Acordo do Consello de Goberno do 28-10-2022, polo que se aproba o Regulamento de usos lingüísticos da USC
Full text
DULCE Mª GARCÍA MELLA, SECRETARIA XERAL DA UNIVERSIDADE DE SANTIAGO DE COMPOSTELA, CERTIFICA, antes da aprobación da acta correspondente, que o Consello de Goberno na sesión ordinaria que tivo lugar o día 28 de outubro de 2022 aprobou o Regulamento de usos lingüísticos da USC, nos termos do documento adxunto. E para que así conste, asino a presente certificación en Santiago de Compostela, co Vº e Prace do sr. reitor. Vº e prace O reitor Antonio López Díaz Documento asinado dixitalmente conforme a Lei 39/2015 de 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE nº 236 do 2 de outubro de 2015). Documento asinado dixitalmente e accesible en:/Documento firmado digitalmente y accesible en:/Digitally signed document with accessibility at: https://sede.usc.es/csv/2930-0BDD-4882-8920 Ver detalle da sinatura na derradeira páxina/Ver detalle de la firma en la última página/See detail of the signature on the last page CSV: 2930-0BDD-4882-8920 1 / 7
REGULAMENTO DE USOS LINGÜÍSTICOS DA UNIVERSIDADE DE SANTIAGO DE COMPOSTELA EXPOSICIÓN DE MOTIVOS O Regulamento de usos lingüísticos (RUL) da USC foi aprobado en 1993 e contribuíu de maneira notable á normalización do uso do galego nas comunicacións institucionais da nosa Universidade. Porén, no tempo transcorrido as circunstancias mudaron, especialmente, da man das novas tecnoloxías, da aparición de contextos multilingües e da internacionalización, que entraron transversalmente e a fondo en todas as estruturas universitarias, creando novos espazos de comunicación e novas necesidades que o RUL non consideraba. Ademais cómpre afondar no papel dinamizador no uso do galego que a USC, como institución pública, debe desenvolver. No Plan de Accións de Normalización lingüística 2020-2022, aprobado polo Claustro do 2 de decembro de 2020, recóllese como unha das accións para desenvolver a actualización do Regulamento de Usos Lingüísticos para ordenar nos diversos espazos comunicativos da USC o uso das linguas oficiais e doutros idiomas, conforme o establecido no marco xurídico xeral así como nos Estatutos da USC. Xa que logo, os obxectivos deste novo regulamento son asegurar o estatus de lingua propia do galego; garantir os dereitos lingüísticos de toda a comunidade universitaria e da cidadanía en xeral; e contribuír ao uso do galego en certos ámbitos en que carece dunha presenza equilibrada e á proxección internacional da nosa institución. Artigo 1. Ámbito obxectivo. O obxecto do presente regulamento consiste en disciplinar o uso das linguas, de forma oral e escrita, na USC. Artigo 2. Ámbito subxectivo. 1. O presente regulamento resulta de aplicación: a) Ás unidades que forman parte da estrutura organizativa da USC segundo o disposto nos títulos II e III dos seus Estatutos. b) Aos membros da comunidade universitaria: persoal docente e investigador, estudantado e persoal de administración e servizos. c) Ao sector público institucional da USC. 2. A USC, sempre que sexa posible, incluirá a esixencia do cumprimento polos seus contratistas das obrigas previstas neste regulamento nos pregos de condicións xerais daqueles contratos que teñan por obxecto a prestación de servizos aos membros da comunidade universitaria. 3. A USC proporá, cando sexa posible, o establecemento do galego como lingua propia nas normas fundacionais das entidades nas que participe e velará, no seu caso, por que nas actividades e relacións xurídicas que estableza sexan aplicados os principios deste regulamento. 4. A USC velará por que nas actividades e relacións xurídicas que estableza sexan aplicados os principios establecidos neste regulamento. Documento asinado dixitalmente e accesible en:/Documento firmado digitalmente y accesible en:/Digitally signed document with accessibility at: https://sede.usc.es/csv/2930-0BDD-4882-8920 Ver detalle da sinatura na derradeira páxina/Ver detalle de la firma en la última página/See detail of the signature on the last page CSV: 2930-0BDD-4882-8920 2 / 7
Artigo 3. As linguas na Universidade de Santiago de Compostela. 1. De acordo cos seus Estatutos, o galego, como lingua propia e oficial da Universidade de Santiago de Compostela (USC) será a lingua de comunicación por defecto na súa actividade institucional e administrativa, así como nos servizos que preste. Tamén terá carácter oficial o castelán, como lingua oficial do Estado. 2. A USC poderá utilizar outras linguas cando sexa preciso para a súa promoción e proxección internacional, de acordo con plans específicos aprobados polos órganos correspondentes. Artigo 4. Competencias en materia de normalización lingüística. 1. A responsabilidade institucional do cumprimento deste regulamento de usos lingüísticos, así como das accións de normalización lingüística en xeral, corresponde ao reitor ou reitora, quen poderá delegala no órgano de goberno que asuma a dirección da política lingüística da institución. 2. Para o seguimento, control e avaliación deste regulamento, e para a formulación das accións que favorezan o seu cumprimento, crearase unha comisión da que formarán parte: o reitor ou reitora, ou vicerreitor/a en quen delegue, o xerente/a, o secretario/a xeral, o valedor/ra e o director/ra do Servizo de Normalización Lingüística. A dita comisión reunirase, como mínimo, unha vez ao ano. Artigo 5. Linguas e imaxe institucional e corporativa. 1. A denominación da USC, Universidade de Santiago de Compostela, amosarase sempre en galego, sen prexuízo de que por mor da normativa de aplicación ou do interese xeral se poidan empregar outras linguas. 2. Os nomes oficiais das unidades e entidades que forman parte da estrutura organizativa da USC serán en galego e así constarán, de ser o caso, nos rexistros, inventarios ou bases de datos oficiais da USC en que poidan figurar. 3. Os rótulos, indicadores, letreiros, sinalización, tanto exteriores coma interiores, que identifiquen bens de propiedade ou produto da Universidade estarán en galego. Tamén o estarán a rotulación e os indicadores situados nas vías que dependen da Universidade. 4. Os sitios web da USC, os perfís oficiais nas redes sociais e calquera outra posibilidade de presenza na Rede, presentaranse nunha versión en lingua galega. 5. Utilizarase o enderezo usc.gal en todos os documentos e soportes institucionais. Artigo 6. Usos lingüísticos institucionais. 1. Nos actos académicos tanto da USC como dos diversos centros e, en xeral, nos actos públicos, a lingua que utilizarán os representantes institucionais da Universidade será o galego, sen excluír intervencións en castelán ou noutros idiomas se así o aconsella o protocolo ou as circunstancias. 2. Nas intervencións que realicen os representantes institucionais da USC diante dos medios de comunicación galegos, a lingua que utilizarán será o galego. Artigo 7. Usos lingüísticos académicos. 1. As denominacións dos estudos de grao, mestrado e doutoramento, e de calquera outra titulación que poida impartirse na USC, así como a denominación das materias que os compoñen serán en galego. Haberá unha tradución oficial destas denominacións, cando menos, aos idiomas castelán e inglés. Documento asinado dixitalmente e accesible en:/Documento firmado digitalmente y accesible en:/Digitally signed document with accessibility at: https://sede.usc.es/csv/2930-0BDD-4882-8920 Ver detalle da sinatura na derradeira páxina/Ver detalle de la firma en la última página/See detail of the signature on the last page CSV: 2930-0BDD-4882-8920 3 / 7
2. Na actividade docente, o profesorado e o estudantado utilizarán a lingua oficial da súa preferencia, sen prexuízo do uso doutras linguas cando estas sexan o obxecto de estudo da materia ou por mor de plans aprobados polos órganos de goberno correspondentes. 3. A programación docente das materias publicarase nas dúas linguas oficiais, galego e castelán, e, de ser o caso, en inglés ou noutras linguas. 4. Na programación docente declararase a lingua ou linguas de impartición por cada materia, grupo e profesor, de acordo coas necesidades de transparencia. Tales datos reflectiranse na información oficial que se forneza sobre as titulacións, para que o alumnado poida coñecela debidamente antes do inicio do curso. Esta información será vinculante e terá efectos oficiais tanto para o profesorado como para o alumnado. 5. O alumnado terá dereito a responder na lingua oficial da súa elección nos exames e outras probas avaliadoras, escritas ou orais. Tamén poderá utilizar outras linguas en casos específicos recollidos na guía docente da materia correspondente. Artigo 8. Usos lingüísticos internos. 1. As aplicacións, portais, intranets e programas informáticos corporativos desenvolvidos pola USC estarán en lingua galega. Nos programas desenvolvidos por terceiros tomaranse as medidas axeitadas para promover a inclusión dunha versión en galego. A Área TIC adoptará as medidas oportunas para que esta sexa a lingua por defecto nos dispositivos terminais do PDI e do PAS. 2. De se precisar a adquisición de programas ou licenzas de aplicacións informáticas valorarase nas correspondentes licitacións a dispoñibilidade de versión en galego ou a facilidade da súa adaptación. 3. A USC adoptará as medidas oportunas para o uso pleno do galego malia a necesidade de interoperabilidade entre administracións. 4. As comunicacións e os documentos de uso interno da USC redactaranse en galego. Artigo 9. Usos lingüísticos na administración. 1. A lingua dos procedementos administrativos tramitados pola USC será, por defecto, o galego. Porén, empregarase o castelán cando resulte procedente conforme ao disposto na lexislación de procedemento administrativo. 2. As certificacións expediranse en galego, sen prexuízo dos dereitos lingüísticos das persoas usuarias. No caso de optar por unha versión bilingüe, a versión en galego aparecerá destacada. 3. Os contratos e convenios asinados pola USC redactaranse en galego. De ser o caso, redactaranse na lingua ou linguas oficiais ou de traballo da outra ou outras entidades asinantes. 4. Nas convocatorias de axudas e subvencións da USC incluirase, entre os criterios de valoración das propostas, o uso do galego na realización da actividade subvencionada. 5. Os títulos de estudos oficiais expediranse en versión bilingüe galego-castelán de acordo co establecido pola lexislación sobre expedición de títulos universitarios oficiais. 6. Os diplomas e títulos acreditativos de estudos propios da USC expediranse en versión bilingüe galego-castelán, destacando a versión en galego. 7. A lingua de redacción das disposicións de carácter xeral aprobadas pola USC será o galego. De conformidade co previsto na Lei de Normalización Lingüística de Galicia as Documento asinado dixitalmente e accesible en:/Documento firmado digitalmente y accesible en:/Digitally signed document with accessibility at: https://sede.usc.es/csv/2930-0BDD-4882-8920 Ver detalle da sinatura na derradeira páxina/Ver detalle de la firma en la última página/See detail of the signature on the last page CSV: 2930-0BDD-4882-8920 4 / 7
disposicións deben publicarse en galego e castelán, garantindo a USC unha fiel correspondencia de ámbalas dúas versións. Artigo 10. Usos lingüísticos nas relacións cos cidadáns. 1. O persoal de administración e servizos da USC e os contratistas da USC empregarán o galego como lingua por defecto nas súas comunicacións orais e escritas cos cidadáns, agás cando os interesados demanden ser atendidos en castelán. 2. No caso de unidades de atención específica ao alumnado estranxeiro ou doutras comunidades autónomas poderanse empregar outras linguas. Artigo 11. Usos lingüísticos nas comunicacións con outras institucións e entidades. 1. As comunicacións interuniversitarias e con institucións públicas e privadas con sede na Comunidade Autónoma de Galicia faranse en galego. 2. A USC utilizará o idioma galego nas súas relacións cos órganos xudiciais radicados na Comunidade Autónoma de Galicia. Artigo 12. Publicacións e publicidade. 1. Con carácter xeral, as publicacións e a publicidade que realice a USC, tanto internamente como en medios de difusión externos, con independencia do formato e o soporte, faranse en galego, agás as destinadas especificamente á promoción fóra de Galicia, que se farán na lingua ou linguas máis axeitadas. 2. A información e todo tipo de elementos publicitarios e visuais sobre titulacións, títulos propios, cursos, congresos, simposios, conferencias, xornadas, e outras actividades de natureza análoga, sexa cal for o formato e o soporte, terá como mínimo unha versión en galego. Poderase optar por versións en varios idiomas no mesmo soporte ou por soportes diferentes para cada idioma; neste último caso, os dos idiomas distintos do galego utilizaranse para a promoción exterior. Artigo 13. Coñecemento da lingua galega polo persoal da USC. 1. A condición do galego como idioma oficial e propio da USC implica que todo o persoal ao servizo da USC estea en condicións de entendelo e usalo, tanto oralmente como por escrito. 2. A USC establecerá nas correspondentes RPT de PAS e PDI o nivel de coñecemento da lingua galega e doutras linguas axeitado e esixible para cada posto de traballo na Universidade en relación ao perfil do posto que vaian desenvolver. 3. Nas bases que regulen as convocatorias para a provisión de postos de traballo da USC establecerase a necesidade de acreditar un determinado nivel de lingua galega e, de ser o caso, doutras linguas de acordo co apartado anterior. 4. A USC adoptará medidas de formación ou outras para mellorar as competencias, destrezas e habilidades lingüísticas do persoal da USC. Artigo 14. Calidade lingüística. 1. Nos textos, documentos e comunicacións da USC tanto escritas coma orais coidarase especialmente a calidade e a corrección lingüística no uso do galego. 2. Os textos da USC procurarán o emprego dunha linguaxe sinxela, clara, inclusiva e non sexista. Documento asinado dixitalmente e accesible en:/Documento firmado digitalmente y accesible en:/Digitally signed document with accessibility at: https://sede.usc.es/csv/2930-0BDD-4882-8920 Ver detalle da sinatura na derradeira páxina/Ver detalle de la firma en la última página/See detail of the signature on the last page CSV: 2930-0BDD-4882-8920 5 / 7
3. A USC velará para que estes criterios se utilicen nos textos e nas comunicacións das actividades doutras entidades coas que colabore. Disposición derrogatoria. Derrogación normativa. 1. Quedan derrogadas: a) a Resolución reitoral do 29 de novembro de 1990 sobre o emprego do galego na documentación escrita. b) o Regulamento de uso do galego aprobado pola Xunta de Goberno de 22 de decembro de 1993. 2. Do mesmo xeito, quedan derrogadas todas as normas de igual ou inferior rango ao presente regulamento no que contradigan ou se opoñan ao disposto nel. Disposición final. Entrada en vigor. Este regulamento entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no taboleiro electrónico. Documento asinado dixitalmente e accesible en:/Documento firmado digitalmente y accesible en:/Digitally signed document with accessibility at: https://sede.usc.es/csv/2930-0BDD-4882-8920 Ver detalle da sinatura na derradeira páxina/Ver detalle de la firma en la última página/See detail of the signature on the last page CSV: 2930-0BDD-4882-8920 6 / 7
Sinaturas dixitais / Firmas digitales / Digital signatures Asinante/Firmante/Signer: ANTONIO LOPEZ DIAZ, REITOR, UNIVERSIDAD DE SANTIAGO DE COMPOSTELA, 14/11/2022 09:22:59. Asinante/Firmante/Signer: DULCE MARIA GARCIA MELLA, SECRETARIA XERAL, UNIVERSIDAD DE SANTIAGO DE COMPOSTELA, 11/11/2022 17:57:29. CSV: 2930-0BDD-4882-8920 Documento asinado dixitalmente e accesible en:/Documento firmado digitalmente y accesible en:/Digitally signed document with accessibility at: https://sede.usc.es/csv/2930-0BDD-4882-8920 Ver detalle da sinatura na derradeira páxina/Ver detalle de la firma en la última página/See detail of the signature on the last page CSV: 2930-0BDD-4882-8920 7 / 7