scieee AI-readable full text Open interactive document viewer

Cummings, poeta cinético

Acebo Bello, Héctor

Full text

EVOHÉ | 17 Cummings, poeta cinético por Héctor Acebo E. E. CUMMINGS; Lovers on the Beach Lee (a quen dá vida Barbara Hershey) chora ó ler, recostada na cama, un poema de E. E. Cummings. Dedicoullo —como mostra de amor— o seu cuñado Eric, ó que encarna Michael Caine. A escena pertence á longametraxe Hannah e as súas irmás (1986), de Woody Allen. Lémbrome daquela mañá en que Antonio Martínez Sarrión e eu tratabamos de lembrar, paseando polo Retiro madrileño, a referida composición de Cummings, exenta de título —como moitas outras súas—. Sorprendentemente, o poeta albaceteño e un servidor acabamos recitando ó unísono o verso final, que, mesmo traducido, soa delicioso: ninguén,nin sequera a choiva,ten unhas mans tan pequenas. Ten a poesía de Cummings un carácter cinematográfico? Desde logo, pero non tanto pola temática como pola maneira en que agroma todo o seu imaxinario; é dicir, os versos do estadounidense parecen encadrados e montados, posto que acoutan escenas e imaxes cinéticas a través da ollada: 18 | EVOHÉ O defunto Buffalo Bill montaba un semental prateado suave coma a agua e partía unhadúastrescatrocinco pombascomosenada Efectivamente, como ocorre noutros grandes poetas cincelados polas vangardas, a potencia de Cummings é tal que excede a linguaxe escrita. As interferencias da xerga rueira e de distintos campos artísticos (a comedia do music hall, o ballet, a pintura dadaísta e o rock, ademais do mencionado celuloide), unidas á experimentación verbal, provocan unha enorme tensión na súa dicción. Verbas a modo de imprevistos bicos. E de disparos. Como xa explicou algún crítico, moitos dos fraseos do creador americano — con palabras entrecortadas e un uso arbitrario, a miúdo desarticulador, dos signos de puntuación— poden resultar ilóxicos se non se len en voz alta. Por suposto, a subversión gramatical é lícita na poesía, pois este xénero de natureza fragmentaria réxese polo código rítmico, non polo lingüístico primario: (…) mentres tanto eu mesmo etcétera estaba tranquilamente tombado no profundo barro et cétera (soñando, et cétera,co Teu sorriso ollos xeonllos e co teu Etcétera) Autorretrato de Cummings EVOHÉ | 19 Do inconformismo tipográfico de e.e. cummings non se libra nin o seu propio nome, o cal nos libros aparecía así —en minúsculas e sen espazo entre as iniciais—, aínda que hai quen sostén que a decisión débese ós seus editores, nun intento de reflectir aquel transgresor estilo. En calquera caso, Cummings “era tan libre que a súa curiosidade parecía indecente”, como sentenciou o poeta Antonio M. Figueras, responsable —xunto ó seu colega Miguel Ángel Muñoz Sanjuán— da selección e edición de Buffalo Bill ha muerto (Hiperión, 1996), un espléndido florilexio do creador norteamericano traducido ó castelán por José Casas4. O atrevemento de Cummings é propio, xaora, do cativo que comeza a compoñer versos. Sempre crin que, mutatis mutandis, ó autor de Non grazas lle sentaría xenial aquela frase atribuída a Picasso: “Tardei catro anos en pintar coma un mestre e toda unha vida para pintar coma un neno”. A produción de Cummings oscila entre a crítica social, o amor e a morte. As súas sátiras posúen unha factura técnica impecable e gran intelixencia. Mesmo baixo a forma do soneto, recenden a un inconfundible aroma grecolatino e abordan os principais problemas do seu tempo (a I e a II Guerra Mundial, o totalitarismo soviético, a usura capitalista, a alienación…). Eses trazos satíricos compárteos co mozo Pound —voz cimeira da poesía contemporánea—, aínda que Cummings gusta máis de xogar coas cores da linguaxe, incluíndo aí a rima. Velaquí un dos famosos epigramas do noso protagonista: un político é un cu no que se sentou todo o mundo agás un home Por outra banda, é xusto recoñecelo, algúns dos poemas amatorios de Cummings saben doces en exceso, como aquel que empeza así: amor meu o teu cabelo é un reino cuxo rei é a escuridade a túa fronte é unha bandada de flores  4 Todas as citas de Cummings que aparecen neste artigo son traducións das correspondentes versións de Casas. 20 | EVOHÉ Pero moitos dos mellores momentos do autor de 1 x 1 conteñen á vez ironía, cinismo, romanticismo, tenrura infantil e erotismo: unha conxunción deliciosa, apreciable, por exemplo, no devandito texto da “etcétera”. Encántame o debuxo da portada de Buffalo Bill morreu: o público dunha sala cinematográfica contemplando un fermoso rostro feminino en primeiro plano. Velaí un acaído xeito de reflectir a concepción visual da lírica de Cummings, o seu sabor cinético… Ocórreseme outra posible imaxe para representar a súa poesía: unha sensitiva rapariga saíndo —indiferente e magnífica— do río. A auga iluminaría a súa ollada soñadora e apertaría estreitamente as braguiñas, realzando así a tersura das súas nádegas e as curvas das súas cadeiras, que un querería cinguir con loureiro. Esa escena expresaría, obviamente, a tirante dicción do estadounidense, cante ou non o gozo dunha pel transcendente. (…) a miña rapaza é alta e maciza,de pernas delgadas semellantes a unha enredadeira que pasou toda a vida no muro dun xardín, e vai morrer. Cando tristes ímonos á cama con esas pernas empeza a empuxar e a enroscarse en min,e a bicar a miña face e a miña cabeza. É como se Cummings, para non apagar o lume da súa mirada, só se permitise parpadear ó encadear unha escena con outra…