scieee AI-readable full text Open interactive document viewer

O Holocausto baixo a mirada dos nenos

Álvarez Escudero, Lúa

Abstract

A historiografía abordou cumpridamente o tema do Holocausto pero prestou menos atención aos nenos. Este traballo proponse explorar como estes percibiron e documentaron o xenocidio xudeu a través dos seus diarios e debuxos. Examinaranse diversos aspectos, como as políticas antisemitas, a Solución Final e a vida cotiá nos campos de concentración e exterminio. Ademais, analizarase como se lembra o Holocausto na actualidade tanto en contextos oficiais como en institucións e museos, así como na cultura popular, a través de películas.

Full text

FACULTADE DE XEOGRAFÍA E HISTORIA Grao en Historia Traballo de Fin de Grao O Holocausto baixo a mirada dos nenos Lúa Álvarez Escudero Alumna Antonio Míguez Macho Titor Departamento de Historia Contemporánea Santiago de Compostela Curso 2023-2024 RESUMO: A historiografía abordou cumpridamente o tema do Holocausto pero prestou menos atención aos nenos. Este traballo proponse explorar como estes percibiron e documentaron o xenocidio xudeu a través dos seus diarios e debuxos. Examinaranse diversos aspectos, como as políticas antisemitas, a Solución Final e a vida cotiá nos campos de concentración e exterminio. Ademais, analizarase como se lembra o Holocausto na actualidade tanto en contextos oficiais como en institucións e museos, así como na cultura popular, a través de películas. Palabras chave: Holocausto, nenos, vida cotiá, memorias infantís, conmemoración. RESUMEN: La historiografía abordó extensamente el tema del Holocausto pero prestó menos atención a los niños. Este trabajo se propone explorar cómo estos percibieron y documentaron el genocidio judío a través de sus diarios y dibujos. Se examinarán diversos aspectos, como las políticas antisemitas, la Solución Final y la vida cotidiana en los campos de concentración y exterminio. Además, se analizará cómo se recuerda el Holocausto en la actualidad tanto en contextos oficiales como en instituciones y museos, así como en la cultura popular, a través de películas. Palabras clave: Holocausto, niños, vida cotidiana, memorias infantiles, conmemoración. ABSTRACT: Historiography has dealt extensively with the subject of the Holocaust but has paid less attention to children. This paper aims to explore how Jewish children perceived and documented the genocide through their diaries and drawings. Various aspects will be examined, such as antisemitic policies, the Final Solution, and daily life in the concentration and extermination camps. In addition, it will analyze how the Holocaust is remembered today both in official contexts such as in institutions and museums, as well as in popular culture, through films and other media. Key words: Holocaust, children, everyday life, childhood memories, commemoration. ÍNDICE Introdución 3 1. Estado da cuestión, descrición de fontes e metodoloxía 4 1.1. Estado da cuestión 4 1.2. Descrición de fontes e metodoloxía 7 2. Sistema concentracionario 10 2.1. Orixes 10 2.2. Entramado concentracionario nazi 11 2.2.1. Tipoloxía 12 2.2.2. Etapas 12 2.2.3. Auschwitz 13 3. Os nenos no Holocausto 13 3.1. A chegada do réxime nazi: política de exclusión xudía e guerra 14 3.1.1. Primeiros momentos 14 3.1.2. Solución Final 16 3.1.3. A guerra 18 3.2. Necesidades básicas dentro dun campo 18 3.3. Quefaceres, ensinanza concentracionaria e política de control 21 4. Memoria 23 4.1. As superviventes 23 4.2. Memoria institucional e museística 24 4.3. Memoria da cultura popular 25 Conclusións 26 Bibliografía e fontes 30 Bibliografía 30 Fontes 31 Debuxos 31 Diarios 31 Museos e institucións 31 Películas e entrevistas 32 Anexo 33 Introdución O Holocausto representa un dos episodios máis desgarradores do século XX, caracterizado por atrocidades inimaxinables hoxe en día. Esta traxedia non só afectou a adultos, senón que tamén se estendeu aos nenos, engadindo unha capa adicional de horror á narrativa. Con este traballo preténdese investigar a experiencia dos nenos xudeus durante este período escuro, dado o limitado enfoque que recibiron nos estudos do Holocausto, cun especial interese no que respecta a súa vida nos campos de concentración e exterminio nazis. Resulta chamativo como, trala chegada de Hitler ao poder, se foron emitindo distintas leis gradualmente, de maneira que se foron asimilando e normalizando cuestións, que noutro contexto serían impensables. Neste sentido, unha das preguntas que se fará neste traballo é como os nenos viron isto, e se entendían ou non a gravidade do asunto. Tamén interesa todo o sistema de deportacións que se levaron a cabo para “limpar” de xudeus Alemaña e os territorios conquistados por esta. No relativo aos campos, xorden diversas interrogantes sobre aspectos cotiáns, como a alimentación dos nenos e o seu valor nutritivo ou a súa posible variación con respecto á dos adultos. Así mesmo, cuestiónase a hixiene nos campos, indagando sobre os hábitos de ducha e limpeza. A indumentaria tamén é obxecto de análise, incluíndo posibles diferenzas segundo a idade e a política de reutilización e reparto da mesma. Dous aspectos particulares aos que se lles presta atención son os xogos e o traballo dos nenos nos campos de concentración; se tiñan oportunidade de xogar, e se existía algún xogo permitido polas autoridades. Respecto ao traballo, interesa coñecer se realizaban labores distintos aos dos adultos e tamén como eran castigados se non daban traballado. Buscaranse respostas a estas preguntas utilizando os diarios e debuxos dos propios nenos internados. Ademais, explorarase a pegada en forma de trauma nos sobreviventes, considerando a perda familiar e os posibles danos físicos derivados da desnutrición prolongada, a través de entrevistas. A memoria colectiva tamén é obxecto de estudo, tanto a nivel institucional, como na cultura popular. Investigarase como os museos e outras 3 institucións conmemoran aos nenos do Holocausto; así como a representación destes en películas, comparándoas cos relatos nos diarios para coñecer de que maneira queren deixar constancia da figura dos nenos dentro do sistema concentracionario e se distan moito da realidade. Para abordar estas preguntas de maneira organizada, seguirase un esquema que comezará cun primeiro apartado, onde se fará unha breve aproximación ao estado da cuestión, á descrición das fontes e á metodoloxía empregada. Nun segundo apartado farase unha breve alusión ao sistema concentracionario nazi, por ser este o contexto onde ten lugar esta investigación. Cabe aclarar que non se pretende en sentido ningún achegar ideas novas ao xa investigado por anteriores historiadores, tendo como só propósito contextualizar este traballo. No terceiro apartado abordarase o obxecto de estudo en si mesmo, respondendo ás preguntas aquí expostas mediante subapartados sobre a política antisemita e a vivencia nos campos de concentración e exterminio. Nun cuarto apartado explorarase o tema da memoria, primeiro a través dos testemuños das sobreviventes e logo mediante a perspectiva actual da colectividade, diferenciando entre o institucional e o popular. Finalmente, presentaranse as conclusións do traballo, resaltando as ideas principais e discutindo os problemas atopados. Como peche engadirase un breve anexo onde se achegarán todos os debuxos que gardan relación co texto. 1. Estado da cuestión, descrición de fontes e metodoloxía 1.1. Estado da cuestión Neste apartado tratarase de describir de maneira concisa a evolución dos estudos sobre o Holocausto, con atención á cuestión dos nenos, dende a fin da Segunda Guerra Mundial ata a actualidade. Para iso empregaranse tanto estudos historiográficos sobre o tema como achegas propias trala lectura dalgúns historiadores. Neste sentido cabería aclarar que non se trata en ningún caso dun traballo historiográfico, senón que pretende dar unha visión global da evolución dos estudos. Despois da fin da Segunda Guerra Mundial, o Holocausto non foi un tema que atraese moita atención de inmediato debido a unha serie de razóns. Por unha banda, 4 moitos dos sobreviventes xudeus emigraran de Europa, especialmente a Israel e a Estados Unidos. Ademais, a maioría non mostraba predisposición a mencionar o tema debido ao recordo das vítimas, ao que se debe engadir un coñecemento da poboación bastante limitado da política racial nazi. Por outra banda, nese momento, considerábase como prioridade máis urxente a reconstrución de Europa despois da guerra (Lozano, 2010, pp. 27-28). Con todo, realizáronse algunhas publicacións significativas, como The Origins of Totalitarianism da doutora Hannah Arendt en 1951. Na década dos sesenta obsérvase unha maior concienciación sobre o xenocidio xudeu, que proviría principalmente da súa maior presencia nos medios de comunicación e non tanto nas obras dos historiadores, sendo a obra pioneira The Destruction of the Europeans Jews de Raul Hilberg, publicada en 1961 (Lozano, 2010, pp. 27, 35-36). A maiores, será fundamental o xuízo a Eichmann que “marca un momento fundamental na historia da memoria do xenocidio”, que “pasa a ser central na forma en que moitos definen a identidade xudía” (Wieviorka, 1998, p. 56). Neste sentido, é de considerar a publicación en 1963 de Hannah Arendt, Eichmann in Jerusalem: A Report on the Banality of Evil. Será cara a finais desta década cando se comece a estudar e escribir máis sobre o Holocausto. Aínda que as primeiras obras eran percibidas por algúns como descricións xerais do fenómeno, habería que esperar un tempo para que se enfocasen en temas máis específicos (Lozano, 2010, pp. 28-29). Ao chegar a finais dos anos setenta, dous fitos teñen un grande impacto mediático: a serie Holocaust, dirixida por Chomsky; e a creación da comisión gobernamental para construír o Museo Memorial en Washington, os que contribuíron á “globalización” do Holocausto (Bevilacqua, 2022, p. 22). Algúns autores consideran que nestas décadas (é dicir, dos 60 aos 80) se fai especial énfase na natureza única e singular do Holocausto, así como na adopción de termos específicos para referirse a el. De maneira que, xunto con Holocausto, termos como Shoah ou Auschwitz comezan a popularizarse en lugar do anteriormente coñecido como atrocidades nazis (Bevilacqua, 2022, p. 24). Este período foi definido historiograficamente do seguinte xeito: “ultimamente, o Holocausto foi sometido a unha grande cantidade de tratamento que resultou en escuridade ou ofuscación”. 5 Existía un debate entre historiadores e pseudohistoriadores, onde os segundos chegan a negar a existencia do Holocausto (Bauer, 1978, p. 30). Será dende finais dos 80 cando se comece a redefinir e ampliar a reflexión disciplinaria sobre o Holocausto. Por exemplo, Bauman, en 1989, con Modernity and the Holocaust, reforza a concepción do Holocausto como un acontecemento que podería sucederlle a calquera outro grupo humano (Bokser, 2017, pp. 340-341). Seguindo esta liña, na década dos noventa advírtese unha diversificación temática, por exemplo coa análise da persecución doutros grupos como os xitanos, os enfermos mentais ou os homosexuais. Entre finais da década e principios do século XXI xa se foron realizando estudos que outorgaron maior foco a subgrupos como a cuestión xitana da man de Lewy no ano 2000, The Nazi Persecution of the Gypsies. Aínda que continúa o debate sobre a singularidade do Holocausto, por exemplo en The Racial State: Germany 1933-1945 publicado en 1991 por Burleigh e Wippermann. Nas primeiras dúas décadas do século XXI foron aumentando a publicación de investigacións sobre o Holocausto desde enfoques notablemente distintos aos anteriores. Por exemplo, Historia: Holocausto. Anticipando lo que puede ocurrir cuando ya ocurrió de Adina Cimet, publicado en 2023, que aborda a política de memoria de diversos países europeos, como o caso de Polonia; ou a tese de Rocío González Cabello, La Música en Auschwitz; El Sonido del Holocausto que se centra na música e na arte como instrumentos de propaganda do Terceiro Reich e o seu papel dentro dos campos de concentración. Con todo, os nenos adoitan ser un subtema nos estudos, a miúdo tratado xunto ao das mulleres, con só breves alusións a eles, sen centrarse, polo tanto, de maneira específica na experiencia infantil. De feito, para atopar unha maior atención cara a este aspecto, hai que remontarse á publicación de Deborah Dwork en 1991, Children with a Star: Jewish Youth in Nazi Europe. Quen na introdución, deixa claro: “Este libro trata sobre a experiencia de vida dos nenos na Europa nazi” (Dwork, 1991, p.xi). É certo que nas últimas décadas publicáronse máis obras onde os nenos son o tema central, como Los niños escondidos: Del Holocausto a Buenos Aires de Diana Wang, 6 quen sinala na súa introdución: “a historia oficial sempre se contou a partir da mirada dos adultos” e di que os nenos “foron os protagonistas, ata o de agora nas sombras, desa traxedia humana que foi o xenocidio xudeu” (Wang, 2004, p. 9). Tamén destaca o libro Children during the Holocaust publicado no ano 2011 por Patricia Heberer. Así e todo, os estudos históricos sobre a infancia no Holocausto seguen sendo escasos e obsérvase un contraste entre esta falta de interese dos historiadores cunha forte política de memoria, por exemplo dos museos, onde os nenos adoitan acaparar a maior parte do protagonismo coa publicación de fotos dos mesmos, fragmentos de diarios e debuxos feitos por eles. Como síntese, o Holocausto é un tema de estudo complexo debido á súa natureza de xenocidio, o que inicialmente levou a súa elusión. Tras “superar” este silencio, xurdiron debates que tentaron minimizalo ou atribuírlle unha singularidade especial; sendo nas últimas décadas cando xurdiron estudos que abordaron o tema desde perspectivas menos convencionais, centrándose en cuestións antes tratadas como subtemas como o caso dos xitanos, das mulleres ou, ao que a este traballo interesa en especial, os nenos. 1.2. Descrición de fontes e metodoloxía Procederase a detallar as fontes e a metodoloxía empregada ao longo do traballo; no que se pretende unha descrición de todas as fontes primarias utilizadas, así como unha presentación da metodoloxía seleccionada. Para levar a cabo este traballo, realizouse unha revisión bibliográfica que incluíu estudos previos realizados por historiadores. Estes materiais proporcionaron unha base para comprender o contexto e os aspectos xerais do tema. Ademais, levouse a cabo unha tarefa de investigación, acudindo a fontes primarias como diarios, debuxos, entrevistas, películas e páxinas web de museos e institucións. En canto aos diarios, estes constitúen a principal fonte deste traballo para obter información sobre a perspectiva dos nenos xudeus dentro da política de persecución xudía nazi. Seleccionáronse diarios escritos por nenos e nenas xudeus de entre 12 e 15 anos de diferentes nacionalidades, incluíndo: Polonia con Mary Berg e Rutka Leiblich; e a antiga Checoslovaquia con Petr Ginz e Helga Weissová. Todos comparten como 7 característica común a narración da vida dentro de guetos, campos de concentración e/ou exterminio, con maior ou menor grao de detalle. Por esta razón, o amplamente coñecido diario de Ana Frank non será obxecto de análise, xa que non aborda esta especificidade ao limitarse a relatar a súa vida oculta dos nazis. En canto a Miriam Wattenberg, coñecida tamén como Mary Berg, naceu en Lodz (Polonia) o 10 de outubro de 1924, e faleceu en Estados Unidos no 2013. A súa singularidade radica en ser filla dunha cidadá estadounidense, circunstancia que lle permitiu sobrevivir ao Holocausto e ser trasladada a Estados Unidos xunto coa súa familia. O seu diario comeza o día do seu aniversario número quince, o 10 de outubro de 1939, e conclúe coa súa chegada a Estados Unidos en marzo de 1944, despois de ser liberada. Decidiu publicalo co fin de axudar aos xudeus que aínda estaban en mans dos nazis e nel reflíctense as vivencias da protagonista, así como as dos seus familiares e amigos, principalmente no gueto de Varsovia, durante catro anos. Rutka Leiblich (ou Laskier) naceu na actual Gdansk o 12 de xuño de 1929 e foi asasinada aos 14 anos en Auschwitz en 1943. Filla de xudeus polacos, quedou atrapada no gueto de Bedzin, onde escribiu un diario durante os últimos meses da súa vida, entre xaneiro e abril, co propósito, nas súas propias palabras, de “verter no papel todo o desconcerto que levo dentro” (Leiblich, 2008, p. 12). O diario reflicte as preocupacións típicas dos nenos da súa idade, como o amor, o desamor e a amizade, mesturadas con descricións das atrocidades que os nazis estaban a cometer contra o pobo xudeu. Petr Ginz, nacido en Praga o 1 de febreiro de 1928, faleceu aos 16 anos en Auschwitz en 1944, vítima de asfixia nunha cámara de gas. Fillo dun matrimonio mixto, con nai cristiá e pai xudeu, a súa condición de fillo maior de 14 anos non o eximiu de ser levado ao campo de concentración. Destacou pola súa notable habilidade para a escritura e a pintura, sendo recoñecidas algunhas das súas obras, incluídas aquelas creadas en Terezin, e un grande número de pinturas que se conservan no Museo Xudeu de Praga. O seu diario está dividido en dúas partes: a primeira abarca desde o 19 de setembro de 1941 ata o 23 de febreiro de 1942, mentres que a segunda vai desde o 24 de febreiro de 1942 ata o 8 de agosto de 1942. No seu contido, 8 oito, e permitíaselles comprar só ás tres da tarde. Ademais, no que respecta ao transporte público, só podían ocupar os asentos traseiros de tranvías e autobuses. Tamén se lles restrinxiu o acceso a certas rúas, o que levou a Petr a comentar que “mellor que aprendermos de memoria será que quede na casa” (Ginz, 2006, p. 117). Outro aspecto crucial son os inventarios (Figura 4 do anexo) de roupa, mobles e obxectos que os xudeus debían realizar, os cales servirían como guía para que os alemáns confiscasen todas as pertenzas xudías, incluíndo pezas de vestir, especialmente de inverno, diversos instrumentos musicais, maquinaria e obxectos de todo tipo. A isto súmanselle restricións en canto ao acceso a certos alimentos como froitas, verduras, aves, queixo, cebola; “en resumo, está prohibido vivir. Pero nós vivimos a pesar dos nazis” (Berg, 2010, p. 59). Doutra banda, estáballes prohibido levar a esvástica e mencionar o nome de Hitler. Ademais, a partir dos seis anos, os xudeus estaban obrigados a portar o sinal xudeu, que consistía nunha estrela de David amarela coa inscrición “XUDEU”, cosida na súa roupa. Fronte a isto, obsérvanse diferentes reaccións por parte da poboación: desde unha indiferenza falsa ata manifestacións de mágoa ou burla. Os nenos, pola súa banda, restaban importancia a estes sinais, competindo na escola por mostrar quen a levaba mellor cosida ou xogando a contar estrelas ou “shériffs” pola rúa, desafiantes: “que os alemáns vexan que isto non nos preocupa en absoluto [...] para que lles de rabia” (Weissová, 2013, p. 35). Neste contexto, evidénciase como os xudeus foron gradualmente insensibilizándose ante o réxime, normalizando estas políticas de exclusión xudía: “o que resulta agora totalmente corrente, sería motivo de escándalo nunha época normal” (Ginz, 2006, p. 69). A política antisemita nazi reflíctese claramente no poema de Petr (Figura 3 do anexo). Ademais destas leis, faise especial fincapé na política de deportación (Figuras 5 e 6 do anexo), onde os nazis comezaron a encerrar á xente en campos de concentración: “Todo o mundo, mesmo mulleres e criaturas, está a ser secuestrado polos alemáns e levado a facer traballos forzados” (Berg, 2010, p. 18). Esta situación xeraba preocupación entre a poboación, xa que non sabían que lles esperaba nin onde serían levados, incluídos os nenos: “no colexio estabamos tristes” (Weissová, 2013, p. 26). 15 Resulta rechamante como todos os nenos fan referencia ao caos nas vivendas xudías e á axuda mutua para preparar as maletas para a viaxe, así como ás formas de librarse pagando. Tamén se destaca o feito de que se asignaba un número de identificación aos deportados: “ou sexa que xa non son persoas, só son números” (Weissová, 2013, p. 42). No caso de Checoslovaquia, ambos os nenos falan sobre o Palacio da Feira/Exposicións, que era o lugar onde debían dirixirse os deportados e desde onde partirían en tren. Helga ofrece unha descrición deste lugar, mencionando a mala calidade da comida (aínda que distribuían leite para a merenda dos nenos), a sucidade, as dificultades de hixiene, especialmente para os homes, e o descanso insatisfactorio. Con todo, tamén menciona que atopaba tempo para xogar cos nenos. En canto ás viaxes en tren, destaca a narración de Helga da súa viaxe de dezaseis días desde Freiberg ata Mauthausen. Describe as duras condicións de temperatura; o difícil descanso e a pésima hixiene, xa que tiñan que lavarse utilizando o mesmo prato co que comían, contando ademais coa presenza de pulgas na súa roupa. En canto á comida, menciona que apenas se alimentaban, chegando a pasar ata catro días sen comer, e cando o facían, era só unha rebanda de pan e café. Tamén destaca o detalle de que cando se lles acababa a comida e paraban nalgunha poboación, a xente achegábase ao tren para lanzarlles alimentos. Doutra banda, evidénciase o impacto psicolóxico que isto tivo en Helga, quen chegou a considerar o suicidio e a fuga, estando tan exhausta que prefería que lle disparasen antes que ter que moverse. 3.1.2. Solución Final A Solución Final tamén quedou reflectida nos diarios dos nenos, inicialmente como un rumor que se foi volvendo máis presente co paso do tempo. Por exemplo, en Auschwitz, Helga sospeita: “eu creo que significa gas” (Weissová, 2013, p. 133), e menciona: “o único que vexo e que me contesta son dúas chemineas que botan fume de día e de noite. Polo visto, o crematorio” (Weissová, 2013, p. 135). Resulta intrigante que algúns debuxasen o proceso de selección para determinar quen serían asasinados ou continuarían sendo explotados como forza de traballo (Figura 7 do anexo). Menciónase como a tortura física e mental convértese nunha rutina, xerando inicialmente resistencia: “queren destruírnos [...] espiritual e moralmente. 16 Conseguirano? Nunca!” (Ginz, 2006, p 145), e anoxo: “gustaríame torturalos a eles, as súas esposas e aos seus fillos” (Leiblich, 2008, p. 26), e mesmo perda de fe: “Se Deus existise non permitiría que seres humanos fosen lanzados vivos a fornos crematorios nin que esmagasen as cabezas de nenos pequenos a golpe de culata ou que os metesen en sacos para que morresen gaseados” (Leiblich, 2008, p. 25), pero despois de anos de tortura, mostraban indiferenza ante o tema: “impórtanos tan pouco a vida, non temos nada que perder” (Weissová, 2013, p. 148). Rutka é un exemplo da normalización da violencia: “Vin cos meus propios ollos, como un soldado arrincaba un bebé das mans da nai e lle abría a cabeza a golpes contra un poste de electricidade. Os miolos da criatura salpicaron a madeira. A nai toleou. Agora escríboo coma se non pasase nada [...] xa me volvín tan indiferente” (Leiblich, 2008, p. 30). Tamén Mary Berg menciona a existencia de patrullas de destrución (Vernichtungskimanndo) que irrompían nos guetos para cometer pogromos, así como as múltiples deportacións de nenos (Figura 8 do anexo) e matanzas dos mesmos: Cuadrillas de nenos, tomados entre si das mans, comezaron a camiñar cara á porta de saída. Había pequenos de dous ou tres anos entre eles, mentres os maiorciños terían talvez trece. Cada neno levaba unha maletiña na man. Todos vestían mandís brancos. Camiñaban [...] tranquilos [...] Foron dirección ao cemiterio. No que todos os nenos foron fusilados. Tamén nos informaron que o doutor Korczak foi obrigado a contemplar as execucións e que finalmente tamén el foi asasinado (Berg, 2010, p. 113). Pero tamén inclúen relatos que lles contaron: A casa da morte que existe en Treblinka está situada nun bosque tupido. A xente é conducida ata alí en camións e logo ordénaselles espirse por completo. Dáselle a cada un unha pastilla de xabón e díselles que deben bañarse antes de ir ao campo de traballo. As persoas espidas [...] son conducidas a unha casa de baños [...]. Despois [...] envíanse polas xanelas poderosas correntes de vapor quente concentrado. En poucos minutos a xente afógase no medio de horribles dores (Berg, 2010, p. 136). 17 É notable que os nenos sobreviventes xeralmente experimentan sentimentos de culpabilidade por sobrevivir, pero tamén mostran un desexo de vivir: “a pesar de todas as atrocidades, quero vivir e espero ao día seguinte, o que neste momento significa esperar Auschwitz ou os campos de traballos forzados” Leiblich, 2008, p. 36). 3.1.3. A guerra En todos os diarios fanse alusións á guerra (Figura 9 do anexo). Algúns momentos destacados inclúen cando os alemáns invaden os seus países e os ataques aéreos, que os obrigaban a resgardarse en refuxios improvisados e causaban caos nas cidades, con obxectos e persoas por todas partes e un fedor insoportable. Sinálanse momentos chave como a capitulación de Varsovia, a caída de París, a entrada na guerra de Estados Unidos ou os bombardeos sobre as cidades xaponesas. Conforme avanzaba a guerra, tamén o facía o nerviosismo e mal humor dos vixiantes dos campos, prestando menos atención aos prisioneiros. Ademais, móstrase o desexo de que a guerra termine pronto, aínda que moitos dubidaban da credibilidade desa posibilidade. De feito, cando a guerra chega ao seu fin (Figura 10 do anexo), Helga atopábase no campo de Mauthausen e escribe o seguinte: Deixaron de repartir sopa. Todos [...] se abrazan. Xa podían deixar estar todas estas bobadas e repartir comida. É máis importante que todo o demais. [...] Hai cada vez máis voces [...] “Paz, paz, paz” [...] ondea [...] a bandeira da paz [...] a palabra coa que levamos anos enteiros soñando. [...] O fin da tiranía, da miseria, da escravitude, da fame [...] Sobrevivimos á guerra. CHEGOU A PAZ (Weissová, 2013, pp. 176-177). 3.2. Necesidades básicas dentro dun campo Os diarios resultan de grande utilidade para ilustrar todo o relacionado coas necesidades básicas, que inclúen a alimentación, a inxestión de auga e o aseo. Tamén abordan outras cuestións como as enfermidades, as condicións de temperatura e o vestiario, dado que inciden directamente na supervivencia dos individuos. Unha das principais preocupacións que se mencionan é a alimentación. En xeral, faise referencia a que non comían todos os días e que cando o facían era en pequenas 18 cantidades, que diminuían co tempo, volvéndose máis escasas e custosas, ademais de ser de mala calidade, a miúdo fría e en mal estado; o que causaba unha alta mortalidade. Entre os alimentos mencionados (Figura 11 do anexo) atópanse o pan, as sopas, as patacas, algunhas verduras, peixe en mal estado e café. Tamén é importante considerar que grande parte da comida obtíñase de maneira clandestina de hortas e mediante o contrabando, que ademais de produtos de primeira necesidade, introducían licores e outros bens secundarios para aqueles con máis recursos. Obsérvase a diferenza entre Auschwitz, onde cinco ou dez persoas compartían unha mesma pota, e outros campos onde cada individuo tiña a súa propia “vaixela”, o que os nenos describen como un retorno para non ter que comer coas mans como animais. En canto á repartición de comida (Figura 12 do anexo), os anciáns eran os máis prexudicados ao recibir racións máis pequenas (Figura 13 do anexo). No caso dos nenos, ás veces asignábanselles porcións especiais de comida. Tamén se describe como a sede é aínda peor que a fame, narrando momentos nos que non teñen auga para beber, o que consideran insufrible. Estas condicións afectan directamente á saúde, debilitando a todos (Figura 14 do anexo). Ao que hai que sumar as condicións de hixiene, mencionando que se vían obrigados a asearse con auga fría en baños (Figura 15 do anexo), cando tiñan a sorte de ter acceso a eles, e ás veces nin sequera podían bañarse, tendo que facelo ás agachadas en fábricas ou con cubos nos barracóns. En canto ao xabón, adoitaba estar racionado, polo que cada persoa debía administrar o seu, se é que o tiñan. Aínda que o máis repugnante poida que foran os excrementos, polo menos no gueto de Varsovia, que eran lanzados á rúa xunto co lixo. As temperaturas eran extremas; en Auschwitz, por exemplo, a calor do día causaba desmaios, mentres que o frío da noite conxelaba. En xeral, os nenos falan do frío e da neve, sendo común ver cadáveres nas rúas conxelados durante o inverno. Aínda que tamén destacan a ausencia da natureza: “vai ser insoportable permanecer encerrado nesta gaiola gris sen poder ver os campos nin as flores” (Leiblich, 2008, p. 24). Por outra banda, os dormitorios, liteiras e a roupa estaban infestados de chinches e piollos (Figura 16 do anexo). Respecto ás chinches, había tantas que mesmo competían por ver quen atrapaba máis. Ademais, nalgunhas noites realizaban desinfeccións (Figura 19 17 do anexo), durante as cales obrigaban aos prisioneiros a espirse e pasar por varias duchas, pero finalmente devolvíanlles a mesma roupa, só que intercambiada coa doutros. Estas condicións propiciaban a proliferación de enfermidades e epidemias, entre as cales se mencionan a escarlatina, o tifo (chegando a matar ata cincocentas persoas por día), o escorbuto, a encefalites e a tuberculose, así como unha variedade doutras afeccións como cataplasmas, pneumonía, inflamación do oído, hepatite e anxinas, entre outras. A falta de medicamentos era evidente e as enfermerías e hospitais “públicos” non podían facer fronte á alta demanda, creándose hospitais e médicos privados para aqueles máis adiñeirados. No gueto de Varsovia, por exemplo, só había tres ambulancias, polo que ás veces recorríase ao uso de rikshas (carros de man). No que respecta ao descanso nos campos, durmir era unha tarefa difícil debido á presenza de insectos e á escaseza de colchóns e mantas. As camas compartíanse como se podía (Figura 18 do anexo), e algúns cuartos presentaban pingueiras e xeo nas paredes. A alta concentración de persoas en espazos reducidos era notable: “metémonos os pés na cara unhas ás outras, é un horror” (Weissová, 2013, p. 65) e “todos os pisos están colmados e hai un termo medio de seis a dez persoas por habitación” (Berg, 2010, p. 49). No caso de Terezin, menciónanse uns dormitorios especiais para nenos, os kinderheims, que eran mellores que os destinados aos adultos. Nalguhas ocasións os nenos ocupábanse de pintar as liteiras, tinguir as cortinas, colgar cadros, fotografías e postais para simular un ambiente caseiro. En canto á roupa, nos guetos faise escasa referencia a este aspecto, coa excepción de Mary, quen destaca a importancia das pezas luxosas usadas polas xudías máis adiñeiradas. Esta situación cambia drasticamente en Auschwitz, onde se mencionan os pixamas a raias, aínda que os prisioneiros a miúdo estaban medio espidos e calzaban con zocos holandeses, ás veces con só un. Respecto á distribución da roupa, non se fai mención a tallas, simplemente debíanse conformar coas pezas dispoñibles; a escaseza era tal que algunhas persoas levaban a mesma roupa interior durante meses. En resumo, a situación xeral poderíase resumir en fame, sucidade, epidemias e morte, ao que habería que sumar o medo: “os tentáculos dese medo envólvennos a 20 todos e non nos deixan respirar” (Leiblich, 2008, p. 45). Con todo, os mesmos comentan que “un aguanta moito máis do que cre” (Weissová, 2013, p. 136). 3.3. Quefaceres, ensinanza concentracionaria e política de control No que respecta ás actividades culturais, estas moitas veces estaban impregnadas de bromas relacionadas coa difícil situación que estaban a atravesar. Menciónase a realización de espectáculos, obras de teatro, veladas, concertos (Figura 19 do anexo), conferencias e cafés, así como a celebración de diversas festividades (Figura 20 do anexo) como Aninovo, o Día da Nai, Janucá, Nadal ou os aniversarios, aínda que se levaban a cabo de maneira clandestina. Petr, fundou e dirixiu a revista Vedem, na que publicaba artigos, poemas e reflexións sobre o pasado e o futuro, mostrando a súa esperanza e fe en que as cousas ían cambiar. Mary, pola súa parte, formaba parte do Grupo Artístico de Lodz, que organizaba espectáculos culturais con fins benéficos. Ademais destas, realizábanse outras actividades recreativas como a lectura, escritura, pintura ou xogos (Figura 21 do anexo) como as canicas, as buxainas ou ir ao parque. Por exemplo, no gueto de Varsovia, creouse un lugar onde os nenos podían xogar: “os seus berros de gozo e os seus cantos alegres resoaron no aire. As cariñas sonrosadas e riseiras dos nenos foron talvez o mellor premio que recibiron os que crearon ese pequeno refuxio de liberdade para os pequenos prisioneiros do gueto” (Berg, 2010, p. 95). Pódense chegar a identificar momentos de felicidade: “foi para nós a mellor época de Terezin, aquí pasamos os momentos máis felices” (Weissová, 2013, p. 120). Durante este tempo, os nenos, e os que estaban entrando na adolescencia, prestaban atención a asuntos propios da súa idade, como os amores: “síntense máis atraídos entre si que en tempos normais, como sedentos de protección e agarimo” (Berg, 2010, p. 72), as amizades e a súa aparencia física: “son alta, delgada, teño unhas pernas nada feas” (Leiblich, 2008, pp. 18-19), así como a atención á escasa natureza (Figura 22 do anexo) ou a soños (Figura 23 do anexo). No que respecta á educación, levaban a cabo clases clandestinas nos dormitorios (Figura 24 do anexo) e sotos dos campos, onde se ensinaba checo, caligrafía (Figura 25 21 do anexo), xeografía, historia, matemáticas e debuxo (Figura 26 do anexo), aínda que os libros eran difíciles de conseguir debido á súa prohibición. Neste contexto, destaca o entusiasmo de Petr por aprender, realizando traballos preparatorios para os seus estudos de humanidades e escribindo novelas, entre as que se inclúen: Recordo de Praga,O tolo augusto,Paseos por Terezin,Os grabados sobre linóleo,O ladrón de orquídeas e unha novela inconclusa O segredo da cova do demo. Hai diferenzas notables nos guetos, como o de Varsovia, no cal se estableceron cursos de sete meses para os xudeus, destinados a cubrir diversas necesidades, como enfermería, debuxo de máquinas, artes gráficas ou arquitectura. En canto ao traballo, menciónanse unha variedade de ocupacións (Figura 27 do anexo), que inclúen a recolección de maletas, traballo de oficina, costura, modistería, construción e obras ferroviarias, entre outras. Helga, en Terezin, conseguiu emprego no xardín (Figura 28 do anexo) e en Freiberg traballou nunha fábrica de avións. Ben é certo que os nenos de menor idade tiñan limitacións para acceder a certos postos. En canto ás xornadas laborais (Figura 29 do anexo), polo xeral estendíanse ata doce horas, distribuídas en distintas quendas, con pausas moi curtas ou ás veces un só descanso dunha hora. Con todo, os nenos a miúdo tiñan a posibilidade de irse ata dúas horas antes que os adultos. Entre as referencias ao control e a disciplina, destacan os frecuentes recontos (Figuras 30 e 31 do anexo) e os castigos impostos. Por exemplo, relátase como nove mozos foron condenados á morte e obrigados a cavar as súas propias tumbas fronte a todos por enviar mensaxes ás súas nais. Outros eran fusilados por infraccións das normas ou mesmo sen motivo aparente, por diversión dos gardas: “mentres conversaba con cara riseira cun xudeu, sacou o seu revólver e matou dunha bala na cabeza a outro xudeu que estaba preto. Logo volveuse e matou tamén o xudeu con quen estaba falando tan amablemente” (Berg, 2010, p. 131). Unha cuestión vital, especialmente nos guetos, era o contrabando. Os nenos desempeñaban un papel crucial neste aspecto, xa que se coaban polas rúas sen ser vistos4. A situación era tan grave que se ordenaba á comunidade xudía que se ocupase 4É fundamental porque algúns gardas facían a vista gorda, quizais por ter algo de compaixón ou mesmo nenos na súa casa. Con todo, outros disparaban sen piedade aos nenos indefensos. 22 deste asunto. Así, formábase unha milicia xudía para colaborar coa policía polaca no mantemento da orde no gueto, o que tamén implicaba impedir a mendicidade. Dita milicia supuña, inicialmente, unha mellora das condicións da familia do mesmo. O correo e a mensaxaría era unha actividade ilegal, polo que en ocasións enviábanse cartas de maneira clandestina, utilizando códigos para comunicarse. Mary relata como se senten illados debido á falta de radios, teléfonos e xornais, aínda que a súa nai, ao ser estadounidense, ten permitido saír do gueto e enviar cartas ao estranxeiro. É relevante mencionar a existencia do único xornal legal para os millóns de xudeus de Polonia: a Gazeta Zydowska; información que era contrastada con xornais ilegais. 4. Memoria Este apartado ten como obxectivo profundar na memoria do Holocausto, comprender o testemuño das superviventes e a forma en que, case oitenta anos despois da súa conclusión, segue sendo lembrado en ámbitos institucionais, museísticos e na cultura popular. 4.1. As superviventes Consideraranse as experiencias das dúas superviventes e autoras dos diarios: Helga Weissová e Mary Berg. Na entrevista, Helga revive os acontecementos cunha fidelidade que recorda á precisión do seu diario de anos atrás. Ademais, profunda en emocións que non expresara completamente neste. Por exemplo, describe vividamente a súa chegada a Auschwitz, o horror ao contemplar ás chemineas botando fume, que inicialmente cría que eran as fábricas nas que traballaría. Tamén expresa como facían plans para o futuro, destacando como “fomos nenos, e de súpeto adultos [...] e queriamos vivir de maneira normal”. Chama a atención, porque non se describe no diario, que narra como en Mauthausen foron deixadas sen comida, tendo que cociñar herba para subsistir, describindo aqueles días como aínda peores que en Auschwitz. Finalmente, reflexiona sobre o seu difícil regreso a Praga e a importancia de: “para que cando xa non poidamos falar, polo menos quede o noso testemuño” (Martín, 2015). Por outra banda, sábese que Mary Berg arribou a Nova York con 19 anos, acompañada pola súa familia. Xusto despois da súa chegada, publicou o seu diario e 23 implicouse en diversas actividades (como marchas, charlas e entrevistas na radio) para axudar aos xudeus que aínda vivían en Polonia. Con todo, tras este período de intensa actividade pública, retirouse da vida mediática. E é que Berg publicara o seu diario coa intención de impulsar á acción; con todo, o mundo respondeu con indiferenza e moitos centos de miles máis morreron. Despois dese momento, Mary considerou que non había máis que engadir (Rosenberg, 2008 en Berg, 2010, pp. 164-166). Estes dous exemplos ilustran dous enfoques diverxentes da memoria dos sobreviventes. Aqueles que seguen activos no seu labor de informar ao mundo sobre o que lles ocorreu, co fin de que nunca se esqueza; e os que son reticentes a revivir a situación, pois cren que cando necesitaban que lles prestasen atención, non o fixeron, e agora consideran que é demasiado tarde; vendo os seus esforzos como inútiles, xa que situacións similares seguen ocorrendo, como expresa Mary Berg: “non facer diferenza con todos os holocaustos que están a ter lugar agora en Bosnia ou Chechenia” (Rosenberg, 2008; en Berg, 2010, p. 165). 4.2. Memoria institucional e museística Para estudar a memoria institucional e museística do Holocausto, utilizouse a páxina oficial de Yad Vashem, así como dous museos que se centran neste tema. Yad Vashem é o Centro Mundial de Conmemoración da Shoah, dende 1953, que ten por misión conmemorar, documentar, supervisar museos, investigar e educar sobre o Holocausto, lembrando aos xudeus asasinados polos nazis; celebrando o 27 de xaneiro o Día Internacional de Conmemoración en Memoria das Vítimas do Holocausto. Respecto á honra da memoria dos nenos, poden consultarse na Base Central de Datos de Nomes de Vítimas da Shoah. Ademais, desenvolve programas educativos, baseados en testemuños escritos polos propios nenos, ofrecendo unha visión única das súas vidas, gustos e soños (Yad Vashem, 2024). O Museo Estatal de Auschwitz-Birkenau, alberga unha variedade de recursos como un apartado de noticias, unha colección de obras de arte relacionadas co campo de Auschwitz-Birkenau, arquivos que preservan e ofrecen acceso a unha ampla gama de materiais relacionados co campo; incluíndo unha galería de fotos e unha base de datos exhaustiva dos prisioneiros. En canto á historia, en contraste con Yad Vashem, 24 Wachsmann, N. (2015). A History of the Nazi Concentration Camps. Farrar, Straus and Giroux. Wang, D. (2004). Los niños escondidos: Del Holocausto a Buenos Aires. Marea Editorial. Wieviorka, A. (2006). The Era of the Witness. Cornell University Press. Fontes: Debuxos Asociación de Amistad Colombo Checa. (2012). Siempre volveré a vivir… Los dibujos de los niños de Terezin. Guías de Impresión. El País. (2018, 20, marzo). Dibujos de la niñez y de la adolescencia de Helga Weissová.https://elpais.com/elpais/2018/03/19/album/1521487526_181863.html. Radio Sefarad. (s. f.). Auschwitz a través de la mirada de un niño. Los dibujos de Thomas Geve, con Laura Miñano. https://www.radiosefarad.com/auschwitz-a-traves-de-la-mirada-de-un-nino-los-dibujos -de-thomas-geve-con-laura-minano/. Diarios Berg, M. (2010). El Gueto de Varsovia. Diario 1939-1944. Sefarad Editores. Ginz, P. (2006). Diario de Praga. 1941-1942. Acantilado. Leiblich, R. (2008). El cuaderno de Rutka. Suma De Letras. Weissová, H. (2013). Diario de Helga: testimonio de una niña en un campo de concentración. Sextopiso. Museos e institucións 1a Museo Conmemorativo del Holocausto de los Estados Unidos. (s.f). Los campos de concentración, 1939-1942. https://encyclopedia.ushmm.org/content/es/article/concentration-camps-1939-42. 31 2a Museo Conmemorativo del Holocausto de los Estados Unidos. (s.f). Trajeta de identificación.https://encyclopedia.ushmm.org/landing/en/id-cards. Museo Estatal de Auschwitz-Birkenau. (2024). Destino de los niños. https://www.auschwitz.org/en/history/fate-of-children/. The Guardian. (2017, 20, septiembre). My Nazi death camp childhood diary – in pictures. https://www.theguardian.com/lifeandstyle/gallery/2013/feb/22/helga-weiss-childhood- diary-nazi-camps. Yad Vashem (2024). Ceremonia para Ios días de Recordación del Holocausto: Infancia durante el Holocausto. https://www.yadvashem.org/es/education/educational-materials/ceremonies/children.ht ml#footnote2_7f9scy3. Películas e entrevistas Benigni, R. (Diretor). (1997). La vita è bella [película]. Gianluigi Braschi; Elda Ferri. Herman, M (Diretor). (2008). The Boy in the Striped Pyjamas [Película]. David Heyman. Martín, T. (2015). Helga y las mariposas [Programa]. RTVE. https://www.rtve.es/play/videos/en-portada/portada-helga-mariposas/3307801/. Rosenberg, A. (2008). “Tablet” en Berg, M. (2010). El Gueto de Varsovia. Diario 1939-1944. Sefarad Editores, pp. 164-166. 32 Anexo Figura 3: Petr Ginz (1942). Poema Agora xa todo o mundo sabe quen é xudeu e quen é ario porque ao xudeu recoñéceselle pola estrela amarela e negra. E o xudeu, unha vez marcado, ten que acatar as ordenanzas: Todos os días, a partir das oito, debe dedicarse á súa familia, só pode traballar de peón, e non prestarlle a nada atención, non ser dono nin dun cachorro e de afeitarse nin falar. E a xudía que antes era rica non pode ter nin sequera un gato, ten que ensinar aos nenos en casa, facer as compras de tres a cinco, non pode haber xoias, allo ou viño, concertos, teatro ou cinema, coches, casas, gramófonos, peles, esquís, teléfonos, carne de porco, cebolas, queixo, aparellos ou balanzas, harmónicas para tocar ou un canario para entreterse, bicicletas ou barómetros, calcetíns ou xerseis. E sobre todo o criminal xudeu, debe abandonar os seus hábitos: comprar zapatos ou traxes, non, as tendas non son para el, nin aves de corral ou xabón de afeitar, carné de conducir ou licores, revistas ou xornais, bombóns ou máquinas de coser, calzóns de abrigo, nin sequera un par, nin tendas, campos ou minas, nin accións, fábricas ou casas, nin sardiñas, nin froita, nin peixe. Poida que aínda falte algo. Hai aínda moitas máis cousas. Mellor que non compres nada! Afaite a ir a pé faga bo tempo ou chova. Non saias do teu edificio e nin se che ocorra tomar o tren. Claro que tampouco podes tomar un rápido ou un tranvía ou un taxi e por grande que sexa a tentación nin se che ocorra entrar nun bar, nin andar xunto ao río, nin ver unha exposición, ou ir ao museo ou á piscina, ao correo ou andar polas plataformas, a tomar café ou aos estadios, ao templo, á sala de xogos ou aos baños públicos. E anda tamén con coidado polas avenidas principais ou as grandes tendas! E se queres gozar do mundo mellor é que vaias ao cemiterio, ponte elegante para ver as tumbas e aproveita para respirar aire puro alí, xa que non podes entrar en ningún outro xardín. O xudeu, por listo que sexa, ten a conta do banco bloqueada, abandonou os malos costumes, e cos arios xa non se relaciona. Ningún deles podía antes dispoñer máis que de mochila, maleta e correa. Agora xa non ten nin ese dereito, pero o xudeu segue sen queixarse. Só atende ao regulamento e segue sempre con todo contento. Diario de Praga. 1941-1942, pp. 71-73. 33 Figura 4: Helga Weissová (1943). Lista de posesións [debuxo]. Diario de Helga, p. 46. Figura 5: Helga Weissová (1942). Chegada a Terezin [debuxo]. Diario de Helga, p. 61. Figura 6: Malvína Löwová (s.f). Unha familia deportada guiada por un home armado, ameazando xente no campo [debuxo]. Siempre volveré a vivir... Los dibujos de los niños de Terezin, p. 13. Figura 7: Thomas Geve (s.f). “Candidatos á morte” - A selección [debuxo]. Radio Sefarad. https://www.radiosefarad.com/auschwitz-a -traves-de-la-mirada-de-un-nino-los-dibuj os-de-thomas-geve-con-laura-minano/. Figura 8: Helga Weissová (1943). O transporte de nenos polacos [debuxo]. The Guardian. https://www.theguardian.com/lifeandstyle/gallery/20 13/feb/22/helga-weiss-childhood-diary-nazi-camps. Figura 9: Jiří Metzl (s.f). Guerra [debuxo]. Siempre volveré a vivir... Los dibujos de los niños de Terezin, p. 10. 34 Figura 10: Thomas Geve (s.f). “Chamada das nacións” - Marcha do 1 de maio - vitoria e memoria [debuxo]. Radio Sefarad. https://www.radiosefarad.com/auschwitz- a-traves-de-la-mirada-de-un-nino-los-dibu jos-de-thomas-geve-con-laura-minano/. Figura 11: Thomas Geve (s.f). “O que comemos” - “Fame” [debuxo]. Radio Sefarad. https://www.radiosefarad.com/auschwitz-a-tr aves-de-la-mirada-de-un-nino-los-dibujos-de- thomas-geve-con-laura-minano/. Figura 12: Helga Weissová (1942). Pan nos coches fúnebres [debuxo]. The Guardian. https://www.theguardian.com/lifeandstyle/gallery/20 13/feb/22/helga-weiss-childhood-diary-nazi-camps. Figura 13: Helga Weissová (1943). Raspando as sobras [debuxo]. Diario de Helga, p. 85. Figura 14: Helga Weissová (s.f). Mulleres en Auschwitz [debuxo]. El País. https://elpais.com/elpais/2018/03/19/album/1 521487526_181863.html. Figura 15: Ruth Klaubaufová (s.f). Duchas [debuxo]. Siempre volveré a vivir... Los dibujos de los niños de Terezin, p. 22. 35 Figura 16: Thomas Geve (s.f). Parásitos [debuxo]. Radio Sefarad. https://www.radiosefarad.com/auschwitz-a- traves-de-la-mirada-de-un-nino-los-dibujos -de-thomas-geve-con-laura-minano/. Figura 17: Thomas Geve (s.f). “Desinfección” - Convertido nun prisioneiro [debuxo]. Radio Sefarad. https://www.radiosefarad.com/auschwitz-a-tr aves-de-la-mirada-de-un-nino-los-dibujos-de- thomas-geve-con-laura-minano/. Figura 18: Helga Weissová (1942). O dormitorio nos barracóns de Terezin [debuxo]. Diario de Helga, p. 64. Figura 19: Helga Weissová (1942). Concerto no dormitorio [debuxo]. El País. https://elpais.com/elpais/2018/03/19/albu m/1521487526_181863.html. Figura 20: Eva Meitnerová (s.f). Celebración da festa Pesach no cuarto 17 [debuxo]. Siempre volveré a vivir... Los dibujos de los niños de Terezin, p. 25. Figura 21: Helga Weissová (1941). Boneco de neve [debuxo]. The Guardian. https://www.theguardian.com/lifeandstyle/gallery/ 2013/feb/22/helga-weiss-childhood-diary-nazi-ca mps. 36 Figura 22: Margit Koretzová (s.f). Bolboretas [debuxo]. Siempre volveré a vivir... Los dibujos de los niños de Terezin, p. 28. Figura 23: Nora Freundová (s.f). Soños sobre Palestina [debuxo]. Siempre volveré a vivir... Los dibujos de los niños de Terezin, p. 29. Figura 24: Vilém Eisner (s.f). Ensinanza na casa dos nenos [debuxo]. Siempre volveré a vivir... Los dibujos de los niños de Terezin, p. 26. Figura 25: Petr Ginz (s.f). Caligrafía [debuxo]. Siempre volveré a vivir... Los dibujos de los niños de Terezin, p. 32. Figura 26: Josef Bäuml (s.f). Exercicios de debuxo [debuxo]. Siempre volveré a vivir... Los dibujos de los niños de Terezin, p. 31. Figura 27: Thomas Geve (s.f). Así traballamos [debuxo]. Radio Sefarad. https://www.radiosefarad.com/auschwitz-a-traves- de-la-mirada-de-un-nino-los-dibujos-de-thomas-ge ve-con-laura-minano/. 37 Figura 28: Helga Weissová (1943). Cultivando [debuxo]. Diario de Helga, p. 117. Figura 29: Thomas Geve (s.f). Rutina diaria [debuxo]. Radio Sefarad. https://www.radiosefarad.com/auschwitz-a-traves-de- la-mirada-de-un-nino-los-dibujos-de-thomas-geve-co n-laura-minano/. Figura 30: Helga Weissová (1945-1946). Contando pernas [debuxo]. Diario de Helga, p. 137. Figura 31: Thomas Geve (s.f). Pola noite [debuxo]. Radio Sefarad. https://www.radiosefarad.com/auschwitz-a -traves-de-la-mirada-de-un-nino-los-dibuj os-de-thomas-geve-con-laura-minano/. 38