Full text
Facultade de Filoloxía Grao en lingua e literatura galegas Formación de interxeccións e marcadores do discurso sobre verbos de movemento en galego Graduanda: Celtia Rey Brandón Titor: Francisco A. Cidrás Escáneo Curso académico: 2016-2017
Powered by TCPDF (www.tcpdf.org)
1. Introdución..............................................................................................................................1 2. Metodoloxía............................................................................................................................3 3. O estado da cuestión................................................................................................................5 3.1. A análise do discurso................................................................................................5 3.2. Os marcadores do discurso.......................................................................................5 3.3. As interxeccións.......................................................................................................9 3.3.1. Definición.................................................................................................9 3.3.2. Os valores semánticos da interxección....................................................12 3.4. Son as interxeccións marcadores do discurso?.......................................................15 4. A evolución dos marcadores do discurso derivados de verbos de movemento......................18 4.1. Os verbos de movemento: andar, ir e vir................................................................18 4.2. O proceso de pragmaticalización e o cambio semántico........................................22 4.3. As metáforas dos verbos de movemento................................................................26 4.4. O contexto crítico...................................................................................................29 5. Análise dos valores pragmáticos actuais das formas.............................................................33 5.1. Función expresiva..................................................................................................33 5.2. Función apelativa...................................................................................................39 5.3. Función metadiscursiva.........................................................................................43 6. Conclusións..........................................................................................................................47 7. Bibliografía...........................................................................................................................50 8. Anexo....................................................................................................................................55
1 1. INTRODUCIÓN Nas últimas décadas teñen aumentado considerablemente os estudos vinculados á análise do discurso. Dentro deste eido, destacan os referidos aos marcadores do discurso, sobre os cales existen moitas e moi diversas teorías, algunhas complementarias entre si e outras totalmente discordantes. Dentro deste marco, situamos o noso traballo, que versa sobre os marcadores do discurso e interxeccións derivadas dos verbos de movemento andar, ir e vir. O interese por este tema susténtase en diferentes aspectos. Por unha banda, a dificultade que supón enfrontarse a un asunto tan controvertido como son os marcadores do discurso e as interxeccións. As interxeccións son unidades de orixe primitiva e mesmo prelingüística, o que as fai susceptibles de suscitar controversia no tocante á súa consideración dentro da gramática. A etiqueta marcador do discurso é ampla e está suxeita a cambios segundo o autor que lle poña voz. Por outra banda, resulta fascinante que este proceso de gramaticalización que marca o paso dun verbo de movemento a unha interxección sexa compartida por diversas formas verbais e por diferentes linguas. Este feito levaranos a afondar na cuestión das metáforas, a cal dará resposta ao interrogante de por que non é un fenómeno exclusivo da lingua galega. Así, centraremos a nosa análise en tres verbos –andar, ir e vir– e as súas formas anda, andá, vaite, vaites e veña como mostra representativa deste fenómeno de gramaticalización. Este traballo pretende esclarecer, na medida do posible, os conceptos de interxección e marcador do discurso e estudar a súa versatilidade, especialmente distinguida nos verbos de movemento. Alén diso, téntase facer unha contribución a este aspecto concreto dos estudos da lingua galega e poñela en paralelo con outras linguas nas que tamén se ten traballado este asunto. No ámbito da lingüística galega, autores como Freixeiro Mato e Soraya Domínguez Portela teñen abordado este tema en profundidade, mais dende unha óptica prescritivista á que non atenderemos neste traballo. Porén, pretendemos facer unha análise detallada dos valores pragmáticos que nacen en distintos contextos e que converten estes marcadores en voces multifuncionais e polisémicas, froito dun cambio lingüístico en curso. O traballo estruturarase en tres partes ben diferenciadas. Nun primeiro momento presentaremos as diversas definicións que se teñen dado ao longo dos anos sobre os termos marcador do discurso e interxección e sobre todo, se responden a cousas distintas ou se polo contrario, estamos ante conceptos non excluíntes. Para esta primeira parte do traballo, faremos unha revisión bibliográfica dos principais autores e autoras que teñen traballado este tema para
2 disipar as posibles dúbidas que poidamos ter arredor da definición destes conceptos e así, tentar inserir este traballo nunha desas visións. En segundo lugar, centrarémonos na caracterización dos verbos de movemento e no proceso de cambio lingüístico –producido mediante metáforas conceptuais–. Como veremos, este cambio non é inmediato e os novos significantes aparecerán en contextos críticos antes de consolidar a súa gramaticalización. Para rematar, describiremos os múltiples valores pragmáticos que expresan as cinco formas obxecto de análise neste traballo – anda, andá, vaite, vaites, veña– e que organizaremos segundo a súa función dentro do discurso, atendendo tamén a algún outro aspecto que sexa de interese para o noso estudo.
3 2. METODOLOXÍA O obxectivo do traballo consiste no estudo das formas derivadas dos verbos de movemento que se deron gramaticalizado como marcadores do discurso e interxeccións. Neste traballo tentaremos caracterizar os seus valores pragmáticos. Para isto, basearémonos nunha perspectiva teórica cognitivo-funcional dos modelos de lingua baseados no uso e a teoría da gramaticalización e construcionalización. Como soporte empírico do noso traballo, basearémonos en exemplos reais de linga, tirados dos dous principais corpora de galego moderno actualmente dispoñibles: o Tesouro Informatizado da Lingua Galega (TILG) e o Corpus de Referencia do Galego Actual (CORGA). O TILG é un proxecto que se desenvolve no Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela e que comprende textos dende o ano 1612 ata o 2013, incluíndo máis de 26 millóns de palabras. O CORGA, desenvolvido no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, contén textos publicados a partir de 1975 ata a actualidade, e garda máis de 30 millóns de formas. Nun primeiro momento quixemos analizar os valores das interxeccións e marcadores do discurso de maneira cronolóxica, mais esta idea quedou desbotada por mor da escaseza de textos en lingua galega dos séculos XVI e XVII –Séculos Escuros– nos que sospeitamos que se produciu este proceso de gramaticalización. Un indicio desta suposición é que non achamos ningunha destas formas no corpus do galego medieval complementario do TILG, o Tesouro Medieval Informatizado da Lingua Galega (TMILG), que cobre o período comprendido entre os séculos VIII e XVII. Así pois, preferimos centrarnos nun enfoque basicamente sincrónico no que analizamos os usos actuais que teñen estas formas, que son múltiples e variados. Un outro obstáculo co que topamos na construción do corpus do noso traballo foi o limitado número de exemplos. As unidades que procuramos son propias da lingua oral e os corpus informatizados cos que contamos da lingua galega recollen fundamentalmente textos escritos. Con todo, cremos que a mostra que ofrecemos é suficientemente representativa. Das formas xa lematizadas, obtemos, no TILG, 350 ocorrencias en 76 obras distintas de anda; 301 en 102 obras distintas de vaite(s); e 1154 en 205 obras de veña. Estes exemplos constitúen a base documental primaria do noso traballo, e serán complementados, cando for preciso, por outros do CORGA.
4 Unha vez configurado o noso corpus de traballo, procederemos a examinar os valores destas formas como exemplos vivos que dan conta do proceso de cambio lingüístico que se produce dentro dun contexto.
5 3. O ESTADO DA CUESTIÓN 3.1. A ANÁLISE DO DISCURSO Os elementos que forman parte do discurso non foron, en termos xerais, de gran interese para os estudosos da lingua ata os anos 70 do pasado século. Porén, esta situación mudou radicalmente e nos últimos lustros lévanse publicado unha enorme cantidade de obras que abranguen distintos aspectos e voces contidas no discurso e dependentes do contexto, como son aquelas obxecto de estudo neste traballo. Para situarnos nas coordenadas teóricas que engloban estes elementos, temos que nos achegar aos estudos da pragmática, xa que as unidades que imos analizar pertencen ao ámbito do discurso. Segundo Grice, a comunicación non é un mero proceso de codificación e decodificación, como afirmaba Saussure, senón que existe unha outra parte que é produto das inferencias que os falantes fan; dito doutro xeito, no proceso de comunicación hai uns significados vencellados ao contexto en que esa comunicación se produce, aos cales debemos atender. Grice considera que a distancia entre o que unha persoa di (significado da expresión) e o que quere transmitir (intención do emisor) é un significado adicional, implícito. Este significado tácito é o que Grice chama a implicatura dun enunciado. Dentro deste cadro, Grice (1975: 45) formula o Principio de Cooperación, xa que, segundo el, os actos de fala que se realizan nunha conversa non están desconectados uns dos outros; ben, ao contrario, son intentos de cooperación para chegaren a un obxectivo común de éxito da interacción comunicativa, que se supón que todos eles comparten (Escandell 1996; Reyes 2011). Así, o emisor ten que procurar que o interlocutor interprete correctamente a súa mensaxe a partir do contexto e as inferencias. Nesta tarefa, como veremos no seguinte punto, xogarán un papel importante os marcadores do discurso. 3.2. OS MARCADORES DO DISCURSO Existen moitas expresións que non contribúen ao contido proposicional do discurso e que polo tanto quedaron fóra da clasificación das categorías gramaticais. Estas expresións comezaron a recibir especial atención a partir dos anos 80 logo da expansión dos estudos sobre a pragmática e a análise do discurso (Vázquez Veiga 2003). Coñécense como marcadores do discurso, marcadores discursivos, conectores, conectores discursivos, marcadores pragmáticos, interxeccións ou partículas discursivas (Tanghe 2016: 15). Nós referirémonos a elas como
6 marcadores do discurso, mais reflexionaremos arredor da cuestión de se outras que se inclúen baixo este termo paraugas –como os conectores ou as interxeccións– deben formar parte ou non desta clasificación. De maneira xeral referimos os marcadores do discurso como o conxunto de elementos que guían as inferencias que se realizan na comunicación, é dicir, que conducen o proceso de interpretación que debe levar a cabo o interlocutor a través da especificación dalgunhas propiedades do contexto; proceso necesario ao que aludía Grice (Vázquez Veiga 2003; Portolés 2014; Cueto e López 2003). Noutras palabras, os marcadores do discurso facilitan o proceso de interpretación dos enunciados. Mais cando temos por obxecto precisar cales son estes elementos, as definicións son moitas e moi variadas, xa que ao longo dos anos non se conseguiu chegar a un consenso arredor desta cuestión. Unha das primeiras autoras en enfrontarse a estas unidades do discurso foi Deborah Schiffrin (1987) que nunha primeira definición afirmaba o seguinte: “I define markers at a more theoretical level as members of a functional class of verbal (and non verbal) devices which provide contextual coordinates for ongoing talk” (1987: 41). Schiffrin sitúa a súa análise dentro doutra máis ampla que é a da coherencia do discurso. Moitos outros autores e autoras centran a análise dos marcadores na cohesión textual, o que fai que atopemos o termo marcador do discurso como sinónimo de conector, ou hiperónimo deste, xa que tamén pode abranguer outras clases. Con todo, a definición de Schiffrin é moito máis ampla que as que veremos a continuación. Canto ás condicións que debe cumprir unha unidade para considerarse marcador do discurso, a autora marca catro: a unidade debe ser sintacticamente independente da cláusula, debe aparecer na posición inicial dun enunciado, debe ter independencia prosódica e por último, debe operar tanto a nivel local como global do discurso e en distintos planos 1 , é dicir, non debe ter significado propio ou polo menos, de o ter, ha de ser feble (Schiffrin 1987: 328). Os seguintes exemplos propoñen tres expresións –resaltadas con letra grosa– que cumprirían os catro requisitos que acabamos de citar e que polo tanto poderían recibir esta nomenclatura. (1) ¡Anda! Mira se vas á bodega e deixa de andarte metendo no que non deberas. (1970, Gayoso Frías, Namoros e regueifas [TILG, GAYNAM970, 47]) 1 Schiffrin (1987: 61, 316) fai alusión ás áreas da fonética, morfoloxía, sintaxe e semántica cando fala de nivel local; con nivel global fai referencia á pragmática. Ademais, distingue cinco planos do discurso nos que operan os marcadores: information state, participation framework, ideational structure, action structure e exchange structure.
13 o estrato puramente emotivo é representado na linguaxe por medio das interxeccións. Tamén precisa que a función apelativa é expresada gramaticalmente a través dos vocativos e imperativos (Jakobson 1984: 352-354). Estas dúas afirmacións será importantes telas en conta para a nosa futura análise. As tres funcións que acabamos de ver coinciden coa análise de Bühler, mais a continuación enunciaremos outras tres que nos propón este autor. Se poñemos a nosa atención na canle de comunicación, aludimos á función fática. En ocasións, formulamos mensaxes coa única función de establecer, manter ou interromper a comunicación, para asegurarnos de que a canle de comunicación funciona, para chamar a atención do interlocutor ou mesmo para confirmar que a súa atención se mantén. Se pola contra o emisor e receptor focalizasen o seu discurso no código para confirmar que están a empregar o mesmo, estaríamos ante a función metalingüística da linguaxe. Por último, resta a función poética, orientada á mensaxe (Jakobson 1984: 356-358). Cómpre dicir que non todas as funcións serán pertinentes na nosa análise, mais é importante situar o marco no que nos imos mover para posteriormente detallar os diversos valores que adquire cada interxección en cada contexto. Para analizarmos os posibles valores semánticos que transmiten as interxeccións, poñeremos o foco nas secundarias –ou impropias– que segundo López Bobo (2002) son as unidades especializadas na manifestación de contidos expresivos. Algúns tipos de palabra, logo de sufriren un proceso de gramaticalización, convertéronse en interxeccións impropias, pasando a unha modalidade expresiva a partir dun valor apelativo dominante, probablemente derivado de formas como imperativos, vocativos ou formas exhortativas; mais esta hipótese será examinada máis adiante. De acordo con López Bobo, estas formas tenden a renovarse de xeito habitual e a presentaren variantes xeográficas e sociais, xa que o manifestar contido expresivo provoca o seu desgaste. Alén da continua renovación, estas formas tenden a manter a súa estrutura orixinal como substantivos, adxectivos, verbos ou adverbios; de aí que sexan formas multifuncionais, actuando nuns casos con valor textual e noutros como unidades modais 3 –uso interxectivo– (López Bobo 2002: 34-35). Cómpre deterse e reflexionar sobre un dos trazos que se ofreceron previamente para describir as interxeccións. En relación á ausencia de contido semántico propio das interxeccións, é importante engadir que unha soa interxección pode expresar varios significados e de igual 3 “Las interjecciones tienen realmente un significado modal, pues muestran la actitud del hablante ante el contenido del mensaje” (Rodríguez Ponce 2005: 4)
14 xeito, o mesmo significado pode ser expresado mediante múltiples interxeccións. Noutras verbas, as interxeccións son voces extremadamente versátiles e o seu valor semántico está inherentemente ligado ao contexto. Insistimos unha vez máis na noción de que as interxeccións transmiten reaccións e emocións dos falantes. Así, para expresar sorpresa, alegría, tristeza, dor, incredulidade etc. temos infinitas formas na nosa lingua, dende formas propias como ah, ai e oh ata outras impropias, como serían anda, andá e vaites (Álvarez e Xove 2002: 670). De acordo con Freixeiro Mato (2002: 684), o significado das interxeccións, aínda dependendo totalmente do contexto, vese afectado pola entoación e existe unha correspondencia de significados para cada forma. Sendo tan numerosos os valores a expresar –tantos como emocións experimentamos– as interxeccións tamén poden ser clasificadas segundo a súa función. Como fomos vendo ata o de agora, o cometido principal das interxeccións é a función expresiva, posto que informan sobre as actitudes do emisor e é imposible decodificalas no seu sentido máis literal (López Bobo 2002: 53). Cómpre, porén, ter en conta que nun acto de fala interveñen un emisor e receptor e de aí que aquelas interxeccións que teñen que ver co interlocutor sexan coñecidas como apelativas. Dentro destas distinguimos as que pretenden chamar a atención –ei–, as que aseguran a intercomprensión –eh, ou–, as imperativas e exhortativas que incitan á acción –anda, opa, veña–, as que interrompen –che, alto–, as que advirten dun perigo –eh, alerta– etc. (Álvarez e Xove 2002: 670). O que pretenden é informar da vontade do emisor de actuar sobre o seu interlocutor e o seu valor emana xustamente dese vínculo comunicativo que se crea pola presenza do receptor, mais tamén se debe, nalgúns casos, á súa procedencia de formas imperativas e exhortativas (López Bobo 2002: 53). Outra función que tamén se lle atribúe ás interxeccións é a función fática, que ten como fin establecer, manter ou interromper a comunicación para verificar se a canle funciona, ou sexa, para conservar o contacto co interlocutor. As formas que propón López Bobo (2002: 58) para a lingua española son hombre, claro, bueno, vamos, vaya, anda etc. e di que de estar totalmente desemantizadas, poden funcionar como controladores da mensaxe, marcadores de contacto ou continuativos. Polo que observamos, a función que desempeñan xa non ten contido modal e polo tanto fainos dubidar da súa clasificación como interxeccións. Semella que o seu papel consiste na organización do discurso, situándose, así, máis preto da definición que dabamos de marcador do discurso. Este panorama tan amplo e difuso de valores semánticos fainos dubidar da clasificación que merecen estas formas e lévanos a preguntarnos se estamos a falar ben de interxeccións, ben
15 de marcadores do discurso; ou se, porén, as interxeccións non son máis que un tipo de marcadores. Desenvolveremos esta idea con máis detalle no seguinte punto. 3.4. SON AS INTERXECCIÓNS MARCADORES DO DISCURSO? Ata este momento viñemos analizando os marcadores do discurso e as interxeccións como elementos illados e valorando as diferentes visións do que os estudosos consideran que son estas unidades. Agora ben, puidemos comprobar tamén que moitos dos puntos que fomos tocando eran compartidos polas dúas formas. A continuación, procederemos a ver ata que nivel esas semellanzas permiten que falemos dun mesmo concepto ou se estamos ante dúas categorías distintas. En primeiro lugar, para Cueto e López (2003: 78) tanto interxeccións como marcadores son unidades que non teñen como obxectivo codificar conceptos, senón conducir inferencias. De aí que un dos trazos que comparten e que destacamos como básico e elemental é o feito de seren ambas as dúas formas elementos do discurso. A seguir, debemos ter en conta que entendemos por marcador do discurso. Se a súa definición se equipara á de conector, non todas as interxeccións estarían recollidas baixo esta nomenclatura, xa que non comparten os mesmos trazos definitorios. Unha das características máis salientables das interxeccións é que sen necesidade doutros elementos, poden formar un enunciado; os conectores, pola contra, non (Ameka 1992: 105). As interxeccións non teñen significado proposicional mais teñen forza ilocutiva 4 , o que lles permite constituír un acto de fala. Con todo, existen algunhas interxeccións que si teñen puntos en común cos conectores, por iso algúns autores, como Vázquez Veiga (2003), as inclúen dentro dos marcadores do discurso, concretamente na subcategoría de organizadores da conversa. O punto intermedio no que coinciden ambas as dúas formas é cando funcionan como elemento de enlace. No caso de apareceren as interxeccións introducindo un enunciado, o seu uso aproxímase ao dos membros prototípicos da categoría de marcadores do discurso, isto é, os conectores (Ameka 1992: 105). Esta idea tamén está presente en Tanghe (2016: 30), quen afirma que cando unha interxección vai acompañada polo enunciado que especifica o seu significado, aseméllase a un conector pragmático. Tamén se ten empregado a nomenclatura marcador pragmático como sinónimo de marcador do discurso, mais sen entender este último como sinónimo de conector. Segundo 4 Este termo foi acuñado por Austin (1962), que define a forza ilocutiva como a intención que temos ao dicir algo.
16 Brinton (1996: 30-31), os marcadores pragmáticos son aqueles elementos que cumpren as seguintes funcións: 1. Expresan a relación dun acto de fala con outro anterior ou co contexto. 2. Teñen a capacidade de estruturar o discurso. 3. Actúan como sinais de resposta. 4. Son un recurso para manter a progresión da conversa. 5. Considéranse, en esencia, parte da interacción comunicativa. Entendemos estas funcións como múltiples e por veces dispares, polo que supoñemos que para seren cumpridas, os marcadores pragmáticos deben albergar diversos tipos de palabra que constituirían un inventario moi amplo. Para acoutar a listaxe, Brinton (1996: 32-35) propón unha serie de características que todas as formas terían en común: – Os marcadores pragmáticos son principalmente un trazo da oralidade e nacen da informalidade deste tipo de discurso, é por iso que están estigmatizados e non aparecen en discursos formais. – Adoitan ser breves en canto á realización fonolóxica. – Ocupan na maior parte dos casos a posición inicial do enunciado, mais isto non é algo restritivo, senón que poden aparecer tamén en posición media ou final. – Xeralmente, non portan significado proposicional, emporiso, cando proceden doutras formas, poden manter parte dese significado orixinal. – Sitúanse fóra da estrutura sintáctica –ou vagamente unidos a ela– como consecuencia, non desempeñan unha función gramatical. – Constitúen un grupo heteroxéneo de items; non veñen todos da mesma fonte gramatical, senón que proceden dunha variedade de categorías tradicionais. Para pechar esta sucesión de características e retomando o previamente visto, diremos que – Os marcadores pragmáticos son multifuncionais –operan en distintos planos–. Acrecentaremos esta sucesión de características con algunhas que propón Tanghe (2016: 38-40) respecto do plano sintáctico: – A imposibilidade de levar complementos ou especificadores 5 . – Tampouco poden coordinarse entre si, sobre todo as interxeccións. 5 Algúns marcadores admiten complementos con de, se ou que mais estas son combinacións fixas (Tanghe 2016: 38- 39). En galego teriamos algúns exemplos como ‘veña de aí’, ou ‘anda que’.
17 – Non se poden someter á negación nin á interrogación e menos aínda, ser focalizadas; ao atopárense fóra da oración, non poden ser destacadas por ningún tipo de estrutura, xa que como dixemos, non se poden combinar con especificadores. – Non poden ser substituídas nin por pronomes, nin por deícticos. Ademais dos seus trazos definitorios, Brinton (1996: 37-38) engade unha nova listaxe de funcións que lle atribúe a estas unidades da linga e que resulta de gran interese. Dentro desta selección, resulta claramente evidente que non todas corresponden a un mesmo tipo de palabras. Citaremos só as máis relevantes e que fan referencia ao tipo de unidades que nos competen neste traballo. A primeira delas consiste en iniciar ou pechar o discurso, incluíndo a chamada de atención ao interlocutor. É curioso que neste uso se concatenen o prototipo de interxeccións, que se encargarían da parte máis apelativa, e o de conector, que abriría e pecharía o discurso. Por outro lado, márcanse tres funcións que serían tamén propias dos conectores: limitar o discurso, presentando un novo tema ou facendo unha corrección ou especificación; indicar nova información, ou vella; e, por último, marcar a relación de dependencia que se establece entre unhas secuencias e outras. Tamén engade outra función que fai alusión ás interxeccións; a de ter a capacidade de expresar unha resposta, reacción ou actitude ante un acto de fala (previo ou posterior). Aceptaremos como definitiva a descrición que Brinton (1996) fai destes elementos, xa que se axusta á nosa proposta de contemplar conectores e interxeccións como cohipónimos, e non como elementos desconectados. No entanto, inclinámonos polo termo marcador do discurso, por ser o máis empregado polos estudosos desta materia e especialmente, polos que se ocupan dela no ámbito da lingüística galega. A clasificación destas unidades sería a seguinte: MARCADORES DO DISCURSO Conectores Interxeccións ...
18 4. A EVOLUCIÓN DOS MARCADORES DO DISCURSO DERIVADOS DE VERBOS DE MOVEMENTO 4.1. OS VERBOS DE MOVEMENTO: ANDAR, IR E VIR En primeiro lugar, comezaremos por expoñer os trazos propios dos tres verbos –andar, ir e vir– dos que derivan as formas discursivas que son obxecto deste estudo. É necesario poñer sobre a mesa aquelas calidades que os caracterizan para, así, podermos entender a súa versatilidade, a motivación dos cambios gramáticos e semánticos que experimentan e, sobre todo, para xustificar o que teñen en común eses cambios nos tres casos. Os verbos de movemento non causativos do español poden ser divididos en dúas clases segundo a súa natureza semántica e sintáctica: verbos de desprazamento e verbos de modo de moverse. Ir e vir pertencen ao primeiro grupo, mentres que andar se sitúa no segundo (Morimoto 2001: 43-44). Podemos dicir que os verbos de desprazamento direccional –no noso caso, ir e vir– expresan inherentemente unha traxectoria e carecen da compoñente de modo; pola contra, os verbos de modo de desprazamento –andar– levan inherente un modo, mais non explicitan a traxectoria (Tanghe 2016: 53). No caso da lingua galega, os verbos do primeiro grupo inclúen a traxectoria na propia forma verbal, polo que se queremos indicar o modo de desprazamento, debemos incluír un complemento. O mesmo acontece cos verbos de modo de desprazamento, que precisan dun complemento locativo para indicar a dirección (Talmy 2007: 89). Podemos ver como esta distribución muda segundo a lingua; exemplificarémolo comparando a lingua galega coa lingua inglesa: (4) Unha rapariga cruzou [Vdir] a Alameda camiñando [COMPmodo] cos pés abertos (2009, Villar, A praia dos afogados [CORGA]) En inglés, a construción sería algo así como “a girl walked through the Alameda”, recaendo o valor de dirección na preposición e non no verbo, ao tratarse walk dun verbo de dirección. No caso galego, cruzar é un verbo de dirección e o que transmite o complemento é o modo. Outro elemento que inflúe no valor semántico dos verbos de movemento é a deíxe, que expresa ben un movemento cara ao falante, ben cara a unha dirección contraria. A deíxe é, de feito, o elemento que marca a diferencia entre os verbos ir e vir. Cando falamos, establecemos un centro deíctico, que coincide coa posición do falante. Ir indica afastamento do centro deíctico e
19 ao contrario, vir expresa o achegamento a ese centro (Tanghe 2016: 53-55). Este aspecto será relevante á hora de entender as expresións metafóricas que se crean a partir destes verbos. Á parte diso, debemos reparar na orixe das formas que imos analizar (veña, vaite, vaites, anda, andá), xa que non todas derivan da mesma categoría verbal. En concreto, ímonos centrar no modo verbal. Por unha banda, agruparemos as formas vaite e anda –procedencia de vaites e andá– que se corresponden co modo imperativo; por outra, estudaremos veña, un presente de subxuntivo. Segundo afirma Company Company (2004: 52), os marcadores deverbais desgramaticalízanse, principalmente, dende os modo imperativo e subxuntivo. O imperativo é a forma máis recorrente dada a súa aparencia breve e a súa liberdade posicional. Ademais, dende un punto de vista semántico, o seu carácter exhortativo faino axeitado para adaptarse á categoría de interxección (López Bobo 2002: 40-41). O imperativo é o modo da función apelativa e do mesmo xeito que a interxección, tenta producir reaccións no interlocutor. Ambas as dúas categorías comparten a ausencia de predicación declarativa, a supresión do contido semántico oracional e constitúen enunciados que non poden ser declarados como verdadeiros ou falsos, nin admitir a modalidade interrogativa. O inventario de interxeccións impropias enriquécese con novas formas procedentes de imperativos, que ao desgramaticalizárense, adquiren valores expresivos e características morfosintácticas propias das interxeccións (proceso do que falaremos no seguinte punto). A diferenza principal entre un imperativo e unha interxección é o predominio da modalidade apelativa do primeiro, sobre a expresiva, da segunda. O imperativo focaliza o seu uso na expresión de mandatos, mentres que a interxección conduce o uso cara á parte emotiva e perde o seu significado referencial (López Bobo 2002: 60-61). Así mesmo, o imperativo tamén expresa actos ilocutivos indirectos como dar consello, dar ánimo, expresar rogo, atraer a atención ou expresar desexo. Todos comparten o feito de que hai un emisor que pretende facer actuar a un destinatario e polo tanto, para que a acción se realice con éxito, o destinatario debe estar presente no contexto do discurso. Distinto é o caso do modo subxuntivo, que transmite un desexo e no que, polo tanto, a presenza do interlocutor non é imprescindible. O modo subxuntivo adoita presentarse en contraposición ao modo indicativo e este antagonismo radica en tres puntos: realidade vs. irrealidade, feitos vs. hipóteses e obxectividade vs. subxectividade. Por esa razón, dicimos que o subxuntivo é o modo que expresa posibilidade e desexo. Existe no entanto certa relación formal entre os modos imperativo e subxuntivo xa que nalgunhas ocasións se recorre ao subxuntivo para
20 completar o paradigma do imperativo. Con todo, independentemente do modo verbal orixinario, todas as interxeccións derivan dunha forma verbal utilizada con valor exhortativo (Tanghe 2016: 61-64). Coa transformación en interxección, as novas formas manteñen a función apelativa inicial, mais o valor semántico orixinario desapareceu, é dicir estas formas xa non pretenden que se leve a cabo a acción de movemento que se indica no significado do verbo orixinario (Tanghe 2013: 5). Segundo Castillo Lluch (2008: 1750), canto máis pragmaticalizada está unha forma, máis desmotivada se volve semanticamente en relación á forma orixinaria. Neste contexto, moitas veces, prodúcense reduplicacións da forma que, como veremos, son moi frecuentes nos marcadores derivados de verbos de movemento: anda, anda; vaites, vaites etc. O que se pretende é obter un realce do seu valor, e ambos os dous marcadores reduplicados teñen o mesmo significado. Agora ben, este fenómeno non se dá en todas as situacións, senón que as repeticións son menos frecuentes nos valores metadiscursivos –pois non é necesario insistir neste valor– e predominan nos usos expresivos e apelativos (Tanghe 2016: 209-210). Álvarez e Xove (2002: 671) engaden que ademais de achegar un valor intensificador, de mudar a entoación, “a serie repetida adquire un significado diferente”. Aínda non estando presentes no noso traballo os aspectos prosódicos, podemos afirmar que este cambio de significado ligado á entoación é moi notable nos usos irónicos. Alén deste uso dobre que afecta a todas as formas, hai outros dous marcadores, concretamente aqueles procedentes de imperativos –vaite e anda–, que experimentan unha segunda fase de cambio que muda a súa forma como novo signo lingüístico. No caso de vaite, trátase dun cambio morfolóxico, no que se engade un –s no final de palabra (vaite > vaites); e canto a anda, prodúcese o desprazamento do acento (anda > andá). En primeiro lugar, veremos en que consistiu o proceso de vaites. Esta nova forma iría un paso máis alá no proceso de gramaticalización, desligándose das súas orixes no verbo de movemento e consolidándose como palabra invariable diferenciada. Así, experimenta un cambio no seu significante engadindo un –s final propio de outros tipos de palabra invariables como os adverbios, polo que formulamos a hipótese de que se trate dun cambio analóxico cara a esta clase de palabra. Un dos procedementos analíticos de formación de adverbios é o denominado “–s adverbial” (Ferreiro 1999: 352; Penny 1991: 117), que temos noutras formas galegas como mentre>mentres, ante>antes, onte>ontes (forma dialectal actual) somente>somentes etc.
21 Polo que se refire a andá, non resulta estraño este desprazamento acentual, xa que estamos ante unha forma interxectiva, unha categoría moi lábil desde o punto de vista dos seus padróns prosódicos. Este desprazamento, de carácter enfático, contribúe a reforzar o valor expresivo das interxeccións, ademais de consolidar un significante novo que se distancia do imperativo. Algunhas interxeccións que comparten este fenómeno son: ola>olá, ole>olé, ostia>ostiá, ostras>ostrás; e na lingua española (NGLE 2009: 2488-2489), ojalá>/‘oxala/>/o’xala/ ou ahí va>/’aiba/>/a’iba/. Ambas as dúas mudanzas formais (vaite>vaites, anda>andá) responden a un fenómeno común de construcionalización de novos signos lingüísticos, definido por Traugott e Trousdale (2013: 22) do seguinte xeito: Constructionalization is the creation of form[new]-meaning[new] (combinations of) signs. It forms new type nodes, which have new syntax or morphology and new coded meaning, in the linguistic network of a population of speakers. [...] Minimally, constructionalization involves neoanalysis of morphosyntactic form and semantic/pragmatic meaning; discourse and phnological changes may also be implicated at various stages. Este proceso o que pretende é estabilizar o signo lingüístico de maneira que un novo valor semántico estea conectado a unha nova forma diferenciada (restablecendo así o equilibrio 1 significante = 1 significado). Con todo, os novos vocábulos –andá, vaites– non conseguiron desprazar as anteriores –anda, vaite– e como veremos, para expresar un mesmo valor semántico, conviven ambas as dúas, aínda que non intercambiables en todos os contextos. Resumindo, as formas anda, vaite e veña comparten o seren todas elas verbos de movemento, aínda que xa vimos que de distinto tipo. As dúas primeiras corresponden ao modo indicativo e ademais, están formuladas na P2; porén, veña coincide coa P3 do presente de subxuntivo. Non todas elas indican obriga ou mandato, senón que como xa vimos, o modo subxuntivo tamén pode expresar desexo (Tanghe 2016: 72-73). Andá e vaites son formas posteriores que apareceron como consolidación dun novo tipo de palabra e que pretenden destacar algún aspecto: no caso de andá o valor expresivo e no de vaites, a fixación dunha nova interxección. No seguinte punto veremos como se produce o paso dunha categoría gramatical a outra –de verbo a interxección– e en que medida o contexto afectou ao cambio de significado.
22 4.2. O PROCESO DE PRAGMATICALIZACIÓN E O CAMBIO SEMÁNTICO De acordo con Meillet (1912/1965: 130-131), existen dous procesos involucrados na creación de marcadores gramaticais. Un é a conversión dunha palabra autónoma nun elemento gramatical, e o outro é a acción da analoxía. Estas dúas fases non teñen a mesma relevancia no proceso de gramaticalización, sendo o primeiro, que envolve a perda do significado léxico, o máis importante. Por que son as unidades léxicas as que sofren estes procesos de gramaticalización e non outras unidades? De acordo con Kuryłowicz (1964: 245), as unidades léxicas son as compoñentes fundamentais, tanto a nivel simbólico como deíctico, dun acto de fala. Concreta esta teoría dicindo que un enunciado está encadrado nun espazo e tempo concretos, que se manifestan nos pronomes persoais e nos tempos verbais. Así, as categorías que están directamente conectadas coa situación do acto de fala, serán tomadas como punto de partida para a elaboración de novas categorías gramaticais. Traugott (1982: 247) argumenta que a gramaticalización é o resultado directo da interacción entre as limitacións fonolóxicas e semánticas no uso da linguaxe. O cambio fonolóxico tende a reducir a información, como resultado da celeridade do discurso. Pola contra, o cambio semántico-sintáctico pretende manter e incluso ampliar esa información; así, inevitablemente, prodúcese a deslexicalización ou baleiramento semántico das unidades léxicas, mudando dunha función principalmente descritiva e referencial a outra baseada na actitude do interlocutor coa intención de articular un discurso claro, coherente e expresivo. Company Company (2008: 202-203) expón que a gramaticalización consiste en resolver as estratexias do discurso, de maneira que aqueles fenómenos lingüísticos que operan no nivel discursivo –gañando carga expresiva– se convertan en estruturas gramaticais habituais. Este esquema semellaba ser o único presente no proceso de gramaticalización e o que levamos visto ata o de agora. Porén, nos últimos anos o avance nestes estudos amosa que o paso dun estado a outro tamén se produce no sentido inverso, dándose casos nos que formas propias da sintaxe pasan a unha categoría menos gramatical; dito doutro xeito, formas dependentes trocan a libres, palabras gramaticais a léxicas, pasamos da morfoloxía á sintaxe, da sintaxe ao discurso etc. En consonancia con Company (2008: 203), a medida que as construcións son enriquecidas pragmaticamente e gañan significados apreciativos, van sendo sometidas a un proceso de decategorización e debilitamento do seu contido referencial orixinario. Debido a isto, amplían o seu alcance proposicional e teñen maior independencia da estrutura sintáctica. Nesta obra, a
29 –Goana: (con mal xenio ) ¡Anda..., agora con que sai! (1930, Casado Nieto, Amor i eleuciós. Pequeno sainete de costumes [TILG, CANAMO930, 28]) Estes son algúns dos valores que derivan dos verbos de movemento motivados por unha metáfora. Como dixemos anteriormente, a rede que se crea nace dun significado base do verbo de movemento –andar, ir e vir– que tomando como referencia os aspectos que contén (deíxe, por exemplo) crea novas acepcións mediante unha metáfora. Mais estas acepcións poden despois producir outras novas; como veremos máis adiante, existen usos irónicos que poden derivar dos de sorpresa. Aquí, soamente fixemos referencia a catro metáforas que comparten os tres verbos e que tamén se dan noutras linguas, logo concluímos que o movemento é, como afirmabamos inicialmente, un concepto concreto moi recorrente á hora de expresar significados abstractos ligados ao discurso, xa que o movemento espazo-temporal que se dá na realidade, pasa a un dominio máis cognitivo e discursivo. 4.4. O CONTEXTO CRÍTICO Antes de se consagrar o cambio semántico (unha vez este se puxo en marcha) e de se consumar o proceso de construcionalización das novas interxeccións como formas diferenciadas, existe un estadio intermedio ao que nos referiremos como contexto crítico (Diewald 2002: 109). Este termo fai referencia ao estadio no que dá comezo o proceso de gramaticalización. Nesta altura, a estrutura ofrece diversas opcións de interpretación pragmática, entre elas o novo significado que se vai gramaticalizar. O contexto crítico envolve un factor semántico e sintáctico concreto e consiste no enfrontamento de dúas formas que son morfolóxica ou morfosintacticamente confusas e que non se poden desambiguar mutuamente. O destinatario é quen se encarga de interpretar a forma –neste caso verbal–, sen ningunha indicación, botando man unicamente dos procedementos inferenciais e das implicaturas conversacionais. Son precisamente estas implicaturas as que axudan a esclarecer o significado. O seguinte estadio é aquel no que se desenvolven contextos illados, é dicir, diferenciados para cada forma. Nestes, só unha das interpretacións é posible, xa que as formas son vistas como independentes a unha da outra (Diewald 2002: 112-114). A continuación, poñeremos varios exemplos de contextos críticos nos que non podemos saber con certeza se se trata aínda da forma verbal (imperativo ou subxuntivo)
30 ou se estamos xa ante unha interxección; mais o que si podemos confirmar é que se trata dun uso ambiguo e no que a forma camiña cara á gramaticalización dunha nova palabra. (13) Din algús que canto mal; pois pra min canto bastante; o que me non queira oír, anda, burro, para adiante (1881, Saco y Arce, Literatura popular de Galicia [TILG, SACLIT881, 55]) (14) Anda pra diante! Merexildo, ou demo; non me marees nin agoires tanto (1882, Francisco Mª de la Iglesia González, A fonte do xuramento [TILG, IGLFON882, 38]) (15) Anda, queridiño, anda, anda, que por ti xa espero; eu no andar xa te conezo, pois no corazón te levo (1884, Domingo Blanco, A poesía popular en Galicia [TILG, BLNPO2884, 340]) (16) Anda, Marica , vai ver , –di á criada doña Pepa– si o siñor Primo, o forneiro, tén masa, ¡anda, vai lixeira! (1886, O Galiciano [TILG, GAL092886, 2]) Nos exemplos (13) e (14) estamos ante dúas formas que son, inequivocamente, verbos, o que se demostra pola presenza de complementos verbais, incompatibles coa condición de interxección: anda para adiante. Nestes exemplos estásenos indicando o modo e a dirección do movemento que denota de seu o verbo, e que se reforza mediante eses complementos. Por outra banda, no exemplo (15) está presente tamén a idea de movemento, que se ve claramente co ‘por ti xa espero’ e ‘no andar xa te coñezo’, aludindo ao modo no que se despraza. No último dos exemplos (16) o verbo aparece con outra forma verbal sobre a que recae a carga semántica da acción a realizar (neste caso vai), polo que anda achega o valor máis expresivo, que se atopa a cabalo entre dar ánimo e indicar o modo de desprazamento. Nestes exemplos –(15) e (16)– coa forma anda, vemos que se trata de contextos dubidosos, xa que, por unha parte, pode entenderse que o falante demanda do oínte literalmente que ande pero, por outra, pode entenderse como unha expresión xenérica de ánimo, cun valor exhortativo non vinculado especificamente á acción de andar; deste xeito, estes dous serían exemplos de contexto crítico no cal nacería a forma interxectiva.
31 (17) ¡Ai, miña xoia, canto te quero! Di: ¿Dásm ' un bico? Rosa moi quedo dixo, entr ' os dentes, –Non , mintireiro ... tódolos homes sóde-lo mesmo. Vaite, Xan, vaite, non fales deso (1878, Losada Astray, Poesías [TILG, LOSPOE878, 175]) (18) –¿Qué qués?, rapaz; ¿a qué vés co tamboril, e co pito? –Hui ¡que roña! ¿a qué hei de vir? Si non a traerlle isto? –E que é iso, a ver, a ver ¿Quen cho dou? –Un señorito –Pois vaite. (1888, Posada, Poesías selectas [TILG, PDAPOE888, 55]) Como podemos observar nos exemplos (17) e (18), vaite aparece en situacións de ambigüidade nas que a súa interpretación pode ser válida tanto se o consideramos un imperativo, como unha interxección. En (17) pode que xa non esteamos ante unha orde directa que indique que a outra persoa, Xan, marche, senón que é produto do desacordo, enfado ou desconformidade da muller, de maneira que o que pretende é que Xan retire as súas palabras. Algo semellante acontece no exemplo (18), o falante responde desconforme ante a información de que o seu interlocutor foi enviado por un señorito. Podemos facer unha dobre lectura da súa resposta, vaite pode ser unha orde de que desapareza da súa vista, xa que non quere recibir a este persoa, mais tamén pode ser unha exclamación de sorpresa ou indignación ante un determinado feito, sen vinculación xa cunha demanda real de que o oínte abandone o lugar da conversa. Este valor nace en contextos de enfado, ou ira, que propician enunciados exhortativos, exclamativos e expresións breves, como vemos nestes dous exemplos. (19) [nunha procesión] só quedou a Virxe , os que a levaban e o Luís co estandarte, quedaron cinco, e logo veña refrescos, para todos houbo menos para o Luís (1996, Emilio Araúxo, Tempos serodios [TILG, ARATEM996, 11]) (20) hai moitas cousas que se acaban para sempre, hai moitas cousas , camiños e moitas cousas que se acaban para sempre, en total, veña afán e veña qué sei eu, e veñan fantasías e veñan moitas traizóns e trampas e mentiras (1996, Emilio Araúxo, Tempos serodios [TILG, ARATEM996, 189]) (21) E veña viño, larpeiradas, foguetes e gaita. No palleiro durmíanse as cogorzas pra escomenzar de novo a beber e comer (1998, Manuel Roel Longueira, Contos e poemas dun autor ignorado [TILG, ROECON998, 108])
32 Por último, vemos o contexto crítico no que florecen algúns dos usos da futura interxección veña. Os tres exemplos semellan reflectir a mesma situación, mais non é así. Como veremos máis adiante no traballo, un dos valores pragmáticos desta interxección é o de ‘animar’ e reproducirá estruturas practicamente idénticas a estas que temos aquí. Como forma do verbo subxuntivo, veña indica a petición dun emisor dun certo elemento, así, no exemplo (21) podemos interpretar que alguén está a pedir viño. Deste modo, entre o elemento que se sitúa a continuación do verbo e este mesmo, existe concordancia, o que se demostra no exemplo (20): veña afán e veñan fantasías. Con todo, a forma comeza a desligarse desta concordancia, sen abandonar o carácter de demanda e comezando a esbozar certa intención de ánimo, como derradeiro exemplo (21), no que o verbo concorda co primeiro dos elementos, mais xa non cos seguintes, dando a entender que a forma está a desligarse da estrutura oracional. Polo tanto, a fronteira entre o uso verbal e o uso crítico vén dado pola concordancia coa frase nominal; cando deixa de haber concordancia, ábrese un contexto crítico. Nun primeiro momento, a forma veña transmite o desexo dun emisor de posuír algo ou de que algo se aproxime ao seu punto de referencia (como vimos nas metáforas); despois, este significado esvaécese ata quedar un sentimento de ánimo, como no exemplo (19). Ás veces, este ánimo evolucionará mais xa non co desexo de que algo se aproxime, senón de que algo ou alguén realice unha acción, valor que analizaremos no seguinte punto.
33 5. ANÁLISE DOS VALORES PRAGMÁTICOS ACTUAIS DAS FORMAS Como viñemos vendo ao longo de todo o traballo, o debate arredor dos marcadores do discurso e das interxeccións é intenso. Con todo, existen diversas clasificacións que intentan poñer orde e simplificar a interpretación dos valores destas formas. Porén, o obxectivo do noso estudo non é etiquetar estas voces segundo a súa función puramente gramatical no discurso, senón que o que nos interesa é ver que valor semántico engaden e de que maneira axudan a enriquecer as achegas que os falantes fan á conversa. Así, preferimos enfocar a nosa análise dende as distintas funcións da linguaxe que propuña Jakobson (1984). Cómpre dicir que esta clasificación non é pechada e que como veremos, moitos dos valores son solapados, podendo un mesmo marcador realizar máis dunha función a un tempo. Alén disto, é posible establecer matices dentro de cada un dos valores, mais a listaxe sería desmesurada e a nosa intención é distinguir aqueles significados máis representativos. Nalgunhas ocasións será pertinente atender ás distintas estruturas sintácticas que ofrecen estes marcadores segundo os seus usos, funcionando nuns usos de maneira illada, noutros con complementos, mesmo dando lugar a expresións xa fixadas na lingua. Consideramos de interese para o traballo incorporar a teoría da (inter)subxectividade (Traugott 2010), que intentaremos poñer en paralelo coa nosa relación de valores pragmáticos, concretando en que medida cada valor está suxeito ou non ás actitudes do falante e ás do interlocutor. 5.1. FUNCIÓN EXPRESIVA A primeira das funcións que analizarei será a expresiva, xa que como vimos anteriormente, é a predominante nas interxeccións. Son moitos os valores pragmáticos que adquiren os marcadores derivados de verbos de movemento cando pretenden transmitir as emocións ou actitudes do emisor, por iso, a multiplicidade dos significados será máis complexa na función expresiva que nas outras. Cómpre salientar que é precisamente polo seu carácter de transmisor de sentimentos e actitudes do emisor que case todos os valores pragmáticos que cumpren a función expresiva teñen natureza subxectiva; veremos máis adiante cal deles non o ten. Examinando o noso corpus, decidimos clasificar todos os usos das formas anda, vaite e veña con función expresiva no seguinte repertorio:
34 i. Valor pragmático de sorpresa É o valor máis representativo das interxeccións, xa que ante o inesperado, respondemos con fórmulas breves, exclamativas e expresivas. As interxeccións e marcadores do discurso derivados de verbos de movemento poden expresar o sentimento de sorpresa ou asombro ante unha situación extralingüística. Así, veremos que todas as formas deste estudo están presentes na manifestación deste sentimento. (22) Dixo: –Pois mira, tou pendiente desto; quero unha muller que teña dous conos e non al encontro. E dixo ela: –Anda coño, si che gustara eu, téñoos eu. (1999, López Valledor, Literatura de tradición oral nos Coutos [TILG-LPVLIT999, 61]) (23) Pouco máis tarde viron vir un home cun foucín enorme. "Vaite –pensou o probe–, eí vén o meu ubreiro" (2004, Poncelas Abella, Contos e lendas do Bierzo [TILG, PNCCON004, 149]) (24) ¡Esto si que é gobernar! o demais non vale nada; i así son tóda-las cousas que pasan na nosa España. ¡Vaite! ¡como si outra nunca houberan visto! (1886, O Galiciano [TILG, GAL071886, 3]) (25) Recollendo a sotana entre as pernas apareceu a correr o cura. –Vaites, son vostedes (1982, Vázquez, A chazca [TILG, VQZCHA982, 30]) Para este valor expresivo de ‘sorpresa’ é frecuente tamén a forma con desprazamento do acento, andá, como en (26). (26) CABALEIRO CUSPIDRIÑAL: A ver, ¿onde está o meu traxe de romeiro? ACOUTACIÓN: (Nun aparte). FLORISEL: ¡Andá, o traxe! Agora si que a fixen. (1995, González, A vía fantástica [CORGA]) A manifestación de sorpresa, nalgunhas ocasións, amosa un ton de enfado ante as palabras do interlocutor debido á incredulidade ou asombro provocado polo contido da súa mensaxe: (27) Tolo –¿Ti quereste casar conmigo? Moza –¡Anda! ¿Eso é o que tiñas que me dicir tan serio? (1918, Carré Alvarellos, Tolerías [TILG-CRETOL918, 13])
35 Retomando a propia definición de marcador do discurso, insistiamos na idea de que o seu principal obxectivo era guiar as inferencias do discurso. A ironía é un recurso lingüístico que transgride a máxima de calidade 6 (Grice 1975) e de aí que afecte á interpretación do enunciado. Os marcadores do discurso axudan á interpretación da ironía e outras veces contribúen ao efecto irónico (Ruiz 2010). Nos seguintes contextos veremos como os marcadores vaite e vaites –de maneira simple e reduplicada– se moven na interpretación entre a sorpresa e a ironía, derivando este segundo valor do primeiro e amosando unha falsa estrañeza ante o dito polo interlocutor. (28) –«E si ando co'il, chega un intre en que nos temos que bater, é decir , en que teño que mallar nil, veña ou non a conto... Pro sin il non me adivirto, veleí tes o caso...» – «¡Vaites, hom!», dixen rindo. «Logo, daquela, tente domiñado» (1959, Blanco Amor, A esmorga [TILG, BLAESM959, 26]) (29) E cando iba polo camiño , houbo quen ll ' oueu decir falando co paraguas, coma se o paraguas o entendera: –¡Vaite, vaite, que non se te podía mollar! ¡Quen o soupera! ¡Pero deixa, que agora, xa non te quitarei da casa senón cando non chova! (1931, García Barros, Contiños da terra [TILG, GARCON931, 167]) (30) [falando da situación dos galos] A min doime a ialma cavilando sobre da vosa asoballada e humilde condición, dina de mellor sorte... –¡Vaites, vaites! –dixo estonces bulronamente un galo vello, que non se movera do poleiro (1909, Lugrís Freire, Contos [TILG, LUGCON909, 27]) (31) D. CAMILO –Dime Carmela ¿Teu padriño falouche algunha vez de casarte? CARMELA. –Nunca, hastra hoxe que me falou do herdeiro do Peto, que di que vén esta tarde a pretenderme. D. CAMILO. –¡Vaites, vaites! Agora caigo na conta (1915, Rodríguez López, O chufón [TILG, RDRCHU915, 26]) Unha outra estrutura sintáctica que se repite con frecuencia e que comparte este mesmo significado é VAITES + [CON(prep) + FN]. No exemplos (32) a construción transmite o valor de sorpresa, mentres que en (33), xa cun uso dobre, observamos como a muller pretende facerse a sorprendida ante as accións do boticario, mais cun lixeiro ton irónico. 6 Grice (1975) establece catro máximas conversacionais necesarias para o cumprimento do Principio de Cooperación: máxima de cantidade, de calidade, de relación e de modo. Conforme a máxima de calidade, as nosas contribucións no discurso han de ser verdadeiras.
36 (32) PILARA. –De manera qu'anque mañá, poño por caso, souperase quén disparou o tiro, mal non pasaríalle, porque era conto acabado. D. FILIPE. –Eso mesmo, nena. PILARA. –¿E quén siría fianza dese compremiso? D. FILIPE. –(Contr 'o seu cheleque). ¡Vaites ca rapaza! É tan lista como fermosa (1920, Comellas Coímbra, Pilara ou a grandeza d’os humildes [TILG, COMPIL920, 51]) (33) LELA. ¡Vaites, vaites con Don Saturio, que quer chegar polo atallo...! ¿I entón, vostede xa non atopa maneira de namorar polas boas...? O BOTICARIO. Os peixes e as mulleres collense con artimañas... ¡E como eu xa vou indo algo vello...! (1953, Castelao, Os vellos non deben de namorarse [TILG, CASVEL953, 14]) ii. Valor pragmático de incredulidade ou refutación Enfiando co ton do exemplo (27), distinguimos unha nova actitude ante o dito polo interlocutor no marcador veña. Se volvemos a vista atrás, veremos que veña non aparece no corpus como manifestación de sorpresa, pola contra, de escepticismo ou desconfianza. En ocasións, veña aparece reforzada con outras interxeccións como en (35) e (36), onde home engade un ton familiar e reforza a imaxe positiva do falante, evitando unha posible situación incómoda (Freixeiro Mato 2016: 107). En (34) combínase coa partícula xa para expresar este valor de incredulidade, mais pode ser que esteamos ante un calco do español, xa que esta estrutura é moi frecuente en locucións como anda ya e venga ya (Castillo Lluch, 2008; Tanghe 2016: 126). (34) –e armei elí a marimorena ca intención de montar elí unha bronca ben montada de pai e moi señor meu; –¡veña xa! (1977, Catoira, A cadea e a outra banda do silenzo [TILG, CTOCAD977, 10]) (35) –A ver se un día te vemos convertido nun heroe dun exército democrático alá na túa terra, onde non haxa xerarquía e os postos directivos, por non dicí-los mandos, sexan promovidos por votación ou aclamación popular. ¡Veña home, a ver se es ti o que acádala redención para a túa terra! (1986, Laxe Freire, Loita e morte [TILG, LAXLOI986, 140]) (36) O raro foi que non vos partise a cara porque a min estánme entrando ganas de metervos un par de hostias por maricóns. Veña, home, ide á merda. Xa non sei nin para que abrín a boca (1993, de Toro, Tic-Tac [TILG, TROTIC993, 224])
37 Neste último exemplo, (36), ademais do desacordo, entra en xogo no contexto unha nova variable, que é a de enfado, desagrado, o que nos leva a sinalar este uso como antesala dun outro que analizaremos a seguir: o de queixa, fastío. Polo que se refire ao formato, pode aparecer tanto unha vez –véxase o exemplo anterior– como duplicado. Nestas situacións de descontento é frecuente que apareza o marcador conxuntado con outras interxeccións; en concreto, con xuramentos: (37) –¡Carallo, pois matar matouna!; ou sexa que... tampouco a cousa está tan clara. E xa din que o falar non ten cancelas e a xente comenta o primeiro que lle vén a cabeza, pero nunca se sabe... Penso eu, vaia. E un morto é un morto. –¡Veña, carallo, veña! O que pasa é que amais dun langrán e un cabrón o Chucho é un aluado (1994, Borrazás, Criminal [TILG, BRRCRI994, 56]) iii. Valor pragmático de queixa, fastío Así como afirmabamos que o valor irónico derivaba do de sorpresa, agora veremos como o de queixa e fastío, provén do de incredulidade. É por isto que o único marcador que veremos con este significado é veña. Do mesmo xeito, parécenos de especial relevancia atender ás estruturas sintácticas que se empregan para manifestar este valor. Como dixemos noutro momento, pode darse o caso de que o marcador non apareza como enunciado independente, porén, é habitual que se creen estruturas fixas asociadas a un significado. Nestas circunstancias, o que se quere transmitir é o desagrado ante unha situación que se repite no tempo, polo que a estrutura gramatical tentará trasladar a sensación de duración, repetición. A primeira construción que veremos será VEÑA + [A(prep) + INFINITIVO]. É posible que a estrutura apareza precedida pola conxunción e, que contribúe a enfatizar o valor de reiteración. (38) Eu ben quería retorcer a man para que non seguira disparando, pero ela, grandísima cochina, ¡veña a revirarse cara a min, para matarme tamén! (1996, Fernández Pérez, Don Gabino [TILG, FPEDON996, 27]) (39) E se o salario foi a máis, o traballo fixose máis duro e longo : nos casetes, rente ao chan de terra; no peirao, a chover, con sacos de abrigo por enriba e por embaixo; na cuberta dos barcos; na praia, batendo o sol. Tiñamos que enterrar os pés na area pola
38 calor. E veña a reparar as redes. (1996, Vázquez Pintor, Os vellos oficios [TILG, VZZVEL996, 12]) Do mesmo xeito, atopamos outro agrupamento que representa a mesma noción, no entanto, non é tan frecuente como a anterior; este é VEÑA + [DE(prep) + INF] (40) –¡Quén me dera un chirimboliño así! –decía. E seu tío veña de contestarlle sempre coa mesma leria: –Cando medres, cando chegues a home, terás un eito de cousas (1971, Neira Vilas, O cabaliño de buxo [TILG, NEICAB971, 33]) (41) D'alí a pouco chegou o pai e colleunos no colo. Un en cada brazo. Foi co'eles pola horta adiante. Apañaban ameixas e dabanlle palique ós melros. E veña de rir. (1971, Neira Vilas, O cabaliño de buxo [TILG, NEICAB971, 60]) En (41) pérdese o valor de protesta en beneficio do reiterativo o que tamén acontece en (42), neste caso coa estrutura VEÑA + INFINITIVO: (42) aquilo foi a risa máis grande do mundo, os mozos veña meter mozas nos feixes, ían entre a palla coma un deus, mais estaba aquela Palmira que era un boi (1996, Araúxo, Tempos serodios [TILG, ARATEM996, 142]) Hai que ter en conta que estamos ante unha forma derivada dun verbo de movemento, polo que non resulta estraño que os falantes fagamos uso desta expresión para incidirmos na idea de que se trata dun acto que é reincidente no tempo. Este valor vese reforzado por outras fórmulas como a repetición da palabra – mesmo máis dunha vez, como en (43)– e a conxunción e, que axuda a manter o ritmo, enfatiza o valor durativo e dá pé a que se repita máis unha vez a mesma fórmula. (43) Vaise el e atouse co dichoso do cinto aquel e foi e visteuse a súa alba e tal, pero antes deso meteuse por cuantos sitios había zorollos para levá-los. E veña, e veña, e veña, e cando taba misando pois, claro, chegoulle a hora de consagrar e alzar, como sabes que se fai, e dixo; taba levantando a patena e inmediatamente danlle en caé-los zorollos por si abaixo, todo correndo por debaixo dos pés abaixo (2004, Carnero Vázquez, Da fala dos brañegos [TILG, CRNFAL004, 165])
45 futuro, polo que é idónea para ser empregada con este significado. Recuperando o exemplo (5), no que vaites pretende funcionar como esclarecedor, observamos como o falante vacila nas súas palabras e non atopa o vocábulo concreto que necesita; vaites guía ao interlocutor e sitúao no discurso, indicando que o que se vai dicir a continuación é o termo desexado e poñendo nel o foco. En (65) e (66) o falante engade nova información para esclarecer o que nun primeiro momento percibiu como insuficiente coa fin de que o seu interlocutor comprenda a idea que intenta transmitirlle. (65) Era da aldea, da aldea-aldea. Vaites, que ninguén lle gañaba en ser da aldea (2010, Mora, Prosas inmaculadas [CORGA]) (66) Estaba de bo humor. A Rankestrasse devolveralle o bo humor. Non sabe se o notaron na recepción, porque estes alemáns... vaites, que non, que non é nada doado descifrarllelo rostro (2001, López López, O caderno [TILG, LEZCAD001, 39]) O valor reformulativo é a mostra explícita no acto de fala do Principio de Cooperación. Son os propios falantes os que perciben que a súa mensaxe pode non ser interpretada de maneira correcta e buscan novas estratexias de emendar os posibles erros. iii. Retrouso De acordo co DRAG, o retrouso é unha “ palabra ou expresión que se repite a miúdo ao falar, por un hábito vicioso”. O valor que vai poñer peche a esta análise é precisamente, o do retrouso, unha estratexia comunicativa que temos os falantes para conseguir tempo á hora de organizar as ideas que queremos comunicar. Este uso expletivo (Tanghe 2013:7-8) axuda á planificación discursiva, non achega ningún significado novo, máis contribúe a que o falante faga unha intervención correcta, xa que gaña tempo para procurar a expresión máis axeitada para esa situación, o que enfía co valor reformulativo que acabamos de ver. (67) Os méritos dos sabios están asulagados, logo morren os probes, os que o son de verdá e veña, ala, botafumeiro por todo o alto para dar fe do home que perdimos, señor, qué lle importa ao sabio dende embaixo si xa está dando malvas (1971, Torres, Adiós María [TILG, TRRADI971, 104])
46 (68) Unha promete, unha cisma, para qué, veña, para qué tanto ensaio, xa vedes, as boas intencións é igual que poñer portas aos campos (1971, Torres, Adiós, María [TILG, TRRADI971, 142]) (69) Non te desculpes, xa o calei. ¿Veña, qué máis querías dicirme? –dirixiuse a min o mangallón. (1998, Miranda, Morning Star [TILG, MIDMOR998, 225]) (70) Pois é que eu pensaba que vostede... vaites que vostede estaba... (2001, López López, O caderno [CORGA]) Os límites dos valores semánticos dos marcadores son difusos e este exercicio non consiste en situalos en caixóns pechados. Así, o uso de veña en (67) recorda a outros exemplos que viamos nos contextos críticos como en (19), (20) e (21), onde veña pode ter certa carga de ánimo. O mesmo acontece co exemplo (69) e o valor apelativo de instar a alguén a que realice unha acción, alentando ao interlocutor a que diga algo. O último, (70), claramente amosa a intención de reformular o dito anteriormente e expresalo dalgún outro xeito máis comunicativo. Con todo, estes marcadores propios da linguaxe coloquial poderían ser suprimidos sen mudar o valor representativo do enunciado; aínda perdendo o matiz pragmático na conversa (Tanghe 2013: 8). Todos estes valores están recollidos nun cadro-resumo que se pode consultar no Anexo.
47 6. CONCLUSIÓNS As interxeccións e marcadores discursivos non foron obxecto de interese prioritario para os lingüistas ata os anos 70, cando comezan a levarse a cabo estudos sobre a análise do discurso. Cómpre lembrar que tamén estaba sobre a mesa o debate acerca de se as interxeccións son unha clase de palabra ou se, pola contra, son simples producións naturais. Ademais das interxeccións, hai outros elementos que se atopan categorizados baixo o termo de marcador do discurso. Con todo, sendo este último empregado para denominar un grupo heteroxéneo de unidades que comparten unha serie de funcións no discurso, o termo interxección refire a unha clase de palabra. Así, estas dúas definicións son complementarias, polo que consideramos as interxeccións un hipónimo da categoría de marcador do discurso. Porén, hai autores e autoras que deixan fóra desta clasificación as interxeccións, pois só teñen en conta aqueles elementos que contribúen á cohesión e coherencia textuais, é dicir, os conectores e organizadores do discurso. Ao noso entender, os marcadores do discurso son formas que guían as inferencias que fan os falantes, teñen independencia sintáctica e adquiren o seu valor semántico dentro do propio contexto. No noso traballo puxemos o foco en tres verbos de movemento, dous de traxectoria –ir e vir– e outro de modo de movemento –andar– e nas formas que deles se derivan: anda, andá, vaite, vaites e veña. Estas voces funcionan como mostra dos termos interxección e marcador do discurso, para poder, a través delas, esclarecer a súa definición. Coa axuda destes exemplos de uso, concluímos que estamos ante formas polisémicas e polifuncionais e que o proceso de cambio lingüístico aínda segue en marcha, podéndose crear moitos máis significados se os falantes empregan estas expresións noutros contextos innovadores. En relación ao proceso de cambio semántico, non é casualidade que se dea nestas unidades –verbos de movemento– xa que algunhas delas teñen carga deíctica (vaite, vaites, veña) e ademais, as formas orixinarias son imperativos (anda, vaite), xa de por si caracterizados pola forte carga exhortativa. Non resulta estraño, tampouco, que haxa formas similares noutras linguas, dado que o cambio semántico está motivado por unha metáfora conceptual: ‘o discurso é unha viaxe’. A partir de aquí establécense outras como ‘ir é afastamento ou movemento cara ao futuro’ e ‘vir é achegamento ou movemento cara ao pasado’. Grazas á metáfora podemos chegar a esquecer totalmente o significado primario e damos paso a novas fórmulas comunicativas, que ademais de mudar semanticamente, tamén o fan gramaticalmente.
48 A forma verbal transfórmase en interxección, polo que estamos ante un proceso de gramaticalización. Porén, hai quen prefire referirse a este procedemento como pragmaticalización, xa que a unidade de destino non ten un significado fixo, senón que este se xera dentro do propio contexto de uso. É necesario, tamén, referirnos ao proceso de construcionalización, no que se persegue equilibrar o número de significados e significantes, de xeito que se crean as formas vaites e andá. A primeira engade un –s adverbial, por analoxía con diferentes palabras invariables, e a outra, fórmase por desprazamento acentual, marca de énfase compartida por moitos enunciados interxectivos. A intención desta segunda evolución é que as novas formas se asocien a un dos valores semánticos e así este se constitúa como forma independente. Para demostrar o carácter polifuncional e polisémico destas formas e o seu proceso de gramaticalización, baseámonos en exemplos reais extraídos de textos en lingua galega procedentes dos corpus informatizados TILG e CORGA. Unha vez examinados os exemplos de maneira illada, decatámonos de que dependendo do contexto, contribuían a diferentes funcións da linguaxe (das establecidas por Jakobson). Así, decidimos clasificalas segundo este parámetro, centrándonos nas funcións expresiva, apelativa e metadiscursiva. Dentro da función expresiva, a máis representativa das interxeccións, distinguimos os valores de sorpresa, ironía, incredulidade, fastío e aceptación e puidemos ver como uns significados estaban ligados a outros: sorpresa> ironía, incredulidade>fastío. Os usos expresivos son variados e abranguen todas as formas obxecto de estudo no noso traballo, ás veces mesmo con estruturas fixadas como [VEÑA + A + INF], [VEÑA + DE + INF], [VEÑA + INF] ou E VEÑA, que engaden certo matiz de repetición e polo tanto, contribúen a marcar de forma máis clara o sentimento de fastío. Dentro da función apelativa, distinguimos dous valores principais: o de animar a facer algo e o empático. Estes son efectuados por anda e veña, tanto de maneira simple como reduplicada. O valor apelativo provén da carga directiva do imperativo (anda) e o valor de animar a facer algo, esperando unha reacción por parte do interlocutor, garda relación co valor de desexo que expresa o subxuntivo (veña). Por último, temos o valor metadiscursivo, caracterizado especialmente pola acepción de peche discursivo, no que destaca o uso de veña como fórmula de despedida. Dentro deste grupo existe un uso reformulador, coa forma vaites, que deriva da metáfora ‘ir é futuro’, de aí a importancia da deíxe para guiar ao interlocutor cara ao que se vai dicir. Unha outra utilización
49 metadiscursiva é o retrouso, que é unha expresión que non achega ningún significado mais dá tempo ao falante para preparar o seu discurso, facendo cumprir o Principio de Cooperación. Alén da análise dos valores pragmáticos das formas, decidimos engadir outra teoría especialmente interesante para o estudo dos marcadores discursivos: a teoría da (inter)subxectividade de Traugott (2010). Segundo esta, unha unidade é considerada subxectiva cando porta as intencións e actitudes do propio falante e intersubxectiva cando manifesta a preocupación do falante polo seu interlocutor e pola súa imaxe pública. Así, vimos que case todos os valores expresivos eran considerados subxectivos: o de sorpresa, o de de incredulidade ou refutación e o de queixa ou fastío. Con certeza, hai unha grande relación entre a función expresiva, que manifesta os sentimentos do falante, e o proceso de subxectivización, que incorpora as actitudes do mesmo. Na mesma liña, encontramos o proceso de intersubxectivización, que de maneira similar ao anterior, condiciona a intervención do falante ao ter en consideración as actitudes do interlocutor e persegue non danar a súa imaxe (face). Os valores que compartirían esta intención encóntranse clasificados tanto na función expresiva, o de acordo e aceptación, como na función apelativa, o valor empático. Todos os outros valores –o apelativo de animar a realizar unha acción e os metadiscursivos– non teñen en conta as actitudes dos participantes na conversa, polo que reciben a etiqueta de non-subxectivos. Todos os exemplos analizados dan conta dun proceso de cambio semántico que proba a versatilidade dos verbos de movemento e das formas de imperativo e subxuntivo, máis expostas que outras a sufrir alteracións. Este cambio de significado nace produto dunha previa gramaticalización e, nalgúns casos, construcionalización das formas. Ademais, reflicte como o galego sofre procesos parellos a outras linguas, estando en continuo movemento e enriquecéndose constantemente.
50 7. BIBLIOGRAFÍA Álvarez, Rosario e Xosé Xove (2002): Gramática da lingua galega. Vigo: Galaxia. Ameka, Felix (1992): “Interjections: The universal yet neglected part of speech”, Journal of Pragmatics 18, pp. 101-118. <https://www.researchgate.net/publication/229068257_Interjections_The_Universal_Yet _Neglected_Part_of_Speech > [Consultado o 20/05/2017] Austin, John Langshaw (1962): How to do things with words. Oxford: Oxford University Press. Brinton, Laurel J. (1996): Pragmatic markers in English: grammaticalization and discourse function. Berlin: Mouton de Gruyter. Casado Velarde, Manuel (1995). Introducción a la gramática del texto del español. Madrid: Arco/ Libros. Castillo Lluch, Mónica (2008): “La formación de los marcadores discursivos vaya, venga, anda y vamos” en Concepción Company Company e José G. Moreno de Alba (eds.) Actas del VII congreso internacional de historia de la lengua española, vol. 2, pp. 1739-1752. Madrid: Arco/ Libros. Company Company, Concepción (2004): “¿Gramaticalización o desgramaticalización? Reanálisis y subjetivización de verbos como marcadores discursivos en la historia del español”, Revista de Filología Española 84, pp. 29-66. <http://xn-- revistadefilologiaespaola-uoc.revistas.csic.es/index.php/rfe/article/view/97/96> [Consultado en 20/05/2017] Company Company, Concepción (2008): “The directionality of grammaticalization in Spanish”, Journal of Historical Pragmatics 9: 2, pp. 200-224 Cueto Vallverdú, Natalia e Mª Jesús López Bobo (2003): La interjección. Semántica y pragmática. Madrid: Arco Libro.
51 Diewald, Gabriele (2002): “A model for relevant types of contexts in grammaticalization”, en Gabriele Diewald e Ilse Wischer (eds.), New reflections on grammaticalization, pp. 103– 120. Amsterdam / Philadelphia: John Benjamins. Escandell, Mª Victoria (1996): Introducción a la pragmática. Barcelona: Ariel. Ferreiro, Manuel (1995): Gramática histórica galega. I. Fonética e morfosintaxe. Santiago de Compostela: Laiovento [Cito pola 4ª ed., 1999] Fraser, Bruce (1999): “What are discourse markers?”, Journal of Pragmatics 31, pp. 931-952 Recuperado de: <https://pdfs.semanticscholar.org/df4b/4b4f9a41fced680c30e06dd9db3aff603b2b.pdf > [Consultado o 03/06/2017] Freixeiro Mato, Xosé Ramón (2002): Gramática da lingua galega. II. Morfosintaxe. Vigo: A Nosa Terra. Freixeiro Mato, Xosé Ramón (2005): Os marcadores discursivos. Conectores contraargumentativos no galego escrito. Monografía 3 da Revista Galega de Filoloxía. A Coruña: Área de Filoloxías Galega e Portuguesa da Universidade da Coruña. Freixeiro Mato, Xosé Ramón (2016): “Tipos de marcadores discursivos no galego oral e escrito”, Revista Galega de Filoloxía 17, pp. 77-118 Fuentes Rodríguez, Catalina (1998): “Vamos: un conector coloquial de gran complejidad” en Mª Antonia Martín Zorraquino e Estrella Montolío Durán (coords.) Los marcadores del discurso. Teoría y análisis. Madrid: Arco/Libros. García, Constantino (1960): Contribución a la historia de los conceptos gramaticales. La aportación del Brocense en Anexo LXXI da Revista de Filología Española. Madrid: Consejo Superior de Investigaciones Científicas. Goffman, Erving (1981): Forms of talk. Philadelphia: University of Pennsylvania Press.
52 Grice, Herbert Paul (1975): “Logic and conversation” en Peter Cole e Jerry L. Morgan (eds.) Syntax and semantics 3: Speech Arts. Recuperado de <http://www.ucl.ac.uk/ls/studypacks/Grice-Logic.pdf > [Consultado o 24/05/2017] Heine, Bernd et al. (1991): Grammaticalization: a conceptual framework. Chicago: University of Chicago Press. Jakobson, Roman (1984): Ensayos de lingüística general. Barcelona: Ariel. Kuryłowicz, Jerzy (1964): The inflectional categories of Indo-European. Heidelberg: Carl Winter Universitätsverlag. López Bobo, Mª Jesús (2002): La interjección. Aspectos gramaticales. Madrid: Arco. Martín Zorraquino, Mª Antonia (1998): “Los marcadores del discurso desde el punto de vista gramatical” en Mª Antonia Martín Zorraquino e Estrella Montolío Durán (coords.) Los marcadores del discurso. Teoría y análisis. Madrid: Arco/Libros. Martín Zorraquino, Mª Antonia e José Portolés (1999): “Los marcadores del discurso” en Ignacio Bosque e Violeta Demonte (coord.) Gramática descriptiva de la lengua española, vol.3. pp. 4051-4213. Madrid: Espasa. Meillet, Antoine (1912/1965): “L’evolution des formes grammaticales” en Linguistique historique et linguistique générale, pp. 130-149. Paris: Edouard Champion. Morimoto, Yuko (2001). Los verbos de movimiento. Madrid: Visor Libros. Muller, Max (1866). Lectures on the science of language. London: Longmans Green. Penny, Ralph (1991): A history of the Spanish language. Cambridge: Cambridge University Press. Portolés, José (2014): Marcadores del discurso. Barcelona: Ariel. Real Academia Española (2009): Nueva gramática de la lengua española. II. Sintaxis. Madrid: Espasa Libros.
53 Reyes, Graciela (2011). El abecé de la pragmática. Madrid: Arco Libros. Rodríguez Ponce, Mª Isabel (2005): La interjección y sus clases. Liceu. Biblioteca Virtual de recursos electrónicos de Humanidades. <http://aprende.liceus.com/lengua-espanola/> [Consultado o 14/04/2017] Ruiz Gurillo, Leonor (2010): “Las marcas discursivas de la ironía” en José Luís Cifuentes et al: Los caminos de la lengua. Estudios en homenaje a Enrique Alcaraz Varó. Alicante: Servicio de Publicaciones de la Universidad de Alicante <https://rua.ua.es/dspace/bitstream/10045/24054/1/2010_Leonor_Ruiz_UA.pdf> [Consultado o 02/06/2017] Sánchez Rei, Xosé Manuel (2008): “Vés ao cinema hoxe? Bueno, veña, vale. Igual non” en LongaLingua, 13, pp. 40-41 Schiffrin, Deborah (1987): Discourse markers. Cambridge: Cambridge University Press Soriano, Cristina (2012): “La metáfora conceptual” en Iraide Ibarretxe e Javier Valenzuela (eds.), Lingüística cognitiva, pp. 97-121. Barcelona: Anthropos. Talmy, Leonard (2007): “Lexical Typologies” en Timothy Shopen (ed.), Language typology and syntactic description, vol. III, pp. 66-168. Cambridge: Cambridge University Press. Tanghe, Sanne (2013): “El cómo y el porqué de las interjecciones derivadas de los verbos de movimiento” Zeitschrift fur romanische Philologie 129(2). pp. 383-412. <https://biblio.ugent.be/publication/2029988> [Consultado o 18/05/2017] Tanghe, Sanne (2016): Marcadores derivados de verbos de movimiento. Una aproximación cognitiva a su polifuncionalidad. Berlín: De Gruyter. Traugott, Elizabeth Closs (1982): “From propositional to textual and expressive meanings: some semantic-pragmatic aspects of grammaticalizacion” en Winfred Philip Lehmann e Yakov Malkiel (eds.) Perspectives on historical linguistics, pp. 245-271. Amsterdam/Philadelphia: John Benjamins.
54 Traugott, Elizabeth Closs (2010): “(Inter)subjectivity and (inter)subjectification: A reassessment” en Hubert Cuyckens, Kristin Davidse and Lieven Vandelanotte (eds), Subjectification, intersubjectification and grammaticalization. pp. 29-72 Berlin: Mouton de Gruyter. Traugott, Elizabeth Closs e Graeme Trousdale (2013): Constructionalization and constructional changes. Oxford: Oxford University Press. Vázquez Veiga, Nancy (2003). Marcadores discursivos de recepción. Santiago de Compostela : Universidade de Santiago de Compostela, Servicio de Publicacións e Intercambio Científico. Wharton, Tim (2009): Pragmatics and non-verbal communication. Cambridge: Cambridge University Press. Recursos en rede CORGA= Rojo, Guillermo et al. Corpus de Referencia do Galego Actual [1.7] Santiago de Compostela: Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades <http://corpus.cirp.es/corga> TILG= Santamarina, Antón (coord.) (2003-): Tesouro informatizado da lingua galega. Santiago de Compostela: Instituto da Lingua Galega- Universidade de Santiago de Compostela. <http://ilg.usc.es/TILG/> TMILG= Varela Barreiro, Xavier (dir.) (2004-): Tesouro Medieval Informatizado da Lingua Galega. Santiago de Compostela: Instituto da Lingua Galega. <http://ilg.usc.es/tmilg>