Regulamento do Instituto de Dereito Industrial (IDIUS)
Full text
1 REGULAMENTO DO INSTITUTO DE DEREITO INDUSTRIAL (IDIUS) (Ratificado polo Consello de Goberno da USC na súa sesión do 22-03-06) CAPÍTULO I DISPOSICIÓNS XERAIS Artigo 1º Natureza e denominación O Instituto de Dereito Industrial (IDIUS) constitúese como un Instituto Universitario Propio da Universidade de Santiago de Compostela dedicado á investigación da Competencia Económica, a Propiedade Industrial e a Propiedade Intelectual . Artigo 2º Ámbito de actuación O IDIUS é un centro de investigación dedicado ao Dereito da Competencia, a Propiedade Industrial e a Propiedade Intelectual no plano europeo, nacional e internacional. Artigo 3º Fins do IDIUS Dentro do seu ámbito de actuación, son fins do IDIUS: a) Promover, impulsar e desenvolver o coñecemento, investigación e difusión das materias propias. b) O ensino e formación xeral. c) O ensino de terceiro ciclo e de posgrao no marco da organización programada pola Universidade. d) O establecemento de vínculos con organización nacionais e máis estranxeiros dedicados ao ensino e investigación do Dereito da Competencia, Propiedade Industrial e Intelectual. e) A creación e mantemento dunha biblioteca especializada dentro da Biblioteca da USC. f) A publicación dunha revista especializada. Artigo 4º Sede En tanto non dispoña doutra sede que lle poidan asignar as autoridades competentes da Universidade, o Instituto terá a súa sede nos espazos que actualmente ocupa a área de Dereito Mercantil da Facultade de Dereito. Artigo 5º Réxime Sen prexuízo da aplicación das normas xerais de carácter administrativo, o IDIUS rexerase polo disposto na Lei orgánica 6/2001, de 21 de decembro, de Universidades, polos Estatutos da Universidade de Santiago de Compostela aprobados polo Decreto 28/2004, de 22 de xaneiro da
2 Xunta de Galicia, polas Normas da Universidade de Santiago sobre creación e funcionamento de Institutos Universitarios aprobadas pola Xunta de Goberno na súa sesión de 8 de xullo de 1991 (no sucesivos “Normas provisorias”), e polo presente Regulamento. CAPÍTULO II ORGANIZACIÓN Artigo 6º Órganos de goberno a) A Xunta de Goberno. b) O Consello Científico. c) O director. d) O secretario. Artigo 7º A Xunta de Goberno 1. A Xunta de Goberno estará composta por: a) O reitor da Universidade, ou vicerreitor en quen delegue, que presidirá e convocará. b) O vicerreitor con competencias en investigación e/ou innovación. c) Tres representantes do Consello Científico co título de doutor, dos cales a lo menos dous deberán ser profesores numerarios de Universidade. d) O director do Instituto. e) O director do Centro de Innovación de Transferencia de Tecnoloxía f) Dúas persoas como máximo en representación de institucións públicas ou privadas que financien substancialmente as actividades do IDIUS g) O secretario do Instituto, que o será tamén da Xunta de Goberno 2. Os membros universitarios deberán constituír sempre a maioría da Xunta de Goberno. 3. A Xunta de Goberno reunirase, polo menos, unha vez ao ano en sesión ordinaria e, en sesión extraordinaria, de acordo co que estableza o seu regulamento de réxime interno. 4. Serán funcións da Xunta de Goberno: a) Elixir o director do Instituto, a proposta do Consello Científico, e propoñer o seu nomeamento ao reitor e, no seu caso, a súa remoción mediante acordo adoptado polo sesenta por cento dos seus membros. b) Propoñer o presuposto e a programación do Instituto ao Consello de Goberno. c) Aprobar a memoria anual de actividades e a memoria económica, da que se dará conta ao Consello de Goberno. d) Propoñer ao Consello de Goberno da USC a incorporación á Xunta de Goberno do IDIUS de novos membros en representación da comunidade universitaria ou de institucións públicas ou privadas. As persoas que representen a institucións públicas ou privadas, de acordo co sinalado
3 no núm. 1 f. deste mesmo artigo, cesarán nos seus cargos cando as respectivas institucións retiren o apoio financeiro ao IDIUS e) Promover o financiamento e dotación do IDIUS. g) Propoñer ao Consello de Goberno da USC a modificación do regulamento do IDIUS. h) Aqueloutras que establezan normas superiores en desenvolvemento dos Estatutos da Universidade de Santiago. Artigo 8º O Consello Científico 1. O Consello Científico estará composto por: a) O director do Instituto, que o presidirá e o convocará. b) O secretario do Instituto, que o será tamén do Consello Científico. c) Os doutores membros do persoal científico do instituto que especifique o Regulamento de réxime interno. d) Unha representación dos titulados superiores non doutores vinculados ao Instituto, equivalente ao 15% do total do Consello Científico. 2. O Consello Científico reunirase, polo menos, dúas veces ao ano en período lectivo. 3. Son funcións do Consello Científico: a) Programar as actividades científicas e docentes, e propoñelas á Xunta de Goberno, e asemade coidar da súa realización. b) Aprobar o ingreso de novos membros do persoal científico e o seu cesamento. c) Informar as propostas de programación, presupostos e memoria económica e actividades do IDIUS. d) Propoñer á Xunta de Goberno o nomeamento do director do IDIUS mediante voto favorable da metade máis un dos seus membros. Asemade poderá propoñer o cesamento mediante voto a favor dos ¾ dos seus membros. e) A información dos contratos do instituto ou dos seus profesores. f) Outras funcións que dispoña o seu regulamento, en desenvolvemento destes estatutos. Artigo 9º O director 1. O director do Instituto será elixido entre o persoal docente e investigador da Universidade de Santiago de Compostela co título de doutor, ocupará a representación deste e exercerá as funcións de dirección e xestión ordinaria. Para ser director deberase estar acollido ao réxime de dedicación a tempo completo. O director será elixido pola Xunta de Goberno, tras a proposta do Consello Científico, sendo nomeado polo reitor. O mandato do director será de catro anos, e non poderá ocupar o cargo máis de dous mandatos consecutivos. 2. Corresponde ao director: a) Convocar e presidir as reunións do Consello Científico, executar os seus acordos e representalo perante o Consello de Goberno.
4 b) Representar ao IDIUS no ámbito das competencias que lle corresponden. c) Elaborar as propostas de programación e presuposto do Instituto. d) Redactar a memoria de actividades e memoria económica. e) A proposta ao reitor para o nomeamento do secretario. f) Dirixir e coordinar as actividades do IDIUS. g) Autorizar os gastos dentro do presuposto anual. h) Aqueloutras funcións que lle poidan corresponder en aplicación de disposicións legais ou estatutarias. Artigo 10º O secretario 1. O secretario do instituto é quen dá fe dos actos e acordos dos órganos de goberno, representación e administración do instituto e, como tal, ten encomendada a custodia dos libros de actas e a expedición de certificacións dos acordos e de todos os actos ou feitos que consten nos documentos oficiais do instituto. Ademais, exercerá aqueloutras funcións que lle delegue o director ou que lle encomende a normativa vixente 2. O secretario será nomeado polo reitor, logo de proposta do director, entre o persoal científico do instituto que reúna os requisitos establecidos no artigo 72 dos Estatutos da USC. CAPÍTULO III PERSOAL CIENTÍFICO Artigo 11º Membros do IDIUS pertencentes á Universidade de Santiago O persoal científico do IDIUS estará composto inicialmente por profesores, axudantes e bolseiros da Universidade de Santiago, que realicen ou houberan realizado investigación no ámbito do Dereito da Competencia, Propiedade Industrial e Intelectual, que pertenzan ás seguintes áreas: -Dereito Mercantil -Dereito Civil -Dereito Penal -Comercialización e Investigación Artigo 12º Membros do IDIUS pertencentes a outras Universidades Tamén pertencerán ao IDIUS a título individual os profesores especialistas en Dereito da Competencia, Propiedade Industrial e Intelectual, formados no Instituto de Dereito Industrial, e que se mencionan individualmente no Anexo deste Regulamento.
5 Artigo 13º Membros honorarios do IDIUS Por maioría de dous terzos dos seus membros, o Consello Científico do IDIUS poderá propoñer ao Consello de Goberno o nomeamento de membros honorarios do IDIUS, con voz pero sen voto, entre aquelas persoas que houberan destacado en calquera campo relacionado co ámbito de investigación propio do Instituto. Artigo 14º Incorporación de novos membros ao IDIUS Previa petición expresa poderán incorporarse ao IDIUS profesores, axudantes e bolseiros pertencentes a calquera área de coñecemento, particularmente a outras áreas de coñecemento de Dereito, que houberan realizado investigacións relacionadas co Dereito de Competencia, Propiedade Industrial e Intelectual, que houberan sido obxecto de publicación. A incorporación, de acordo co disposto no artigo 5.6 das “Normas Provisorias”, requirirá previo acordo do Consello Científico adoptado co voto positivo do sesenta por cento dos seus membros. Artigo 15º Perda da condición de membro do IDIUS A condición de membro do IDIUS pérdese por renuncia, que deberá facerse chegar por escrito ao director e que este comunicará ao Consello Científico e á Xunta de Goberno. Tamén se perderá esta condición por consecuencia de acordo adoptado polos ¾ dos membros do Consello Científico. CAPÍTULO IV RÉXIME ECONÓMICO Artigo 16º Presuposto O IDIUS terá o seu propio presuposto de ingresos e gastos que deberá ser confeccionado anualmente, e aprobado polo Consello de Goberno da USC a proposta da Xunta de Goberno do IDIUS. Artigo 17º Ingresos Terán a consideración de Ingresos do Instituto: a) As cantidades do presuposto anual que se adscriban ó IDIUS. b) As axudas e subvencións outorgadas ao Instituto por organismos ou entidades públicas e por persoas privadas. c) As cantidades procedentes de proxectos de investigación concedidas a membros do IDIUS para investigación nas materias propias del.
6 d) As cantidades que correspondan a informes solicitados ao Instituto ou aos seus membross e) As cantidades procedentes de contratos celebrados con entidades públicas ou privadas. f) As taxas cobradas por cursos, simposios ou seminarios. Terán a consideración de ingresos do IDIUS a efectos orzamentarios aquelas achegas que serven para os fin do IDIUS (por exemplo, achega dunha editorial en virtude dun convenio para a publicación da revista) aínda que non se ingresen en efectivo na caixa da Universidade de Santiago. Artigo 18º Gastos Corresponde ao director do Instituto autorizar os gastos dentro do presuposto anual. A tramitación do expediente de gasto realizarase de acordo coas normas xerais da Universidade de Santiago de Compostela. DISPOSICIÓNS FINAIS Primeira: O presente Regulamento entrará en vigor cando sexa ratificado polo Consello de Goberno da Universidade de Santiago de Compostela. Segunda: O presente Regulamento poderá ser modificado por acordo do Consello de Goberno da Universidade, previa proposta da Xunta de Goberno do Instituto. Terceira: A interpretación do presente Regulamento é competencia do Consello de Goberno da Universidade. DILIXENCIA para facer constar, antes da aprobación da acta correspondente, que o Consello Goberno da USC, na súa reunión do 22 de marzo de 2006, acordou ratificar o presente “Regulamento do Instituto de Dereito Industrial (IDIUS)”, que modifica o que fora aprobado pola Xunta de Goberno o 18 de febreiro de 1998 e modificado o 3 de maio de 2001. Co Visto e Prace do Excmo. e Magfco. Sr. Reitor. Santiago de Compostela, 30 de marzo de 2006 Vº e Pr O REITOR O SECRETARIO XERAL Senén Barro Ameneiro Joaquín Rodríguez-Toubes Muñiz