Discurso do Reitor da Universidade de Santiago de Compostela don Antonio López Díaz no Acto Académico de Apertura do curso 2022-2023
Full text
1 DISCURSO DO REITOR – Antonio López Díaz APERTURA DO CURSO 2022-2023 Pazo de Fonseca – 09.09.2022 – 12.00 h Presidente da Xunta, Reitor da UDC, Reitor da Uvigo; Presidenta do Consello Social da USC, Pte Consello Social UVIGO Reitor da Universidade Intercontinental de la Empresa. Presidente do Parlamento, Alcalde de Compostela, Alcaldesa de Lugo, Conselleiro de Cultura,Educación, Formación Profesional e Universidades Secretaria Xeral, Prof. Bermejo Barrera, Membros dos equipo de goberno das universidades. Pro-Reitora da UTAD Valedores da Comunidade Universitaria, de Santiago e A Coruña, Ex reitores Pajares, , Villanueva, Barro, Casares, Viaño, da USC Barja e Armesto, Docampo Amoedo da UVIGO Decanas e Decanos, Directoras e Directores de Departamentos Xefe da Forza Loxística Operativa. Membros da Mesa do Parlamento, Voceiros dos grupos socialista e do BNG, Presidenta do Consello da Cultura, Consello Consultivo, Valedora do pobo, Presidente da Deputación de Lugo, Arcebispo de Santiago
2 Secretario Xeral de Universidades Xerenta do SERGAS Directores Xerais e Delegados Territoriais en Coruña e Lugo. Subdelegada do Goberno. Membros das forzas e corpos de seguridade Profesorado, persoal de administración e servizos, estudantes, donas e señores. Hai tres anos, o 6 de setembro de 2019, inaugurabamos, tamén desde Compostela, o curso universitario en Galicia. Naquela cerimonia repasabamos algúns dos retos que o sistema universitario público tiña por diante para ese curso. Nin se nos ocorría pensar que un virus puidera desencadear unha pandemia global que nos obrigara a tapar a boca, distanciarnos dos nosos conxéneres e mesmo a confinarnos nas nosas casas baixo unha declaración de estado de alarma, afectando a toda a nosa actividade, tamén a docente e investigadora, e obrigándonos a unha implantación acelerada de solucións non presenciais, tanto para a docencia como para a avaliación. Foi necesario que pasaran dous anos e medio para recuperar a normalidade e poder programar un novo curso sen esa previsión de escenarios diferentes adaptados á evolución da pandemia, de xeito que hoxe
3 inauguramos este curso 2022-2023, sabendo que o virus segue aínda entre nosoutros pero coa tranquilidade de que a ciencia, a través das vacinas e de novos recursos terapéuticos nos permiten recuperar a normalidade dende o punto de vista das restricións sanitarias, volvendo ao que era a vida universitaria antes do 14 de marzo de 2020. Superamos así a excepcionalidade da pandemia, pero dende o 24 de febreiro deste ano vivimos nun escenario de conflitos xeopolíticos, cunha guerra no leste da vella Europa. A invasión de Ucraína desatou de novo os xinetes do apocalipse, e os catro cabalos, branco, vermello, negro e baio, volven a campar xerando dominación, guerra, fame e morte, con repercusións a escala mundial para a vida das persoas, e para o funcionamento das institucións, encadeando así 12 anos de crises de diferente natureza, e debuxando un escenario futuro pragado de incertezas. Afrontamos estes novos desafíos dende unha institución, a universitaria, cinco veces centenaria en Galicia. Cúmprense 500 anos dende que en 1522 Alonso III de Fonseca e Ulloa creara o Colexio de Santiago o Maior, inicialmente no edificio do vello hospital asentado no solar que actualmente ocupa San Martiño Pinario. Pero nese mesmo ano consta o inicio das obras para a construción deste
4 pazo no que nos atopamos, que serviu ininterrompidamente de sede da Universidade e que hoxe, 5 séculos despois, loce todo o seu esplendor logo das tarefas de limpeza e restauración que puidemos levar a cabo grazas ao xeneroso soporte financeiro da Vicepresidencia da Xunta da que vostede, Sr. Presidente, era titular antes de asumir as súas actuais responsabilidades. Grazas, Sr. Presidente. Tanto a Universidade como a memoria de Fonseca merecíano. Esta longa historia suscítanos seguridade e esperanza, particularmente en tempos de dificultades, porque algo hai de milagroso en que estas modestas institucións universitarias, nadas no medievo, se perpetuasen, e seguramente ten que ver co feito de que ensinar e aprender, como a vida que se renova xeración tras xeración, non consenten fin no tempo. Celebramos tamén este ano o centenario da creación, o 20 de xuño de 1922, das Facultades de Ciencias e de Filosofía e Letras, que, de xeito definitivo dende entón, e logo dos agromos e desaparicións do século XIX, consolidaron o ensino destes saberes na nosa Universidade dende entón. No caso da Universidade de Santiago, a sección de Historia e a Sección de Química representan os antecedentes das actuais Facultades de Química e de Xeografía e Historia que se conectan con esa tradición. A quenda rotatoria de participación dos nosos centros neste solemne acto de apertura do curso, asumindo a impartición da lección inaugural,
5 determinou en gozosa coincidencia que correspondese este privilexio precisamente a unha das que celebran o seu centenario: a Facultade de Xeografía e Historia. Por esta razón, e pola rigorosa quenda que marca o reloxo do tempo, vimos de escoitar a lección maxistral do Prof. Bermejo Barrera, sobre información, comunicación e Historia. Tal e como nos ten acostumados, acaba de transmitirnos unha moi atinada reflexión sobre o papel das humanidades, nun periplo que vai dende o mundo da oralidade, previo á creación da escritura, ata este mundo noso de comunicación dixital, partindo dunha premisa básica como é a unidade esencial do coñecemento e dos coñecementos. Eu resaltaría precisamente o papel que se reivindica para as humanidades fronte a algúns dos mitos do noso tempo: ensinar a cada cidadán a crear os seus propios patróns de selección e comprensión da información; aportar valores morais e sociais fronte a unha pretendida racionalidade do mercado, e disipar a idea do coñecemento concluso resaltando a capacidade individual de percibir, pensar e argumentar. Non é pequeno o reto que as Universidades temos para facer realidade este papel nun mundo tan cambiante, e nun contexto difícil como o que nos toca afrontar. Se agora voltamos a mirada ao presente, este curso 2022/2023, que hoxe inauguramos solemnemente, preséntase con novidades e retos importantes, pero non exento de incertezas.
6 Entre as novidades cabe salientar que bota a andar a Universidad Intercontinental de la Empresa, a primeira universidade privada de Galicia. As tres universidades públicas, Santiago, A Coruña e Vigo, que arrancando dese tronco común de máis de 500 anos, conformamos o sistema universitario público galego, fixemos constar no seu momento os argumentos e posicionámonos a prol da defensa dun sistema público e das súas capacidades para dar resposta ás necesidades de formación, investigación e difusión da cultura e do coñecemento no noso país. Unha vez que o Parlamento de Galicia decidiu a creación da Universidade Intercontinental de la Empresa, non podemos menos que darlle a benvida ao Sistema Universitario Galego e ofrecer toda a colaboración institucional precisa para mellorar o servizo que prestamos atendendo ás demandas do país, tanto na formación, como na investigación e na xeración e transmisión de coñecemento e cultura. E ademais farémolo sendo moi conscientes de que como Universidades públicas, ademais desas funcións propia das institucións de ensino superior, temos outra misión esencial, como é a de garantir a igualdade de oportunidades de todos os cidadáns no acceso á formación superior. Temos que asegurar que calquera dos nosos cidadáns poida acadar a formación e os resultados acordes coas súas capacidades, con independencia de cal sexa a súa condición social, económica, familiar etc. E para iso, entre todas as
7 entidades públicas implicadas, e cada unha dentro do ámbito das súas responsabilidades, hai que prever o sistema de axudas e servizos que fagan posible que siga funcionando como ese ascensor social esencial para conseguir unha sociedade máis igualitaria. Neste sentido podemos dicir con orgullo, que aínda que nin en España nin en Galicia temos Universidades situadas entre as 100 primeiras do ranking de Shanghai, si temos 40 universidades (39 delas públicas (un 80 % do total de universidades públicas do Estado) entre as 1000 primeiras, o que fala dun moi bo sistema universitario público. Deste xeito, as posibilidades de que un estudante español poida formarse nunha das 1000 mellores universidades é inmensamente superior, por exemplo, ás posibilidades dun estadounidense. É novidade tamén neste curso 2022/2023 a implantación de novos títulos. Permítanme salientar o grao interuniversitario en Intelixencia Artificial, que vai permitir que 150 estudantes se inicien nestes estudos que, xuntamente coa posta en marcha dun Master tamén universitario, pretende dar resposta á necesidade de formación neste ámbito. Tamén son novos os Graos en Relacións internacionais (interuniversitario entre A Coruña e Vigo) e o de Xestión de Empresas Hostaleiras da USC , impartido polo centro adscrito Superior de Hostalaría. Gustaríame salientar a capacidade das Universidades, de acordo coa Consellería, para, a pesar dos lexítimos
8 intereses propios, poder artellar solucións compartidas e colaborativas para ofrecer a mellor solución para o que demandan os nosos estudantes, e tamén o tecido produtivo e a sociedade en xeral. Esta oferta de graos compleméntase tamén coa posta en marcha de 10 novos másteres, moitos deles tamén universitarios. Esta aposta por adecuar a oferta formativa a unha evolución do coñecemento meteórica e á conseguinte variación das demandas sociais non remata aquí, senón que ten que ser unha tarefa que nos ocupe neste curso e eu diría que de xeito permanente. Esa análise constante do mapa de titulacións, tanto das titulacións que xa temos implantadas, pero que poidan perder interese, como das que non forman aínda parte do catálogo en Galicia, vainos requirir a todos os implicados altura de miras e visión estratéxica como sistema universitario. Ao mesmo tempo, vai ser tamén o momento de traballar no deseño e implantación de novas modalidades de títulos, de acordo co previsto no novo Decreto e, no seu caso, no que poida resultar da futura aprobación da LOSUE. Refírome en particular aos títulos duais, que xa teñen demostrado a súa utilidade, tanto dende o punto de vista formativo como de empregabilidade, na formación profesional, a concreción da non presencialidade ou semipresencialidade naqueles títulos definidos como
9 tales, así como o recoñecemento da formación de máis curta duración coñecidos como microcredenciais. Nun momento en que a evolución demográfica non fai pensar nun incremento de estudantado en idade tipicamente universitaria, é preciso utilizar todas as nosas capacidades para a introducción destas novas modalidades formativas, ampliando o rango da idade dos universitarios. E, ao mesmo tempo, temos que apostar pola atracción de estudantado internacional, aspecto este moi afectado polas restricións da COVID-19. Tamén neste ámbito temos por diante a celebración en Compostela do II Cumio académico e do coñecemento como punto de encontro entre a UE e LAC en materia de ensino universitario, auspiciado pola Secretaría General Iberoamericana e co patrocinio da Xunta de Galicia. Esta xuntanza, que non puido celebrarse en 2020 por mor da pandemia, debe ser unha magnífica ocasión para que as Universidades galegas reforcen ese papel de punto de conexión entre Europa e Iberoamérica sobre o que debe pivotar unha liña estratéxica da nosa internacionalización. Se ata aquí falamos de novidades, este curso preséntanos tamén retos importantes. Por unha banda, teremos que proseguir coa adaptación da Universidade á reforma laboral, acordada a finais de 2021, e aos cambios introducidos pola modificación da Lei da Ciencia, que ven de entrar en vigor antonte, 7 de setembro. Podemos dicir que o cambio máis transcendental