e sistematización dos seus principios, normas e procedementos. Nas últimas décadas, a progresiva adopción de enfoques e modelos integrais para a protección e acción social, como consecuencia da asunción político-social da idea do Estado do Benestar, ten provocado a minusvaloración das súas propostas, mesmo como unha concepción superada. 7. ASOCIACIÓN: Ente xurídico ó que dan forma e contido un conxunto de persoas agrupadas voluntariamente para acadar un mesmo fin, canalizando inquedanzas particulares e poñendo en práctica iniciativas de diversa índole nun territorio concreto (barrio, cidade, autonomía, país...).
Polo común, reflecten a existencia de relacións entre os individuos na vida comunitaria, configurando diferentes opcións de articulación política, social e cultural. Para atender ós seus obxectivos e finalidades mobiliza diferentes recursos económicos, materiais e infraestructurais, poñéndoos a disposición dos membros asociados e/ou doutras persoas que participan da súa dinámica e actividades. Na súa constitución e desenvolvemento son clave os Estatutos e a normativa de Réxime Interno, que nos seus aspectos xenéricos atenden ó establecido na Lei 191/1964 de Asociacións (reformada parcialmente con posterioridade). Como grupos sociais dinámicos, atravesan diferentes fases evolutivas (nacemento con expectativas, activismo en aumento, estado de estabilidade, fase de latencia e disolución ou inactividade), que varían segundo as circunstancias dos seus membros e das comunidades nas que se insiren. Cunha tipoloxía moi variada (xuvenís, de veciños, culturais, políticas, cívicas, ecolóxicas, de pensamento, pacifistas, feministas, nacionalistas, relixiosas...), son un claro indicador de madurez social, axudando a estructura-la sociedade mediante a creación de redes de cooperación cidadá. 8. AVALIACIÓN DE NECESIDADES: Na historia do Traballo Social e dos servicios sociais, o concepto de necesidade desempeña un papel clave, ata o extremo de ser impensable un proceso de intervención social se este non toma como referencia as necesidades percibidas ou expresadas pola poboación, cos seus diferentes graos de concreción e problematización social. Unha cuestión que debe resolverse clarificando conceptual e tipoloxicamente a idea de necesidade social para, posteriormente, proceder á súa análise e avaliación no marco dunha determinada realidade territorial e humana (comunidades, grupos, suxeitos, etc.), sempre coa intencionalidade de promover alternativas de acción que permitan solventalas. Neste senso, interprétase que a avaliación de necesidades constitúe unha secuencia importante nos procesos de intervención social, toda vez que a través da mesma se identifican e valoran situacións socialmente deficitarias, ó poñer de relevo as discrepancias ou disparidades entre o que é desexable e o que é real. Deste xeito, a avaliación de necesidades, ademais de axudar a contextualiza-la acción, permite establecer prioridades, delimitar obxectivos, tomar decisións e achegar criterios relacionados coa natureza e alcance (logros) dos plans, programas e proxectos sociais. Tratándose dun proceso técnica e metodoloxicamente complexo, recorre a diferentes modelos, estratexias e procedementos de indagación e análise. 9. AVALIACIÓN DE PROGRAMAS: En termos xerais, entendemos que a avaliación comporta unha práctica metodolóxica ó redor da que se constrúen xuízos e interpretacións da realidade, asociando os cambios que nesta se producen a determinados sistemas ou criterios de valor, mesmo coa posibilidade de que unha sociedade aprenda de si mesma. Isto é, que exista a oportunidade de deducir ou inferir contribucións críticas e racionais para estimar ou mellora-las accións que se promoven desde a iniciativa social. Aplicando estes principios á avaliación de programas sociais podemos entender que esta consiste nun proceso de reflexión e valoración crítica, continua a sistemática, referida a momentos e factores (deseño, proceso, producto, etc.) que interveñen no desenvolvemento dun programa co obxecto de determinar cales poden ser, están sendo ou foron os seus efectos, resultados ou logros. Debe caracterizarse fundamentalmente como un proceso de mediación e non só de medición, con compoñentes metodolóxicos que a inscriban nunha dinámica social máis ampla (a acción ou intervención social), coa que pode e debe interactuar permanentemente. Por esta razón, debe estar sempre en condicións de dar idea do que está feito e do que queda por facer, contribuíndo a diminuí-lo risco ó fracaso, regulando as accións e facilitando a toma de decisións, sempre nos límites dun concepto de avaliación que estea ó servicio dos compromisos e responsabilidades públicas que todo programa adquire coa sociedade. 10. AXENTES SOCIAIS: Conxunto de actores (individuos relevantes na comunidade, grupos sociais, institucións e persoas vencelladas ó sector productivo) que desempeñan funcións de liderato na dinámica comunitaria, ampliando as redes sociais que caracterizan un territorio respecto do que asumen un importante protagonismo nos planos político, económico, sindical, social, educativo, etc. A función de liderato pode serlles atribuída de xeito formal ou informal, segundo o que representan por si mesmos ou por encomenda dun sector da sociedade. En xeral, adoitan
manifestar intereses e expectativas confrontadas, facendo necesario resolve-las diferencias a través de negociacións colectivas que permitan chegar a un certo consenso. A presencia ou ausencia dos axentes sociais, a súa consolidación, así como o grao de interacción e acordo entre eles, determinan boa parte das posibilidades de desenvolvemento dunha comunidade como expresión da vontade colectiva, mediante a que se canalizan diferentes accións en planos estratéxicos e/ou políticas económicas, sociais, educativas, etc., permitindo a apertura do diálogo social coa inclusión e establecemento de pautas e acordos que resolvan unha determinada problemática ou conflicto.
C 11. CALIDADE DE VIDA: Como denominación recente coa que se designa un óptimo colectivo no que se reflecten os logros do progreso e do desenvolvemento social, denota a existencia dunha nidia preocupación polo benestar, a satisfacción e a felicidade humanas. Globalmente asóciase coas condicións materiais nas que se inscribe a vida das persoas e, máis en concreto, coa experiencia relativa a tales condicións. Nalgunhas ocasións, a súa caracterización como un valor social, recorre a criterios comparativos que son froito da percepción individual e subxectiva dunhas determinadas condicións de vida obxectivas (niveis de desenvolvemento económico, dotación de infraestructuras, etc.). Desde a perspectiva da Política Social implica: contar con recursos no ámbito das necesidades básicas; a provisión por parte da sociedade dun amplo espectro de servicios públicos ó alcance dos sectores sociais menos favorecidos; a dispoñibilidade de alternativas individuais e colectivas que dean resposta a problemas sociais que vulneren os criterios de equidade e xustiza distributiva. Os compoñentes máis salientables da calidade de vida maniféstanse nas tendencias positivas que poidan expresar indicadores sociais relativos á saúde, alimentación, educación, ocupación e traballo, vivenda, seguridade social, vestido, recreación e tempo libre, e dereitos humanos. 12. CAMBIO SOCIAL: Proceso histórico verbo do cal se producen alteracións significativas nas estructuras e nas institucións básicas dunha sociedade. A xénese das dinámicas de cambio social ten dado lugar a distintos paradigmas explicativos; as teorías funcionalistas, de antecedentes evolucionistas, considérano unha consecuencia lóxica, lineal e natural do progreso humano cara a modelos sociais cada vez máis complexos; as teorías materialistas, de inspiración marxista, concíbeno como resultado da acción revolucionaria das clases oprimidas ó rebelarse diante dunhas condicións económicas inxustas; as teorías de corte máis ecléctico aluden a unha combinación de factores (ideolóxicos, culturais, tecnolóxicos, demográficos, económicos...) que producen cambios con distintos graos e ritmos, tanto positivos como negativos. As sociedades contemporáneas avanzadas caracterízanse por unha aceleración na mutación das súas estructuras, que aparecen permanentemente en crise, e pola superposición dos procesos de cambio en distintos niveis e sistemas sociais. Debe advertirse que a sociedade comparte en xeral a necesidade de promover cambios, situándose os desacordos no tipo e orientación dos mesmos, o que constitúe un dos máis importantes desafíos para os procesos de interese social. 13. CIDADE EDUCADORA: Marco teórico de referencia para o desenvolvemento dunha acción encamiñada a entender e organiza-la cidade como espacio educativo. Concibe o medio como contorno, axente e contido da educación, connota a complexidade do proceso formativo e demanda propostas integradoras. O enfoque de cidade educadora afirma o carácter aberto, dinámico e evolutivo do mesmo espacio territorial e abrangue as dimensións de conceptos como educación integral e educación permanente. Presupón unha concepción da educación na que se integran os elementos formativos para o establecemento de estructuras moi dinámicas no acceso ós recursos educativo-culturais do territorio, que permitan deseñar e proxectar estratexias de aproveitamento dos mesmos cunha implicación de tódolos axentes (administracións, sector productivo público e privado, asociacións e familia). Este termo, que se pode operativizar a través de modelos formativos diversos, concorda con propostas que reivindican unha maior capacidade educativa para a sociedade, a modo de sociedade pedagóxica, sistemas formativos integrados, aulas sen muros, etc. Referencia clave no desenvolvemento deste concepto foi o Primeiro Congreso Internacional de Cidades Educadoras, celebrado en Barcelona en 1990. 14. COEDUCACIÓN: As institucións educativas tradicionais separaban física e culturalmente a homes e mulleres; a segregación espacial ía acompañada de modelos curriculares e de pautas de socialización que reproducían os estereotipos masculinos e femininos dominantes, nos que a muller xogaba un papel secundario. Como reacción a esta situación, os movementos de renovación pedagóxica defenderon desde principios do século XX a necesidade dunha educación pola igualdade entre os sexos propoñendo a eliminación das barreiras físicas que separaban a homes e mulleres para que todos e todas compartisen un mesmo espacio e un mesmo currículo escolar; de
aquí que a coeducación sexa hoxe unha práctica xeneralizada nos sistemas educativos occidentais. Pero na actualidade, desde certos sectores do feminismo radical, cuestiónase a coeducación por manter baixo a igualdade formal dun espacio e un currículo compartido a preponderancia simbólica das pautas de socialización masculinas que discriminan negativamente ás mulleres; como alternativa propoñen novos modelos de separación espacial e de diferenciación académica dos sexos: o obxectivo sería neste caso facilita-la discriminación positiva das mulleres, evitando que compitan desigualmente nunha escola compartida con individuos do sexo masculino. 15. COMUNIDADE: Trátase dun concepto con amplas utilidades e significados semánticos, ata o punto de ser considerada como unha das palabras máis confusas do vocabulario moderno. En xeral, define unha agregación variable de persoas que comparten unha determinada área da vida social, singularizada pola adhesión e solidariedade que manteñen entre si, normalmente derivadas dun pasado histórico construído con sinais de identidade que integran aspectos tan diversos como o territorio, a lingua, a cultura, os sentimentos ou as vivencias. Como expresión aberta, sometida a diferentes usos científicos e coloquiais, os seus significados adoitan mudar en función doutras voces que a acompañan, xeralmente atendendo ás múltiples formas nas que se concreta a agrupación humana; así, segundo o criterio que prevaleza, poderá ser definida como local, internacional, científica, relixiosa, familiar, etc. En todas elas interesa destacar que se poñen de relevo feitos que son substanciais para a vida humana, como estar presentes nun determinado espacio e tempo sociais, promove-lo entendemento das persoas coa xente, simbolizar relacións con obxectos, ou adquirir e proxecta-la condición de cidadáns a partir dunha paisaxe preexistente. 16. CONFLICTO SOCIAL: Confrontación entre individuos ou entre grupos con visións antagónicas ou intereses contrapostos sobre a organización e regulamentación da vida social. O conflicto pode ser de carácter violento, cando as partes tratan de impoñe-la súa concepción da sociedade a través da agresión física ou simbólica, ou pode estar ordenado por institucións mediadoras (políticas, xudiciais, consuetudinarias...) que teñen como fin evita-la agresión e regulala adopción de decisións co máximo de consenso e racionalidade posibles. As situacións de conflicto social xeran en moitos casos procesos de cambio social para tratar de superalas. Un contexto onde converxan conflictos que afecten en profundidade a distintas institucións, colectivos e niveis sociais pode levar á desestructuración individual e comunitaria, creando situacións de anomía, degradación e desintegración social. 17. CREATIVIDADE COLECTIVA: A capacidade creativa defínese usualmente en termos dun fenómeno complexo e multidimensional, do que participan unha ampla variedade de aptitudes e actitudes das persoas, co ánimo de xerar formas diverxentes de pensar e actuar. A orixinalidade, a inventiva, a apertura ó medio circundante ou o senso crítico-reflexivo, constitúen algúns dos seus trazos básicos como potencialidade inherente ó espírito humano, sempre coa perspectiva de producir, combinar ou reorganiza-las experiencias e informacións mediante as que cada persoa interpreta e expresa singularmente a súa visión da realidade. No plano colectivo, a creatividade é un substrato básico das sociedades emerxentes e innovadoras, que aceptan a comunicación e a liberdade como elementos clave para a súa dinámica social, recoñecendo o seu pasado e futuro históricos a modo dun permanente e inacabado proceso de transformación e cambio social. Entre os expoñentes máis relevantes da súa impronta podemos cita-la lingua, a cultura popular ou as manifestacións artísticas e literarias nas súas diversas formas. 18. CULTURA: Na acepción máis xeneralizada pode conceptualizarse como un repertorio de valores, conductas e bens materiais cos que se identifica un determinado grupo ou sociedade. Na práctica configura un sistema relativamente integrado de ideas, crenzas, usos, costumes, normas e modos de vida que son aprehendidos e transmitidos socialmente, proporcionando referencias que orientan ou condicionan a inserción das persoas nunha sociedade, particularmente dos seus membros máis xoves e dos que non pertencen bioloxicamente á mesma. Como expresión de alcance universal, a cultura admite a combinación de múltiples elementos materiais e simbólicos, que van desde o sistema económico de producción e distribución ata a lingua, pasando pola
organización política e relixiosa, o sistema moral e xudicial ou as representacións míticas, artísticas, filosóficas e científicas que unha sociedade constrúe, e reconverte como a súa herdanza social máis valiosa. Non obstante a súa universalidade, en senso estricto é preciso aludir ás culturas, en plural, unha vez constatada a variabilidade que admite nos espacios (distribución xeográfica) e tempos sociais (disposición histórica). 19. CULTURA POPULAR: Sistema de coñecemento que, abranguendo usos, relacións e creacións, proporciona ó individuo o senso da súa existencia nun medio e as claves para interaccionar nel. Este conxunto de coñecementos vaise adquirindo ó longo da tradición do pobo ó que identifica, denominándose endoculturación ó proceso da súa transmisión ós novos membros por medio da adquisición da linguaxe, crenzas, hábitos, costumes, etc.; e forxando a identidade cultural de individuos e comunidades como sistema de referencia, creando a conciencia colectiva de pertencer a un grupo cultural. Adóitase confrontar cultura popular con cultura de masas, pois esta última tende a homoxeneizar comunidades establecendo pautas que definen unha cultura media para amplos estratos sociais. En torno ó ambivalente concepto de cultura xérase tamén ambigüidade con relación ó posicionamento ante a desaparición da cultura popular, considerándoo algúns autores parte dun etnocidio; para outros é un paso necesario para a evolución cara a novas formas. Ata os anos 60 só era considerada cultura a de elite, a dos museos e grandes acontecementos; a partir dese momento, froito das transformacións sociais e desde perspectivas como a democracia cultural e a animación sociocultural, comézase a aceptar e potencia-la cultura popular como punto de partida para un desenvolvemento endóxeno e sostible da comunidade.
D 20. DEMOCRACIA CULTURAL: Concepción da política cultural que, a partir da crise da democratización cultural e partindo de Maio do 68, comézase a desenvolver na década dos anos 70, adoptando como estratexia a animación sociocultural. A democracia cultural concíbese como unha dinámica que promove procesos de participación individual e colectiva e de vida asociativa na realización das actividades culturais, contribuíndo a promover transformacións estructurais na sociedade. Amais da participación, toma como base a diversidade cultural e as culturas ata entón consideradas inferiores, converxendo con outras cuestións sociais como a descentralización dos Estados e a dinamización cultural. Nesta perspectiva, a cultura deixa de ser única e exclusivamente un ben de consumo ou patrimonio dunha elite para configurarse como ámbito de desenvolvemento persoal e colectivo. Adóitase caracteriza-la democracia cultural como colectiva, comunitaria, integral, participativa, ecolóxica, autoxestionaria, concreta e pluralista. Este concepto foi amplamente difundido en 1972 na Conferencia da UNESCO en Helsinqui. 21. DEMOCRATIZACIÓN CULTURAL: Concepción da política cultural que comeza en Europa trala Segunda Guerra Mundial e acada o seu apoxeo na década dos cincuenta e sesenta. Xorde como froito de diversos acontecementos sociais, entre os que podemos destaca-la descolonización, o incremento da demanda de benestar social, a necesidade de atopar sinais de cohesión e identidade no continente europeo, e logo dun cambio político por contraposición á época dos autoritarismos. Adoptando como estratexias a difusión e a extensión cultural, pretende facer chega-la cultura de elite ó pobo, considerándoa como a verdadeira cultura que actúa como elemento de distinción social das clases que dominan os seus códigos. Facilita-lo seu acceso ás clases populares supón un acto de paternalismo e de imposición simbólica sobre a cultura popular; esta é a razón pola que diversos autores coinciden en cualifica-la democratización da cultura como uniformista, masificadora, illante, consumista, superficial, mimética e do éxito. O modelo de democratización cultural será superado conceptual e teoricamente a partir dos setenta pola democracia cultural. 22. DEONTOLOXÍA PROFESIONAL: Como ámbito específico da Deontoloxía, en tanto que ciencia ou especialidade das teorías filosófico-morais que se ocupa dos deberes e normas morais que guían a vida social, alude ó conxunto de normas e regras que se confían á responsabilidade persoal no exercicio dunha determinada profesión. Polo tanto, determina ou regulamenta as diferentes responsabilidades éticas e morais que xorden no desempeño dunha actividade profesional, especialmente naquelas dimensións que teñen repercusión social ou pública. Das súas propostas dedúcese ou esíxese un ethos profesional específico, aplicable diferencialmente en cada profesión e segundo un código deontolóxico propio, a modo de interpretación dos principios xerais da profesión e das actitudes que implica o exercicio profesional. Este código adoita estar fundamentado en criterios legais, convencionais, estatutarios, etc., con alusións expresas á ética e ó segredo profesional, á autonomía e independencia da profesión, ós dereitos e deberes contraídos na prestación de servicios, etc. 23. DEREITOS HUMANOS: Conxunto de dereitos intrínsecos á natureza e dignidade individual e colectiva do home. A súa consolidación histórica permite establecer catro etapas diferenciadas: na primeira (S. XVI-S. XVIII), a burguesía perfila os dereitos básicos do individuo (liberdade de conciencia, de conviccións relixiosas e dereito á propiedade); na segunda (S. XIX), o proletariado reclama os dereitos económicos e laborais asociados á igualdade social; na terceira (S. XX), reivindícanse unha serie de dereitos colectivos (dos pobos -autodeterminación, descolonización- e das mulleres -a ser consideradas en plano de igualdade-). Esta evolución recóllese na Declaración Universal dos Dereitos Humanos, promulgada pola ONU en 1948. Nas últimas décadas -xa na etapa finalreclámase o consenso sobre unha serie de novos dereitos colectivos, que aluden á preservación do ambiente, á redistribución solidaria dos recursos planetarios e á convivencia pacífica dos pobos. Algúns enfoques cuestionan a universalidade dos dereitos humanos, facendo depende-la súa valía de cada contexto cultural. Fronte a esta concepción relativista, a orientación
ética máis estendida delimita unha serie de dereitos humanos básicos, comúns para tódalas culturas. 24. DESCAPACIDADE: Eiva física, social, sensorial ou mental dunha persoa con respecto ás capacidades culturalmente consideradas como normais para calquera membro dunha sociedade. Neste senso, unha persoa descapacitada é aquela que se atopa inhabilitada, por lesión conxénita ou adquirida para certos traballos, movementos, deportes, relacións, sensacións, etc., e da que se deriva un impedimento obxectivable para exercer con plenitude tódalas súas facultades físicas ou mentais, valorado en termos dunha minusvalía con diferentes graos de concreción. Como consecuencia da asunción por parte das institucións e grupos sociais da problemática das persoas descapacitadas, estas veñen sendo obxecto de políticas e intervencións concretas de tipo formativo, psicolóxico ou comunitario, contando entre as máis necesarias as accións para a integración na sociedade (sistema educativo, mundo laboral, vivenda...); estas propostas téñense incluído en opcións específicas de natureza educativo-social a modo de educación especial e especializada, atención á diversidade, etc. 25. DESENVOLVEMENTO COMUNITARIO: Proceso de acción no que se integran diferentes estratexias prácticas, co obxecto de promove-lo benestar social e a mellora da calidade de vida dos membros dunha comunidade; neste senso, incentiva o desenvolvemento endóxeno das súas potencialidades económicas, educativas, culturais, asociativas, sanitarias, etc. Trátase dun proceso complexo e multidimensional, mediante o que se pretenden equilibrar opcións de transformación e cambio cualitativo (actitudes, comportamentos, etc.) con outros de natureza cuantitativa (infraestructuras, productividade, etc.), considerando os condicionantes sociais e naturais existentes no presente e de cara ó desenvolvemento socioeconómico no futuro. A iniciativa do desenvolvemento comunitario poderá xurdir da propia comunidade ou provir dun grupo interdisciplinar de expertos (educadores, traballadores sociais, economistas...) e/ou voluntarios. Acostuma concretarse en comunidades que evidencian situacións de necesidade social e marxinación, ou con déficits manifestos na dispoñibilidade de recursos humanos, sociais, económicos ou naturais. En todo caso, esixe a participación consciente, responsable e libre da poboación implicada. 26. DESENVOLVEMENTO RURAL INTEGRADO: Proceso especializado de desenvolvemento comunitario ou de organización comunitaria nos ámbitos rurais. Atende simultaneamente a tódalas dimensións que definen a calidade de vida dunha comunidade con relación ó seu contorno natural e social: a educación, a sanidade, o lecer, o asociacionismo, os servicios sociais, as comunicacións... vertebrados en función dos compoñentes socioeconómicos que posúan maior dinamismo e perspectivas de futuro (agricultura, gandería, turismo, industria, artesanía...). É un proceso globalizador que pretende desenvolve-los recursos endóxenos a medio e longo prazo, e que persegue, coa participación da comunidade e co apoio de axentes externos (expertos), o incremento do seu nivel de benestar. Un dos seus principais desafíos é a reorientación das actividades económicas tradicionais das comunidades rurais cara a unha economía dinámica e aberta ás realidades dunha sociedade de mercado. Entre as súas esixencias mínimas podemos destaca-la existencia dunha base humana (poboación) estable no territorio, así como a reconversión progresiva das estructuras sociais e económicas tradicionais cara a estructuras modernas, evitando vulnerar substancialmente a idiosincrasia autóctona da cultura rural herdada. 27. DESENVOLVEMENTO SUSTENTABLE: Modelo socioeconómico en vías de concreción, co que se pretenden satisface-las necesidades básicas das xeracións presentes sen diminuí-las posibilidades de supervivencia das xeracións futuras. Este modelo trata de compatibiliza-la esixencia de establecer límites á depredación e alteración irracional dos recursos da biosfera causada polo home, coa de realizar un reparto xusto e equitativo de tales recursos para que tódalas sociedades humanas, presentes e futuras, satisfagan digna e suficientemente as súas necesidades básicas. Proposto en 1987 no Informe sobre Nuestro Futuro Común, máis coñecido como Informe Brutland, encargado pola ONU á Comisión Mundial do Medio Ambiente e do Desenvolvemento, nun inicio considerouse que podería deseñarse un único modelo de desenvolvemento sustentable
fomenta actitudes e hábitos de consumo que responden a intereses relacionados coa rendibilización do capital e a saída masiva da producción. Con esta orientación, os individuos son o obxectivo de campañas publicitarias que pretenden condiciona-lo seu consumo, en función dos intereses do mercado. A educación para o consumo trata de xerar procesos críticos diante desta manipulación, fomentando hábitos de consumo responsables e conscientes das súas consecuencias económicas, sociais ou ambientais; pode desenvolverse dentro do sistema escolar ou a través de programas educativos non formais. A centralidade do consumo nas sociedades contemporáneas provoca que apareza relacionada estreitamente con outras educacións como a educación ambiental, a educación para a saúde ou a educación para o desenvolvemento. 48. EDUCACIÓN PARA O DESENVOLVEMENTO: Prácticas educativas que teñen como obxectivo fomentar valores e hábitos solidarios que permitan equilibra-las desigualdades entre distintas áreas do planeta. Nos países do primeiro mundo estas prácticas estiveron orientadas orixinalmente a fomentar conductas de apoio económico que permitiran financiar programas de axuda ás rexións máis desfavorecidas. Na actualidade manéxase unha concepción máis ampla: non só é necesario promove-la colaboración de carácter económico, senón tamén cuestiona-las estructuras sociais e económicas que xeran as desigualdades Norte-Sur. A sustentabilidade como horizonte das políticas de desenvolvemento ten na educación unha das súas estratexias de difusión. A educación para o desenvolvemento sustentable implica muda-las pautas de consumo e os estilos de vida no primeiro mundo, concienciar ó conxunto da humanidade de que o desenvolvemento é unha responsabilidade compartida, e evitar que o terceiro mundo escolla mimeticamente o modelo occidental como exemplo de progreso a seguir. Trátase, en todo caso, de dar contido á afirmación dunha cultura da interdependencia, articulada en iniciativas múltiples de solidariedade e cooperación entre persoas e pobos. 49. EDUCACIÓN PARA O TEMPO LIBRE: Ver PEDAGOXíA DO LECER. 50. EDUCACIÓN PERMANENTE: Principio educativo proposto pola UNESCO na década dos sesenta para indica-la necesidade de que os individuos poidan acceder a unha variada oferta educativa en calquera etapa da súa vida. Fronte ás concepcións psicopedagóxicas tradicionais que circunscribían as posibilidades de aprendizaxe á etapa infantil e que consideraban o contexto escolar como o seu medio natural, a educación permanente asume que a capacidade de aprender non desaparece nunca e continúa durante toda a vida do individuo, podéndose actualizar a calquera idade e en calquera situación, sexa dentro do sistema educativo, en accións de autoaprendizaxe ou nunha cada vez máis variada oferta de axencias educativas non formais. A xeneralización deste principio inspirou a redefinición do papel dos procesos educativos no desenvolvemento comunitario, situando a formación continua dos individuos como un dos factores desencadeantes do seu desenvolvemento endóxeno. A educación permanente supón novas institucións e novos medios, con métodos que promovan a observación, a crítica e a reflexión, potenciando o traballo en grupo, o uso dos recursos audiovisuais, a participación e a creatividade. 51. EDUCACIÓN POPULAR: Movemento socioeducativo que acadou certa extensión e relevancia nos anos sesenta e setenta. Nace vencellado a procesos de loita política de orientación esquerdista como estratexia mobilizadora en contextos sociais deprimidos. Xurdiu para facilitar unha oportunidade formativa, á marxe dos circuítos educativos dominantes, a sectores de poboación con grandes déficits culturais, os cales actuaban como unha barreira que lles impedía asumir unha percepción clara da súa condición social oprimida. Máis aló dos enfoques tradicionais da educación de adultos, limitados á instrucción en habilidades numéricas e lecto-escritoras, as iniciativas educativas deste movemento engaden ás aprendizaxes básicas o fin principal de espertar nos suxeitos unha conciencia crítica sobre a súa realidade persoal e social e sobre os resortes dos que se dota o poder establecido para marxinalos, como paso previo para motiva-la súa participación activa e politicamente comprometida na transformación desa realidade. O pensamento pedagóxico de Paulo Freire e as prácticas educativas emancipadoras nel inspiradas constitúen un referente básico para a educación popular.
52. EDUCACIÓN SOCIAL: Acóllense a esta denominación un amplo conxunto de iniciativas, experiencias e prácticas educativas que ó tempo que se contextualizan en diferentes realidades sociais (grupos, institucións, comunidades, etc.), promoven accións socioeducativas de natureza complexa e interdisciplinar. En xeral, pretenden contribuír ó desenvolvemento integral das persoas e da convivencia social, enfrontando necesidades e problemas que xorden no marco da vida cotiá. Como praxe pedagóxica que se inscribe nas realidades sociais, comparte obxectivos e criterios metodolóxicos propios dun traballo social reflexivo, crítico e constructivo, mediante procesos educativos orientados á transformación das circunstancias que limitan a integración social das persoas, unha mellora significativa do seu benestar colectivo e, por extensión, a súa lexítima aspiración a unha maior calidade de vida. Como práctica educativa multidimensional, artículase en diferentes ámbitos e áreas de actuación, entre as que ocupan un lugar preferente aquelas que se relacionan coa educación especializada (inadaptación e marxinación sociais), o tempo libre e a animación sociocultural, a educación permanente e o desenvolvemento comunitario, e a formación laboral. 53. EDUCADOR SOCIAL/PEDAGOGO SOCIAL: Representan, con senso plural, dous perfís diferenciados, aínda que complementarios, na formación e profesionalización na acción e intervención socioeducativas, polo menos no caso español e a partir da Reforma dos Títulos e Planos de Estudios universitarios. Coinciden na súa caracterización como axentes sociais que asumen, desde unha formación específica e con criterio profesional, a responsabilidade de promover e desenvolver iniciativas e procesos educativos que se identifican coa teoría e a praxe da Educación Social: na animación sociocultural, na atención á inadaptación e á marxinación sociais, na Pedagoxía do lecer e do tempo libre, a educación de adultos, etc. No caso do educador social, con responsabilidades que posibilitan o seu labor na concepción, dirección e xestión de procesos educativos no plano tecnolóxico, moi preto dos problemas e dos destinatarios; o pedagogo social amplía as anteriores competencias co dominio dos fundamentos científicos -non só tecnolóxicosda profesión, mesmo con obrigas relativas á formación, investigación, innovación e avaliación sistemática. Polo demais, como diplomado universitario, o educador social é un profesional no que se subliña a súa formación polivalente; o pedagogo social, como licenciado universitario, engade a esa cualificación previa unha formación pedagóxica específica. 54. ENXEÑERÍA CULTURAL: Perspectiva tecnocrática, xerencialista e burocrática da intervención cultural, na que esta queda reducida ó deseño técnico, á organización e á xestión de infraestructuras, servicios e programas culturais. Cuestións como os obxectivos últimos da intervención, os fins de carácter social, os móbiles políticos e/ou ideolóxicos, ou a participación da comunidade son secundarias, cando non obviadas nesta concepción. A enxeñería cultural aproxímase máis á perspectiva da difusión e da xestión cultural que á da democracia cultural e da animación sociocultural, relegando as implicacións de reivindicación e cambio social que subxacen a elas. Traduce ó campo da intervención cultural os valores de neutralidade e obxectividade asociados ós procesos técnicos e ás ciencias físico-naturais. Responde a un concepto da intervención asociada coa neutralidade política e o saber facer do técnico profesional, mentres que outras perspectivas se asocian á transformación social baseada na participación individual e comunitaria nos temas socioeducativos e culturais. Seguindo as pautas de racionalidade tecnolóxica, na enxeñería cultural é máis importante a supeditación dos procesos ós obxectivos, que unha plena interdependencia entre aquel, os fins e os contidos. O compromiso coa realidade social e co cambio social desaparece en virtude da neutralidade á que se deben os técnicos culturais. 55. EQUIPAMENTOS SOCIAIS: Conxunto de infraestructuras dispoñibles para a acción e intervención social nun determinado territorio. Concrétanse en instalacións, recursos e servicios materiais, técnicos e financeiros, dependentes das diversas Administracións Públicas, de organizacións sociais ou de entidades particulares, ó servicio dunha comunidade para resolve-los seus problemas ou necesidades sociais e mellora-la súa calidade de vida. Neles desenvolven o seu labor diferentes axentes sociais profesionais e voluntarios, que atenden demandas de persoas ou
grupos para satisfacer determinadas metas comunitarias (desde a saúde e a educación, ata a integración social e o emprego), polo que se consideran indicadores do nivel de benestar dunha sociedade. A súa tipoloxía é variada e divídense segundo o seu ámbito de intervención e/ou a poboación de atención preferente (comunitarios, culturais, xuvenís, para a terceira idade, para o lecer...). Os equipamentos sociais máis habituais son: centro de servicios sociais, centro cívico, centro sociocultural, casa de cultura, sala de exposicións, biblioteca, centro de información e documentación, casa da xuventude, centro de información xuvenil, residencia xuvenil, aulas da terceira idade, fogar de anciáns, club social, ludoteca, albergue... 56. ESTADO DO BENESTAR: Sistema social que comeza a desenvolverse en Europa despois da Segunda Guerra Mundial. Caracterízase pola asunción por parte do Estado da responsabilidade de facilitar un determinado grao de calidade de vida a tódolos seus cidadáns mediante unha serie de intervencións na economía de mercado e no ámbito social. Na actualidade considérase que a idea do Estado do Benestar está en crise, pois cuestiónanse o modelo social no que se basea e as estructuras que o sustentan. Da reformulación dos consensos políticos e do papel dos axentes sociais vaise perfilando como modelo alternativo o Estado Relacional no que a Administración cambia de papel para definirse como Administración Relacional, potenciando a súa capacidade de integrar persoas e recursos para a consecución de proxectos estratéxicos territoriais. En todo caso, o obxectivo central da política de benestar social, segue sendo, a pesar da súa crise, a mellora dos niveis de vida, a realización da xustiza social e a ampliación de oportunidades para que a poboación poida desenvolve-las súas capacidades superiores como cidadáns sans, educados, participantes e fornmecedores. Son obxectivos universais en canto que atenden as mesmas necesidades e aspiracións básicas da poboación en tódalas partes, o que non significa que non se adopten enfoques diferentes en países con distintos sistemas sociais ou diversos niveis de desenvolvemento. 57. ÉTICA SOCIAL: Como ciencia dos costumes e actos humanos, a ética ten por obxecto o estudio do conxunto de principios e normas morais que regulan a convivencia dos grupos sociais. Considerada en si mesma, a ética é primariamente persoal, malia que por selo, tamén é xenealóxica e constitutivamente social: os modelos, as regras, os valores, etc., proceden dun ethos social que somete a comunicación e a interacción humanas, ós criterios fundamentais dunha coexistencia que enfatiza o recoñecemento mutuo das persoas nos seus dereitos e deberes colectivos. No plano político, a ética social comporta a defensa de valores tan transcendentes como a liberdade, a xustiza, a tolerancia ou a participación social. Polo demais, o pluralismo das normas morais vividas ou practicadas na sociedade, require estender e diversifica-la ética social noutras éticas, entre as que destaca a ética política e civil, na que se inscriben os dereitos económicos, sociais e culturais que deben ser mínimos e comúns para tódolos cidadáns. 58. ETNOGRAFÍA: Concepto co que designa tanto un determinado producto da investigación social, como o conxunto de técnicas de traballo de campo que permiten a súa obtención, sendo a observación participante unha das súas representacións máis arquetípicas. A investigación etnográfica implica a inmersión do investigador na comunidade ou grupo social que pretende analizar; ten como obxectivo acceder a unha comprensión profunda de como os actores desa comunidade perciben, describen, vivencian e interpretan a súa propia realidade para posteriormente tratar de desvela-las pautas antropolóxicas, sociolóxicas ou psicosociais que subxacen á mesma. A presencia do etnógrafo como elemento estraño que pode altera-lo contexto investigado, a distorsión pola subxectividade nas apreciacións por el realizadas, así como as introducidas polos membros da comunidade, constitúen os puntos máis cuestionados desta opción metodolóxica. As técnicas etnográficas comezaron a sistematizarse no campo da Antropoloxía durante o século XIX, como a única aproximación posible a aquelas culturas primitivas ágrafas, sobre as que era difícil dispoñer de documentos escritos. Actualmente o seu uso é xeneralizado nas Ciencias Sociais.
F/G/H 59. FAMILIA: Grupo primario ou unidade social básica sobre a que se asenta a estructura e a organización da sociedade. No mundo postindustrial, o modelo de familia tende a ser nuclear (formada por pais e fillos), perdendo as funcións política e reproductiva que a caracterizaba antes da aparición do Estado moderno, nas primeiras fases da Revolución Industrial. Os cambios producidos nas sociedades industrializadas coa tecnificación, a reducción da xornada e a mobilidade laboral, a incorporación da muller ó mundo do traballo, etc., están incidindo na tradicional concepción da familia e na definición do papel dos seus membros. Neste contexto xorden novos tipos familiares: monoparentais, de divorciados, de homosexuais, etc. A pesar destas transformacións, a familia segue conservando a función de socialización primaria do individuo, transmitindo -a través das relacións directas de crianza, subxectivas e afectivasas normas, os valores e a concepción do mundo, propios da sociedade na que se vive. A familia continúa sendo un referente esencial nas políticas públicas e nas intervencións sociais, educativas e culturais de tipo comunitario. 60. FORMACIÓN: Nun senso amplo, proceso educativo mediante o cal as persoas son instruídas e animadas naquelas dimensións do coñecemento humano (contidos intelectuais, valores morais, habilidades sociais, estratexias comunicativas, aptitudes individuais, hábitos de conducta, actitudes sociais) que a sociedade determina como necesarias para tódolos seus membros. Para tal fin, identifícase coa educación intelectual, afectiva, social e cívica do ser humano. En senso estricto, refírese ó conxunto de ensinanzas teórico-prácticas especializadas nunha determinada técnica, método ou área do coñecemento, que facultan profesionalmente nese ámbito a persoa que as recibe, ó longo dun período previo de instrucción (formación inicial), que se pode ampliar e mellorar progresivamente en sucesivas secuencias temporais, mesmo coincidindo co exercicio profesional (formación continua). É salientable a súa importancia no desenvolvemento de aptitudes, na adquisición dunha competencia profesional e na preparación para un tipo particular de actividade, chegando a asimilarse a unha educación profesional. Como pretensión última aspira a promove-la autoeducación humana e profesional, como vía fundamental para a autorrealización de cada persoa. 61. FORMACIÓN LABORAL: Refírese á opción formativa que ten como obxectivo a cualificación para a inserción no mercado de traballo, tanto dentro do sistema educativo (formación profesional) como a través de programas complementarios ó mesmo (formación ocupacional). A innovación tecnolóxica nos procesos productivos, o retraemento na oferta de emprego e o dinamismo que establece a competitividade no mercado, alteraron os enfoques tradicionais da formación laboral. Así, a formación profesional carece da suficiente flexibilidade para adapta-la súa oferta curricular a un escenario ocupacional en continua mutación, reducíndose a unha formación inicial básica para unha posterior cualificación máis especializada, que se realizará no mesmo posto de traballo. Deste xeito, a formación ocupacional, non se supedita ás rixideces da educación formal, asume estratexias pedagóxicas flexibles e adáptase mellor ás demandas locais do mercado de traballo, razóns polas que ten cada vez maior relevancia; esta modalidade concrétase en múltiples variantes: desde a formación que ofertan as empresas ós programas promovidos por diversas institucións para a cualificación de sectores poboacionais con déficits que impiden a súa inserción laboral: escolas obradoiro, programas de transición á vida activa, etc. 62. GRUPO: Conxunto de individuos entre os que existen relacións definidas, sendo cada membro consciente das pautas sociais e culturais que os identifican como colectivo humano, a partir das que establecen a súa pertenza e vencellamento a el. Son a base da organización social, á vez que un campo específico de intervención dos profesionais sociais. O grupo ten unha grande influencia sobre o individuo, configurando e modificando os seus hábitos, crenzas e actitudes, proporcionando apoio, etc. Todo grupo, como organismo vivo, nace, medra, madura e desaparece; a súa constitución e desenvolvemento dependen da distribución de roles, do tipo de liderato, da percepción común e compartida de obxectivos e do contexto social máis amplo no que se inscriba. En función de diferentes variables como o seu tamaño, a cohesión entre os seus membros ou nivel
de comunicación, fálase de diferentes tipos de grupo: formal-informal, primario-secundario, grande-pequeno, san-enfermo, etc. A dinámica de grupos elabora técnicas, instrumentos e procedementos que, aplicados á actividade do grupo, axudan a desenvolve-la súa eficacia, estimula-las súas potencialidades e mellora-lo seu funcionamento de cara a acada-los obxectivos que lle dan senso. 63. HABILIDADES SOCIAIS: Capacidades e disposicións positivas dunha persoa para as interaccións, labores ou actividades desenvolvidas nun contexto social. En ocasións identifícanse con destrezas sociais dos individuos para relacionárense optimamente con outros suxeitos, grupos ou auditorios, mesmo cando se traducen en hábitos morais e de conducta que definen a condición de cidadán: empatía, xenerosidade, actitudes sociais, consideración das opinións dos demais, civismo/conducta prosocial, solidariedade, respecto ós dereitos alleos, cooperativismo... Tamén designan as destrezas e estratexias comunicativas postas en acción para negociar e conseguir unha meta concreta, é dicir, aptitudes sociais necesarias para entablar relacións e capta-lo ambiente que existe entre un grupo, a través dunha dialéctica do convencemento cun determinado proxecto. Os profesionais e voluntarios da acción social necesitan dispoñer dun abano considerable de habilidades sociais, xa que a meirande parte do seu traballo se realiza en contacto con individuos e colectivos: o éxito do seu labor depende en gran medida das súas capacidades de comunicación e empatía coas persoas coas que manteñen interacción. Saber pedir axuda ou auxilio, expoñer unha demanda ou unha crítica, canalizar socialmente reaccións de ira ou odio a través do diálogo, desenvolverse nunha conversa ou manexarse nunha reunión de pequeno ou gran grupo, son algúns exemplos.
I 64. IDEOLOXÍA: Conxunto de ideas ou de representacións das mesmas, que as persoas e grupos adoptan para interpretar e orienta-las relacións que manteñen cunhas determinadas condicións de existencia e vida, xeralmente reflectidas nas pautas culturais, crenzas, actitudes, etc. que comparte un determinado colectivo social. Neste senso capta e define as realidades sociais segundo o poder, lexitimidade e autoridade que se lles atribúe ós diferentes grupos sociais, mesmo con visións antagónicas e confrontadas. En calquera caso, é un concepto que desempeña un papel central no pensamento filosófico e político contemporáneo, particularmente relevante en Marx e nas diversas correntes do marxismo, malia que con posicionamentos diverxentes, que van desde a súa denuncia como unha falsa conciencia do mundo, ata a reivindicación do seu protagonismo nos procesos de cambio social. Así mesmo, as ideoloxías son un argumento clave na Socioloxía do saber, da comunicación social e da cultura. Nas últimas décadas, a relativización das ideoloxías e doutros conceptos asociados ó seu uso (clases sociais, razón dialéctica, conflicto social, etc.) cuestionan a súa viabilidade como expresión válida para o futuro desenvolvemento da sociedade, presaxiando o seu declive e desaparición nas prácticas sociopolíticas emerxentes. Sucede, á súa vez, que o cuestionamento das ideoloxías é, pola súa natureza, tamén ideolóxico. 65. IGUALDADE DE OPORTUNIDADES: Concepto utilizado nas políticas educativas e sociais co que se expresa o obxectivo de facilita-las mesmas condicións de acceso e promoción social ós individuos ás que van destinadas, independentemente da súa orixe, do seu nivel cultural ou da súa capacidade económica. A igualdade de oportunidades enténdese como paso previo para logra-la igualdade social. No campo das medidas concretas tradúcese en programas de extensión de bolsas, educación compensatoria, subsidios sociais e privilexios para discriminar positivamente ós individuos con menos recursos económicos e culturais. Desde posicións críticas arguméntase que estas políticas non igualan ós individuos posto que non se poden restituír con axudas puntuais (case sempre de carácter económico), os déficits de socialización, contextuais ou culturais que arrastran os colectivos destinatarios. Consideran, ademais, que a pretendida igualdade de oportunidades é un instrumento de dominio simbólico que oculta e lexitima a desigualdade real, transformando os fracasos ó final do itinerario educativo ou do programa social compensatorio, en fracasos asociados con carencias individuais. 66. INADAPTACIÓN SOCIAL: Situación que se orixina cando unha persoa ou grupo non se integra ou acomoda ás condicións, circunstancias ou normas da sociedade na que se está a desenvolver, por mor de sufrir algún tipo de carencia social (minusvalía, deficiencia comunicativa, illamento, falta de recursos económicos, falta de traballo ou expectativas na vida...). Tamén pode orixinarse co rechazo unilateral das persoas ou grupos ás estructuras básicas ou ideolóxicas da sociedade, circunstancia contrarrestada a través de certos mecanismos sociais que impiden a adaptación a unha vida socialmente aceptada como normal nas diferentes institucións sociais (familia, escola, traballo, etc.). A superación das inadaptacións precisa dun esforzo reeducativo asociado convenientemente con medidas psicolóxicas, médicas, culturais, económicas..., xa promovidas desde hai anos por diferentes institucións e organizacións sociais. Segundo a perspectiva sociolóxica de partida, a inadaptación será responsabilidade do individuo/colectivo, ou da sociedade (debido a intolerancia, prexuízos ou rexeitamento social), o que xustificará a educación da persoa inadaptada ou a educación da comunidade. Na sociedade moderna identifícanse situacións de inadaptación social con diferentes graos de concreción, podéndose mencionar entre outras, as tribos urbanas, os siareiros deportivos, os xitanos, os vagabundos, os exreclusos ou os toxicómanos. 67. INDICADORES SOCIAIS: Na súa acepción literaria asimílanse a sinais ou signos que describen ou presentan unha determinada realidade social, coa intención de aprehendela e conceptualizala. Como instrumentos cos que se operacionalizan magnitudes económicas, demográficas, educativas, etc. dunha sociedade, admiten unha gran polivalencia na súa construcción e uso, conformando xeralmente un conxunto de medidas (ratios) a través das que se
pretende dar idea dunha situación social e, mesmo, da súa evolución temporal. Neste senso, traducen informacións puntuais ou diferidas da sociedade en valores de referencia diagnóstica, comparativa ou prospectiva, favorecendo a explicación e comprensión de problemas sociais complexos. A súa crecente aplicación como estatísticos sociais, guiados ou soportados por intereses políticos e científicos que propugnan a atomización social, esixe advertir sobre os perigos potenciais da súa xeneralización como representación simplificada da sociedade, o que non debe impedir que prospere a súa lexitimidade e valía como recurso metodolóxico que amplia as oportunidades do coñecemento e a praxe social. 68. INFANCIA: Etapa vital na que, tomando como referencia a idade, expresa unha construcción social que comeza co nacemento e finaliza na adolescencia. Como período socialmente recoñecido do ciclo vital humano, caracterízase polo exercicio do xogo como elemento que facilita a socialización nunha determinada cultura, así como pola adquisición das capacidades sensorial, motriz, social e de linguaxe, conquistando unha progresiva autonomía que se completará durante a adolescencia e a xuventude. A concepción da infancia variou substancialmente, deixando de ser considerada unha etapa de imperfección que cómpre superar para chegar a ser adulto; pola contra, é comprendida hoxe como un período evolutivo con senso e fin en si mesmo. Na infancia configúrase a personalidade, valores, hábitos, etc. da persoa, caracterizándose este momento pola extraordinaria ductilidade e permeabilidade a influencias externas. Nesta etapa iníciase a socialización primaria no núcleo familiar, e a secundaria na institución escolar, estendéndose a ámbitos sociais máis amplos. Co recoñecemento da infancia como etapa con entidade propia, este grupo social é obxecto de políticas e intervencións específicas. 69. INNOVACIÓN EDUCATIVA: Novidade, creación ou modificación dunha práctica educativa co obxecto de promove-la súa introducción nos procesos educacionais. Neste senso, refírese tanto a novos recursos didácticos como a xestión dos centros, técnicas pedagóxicas, medios, métodos, estratexias ou espacios, tendo como finalidade última a mellora dos procesos de ensinoaprendizaxe en calquera institución educativa (en particular na escolar), e a maximación dos seus obxectivos e rendementos. Segundo a definición da O.C.D.E., trátase de "toda tentativa encamiñada conscente e deliberadamente a introducir no sistema de ensino un cambio co obxecto de mellorar este sistema". Os procesos de reforma dos sistemas educativos son causa e efecto dun gran número de innovacións educativas, progresivas ou simultáneas no tempo, que involucran diferentes dimensións da institución escolar, xerando habitualmente cambios profundos nas súas condicións estructurais. A inercia da actividade dos sistemas educativos condúceos indefectiblemente á resistencia ás innovacións para manter estables indefinidamente as súas bases, o que logran a través de diferentes estratexias que minimizan, formalizan ou mimetizan os cambios que grupos innovadores, os poderes públicos ou a sociedade intentan introducir. 70. INSTITUCIÓN SOCIAL: Na Socioloxía e mesmamente na linguaxe coloquial, o termo institución designa o que está constituído ou establecido na sociedade, cunha presencia explicitada polo costume, os valores ou certas formas de acción social. Pola natureza e alcance da súa configuración, as institucións caracterízanse como piares básicos da organización colectiva, comúns a tódalas sociedades, onde comparten a intencionalidade de darlles resposta a problemas e necesidades colectivas. En consecuencia, podemos pensar que estamos diante dunha institución social cando é posible determina-la existencia dun grupo humano, dedicado ó cumprimento dunha actividade específica, axustada a un conxunto de normas que fixan os distintos roles que van desempeña-los membros dese grupo, segundo o status que ocupan e a dinamicidade que poden xerar; por último, recoñécese nas institucións unha articulación material e simbólica, mediante a que acadan certos fins. O seu recoñecemento como unidades principais na ordenación da sociedade garante a regularidade da acción social e das estructuras nas que se sustentan. Merecen a consideración de institucións sociais, entre outras, as familias, as escolas, os Estados, as Igrexas e os medios de comunicación social. 71. INTEGRACIÓN SOCIAL: Expresión que alude ó proceso de acomodación dun individuo ou
dun grupo social ós valores e ás pautas de comportamento colectivo establecidas como normais nunha comunidade máis extensa; pode referirse tamén ó grao de cohesión interna entre os individuos e as institucións dun mesmo colectivo social. Os procesos de marxinación, exclusión e desintegración social, opóñense á integración ou inserción. Por outra parte, os programas de intervención socioeducativa teñen frecuentemente como obxectivo principal a integración de individuos ou grupos nunha realidade social asumida como normal. Desde posicións críticas, educadores e outros axentes do traballo social consideran que os programas de integración social poden servir en determinados casos a fins ilexítimos de control e aculturación, cualificando como marxinal e rexeitando -como fóra do socialmente normal-, o que non é máis ca outra forma de concibi-las relacións sociais. En todo caso, é necesario ter en conta que dentro dun mesmo conglomerado humano poden coexistir distintas concepcións da orde social mantendo, non obstante, un nivel mínimo de cohesión social. 72. INTERVENCIÓN SOCIOEDUCATIVA: Adoptando os criterios conceptuais e metodolóxicos que definen en senso amplo á intervención social, aquela pode caracterizarse como un complexo sistema de estratexias, actividades, iniciativas e experiencias educativo-sociais nas que se asume a intencionalidade dun proceso que cómpre resolver simultaneamente como reflexión e praxe pedagóxica. Na realidade, desde o seu deseño ata a avaliación, configura unha empresa difícil e mesmo contradictoria, a través da que se pretenden anticipar e planifica-los compromisos e responsabilidades de diferentes axentes (Administracións Públicas, profesionais, participantes, etc.) co desenvolvemento da educación na sociedade, mediante plans, programas ou proxectos sociais nos que predomina a orientación formativa das súas metas e finalidades. Como proceso pode e debe ser contextualizado en diversas realidades sociais, atendendo a diferentes problemas, áreas e ámbitos da Educación Social, entre os que se poden mencionar a animación sociocultural, o desenvolvemento comunitario, o traballo social, a formación laboral, a educación no tempo libre, etc. 73. INVESTIGACIÓN-ACCIÓN: Trátase dunha expresión que remite na súa orixe ó traballo psicosocial de Kurt Lewin (1946), quen a utiliza para describir procesos de investigación cos que acadar de forma simultánea avances teóricos e cambios sociais, tendo para tal fin un carácter abertamente democrático e participativo. Posteriores contribucións incorporan o seu discurso á educación e ó traballo social, matizando e formalizando o seu concepto nas prácticas de profesores e educadores, no desenvolvemento curricular, na dinámica dos centros educativos, en programas de intervención comunitaria, etc. En xeral, supón unha revisión profunda das relacións que establecían tradicionalmente a teoría e a práctica social, promovendo que o coñecemento e a acción formen parte dun proceso cíclico e permanente de reflexión-acción. Neste senso, os seus principios e trazos metodolóxicos son: integra-lo desexo de saber co desexo de actuar, concretarse na e desde a realidade situacional e práctica das persoas, compromete-lo protagonismo dos prácticos na análise e resolución dos seus propios problemas, mellorar cualitativamente as prácticas e involucrar ás persoas nos cambios sociais. 74. INVESTIGACIÓN SOCIAL: Designa, de modo xenérico, os procesos de indagación e coñecemento crítico-reflexivo referidos á sociedade, en senso amplo. Para tal fin, e compartindo principios científicos e opcións metodolóxicas diversificadas, promove o acceso sistemático e rigoroso ás realidades sociais (individuais, grupais, comunitarias, institucionais, etc.), co obxecto de proporcionar información e coñecemento suficiente sobre as mesmas e as súas respectivas problemáticas, verbo tanto de perspectivas estructurais como dinámicas, e a partir dun saber comprensivo ou desde a súa categorización en disciplinas particulares (Socioloxía, Antropoloxía, Economía, etc.). Como ámbito da investigación científica na que se concretan construccións teóricas e metodolóxicas relacionadas co estudio e valoración da sociedade, posibilita diferentes alternativas respecto da súa descrición, explicación e comprensión, segundo os sistemas de pensamento que se adopten e a natureza cuantitativa e/ou cualitativa coa que se constrúan os datos provenientes da realidade. A caracterización dos problemas sociais, a súa delimitación como obxecto de estudio científico, ou as finalidades que se determinen respecto das súas contribucións,
configuran procesos de investigación social que poden catalogarse como históricos, comparativos, sociolóxicos, etc.
L/M 75. LEXISLACIÓN SOCIAL: Corpo legal que delimita, regula e garante as actuacións da política social nos niveis correspondentes a cada Administración Pública, mesmo ás veces con criterio supranacional. A súa configuración vén determinada polo principio de responsabilidade pública na prestación dos servicios sociais como dereito dos cidadáns, sobre todo os que se encontran en situación de necesidade. Ten como principios inspiradores básicos a solidariedade social, a universalización das prestacións, a participación social, o tratamento integral das necesidades sociais, a coordenación e, de se-lo caso, a descentralización, etc. no seu conxunto, definitorios das posibilidades e límites da política de benestar social que deben ser desenvolvidas polas instancias gobernamentais, considerándose que a súa promulgación sempre é relevante de cara á consecución das metas de promoción, igualdade e integración social. A súa concreción en leis de alcance xeral ou específico adoita contemplar diferentes áreas, prestacións e servicios, ós que se lles recoñece o dereito social de percepción: información e orientación, axuda a domicilio, aloxamento e convivencia, prevención e inserción social, promoción e cooperación social, etc., con destinatarios preferentes en persoas e colectivos diferenciados por algún tipo de criterio social: familia, infancia, xuventude, terceira idade, muller, minusválidos, toxicómanos, minorías étnicas, indixentes, parados, etc. A reconversión dos servicios sociais cara a un sistema público integrado, garante dos dereitos sociais das persoas en situacións obxectivas de necesidade, aplicando principios e compromisos subscritos en declaracións e pactos de carácter universal, é unha referencia clave na interpretación dos avances xurídicos que se teñen producido en materia de lexislación social. 76. MAPA DE RECURSOS SOCIAIS: Documento de síntese no que se informa da situación dos recursos sociais cos que conta un determinado territorio, presentando proxeccións para o futuro. Xunto coas guías de recursos, son instrumentos técnicos que precisan as Administracións para a ordenación, integración e orientación das políticas de servicios públicos, co obxecto de responder de xeito eficiente e equitativo ás necesidades sociais da poboación, ó tempo que serven para facilita-la toma de decisións en procesos de planificación. Tamén son empregados por profesionais da intervención social para coñece-los medios e equipamentos dos que dispoñen cando presentan propostas de actuación nun territorio. Xeralmente, nos mapas de recursos sociais enuméranse os datos máis obxectivables de cada un dos recursos (denominación, situación, dependencia, organización, obxectivos, persoal, destinatarios, instalacións, orzamentos, actividades, recursos...), para analizalos posteriormente en aspectos como a distribución territorial, tipo de funcionamento, aproveitamento de recursos, previsible evolución, adaptación ó contorno, cubertura poboacional, necesidades económicas, cualificación do persoal, insuficiencias infraestructurais, etc. Existen diferentes tipos de mapas de recursos sociais, segundo as dimensións da realidade que toman como referencia, de modo tal que atopamos mapas de recursos culturais, sanitarios, de emprego, de lecer, educativos (escolares), de servicios sociais, deportivos, estudiantís, xuvenís, do asociacionismo, etc. 77. MARXINACIÓN SOCIAL: Exclusión e/ou limitada integración na sociedade dunha persoa ou grupo, deixándoa en condicións de inferioridade, prescindindo dela, ou evitando considerala. Na práctica é un fenómeno constatable en tódalas sociedades, a resultas da discriminación ou separación das persoas por prexuízos sociais, minimizando os seus dereitos. Neste senso supón vulnerar principios básicos da convivencia social, recoñecidos e proclamados na Declaración Universal dos Dereitos Humanos ou en textos constitucionais, que garanten para toda persoa o mesmo trato, privilexios e deberes básicos, independentemente da súa raza, cor, sexo, relixión, ideoloxía, lingua, nacionalidade, opinión, posición económica ou calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social. A marxinación reflíctese en persoas que viven e participan na vida social de dous pobos, grupos ou clases distintos e que, sen romper co seu pasado nin ser aceptadas por completo na nova sociedade, son obxecto de discriminación social. Por contra, existe automarxinación cando o suxeito non amosa as disposicións actitudinais necesarias para poder integrarse nunha sociedade (inadaptación social). Os organismos encargados de axuda-los
cidadáns. Adóitase sinalar catro tendencias no quefacer da política cultural: as políticas carismáticas, como concepción patrimonialista da cultura; a democratización cultural, orientada á extensión e difusión da cultura de elite; a democracia cultural, que prioriza o coñecemento e creatividade individual e colectiva; e as políticas de oferta e xestión cultural, nas que se impón a industria cultural e de mercado. 99. POLÍTICA EDUCATIVA: Desde unha perspectiva máis tradicional, podemos definir este concepto como aquela dimensión específica do poder político que determina as directrices para o sector da educación, concretando principios, obxectivos e fins que orientan a acción educativa, a súa estructura, organización, contidos, duración, formación de docentes, financiamento, etc. Cunha visión ampla, a política educativa debe responder a concepcións como a educación permanente, a educación non formal e informal ou a cidade educadora, non circunscribindo o seu campo de acción ó marco escolar; ampliando os seus significados e alcance, en conexión coas políticas culturais en ámbitos como a formación artística especializada, a formación para a creación de públicos e a práctica cultural, a dignificación das propostas pedagóxicas e culturais para escolares, a reflexión teórica e política sobre o papel cultural da escola, a alfabetización en novas linguaxes, a función educativa dos equipamentos culturais, etc. Nas últimas décadas as políticas educativas deben resolve-lo desafío que supón harmoniza-las propostas e directrices que brotan dos organismos internacionais coas que son propias de cada realidade nacional, rexional e local. Formas específicas de particularizar este desafío teñen que ver cos binomios centralizacióndescentralización de competencias, delimitación do sistema público e do sistema educativo, e as relacións sistema educativo-sistema productivo. 100. POLÍTICA SOCIAL: Dimensión do poder político que se concreta nunha intervención instrumental e normativa das administracións públicas nas realidades sociais co obxecto de promove-lo benestar social das persoas. Habitualmente diferéncianse dúas dimensións na política social: unha xeral, baseada no diagnóstico e establecemento das actuacións dos poderes públicos, na que se determinan as finalidades cara ás que debe tende-la sociedade; e unha específica, que arbitra as medidas necesarias para traduci-las políticas públicas en programas e servicios sociais concretos. No ámbito europeo, constátase unha evolución desde as políticas sociais de beneficencia que se corresponden coa tipoloxía propia dos estados liberais, ata as políticas de benestar social características dos estados sociais e democráticos de dereito. 101. PRAXE SOCIAL: Segundo a transcrición da voz grega que orixina o vocábulo, refírese a un quefacer, transacción ou acción humana, con fin en si mesma, que non crea ou produza un obxecto alleo ó axente ou á súa actividade. Tamén no pasado foi empregada a expresión para aludir á acción moral, asimilándose de xeito cotián, ás prácticas que desenvolven as persoas, en xeral contrapoñéndoa coa teoría. A evolución do concepto acabaría por determina-la súa consideración como unha categoría central do pensamento marxista, no que se concibe simultaneamente como interpretación do mundo, e guía da súa transformación, dúas premisas coas que se reafirma a súa natureza complexa e dialéctica como conxunto de procesos cos que se posibilitan novas lecturas sobre a creación e a representación das relacións sociais, tanto desde unha perspectiva filosófica como histórica. A praxe preséntase en diversas formas específicas (políticas, culturais, artísticas, etc.), no contexto dunha praxe social total que integra o coñecemento e a acción, a teoría e a práctica. Máis aló do grao en que cada individuo, grupo social ou sociedade participe nesa praxe total, ela é a actividade pola que o home se produce ou se crea a si mesmo como ser social. 102. PROFESIÓNS SOCIAIS: O mundo das profesións nace da evolución de certas funcións sagradas, que nun principio foron asumidas de xeito indiscriminado polos sacerdotes, a quen se responsabilizaba de profesar no senso de dar testemuño público dalgún elemento sagrado: por exemplo, a fe ou os votos. O transcurso do tempo, cos seus correspondentes cambios sociais, modifica esta percepción asimilando as profesións a unha actividade permanente, mediante a que se racionaliza a división social do traballo, atendendo a criterios dun saber constitutivo, modos específicos de recrutamento, autonomía e responsabilidade social. A progresiva diferenciación das
profesións no marco dunha sociedade cada vez máis complexa, derivará na súa crecente caracterización de acordo con sinais de identidade que salientan a natureza diferencial e plural das profesións. Dentro destas, son cualificadas como sociais as que se preocupan e ocupan prioritariamente da sociedade e dos problemas que lles afectan ás persoas e colectivos sociais, mesmamente centrando o seu interese nas necesidades sociais, respecto das que desenvolven un saber teórico-práctico de nidia proxección social. Aínda que, en rigor, tódalas profesións son sociais, adoitan catalogarse como tales aquelas que se vencellan científica e disciplinarmente ó traballo social en senso amplo: educadores, sociólogos, psicólogos, economistas, asistentes sociais, etc. 103. PROGRAMAS DE TRANSICIÓN: O retraemento estructural do mercado laboral a partir dos anos setenta restrinxe as oportunidades dos xoves para acceder ó emprego. Simultaneamente agudízanse os desaxustes entre a oferta educativa formal e a cualificación que demanda un sistema productivo en continua evolución tecnolóxica e organizativa. Para responder a esta problemática, a Comunidade Europea e outras institucións públicas poñen en marcha a partir de 1979 unha serie de iniciativas baixo a denominación xenérica de programas de transición. Orientados preferentemente a xoves de sectores sociais desfavorecidos con fracaso escolar, o seu obxectivo é facilitar unha formación laboral adaptada ás demandas concretas dos mercados locais de traballo e cunha metodoloxía pedagóxica atenta ás motivacións e características especiais dos alumnos. Os primeiros programas fixeron fincapé na transición do sistema formativo ó sistema laboral, para integrar posteriormente un concepto de transición máis integral que contempla outros compoñentes incidentes na inserción dos xoves na sociedade: acceso á vivenda, constitución de familia propia, satisfacción de demandas culturais, de lecer, etc. 104. PROGRAMAS SOCIAIS: Responden ás demandas de dinamización, formación, integración, orientación, xestión, organización..., xeradas en función dun plan concreto de acción e intervención social, habitualmente promovidos polas administracións públicas para un período, un territorio e unha poboación determinados (p. e., o Plan Integrado de Infancia do Concello de Barcelona, o Plan de Emprego Xuvenil da Xunta de Galicia ou o Plan Nacional de Drogas do Goberno do Estado); por iso adoitan estar coordenados cos demais programas que desenvolven o mesmo Plan. Na realidade poden configurarse como un conxunto de proxectos sociais orientados a unha intervención integral, respecto da que se definen obxectivos, xustificación social, financiamento, cobertura espacial, metodoloxía, destinatarios, axentes profesionais e voluntarios, recursos materiais, instalacións... Constan basicamente de cinco fases: estudio da realidade e das necesidades sociais da comunidade; deseño de proxectos; reunión dos recursos necesarios (humanos, económicos, materiais, infraestructurais), e busca do apoio da comunidade; execución das actividades previstas; e avaliación (de obxectivos, resultados, proceso, investimento, persoal, autoavaliación...), elaboración e presentación de informes, e retroalimentación. Algúns ámbitos específicos para a programación social son: promoción educativa de adultos, orientación xuvenil académico-profesional, atención ás necesidades sociais dos xitanos, animación á lectura... Na linguaxe cotiá designan o conxunto de principios, orientacións e tarefas que se propón realizar unha organización social ou partido político para un tempo e unha poboación determinados. 105. PROXECTOS SOCIAIS: Propostas operativas nas que se articulan a realización dunha serie de actividades de carácter social. Trátase da disposición deseñada de iniciativas que cómpre desenvolver con criterio e finalidade social, a partir duns obxectivos que se orientan cara á satisfacción de necesidades concretas para o desenvolvemento sociocultural e mellora da calidade de vida. Representan o grao máximo de concreción e especificidade respecto dun plan ou dun programa social: son as unidades independentes das que se compoñen aqueles, aínda que a súa execución debe se-lo máis coordenada posible. Precisan concreta-los seguintes aspectos: metas e obxectivos, necesidade ou senso do proxecto, membros do equipo executor, organización, financiamento (público, privado, concertado), destinatarios, cobertura territorial, métodos e actividades a executar, temporalización (cronograma), voluntarios, recursos económicos e materiais, instalacións dispoñibles, etc. As súas fases de desenvolvemento, estructuralmente poden
se-las mesmas que as dos programas sociais. Necesitan integrarse no territorio e contar coa participación da comunidade; a súa concepción provén de administracións públicas, entidades privadas ou organizacións sociais.
R/S 106. RECURSOS SOCIAIS: Nun senso amplo, son o conxunto de persoas, institucións, infraestructuras, equipamentos ou medios de tipoloxía variada, dos que dispón unha sociedade para satisface-las súas necesidades, posibilitando o logro de metas vencelladas á realización dunha auténtica política de benestar social. Nun senso máis estricto, é o conxunto de elementos humanos, económicos, materiais e infraestructurais potencialmente dispoñibles para desenvolve-la intervención social, co obxecto de executar un plan, programa, proxecto ou actividade nun determinado contexto social, coa pretensión de acadar determinadas metas e finalidades. Os recursos clasifícanse en prestacións sociais e servicios sociais, segundo sexan de uso individual ou colectivo. Así mesmo, pode distinguirse entre recursos sociais de carácter xeral e recursos sociais sectoriais. Nos primeiros adoitan incluírse: dotacións económicas para a cooperación social con institucións de ámbito internacional, estatal, rexional e local; prestacións e subvencións universais; centros de información e documentación, etc. Os recursos sociais sectoriais están en función de persoas e colectivos ós que se considera obxecto de atención preferente: menores, xoves, anciáns, minusválidos, refuxiados e asilados, damnificados en situacións de emerxencia, etc. Tamén cabe considerar como recursos sociais, en senso amplo, o voluntariado social, os profesionais sociais, as asociacións e outras organizacións sociais, os equipamentos socioculturais, etc. 107. SERVICIOS CULTURAIS: Ver SERVICIOS EDUCATIVOS/CULTURAIS. 108. SERVICIOS EDUCATIVOS/SERVICIOS CULTURAIS: Conxunto de prestacións de carácter educativo ou cultural ofertadas polo sector público, a iniciativa privada ou conxuntamente por ambos. Trátase de recursos, infraestructuras, programas e actividades organizadas que, mediante a intervención de persoal experto e co soporte de equipamentos e recursos axeitados, pretenden mellora-la situación e o nivel educativo e cultural da poboación dun territorio, elevando a súa calidade de vida de forma global ou en aspectos sectoriais. Son de especial relevancia os servicios educativos e culturais que prestan os municipios; organizados en forma de departamentos, institutos ou fundacións municipais de educación ou cultura. No caso dos servicios educativos, desenvolven programas de apoio á escola, de planificación territorial e de dinamización educativa. No caso dos servicios culturais, ademais do anterior, promoven procesos de creación e difusión cultural no ámbito municipal correspondente. Algúns dos programas definitorios dos servicios educativos e culturais municipais son os de animación á lectura, de música na escola, de teatro, utilización didáctica das cidades, de animación deportiva, etc. 109. SERVICIOS SOCIAIS: Instrumentos da política social (centros, equipos, recursos, plans, programas) orientados sistematicamente á acción social para atender e previr necesidades dos individuos, grupos ou comunidades, para resolve-los seus problemas socioeconómicos ou de integración social, para a obtención dun mellor benestar social e en definitiva, para acadar unha maior calidade de vida. Son servicios públicos non filiativos e de axuda social, que se integran nas redes de protección social configurando un sistema público de benestar social (do mesmo xeito que os sistemas escolar, sanitario, de emprego, de pensións). Descentralizadamente, dependen das diferentes administracións públicas, e dalgunhas entidades privadas con ou sen fins de lucro. Segundo o carácter da súa intervención, poden ser: a) servicios sociais comunitarios; polivalentes, xerais, universais, asistenciais..., son os máis próximos ó cidadán, que a través deles accede ó sistema público de servicios sociais; garanten prestacións básicas como: información e asesoramento, axuda a domicilio, apoio familiar e convivencial, inserción social, promoción da participación social e da solidariedade. b) Servicios sociais especializados; dirixidos a sectores concretos da poboación con problemas que necesitan unha atención particularizada: mulleres, familia, infancia, xuventude, terceira idade, minusválidos, toxicomanías, marxinados, refuxiados, reclusos, minorías étnicas... cos que realizan un tratamento intensivo, especializado e rehabilitador en conxunción cos servicios comunitarios. 110. SISTEMA FORMATIVO INTEGRADO: Modelo que fai operativa a filosofía de cidade
educadora a través dun pacto entre o conxunto de entidades formativas que están presentes nun determinado espacio social. Os axentes e as funcións de cada un deles son os seguintes: con respecto ás entidades locais -en especial ós concellos-, correspóndelles planificar e organizar globalmente o territorio, así como canaliza-lo compromiso dos outros interlocutores da comunidade para manter unha relación estable e facilita-la súa participación; a escola, mediante a reflexión e a recomposición, é a institución á que compete transforma-la experiencia vital que ofrece o territorio en experiencia cultural; a familia asegura que o itinerario formativo de nenos e xoves non se reduza ó período escolar; a estructura productiva pública e privada encárgase de diversificar ó máximo a experiencia vital que ofrece a sociedade; as asociacións e colectivos cidadáns, vertebradores da vida local, posibilitan diferentes vías de conexión coa cidade, destacando o papel do voluntariado como vía de corresponsabilidade nas dinámicas comunitarias. 111. SOCIALIZACIÓN: Conxunto de procesos polos que un individuo adopta as crenzas, as normas e os modos de pensar da comunidade na que se desenvolve, así como as capacidades que lle permiten actuar como un compoñente máis dos grupos e da sociedade global. Ensamblaxe pola que un novo membro da sociedade interioriza a súa identidade social, proceso que malia prolongarse ó longo de toda a vida, actúa con maior intensidade nos primeiros anos. Facilita a integración social e a adaptación proporcionando pautas de comportamento que son aceptadas/rexeitadas pola comunidade mediante mecanismos de recoñecemento e sanción máis ou menos formalizados. Promove a sociabilidade (vocación social) do ser humano, fundamental para o seu desenvolvemento integral en canto suxeito pertencente a unha comunidade que comparte unha serie de valores, cadros espacio-temporais, tradicións, hábitos e estratexias organizativas, condicionadas pola historia e o medio social e natural. Pode distinguirse entre unha socialización primaria, función que lle corresponde á familia como principal axencia socializadora (transmite as impresións sociais básicas), e unha socialización secundaria exercida pola escola, os compañeiros, a igrexa, o traballo, os medios de comunicación... (que matizan e amplían esas pautas básicas). Mantén relación cos termos aculturación e endoculturización. 112. SOCIEDADE: Na linguaxe cotiá refírese a un conxunto máis ou menos amplo de persoas, pobos e nacións que conviven entre si, como expresión dunha identidade e interacción social estable, dependente de formas ou tipos de organización social (políticos, relixiosos, culturais, etc.) recoñecidos historicamente. Sometida a diferentes lecturas sociolóxicas, considérase que a sociedade sempre implica unha certa totalidade: desde a humanidade mesma ata os diversos grupos sociais que configuran a vida en común, pasando pola súa interpretación como un sistema social no que se institucionalizan as tarefas básicas da civilización humana. Os seus trazos estructurais e dinámicos implican diferentes regularidades (relacións sociais, división en clases, pautas organizativas, etc.) nas que se consolida a súa caracterización como o sistema de tódolos sistemas sociais -pasados, presentes e futuros-, que dirixe e regula por si mesmo a evolución social. Pódese sinalar que os atributos estructurais da sociedade exercen unha considerable influencia nos comportamentos individuais, acontecendo tamén que as accións humanas recrean e mudan aqueles atributos, ás veces de xeito significativo. 113. SOCIEDADE DA INFORMACIÓN: Nunha fase inicial, a sociedade industrial caracterizouse pola introducción de tecnoloxías fabrís e de transporte que permitiron a elaboración e distribución masiva de manufacturas. Nas últimas décadas a producción e transporte de mercadorías foi relegada a un segundo plano pola mobilidade dos capitais monetarios e a oferta de servicios (sociedade de servicios). Para moitos analistas, vivimos a transición a outra fase, caracterizada pola incorporación de novas tecnoloxías informáticas e telemáticas que permiten a codificación de calquera tipo de información, o seu procesado inmediato e a súa rápida dispoñibilidade en redes de alcance mundial: a sociedade da información. Neste escenario, é a posesión dos coñecementos (tamén se fala da sociedade do coñecemento) que permiten codificar e procesa-la información, a que favorece a aparición dunha nova elite social hipercualificada, mentres que se debuxa un novo tipo de analfabetismo informacional como factor engadido de exclusión e dualización social.
114. SOCIOLOXÍA DA EDUCACIÓN: Nas Ciencias da Educación, e por extensión nas Ciencias Sociais, aplícase esta denominación á disciplina científica e académica que estudia a educación en tanto que feito e práctica social. Con esta finalidade recorre a conceptos, métodos e teorías sociolóxicas que aspiran a describir, interpretar e explica-las múltiples relacións que se establecen entre a educación e a sociedade. Como rama particular da socioloxía da cultura e do coñecemento, achega enfoques e perspectivas que problematizan os discursos educativos e as súas correspondentes prácticas, tanto no que atinxe á súa configuración estructural como ós procesos e dinámicas que desenvolven. Neste senso, entre as súas preocupacións científicas prioritarias podemos menciona-las que se relacionan coa análise da educación como construcción social, o estudio dos procesos de socialización, a concepción e funcionamento dos sistemas e institucións educativas, os procesos de elaboración e transmisión cultural, a estratificación social e as súas repercusións na reproducción das desigualdades educativas, as relacións entre a educación e os procesos de transformación social, etc. Son temas e problemas ó redor dos que se configuran diferentes liñas de investigación sociolóxica, relevantes para entende-las circunstancias nas que se desenvolve a educación na sociedade contemporánea, en función de diversas realidades e contextos sociopolíticos e económicos. 115. SOLIDARIEDADE: Compromiso voluntario contraído por certos suxeitos ou grupos para con outros que se atopan en situacións problemáticas ou discriminatorias, participando con eles na comprensión das súas dificultades (de traballo, relacións sociais, educación, sanidade...), co obxecto de minimizar ou elimina-las súas causas e resultados. Tamén pode tratarse dunha adhesión circunstancial ás opinións, ideais, accións ou actitudes doutras persoas, compartindo as súas consecuencias. Na súa manifestación coinciden actitudes, valores e circunstancias de diversa natureza, entre os que se poden mencionar o desinterese, a utilidade social, a voluntariedade, a cooperación social e a concienciación, desde determinadas perspectivas éticas ou morais de axuda. Prospera especialmente fronte a situacións de guerra, fame, deficiencias educativas, racismo, xenofobia, sexismo, desemprego, carencia de vivendas, discriminacións culturais, etc. Nas sociedades occidentais é un valor que está experimentando un forte crecemento, malia que tivo como antecedentes desde tempos antigos a caridade e a beneficencia (aínda que non eran accións desinteresadas). A solidariedade é o cerne de moitos movementos sociais contemporáneos, representando as O.N.G.s unha das súas mellores expresións.
T 116. TECNOLOXÍA SOCIAL: Perspectiva ou enfoque adoptado nas Ciencias Sociais para se referir ó uso e aplicación sistemática do coñecemento científico a problemas prácticos, para os que se formulan metas preestablecidas e sistemas de intervención orientados empiricamente. Na súa caracterización como unha ciencia da acción (saber práctico), aspira a transforma-lo coñecemento en posibilidades de actuación, sempre a partir de informacións e procedementos nos que se poñan as forzas da natureza, das persoas e das organizacións sociais a disposición de determinadas finalidades. Adquire estatuto propio na medida en que satisface o obxectivo básico de fornecer solucións efectivas ós problemas concretos que teñen os individuos e as colectividades, o que pode dar lugar a productos inmateriais como poden ser unha estratexia, un planning de actuación, unha metodoloxía de intervención, etc. En tanto que proxección adaptativa da ciencia a un determinado posicionamento teórico e metodolóxico, comporta compoñentes ideolóxicas, normativas e axiolóxicas que inciden sobre todo no que é máis conveniente, útil, práctico, etc., o que leva en si dictaminar sobre a racionalidade das metas que se esperan conseguir, a eficacia da acción, a súa temporalidade e, mesmamente, sobre a súa rendabilidade económica. Neste senso, a intervención social non pode responder unicamente a intuicións ou a circunstancias ocasionais. Ben ó contrario, implica adoptar criterios de planificación e execución sistemática dunha acción, respecto da que deben clarificarse, cando menos, aspectos coma os seguintes: principios teóricos de referencia, grupos sociais sobre os que se actúa, obxectivos para conseguir, estratexias que cómpre adoptar, dispoñibilidade de recursos e técnicas, temporalidade, procedementos avaliativos, etc. 117. TEMPOS SOCIAIS: Como categoría de alcance simbólico e material que as persoas adquirimos e utilizamos como medio de orientación e saber, o tempo representa un concepto clave para a sincronización da vida social. A percepción máis elemental que temos do mesmo consiste en diferenciar un antes, un agora e un despois, habitualmente expresados nun pasado (o que se lembra), nun presente (o que se experimenta) e nun futuro (o que se espera), cos que se distingue a duración e sucesión das vivencias humanas, das relacións que establecen as persoas entre si, e das interaccións destas coa natureza. Na súa concepción social, o tempo diversifícase en niveis e formas que abranguen: un tempo persoal, relativo ós individuos; un tempo de interacción, propio dos grupos e das relacións informais; un tempo institucional, característico das burocracias e outras organizacións formais; e un tempo cíclico (días, semanas, meses, anos...), no plano máis amplo das manifestacións sociais e culturais. En xeral, son tempos que na sociedade contemporánea adquiren un significado plural, que amplía ou reduce o seu valor en función das persoas e a súa calidade de vida, proxectándose en ámbitos tan dispares coma o deporte, a relixión, o traballo, a educación, o comercio ou o lecer. Polo demais, non debe esquecerse que os modos de experimenta-la relación co tempo son de grande importancia para as culturas e as personalidades individuais, xa que aquel actúa simultaneamente como causa e consecuencia de certos valores e interaccións sociais. 118. TEORÍA DA EDUCACIÓN: Partindo dunha consideración global do concepto de teoría, en tanto que construcción intelectual a través da que se pretende organizar sistematicamente a descrición e organización dun determinado campo científico, a Teoría da Educación representa un ámbito específico da teoría e do saber social, neste caso referido á educación e ós diferentes procesos nos que se concretan as experiencias educativas. En calquera caso é un termo equívoco que admite diferentes lecturas: sexa como sistema coherente de pensamento ó redor da educación, sexa como teorías cientificamente construídas sobre problemas educacionais, ou como disciplina académica na que se elaboran representacións e discursos singulares sobre a educación e o seu coñecemento científico. Malia todo, configura un ámbito privilexiado para a reflexión e o desenvolvemento do quefacer pedagóxico, ó que achega ideas, principios e normas que posibilitan describir, explicar, anticipar e/ou regula-lo desenvolvemento da educación como práctica social complexa. Na concepción que comparten diferentes autores, a Teoría da Educación constitúe un referente principal para as prácticas educativas, a modo dunha teoría práctica, argumentando que na súa estructura científica están implícitos supostos clave sobre os fins da educación, a natureza
social das persoas e a súa educabilidade, a creación do coñecemento e o desenvolvemento dos métodos pedagóxicos; estes supostos actúan como soporte das recomendacións prácticas. 119. TEORÍAS SOCIAIS: As teorías son, en xeral, un conxunto organizado de principios, regras ou leis científicas, mediante as que se pretenden explicar e/ou interpretar uns determinados feitos ou realidades. Polo común, xéranse e desenvólvense a través de categorías e conceptos que outorgan significado a proposicións interrelacionadas de modo sistemático. A súa aplicación ás realidades sociais concrétase en perspectivas e enfoques plurais sobre a natureza do comportamento humano e da sociedade, que intentan explicar, desde condicións sociais xerais ata sucesos concretos, segundo as características da poboación, dos escenarios ou dos tempos. Nas Ciencias Sociais adóitanse distinguir tres niveis de teoría: as grandes teorías (paradigmas) e os seus modelos teóricos relacionados; as teorías formais e de rango intermedio; e as teorías substantivas. Como discursos intelectuais nos que se reflicten a imaxinación e o pensamento social, constitúen un soporte fundamental para o coñecemento e a acción social, nas súas diferentes ciencias e disciplinas científicas: Historia, Antropoloxía, Socioloxía, Economía, Psicoloxía, Pedagoxía, etc. En conxunto representan unha referencia ineludible para situarse nas realidades sociais, tanto para coñecelas e analizalas como para xustifica-lo seu cambio, nun ou noutro senso. 120. TERRITORIO: Enténdese por tal o espacio físico que serve de hábitat a un grupo humano. A influencia do territorio na configuración das sociedades humanas é unha cuestión controvertida. As relacións entre as comunidades humanas e o territorio que habitan empezan a analizarse no século XIX, configurando o obxecto de disciplinas como a Ecoloxía Humana, a Ecoloxía Social ou a Xeografía Humana. Na análise destas relacións distínguense dous paradigmas interpretativos: o determinista, centrado na crenza en que os elementos físicos dun territorio condicionan as pautas culturais e sociais da comunidade que o habita; e o posibilista, que considera que o ambiente físico inflúe,nas formas culturais e de organización social, pero non as determina. Un factor importante na capacidade humana para liberarse dos condicionantes espaciais é o nivel de desenvolvemento tecnolóxico: un menor desenvolvemento constata unha maior dependencia das variables físicas que caracterizan o hábitat natural dunha comunidade; por contra, as sociedades tecnoloxicamente avanzadas e socialmente máis complexas poden ocupar un territorio (definindo unha área cultural) que agrupe áreas naturais con características biofísicas moi diferentes entre si. No territorio maniféstanse de forma visible os procesos económicos, sociais, políticos e culturais; así mesmo, os distintos actores culturais, cos seus proxectos, experiencias, necesidades, condicións de producción e comportamentos. Trátase, por tanto, dun espacio de identificación, lugar de encontro e de accións. 121. TOLERANCIA: Respecto ou consideración a calquera opinión, ideoloxía, arte, indumentaria, raza, cor, lingua, nacionalidade, clase social, relixión, ou calquera outra expresión, condición ou circunstancia persoal ou social, malia que sexa diferente á que se profesa, ou á maioritaria dunha comunidade. Os individuos e grupos tolerantes amosan unha actitude aberta, autocrítica, dialóxica e valoran outras manifestacións culturais (p. e. das minorías étnicas), para construír sobre o diferente unha cultura universal. Considerada e mesmo promovida polas leis das sociedades modernas, que permiten celebrar calquera actividade que non perturbe a convivencia cidadá, a tolerancia garante os dereitos de xustiza, igualdade e liberdade de expresión, e aséntase en éticas ou ideoloxías solidarias. A educación para a tolerancia nace verbo do progresivo deterioro da convivencia entre os cidadáns e entre as culturas na actualidade, coa finalidade de fomenta-la adaptación e a integración entre culturas diferentes, a través da análise, o debate constructivo e a concienciación da poboación sobre os problemas que sofren aquelas persoas con características distintas ás da maioría, ou que son obxecto de marxinación e discriminación social. Os movementos sociais e as organizacións sociais acostuman situa-la tolerancia na vangarda dos seus principios, existindo xa asociacións coa misión exclusiva de loitar contra calquera forma de intolerancia. 122. TRABALLADOR SOCIAL: Profesional da acción social, posuidor dunha formación
multidisciplinar en Traballo Social, servicios sociais, Pedagoxía Social, Dereito do Traballo e da Seguridade Social, Ciencias Políticas e da Administración, Socioloxía, Psicoloxía Social e Evolutiva, Antropoloxía Social... Como tal, divulga, asesora e intervén no deseño de políticas sociais favorecedoras do desenvolvemento local e do benestar comunitario, considerando os diferentes contextos económico, social e cultural; realiza funcións de promoción, investigación, animación sociocultural, prevención e asistencia social a individuos, grupos e comunidades; desenvolve e organiza servicios sociais; facilita recursos institucionais; promove capacidades e recursos individuais e colectivos; e en definitiva, fomenta o benestar social, a saúde, a educación e a calidade de vida. Para realiza-lo seu labor, precisa dispoñer das aptitudes comúns ós profesionais do social (responsabilidade, capacidade de relacións humanas) e coñece-las necesidades sociais e os recursos que posúe a sociedade para as solucionar. Realiza a súa actividade, xunto con outros profesionais, en Organismos públicos e privados (servicios sociais -comunitarios e especializados-, empresas, concellos, centros sanitarios...), atendendo a diversas situacións e problemáticas: drogodependencias, xuventude, vellez, marxinación social, minusvalías, minorías étnicas... e actuando como promotor do esforzo comunitario. Esta denominación substitúe, non sen discrepancias, á expresión asistente social, para identifica-los diplomados nunha Escola Universitaria de Traballo Social. 123. TRABALLO COMUNITARIO: Intervención social especializada de natureza interdisciplinar (Educación Social, Psicoloxía, Traballo Social...), orientada ó desenvolvemento integral dunha área territorial determinada e á mellora do seu nivel de vida, asistindo e prevendo as necesidades da poboación, realizando actividades contra a marxinación e a discriminación social, apoiando sectores sociais desfavorecidos, e desenvolvendo tarefas de dinamización social; ademais, adoita contar coa solidariedade e o apoio do voluntariado social, e a participación da propia comunidade. A súa referencia territorial e humana son as comunidades locais, ás que trata de conceder pleno protagonismo e responsabilidade respecto das iniciativas que se promoven. Os educadores sociais realizan traballo comunitario cando interveñen a través de diversas técnicas, estratexias, actividades e recursos, en tarefas comunitarias tales como animación sociocultural, educación permanente e de adultos, educación ambiental, educación para a paz, educación de rúa, formación cívica, prevención de drogodependencias, axuda a refuxiados e marxinados, etc. 124. TRABALLO SOCIAL: Forma de intervención social superadora da asistencia social, que realizan os traballadores sociais en relación a persoas, grupos, institucións e comunidades e que se opera a través da política social, dos servicios sociais e da acción social. Actividade profesional organizada e desenvolvida intencionalmente para a corrección de situacións persoais ou colectivas consideradas socialmente como non desexadas, que responde ós problemas e necesidades sociais desde un enfoque global e integrado, para o que utiliza os recursos sociais e diversos métodos de diagnóstico e intervención das Ciencias Sociais: entrevistas, dinámica de grupos, xogo de roles... Oriéntase ó logro da autonomía persoal, relacións humanas e solidariedade, formación, animación sociocultural, participación social, desenvolvemento da comunidade, adaptación á sociedade e mellora do benestar e da calidade de vida. Diversos autores subliñan a súa función de concienciación, mobilización e organización dos colectivos sociais para que, nun proceso de promoción do auto-desenvolvemento interdependente, individuos, grupos e comunidades, realizando proxectos de Traballo Social introducidos criticamente e actuando nas súas propias organizacións, participen intensamente na realización dun proxecto político que signifique o tránsito dunha situación de dominación e marxinalidade a outra de plena participación na vida política, económica e social.
U/V/X 125. UNIVERSIDADES POPULARES: Reciben esta denominación as institucións que gardan relación pola súa iniciativa e experiencia cun movemento educacional, xurdido en Francia e singularizado historicamente en España, que se caracteriza por promove-la participación social nas tarefas culturais, priorizando a atención ós sectores máis desfavorecidos da sociedade, tanto desde a perspectiva educativa como desde a sociocultural. As súas actuacións, con enfoques e orientacións que responden á filosofía dunha educación e cultura para todos, tratan de globalizar e integra-las dinámicas e recursos existentes nun determinado territorio, comprometendo as administracións locais (concellos) na satisfacción das necesidades da poboación, impulsando o desenvolvemento integral das comunidades locais. Con esta finalidade promoven unha ampla gama de actividades formativas, entre as que se inclúen: recuperación da cultura popular , satisfacción de necesidades básicas de aprendizaxe, formación para o emprego, coñecementos para a vida cotiá, actualización de linguaxes específicas... Xeralmente moi vencelladas á educación de persoas adultas, están organizadas nunha rede, e mesmo contan cunha federación que as integra e coordena. 126. VALORES: Termo complexo de múltiples significados. No eido educativo pode ser definido como obxectivo e contido da educación, actuando como vertebrador dos procesos educativos. A cuestión dos valores xorde na relación entre educación e cultura, na medida en que varían dunha sociedade a outra e están implícitos, e explicítanse no proceso de socialización nunha comunidade determinada. Na medida en que os valores configuran a conducta, ideas e sentimentos das persoas, constitúen un campo teórico e práctico de grande interese desde unha perspectiva educativa. Así, nos últimos anos foi adquirindo progresiva consistencia a denominada educación en valores, que se centra no estudio e análise dos valores interiorizados a nivel social e individual, para posibilitar unha reflexión sobre eles e sobre a súa posterior modificación verbo duns parámetros básicos e comúns a tódalas culturas, que podemos denominar ética universal. A educación en valores, oposta ó adoutrinamento, ten como obxectivo o fomento da capacidade crítica que permita un posicionamento individual e colectivo máis solidario, ecolóxico, pacífico e cooperativo fronte á realidade. Atopa deste xeito conexións coa educación moral e a educación cívica, que perseguen o desenvolvemento e a formación das capacidades posibilitadoras dunha orientación racional e autónoma en situacións de conflicto de valores. A actual reforma educativa concédelle grande importancia a este tema, que desenvolve nos denominados eixes transversais. 127. VELLEZ: Derradeira das etapas cronolóxicas e bio-psicolóxicas nas que se acostuma dividilo proceso de desenvolvemento vital humano. A vellez -tamén identificada como terceira e/ou cuarta idadecomo fase social comprendida entre a xubilación e o pasamento, considérase unha conquista das sociedades modernas pos-industriais, nas que o ciclo de vida activa vencellada ó traballo remata antes que o ciclo de vida biolóxica. Na actualidade trátase dun colectivo que malia ter ampliado a súa presencia demográfica, padece unha indefinición do seu rol social, derivado da perda de peso na sociedade moderna, especialmente na familia e no sistema productivo. Tales circunstancias orixinan sociopatoloxías como illamento social, sensación de inutilidade, inactividade (resultado do abandono dos circuítos económicos), soidade, depresións e deterioro das relacións comunicativas cos familiares e coa sociedade. Con todo, o constante incremento deste sector debido ó progresivo envellecemento poboacional, xunto coa mellora da súa calidade de vida e situación económica, está converténdoo nun dos principais ámbitos de intervención dos profesionais da acción social (xerontólogos, sociólogos, educadores sociais, pedagogos, traballadores sociais, psicólogos...), desde diferentes iniciativas e programas (atención interdisciplinar, asistencia sanitaria, dinamización, integración social e familiar, turismo, facilidades para o pago de vivendas...) que promoven administracións públicas, organizacións sociais ou empresas do lecer para a terceira idade. Respecto da educación, a Pedagoxía Xerontolóxica ou da Terceira Idade é un dos campos de estudio e intervención da educación de adultos. 128. VOLUNTARIADO SOCIAL: En xeral, aplícase este concepto ó movemento social