Acordo do Consello de Goberno do 28 de setembro de 2018, polo que se aproba o Código de Boas Prácticas na Investigación
Full text
Código de Boas Prácticas na Investigación Universidade de Santiago de Compostela (CBPI-USC) Versión Data Modificacións Versión 1 07/12/2017 - Versión 1.1 22/01/2018 Revisión ortográfica Versión 1.2 24/04/2018 Incorporación aportacións: -Comité de Bioética -Comision de Actividades I+D -Secretaría Xeral -Comisión de Investigación CG Versión 1.3 09/07/2017 Revisión ortográfica: -SNL Versión 1.4 18/07/2018 Incorporación aportacións e eliminación Anexos: -Membros CG Versión 1.5 10/09/2018 Incorporación aportacións. -Membros CG Versión 1.2: aprobada pola Comisión de Investigación Delegada do CG con data 3/07/2018 Versión 1.4: presentada para a súa aprobación polo CG con data 19/07/2018 Versión 1.5: presentada para a súa aprobación polo CG con data 28 de setembro de 2018 Elaborado pola Secretaría Técnica da HRS4R
2 Índice Introdución ........................................................................................................................ 4 Obxecto do presente Código ............................................................................................... 5 1. Principios éticos fundamentais na práctica da investigación na Universidade de Santiago de Compostela (USC) ........................................................................................... 6 Liberdade de investigación ............................................................................................. 6 Compromiso, rigor, honestidade e integridade (Conflito de intereses) ............................ 6 Compromiso .......................................................................................................................... 6 Rigor ...................................................................................................................................... 6 Honestidade ........................................................................................................................... 6 Conflito de intereses .............................................................................................................. 7 Respecto ......................................................................................................................... 7 Responsabilidade ............................................................................................................ 7 2. Organización da investigación na USC ........................................................................... 8 Grupos de investigación .................................................................................................. 8 Liderado ......................................................................................................................... 8 Avaliación do persoal e condicións non discriminatorias ................................................ 8 Supervisión do persoal investigador en formación .......................................................... 9 Obrigas do/a director/a ou titor/a........................................................................................... 9 Obrigas do persoal en formación .......................................................................................... 9 3. Planificación, execución e seguimento da investigación ................................................. 10 Deseño da investigación ................................................................................................ 10 Seguimento e execución da investigación ...................................................................... 11 Uso e xestión de infraestruturas de investigación .......................................................... 11 Investigación en seres humanos. Protección de datos de carácter persoal ..................... 11 Investigación con animais de experimentación .............................................................. 12 Investigación en espazos naturais e co patrimonio cultural ........................................... 12 Protección dos traballadores e do medio ambiente ....................................................... 12 4. Rexistro, documentación, almacenaxe, custodia e uso compartido dos datos e material resultante da investigación. ............................................................................................... 13 Rexistro de datos .......................................................................................................... 14 Almacenaxe dos datos e do material ............................................................................. 14 Propiedade dos datos e do material. Acceso a eles ......................................................... 14 5. Publicación, difusión, divulgación e protección dos resultados da investigación ........... 15
3 Política de difusión........................................................................................................ 15 Publicacións ........................................................................................................................ 15 Filiación e recoñecementos ................................................................................................. 16 Divulgación en medios de comunicación ............................................................................ 16 Autoría ................................................................................................................................. 17 Protección dos resultados .............................................................................................. 17 Curriculum vitae .......................................................................................................... 18 6. Investigación financiada por entidades públicas e privadas. Propiedade intelectual e industrial .......................................................................................................................... 18 Política da USC ............................................................................................................. 18 7. Actividades de avaliación, asesoría e revisión ............................................................... 19 Práctica do peer review.................................................................................................. 19 8. Desviacións na práctica da investigación. Resolución de conflitos ................................. 20
4 Introdución A Universidade de Santiago de Compostela (USC) é unha institución pública que asume e desenvolve as súas funcións como servizo público esencial á comunidade mediante o estudo, a docencia, a investigación e a transferencia do coñecemento. Estas funcións, como recollen os seus Estatutos, inclúen a creación, desenvolvemento, transmisión e crítica do coñecemento científico, técnico, artístico e humanístico e a preparación para o exercicio de actividades profesionais que requiran a aplicación do mesmo, mais tamén a súa difusión, posta en valor e transferencia ao servizo da cultura, da calidade de vida e do desenvolvemento económico e social. A USC organízase seguindo os principios de democracia, liberdade, igualdade, xustiza, pluralismo, sustentabilidade e compromiso ético. Isto implica que a vida e actividade universitarias, incluíndo a docencia e a investigación, deben estar comprometidas coa defensa da paz e dos dereitos humanos, coa protección da saúde e a prevención dos riscos derivados do traballo, coa integración das persoas con discapacidade, coa igualdade de xénero, co desenvolvemento sustentable baseado no respecto, na preocupación e na conservación do ambiente e co rexeitamento da investigación realizada con fins armamentísticos ou bélicos. Neste compromiso están involucrados todos os membros da comunidade universitaria e, especialmente, os órganos de goberno. Por tal motivo a USC considera necesario que, dada a relevancia e influencia da ciencia na sociedade, a actividade científica se desenvolva seguindo unhas boas prácticas. Non hai dúbida de que o avance do coñecemento científico en calquera disciplina contribuíu e contribúe ao progreso económico e social, polo que a sociedade espera que o persoal investigador asegure que esta se executa con total confianza respectando unhas normas básicas e uns principios éticos recoñecidos e aceptados internacionalmente. Esta é a razón pola que a USC asumiu a obriga de desenvolver, no marco da Estratexia de Recursos Humanos de Investigación, un Código de Boas Prácticas na Investigación (CBPI) no que se recollan pautas, principios e recomendacións aplicables a calquera tipo de investigación que se desenvolva en calquera disciplina científica na universidade. A citada Estratexia de Recursos Humanos de Investigación (HRS4R nas súas siglas en inglés) da USC foi recoñecida pola Unión Europea, a través de EURAXESS-Research in Motion, coa acreditación “HR Excellence in Research” en febreiro do ano 2017 confirmando o compromiso para xerar e manter unha contorna estimulante e motivadora para o desenvolvemento da investigación na USC. O Código foi elaborado pola secretaría técnica de seguimento da HRS4R, e revisado polo Comité de Bioética da USC, seguindo as indicacións recollidas no documento Recomendaciones del Comité de Bioética de España con relación al impulso e implantación de buenas prácticas científicas en España e tendo en conta os principios da Declaración de Singapur sobre a Integridade na Investigación, da Carta Europea do Persoal Investigador e do Código de Conduta Europeo para a Integridade na Investigación, así como os códigos de boas prácticas científicas doutras entidades e institucións públicas e a lexislación e normativas aplicables. O presente Código de boas prácticas en investigación (CBPI) da USC foi aprobado polo Consello de Goberno da USC na súa sesión do 28 de setembro de 2018, a proposta da Comisión de Investigación delegada do Consello de Goberno tras a súa aprobación en sesión celebrada o 3 de xullo do 2018.
5 Obxecto do presente Código A integridade na investigación supón a adhesión persoal a uns principios éticos e uns estándares profesionais básicos para a práctica responsable da investigación, baseados no rigor, a honestidade e o respecto ás normas. Polo tanto, para as persoas ten un claro compoñente de carácter moral que implica asumir con convicción, e non como imposición legal, eses principios e prácticas e, por outra, un rigoroso compromiso de honestidade intelectual e responsabilidade persoal polas accións realizadas. As boas prácticas na investigación baséanse nun conxunto de principios fundamentais de integridade na investigación que permiten guiar ao persoal investigador non só no seu traballo senón tamén no seu compromiso cos retos metodolóxicos, éticos e intelectuais inherentes á práctica da investigación. As boas prácticas afectan ao procedemento e aos resultados da investigación, e inclúen aspectos relacionados coa súa planificación, desenvolvemento e seguimento, co rexistro dos resultados obtidos e a súa publicación e difusión e co posible uso do coñecemento xerado pola sociedade. O presente Código de Boas Prácticas na Investigación (CBPI) ten como obxectivo principal axudar a entender o que significa a responsabilidade no exercicio da investigación e igualmente servir á comunidade científica co fin de definir un marco xeral de auto-regulación. O CBPI identifica responsabilidades profesionais, legais e éticas, e recoñece o papel e relevancia da universidade como institución na que se organiza e desenvolve a investigación. Non obstante, este CBPI debe considerarse como un instrumento complementario do que xa dispoñen as normas legais vixentes e nel recóllense un conxunto de regras, recomendacións e compromisos que se deben ter en conta polo persoal investigador. Neste sentido o seu valor como norma arraiga no feito de considerar unha serie de aspectos que son aceptados libremente tanto polo persoal investigador como por todas as persoas relacionadas coa investigación e pola institución nas que se desenvolve. Polo tanto, sendo unha das obrigas da USC promover unha investigación de calidade, xeradora de novo coñecemento e capacidade de innovación, a existencia dun CBPI, a súa aceptación pola comunidade universitaria e a súa aplicación directa reverte no desenvolvemento dunha investigación de maior calidade, mais tamén facilita o establecemento de mecanismos que permitan garantir o rigor, a honestidade e a integridade na práctica da investigación e finalmente posibilita a súa transferencia a través da aprendizaxe de boas prácticas científicas por parte do persoal investigador en formación.
6 1. Principios éticos fundamentais na práctica da investigación na Universidade de Santiago de Compostela (USC) Liberdade de investigación O principio de liberdade de investigación, recollido nos estatutos da USC, maniféstase no exercicio do dereito á libre utilización dos principios metodolóxicos, á elección dos obxectivos axeitados e ao espallamento dos resultados obtidos na actividade investigadora, previa protección dos mesmos se fora o caso. Non obstante, esta liberdade atópase delimitada por unha serie de principios éticos recollidos tanto nos Estatutos e no Código Ético da USC, como no conxunto de convenios e declaracións aceptados internacionalmente e na lexislación aplicable en cada caso á práctica da investigación. Compromiso, rigor, honestidade e integridade (Conflito de intereses) A investigación, indenpendentemente do lugar no que se desenvolva, debe realizarse de acordo cos máis altos estándares de rigor e integridade. Isto supón: - Actuar con habilidade e atención en todo o traballo científico e manter actualizadas esas destrezas axudando ao seu desenvolvemento noutras persoas, especialmente cando se é o responsable dun equipo de investigación. - Tomar as medidas oportunas para evitar prácticas corruptas e a mala conduta profesional, declarando, de ser o caso, aqueles posibles conflitos de interese que poidan xurdir. - Ser consciente de como a investigación afecta ao traballo doutras persoas e respectar igualmente os dereitos e reputación do resto do persoal investigador. Compromiso O persoal docente e investigador da USC asume o compromiso de participar activamente en tarefas de investigación e innovación, elemento esencial e definitorio do ámbito universitario, na procura do desenvolvemento sostible, da calidade de vida e do benestar social. Rigor O persoal investigador debe seguir de xeito estrito o método científico, independentemente da súa área temática e, neste sentido, levar a cabo un rigoroso proceso de obtención e interpretación de datos, que require unha revisión detallada dos resultados obtidos antes de ser publicados. E, no suposto de que unha vez publicados se detecten erros, é obrigado facer unha rectificación pública o máis axiña posible. Honestidade O persoal investigador debe ser honesto tanto na execución das súas actividades de investigación como nas realizadas por outro persoal e coa súa propia institución. Aspectos como a fiabilidade e a responsabilidade no desenvolvemento da investigación deben abranguer a totalidade dos traballos de investigación como son a formulación inicial de hipóteses, o deseño metodolóxico, o uso dos recursos, a análise dos datos, a publicación dos resultados e o recoñecemento da contribución doutros/as investigadores/as na actividade realizada. Tamén se estenden a aquelas actividades de revisión e avaliación encargadas ao persoal investigador como experto nunha materia determinada. O persoal investigador debe igualmente respectar os dereitos de propiedade industrial e intelectual e evitar o plaxio e a manipulación dos resultados.
7 Conflito de intereses O conflito de intereses refírese en xeral a unha situación na que a opinión dun individuo, respecto a un interese primario, e as accións que realiza están influídos incorrectamente por un interese secundario (en xeral de tipo económico ou persoal). É dicir, o conflito aparece cando dous ou máis intereses contraditorios se relacionan coa actividade dunha persoa (ou mesmo dunha institución). O conflito estriba na situación específica mais ca no comportamento concreto ou falta de comportamento dunha persoa. Polo tanto, o conflito de interese non é por si mesmo malo pero é fundamental que a persoa se decate da existencia desta situación concreta e de xestionala axeitadamente. Na práctica das actividades de investigación o conflito de interese xorde cando unha persoa ten especiais intereses (persoais, profesionais ou económicos) que a poden levar a ter unha vantaxe persoal (sexa real ou aparente) que comprometan a integridade e validez da investigación ou da actividade que está a realizar. Polo tanto, o persoal investigador cando se atope nunha situación deste tipo debe evitalo ou facer coñecedores dela á súa institución, aos organismos financiadores da súa investigación, ou aos que lle encargaron unha actividade avaliadora ou mesmo ás entidades editoras de publicacións científicas cando actúa en actividades de revisión de traballos científicos. Respecto O persoal investigador debe actuar baixo o principio de respecto pola vida, o ben público e a lexislación. Sinteticamente significa asegurar que os suxeitos dos estudos (sexan persoas, animais, plantas, o medio ambiente en xeral ou o patrimonio cultural) sexan tratados do xeito máis correcto posible e cumprir coa lexislación aplicable. Polo tanto o persoal investigador debe: - Asegurarse de que o seu traballo sexa legal e estea xustificado. - Minimizar e xustificar calquera aspecto adverso que o seu traballo poida ter nas persoas, nos animais e no contorno natural e patrimonial. Responsabilidade A responsabilidade do persoal investigador debe estar presente desde a idea inicial da súa investigación até a publicación dos resultados, incluíndo a súa planificación e xestión, a formación e supervisión e titoría doutras persoas e polo posible impacto dos resultados acadados. O persoal investigador debe garantir que a investigación se desenvolve cumprindo cos requisitos éticos, legais e de seguridade máis axeitados, conforme aos termos e condicións definidas pola entidade financiadora na correspondente convocatoria ou ben aos acordados entre a USC e os organismos financiadores. Neste sentido é fundamental asegurar que: - A investigación se realiza seguindo uns criterios de sustentabilidade económica e medioambiental, respecto polas persoas e tendo en conta a perspectiva de xénero. - A investigación se vai desenvolver de acordo coa proposta orixinal presentada á entidade financiadora, agás naqueles casos nos que se aceptaran de común acordo modificacións específicas. - O financiamento recibido se utilizará exclusivamente para acadar os obxectivos previstos na investigación a desenvolver sendo necesaria unha autorización previa para modificalo. - Os informes científicos-técnicos e financeiros reflictan exactamente o traballo realizado e se entreguen nos prazos previstos. - As condicións relacionadas coa publicación, autoría e propiedade intelectual se compren conforme aos principios éticos e normas legais establecidas asi como do recoñecemento dos dereitos dos seus autores.
8 2. Organización da investigación na USC Grupos de investigación O desenvolvemento da investigación require normalmente traballar en equipo e o uso de metodoloxías, medios humanos e infraestruturas comúns organizadas a través de proxectos ou programas de investigación. Por tal motivo, e de acordo cos Estatutos da USC, a investigación realizarase en grupos de investigación, sen prexuízo que esta se poida facer de forma individual. Estes grupos de investigación son unidades organizadas arredor de liñas e obxectivos científicos comúns formados por persoal docente e investigador (PDI) e outro persoal investigador posdoutoral vinculado contractualmente coa Universidade que no seu conxunto teñen capacidade plena para o desenvolvemento da actividade investigadora. Os grupos tamén inclúen outro persoal investigador en formación e persoal de apoio e técnico e están coordinados por un investigador ou unha investigadora responsable del. Os grupos de investigación deben ter unha estrutura organizativa interna que facilite a asunción de responsabilidades na investigación que se desenvolva e a comunicación entre todos os seus membros, sendo recomendable que participen activamente nas actividades que se organicen e propoñan no seo do mesmo. Especificamente, e no desenvolvemento de calquera proxecto de investigación no que participen, os membros dun grupo de investigación, cada un co papel que teña asignado, deben acatar dito compromiso, renunciando a iniciativas que puidesen comprometer a correcta execución do referido proxecto. Os grupos de investigación tamén deben garantir que as súas actividades se desenvolven no marco das políticas de prevención de riscos laborais e de protección do medio ambiente da USC, para o que todos os seus membros deben coñecer e aplicar as normas de seguridade, saúde laboral e protección do medio ambiente, asumir as correspondentes responsabilidades e facer un uso adecuado dos recursos, medios, instalacións e servizos da USC. Liderado De acordo coa normativa da USC, os grupos de investigación deben ter unha persoa coordinadora que exercerá a súa representación e interlocución, asumindo as correspondentes responsabilidades nos aspectos de organización e xestión, e especificamente asegurando que se manteñen unhas boas prácticas de investigación en todo o seu proceso. O persoal investigador dos grupos de investigación, integrado como membro do mesmo, exercerán o liderado dos seus respectivos equipos de investigación e igualmente asumirán as súas correspondentes responsabilidades tanto na súa vertente científica como na xestión e organización do grupo, e igualmente contribuírán a manter unhas boas prácticas de investigación. Tanto a persoa coordinadora do grupo como os membros do mesmo, no seu papel de líderes dos seus equipos de investigación, deberán promover un ambiente de traballo no que as persoas poidan formarse e desenvolver as súas aptitudes, no que o ambiente de traballo fomente tanto o intercambio de ideas e coñecementos como a consecución duns obxectivos de investigación comúns. Igualmente os coordinadores deben promover a cooperación con outros grupos e equipos de investigación e o intercambio aberto de ideas. Avaliación do persoal e condicións non discriminatorias A USC recolle nos seus Estatutos a obriga de aplicar nos seus procedementos de acceso, avaliación e promoción do persoal docente e investigador criterios de publicidade, igualdade de oportunidades entre as persoas candidatas e o respecto aos principios de mérito e capacidade, de acordo coa lexislación vixente.
15 resultados. Se é o/a investigador/a principal quen cambia de institución este proceso se realizará coa supervisión da dirección do centro ou departamento na que se realiza a investigación. Todas as persoas que forman parte do equipo de investigación dun proxecto deben ter a posibilidade de acceder á información e interpretación dos datos obtidos nela. Por tal motivo, o/a investigador/a responsable debe ter un rexistro único dos diferentes elementos de recollida dos datos (cadernos de datos, bases de datos, etc) e de custodia das mostras e materias obtidos. Sempre que estea permitido, o intercambio ou a cesión de datos e de material con outras entidades debe facerse mediante o correspondente acordo de transferencia e tras a súa sinatura, agás que estes sexan públicos para o que se pode aplicar a lexislación vixente. No primeiro caso é fundamental coñecer previamente o uso que se vai facer dos mesmos, informar aos servizos ou unidades da USC que xestionan estes procesos e seguir un protocolo axeitado, mais se cabe cando existan limitacións por razóns de dispoñibilidade, competitividade ou confidencialidade. Finalmente, os datos de carácter persoal non poderán ser cedidos sen o consentimento previo e escrito dos seus titulares. 5. Publicación, difusión, divulgación e protección dos resultados da investigación Política de difusión A difusión dos resultados derivados da investigación é un deber ético do persoal investigador, tanto pola súa contribución a incrementar e mellorar o coñecemento xeral como polo feito de formar parte do proceso de rendición de contas respecto do uso dos recursos públicos para a investigación. Como xa se comentou anteriormente a USC apoia os principios da Investigación Aberta (Open Science) que favorecen e promoven modelos de publicación dos resultados da investigación en acceso aberto (Open Access ou acceso gratuíto á información), e en particular aqueles financiados con fondos públicos, para os que será de aplicación a lexislación e normas vixentes segundo o organismo financiador. En calquera caso, o acceso aberto por calquera das vías principais (verde ou dourada) da produción científica xerada polo persoal investigador se debe axustar aos mesmos criterios de honestidade e rigor que rexen para outros medios de publicación. Así mesmo, debe asegurarse a integración da produción científica do persoal da USC no repositorio institucional MINERVA (de obrigado cumprimento nos casos de resultados financiados con fondos públicos). Igualmente, recoméndase ao persoal investigador reter os seus dereitos de autoría mediante a aplicación da lexislación de propiedade intelectual. Non obstante o anterior cando se publiquen nos repositorios institucionais ou así se decida aplicaráselles licenzas de uso Creative Commons do tipo de “Recoñecemento-Non comercial-Compartir igual” aos seus artigos de investigación para permitir outras reutilizacións como a copia ou distribución destas publicacións”. Publicacións A publicación dos resultados, ben en forma escrita ou como comunicación oral, é unha actividade fundamental de calquera traballo de investigación, xa que é a única forma de facer partícipe deles e de sometelos á crítica por parte da comunidade científica internacional. Por tal motivo: - O persoal investigador debe esforzarse en publicar os resultados e as interpretacións da súa investigación de maneira aberta, honesta, transparente e exacta, incluíndo os resultados contrarios ou negativos á hipótese inicial, que se deben considerar tan válidos como os positivos.
16 - A publicación fragmentada de partes dun mesmo traballo unicamente é aceptable por razóns de extensión ou por requerimento dos editores. - O persoal investigador non debe demorar a publicación dos resultados obtidos, agás que a protección legal dos mesmos o esixa ou, nos casos de investigación en colaboración con entidades públicas ou privadas, as condicións contractuais acordadas estipulen un procedemento específico, en calquera caso sempre en liña co indicado anteriormente. - Nos casos en que se detecten erros no contido dunha publicación, se deben recoñecer os mesmos tan pronto como sexa posible mediante unha corrección en publicacións do mesmo nivel. Cando os erros son graves o aconsellable é publicar unha retractación do conxunto da publicación. Filiación e recoñecementos - Todo o persoal investigador debe deixar constancia clara da sua pertenza á USC en todos os traballos que publiquen, así como nas accións de difusión científica que realicen (como conferencias entre outras). No caso de persoal adscrito a outras estruturas de investigación (institutos mixtos, hospitais, centros tecnolóxicos, etc) a filiación á USC debe quedar claramente identificada. - A filiación á USC debe seguir as instrucións da propia universidade sobre a Normalización da filiación institucional nas publicacións cuxa autoría estea vinculada ao persoal da USC. - De ser o caso, en todos os traballos publicados débense incluír explicitamente os comités independentes que revisaron e aprobaron o protocolo de investigación. - No apartado de recoñecementos deben constar as persoas e institucións que colaboraron na investigación e especialmente, débese facer referencia ao traballo e contribución, de ser o caso, do persoal de apoio e dos servizos de apoio á investigación da USC. - Así mesmo, débense indicar e agradecer nas publicacións as subvencións, axudas financeiras ou patrocinios recibidos que financiaran de forma directa e substancial a investigación da que derivan, sempre que non haxa indicación en contra por parte das entidades financiadoras. Divulgación en medios de comunicación A divulgación ao público debe considerarse sempre como un exercicio de comunicación responsable. Neste sentido trátase de comunicar os resultados e as interpretacións da investigación con honestidade e precisión, e de comprender que os mesmos terán un impacto na sociedade no seu sentido máis amplo. Polo tanto, en xeral, serán de aplicación os mesmos criterios que se asignan ao resto de actividades de difusión como a veracidade e unha suficiente evidencia científica. A presentación dos resultados a través dos medios de comunicación debe contar sempre ben cunha explicación divulgativa que proporcione ao público un nivel adecuado de coñecementos ou ben unha parte da presentación adaptada a un público non especializado. Neste tipo de presentacións públicas o nome das persoas autoras debe ir sempre asociado ao da súa institución e sempre que sexa posible se mencionarán as subvencións e axudas recibidas. Non se considera aceptable a comunicación e difusión aos medios de resultados prematuros e non suficientemente contrastados. Como tampouco é aceptable esaxerar a relevancia e aplicabilidade práctica dos mesmos. A USC conta cun Gabinete de Comunicación do que se recomenda facer uso para calquera tipo de divulgación científica.
17 Autoría A lexislación vixente considera autor/a a aquela persoa natural que crea algunha obra literaria, artística ou científica. Desta definición derivan igualmente uns dereitos morais para os/as autores/as que son irrenunciables e inalienables. No caso dunha publicación científica, para ter a condición plena de autor/a, ademáis dos requisitos establecidos na lexislación, pódese ter en consideración os seguintes aspectos: - Contribuír de xeito substancial ao desenvolvemento do proxecto e ao proceso creativo, é dicir, á concepción e ao deseño do mesmo ou ben á análise e interpretación dos datos. - Contribuír, nos casos de “participación decisiva” na investigación ou na redacción da publicación, á preparación das comunicacións, informes ou publicacións resultantes. - Ser capaz de presentar en detalle a contribución persoal na investigación e de discutir os principais aspectos do conxunto da investigación. Todos os/as autores/as que aparecen nunha determinada publicación deben coñecer o texto da mesma e son responsables do seu contido, a menos que se especifique o contrario. A mera participación na obtención de recursos, na recolleita de datos ou mostras ou a provisión de suxeitos de experimentación, non xustifica necesariamente a condición de coautor/a, aínda que debe ser recoñecida no apartado de agradecementos. A persoa vinculada a un grupo ou equipo de investigación que, pola súa posición xerárquica, demande aparecer como autor/a de oficio, contravén a liberdade académica. Pola contra, a omisión do nome de calquera persoa que contribuíra probadamente segundo os criterios referidos con anterioridade supón un acto de apropiación indebida da propiedade intelectual para o resto dos/as autores/as. A orde de prelación dos/as autores/as debe realizarse segundo pautas aceptadas na disciplina obxecto do traballo de investigación, que teñen que ser coñecidas previamente por todo o persoal. Non obstante, é unha práctica habitual que a orde de firma nas publicacións científicas sexa a seguinte: - A primeira persoa autora é a que fixo o esforzo máis importante na investigación e elaborou o primeiro borrador do artigo. - A persoa senior que dirixe a investigación ou ten a última responsabilidade no protocolo de investigación será a derradeira como autora. - O resto de persoas poden aparecer por orde de contribución ou, nalgúns casos, por orde alfabética. A persoa autora que se fai cargo da correspondencia é a que sexa designada polas outras persoas autoras ou ben a autora principal e ten a responsabilidade principal en todo o proceso editorial así como nas interaccións futuras que se deriven da publicación do traballo. Finalmente, a edición de memorias, informes de traballo ou técnicos ou de calquera outro escrito dirixido a terceiros debe incluír sempre a relación de persoas autoras da investigación ou indagación, os centros de quen dependen e as axudas financeiras recibidas que teñan relación co referido informe, nos mesmos termos que no caso das publicacións. Protección dos resultados De acordo cos seus estatutos, unha das funcións da USC é a difusión, a valorización e a transferencia do coñecemento ao servizo da cultura, da calidade de vida e do desenvolvemento económico e social. Así mesmo, de acordo coa lexislación, correspóndelle á USC a titularidade dos resultados derivados da investigación realizada polo seu persoal docente e investigador cos medios persoais, materiais e de coñecemento desta. Especificamente os dereitos a solicitar os títulos de propiedade industrial adecuados para a súa protección xurídica e os dereitos de explotación relativos á propiedade intelectual.
18 Por tal motivo a USC fomenta e promove unha adecuada xestión da propiedade dos seus resultados para o que ten definida unha política de propiedade intelectual e industrial, acorde coa lexislación vixente, que permita a súa avaliación, protección valorización e comercialización. Neste sentido se os resultados obtidos nunha investigación foran susceptibles de explotación comercial deben ser obxecto de protección previa e non deben ser divulgados até que os servizos correspondentes da USC procedan a súa avaliación e análise a cal non deberá retrasar innecesariamente a súa publicación ou divulgación. Curriculum vitae O curriculum vitae (CV) é o resultado da actividade investigadora e en ningún caso debe ser o seu fin. Como tal recóllese nun documento no que se detallan os datos persoais básicos (co obxecto de cumprir coa lexislación sobre protección de datos de caracter persoal nos supostos de difusión pública), a formación e a experiencia profesional da persoa. A veracidade e a claridade da información subministrada son requisitos inexcusables e o seu contido é responsabilidade do titular sendo recomendable que estea asinado e rubricado en todas as súas páxinas por calquera dos medios establecidos. O persoal docente e investigador participará activamente nas directrices de divulgación e actualización do seu CV (por exemplo, a presenza en ORCID) que emanen dos órganos de goberno da USC, pois a visibilidade da investigación da USC é unha tarefa de todos. 6. Investigación financiada por entidades públicas e privadas. Propiedade intelectual e industrial Política da USC Os estatutos da USC indican que a investigación constitúe unha función esencial da mesma como instrumento de xeración de novo coñecemento, fundamento da docencia, medio para o progreso da comunidade e soporte da transferencia social do coñecmento. Así mesmo, a USC apoia as actividades de investigación, desenvolvemento e innovación contratadas e financiadas polas empresas e os organismos públicos e privados, sempre que sexan de interese para o desenvolvemento científico, cultural e tecnolóxico e que contribúan adecuadamente aos obxectivos científico-técnicos da mesma. Por tal motivo, o persoal investigador comprométese, dentro da lexislación e normas vixentes, a atender as demandas de coñecemento ou colaboracións presentadas explicitamente á USC por entidades públicas ou privadas. Estas colaboracións deberán estar sempre supervisadas e subscritas pola USC, a través dos servizos e unidades correspondentes, mediante un contrato de maneira que no mesmo se reflictan nas súas diferentes cláusulas todos aqueles dereitos e obrigas que permitan conciliar os intereses das partes, conforme á normativa propia da USC. O persoal investigador que vaia desenvolver un proxecto de investigación en colaboración ou baixo contrato, debe posuír os coñecementos e experiencia requiridos e, no curso das negociacions, salvagardar toda a información e coñecementos preexistentes que son propiedade da USC. Todos os acordos adoptados entre a entidade solicitante do traballo e as persoas responsables da execución da investigación contratada, quedarán recollidos no referido documento contractual incluíndo a distribución de tarefas e as contribucións de cada parte. Igualmente, recollerán as obrigas mutuas de secreto e confidencialidade, a asignación da propiedade dos resultados xerados e, de ser o caso, a forma máis adecuada e eficaz para a súa protección e as condicións de explotación. Non obstante estableceranse as limitacións necesarias para protexer a liberdade intelectual do persoal investigador da USC evitando compromisos de
19 confidencialidade desproporcionados ou restricións inxustificables no que respecta á publicación dos resultados. A propiedade intelectual dos resultados xerados nas actividades de investigación son propiedade da USC agás que no contrato se fixara a cesión do dereitos á entidade solicitante do traballo para a súa explotación. No que respecta aos dereitos de propiedade industrial igualmente se acordará o réxime de titularidade entre as partes. En calquera dos casos, se respectarán sempre os dereitos morais do persoal investigador que contribúa a obtención dos resultados no que se refire á autoría e recoñecemento como inventor, excluíndo os casos referidos á realización de actividades profesionais. Sempre haberá que evitar posibles conflitos de intereses tanto no momento de negociar as condicións do contrato como na difusión, protección e explotación dos resultados, poñendo especial atención en garantir o mantemento da independencia e os principios éticos da integridade na investigación. Por outro lado, cando a USC achegue ou transfira resultados de investigación a empresas de base tecnolóxica, xurdidas como resultado da actividade dun grupo determinado da universidade, velarase para que non se produzan conflitos de interese en favor dalgunha das persoas participantes na empresa. 7. Actividades de avaliación, asesoría e revisión O persoal investigador normalmente participa en actividades de avaliación de proxectos publicacións, grupos ou persoas. Nestas actividades hai que ter en conta: - A posibilidade de que exista conflito de intereses, tanto pola proximidade da persoa avaliadora cos suxeitos da avaliación como por razóns de competitividade. Nestas situacións a avaliación debe desestimarse. - Unha avaliación é confidencial e a persoa avaliadora debe considerala como tal e non utilizala para fins distintos aos da mera avaliación. No caso de avaliacións colectivas, a confidencialidade debe incluír as deliberacións internas dos comités agás aquilo que figure nas actas das reunións. En xeral estas actividades realízanse mediante o que se denomina revisión por pares (peer review) ou arbitraxe científica. Práctica do peer review A práctica do peer review fai referencia a todo encargo persoal, realizado pola condición da persoa como experta ou especialista, co fin de que esta realice unha avaliación, un exame ou unha crítica sexa en relación a un manuscrito enviado para a súa publicación, unha memoria para a que se solicita unha subvención individual ou colectiva ou un procedemento experimental obxecto dun exame por parte dun comité de ética. Estas revisións deben ser obxectivas, baseadas en criterios científicos e non en criterios de opinión ou ideas persoais. O persoal invitado debe rexeitar calquera revisión se existen conflitos de intereses (sexan persoais, académicos, económicos, etc) ou se considera que non está no ámbito da súa especialización para realizala. A documentación que se revise sempre debe considerarse información confidencial e privilexiada polo que a mesma: - Non se pode utilizar en beneficio da persoa que realiza a revisión até que a mesma sexa de dominio público, en cuxo caso deberá ter a correspondente cita. - Non se pode compartir con ningunha outra persoa se non é por motivos puntuais ou se non se dispón do permiso explícito do autor, editor ou axencia de investigación.
20 - Se fose posible unha situación deste tipo, non se debería reter nin copiar sen a correspondente autorización, polo que o máis habitual será destruír ou devolver o material recibido unha vez rematado o proceso de revisión. 8. Desviacións na práctica da investigación. Resolución de conflitos A ciencia como procura do coñecemento é, por principio, inimiga da fraude. Non obstante, existe a posibilidade de desviacións na actividade do persoal investigador que pretende fama ou méritos inmerecidos, ou inclusive nalgún caso, beneficios académicos ou económicos persoais ou institucionais. Este tipo de desviacións, constitúen un gran mal para o bo desenvolvemento da práctica científica, e son responsabilidade última do/a científico/a que as practica. As desviacións na práctica da investigación refírense fundamentalmente á fabricación, falsificación ou plaxio aplicados a unha proposta, á execución ou revisión da investigación ou á presentación dos resultados derivados da mesma: - A fabricación consiste en inventar datos ou resultados e rexistralos ou informalos. - A falsificación refírese á manipulación de materiais de investigación, equipos ou procesos e ao cambio ou omisión de datos ou resultados de xeito que a investigación que se desenvolve non queda rexistrada con precisión e rigor. - O plaxio refírese ao uso de documentos ou publicacións alleas sen recoñecer ou citar a súa autoría. As desviacións na práctica da investigación non inclúen os erros honestos ou as diferenzas de opinión. Os mecanismos para combater estas desviacións son, entre outros: - A obriga do persoal investigador de someter a crítica, mediante a revisión por pares, calquera nova achega así como a posibilidade de que outro persoal investigador, de xeito independente, contraste os resultados obtidos. - O compromiso da comunidade científica, tanto nacional como internacional de denunciar e combater o fraude. - A coordinación de todos os axentes, tanto nacionais como internacionais, que participan na investigación científica, nas tarefas de vixilancia do fraude e na súa persecución sistemática. A USC ten o compromiso de garantir que as posibles denuncias sexan tratadas con minuciosidade e rigor. As persoas afectadas por, ou coñecedoras de, supostas desviacións no exercicio da investigación poderán presentar a correspondente denuncia perante a Reitoría da USC que se tramitará, facendo uso dos correspondentes servizos administrativos e/ou académicos da USC. Tamén se poderá promover de oficio unha investigación sobre a posibilidade de que unha actividade ou omisión constitúa unha desviación na práctica legal da investigación. A tramitación deste procedemento terá a consideración de información reservada para garantir os dereitos das partes afectadas. A comprobación da existencia dunha desviación no exercicio da investigación, ben sexa por denuncia ou por información previa, leva implícita a adopción da correspondentes accións legais co fin de eliminalas, e de ser o caso, da aplicación do réxime disciplinario que corresponda. Así mesmo, a presentación de denuncias falsas de xeito intencionado e con beneficio para o/a denunciante suporá a adopción de medidas disciplinarias contra a persoa que realizou a denuncia.