Como é que non hai un dereito humano á túa cultura propia?
Full text
COMO É QUE NON HAI UN DEREITO HUMANO Á TÚA CULTURA PROPIA? Bartolomé Clavero Universidad de Sevilla
95 Despexemos antes de máis un equívoco ao que se presta a palabra «cultura». O seu sentido é polo menos duplo, un primario e outro suplementario. O primeiro fai referencia a habilidades básicas e o segundo a destrezas adquiridas. Desde a perspectiva dunha cultura neste segundo sentido, a cultura do dereito, vou ocuparme da cultura no primeiro sentido, da cultura que adquirimos con só nacermos e criármonos nun determinado medio humano, no medio particular onde nos facemos individuos e nos capacitamos como persoas. Todos os seres humanos nos socializamos nunha cultura particular, nunha de tantas culturas que existen no seo da humanidade. Aínda máis. Todos os seres humanos nos individuamos, nos facemos individuos, seres individuais, grazas a unha cultura en particular e non a algunha de alcance universal, non a algunha improbable cultura que sexa compartida por toda a humanidade. Así, grazas a unha cultura particular, é como nos capacitamos como persoas. Todos os seres humanos o somos, chegamos a selo, pola cultura en que nacemos e con que nos criamos. Entre os mamíferos, bardante se acaso os marsupiais, os humanos somos os animais máis incapaces e máis dependentes ao nacemento. Somos tamén os que, entre todo o resto dos seres animados, nacemos cun maior potencial de capacitación e independencia, de sermos individuos con entidade propia. Non a temos de nacemento, senón que a logramos grazas á cultura particular que nos «individúa» e socializa. Grazas a ela, podemos capacitarnos e independizarnos, conseguir esta capacidade e esta independencia tanto como para nos apropiarmos doutras culturas particulares ou mesmo para optarmos entre elas, entre culturas varias, ou tamén para as acumularmos, no planeamento e desenvolvemento dos nosos proxectos de vida. Se o facemos de forma voluntaria e non por obriga de adopción e substitución, a base sempre a ofrece a cultura particular pola que nos individuamos e nos capacitamos. Insisto en que despexemos de inicio o equívoco do duplo sentido de «cultura» polo menos nos medios dunhas linguas de matriz europea. A cultura á que aquí
Bartolomé Clavero 96 me refiro como obxecto de dereito non é unha exclusiva de ninguén, de aquelas nin de aqueles que se consideran cultas e cultos. Todas e todos nacemos, todas e todos nos individuamos, todas e todos nos socializamos, nunha cultura determinada, nunha cultura con valor para o seu medio con miras a tales efectos de individuación e socialización. Cultas e cultos somos todas e todos. Dito doutro xeito, cando se fala de cultura para tal propósito básico de individuación e socialización, non hai medios cultos e medios incultos, humanidade civilizada e humanidade incivilizada. As civilizacións mesmas son ao cabo culturas que, porque se expandiron a custa doutras, se cren superiores ou exclusivas. Normalmente, na linguaxe xurídica predominante, adoita tomarse o concep- to de cultura como obxecto de dereito no sentido menos básico, o de habilidades engadidas e destrezas suplementarias que se adquiren mediante a instrución programada e o traballo deliberado. Hai un abano que vai da artificialidade dunhas artes á utilidade dunhas ciencias que, así, adoita identificarse co obxecto propio dun dereito á cultura. Desta maneira, vén falarse do acceso a ela e aos seus beneficios. É expresión que non ten sentido cando nos referimos á cultura como a básica para a individuación e socialización dos seres humanos. Ela fai referencia a algo máis elemental e a algo, así, tamén máis xeneralizado. Non hai acceso ao beneficio da cultura en tal sentido básico, pois todos e todas, por existirmos e nos desenvolvermos, xa accedemos polo menos a unha, a que nos fixo individuos e nos capacitou como persoas. Con este preámbulo, con este mero recordatorio de pura evidencia, poderiamos pensar que o dereito á cultura así identificada, a de valor primario, constitúe o primeiro entre todos os dereitos humanos. Cabe dicirse, abofé, que o é, en troques, o dereito á vida e a unha vida digna, conforme a dignidade que merece todo ser humano; non só, así, á existencia física, sen o cal non hai posibilidade doutro dereito ningún minimamente efectivo, senón tamén a unha vida humana digna, mais nesta dignidade xa entraría o dereito á propia cultura. Se reducimos o dereito á vida ao seu sentido máis estrito de existencia física, non constitúe un primeiro dereito entre outros dereitos humanos, pois resulta dun principio intransitivo para a orde política e xurídica, para o dereito no seu alcance de ordenamento social. Non o predica necesariamente que se basee en dereitos, pois cabe soster que un réxime autoritario ou relixioso, sen garantía para os dereitos humanos, pode ser o máis efectivo para asegurar a vida física. Só se
COMO É QUE NON HAI UN DEREITO HUMANO Á TÚA CULTURA PROPIA? 97 engadimos o requirimento da súa dignidade, dunha dignidade que comprende o respecto á cultura propia, teriamos unhas bases transitivas para unha orde social de dereitos humanos. Por isto digo que o primeiro entre outros dereitos humanos é o dereito á cultura particular en que nos individuamos e nos socializamos ou á que optemos libremente. O dereito á vida impón, por si, uns deberes morais, e de certo ben fortes, de respecto ao individuo, mais non establece unhas pautas estritamente xurídicas que atinxan á orde social. Unhas normas deste xénero non se derivan do dereito estrito á vida. El non predica nada verbo de como deba organizarse a sociedade. Senta unhas regras morais verbo do ordenamento xurídico. Di que non o é, que non é dereito lexítimo, o que non parta do respecto á vida humana ou o que poña por si mesmo en xogo medios para a destruír ou para a degradar. O dereito á cultura propia engade, en troques, algo en termos xa construtivos. Conforme un tal dereito á cultura propia, o ordenamento xurídico debe servir antes de máis para o ser humano poder gozar pacificamente daquela en que se individúa e se socializa; para el non se ver obrigado a adoptar outra en detrimento da súa de nacemento. O cal de inmediato significa que o grupo humano identificado coa cultura propia debe gozar de recoñecemento e de condicións para poder reproducirse baixo o signo da paz e a convivencia entre culturas; para que poida desenvolverse nun ámbito suficiente de autonomía social ou autogoberno político. Xa se están así a definir as bases non só para unha dimensión individual do dereito, o dereito á cultura propia, senón tamén para unha dimensión colectiva, para estoutra cara necesaria do mesmo dereito, o dereito do grupo á reprodución pacífica da súa cultura, a contar cos medios, ou dígase, se se prefire, cos poderes, para a dita vida social, non só individual, en paz. Por isto resulta que o dereito á cultura representa un primeiro dereito, un primeiro de alcance constituínte para a orde social. É o que serve para identificar non só os suxeitos individuais, senón tamén uns primeiros suxeitos colectivos do ordenamento social. Digamos daquela que, se o dereito individual á cultura propia é o primeiro dereito constituínte, as culturas sociais deben contar coa posibilidade de seren «constituencias» políticas ou formaren algún tipo de corpo político por si mesmas e en relación con outras. No entanto, resulta que esta non é a visión da orde internacional dos dereitos humanos, pois non ten o dereito á cultura propia como primeiro dereito nin no seu duplo alcance, o individual e o colectivo, nin en ningún deles por separado,
Bartolomé Clavero 98 nin como dereito básico do individuo nin como principio constituínte da comunidade. Non se entende como comprendido no dereito a unha vida digna, a unha mínima dignidade humana. Cun carácter xeral, un tal dereito bivalente á cultura propia nin sequera se concibe como tal. Mírese a despregadura normativa dos dereitos humanos desde a Declaración Universal, hai xa máis de medio século, desde 1948. Non se atopará formulado tal dereito á cultura propia como dereito humano de alcance xeral, universal, nin na Declaración que se proclama tal, universal, nin en toda a nutrida normativa que a desenvolve por impulso de Nacións Unidas. Non figura como tal, como dereito de alcance xeral, nos corpos fundamentais desta orde internacional de dereitos humanos, no par de Pactos Internacionais de 1966, nin no de Dereitos Civís e Políticos nin no de Dereitos Económicos, Sociais e Culturais. No corpo normativo dos dereitos humanos rexístranse dereitos culturais, mais comécese por observar que o seu lugar é postremeiro. Na mesma Declaración Universal aparecían nun momento avanzado. A literatura xurídica adoita presentar os dereitos mesmos, os humanos ou os constitucionais que equivalen, nunha orde de xeracións conforme a cal unha primeira xeración a formarían os dereitos de carácter individual e unha segunda, os dereitos políticos e sociais de alcance colectivo, mais de titularidade aínda individual, como os de asociación, ficando para a terceira os dereitos culturais, canda outros de orixe prestacional e os de carácter estritamente colectivo, os de alcance constituínte. A composición é tópica. Tal é a orde que garda a secuencia dos Pactos Internacionais de Dereitos Civís, Políticos, Económicos, Sociais e Culturais, mesmo sen chegar aínda ao último paso, o do dereito colectivo constituínte. O dereito á cultura concíbese como dereito de xeración última e non primeira porque se entende que fai referencia á capacitación suplementaria, non á individuación e socialización básicas nin á súa dimensión colectiva constituínte. Por isto se atopa substancialmente entre os dereitos de prestación. O problema non é entón de postergación, senón de suplantación. Non se trata do mesmo dereito situado en distinta posición. En tal concepción, os dereitos culturais de xeración postremeira cancelan o dereito primario á cultura propia. Poden facelo se os axentes políticos, relixiosos ou sociais que se fan cargo da prestación do dereito á capacitación suplementaria non pertencen á mesma cultura básica que nos habilita ou non a recoñecen nin respectan. É o que adoita ocorrer cos axentes principais para a garantía dos dereitos humanos segundo a propia orde interna-
COMO É QUE NON HAI UN DEREITO HUMANO Á TÚA CULTURA PROPIA? 99 cional, os Estados, remitentes e destinatarios a un tempo do corpo normativo de Nacións Unidas. Se o Estado sintoniza ou mesmo se identifica cunha cultura distinta á nativa do individuo, o seu entendemento e a implantación de políticas que satisfagan dereitos culturais resultan lesivos do dereito á cultura propia. A presunta satisfacción dun dereito, daquela, realmente o conculca. Non poño, xaora, en cuestión o interese humano, dereito incluso, de acceso a outras culturas, senón o efecto que se produce cando vira en prestación de Estado ou requirimento de cidadanía en medios multiculturais, o cal é a regra e non a excepción. A construción de cidadanía mediante a comunicación de cultura é emprendida polo Estado para participar duns dereitos e os garantir para si, mentres que son experimentados por individuos e grupos doutra cultura como vulneración do dereito propio. A situación máis claramente se produce respecto a sectores indíxenas, isto é, anteriores á existencia do propio Estado no mesmo territorio. Con todo, o efecto dunhas políticas estatais de promoción de dereitos culturais resulta impeditivo e conculcatorio do dereito humano máis estrito á cultura. Impedimento prodúcese polo ofrecemento de cultura como acceso a cidadanía de Estado; conculcación, por se impor como obriga. Na formulación orixinal, en 1948, do dereito internacional aos dereitos humanos había algunha que outra cousa máis en dirección tanto favorable como desfavorable para os dereitos humanos en xeral e o dereito á cultura propia en particular. Por unha banda, a menos favorable, lembremos que a posición por entón dos dereitos todos, mesmo coa Declaración Universal, non era moi relevante ou non era o relevante que será logo. O organigrama de Nacións Unidas que durou ata este último ano, o 2006, situaba o organismo que se ocupaba dos dereitos baixo doutro que se entendía de economía e sociedade. A Comisión de Dereitos Humanos era subsidiaria do Consello Económico e Social. O organigrama respondía a formulacións de fondo comúns aos Estados capitalistas e socialistas que concorreron á fundación de Nacións Unidas. Uns como outros tiñan os dereitos como o propio dun estadio ulterior á afluencia económica e á homoxeneidade social de cidadanía, para cando estivesen máis ou menos artelladas ambas, a economía e a sociedade, nun Estado. Sendo o un e o outro, o económico e o social, factores de construción da cidadanía de Estado que había de participar dos dereitos e garantilos, dificilmente podía terse en consideración un dereito que daquela, vistas así as cousas, viña interpoñerse, o dereito á cultura propia.
Bartolomé Clavero 100 Había outra parte, de signo esta menos desfavorable. Pese a todo, entre tamañas dificultades, a importancia da cultura propia non escapaba á Declaración Universal dos Dereitos Humanos. Ela responde ao paradigma das xeracións de dereitos cos dereitos culturais practicamente á cola. O dereito á cultura que rexistra como dereito humano é o que mira para o acceso a habilidades suplementarias e non á capacitación básica na propia cultura de nacemento e crianza. Por iso é polo que figura en posición postremeira. Porén, na mesma Declaración Universal a evidencia de que a cultura particular resulta clave para o individuo aparece na forma de constatación de feito para a fundamentación de deber, non de dereito: «Toda persoa ten deberes respecto á comunidade, xa que só nela pode desenvolver libre e plenamente a súa personalidade» (art. 29.1). En todo caso, é un recoñecemento. Se entendésemos que «comunidade» era só un eufemismo por «Estado», só no cal e polo cal entón podería darse o libre e pleno desenvolvemento da personalidade do individuo, a Declaración Universal dos Dereitos Humanos resultaría totalitaria. Non esquezamos que ela se produciu nuns tempos aínda plenamente coloniais e que nela non se contén ningún recoñecemen- to do dereito de libre determinación dos pobos. O seu pronunciamento de que «só nela [na comunidade] pode desenvolver libre e plenamente a súa personalidade» cadaquén é un augurio do futuro, hoxe en algo presente, que agora imos ver. Por aqueles comezos da orde internacional dos dereitos humanos, había aínda algún outro indicio de recoñecemento da importancia da cultura propia, algún realmente elocuente. Practicamente coetánea da Declaración Universal dos Dereitos Humanos, precedéndoa en realidade por un día, é a Convención para a Prevención e a Sanción do Delito de Xenocidio. Para ela é xenocidio calquera «acto perpetrado coa intención de destruír, total ou parcialmente, un grupo nacional, étnico, racial ou relixioso», non só directamente mediante morte masiva, senón tamén por medios indirectos como, por exemplo, «traslado pola forza de nenos do grupo a outro grupo» (art. 2). Se a transferencia forzada de infancia ten un efecto xenocida non é porque as persoas perezan, senón porque a cultura distintiva do grupo dese xeito se extingue. É o que se persegue, pois consta a súa importancia para a propia existencia do grupo humano. Isto estaba ben claro no proxecto da Convención e aplicábase ademais sen restrición á infancia, mais diluíuse na versión final. Conspiraron para este efecto, pensando nas súas políticas de extinción de culturas indíxenas, os Estados de América, que constituían o
COMO É QUE NON HAI UN DEREITO HUMANO Á TÚA CULTURA PROPIA? 101 grupo continental maioritario dos Estados fundadores de Nacións Unidas (vinte e dous entre cincuenta ou, en 1948, cincuenta e sete, mentres que hoxe se van achegando aos dous centenares). Conforme a Declaración Universal dos Dereitos Humanos e ao abeiro da Convención paralela sobre o Delito de Xenocidio, antes de se iniciar a evolución que agora veremos, o que era xenocida se se aplicaba á infancia podería ser lexítimo se se facía con xente adulta. Os Estados poden e adoitan identificarse cunha cultura non compartida por toda a súa cidadanía ou, aínda menos, por toda a poboación á que atinxe, sobre todo isto, mais non exclusivamente, por tempos e en latitudes coloniais. As políticas de imposición da propia cultura podían os Estados entendelas como formas de integrar na cidadanía ou de preparar para ela, e así sempre como requisito para o exercicio e garantía dos dereitos humanos. Con todas as súas implicacións xenocidas, a construción de cidadanía pode producir os mesmos efectos extintivos de culturas ca o secuestro de infancia. A tipificación como xenocidio do traslado forzoso de infancia constituía unha punta do iceberg na propia Convención. Era o único caso remanente dun proxec- to que sumaba o xenocidio de cultura ao de poboación. Canda o «traslado por forza de nenos do grupo a outro grupo» relacionábanse como casos igualmente tipificados do delito de xenocidio o «exilio sistemático de persoas representativas da cultura dun grupo», a «prohibición do emprego da lingua nacional incluso en comunicacións privadas», a «destrución de libros» ou de «obras relixiosas» ou a «prohibición de novas publicacións» na «lingua nacional», a «destrución sistemática de monumentos históricos ou relixiosos» ou a súa «dedicación a usos que lles sexan estraños», e a «destrución ou dispersión de documentos e obxectos de valor artístico ou relixioso ou daqueles que, en todo caso, se destinen a culto». Só se mantivo o capítulo da infancia como testemuña dunha tipificación do xenocidio en defensa non só do dereito á vida, senón tamén á cultura. Se os Estados que por entón constituían as Nacións Unidas non estaban dispostos a aceptar a dita tipificación penal do xenocidio cultural, enténdese que non incluísen entre os dereitos humanos o dereito á cultura propia. A política daquela cualificable de xenocidio cultural cabe sen maior problema para o dereito internacional dos dereitos humanos na súa formulación de orixe, a de 1948, ou poida mesmo que sexa entendida á súa luz por parte dos Estados como a requirida e conveniente, pois así se formaría cidadanía con acceso á garantía
Bartolomé Clavero 108 Nota: Tense en libre acceso en Internet unha versión máis desenvolvida con rexistro de bibliografía: http://www.euskomedia.org/PDFAnlt/riev/47/47035062.pdf. DOCUMENTOS PRINCIPAIS Declaración Universal dos Dereitos Humanos Artigo 2: Toda persoa ten os dereitos e liberdades proclamados nesta Declaración, sen distinción ningunha de raza, cor, sexo, idioma, relixión, opinión política ou de calquera outra índole, orixe nacional ou social, posición económica, nacemento ou calquera outra condición. Ademais, non se fará ningunha distinción baseada na condición política, xurídica ou internacional do país ou territorio de cuxa xurisdición dependa unha persoa, tanto se se trata dun país independente como dun territorio baixo administración fiduciaria, non autónomo ou sometido a calquera outra limitación de soberanía. Artigo 27: 1. Toda persoa ten dereito a tomar parte libremente na vida cultural da comunidade, a gozar das artes e a participar no progreso científico e nos beneficios que del resulten. 2. Toda persoa ten dereito á protección dos intereses morais e materiais que lle correspondan por razóns das producións científicas, literarias ou artísticas das que sexa autora. Artigo 29.1: Toda persoa ten deberes respecto á comunidade, xa que só nela pode desenvolver libre e plenamente a súa personalidade. Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos Artigo 1.1: Todos os pobos teñen dereito á libre determinación. Ao abeiro deste dereito, establecen libremente a súa condición política e perseguen libremente o seu desenvolvemento económico, social e cultural. Nos Estados en que existan minorías étnicas, relixiosas ou lingüísticas, non se lles negará ás persoas que pertenzan ás ditas minorías o dereito que lles corresponde, en común cos demais membros do seu grupo, a teren a súa propia vida cultural, a profesaren e practicaren a súa propia relixión e a empregaren o seu propio idioma.
COMO É QUE NON HAI UN DEREITO HUMANO Á TÚA CULTURA PROPIA? 109 Pacto Internacional de Dereitos Económicos, Sociais e Culturais Artigo 15.1: Os Estados partes neste Pacto recoñecen o dereito de toda persoa a a)participar na vida cultural; b)gozar dos beneficios do progreso científico e das súas aplicacións; […]. Declaración de Dereitos dos Pobos Indíxenas Artigo 3: Os pobos indíxenas teñen dereito á libre determinación. Ao abeiro deste dereito, establecen libremente a súa condición política e perseguen libremente o seu desenvolvemento económico, social e cultural. Artigo 5: Os pobos indíxenas teñen dereito a conservar e reforzar as súas propias institucións políticas, xurídicas, económicas, sociais e culturais, mantendo á vez o seu dereito a participar plenamente, se o desexan, na vida política, económica, social e cultural do Estado. Artigo 8: 1. Os pobos e os individuos indíxenas teñen dereito a non ser sometidos a unha asimilación forzada nin á destrución da súa cultura […].