Regulamento do plan de pensións da Universidade de Santiago de Compostela
Full text
REGULAMENTO DO PLAN DE PENSIÓNS DA UNIVERSIDADE DE SANTIAGO DE COMPOSTELA (Aprobado pola Comisión de Control o 17 de decembro de 2004) Capítulo I: Denominación, modalidade e adscrición Capítulo II: Ámbito persoal Capítulo III: Dereitos e obrigas de partícipes e beneficiarios Capítulo IV: Réxime de Contribucións e prestacións Capítulo V: Organización e control Capítulo VI: Modificación e liquidación Capítulo VII: Instancias de reclamación Capítulo VIII: Réxime transitorio Este Plan de Pensións regularase polas presentes especificacións, polo Real Decreto lexislativo 1/2002, de 29 de novembro, polo que se aproba o Texto Refundido da Lei de Regulación dos Plans e Fondos de Pensións, polo Real Decreto 304/2004 de 20 de febreiro polo que se aproba o Regulamento e Plans e Fondos de Pensións e por cantas disposicións de calquera rango que, actualmente ou no futuro, lle poidan ser de aplicación. CAPÍTULO I DENOMINACIÓN, MODALIDADE E ADSCRICIÓN Artigo 1.- Denominación As presentes especificacións do Plan de Pensións denominado Plan de Pensións da UNIVERSIDADE DE SANTIAGO DE COMPOSTELA, do que é promotora a UNIVERSIDADE DE SANTIAGO DE COMPOSTELA, regula as relacións entre o mencionado Plan, o seu Promotor, os seus partícipes e os seus beneficiarios; a súa condición leva implícita a aceptación de toda as normas nel contidas. Artigo 2.- Modalidade Este Plan de Pensións configúrase como unha Institución de previsión de carácter voluntario e libre que, en razón dos seus suxeitos constituíntes, se encadra na modalidade do SISTEMA EMPREGO e, en razón das obrigas estipuladas, na de PLAN DE ACHEGA DEFINIDA para toda as continxencias, no que se establecen 3 subplans: a) Subplan 1: No que se poderán integrar os empregados encadrados dentro do persoal laboral da Universidade de Santiago de Compostela que reúnan as condicións indicadas no artigo 6 do presente regulamento. b) Subplan 2: No que se poderán integrar os empregados encadrados dentro do persoal funcionario de administración e servizos da Universidade de Santiago de Compostela que reúnan as condicións indicadas no artigo 6 do presente regulamento. c) Subplan 3: No que se poderán integrar os empregados encadrados dentro do persoal docente da Universidade de Santiago de Compostela que reúnan as condicións indicadas no artigo 6 do presente regulamento.
Artigo 3.- Adscrición a un Fondo de Pensións 1. O presente Plan de Pensións integrarase no Fondo de Pensións CAIXANOVA, F.P., promovido pola Caixa de Aforros de Vigo, Ourense e Pontevedra - Caixanova e inscrito na Dirección Xeral de Seguros co nº F0062. 2. A duración do plan é indefinida, procederase á súa terminación cando legalmente teña lugar a isto e polas causas dispostas nestas especificacións. 3. As contribucións do Promotor e dos Partícipes integraranse inmediata e obrigatoriamente no mencionado Fondo de Pensións. As ditas contribucións, xunto cos seus rendementos netos e os incrementos patrimoniais que xeren, aboaranse na conta de posición que no Plan manteña no Fondo. O pagamento das prestacións correspondentes, así como os gastos adicionais que se producisen, efectuarase con cargo á dita conta. CAPÍTULO II ÁMBITO PERSOAL Artigo 4.- Suxeitos constituíntes Son suxeitos constituíntes deste Plan de Pensións: a) A UNIVERSIDADE DE SANTIAGO DE COMPOSTELA, como Promotora do Plan. b) Os partícipes, en cuxo interese se crea o Plan. Artigo 5.- Elementos persoais Son elementos persoais deste Plan de Pensións: a) Os suxeitos constituíntes. b) Os beneficiarios. Artigo 6.- Participes 1. Poderá ser partícipe no Subplan de Pensións 1 o persoal que teña unha relación laboral coa Universidade de carácter fixo ou indefinido así como o persoal laboral con contrato de natureza temporal cun mínimo de dous anos de prestación de servizos na USC e que manifeste a súa vontade de integrarse nel, e teña capacidade de obrigarse nos termos establecidos no Texto Refundido da Lei de Plans e Fondos de Pensións e disposicións complementarias ou substitutorias, sempre e cando acepten na súa totalidade e sen limitación ningunha as normas de funcionamento deste Plan e as do seu correspondente Fondo. 2. Poderá ser partícipe no Subplan de Pensións 2 o persoal funcionario de administración e servizos que presta os seus servizos na Universidade de Santiago mediante unha relación funcionarial indefinida así como de interinidade con dous anos de prestación de servizos na USC e que manifeste a súa vontade de integrarse nel, e teña capacidade de obrigarse nos termos establecidos no Texto Refundido da Lei de Plans e Fondos de Pensións e disposicións complementarias ou substitutorias, sempre e cando
acepten na súa totalidade e sen limitación ningunha as normas de funcionamento deste Plan e as do seu correspondente Fondo. 3. Poderá ser partícipe no Subplan de Pensións 3 o persoal docente que preste os seus servizos na USC sempre que manifeste a súa vontade de integrarse nel, e teña capacidade de obrigarse nos termos establecidos no Texto Refundido da Lei de Plans e Fondos de Pensións e disposicións complementarias ou substitutorias, sempre e cando acepten na súa totalidade e sen limitación ningunha as normas de funcionamento deste Plan e as do seu correspondente Fondo: -O persoal de Corpos Docentes Universitarios que se atopen en servizo activo. -O persoal docente contratado, que prestase servizos á USC polo período mínimo de dous anos nas seguintes categorías: · Axudante · Profesorado axudante doutor · Profesorado colaborador · Profesorado contratado doutor · Profesorado asociado · Profesores funcionarios internos con dous anos de prestación de servizos á USC · Profesorado interino de substitución O cómputo de dous anos non se interromperá polo cambio de categoría ou contrato. Quedan excluídos expresamente deste Subplan en base á súa condición de xubilados os profesores eméritos. 4. A contribución da USC sobre o persoal dos apartados 1, 2 e 3 do artigo 6 que desenvolva funcións a tempo parcial reducirase en proporción á xornada laboral realizada, rateada en función da dedicación que figure na Universidade a data de 1 de xaneiro do ano da contribución. Artigo 7.- Partícipes en suspenso 1. Consideraranse partícipes en suspenso aqueles polos que o Promotor non efectúa contribucións ao Plan, e que cesen na realización de contribucións propias por algún dos seguintes motivos: a) Cesamento definitivo da súa relación de empregado do Promotor, sen solicitar o traslado dos seus dereitos consolidados a outro Plan de Pensións. b) Suspensión temporal da súa relación de empregado do Promotor por excedencias. 2. Os partícipes en suspenso manterán os seus dereitos económicos (dereito consolidado) no Plan. Artigo 8.- Beneficiarios Serán beneficiarios do Plan aquelas persoas físicas que, sendo ou non partícipes del, teñan dereito á percepción de prestacións.
Artigo 9.- Alta dun partícipe no Plan 1.- Quen estea na condición de acollerse ao Plan, conforme ao disposto no artigo sexto poderá exercitar o seu dereito de adhesión dentro do ano natural no que alcance aquela condición, causará alta no Plan desde o momento no que lle comunique por escrito ao Promotor que exercita o mencionado dereito. A primeira contribución que realizará o promotor por conta do partícipe corresponderá ao 1 de xaneiro do exercicio seguinte á data de alta. Os dereitos dos partícipes no Plan considéranse desde a data efectiva na que estes se adhiran a el. 2. O partícipe poderá solicitar que lle sexa expedido un certificado acreditativo da súa pertenza e integración ao Plan de Pensións. Este certificado, que expedirán conxuntamente a Entidade Xestora e a Entidade Depositaria, non será transferible. 3. A adhesión ao Plan polo empregado e totalmente voluntaria, pero, unha vez producida a mesma, será irreversible. Artigo 10.- Baixa dun Partícipe no Plan Os partícipes causarán baixa no Plan: a) Cando se produza algunha das continxencias previstas no Plan. b) Cando cese a relación de emprego co Promotor, e o partícipe solicite a mobilización dos seus dereitos consolidados a outro Plan de Pensións. c) Por terminación do Plan, deberá procederse a transferir os seus dereitos consolidados a outro Plan de Pensións. Artigo 11.- Alta dun beneficiario no Plan Adquirirán a condición de beneficiarios: a) Os partícipes que exerzan o dereito a percibir a prestación que lles corresponda por algunha das seguintes continxencias: · Xubilación ou situación asimilable. · Gran invalidez, incapacidade absoluta e permanente para todo traballo ou incapacidade total e permanente para a profesión habitual. b) As persoas físicas que exerzan o dereito a percibiren prestacións de viuvez, orfandade ou en favor doutros beneficiarios designados ou herdeiros por falecemento dun partícipe segundo a última designación de beneficiarios efectuada por este. A falta de designación expresa por parte do partícipe, serán beneficiarios, por orde preferente e excluínte: 1. O cónxuxe ou parella de feito inscrita no rexistro oficial, non separado legalmente do partícipe. 2. Os fillos do partícipe por partes iguais. 3. Os pais do partícipe por partes iguais. 4. Os irmáns do partícipe por partes iguais.
5. Os herdeiros legais. c) As persoas físicas que, por falecemento dun beneficiario, exerzan o dereito a percibiren prestacións de viuvez e orfandade ou en favor doutros herdeiros ou persoas designadas cando o beneficiario falecido estivera cobrando unha modalidade de prestación reversible (prestación na que se indica que, se falece o titular, cobrará a persoa designada por este). Artigo 12.- Baixa dun beneficiario no Plan Os beneficiarios que cobren prestacións en forma de renda causarán baixa no Plan en caso de falecemento. CAPÍTULO III DEREITOS E OBRIGAS DE PARTÍCIPES E BENEFICIARIOS Artigo 13.- Dereitos do Promotor Corresponden ao Promotor do Plan os seguintes dereitos: a)T er a súa representación na Comisión de Control do Plan de Pensións nos termos previstos no Capítulo V do presente Regulamento. b) Solicitar dos partícipes os datos persoais familiares necesarios para determinar as súas contribucións ao Plan. Artigo 14.- Obrigas do Promotor Será obrigación do Promotor efectuar o desembolso das contribucións imputables aos partícipes, previstas na correspondente valoración actuarial na forma, prazos e contía comprometidas. Así mesmo, deberá facilitar os datos que, sobre os empregados, lle sexan requiridos co obxecto de realizar as correspondentes valoracións actuariais. Artigo 15.- Dereitos dos Partícipes Correspóndenlle aos partícipes do Plan os seguintes dereitos: 1. A titularidade dos recursos patrimoniais nos que, a través do correspondente Fondo, se materialice e se instrumente o seu Plan de Pensións, de conformidade coas presentes especificacións. 2. Que lles fagan efectivas as contribucións da Entidade Promotora nos termos previstos nestas especificacións. 3. Os seus dereitos consolidados individuais, constituídos pola súa cota proporcional do fondo de capitalización que teña o Plan no Fondo de Pensións correspondente. Este fondo de capitalización será función das contribucións e rendas xeradas polos recursos investidos menos os quebrantos e gastos que se producisen. Estes dereitos consolidados só se farán efectivos no caso de que o partícipe así o solicite, nos casos de desemprego de longa duración ou enfermidade grave recollidos no apartado 4 deste artigo. 4. Solicitar do Fondo no que estea integrado o seu Plan de Pensións, a través da súa Entidade Xestora, que se fagan efectivos os seus dereitos
consolidados na súa totalidade ou en parte, con carácter excepcional, nos supostos de enfermidade grave ou desemprego de longa duración, de acordo co disposto no artigo 9 do Real Decreto 304/2004, de 20 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento de Plans e Fondos de Pensións, ou o que ao respecto estableza a lexislación vixente, para o cal deberá acreditarse o mantemento da situación para obter cada pagamento sucesivo que, no seu caso, se solicite. 5. Designar beneficiarios para o caso de que se produza a continxencia de falecemento. Así mesmo poderá cambiar a dita designación en tanto sexa partícipe do Plan. 6. Estar informados sobre a evolución do Plan. A información mínima que se lle facilitará a cada partícipe será: a) Con motivo da adhesión, e en todo momento mentres ostente a condición de partícipe, estará a súa disposición un exemplar das presentes especificacións na sede social da Entidade Promotora. Entregarase unha copia completa das vixentes especificacións a solicitude do partícipe en calquera momento que así o solicite, como documentación acreditativa dos seus dereitos e obrigas. b) Con motivo da Adhesión, porase á súa disposición un exemplar da declaración dos principios da política de investimento do Fondo na sede social da Entidade Promotora. c) Co motivo da incorporación ao Plan e se así o solicita, un certificado de pertenza ao plan. d) Unha certificación anual das contribucións directas e imputadas ao partícipe, realizadas durante o ano, así como unha certificación anual do valor dos seus dereitos consolidados ao 31 de decembro de cada ano. e) Información trimestral sobre a evolución e situación dos seus dereitos económicos no plan, así como calquera extremo que puidese afectarlles, especialmente as modificacións normativas, cambios das especificacións do plan, das normas de funcionamento do Fondo ou da súa política de investimentos, e das comisións de xestión e depósito. Esta información poderá facilitarse ben pola súa remisión directa ao partícipe ou ben pola súa posta a disposición a través dos medios que a Comisión de Control do Plan estime suficientes. 7. Suspender as contribucións voluntarias ou modificar o seu réxime, de conformidade co previsto no artigo 22 das presentes especificacións. 8. Os partícipes poderán trasladar a este os seus dereitos consolidados noutros Plans, se ben unha vez incorporados a este Plan só poden ser mobilizados en caso de cesamento da relación laboral co promotor ou terminación do Plan. 9. Mobilizar os seus dereitos consolidados, coas minoracións que por gastos isto orixine, en caso de terminación do Plan ou por cesación definitiva da relación laboral co promotor, con extinción das obrigas de contribucións directas e imputadas, para a súa integración noutro Plan de Pensións. A solicitude de mobilización deberá ser realizada á Entidade Xestora do Fondo onde estea integrado o Plan ao que se pretende mobilizar os dereitos
consolidados, facilitando a esta un escrito dirixido á Entidade Xestora do Fondo de orixe, indicando o novo Plan e Fondo de Pensións no que se integra e o importe a mobilizar, e autorizando á Entidade Xestora do Fondo de destino para que, no seu nome, poida solicitar á Entidade Xestora do Fondo de orixe a mobilización dos dereitos consolidados, así como toda a información persoal, financeira e fiscal necesaria para realizalo. A transferencia dos dereitos consolidados do partícipe ao novo Plan efectuárase nun prazo non superior ao legalmente establecido, dende a recepción pola Entidade Xestora de toda a documentación anterior. Artigo 16.- Obrigas dos Partícipes É obrigación dos partícipes comunicarlle á Entidade Xestora do Fondo os datos persoais e familiares que lles sexan requiridos para causar alta no Plan e para determinar o cobro das prestacións. Así mesmo, deberá comunicar calquera modificación que se produza nos ditos datos. Artigo 17.- Dereitos dos Beneficiarios Correspóndenlles aos beneficiarios do Plan os seguintes dereitos: 1. A titularidade dos recursos patrimoniais nos que, a través do correspondente Fondo, se materialice e se instrumente o seu Plan de Pensións. 2. Percibir as prestacións establecidas ao acaecer as continxencias previstas no Plan. 3. Estar representados na Comisión de Control do Plan de Pensións nos termos previstos nas disposicións legais e no capítulo V das presentes especificacións. 4. Recibir unha certificación anual das prestacións cobradas durante o ano e das retencións fiscais efectuadas, así como do importe dos seus dereitos económicos remanentes no Plan a 31 de decembro de cada ano. Así mesmo, dispor de información trimestral sobre a evolución e situación dos seus dereitos económicos no plan, así como calesquera extremos que puideran afectarlles, especialmente as modificacións normativas, cambios das especificacións do plan, das normas de funcionamento do Fondo ou da súa política de investimentos, e das comisións de xestión e depósito. Esta información poderá facilitarse ben pola súa remisión directa ao beneficiario ou pola súa posta a disposición a través dos medios que a Comisión de Control do Plan estime suficientes. Producida e comunicada a continxencia, o beneficiario do plan de pensións recibirá información apropiada sobre a prestación e as súas posibles reversións, sobre as opcións de cobro correspondente , no seu caso, e respecto do grao de garantía ou de risco de conta do beneficiario. En caso de renda asegurada, farase entrega ao beneficiario do correspondente certificado de seguro, emitido pola Entidade aseguradora.
Artigo 18.- Obrigas dos Beneficiarios É obriga dos beneficiarios comunicarlle á Entidade Xestora do Fondo os datos persoais e familiares que lle sexan requiridos para xustificar o dereito á percepción das prestacións e do seu mantemento ao longo do tempo como aqueles feitos que orixinen ou sexan causa de extinción, suspensión ou variación do beneficio ou prestación que se estivese percibindo, inmediatamente despois de producirse. Artigo 18 bis.- Protección de datos A efectos do establecido na vixente normativa sobre Protección de Datos de Carácter Persoal, o Promotor do Plan de Pensións acredita que obtivo autorización dos partícipes para comunicarlles os seus datos persoais, incluso os da saúde, ás entidades xestora e depositaria, así como, no seu caso, á Entidade aseguradora e á Entidade comercializadora, para o seu tratamento, ao ser necesario para o inicio e desenvolvemento da relación xurídica. Así mesmo outorga, no seu nome e no dos Partícipes, o seu consentimento expreso para que poidan ser incluídos nun ficheiro e tratados pola Entidade Xestora, será destinataria e responsable do tratamento a Caixa de Seguros Reunidos, Compañía de Seguros e Reaseguros, SA –CASER-, con domicilio en Madrid, Avenida de Burgos 109, onde os Partícipes (e, no seu caso, os Beneficiarios) poderán exercitar os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición ao tratamento daqueles, dirixíndose ao director do Departamento Xurídico-Técnico. Por último, outorga, no seu nome e no dos Partícipes, o seu consentimento expreso para que os devanditos datos sexan comunicados á Comisión de Control do Plan de Pensións, aos efectos de que esta poida desenvolver as funcións que lle son encomendadas na normativa vixente. CAPÍTULO IV RÉXIME DE CONTRIBUCIÓNS E PRESTACIÓNS Artigo 19.- Sistema de financiamento do Plan 1. O sistema financeiro-actuarial que adoptara o presente plan será a "CAPITALIZACIÓN FINANCEIRA INDIVIDUAL" para a contribución definida de xubilación, falecemento e invalidez. 2. Cando se perciban prestacións en forma de renda que supoñan a asunción dalgún tipo de risco no Plan contratará o aseguramento das ditas prestacións con CASER AHORROVIDA, CIA. DE SEGUROS E REASEGUROS mediante a correspondente póliza, con tomador que será o Plan de Pensións representando polo Presidente da Comisión de Control. Artigo 20.- Contribucións ao Plan 1.- As contribucións ao Plan de Pensións serán efectuadas: · Polo Promotor, de maneira obrigatoria. Estas contribucións terán carácter irrevogable desde o momento do seu percibimento aínda que non se fixesen efectivas.
· Polos partícipes na forma e contía que voluntariamente decidan. As contribucións efectuadas ao Plan integraranse necesariamente na contía que o Fondo manteña na Entidade Depositaria na data do seu percibimento. 2. Contía das contribucións: A contribución obrigatoria por parte do Promotor será: · Subplan 1: do 80% sobre o 1% da masa salarial do persoal laboral de administración e servizos da Universidade de Santiago de Compostela, detraerase o importe da Póliza de Vida e Invalidez subscrita para este colectivo, a cantidade resultante será a contribución que a USC fará a este subplan. Esta contribución global repartirase linealmente entre os partícipes en alta a 1 de xaneiro no subplan en función da duración da súa xornada de traballo. · Subplan 2: a contribución será a resultante de aplicarlles aos partícipes en alta a 1 de xaneiro, o importe da cota individual aplicada ao persoal laboral do subplan 1 en función da duración da súa xornada de traballo. · Subplan 3: 40% sobre o 1% da masa salarial do persoal doente da Universidade de Santiago de Compostela, segundo a definición do artigo 4.4 da Lei de Orzamentos da Comunidade Autónoma de Galiza. Esta contribución global repartirase linealmente entre os partícipes en alta o 1 de xaneiro no subplan en función da duración da súa xornada de traballo. A partir de xaneiro de 2005 a contribución será a resultante de aplicarlles aos partícipes en alta a 1 de xaneiro, a cota individual fixada en 126 € en función da duración da súa xornada de traballo. O promotor poderá realizar contribucións extraordinarias adicionais, por subplans que se imputarán por partes iguais entre os partícipes en alta a 1 de xaneiro no subplan en función da duración da súa xornada de traballo. As devanditas contribucións deberán ser aceptadas pola Comisión de Control do Plan de Pensións e incorporaranse cando así se negocien como anexo a estas especificacións. Para o caso de partícipes que se xubilen, se invaliden ou falezan antes de producirse o desembolso efectivo da contribución do promotor, e no exercicio no que se produza a continxencia o beneficiario poderá optar entre: a) Percibir a prestación de forma inmediata unha vez producida a continxencia, neste caso o partícipe causante da prestación non se incluirá no repartimento da contribución do promotor correspondente ao exercicio. b) Percibir a prestación de forma diferida, unha vez que se produza o desembolso das contribucións do promotor. Os partícipes que cesen na súa relación laboral co promotor, no exercicio no que se produza o cesamento, por causas que non orixinen o seu pase a beneficiario, entrarán no repartimento da contribución sempre que non
2. En calquera caso, as rendas mencionadas nos anteriores apartados (b) e (c) calcularanse aplicando o sistema financeiro–actuarial de “Capitalización Individual”. 3. Será o beneficiario quen decidirá a modalidade de prestación que desexa cobrar no momento do acaecemento da continxencia correspondente, agás para beneficiarios de reversións no caso de rendas con garantía, onde está predefinida a modalidade de cobro. Artigo 32.- Procedemento e recoñecemento do pagamento de prestacións 1. Producida a continxencia determinante dunha prestación, o titular beneficiario poñerao en coñecemento da Entidade Xestora do Fondo, debendo acompañar a información necesaria e a documentación acreditativa do seu dereito á prestación. 2. A documentación referida será examinada pola Entidade Xestora, a que poderá solicitar cantos datos complementarios estime necesarios. 3. A Entidade Xestora notificaralle ao beneficiario o recoñecemento do seu dereito a prestación, ou a súa denegación, de ser o caso, no prazo máximo legal desde a recepción de toda a documentación. A denegación deberá ser motivada. Igual notificación cursará de forma simultánea á Comisión de Control do Plan, a quen corresponde a supervisión do cumprimento das normas deste Plan. 4. O pagamento dunha prestación en forma de capital, ou o primeiro pagamento dunha prestación en forma de renda, será efectuado no prazo máximo legal desde a recepción pola Entidade Xestora de toda a documentación necesaria para acreditar o dereito ao seu cobro e realízase mediante aboamento deste na conta da entidade depositaria do Fondo que o beneficiario comunique á Entidade Xestora daquel. 5. O cobro das prestacións en forma de renda necesariamente realizarase por "domiciliación bancaria" na entidade depositaria do Fondo mediante aboamento na conta que o beneficiario lle comunique á Entidade Xestora do Fondo. 6. Coa frecuencia que decida a Comisión de Control do Plan, a Entidade Xestora do Fondo poderá solicitar dos beneficiarios a documentación necesaria para que acrediten que seguen tendo dereito á percepción das súas prestacións. 7. Para calquera reclamación que os beneficiarios poidan formular, dirixiranse á Comisión de Control do Plan, a través do seu Secretario, quen a incluirá na orde do día da primeira reunión que se celebre. Do acordo que se adopte ao respecto darase traslado ao Beneficiario, así como á Entidade Xestora do Fondo. Artigo 33.- Documentación acreditativa das continxencias Xunto á solicitude de prestación, o Beneficiario deberá acompañar a documentación que a continuación se relaciona para cada unha das continxencias previstas neste plan, sen prexuízo de que a Entidade Xestora
poida requerir aquela outra documentación adicional que considere necesaria para a acreditación da continxencia: a) Na continxencia de xubilación: fotocopia do NIF e documentación que acredite a xubilación no sistema público da Seguridade Social. Cando non sexa posible o acceso a xubilación e teña cumprida a idade ordinaria de xubilización no Réxime Xeral da Seguridade Social: Fotocopia do NIF e Certificado de Vida Laboral. Cando o partícipe, calquera que sexa a súa idade, encontrarase en situación legal de desemprego a consecuencia dun Expediente de Regulación de Emprego: Fotocopia NIF, carta de despidemento ou certificado de empresa, documentación acreditativa do Expediente de Regulación de Emprego autorizado polo servizo administrativo competente e documento de inscrición no Servizo Público de Emprego Estatal ou organismo público competente como demandante de emprego. b) Na continxencia de morte do partícipe ou do beneficiario: certificado de defunción, certificado de últimas vontades, boletín onde consten os beneficiarios designados e documento acreditativo da sua personalidade. En defecto de designación expresa de beneficiarios deberase acompañar documentación acreditativa da súa condición de beneficiario conforme á orde de prelación establecida neste Regulamento. c) Na continxencia de incapacidade laboral en calquera dos seus graos, copia da súa declaración expedida pola administración competente ou, no seu caso, Sentenza da orde xurisdicional social. CAPÍTULO V ORGANIZACIÓN E CONTROL Artigo 34.- A Comisión de Control do Plan 1. O funcionamento e execución do Plan de Pensións será supervisado por unha Comisión de Control, formada por representantes do Promotor, partícipes e beneficiarios, de forma que se garanta a presenza de todo os intereses, mantendo sempre paridade entre o promotor, por unha banda, e partícipes e beneficiarios, por outra. 2. A Comisión de Control estará composta por 12 membros, de acordo co seguinte repartimento: · Polo Promotor: 6 membros · Polos Partícipes e beneficiarios do Subplan 1: 2 membros · Polos partícipes e beneficiarios do Subplan 2: 2 membros · Polos partícipes e beneficiarios do Subplan 3: 2 membros 3. O cargo de membro da Comisión de Control será gratuíto.
Artigo 35.- Funcións da Comisión de Control A Comisión de Control do Plan terá as seguintes funcións: a) Supervisar o cumprimento das cláusulas do Plan en todo o que se refire aos dereitos dos partícipes e beneficiarios. b) Seleccionar o Actuario ou Actuarios que deban certificar a situación e dinámica do Plan, así como a aquel que deba realizar a revisión financeira actuarial do Plan. c) Nomear os representantes da Comisión de Control do Plan na Comisión de Control do Fondo de Pensións ao que estea adscrito. O número de membros que representarán o Plan de Pensións na Comisión do Fondo, dependerá do que determine o Fondo de Pensións CAIXAVIGO, F.P. d) Propoñer as modificacións que estime pertinentes sobre contribucións, prestacións e outras variables, derivadas das revisións actuariais requiridas pola presente normativa. Deberá seguirse o procedemento establecido nas especificacións do propio Plan. e) Supervisar a actuación do saldo da conta de posición do Plan, no seu respectivo Fondo de Pensións, aos requirimentos do réxime financeiro do propio Plan. f) Representar xudicial e extraxudicialmente os intereses dos partícipes e beneficiarios do Plan ante a Entidade Xestora do Fondo de Pensións. g) Propoñer e, de ser o caso, decidir nas demais cuestións sobre as que a lexislación vixente lle atribúa competencias. Artigo 36.- Elección dos membros da Comisión de Control 1. Os representantes do Promotor designaranse directamente por este, podénse remover en calquera momento se se realiza a oportuna comunicación á Comisión de Control. 2. Os representantes dos partícipes e beneficiarios serán designados por acordo da maioría dos representantes dos traballadores da empresa. 3. Recibida a comunicación da designación de representantes na Comisión de Control, no prazo máximo de dez días, procederase á substitución dos membros representantes obxecto de renovación polos novos membros elixidos. 4. Se se trata da primeira elección, a Comisión Paritaria procederá á súa disolución e, cos membros representantes elixidos, constituirase a primeira Comisión de Control. Artigo 37.- Duración do cargo de membro da Comisión de Control A duración do cargo electo de membro da Comisión de Control será de catro anos, poderá ser reelixido. Artigo 38.- Funcionamento da Comisión de Control 1. A Comisión de Control designará de entre os seus membros un Presidente a quen corresponderá convocar as súas sesións, dirixir as deliberacións e asumir a representación dela. O voto do Presidente será de calidade no caso
de empates. O cargo de Presidente recaerá sempre nun dos membros representantes do Promotor. 2. Así mesmo, designará un Secretario que redactará acta das sesións e levará os libros de actas. 3. A Comisión de Control quedará validamente constituída cando, debidamente convocada, estean presentes polo menos a metade máis un dos seus membros. A representación dun membro na Comisión de Control só se poderá delegar noutro membro dela. 4. Os acordos da Comisión de Control adoptaranse por maioría simple. 5. A Comisión de Control reunirase, polo menos, unha vez cada ano, e cando así o soliciten, como mínimo, o 25% dos seus membros. CAPÍTULO VI MODIFICACIÓN E LIQUIDACIÓN Artigo 39.- Modificación do Plan de Pensións 1. A modificación do presente Regulamento do Plan de Pensións poderase realizar a pedimento de, polo menos, o 25% dos membros da súa Comisión de Control. 2. A proposta de modificación requirirá: a) Ditame previo favorable dun actuario, se a modificación afecta ao réxime financeiro do plan. b) Voto favorable de polo menos as 3/4 partes dos membros da Comisión de Control. Artigo 40.- Terminación do Plan de Pensións 1. Serán causas para a terminación, e posterior liquidación, do presente Plan de Pensións: a) O acordo de liquidación do Plan tomado por polo menos as 3/4 partes dos membros da Comisión de Control. b) Calquera outro legalmente establecido. A terminación do Plan ou Subplans de Pensións por calquera das causas establecidas nos apartados (b) e seguintes requirirá acordo da Comisión de Control. A estes efectos, éste órgano deberá celebrar a correspondente reunión no prazo de dous meses desde a concorrencia da causa de disolución ou terminación e adoptar a decisión mediante acordo tomado por maioría simple, será así de aplicación o artigo 32 da Lei de Regulación dos Plans e Fondos de Pensións. 2. En todo caso, serán requisitos previos para a terminación do Plan a garantía individualizada das prestacións causadas e a integración dos dereitos consolidados dos partícipes noutro Plan de Pensións.
Artigo 41.- Normas para a liquidación do Plan de Pensións Decidida a terminación do Plan de Pensións, a súa liquidación definitiva realizarase de acordo coas seguintes normas: a) A Comisión de Control do Plan comunicaralles a terminación do Plan a todos os partícipes e beneficiarios cunha antelación de tres meses. b) Durante o dito período de tres meses os partícipes deberanlle comunicar á Comisión de Control do Plan a que Plans desexan trasladar os seus dereitos consolidados. c) Durante o mesmo período, os beneficiarios deberanlle comunicar á Comisión de Control do Plan se: 1. Desexan cobrar en forma de capital o importe total do seu dereito consolidado. 2. Ou se desexan traslada o dito dereito consolidado a outro Plan de Pensións que lles garanta individualmente o cobro das súas prestacións xa causadas. Neste caso, deberán indicar a que Plan hai que trasladar os seus dereitos consolidados. d) Se ao chegar a data de terminación do Plan, algún partícipe ou beneficiario non lle comunicase á Comisión de Control o indicado nos anteriores apartados (b) e (c), procederase ao traslado dos seus dereitos consolidados a outro Plan de Pensións que fose seleccionado pola Comisión de Control. e) Unha vez trasladados os dereitos consolidados de tódos os partícipes e beneficiarios, a Comisión de Control do Plan comunicará á Entidade Xestora do Fondo ao que estaba adscrito a terminación definitiva do Plan. f) Finalmente, a Comisión de Control do Plan procederá á súa disolución. CAPÍTULO VII INSTANCIAS DE RECLAMACIÓN Artigo 42.- Instancias de Reclamación Corresponde á Comisión de Control a tutela e protección dos dereitos dos partícipes e beneficiarios dos Plans de Pensións, deberá coidar que tales dereitos sexan respectados pola promotora do Plan, así como a xestora e a depositaria do Fondo de Pensións e actuar de conformidade aos principios de boa fe, equidade e confianza recíproca. Os partícipes e beneficiarios do Plan de Pensións poden dirixir as súas reclamacións á Comisión de Control, cando estimen que na actuación das Entidades Promotora, Aseguradora, Xestora ou Depositaria sufriron un tratamento neglixente, incorrecto ou non axustado a Dereito. As reclamacións presentaranse por escrito, debidamente asinadas polo reclamante ou o seu representante legal. Nas reclamacións necesariamente farase constar o nome, apelidos, número do DNI ou, no seu defecto, os datos do documento que acredite de xeito fidedigno a personalidade do reclamante, así como o seu domicilio e o nome do Plan de Pensións do que é partícipe ou beneficiario.
Así mesmo, a Entidade Xestora pon a disposición dos seus clientes o seu Servizo de Atención ao Cliente na Avenida de Burgos, 109; 28050 Madrid. Fax 91 595 54 96, correo electrónico: aten[email protected] O devandito Servizo atenderá e resolverá conforme á normativa vixente, no prazo máximo de dous meses dende a súa presentación, as queixas e reclamacións formuladas directamente ou mediante representación acreditada por todos os partícipes ou beneficiarios do plan de pensións, cando elas se refiran a intereses e dereitos legalmente recoñecidos relacionados co desenvolvemento do plan, tanto que deriven destas Especificacións, da normativa reguladora dos Plans e Fondos de Pensións, da normativa de transparencia e protección da clientela ou das boas prácticas e usos, en particular do principo de equidade. As queixas e reclamacións presentaranse por escrito en claquera das oficinas da Entidade, por correo ou por medios informáticos, electrónicos ou telemáticos sempre que estes permitan a súa lectura, impresión e conservación, e respondan aos requisitos e características legais, establecidas no Regulamento do Servizo de Atención ao Cliente de Caser. Unha vez obtida a resolución e esgotada a vía de reclamación ante o Servizo de Atención ao Cliente, no caso de manter a súa disconformidade co resultado do pronunciamento ou se transcorreron dous meses desde a data de recepción sen que dito Servizo resolvese, poderá o reclamente presentar a súa reclamación ante o Comisionado para a Defensa do Asegurado e do Partícipe en Plans de Pensións no Paseo de la Castellana, 44; 28046 Madrid, Fax 91 339 71 13, cuxas decisións, non obstante, non son vinculantes. Igualmente, poderá sometalas aos xulgados e tribunais competentes. En todas as oficinas do Grupo Caser abertas ao público e na páxina web de Caser, www.caser.es, os nosos clientes, usuarios ou prexudicados, atoparán á súa disposición un modelo de impreso de reclamación así como o Regulamento para a Defensa do Cliente do Grupo Caser, que regula a actividade e o funcionamento do Servizo de Atención ao Cliente e as características e requisitos de presentación e resolución de queixas e reclamacións. Nas resolucións teranse en conta as obrigacións e dereitos establecidos na normativa reguladora dos Plans e Fondos de Pensións e a normativa de transparencia e protección dos clientes de servizos financeiros (Real Decreto Lexislativo 1/2002, de 29 de novembro, polo que se aproba o Texto Refundido da Lei de Regulación dos Plans e fondos de Pensións, Real Decreto 304/2004, de 20 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento de Plans e Fondos de Pensións, Lei de Reforma do Sistema Financeiro, lei de Institucións de Investimento Colectivo, RD 303/2004 de 20-2 e Orde ECO 734/2004 de 11-3, Lei e Regulamento para a Defensa de Consumidores e Usuarios, Lei de Condicións Xerais da Contratación).
CAPÍTULO VIII RÉXIME TRANSITORIO Disposición Transitoria Se a Comisión de Control do Plan decidise a mobilización da conta de posición do Plan a outro Fondo, terase en conta o disposto no artigo correspondente das normas de Funcionamento ao que se atopa actualmente adscrito o Fondo de Pensións CAIXANOVA, F.P.