scieee AI-readable full text Open interactive document viewer

Discurso do Reitor da Universidade de Santiago de Compostela Don Antonio López Díaz no Acto Académico de Apertura do Curso 2019-2020

López Díaz, Antonio

Full text

1 DISCURSO DO REITOR – Antonio López Díaz APERTURA DO CURSO 2019-2020 Pazo de Fonseca – 06.09.2019 – 12.00 h Presidente da Xunta, reitor da UDC, reitor da Uvigo; Pres. do Consello Social da Univ. de VIGO. Secretaria xeral, Prof. Cela Torrijos, vicerreitoras / es, secretario xeral da Univ. de Vigo, xerentes da USC e da Univ. de Vigo, Ex reitores Pajares, Villares, Villanueva, Barro, Casares, Viaño, da USC Barja e Armesto, valedores das Comunidades Universitarias de Santiago e a Coruña, Delegados na CIUG, adxunto. Decanas e decanos, directoras e directores de departamentos presidente do Parlamento, alcalde de Compostela, alcaldesa de Lugo, conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Conselleiro de Sanidade, vicesecretaria da Mesa do Parlamento, voceiros dos grupos socialista e do BNG, presidente do Grupo Socialista, presidente do Tribunal Superior de Xustiza, Fiscal Xefe, presidenta do Consello da Cultura, Consello Consultivo, Valedora do pobo, presidente da Deputación de Lugo, representante da Deputación da Coruña, autoridades civís e militares. 2 profesorado, persoal de administración e servizos, estudantes, donas e señores, Un ano máis, seguindo a quenda rotatoria establecida, corresponde inaugurar o curso da Universidade en Galicia dende Compostela. Bríndaseme así a ocasión de dirixirme a todos vostedes en nome propio, pero tamén en representación dos Reitores das Universidades de Vigo e A Coruña, que con esta de Santiago conformamos o Sistema Universitario de Galicia. E, unha vez máis, este solemne acto ten lugar aquí, no Salón Nobre deste colexio, mandado levantar por Alonso III de Fonseca e Azevedo nos predios que pertencían á súa familia na primeira metade do século XVI. Sen caer na nostalxia da historia, penso que resultan moi reveladoras e incluso visionarias algunhas das verbas que, con tinta nuns casos e con cicel noutros, foron incorporadas como testamento vital de quen, por eses e outros motivos, ligou o seu nome ao da Universidade: Fonseca. No seu testamento, o arcebispo Fonseca facía referencia ás razóns que o levaran á fundación do Colexio de Santiago Alfeo sinalando que pretendía: “Erigir en la ciudad de Santiago, e por bien de ella, y generalmente del Reyno de Galicia, por la experiencias que tovimos de la necesidad que en el hay de doctrina, e personas doctas, un Colegio e Universidad donde los moradores e naturales del dicho Reyno, especialmente de la dicha ciudad 3 y Arzobispado de Santiago pudiesen estudiar, aprender e ser enseñados en Gramática e otras Facultades.” Como consta no friso que Álvaro de Cadaval fixo gravar no claustro deste pazo, quería o arcebispo, ademais de adornar a súa patria, que “os mozos aplicados puidesen aprender sen gastos de ningunha clase”. Aínda que a morte o sorprendeu antes de ter rematada a empresa, a semente deu froito e o foco de luz da Universidade segue alumeando 524 anos despois facendo realidade o Gallaecia Fulget co que o mesmo Cadaval quixo deixar marcada a pedra do edificio que nos acolle. Se parafraseamos a Díaz Baliño, Compostela e, con ela, Galicia enteira que era Santa polo Apóstolo e áurea por Xelmírez, pasou a ser sabia por Fonseca e heroica polo batallón literario nacido tamén das aulas universitarias. Nacía así a Universidade en Galicia para permanecer a reforzarse nesta viaxe que dura xa 524 anos converténdose na institución civil con máis longa traxectoria e solo superada pola Igrexa que tanto tivo que ver no seu xurdimento. Un elo esencial nesa longa traxectoria ten que ver coa aprobación da lei 11/89 de ordenación do sistema universitario de Galicia aprobada o 20 de xullo e publicada o 16 de agosto de 1989. Celebramos, xa que logo, neste ano o trixésimo aniversario da creación das Universidades de Vigo e a Coruña que, xuntamente con esta cinco veces centenaria de Santiago de 4 Compostela, integran o sistema universitario de Galicia, responsable da prestación do servizo público de ensino superior mediante a docencia, o estudo, a investigación e a creación do coñecemento como rezaba o artigo 2 da devandita lei. Cando iniciamos este curso tan relevante para a Universidade en Galicia queremos felicitar ás universidades irmás de Vigo e da Coruña e reiterar unha vez máis o compromiso de seguir fortalecendo o sistema universitario público galego contribuíndo así a facer país. Tócanos ás tres facer realidade cada día a visión que tivera Castelao cando afirmaba “Vexo a Universidade (referíase á de Sant-Iago, pero hoxe ineludiblemente temos que referirnos ás tres que conformamos o sistema universitario público) convertida en cerebro de Galicia, irradiando cultura e saber, máis alá dos lindeiros naturais da nosa terra”. Neste 2019 cúmprense tamén 500 anos doutro fito histórico de primeira relevancia. Xa existía a Universidade en Galicia cando, o 20 de setembro de 1519, fixéronse ao mar as naves que, ao mando de Fernando de Magallanes de inicio e posteriormente de Juan Sebastián Elcano, completarían a primeira circunnavegación á terra ao temón da nave Victoria que, curiosamente, retornaba a porto tal día coma hoxe, 6 de setembro, de 1522. 5 Eu resaltaría como elementos singulares desta fazaña, que tamén teñen moito que ver co espírito universitario de xerar e ampliar o mundo coñecido, a importancia do traballo coral, do labor de equipo e do compromiso e entrega, que levou moitos dos participantes nesta aventura a arriscar e mesmo a sacrificar a súa vida polo éxito da empresa; pero tamén a perseveranza dos líderes que non desfalecen nin nos momentos máis difíciles, así como a perspicacia dos gobernantes que souberon apostar por unha empresa ambiciosa pero incerta. Fronte á negativa dos monarcas portugueses, un adolescente Carlos I, con apenas 18 anos, asinou as capitulacións que permitiron facer realidade o que parecía imposible. As grandes iniciativas, sexan universidades, sexan empresas doutra natureza, precisan da concorrencia desas boas luces dos líderes e do apoio decidido das institucións ademais da vocación e o compromiso de todas as persoas que dun xeito ou outro deben implicarse nas mesmas. Forma parte deste acto académico de inicio do curso unha lección maxistral que, tamén por quenda, fai presente e recoñece ás nosas facultades e escolas. Vimos de escoitar na lección de hoxe como ten cambiado a Química Analítica, ata o punto de cuestionarse por algúns a súa necesidade e utilidade. Pero máis importante que os cambios, necesarios e cada vez máis rápidos, ten que ser a capacidade de adaptación ou reactiva, é dicir, a 6 adaptación para dar resposta aos novos problemas. Son estas algunhas das conclusións das atinadas reflexións e da brillante lección maxistral do profesor Cela Torrijos, representante hoxe aquí da nosa Facultade de Química, outro exemplo tamén do cambio nas estruturas universitarias para acubillar docencia e investigación de vangarda neste ámbito do coñecemento. Foron os de Química uns estudos que tiveron unha primeira cátedra na Facultade de Artes ata que en 1845 se creou a Facultade de Ciencias, cuxa primeira Cátedra de Química ocupou D. Antonio Casares, tamén Reitor da Universidade. Ese tronco común permanece ata que en 1977 a vella Facultade de Ciencias se escinde nas actuais facultades de Química, Bioloxía e Matemáticas. Nestes últimos anos a Facultade e os Departamentos tradicionais conviven con novas estruturas de investigación, centros singulares e agrupacións estratéxicas, que veñen encarnar as novas solucións para novos requirimentos mantendo sempre a unidade esencial de docencia e investigación que segue a estar na base da Universidade. Teñen cambiado moito as cousas e de xeito moi acelerado nos últimos anos. Eu penso que pode afirmarse sen dubidar que a Universidade cambiou máis no último medio século que o que tiña cambiado en todos os séculos anteriores. A Universidade, as universidades, atopámonos nun momento 7 crítico, nun momento no que hai que tomar decisións que poden comprometer o noso futuro. É o momento de abordar a nivel nacional a reforma da Lei Orgánica de Universidades. Xa transcorreron 18 anos dende a aprobación da LOU e é un sentir compartido a necesidade de buscar un novo marco xeral para as universidades en España, tal e como quedou patente no acto que hai agora un ano protagonizou a CRUE e no que se contou coa anuencia das forzas políticas e tamén de axentes sociais e representantes institucionais. A inestabilidade política e a dificultade para formar maiorías de goberno non é o mellor caldo de cultivo para tecer os pactos e consensos que precisa unha lei orgánica. Aínda así, non podemos renunciar a regular un marco xeral de financiamento do ensino superior que lle permita recuperar cando menos parte dos recursos perdidos neste período de crise e que teñen influído na nosa estrutura e nas condicións do noso persoal e tamén no estado das nosas infraestruturas. Os recursos públicos do ensino superior teñen que acadar ao 1 % do PIB, garantindo ao mesmo tempo unha plena igualdade de oportunidades para todos, con axudas que deben cubrir ata o 100 % dos gastos daqueles estudantes con especiais necesidades. Os recortes tan importantes e continuados no tempo, teñen moito que ver co comportamento das universidades nos ránkings internacionais, onde os efectos sempre se perciben cun certo retardo, ao tempo que nos sitúan 8 lonxe dos estándares da nosa contorna, tanto en termos absolutos como relativos. Para ter unha idea do que falamos, abonda con sinalar que a Universidade de Harvard, que encabeza o ránking de Shanghai, ten un orzamento anual que representa a metade do conxunto de recursos das universidades públicas españolas. Pero hai máis cousas que o financiamento que deben ser melloradas cunha boa Lei de Universidades: - É preciso redefinir tanto as categorías de persoal en formación como de persoal docente e investigador para atender os novos requirimentos e ofrecer, especialmente no ámbito da investigación, solucións efectivas para as necesarias políticas de captación e retención de talento, sen ter que recorrer a fórmulas impropias que xeran precariedade e situacións de indefinición que non son boas para ninguén. - Tamén os procedementos e fórmulas de contratación deben flexibilizarse de xeito que se compaxine o cumprimento dos principios de contratación pública coa actuación áxil e adecuada aos requirimentos específicos da investigación. - Débese repensar igualmente a organización das Universidades e das súas unidades funcionais tradicionais (de moito interese sería a revisión das áreas de coñecemento e un proceso de concentración 9 que nos aproximaría ao que é común no noso contorno ao tempo que facilitaría a xestión dos recursos humanos), así como a previsión de novas estruturas e a consolidación doutras xurdidas en espazos residuais previstos na normativa e que se revelan esenciais para ser competitivos a nivel internacional. - E, finalmente, cómpre tamén repensar o réxime de gobernanza atrofiado ás veces pola proliferación e concatenación de sucesivos pronunciamentos de comisións e órganos de representación, sen que exista unha responsabilidade directa dos xestores que puidese avaliar o desempeño. - E ligado a todo isto débense reforzar os mecanismos de rendición de contas, contraparte necesaria e imprescindible da autonomía que integra con carácter esencial a institución universitaria. Se descendemos ao nivel autonómico, tamén aquí, Sr. presidente, temos tarefas importantes e inaprazables que abordar. Universidades e Administración Autonómica teremos que definir un novo plan plurianual de financiamento que substitúa o vixente actualmente e que remata en 2020. O primeiro que cómpre salientar é a vantaxe indubidable que supón contar cun plan plurianual que permita coñecer con anticipación e, polo tanto, outorgue maior estabilidade, as previsións da parte de financiamento que representa arredor do 70 % dos ingresos universitarios. Estes acordos 16