De "Penélope" de Díaz Castro ao "Ulises" de Rodríguez Fer
Full text
Mitos e Lendas | 29 Da “Penélope” de Díaz Castro ao “Ulises” de Rodríguez Fer VANESSA EIMIL Graduada en Lingua e Literatura Españolas pola Universidade de Santiago de Compostela “PENÉLOPE” E “ULISES” enélope” pertence ao único libro galego de Xosé María Díaz Castro: Nimbos, Galaxia, Vigo, 1961; aínda que foi publicado por primeira vez no ano 1955 dentro da Escolma de poesía galega, IV, Os contemporáneos de Francisco Fernández del Riego, igualmente na Editorial Galaxia en Vigo. A obra Nimbos está formada por 32 poemas que xiran en torno á relixión e ao existencialismo, mais curiosamente o poema que nos ocupa céntrase, como veremos, na preocupación social, iso si, sen deixar de lado a relixión. “Ulises”, pola súa parte, recóllese en A loita continúa, Xerais, Vigo, 2014, de Claudio Rodríguez Fer, e nace, nos anos da Transición, como homenaxe ao seu “querido e admirado Xosé María Díaz Castro e en réplica ao seu poema” para el pesimista, facendo, explica Rodríguez Fer na nota coa que o publicou, unha versión “máis acorde co espírito do momento” xa que “o mozo que eu era entón preferiu, como prefiro agora, unha Galicia que se move, actúa, avanza e non agarda”. O ESPERTAR DA ESPERANZA ADORMECIDA “Penélope” é a viva imaxe dunha Galicia socialmente derrotada e cansa, duns e dunhas galegas frustradas e sen esperanza, aferradas a unha espera inmóbil e sen sentido trala crise do Antigo Réxime, tal e como comenta Rodríguez Fer (Poesía galega, Xerais, Vigo, 1989, p. 201), quen fala do reflexo neste poema dunha Galicia “sempre inmobilizada por un falso dinamismo de carácter pendular: “Un paso adiante i outro atrás, Galiza”. Pola contra, “Ulises” é a sacudida de todo isto, un berro que pide reacción e que tingue de cor verde esperanza cada palabra e cada frase escachando co pesimismo de “Penélope” dende o propio título, que xa deixa ver o rexeitamento do seu autor á identificación de Galicia co mito da muller que simboliza a fidelidade e a espera eterna. Rodríguez Fer opta por unha Galicia móbil e progresista a través da figura de Ulises, “P X. M. Díaz Castro, Claudio Rodríguez Fer e Carmen Blanco
30 | EVOHÉ personaxe que simboliza a loita, o espírito combativo e a non desesperanza. A súa intención de contrariedade queda patente, pois, dende o troque do título “Penélope” polo seu oposto “Ulises” (non só por ser o seu cónxuxe, segundo a mitoloxía, senón por servir de símbolo contrario). Así, o tema central de “Ulises” fronte ao de “Penélope” non é a esperanza frustrada, senón a esperanza da sociedade galega máis viva e esperta ca nunca. Esta tórnase dinámica (“se esperguiza” vs. “faise circia”), concreta (“algún día” vs. “cada día”), optimista e progresista cando se desvincula da relixión (“Deus é o mesmo” vs. “Somos os mesmos”, “Xesús Maria!” vs. “do río á ría”, “e toda cousa ha de pagar seu desmo” vs. “non volveremos xa pagar máis desmos”). Rodríguez Fer non se desapega dos temas secundarios -a intrahistoria e, dentro dela, a emigración como consecuencia do atraso e o inmobilismo galegos-, mais abórdaos con esperanza e altas expectativas no porvir galego e non con resignación. Acorde con esta actitude, en “Ulises” xa se deixa ver o asentamento dunha modernidade que no poema de Díaz Castro non era posible aínda en Galicia. Moito do que era cotiá e parte da intrahistoria cando Díaz Castro escribiu o seu poema, no tempo en que Rodríguez Fer crea a súa réplica, por sorte, xa non o era: xa non “aran os bois”, agora “ara o tractor”, Galicia xa non se envolve en “sabas de mil anos”, nin se durme escoitando a chuvia (“estrolla o sono mol” vs. “estrolla o despertar”, “i en sonos volves a escoitar a chuva” vs. “nin en soños escoitas nunca a chuva”). Cada cambio dá conta da modernidade e o espertar dunha Galicia que tira para adiante, que deixa de estar a velas vir (“a tea dos teus sonos non se move” vs. “a tea dos teus soños xa se move”) sen atender á historia. Incluso a incerteza do regreso dos emigrantes (“Traguerán os camiños algún día a xente que levaron. Deus é o mesmo”) derrúbase por completo no poema máis recente dando conta do seu regreso (“Trouxeron xa os camiños cada día a xente que levaron. Somos os mesmos”). Xunto á inversión ou troque dos temas de “Penélope”, cobran vida outros moi potentes en “Ulises”. Estes son a loita galega por unha Galicia avanzada, que se converte na esencia de todo o poema, así como a unidade galega ou o poder da unión do pobo galego reflectida no cambio de “Vaise enterrando, suco a suco, o Outono” por “Enterraremos suco a suco o Outono”; a forza do “nós” elíptico fai vibrar o poema de forza colectiva, optimismo e esperanza debido á xuntanza de galegos e galegas que cooperan por unha Galicia mellor. Tamén xorde a substitución do mundo real polo ficticio: Parga e Pastoriza, dous lugares da provincia de Lugo, o primeiro pertencente ao concello de Guitiriz onde naceu Díaz Castro, son trocados polo país das marabillas (“o Tempo vai de Parga a Pastoriza” – “cruzaremos o espello con Alicia”). DA VAIVÉN AO FLUÍR DA AUGA Pondo o ollo nos trazos gráficos, o poema “Ulises” troca as formas “Galiza” e “espranza” presentes en “Penélope” polas formas “Galicia” e “esperanza”, se cadra por contar con sons que non denotan tanta escuridade. Igualmente cambia “coma” por “como” e apréciase unha diferente utilización da conxunción copulativa en ambos poemas: “i” en “Penélope” e “e” en “Ulises”, seguramente porque Rodríguez Fer, ademais de deixar a súa pegada, quixo reflectir de xeito máis patente o espírito de suma e velocidade do seu poema. Ademais, conserva a maiúscula inicial en “Outono” para resaltar o que xa simbolizaba nos versos de Díaz Castro: un estado de ánimo triste ou depresivo acorde cunha estación gris.
Mitos e Lendas | 31 Este estado de ánimo tamén se destaca en “Penélope” coa construción “Vaise enterrando”, que denota un repouso e unha lentitude na superación dese sentir depresivo que continúan na expresión “suco a suco” entre comas. Mais, todo isto sofre un xiro en “Ulises” a través do verbo “Enterraremos” e a través da retirada das comas para dar sensación de vontade, firmeza, rotundidade, e tamén de rapidez e movemento, o que nos fai entrar no fonoestilismo, xa que nos topamos coa aliteración do fonema /r/ nos versos 6 -“estrolla o despertar”-, 14 -“cruzaremos o espello con Alicia”- e 15 - “Enterraremos suco a suco o Outono”-, que colabora na achega de forza e decisión, ideas resaltadas no remate exclamatorio da estrofa e do poema botando man do verso inicial “Un paso adiante e outro máis, Galicia!”. Esta modificación dálle un claro xiro á aliteración do fonema /o/ nos versos 2 -“i a tea dos teus sonos non se move”- e 13 - “Desorballando os prados coma sono”- e de /u/ na construción “suco a suco” do verso 15, que plasman esa depresión outoniza en “Penélope”. En canto á métrica e á rima, consérvase a da versión orixinal. Estamos ante serventesios (os catro versos de cada estrofa son endecasílabos, polo tanto, de arte maior, e a rima é consonante entre o primeiro e o terceiro, e entre o segundo e o cuarto), a excepción da primeira estrofa, por ser o cuarto verso heptasílabo, por tanto, de arte menor, aínda que mantén a rima. No plano morfolóxico, Rodríguez Fer retoma as palabras “chuva” e “desmo” no canto de “chuvia/choiva” e “dezmo” para non romper a rima. E cando sente a necesidade de cambiar voces para darlle outro sentido ao poema, faino igualmente botando man de palabras que non manquen a rima (é o caso de “ría”, que rima con “día”; e de “Alicia”, que rima con “Galicia”). Falando de novos elementos, resulta relevante o uso reiterado do adverbio “xa” en “Ulises”, que en ocasións substitúe o adverbio de negación “non” ou a conxunción restritiva “pro” (pero) de “Penélope” demostrando e remarcando así o pensar en positivo, o cambio e a evolución. No que se refire aos verbos e sintagmas verbais, no poema “Ulises” o tempo e o significado destes vólvese acorde ao que xa non se precisa ou a realidades superadas (“Xa non te envolves”, “nin...escoitas nunca a chuva”, “Trouxeron xa os camiños...a xente que levaron”), ao que se conseguiu ou se está a conseguir (“xa se move”, “faise circia”, “estrolla o despertar”) e ao que se aspira (“non volveremos”, “cruzaremos”, “Enterraremos”), mentres que en “Penélope” as formas e sintagmas verbais remiten a realidades negativas e estancadas (“non se move”, “se esperguiza”, “estrolla o sono”, “envólveste en sabas de mil anos”, “volves a escoitar a chuva”, “ha de pagar”). O primeiro e último versos de ambos poemas presentan unha elipse verbal que consegue que a atención recaia nos dous pasos. No caso de “Ulises” o verbo non se elude para prescindir da acción e reflexar un movemento pendular, pois a idea de inmobilismo queda quebrada polo uso do adverbio “máis”. Do mesmo xeito, o movemento pendular que quedaba suxerido, por exemplo, nas expresións bimembres empregadas por Díaz Castro “suco vai, suco vén” e “o Tempo vai de Parga a Pastoriza” perde a esencia inicial coa adición no primeiro caso da construción “do río á ría”, que parece reflexar o rápido correr da auga ata a ría de xeito natural e sen descanso, nin moito menos retorno; e no segundo caso grazas á súa substitución por “cruzaremos o espello con Alicia”, que non simboliza ide e volta entre dous lugares (Parga-Pastoriza), senón avance no camiño a un mundo oposto, mellor, e en compañía. Na mesma liña, os paralelismos “a tea dos teus soños xa se move” / “A esperanza nos teus ollos faise circia” fan referencia ao renacer da ilusión anteriormente perdida.
32 | EVOHÉ CAMIÑO DA ILUSIÓN Damos un paso máis, nunca mellor dito, e adentrámonos no léxico. Xa Rodríguez Fer (1989, p. 203) aludía no seu comentario do poema de Díaz Castro á confusión deste entre “sono” e “soño”, quizais por iso no seu poema decide deixar clara a distinción utilizando “soño” para o que se desexa ou aspira (verso 2) e para a imaxinación mentres se dorme (verso 8), e “sono” para a necesidade de durmir (verso 13), mentres que Díaz Castro empregaba a palabra “sono” para as tres acepcións. Os campos semánticos dos fenómenos naturais (“chove”, “chuva”, “Desorballando”) e do medio rural (“ara”, “bois/tractor”, “uva”, “camiños”, “prados”, “enterrar”, “suco”) permanecen en “Ulises”, mais neste último campo queda reflectida a modernización ou a chegada da maquinaria ao rural galego (“tractor” no lugar de “bois”) que neste poema resulta relevante en canto a que acrecenta a idea de progreso. O espazo, rural galego, é facilmente identificable, non só polas referencias a Galicia (e a Parga e Pastoriza no caso de “Penélope”), senón pola referencia en ambos poemas ao binomio terra (“camiños”, “suco”) – mar (“bruar de navíos”), á chuvia e incluso á emigración, elementos que deixan ver a omnisciencia de dous autores galegos. Cómpre, ademais, mencionar o xurdir de palabras relacionadas co mundo dos soños ou da ficción en “Ulises” (“soño”, “espello”, “Alicia”). Mais a riqueza de ambos poemas medra grazas ás figuras estilísticas. A metáfora principal é a referida aos pasos nos versos 1 e 16, onde Rodríguez Fer fai que sexa metáfora dunha verdadeira evolución (“Un paso adiante e outro máis, Galicia”) e non de estancamento (“Un paso adiante i outro atrás, Galiza”), así mesmo fai que as aspiracións da sociedade galega cobren vida; deixarán de ser simples aspiracións e converteranse en logros (“a tea dos teus soños xa se move”). As metáforas continúan a se abrazar: Parga e Pastoriza desaparecen e dan paso ao cruce do espello con Alicia, quizais Fer, ademais de propoñer a inversión da realidade e a actitude, queira incitar a soñar, a fantasear cunha realidade que Galicia merece para logo levala á práctica; agora “Enterraremos...o Outono”, por tanto, a inútil depresión. O “bruar dos navíos lonxanos” é unha metonimia da emigración en ambos casos, pero en “Ulises” xa non pasa desapercibida como si sucedía en “Penélope” (“che estrolla o sono mol como unha uva”), onde impactaba o sono, o adormecemento brando coma unha uva ante a situación; agora a emigración impacta (“estrolla”) facendo espertar aos galegos e ás galegas, facéndoos/as reaccionar, pois, en efecto, xa non se envolven en “sabas de mil anos” (metáfora do adormecemento e inmobilismo eternos) “nin en soños escoitan nunca a chuva” (xa non só se limitan á rutina de escoitar a chuvia unha e outra vez vendo a vida pasar sen facer nada por mellorar). Isto lévanos a seguir destripando e a comprobar o cambio intencionado por parte de Rodríguez Fer dalgunhas palabras ou expresións polas opostas. É o caso do troque de “se esperguiza” por “faise circia” ou de “sono mol” por “despertar”. A selección por parte de Díaz Castro da palabra “mol” é moi chamativa dado o significado figurado desta voz: De pouca enerxía e vigor. Este sono mol compárao cunha uva, pois mol tamén significa “brando”. Velaquí un xogo de significados. No verso “Desorballando os prados coma sono” obsérvase outra comparación na que igualmente un dos elementos que se compara é pertencente á natureza. Neste caso, estase a representar unha sensación de cansanzo e repouso, que Fer rompe no seguinte verso cunha acción repentina (“cruzaremos o espello con Alicia”). En “Ulises” segue a haber personificación de sentimentos (“A esperanza nos teus ollos faise circia”) e da natureza (“Trouxeron xa os camiños cada día a xente que
Mitos e Lendas | 33 levaron”) pola carga metafórica que teñen e o que se pretende transmitir: que a sociedade galega volve a sentir esperanza gañando en fortaleza e decisión e que a xente da emigración retorna. Con todo, os versos de Díaz Castro “e toda cousa ha de pagar seu desmo” e “Vaise enterrando...o Outono” trocaron por “non volveremos xa pagar máis desmos” e “Enterraremos...o Outono”, é dicir, as persoas no canto de quedaren paralizadas, mobilízanse, actúan, de aí que o suxeito pase a ser humano e xa non se precise recorrer a personificacións. TODO COMEZA E REMATA EN GALICIA Galicia, protagonista, é a receptora das dúas primeiras estrofas en ámbolos dous poemas, que seguen unha estrutura externa circular, dado que comezan e rematan co mesmo verso (o pesimista “Un paso adiante i outro atrás, Galiza” no caso de “Penélope”, e o optimista “Un paso adiante e outro máis, Galicia” no caso de “Ulises”). Nas dúas últimas estrofas, no caso de “Penélope” emprégase a terceira persoa con suxeitos inhumanos, en cambio, en “Ulises” os e as galegas semellan ser agora as receptoras, ás que se lles invita, incluíndoas na primeira persoa do plural, a enterrar o pesimismo e a rebelarse contra o atraso. O que está claro é que ambos poemas se dividen en catro estofas. A cada unha delas podería adxudicárselle un tema, idea ou se cadra título. Velaquí a miña proposta: “PENÉLOPE” Estrofa I. Frustración e parálise. Estrofa II. Adormecemento. Estrofa III. Resignación e amparo no milagre. Estrofa IV. Estación Atraso. “ULISES” Estrofa I. Verde esperanza. Estrofa II. O espertar. Estrofa III. Deus somos nós. Estrofa IV. Un paso ao país das marabillas. Polo que respecta á estrutura interna, xa viñemos falando das bimembracións pendulares no poema do poeta guitiricense como símbolo de “desevolución” e de continuas anulacións da esperanza: “Un paso adiante i outro atrás, Galiza”, “A espranza nos teus ollos se esperguiza”, “i a tea dos teus sonos non se move”, “Un bruar de navíos moi lonxanos che estrolla o sono mol”. No caso do poeta lugués, xa non hai movemento de vaivén, hai sensación e intención de suma. O estancamento convértese en verdadeiro e rotundo avance: “Un paso adiante e outro máis, Galicia”, “A esperanza nos teus ollos faise circia”, “e a tea dos teus soños xa se move”, “Un bruar de navíos moi lonxanos estrolla o despertar”). Este avance non ha de ter fin, ao contrario, ten que levar a máis avance, e a esperanza a máis esperanza, tal e como parece querer mostrar a estrutura externa cíclica que acolle cada cambio. DISFRAZADOS DE POEMA Penélope e Ulises (ou Odiseo) son dous personaxes, muller e marido, da mitoloxía grega e, en concreto, da Odisea de Homero, quen conta a súa historia: Penélope agarda durante vinte anos o retorno de Ulises da Guerra de Troia. Neste tempo, varios pretendentes esperan a que escolla a un deles, motivo polo que se ve obrigada a enganalos dicíndolles que o fará unha vez remate un sudario para o seu sogro. Para facer
34 | EVOHÉ tempo, de noite destece o que avanza de día. Velaquí está o paso adiante e o outro atrás da versión de Díaz Castro. Galicia, coma Penélope, esperaba pacientemente e sen facer nada unha evolución case máxica ou milagrosa. Pode incluso pensarse nun vínculo entre Galicia e unha dos seus labores tradicionais (tecer), que, ademais, exercían unha irmá e unha tía do poeta. Por outra banda, Ulises loita na guerra durante dez anos e os dez restantes loita sen renderse por regresar a Ítaca tendo que superar distintos obstáculos. Esta é a Galicia que Claudio Rodríguez Fer quere, unha Galicia loitadora, que non se rende por moitos obstáculos cos que se atope no camiño, de aí que no seu poema decida, de xeito un tanto rebelde, identificar Galicia non con Penélope, senón con Ulises. John William WATERHOUSE, Ulises e as sereas (1891). John William WATERHOUSE, Penélope e os pretendentes (1912).
Mitos e Lendas | 35 Como vemos, o poema de Díaz Castro e, en consecuencia, tamén o de Rodríguez Fer, navegan no mundo clásico e viceversa, os personaxes de Homero convértense en poemas. Pero ademais desta fonte, en Díaz Castro semella apreciarse o influxo das Xeórxicas de Virxilio na descrición do rural e, polo tanto e na mesma liña, o influxo de Aquilino Iglesia Alvariño, amigo seu e, coma el, membro da “Escola Mindoniense”. Do mesmo xeito, pero á inversa, o poema do autor nado en Guitiriz deixou pegada noutras obras poéticas de Galicia; véxase o soneto “Conto” de Méndez Ferrín (Rodríguez Fer, 1989, p. 206) e o mesmo poema “Ulises” en forma de réplica de Rodríguez Fer. GALICIA BAIXA, PERO VOLTA A SUBIR Para entender mellor os textos, cómpre explicar a situación galega que reflicten, especialmente o primeiro -“Penélope”-, e pola que Díaz Castro se mostra preocupado, mentres que Claudio Rodríguez Fer lle dá solución e alento. Trala crise do Antigo Réxime, Galicia forma parte dunha nación máis desenvolvida e moderna que pasa do feudalismo ao capitalismo, o cal é visto coma un feito positivo (“Un paso adiante”: esperanza). O problema que se deixa entrever no primeiro poema é a incapacidade de Galicia de integrarse e, polo tanto, modernizarse ao mesmo ritmo que o país no que se enmarca (“i outro atrás”: anulación da esperanza), de aí que uns/has galegos/as recorresen á emigración, e outros/as quedasen adormecidos/as, deixando a volta dos/as que se foran en mans de Deus, sen esperanza e sen intención algunha de modificar a situación. Rodríguez Fer dálle a volta a esa realidade e fala dunha Galicia que xa loita por ir ao mesmo ritmo (“Un paso adiante e outro máis”), de aí que rompa coas bimembracións pendulares, símbolo do desaxuste na evolución, cos recursos que xa fomos vendo. Ha de terse en conta, non só o ser optimista do poeta, senón tamén os anos da Transición nos que escribiu estes versos, un tempo no que se daban factores obstáculo (crise enerxética, terrorismo, revoltas populares, tensión política sobre todo en canto á Lei para a Reforma Política, golpe de estado), mais xa se producía unha importante evolución socioeconómica e cultural en toda España. En sintonía, entón, cun maior optimismo social nesta época e un espertar popular, probablemente o seu desexo era, non só reflectilo, tamén demostrar que os galegos e as galegas saben, poden e queren saír a flote. Só fai falta crer en que se pode, optimismo, esperanza, unión e acción. O QUE EU, DENDE GUITIRIZ, VEXO Á fin, é momento de recapitular, ordenar e reflexionar: “Penélope” e “Ulises” camiñan da man, aínda que con actitudes distintas, pois ben, o segundo é unha reacción ao primeiro e, polo tanto, a aquela situación de parálise e desesperanza da Galiza que tentaba plasmar Díaz Castro. Así, danse os seguintes balanceos entre ambos poemas: estancamento/movemento, frustración/esperanza, sono/espertar, atraso/modernidade, emigración/retorno, Deus/Humanidade e Racionalismo, deshumanización/nós, realidade/fantasía. Para min, os clímax de optimismo e forza do poema de Rodríguez Fer áchanse cando a preguiza se transforma en forza e decisión (“A esperanza nos teus ollos faise circia”); onde se deixa claro que o que impacta, o que chama a atención é o espertar, a forza da xente e non o seu adormecemento (“estrolla o despertar”); e onde os versos se aferran a un nós revelador de loita contra o atraso (“non volveremos xa pagar máis desmos”, “cruzaremos o espello con Alicia” e “Enterraremos suco a suco o Outono”). Este último verso fai fincapé na inutilidade da depresión e vai na liña do optimismo
36 | EVOHÉ como lema de vida do poeta contemporáneo Claudio Rodríguez Fer, co que coincido e me fai recordar o vello dito: “a esperanza é o último que se perde”. Optimista de máis ou non (iso queda a gusto de cada quen), querendo dar outra imaxe de Galicia por parecerlle a de Díaz Castro demasiado triste, conseguiu que o verde do barrio de Vilariño, da parroquia Os Vilares e de todo Guitiriz e toda Galicia fose paralelo ao verde co que se asocia a esperanza. Antes de rematar, gustaríame resaltar que se no seu día “Penélope” non tivo o éxito que merecía como poema de preocupación e denuncia social por verse apagado polo auxe dos poemas-panfleto xurdidos ante a ditadura franquista (Rodríguez Fer, 1989, p. 209), o autor de “Ulises” vén a renderlle homenaxe valorando a súa arte e relevancia social, aínda que aportándolle a súa vitalidade e o seu optimismo característicos. Da mesma maneira, a actualidade tamén lle concede relevancia e grandeza, sobre todo en Guitiriz, concello que xira culturalmente e con orgullo en torno á súa figura e ao seu nome, que é tamén o do instituto desta vila. Asemade, o título do seu libro Nimbos é nome da pastelería máis coñecida da zona. Ningunha homenaxe máis doce se pode conseguir. Neste punto, merecen especial mención o grupo poético “Nova Poesía Guitirica”, que promove Guitiriz como concello poético concedendo, entre outras cousas, o Premio de poesía Díaz Castro, e o proxecto “Os Vilares, lareira de soños” volcado na conservación e a difusión da historia, as tradicións e costumes da xente e o patrimonio desta parroquia chairega vinculada ao seu poeta Xosé María Díaz Castro, así como a Asociación Cultural Xermolos de Guitiriz, encargada de gardar o fondo bibliográfico e documental de Díaz Castro na Casa das Palabras e responsable da existencia de varios actos e iniciativas culturais dedicadas ao poeta. Ademais, esta asociación leva anos tentando xuntar os fondos necesarios para restaurar e salvar a súa casa natal, situada no barrio de Vilariño (Os Vilares), cedida á asociación polo último irmán vivo do poeta, con pretensións de traspasar a memoria de Díaz Castro a esta “Casa da xente” (como lle chama o coordinador Alfonso Blanco), poder levar a cabo nela actividades que divulguen a súa obra e xuntanzas culturais do pobo, a máis de ser un espazo para poetas e creadores, para o cine, e unha sede de campos de traballo para actividades medioambientais e arqueolóxicas. Para elo, crearon dous spots baixo o lema “Salvemos a casa de Díaz Castro” e seguen a mobilizarse explicando o seu proxecto, ao que xa lle foi concedido o premio Pedra do Destino pola Asociación Amigos dos Museos de Galicia e conta co compromiso da Deputación. Pero o selo e a vibración deste autor traspasa Guitiriz, pois o seu poema “Penélope” e o poema “Ulises” do seu amigo que tanta graza lle fixo son recitados a través de lecturas corais por alumnos e alumnas en distintos institutos de toda Galicia. Por exemplo, no IES Leiras Pulpeiro de Lugo a alumna Verónica Vázquez Fariñas e o alumno Manuel López Baamonde fan un recitado de poesía co diálogo entre "Penélope" e "Ulises", igual que o alumnado do IES Sánchez Cantón de Pontevedra; ambos recitais atópanse dispoñibles na rede. Dito isto, como di o título da obra de Claudio Rodríguez Fer, na que con moito sentido se enmarca o seu poema “Ulises”, a loita continúa nunha vila na que segue a chover, pero trala chuvia, vén a raiola.