scieee AI-readable full text Open interactive document viewer

A violencia contra a muller nos casos de subtracción internacional de menores

Varela Castro, Ignacio

Abstract

A presente comunicación analiza o alcance que a violencia contra a muller ten nos casos de subtracción internacional de menores como motivo para denegar a súa restitución. Por un lado, á luz dos obxectivos do Convenio da Haya sobre os aspectos civís da subtracción internacional de menores e ao constatado paralelismo entre violencia de xénero e abuso de menores, deféndese que a devandita violencia debe ser causa suficiente para denegar a restitución do menor. Por outro lado, recoñecendo que é imprevisible que no panorama internacional se poida chegar a tal entendemento, avógase por unha interpretación do Convenio no seus xustos termos para que a violencia de xénero non sexa ignorada

Full text

19 A VIOLENCIA CONTRA A MULLER NOS CASOS DE SUBTRACCIÓN INTERNACIONAL DE MENORES Ignacio Varela Castro Investigador predoutoral de Dereito Civil Universidade de Santiago de Compostela TITLE: VIOLENCE AGAINST WOMEN IN INTERNATIONAL CHILD ABDUCTION CASES. RESUMO: A presente comunicación analiza o alcance que a violencia contra a muller ten nos casos de subtracción internacional de menores como motivo para denegar a súa restitución. Por un lado, á luz dos obxectivos do Convenio da Haya sobre os aspectos civís da subtracción internacional de menores e ao constatado paralelismo entre violencia de xénero e abuso de menores, deféndese que a devandita violencia debe ser causa suficiente para denegar a restitución do menor. Por outro lado, recoñecendo que é imprevisible que no panorama internacional se poida chegar a tal entendemento, avógase por unha interpretación do Convenio no seus xustos termos para que a violencia de xénero non sexa ignorada. ABSTRACT: This paper analyzes the extent to which the violence against women is a reason to refuse returning the child in cases of international child abduction. Firstly, taking into account the objectives of the Hague Convention on civil aspects of international child abduction and the proven parallelism between gender violence and child abuse, we defend that the aforementioned violence must be a sufficient reason to deny returning the child. Secondly, as it is predictably difficult to achieve an international agreement on this topic, we stand for an adequate interpretation of the Convention in order to prevent ignoring violence against women. PALABRAS CLAVE: subtracción internacional de menores, interese superior do menor, violencia contra a muller, violencia de xénero, grave risco. KEYWORDS: international child abduction, the best interests of the child, violence against women, gender violence, grave risk. SUMARIO: 1. INTRODUCIÓN. 2. OBXECTIVOS E FILOSOFÍA DO CONVENIO DA HAYA. 2.1. Obxectivo primordial e subxacente. 2.2. Outros obxectivos do Convenio. 2.3. Presunción iuris tantum. 2.4. Mecanismo de posta en marcha. 3. A VIOLENCIA DE XÉNERO COMO EXCEPCIÓN Á DEVOLUCIÓN DO MENOR. 3.1. Interpretación restritiva do artigo 13.I.b) do Convenio. 3.2. Posibles consideracións en detrimento dos casos de violencia sobre a muller.3.3. Exemplos de supostos nos que a violencia contra a muller é motivo da non restitución do menor: un intento errado de sistematización. 3.4. A apreciación do risco no caso concreto. 4. REFLEXIÓNS FINAIS. BIBLIOGRAFÍA E RECURSOS ELECTRÓNICOS. 1. INTRODUCIÓN Pronunciarnos acerca da repercusión que a violencia contra a muller ten nos casos de traslado ilícito internacional de menores como causa para denegar a restitución destes é unha ardua tarefa, en canto tal consideración non é sopesada, en si mesma, polo 20 Convenio da Haya de 25 de outubro de 1980 sobre os aspectos civís da subtracción internacional de menores1. Son moi numerosos os supostos nos que a nai2 é quen se leva ao menor que alega ser vítima da violencia exercida polo pai deste3. Ora ben, no momento da redacción do Convenio, o modelo elaborouse sobre a base de que a subtracción a levaba a cabo o proxenitor non custodio, frustrado pola perda de acceso ao menor, ou o proxenitor con medo de perder o acceso ou a custodia do menor no procedemento xudicial a tales efectos; pero, ademais, asumiuse que a subtracción a executaba tipicamente o pai4. As razóns que poderían levar ao proxenitor custodio a desprazar ao menor non foron valoradas5. Así as cousas, a seguinte análise céntrase nos casos en que (i) a muller vítima de violencia por parte da súa parella foxe do agresor, realizando unha viaxe transfronteiriza xunto co seu fillo menor que ten baixo a súa custodia; (ii) o pai, tamén titular do dereito de custodia do menor, presenta a consecuente solicitude de restitución deste no Estado onde tiña a súa residencia habitual antes do traslado ilícito, pois non dera o seu consentimento e (iii) a nai oponse á devolución con base na violencia da que foi vítima. A amplitude do termo “violencia doméstica” permite incluír neste concepto os patróns continuados de abusos físicos, psíquicos e/ou sexuais contra os menores e/ou sobre a parella ou cónxuxe de ambos sexos. O presente estudo céntrase nos casos nos que a violencia exércese directamente contra a muller, non contra o menor. Ao longo das nosas explicacións faremos referencia tanto á “violencia sobre a muller” ou “violencia de xénero” en particular, para poñer de manifesto as súas especificidades que requiren un tratamento propio, como á “violencia doméstica” en xeral, onde deben entenderse embebidos os casos de violencia contra a muller. 1 De agora en adiante “o Convenio” ou “o Convenio da Haya”. 2 LOWE (2011), pp. 5 e 6, sinala que as estatísticas concernentes á aplicación do Convenio no ano 2008 evidencian que no 69% dos casos foron as nais as que subtraeron os menores, mentres que os pais representaron o 28%. Dese 69%, o 88% das nais eran as principais coidadoras do menor. 3 Vid. WEINER (2000), p. 615, SHETTY, EDLESON (2005), p. 120, ou TRIMMINGS (2013), p. 151. 4 Segundo PÉREZ-VERA (1982), p. 24, o Convenio non contén ningunha disposición relativa ao perfil do secuestrador. SCHUZ (2013), p. 55 indica que os informes dos redactores do Convenio non se refiren especificamente a que os pais fosen os raptores. Con todo, opina que a crenza de que só os proxenitores non custodios eran os que perpetraban o secuestro, combinada co feito de que ás nais se lles atribuía xeralmente a custodia, debeu de conducirlles a asumir que os secuestradores eran maioritariamente os pais. Ademais, como recorda TRIMMINGS (2013), p. 151, na época en que se redactou en Convenio a maioría dos raptores eran pais non custodios. WEINER (2000), p. 609 sostén que se os redactores non tiveron en conta as motivacións dos secuestradores ao formular o Convenio e se algúns secuestradores están motivados pola necesidade de escapar da violencia doméstica, a omisión daqueles ten o mesmo efecto que asumir abertamente que o secuestrador é o pai non custodio. Por iso, SILBERMAN (2001), p. 224 e BROWNE (2011), pp. 1194 e 1195 afirman directamente que o Convenio parte do estereotipo de que o raptor é o pai non custodio. 5 Con todo, a CONFERENCIA DE HAYA DE DEREITO INTERNACIONAL PRIVADO (2011), p. 12 recorda os traballos preparatorios do Convenio nos que se argumentaba a posibilidade de que os supostos de violencia sobre un dos membros da parella, que finalmente acaban en fuxida transfronteiriza, constituísen unha situación intolerable. 21 Feitas estas apreciacións, debemos realizar as seguintes advertencias. En primeiro lugar, cabe manifestar o carácter especulativo do presente estudo, xa que a casuística, a importancia da proba e os diversos pronunciamentos xudiciais espallados entre os distintos Estados parte do Convenio impiden inducir unha regra xeral acerca da virtualidade que a violencia sobre a muller ten nos casos de subtracción internacional de menores. En segundo lugar, destacamos a relatividade da nosa análise pois, por unha parte, o suposto de feito do que partimos exclúe outros casos como, por exemplo, os de violencia exercida directamente sobre o menor e, por outra, non examinamos outras circunstancias hipoteticamente concorrentes coa violencia sobre a muller que puidesen ser relevantes para valorar a conveniencia da devolución do menor; iso desbordaría en exceso a nosa modesta intención nestas páxinas. Dito todo isto, entendemos que o Convenio ten a versatilidade suficiente para que a violencia sobre a muller poida ser determinante para desestimar a restitución do menor no caso concreto. Con todo, tamén atopamos importantes trabas que producen o resultado contrario. Para chegar a aquela conclusión, é necesario comezar expoñendo con claridade cales son os obxectivos do Convenio e as premisas das que parte, pois confundir as súas prioridades conduce, tal e como estamos dicindo, a denegar á devandita violencia a relevancia que merece. 2. OBXECTIVOS E FILOSOFÍA DO CONVENIO DA HAYA Malia o que se poida deducir dunha primeira lectura do artigo 1 do Convenio6, cabe afirmar que o sistema convencional se articula sobre tres obxectivos principais e xerarquizados, unha presunción iuris tantum e un mecanismo de posta en marcha. Fóra desta estrutura piramidal, existen outras consideracións accesorias que poden deformar aquela configuración de outorgárselles unha maior relevancia da debida7. 2.1. Obxectivo primordial e subxacente A finalidade última do Convenio da Haya é protexer o interese superior do menor. Aínda que os preceptos do texto legal non mencionan en ningún momento o devandito interese, o preámbulo do Convenio si sinala que os intereses do menor son dunha importancia primordial. A ausencia do interese superior do menor na parte dispositiva do Convenio é deliberada, pois preténdese evitar que a persoa que traslada ao menor poida conseguir no Estado refuxio unha resolución que legalice a situación de feito que acaba de crear. Isto é, quérese vedar a posibilidade de que os tribunais concedan directamente a custodia do 6 O artigo 1 do Convenio da Haya indica que a finalidade do mesmo é garantir a restitución inmediata dos menores trasladados ou retidos de xeito ilícito en calquera Estado contratante e velar por que os dereitos de custodia e de visita vixentes nun dos Estados parte se respecten nos demais Estados contratantes. 7 A elas referirémonos especificamente no apartado 3 deste traballo para evidenciar como poden ser un factor en detrimento da protección do menor e da muller vítima de violencia psicofísica. 22 menor á persoa que o traslada, tal e como sucedía habitualmente no pasado8. En definitiva, a decisión sobre a custodia do menor é unha cuestión allea ao xuízo acerca da conveniencia da súa restitución9. En calquera caso, o interese superior do menor é o paradigma convencional que informa as súas restantes previsións. 2.2. Outros obxectivos do Convenio O Convenio de Haya conta con outros dous obxectivos que se proxectan en dous momentos temporais distintos: un obxectivo ex ante, que consiste en desalentar a subtracción internacional de menores, e un obxectivo ex post, que pretende restablecer o statu quo do menor anterior ao traslado ilícito10. En efecto, tales obxectivos débense aplicar separadamente porque, no momento en que a subtracción ten lugar, o obxectivo ex ante, situado nun plano abstracto e xeral, debe desterrarse da análise do caso concreto. É dicir, non cabe valorar se o menor debe ser devolto ou non ao Estado da súa residencia habitual inmediatamente anterior á súa subtracción co obxectivo de adoptar unha decisión exemplificadora que disuada outros hipotéticos casos de traslado ilícito de menores. O parámetro informador, insistimos, é a busca do interese superior do menor no caso concreto e non sacrificar o devandito interese baixo a crenza de que a súa restitución disuadirá a que outros menores sexan trasladados ilicitamente11. Do mesmo xeito, tan só cabe a devolución do menor se salvagarda o seu interese, tal e como explicamos no seguinte subapartado. 8 Neste sentido PÉREZ-VERA, (1982), pp. 3 – 6. A autora aclara que do silencio do Convenio non cabe deducir que se ignore o paradigma social que proclama a necesidade de ter en conta o interese dos menores para resolver todos os problemas que lles afectan, senón máis ben todo o contrario á luz do preámbulo do Convenio. CALVO CARAVACA, CARRASCOSA GONZÁLEZ (2016), p. 545, recordan o detestable “nacionalismo xudicial” mediante o cal os tribunais dun Estado adoitaban atribuír a custodia do menor ao proxenitor que ostentaba a nacionalidade do devandito Estado. Pola súa banda, HERRÁNZ BALLESTEROS (2004), p. 55, sinala que a incorporación dunha cláusula xeral, como o interese do menor, supón asumir unha serie de riscos que serán superables na medida que na súa interpretación se prescinda dos intereses nacionalistas que adoitan aflorar en materias como a que é obxecto de estudo; en efecto, a liberdade de apreciación que posúe o destinatario da norma na súa labor de busca ha de estar, por unha banda, ligada á realización dos dereitos fundamentais do menor e, doutra banda, afastada dos referidos intereses. 9 Segundo FERNÁNDEZ ROZAS, SÁNCHEZ LORENZO (2016), p. 408, o Convenio da Haya non prexulga nin a restitución pode condicionarse á cognoscibilidade da decisión de custodia, nin á existencia no foro dunha decisión de custodia contraditoria. Incluso o mero feito de que a autoridade xudicial teña coñecemento do traslado ilícito implica que non pode decidir sobre a custodia, como cuestión de fondo, ata que se resolva negativamente o procedemento de restitución ou transcorra un prazo razoable para instar a demanda de restitución. 10 PÉREZ-VERA (1982), pp. 4 – 5 e BROWNE (2011), p. 1197. 11 Neste sentido pronúnciase SCHUZ (2013), p. 102, recordando a máxima kantiana segundo a cal o home é un fin en si mesmo e non só un medio para un fin. A autora indica que, cando é evidente que o retorno do menor prexudica o seu interese, a finalidade disuasoria adoita alzarse como a principal xustificación para ordenar a devolución do menor. 23 2.3. Presunción iuris tantum O Convenio da Haya procura o restablecemento do menor na situación anterior ao traslado porque presume que o desprazamento é prexudicial para aquel12, en canto supón apartalo da contorna familiar e social onde desenvolve a súa vida13, e que a súa devolución é, en cambio, unha decisión boa per se14. Desta forma, o interese do menor está, ata certo punto, obxectivado15. Emporiso, trátase dunha premisa refutable. A existencia de excepcións á devolución do menor implica recoñecer que hai situacións nas que restablecer o statu quo ante pode ir en contra do seu interese e que a restitución pode ata causarlle un dano. 2.4. Mecanismo de posta en marcha Así as cousas, dado que o interese do menor se identifica, polo menos nun primeiro momento, coa permanencia na súa contorna vital, como corolario prevese un mecanismo expeditivo e sumario que obriga aos Estados parte a actuar con urxencia para garantir a restitución inmediata do menor16. En consecuencia, o Convenio pivota sobre unha especie de prolongación da máxima solve et repete pois primeiro devólvese ao menor e posteriormente, no seu caso, discútese acerca de quen está, e onde se está, en mellores condicións para garantir os dereitos do menor de estar cos seus pais e/ou ser visitado por eles, garantindo o seu interese17. 12 Isto pódese deducir da propia letra do Convenio. En efecto, o seu artigo 7.II.b) sinala que as autoridades centrais, co fin de colaborar para garantir a restitución inmediata do menor, deberán adoptar todas as medidas apropiadas que permitan previr que o menor sufra maiores danos. Tal afirmación admite, implicitamente, que o traslado do menor xa foi prexudicial para o neno. SHETTY, EDLESON (2005), p. 118, opinan que hai unha opinión xeneralizada de que o traslado do menor presenta negativas implicacións para o seu desenvolvemento de forma que a súa inmediata restitución ao Estado da súa residencia habitual conduce case sempre á satisfacción do interese superior do menor. 13 Así o considera PÉREZ-VERA (1982), pp. 3 e 6, quen recorda aquelas reflexións segundo as cales o menor é o que sofre por perder de súpeto o seu equilibrio, polo trauma de ser separado do proxenitor que sempre vira ao seu lado e polas frustracións que sente e resultan da necesidade de adaptarse a un ambiente descoñecido. BROWNE (2011), p. 1198 sostén que o Convenio está arraigado á fundamental idea de que o secuestro dana ao menor. 14 KAYE (1999), p. 196, afirma que a preocupación por non socavar os obxectivos do Convenio ten como consecuencia esta xeneralización. 15 Segundo PÉREZ-VERA (1982), p. 6, entre as manifestacións máis obxectivas do que constitúe o interese do menor está o seu dereito a non ser trasladado ou retido en nome de dereitos máis ou menos discutibles sobre a súa persoa. 16 O artigo 1 do Convenio refírese á finalidade de garantir a restitución inmediata dos menores trasladados ou retidos ilicitamente. Segundo o artigo 2, os Estados parte deben dispoñer de procedementos de urxencia para cumprir os obxectivos do Convenio. Pola súa banda, o artigo 11 sinala que as autoridades xudiciais e administrativas actuarán coa mesma urxencia en tales procedementos de restitución. 17 Así se pronuncia ÁLVAREZ GONZÁLEZ (2001), pp. 131 e 132. Segundo o autor, a discusión sobre o fondo, posterior á decisión sobre o traslado, debe suscitarse desde a perspectiva dos dereitos do menor e non dos dereitos dos pais. 24 Non obstante, a restitución inmediata do menor non é un obxectivo en si mesmo, senón simplemente un medio para alcanzar a protección daquel18 e, como indicamos, o interese do menor pode requirir un resultado distinto á devolución. 3. A VIOLENCIA DE XÉNERO COMO EXCEPCIÓN Á DEVOLUCIÓN DO MENOR A situación típica da que parte o Convenio, traslado ilícito perpetrado polo proxenitor non custodio que prexudica ao menor por subtraelo da súa contorna vital, deixou de ser o suposto paradigmático no que o mecanismo da inmediata devolución opera eficazmente. Certamente, a bondade da restitución non se aprecia naqueles casos nos que a nai, debido á violencia exercida polo pai contra ela mesma e/ou o menor, foxe e leva consigo ao neno. Tales desprazamentos, aínda que non son inocuos para o menor, si son menos lesivos que o dano que se lle causaría ao mantelo na esfera de violencia19. Desta forma, a análise dos supostos de traslado ilícito de menores desde a perspectiva de xénero aflorou inevitablemente20. A violencia de xénero, a diferenza doutros tipos de violencia interpersoal, caracterízase por ser unha agresión estendida pois os menores, que viven no mesmo estado de alerta e tensión que as súas nais, convértense nunha peza máis na estrutura do sometemento21. Por tal proxección sobre aqueles, debemos afirmar que os nenos son, en efecto, vítimas da violencia de xénero22. O xénero e a idade constitúen o eixe de desequilibrio que 18 SCHUZ (2013), p. 96. 19 Neste sentido WEINER (2000), pp. 618 – 623. A autora opina que, a pesar do coñecemento que actualmente se ten de quen subtrae ao menor e porqué, séguese sostendo que tales supostos case sempre danan ao menor. Así e todo, considera que o menor que sabe que a súa nai mais el se escaparon da violencia presentará, logo da subtracción, un perfil psicolóxico distinto ao do menor que é afastado do seu principal coidador e forzado a vivir na clandestinidade. 20 KAYE (1999), p.2. WEINER (2000), p. 616 sinala que un cambio na lei é necesario porque do seu estudo conclúe que, en primeiro lugar, o dano que a subtracción causa ao menor difire segundo o sexo do raptor e as razóns polas que realiza o traslado ilícito e, en segundo lugar, as mulleres e os fillos que escapan da violencia doméstica atopan a súa seguridade excesivamente comprometida cando se aplica o Convenio. 21 REYES CANO (2015), p. 182. 22 O preámbulo da Lei Orgánica 8/2015, de 22 de xullo, de modificación do sistema de protección á infancia e á adolescencia, sinala que é necesario recoñecer aos menores como vítimas da violencia de xénero. Pola súa banda, a Lei 26/2015, de 28 de xullo, de idéntica denominación, a través da cal tamén se modifica, entre outras, a Lei Orgánica 1/1996, de 15 de xaneiro, de Protección Xurídica do Menor, protexe aos menores contra calquera forma de violencia, incluída a producida na súa contorna familiar e de xénero, e garante o apoio necesario para que os menores baixo a patria potestade, tutela, garda ou acollemento dunha vítima de violencia de xénero ou doméstica poidan permanecer coa mesma. O preámbulo do Convenio do Consello de Europa sobre prevención e loita contra a violencia contra as mulleres e a violencia doméstica feito en Istambul o 11 de maio de 2011, o cal foi ratificado por España no año 2014 e firmado pola Unión Europea no ano 2017 aínda que non ratificado, recoñece que os nenos son vítimas da violencia doméstica, incluso como testemuñas da violencia dentro da familia. 25 converte ás mulleres e aos menores nas principais vítimas da violencia dentro da familia23. A repercusión que a violencia sobre a muller pode ter sobre os menores é moi variable. Por unha banda, a súa exposición á agresión determina consecuencias psicolóxicas que inflúen negativamente no seu benestar, desenvolvemento, e saúde mental. En efecto, poden padecer problemas emocionais (como ansiedade, depresión ou somatizacións) ou problemas de comportamento (conduta non normativa ou agresividade)24. De feito, tal exposición á violencia non se reduce a ser testemuña directa da mesma, senón tamén a percibila ou coñecela25; en definitiva, a estar situado no ambiente de violencia. Doutra banda, a muller vítima pode padecer síntomas psicolóxicos e físicos derivados da agresión que diminúan as súas habilidades de coidado dos seus fillos, aínda que é certo que os efectos prexudiciais sobre os menores se mitigan cando estes teñen un apego seguro con elas26 como figura de seguridade e protección. Así, constatouse que os menores experimentan un alivio na sintomatoloxía cando son apartados do fogar violento27. O noso estudo un tanto aséptico da estrutura do Convenio conclúe que o seu obxectivo esencial é salvagardar o interese do menor de forma que, dado que tanto mulleres como menores son vítimas da violencia de xénero, a protección daquelas repercute favorablemente na protección destes. Así as cousas, propuxéronse diferentes reformas do Convenio para que a violencia sobre a muller se constitúa como verdadeiro motivo de denegación do retorno do menor28. A nosa opinión oriéntase nese mesmo sentido pois, á vista dos estudos na materia, non podemos disociar a violencia de xénero co abuso psicofísico dos menores. O Convenio da Haya pretende reaccionar ante situacións de risco, isto é, ante escenarios potenciais, e a violencia dentro da parella preséntase como un factor aumentativo do risco de abusos contra os nenos no seo da familia29. Con todo, o Convenio mantívose intacto desde a súa aprobación e da Conferencia de Haya de Dereito Internacional Privado non se deduce ningún ánimo de reforma. Somos conscientes de que non parece plausible que se poida establecer unha regra concreta para os casos de violencia sobre a muller máis aló da utilización dos conceptos xurídicos indeterminados (interese do menor e grave risco) que o Convenio manexa, 23 LÓPEZ SOLER ET AL. (2017), p. 38. A CONFERENCIA DA HAYA DE DEREITO INTERNACIONAL PRIVADO (2011), p. 7, recoñece que as mulleres son maioritariamente as vítimas nos casos de violencia na parella. 24 ALCÁNTARA LÓPEZ ET AL. (2913), pp. 741 y ss. 25 AYLLON ALONSO ET AL. (2011), p. 19. 26 REYES CANO (2015), p. 187. 27 AYLLON ALONSO ET AL. (2011), p. 21. 28 Vid. a proposta de WEINER (2000), pp. 692 y ss., quen, non obstante, recoñece as dificultades da reforma. 29 PINHEIRO (2006), p. 16. 26 pois iso poñería en perigo a operatividade do mesmo. En efecto, o traslado ilícito de menores trátase dunha cuestión xenuinamente internacional na que os estados converxentes presentan culturas xurídicas diverxentes: o consenso que se alcanzou sobre a necesidade de protexer ao menor dificilmente pódese conseguir en materia de violencia doméstica e violencia contra a muller30. Ante este panorama, e ante a falta dunha previsión específica, dise que o Convenio se debe adecuar aos constantes cambios legais e sociais e que o impacto da violencia sobre a muller conecta coa forma en que o Convenio debe ser entendida, interpretada e adaptada31. Precisamente, a utilidade dos conceptos xurídicos indeterminados que manexa o Convenio de Haya, tales como o interese superior do menor ou o grave risco do artigo 13.I.b) ao que deseguida nos referiremos, radica na súa flexibilidade e adaptabilidade non só ao caso concreto que sexa obxecto de análise, senón tamén á evolución que sociedade e Dereito poidan experimentar. Se as cláusulas xerais abertas aseguran que unha norma se poida aplicar a situacións impensadas no momento da súa redacción, a través das mesmas se debe, polo tanto, encarrilar as alegacións da violencia sobre a nai para que se denegue a restitución do menor no caso concreto. Aínda que é certo que o impacto que o menor pode experimentar por mor da violencia sobre a muller depende das súas concretas circunstancias32, consideramos que a denegación do retorno non debe reducirse aos supostos máis vexatorios e dramáticos. En efecto, a violencia de xénero non se identifica unicamente coas “fases de explosión” máis violentas, senón precisamente coas estruturas familiares baseadas na autoridade e o sometemento33. Por iso, nas seguintes páxinas intentamos apartar o obxectivo último do Convenio, a protección do menor, de consideracións accesorias que, no seu caso, menosprezarían as alegacións de violencia de xénero como causa para denegar a restitución do menor. 30 Tal e como reflexiona ÁLVAREZ GONZÁLEZ (1986), p. 9, malia a constante tendencia social cara á comunidade de costumes e de hábitos de vida, sobre todo en ámbitos rexionais localizados, onde os niveis de renda, educación ou cultura parecen estar nun mesmo estadio, as respostas xurídicas ante idénticos feitos fronte a iguais necesidades distan moito de ser uniformes, e é precisamente no campo da familia onde as diferenzas de regulación entre os distintos sistemas xurídicos estatais cobran maior virulencia. 31 SILBERMAN (2001), pp. 222 e 226. O OBSERVATORIO ESTATAL DE VIOLENCIA SOBRE A MULLER (2007), p. 196 apunta que, a fin de evitar que a orde de restitución opere como unha baza en favor do agresor, débese considerar a incidencia da violencia de xénero na aplicación e interpretación do Convenio da Haya e do Regulamento Bruxelas II bis por parte das nosas autoridades. No mesmo sentido, GARCÍA RUBIO (2009), p. 181. Nesta tarefa interpretativa, consideramos que son importantes as previsións do antes citado Convenio de Istambul e, en concreto, o seu artigo 31.2, o cal sinala que as partes contratantes tomarán as medidas lexislativas ou outras necesarias para que o exercicio de ningún dereito de visita ou custodia poña en perigo os dereitos e a seguridade de la vítima e dos nenos. 32 REYES CANO (2015), p. 186, sinala que todas as eventuais alteracións difiren nas súas características segundo: a idade, o xénero, o nivel de desenvolvemento, o tipo, frecuencia e severidade da violencia, o tipo de intervención xudicial, a comunicación paterno-filial, o cúmulo de factores estresantes, así como a presenza de factores de protección. 33 REYES CANO (2015), p. 188. 27 3.1. Interpretación restritiva do artigo 13.I.b) do Convenio O artigo 13.I.b) indica que o Estado requirido non está obrigado a ordenar a restitución do menor se quen se opón a súa devolución demostra que existe un grave risco de que a restitución do menor o expoña a un grave perigo físico ou psíquico ou que de calquera outro xeito poña ao menor nunha situación intolerable. Resulta sorprendente que se afirme sen maiores explicacións a necesidade de interpretar restritivamente as excepcións ao retorno contempladas no Convenio34. Os redactores do Convenio avogaban por devandita interpretación restritiva para evitar que este se convertese en papel mollado35 no sentido de que eran conscientes da dificultade que entrañaba cambiar os hábitos dos tribunais, os cales estaban afeitos a aplicar o interese superior do menor en todos os casos concernentes a estes36. É dicir, advertiron que no ámbito do Convenio non se toma unha decisión sobre o fondo37. Pero iso non significa que asumisen a posibilidade de devolver ao menor nos casos en que iso fixese perigar a súa seguridade38. A invocación á interpretación restritiva do artigo 13.I.b) non debe impedir que este sexa lido nos seus xustos termos: a finalidade do precepto é a avaliación e ponderación do caso concreto para adoptar unha decisión en aras do interese do menor, non o contrario. En conformidade con todo o dito ata agora, se o interese do menor a non ser desprazado da súa residencia habitual cede ante o interese primario de calquera persoa a non ser exposta a un perigo físico ou psíquico, ou colocada nunha situación intolerable39, cabe afirmar, no que aquí nos interesa, que existe unha suficiente base legal para denegar o retorno do menor nos supostos de violencia doméstica40 e, en particular, nos casos de violencia contra a muller. Non obstante, púxose de manifesto que, malia presentarse o artigo 13.I.b) como a defensa máis natural contra a violencia sobre a muller, na maioría das ocasións tales alegacións rexéitanse41. 34 ÁLVAREZ GONZÁLEZ (2001), p. 132. 35 PÉREZ-VERA (1982), p. 8. 36 SCHUZ (2013), p. 300. SILBERMAN (2001), p. 244, afirma que é no posterior procedemento de custodia onde o eixe central da investigación é a satisfacción do interese do menor. 37 Vid. supra notas a pé de páxina 8 e 17. 38 PÉREZ-VERA (1982), p. 6 aclara que o traslado dun neno pode, ás veces, estar xustificado por razóns obxectivas relacionadas coa súa persoa ou coa súa contorna máis próxima e que as excepcións ao retorno non son máis que manifestacións concretas do principio demasiado impreciso que proclama que o interese do menor é o criterio vector na materia. 39 PÉREZ-VERA (1982), p. 7. 40 SCHUZ (2013), p. 301. 41 SCHUZ (2013), p. 282. WEINER (2000), p. 651 e 652, sinala que, a primeira vista, a excepción do artigo 13.I.b) parece útil para estes supostos porque a violencia entre a parella pode danar ao menor. Con todo, do seu estudo conclúe que a defensa do grave risco adoita aplicarse só en casos onde existe unha violencia máis directa contra o menor por parte do left-behind parent. 34 Ademais, recordemos que o Convenio pretende que o procedemento se tramite de forma sumaria74. Desta forma, aínda que se poidan producir certas demoras á hora de solicitar e examinar as probas, o artigo 13.I.b) non permite un atraso indebido75. Non obstante, iso non debería impedir que a vítima poida probar o risco76, pois, en certos casos, as desviacións do carácter urxente do procedemento son esenciais para asegurarse de que o menor está efectivamente protexido77; protección que pode depender directamente da seguridade da súa nai78. Neste punto, exemplifiquemos como a rapidez procedemental desexada pode comprometer os dereitos fundamentais dos implicados no procedemento de restitución. Cabe falar, en primeiro lugar, da STC 120/2002, de 20 de maio79. No momento en que se suscitou o recurso de amparo, as actualmente derrogadas previsións relativas á restitución de menores80 establecían que contra a resolución que acordaba se procedía ou non a devolución do menor cabía recurso de apelación nun só efecto81. O caso de autos puxo en evidencia a potencial imposibilidade de executar unha decisión de non 74 Vid. apartado 2.4. A CONFERENCIA DA HAYA DE DEREITO INTERNACIONAL PRIVADO (2011), p. 38, indica que o procedemento do Convenio debe ser expeditivo e que o tratamento das alegacións da violencia doméstica non poden comprometer a rapidez do mesmo, dado que todo iso establécese en aras do interese do menor e a familia. SILBERMAN (2001), p. 236, sinala que se busca evitar unha excesiva amplitude nas audiencias e no procedemento probatorio que menoscabe dita celeridade. 75 Segundo a CONFERENCIA DA HAYA DE DEREITO INTERNACIONAL PRIVADO (2017), p. 22, a necesidade de utilizar procedementos expeditivos está vinculada co carácter limitado dos procedementos de restitución, dado que estes procedementos no Estado requirido non deben derivar nun exame para resolver sobre a custodia. 76 Aínda que QUILLEN (2014), p. 626, opina que o mecanismo de inmediata restitución do menor e a predisposición do Convenio a ordenar a súa devolución crean problemas ás vítimas que foxen da violencia doméstica. 77 SCHUZ (2013), p. 305, quen apunta que o procedemento require uns tempos xustos pero realistas nas audiencias probatorias e na presentación de informes de expertos. 78 REQUEJO ISIDRO (2006), p. 188 sinala que, á hora de ponderar o grave risco do artigo 13.I.b), esíxese un nivel de proba cuxa execución non se compasa ao ritmo querido polo Convenio. 79 No caso de autos, a nai que subtraera á menor do Estado da súa residencia habitual interpuxo recurso de apelación contra o auto de instancia que acordaba a devolución do menor. Pero dado que o recurso de apelación non tiña, por aquel entón, efectos suspensivos, a menor foi devolta ao seu Estado de residencia habitual na execución de primeira instancia. Así as cousas, o tribunal ad quem declarou non haber lugar a entrar no exame da cuestión de fondo suscitada no recurso dado que o seu pronunciamento sería unha declaración de dereitos meramente teórica, pero orfa de toda transcendencia práctica. Ao resolver o recurso de amparo, o Tribunal Constitucional declarou que se vulnerara o dereito a tutela xudicial efectiva na vertente de dereito a unha resolución xudicial sobre o fondo do asunto pois, aínda que o lexislador establecera que a interposición do recurso non producía efectos suspensivos, non considerara esta eventualidade como un suposto que autorizase ao tribunal de apelación para deixar de pronunciarse sobre o fondo dunha cuestión sometida ao seu coñecemento. 80 A Disposición derrogatoria única da Lei 15/2015, de 2 de xullo, da Xurisdición voluntaria derrogou, entre outros, os artigos 1901 a 1909 da Lei de Axuizamento Civil, aprobada por Real Decreto de 3 de febreiro de 1881, reguladores das medidas relativas ao retorno de menores nos supostos de subtracción internacional. Doutra banda, a súa Disposición final terceira, apartado once, engadiu os artigos 778 quater a 778 sexies na Lei 1/2000, de 7 de xaneiro, de Axuizamento Civil, actualmente reguladores das medidas relativas á restitución ou retorno de menores nos supostos de subtracción internacional. 81 Artigo 1908 da Lei de Axuizamento Civil, aprobada por Real Decreto de 3 de febreiro de 1881. Na actualidade, o artigo 778 ter, apartado 11, da Lei 1/2000, de 7 de xaneiro, de Axuizamento civil prevé que tal recurso terá efectos suspensivos. 35 retorno acordada en apelación cando dita devolución xa se producira na execución da sentenza de instancia, o cal vulneraría a efectividade do dereito a tutela xudicial efectiva. En efecto, un apelante, por aquel entón, podería atoparse cunha resolución xudicial que satisfixese de forma meramente formal os seus dereitos e intereses lexítimos82. Outro exemplo represéntao a STC 16/2016, de 1 de maio. No caso de autos, acórdase a non devolución en primeira instancia por apreciación do grave risco do artigo 13.I.b) do Convenio, precisamente por alegacións de violencia contra a nai da menor, mentres que en apelación acórdase a súa restitución xa que, por unha banda, non se apreciou o grave risco e, por outra, o pai solicitara a devolución do menor tres meses logo da subtracción83. Pois ben, dado que transcorreran vinte meses desde o inicio ata a finalización do procedemento, o Tribunal Constitucional considera evidente a posibilidade de que a nena se integrara plenamente no seu novo medio. Desta forma, malia que o pai solicitou a restitución dentro do prazo do artigo 12.I do Convenio, entende que o interese do menor impoñía ao tribunal de apelación a necesidade de valorar dita posible integración da menor como eventual causa para denegar o seu retorno; é dicir concede o amparo por non ter considerado o devandito interese en termos argumentativos, non por ter decidido o retorno do menor84. Esta sentenza pon de manifesto que o interese do menor é a cuestión última a analizar, mesmo prescindindo das previsións sobre prazos encamiñadas a favorecer a inmediata restitución do menor. 4. REFLEXIÓNS FINAIS A violencia sobre a muller no núcleo familiar experimentou, nos últimos anos, tal crecente importancia que captou a atención da sociedade e das institucións. Ao longo deste traballo fixemos referencia a documentos preparatorios para a Sexta Reunión da Comisión Especial da Conferencia de Haya85, a cal acabou acordando a necesidade de preparar unha guía de boas prácticas que, aínda que non se podía centrar unicamente 82 Neste sentido ÁLVAREZ GONZÁLEZ (2002), pp. 59 – 62, quen sinala que a decisión do Tribunal Constitucional mostra a evidente dimensión constitucional dos traslados ilícitos de menores. O autor pregúntase que tería ocorrido se, no caso de autos, o tribunal ad quem revogara a sentenza de instancia e denegara a restitución do menor. Sinala que a articulación desa dobre instancia como recurso nun só efecto e a peculiaridade do obxecto do proceso (a restitución ou non do menor) facía que a efectividade da tutela xudicial perigase, en concreto, para unha das partes: o requirido de devolución condenado en primeira instancia. 83 Recordemos que segundo o artigo 12.I do Convenio, cando un menor sexa trasladado ilicitamente e, na data da iniciación do procedemento de restitución, transcorrera un período inferior a un ano desde o momento en que se produciu o traslado ilícito, ordenarase a restitución inmediata do menor. 84 Así, o Tribunal Constitucional declara a vulneración do dereito a tutela xudicial efectiva da nai apelante na súa vertente de dereito a unha resolución xudicial motivada e retrotrae as actuacións para que o tribunal ad quem valore de forma argumentada o feito de que a menor se integrara na súa nova contorna para decidir o seu retorno ou non. O Tribunal Constitucional recoñece que, en efecto, non transcorrerá máis dun ano desde a subtracción do menor ata a solicitude de retorno, senón tres meses. Con todo, indica que a lamentable dilación do presente procedemento, calquera que fosen as causas, non pode menoscabar o interese superior do menor impedindo valorar a súa situación actual de integración no novo medio. 85 Vid. supra notas ao pé de páxina 5, 23, 42, 49, 57, 67 y 74. 36 nos casos de violencia doméstica ou a violencia entre a parella, si debía pronunciarse a este respecto86. Así, para a Sétima Reunión da Comisión Especial preparouse o devandito Proxecto de Guías de Boas Practicas87 do que se deriva a importancia da violencia sobre a muller, que é o suposto máis abundante nos casos de violencia entre a parella, como motivo para denegar a restitución do menor. Pero tamén debemos resaltar que o mencionado texto, por un lado, simplemente se trata dun proxecto cuxas eventuais modificacións non podemos prever e, por outro, reclama unha interpretación uniforme do artigo 13.I.b) advertindo de que as denuncias de violencia doméstica, e polo tanto as alegacións de violencia contra a muller, deben ser sopesadas de acordo co mesmo criterio ao que se someten as demais causas susceptibles de configurar a excepción do grave risco e deben rexerse polas mesmas regras de proba88. Non cabía esperar outro pronunciamento dun texto proveniente da Conferencia de Haya de Dereito Internacional Privado pois non pode darlle un tratamento específico a unha concreta realidade sobre a que os actuais noventa e oito Estados parte non comparten unha mesma aproximación legal, social e ideolóxica. Así e todo, e ante a falta dunha previsión específica, son as regulacións dos distintos Estados as que precisamente poderían marcar a diferenza dentro da ampla marxe que conceden as cláusulas xerais abertas que manexa o sistema convencional. Aínda que é certo que a estrutura do Convenio impide aflorar aquel “nacionalismo xudicial” que comportase adoptar unha decisión sobre o fondo, as previsións que un Estado presente sobre a violencia doméstica e a violencia contra a muller informarán a análise do grave risco previsto no artigo 13.I.b)89. Desta forma, o acervo legal co que conte o tribunal será determinante para que a violencia sobre a muller supoña a non restitución do menor. A grandes liñas, que un Estado, no seu papel de Estado requirido, denegue a restitución do menor nun caso de violencia de xénero, significa que recoñece o paralelismo existente entre a devandita violencia e o abuso de menores e a necesidade de protexer ao menor dos potenciais perigos do seu regreso. Que ese mesmo Estado, na súa condición de Estado requirente, consiga a restitución do menor nun caso de violencia, supón que estará en mellor posición de protexer ao neno e á nai que o Estado requirido, o cal tería considerado a violencia de xénero menos relevante. 86 CONFERENCIA DA HAYA DE DEREITO INTERNACIONAL PRIVADO (2012), p. 17. 87 Vid. supra notas ao pé de páxina 46, 56, 63, 64, 66, 71 y 75. 88 CONFERENCIA DA HAYA DE DEREITO INTERNACIONAL PRIVADO (2017), p. 8. 89 SCHUZ (2013), p. 314, sostén que as políticas que os diferentes Estados poden prever sobre a violencia doméstica non deben decaer ante os supostos de subtracción internacional de menores. 37 BIBLIOGRAFÍA ALCÁNTARA LÓPEZ, M.V. ET AL., “Alteraciones psicológicas en menores expuestos a violencia de género: Prevalencia y diferencias de género y edad”, Anales de Psicología, Vol. 29, núm. 3, outubro 2013, pp. 741-747. Dispoñible en <https://dialnet.unirioja.es>. [Consultado o 5 de outubro de 2017]. ÁLVAREZ GONZÁLEZ, S., “Secuestro internacional de menores («legal kidnapping») y cooperación jurídica internacional: la posición española ante el problema”, Poder Judicial, Otto y Pardo, I. de (dir), 2ª época, núm. 4, decembro 1986, pp. 9-32. ÁLVAREZ GONZÁLEZ, S., “Interés del menor y cooperación jurídica internacional en materia de desplazamiento internacional de menores: los casos difíciles”, Cooperación Jurídica Internacional, Álvarez González, S., Remacha Tejada, J.R. (ed. lit.) Vol. 5, 2001, pp. 125-136. ÁLVAREZ GONZÁLEZ, S., “Desplazamiento internacional de menores, procedimiento de retorno y tutela judicial efectiva”, Derecho Privado y Consitución, 2ª Vol. 16, 2002, pp. 41-63. Dispoñible en <https://dialnet.unirioja.es>. [Consultado o 5 de outubro de 2017]. AYLLON ALONSO, E. ET AL., “En la violencia de género no hay una sola víctima: atención a los hijos e hijas de mujeres víctimas de violencia de género”, Save the Children, febreiro 2011, pp. 1-106. Dispoñible en <https://www.savethechildren.es>. [Consultado o 5 de outubro de 2017]. BROWNE, N.L., “Relevance and fairness: protecting the rights of domestic-violence victims and left-behind fathers under the Hague Convention on international child abduction”, Duke Law Review, Vol. 60, 2011, pp. 1193-1238. Dispoñible en <http://scholarship.law.duke.edu/cgi/viewcontent.cgi?article=1494&context=dlj>. [Consultado o 5 de outubro de 2017]. CALVO CARAVACA, A.L., CARRASCOSA GONZÁLEZ, J., Derecho Internacional Privado II, Comares, Granada, 2016. DÍAZ DELGADO, J. ET AL., “Auto de la Audiencia Provincial de Barcelona (Sección 1ª) de 21 de abril de 1997”, Revista General de Derecho, Vicente y Almela, A. (dir), Vol. LIV, núm. 642, marzo 1998, pp. 3116-3119. FERNÁNDEZ ROZAS, J.C., SÁNCHEZ LORENZO, S., Derecho Internacional Privado, Thomson Reuters, Cizur Menor, 2016. GARCÍA RUBIO, M.P., “El marco civil en la violencia de género”, Tutela jurisdiccional frente a la violencia de género: aspectos procesales, civiles, penales y laborales, Hoyos Sancho, M. de (dir), Lex Nova, Valladoliz, 2009, pp. 153-182. 38 HERRANZ BALLESTEROS, M., El interés del menor en los convenios de la Conferencia de la Haya de Derecho Internacional Privado, Lex Nova, Valladoliz, 2004. KAYE, M., “The Hague Convention and the flight from domestic violence: how women and children are being returned by coach and four”, International Law Review, Policy and the Family, Vol. 13, núm. 2, agosto 1999, pp. 191-212. Dispoñible en <https://doi.org/10.1093/lawfam/13.2.191>. [Consultado o 5 de outubro de 2017]. KING, S.M., “The Hague Convention and domestic violence: proposal for balancing the pilicies of discouraging child abduction and protecting children from domestic violence”, Family Law Quarterly, Vol. 47, núm. 2, 2013, pp. 299-310. Dispoñible en <http://scholarship.law.ufl.edu/cgi/viewcontent.cgi?article=1640&context=facultypub>. [Consultado o 5 de outubro de 2017]. LÓPEZ SOLER, C. ET AL., Menores expuestos a la violencia de género, Pirámide, Madrid, 2017. LOWE, N., “A statical analysis of applications made in 2008 under the Hague Convention of 25 October 1980 on the civil aspects of international child abduction”, Conferencia da Haya de Dereito Internacional Privado, Prel. Doc. Núm. 8A, novembro 2011, pp. 1-71. Dispoñible en <https://assets.hcch.net/upload/wop/abduct2011pd08ae.p df>. [Consultado o 5 de outubro de 2017]. PÉREZ-VERA, E., “Informe explicativo”, Conferencia de la Haya de Derecho Internacional Privado, 1982, pp. 1-44. Dispoñible en < https://assets.hcch.net/upload/ex pl28s.pdf>. [Consultado o 5 de outubro de 2017]. PINHEIRO, P.S., “Informe para el estudio de la violencia contra los niños”, Organización das Nacións Unidas, agosto 2016, pp. 1-37. Dispoñible en <http://srsg.violenceagainstchildren.org/es/un_study>. [Consultado o 5 de outubro de 2017]. QUILLEN, B., “The new face of international child abduction: domestic-violence victims and their treatment under the Hague Convention on the civil aspectos of international child abduction”, Texas International Law Journal, Vol. 49, 2014, pp. 621-643. Dispoñible en < http://www.tilj.org/content/journal/49/num3/Quillen621.pdf>. [Consultado o 5 de outubro de 2017]. REQUEJO ISIDRO, M. “Secuestro de menores y violencia de género en la Unión Europea”, Anuario Español de Derecho Internacional Privado, Fernández Rozas, J.C. (dir) Vol. 6, 2006, pp.179-194. 39 REYES CANO, P. “Menores y violencia de género: de invisibles a visibles” Anales de la Cátedra Francisco Suárez, Vol. 49, 2015, pp. 181-217. Dispoñible en <https://dialnet.unirioja.es>. [Consultado o 5 de outubro de 2017]. SCHUZ, R., The Hague child abduction Convention. A critical analysis, Hart Publishing, Orxford y Portland, 2013. SHETTY S., EDLESON J.L., “Adult domestic violence in cases of international parental child abduction” Violence Against Women, Vol. 11, núm. 1, xaneiro 2005, pp. 115-138. Dispoñible en <http://citeseerx.ist.psu.edu/viewdoc/download?doi=10.1.1.308. 1884&rep=rep1&type=pdf>. [Consultado o 5 de outubro de 2017]. SILBERMAN, L., “The Hague child abduction Convention turns twenty: gender politics and other issues”, International Law and Politics, Vol. 33, febreiro 2001, pp. 221-250. Dispoñible en < http://takeroot.org/ee/pdf_files/library/silberman_2000.pdf>. [Consultado o 5 de outubro de 2017]. TRIMMINGS, K., Child abduction within the European Union, Hart Publishing, Orxford y Portland, 2013. WEINER, M.H., “International child abduction and the escape from domestic violence”, Fordham Law Review, Vol. 69, núm. 6, 2000, pp. 593-706. Disponible en <http://ir.lawnet.fordham.edu/cgi/viewcontent.cgi?article=3674&context=flr>. [Consultado o 5 de outubro de 2017]. RECURSOS ELECTRÓNICOS CONFERENCIA DA HAYA DE DEREITO INTERNACIONAL PRIVADO, “Domestic and family violence and the article 13 «grave risk» exception: a reflection paper”, Prel. Doc. Núm. 9, maio 2011, pp. 1-57. Dispoñible en <https://assets.hcch.net/upload/wop/abduct2011pd09e.pdf>. [Consultado o 5 de outubro de 2017]. CONFERENCIA DA HAYA DE DEREITO INTERNACIONAL PRIVADO, “Conclusions and recommendations of Part I and Part II of the Special Commission and report of Part II of the meeting”, abril 2012, pp. 1-57. Dispoñible en <https://assets.hcch.net/upload/wop/concl28-34sc6_en.pdf>. [Consultado o 5 de outubro de 2017]. CONFERENCIA DA HAYA DE DEREITO INTERNACIONAL PRIVADO, “Proyecto de guía de buenas prácticas sobre el artículo 13(1)(b)”, xuño 2017, pp. 1-132. Dispoñible en <https://assets.hcch.net/docs/13a63e16-fdf4-488b-9368-123c96cdcf67.pd f>. [Consultado o 5 de outubro de 2017]. CONFERENCIA DA HAYA DE DEREITO INTERNACIONAL PRIVADO, “Report on the Experts’ Meeting on Issues of Domestic/Family Violence and the 1980 Hague 40 Child Abduction Convention”, agosto 2017, pp. 1-5. Dispoñible en < https://assets.hcch.net/docs/0a145947-ff60-47219ea8-0d118e063ef2.pdf>. [Consultado o 5 de outubro de 2017]. OBSERVATORIO ESTATAL DE VIOLENCIA SOBRE A MULLER, “I Informe Anual”, 2007. Dispoñible en < http://www.violenciagenero.msssi.gob.es>. [Consultado o 5 de outubro de 2017].