scieee AI-readable full text Open interactive document viewer

Antonio Gamoneda e José Ángel Valente: textos recíprocos e contexto dunha amizade

Paz Fentanes, Laura

Full text

Monográfico ANTONIO GAMONEDA | 31 Antonio Gamoneda e José Ángel Valente: textos recíprocos e contexto dunha amizade por LAURA PAZ FENTANES Antonio Gamoneda e José Ángel Valente mantiveron unha amizade que xurdiu no Mercado da Poesía de París en 1996 e se prolongou por máis de catro anos, ata o falecemento do poeta ourensán en Xenebra. «Antonio Gamoneda es el último de los poetas de su edad con el que Valente se relaciona» (Valladares, 2016: 266), polo que o seu epistolario e os escritos que Gamoneda escribiu en homenaxe póstuma a Valente permitirán unha pequena aproximación ó tipo de relación que mantiveron dende o seu inicio ata máis alá da morte. Como xa se anunciou, os poetas, pese teren unha idade moi próxima, non trabaron amizade ata os últimos anos de vida do galego. O seu primeiro encontro queda testemuñado polo propio Antonio Gamoneda en Valente: texto y contexto: Fue en París, en el llamado «Mercado de la Poesía», donde nos encontramos y desde entonces puedo decir que, si no una José Ángel Valente e Antonio Gamoneda en Madrid no ano 2000 32 | EVOHÉ relación muy frecuente, sí se produjo para los dos una especie de descubrimiento, una empatía particular que creo que procedía del hecho de que ambos, en esos momentos (yo, siempre; José Ángel, «un poco menos siempre»), compartíamos, por así decirlo, un estado de soledad en lo que se refiere a la poesía. Esto de la soledad no tiene que destruir ningunha noción que se acerque a la solidaridad o a la amistad (Gamoneda: 2007, 13). Este encontro que propicia o inicio da súa amizade tamén abre a vía epistolar. As cartas que conservou José Ángel Valente de Antonio Gamoneda e máis a copia dalgunhas propias que fixo permanecen na Cátedra José Ángel Valente de Poesía e Estética da Universidade de Santiago de Compostela, creada no ano 2000, un ano despois de que o reitor, naquel momento, Darío Villanueva investise ó poeta doctor honoris causa. Dende a súa inauguración é dirixida polo poeta e amigo de ambos poetas Claudio Rodríguez Fer, baixo cuxa dirección o doutor Valladares levou a cabo a súa tese doutoral, Retrato de grupo con figura ausente (2016). Nela analiza o epistolario de José Ángel Valente cos poetas españois da súa idade e, polo tanto, o do autor de El fulgor con Antonio Gamoneda. Como se anunciaba anteriormente, o seu epistolario comeza no ano 1996 e finaliza en 1999. Das súas cartas despréndese unha moi boa relación e con especial interese de ambos poetas pola obra do outro. Non obstante, un dos datos máis reveladores destas misivas é o relativo ó momento exacto no que se coñeceron. Mentres que Gamoneda apunta, como xa se puido ler, a que se encontraron en París pouco antes da primeira carta que lle envía o 1 de xullo de 1996 a Valente; este escribe o 15 de novembro dese mesmo ano que o seu primeiro encontro tivo lugar no ano 1975, algo do que Gamoneda non garda recordo (Valladares, 2016: 265-266). En calquera caso, grazas á conservación destas cartas a amizade de Antonio Gamoneda e José Ángel Valente quedou plasmada nas propias palabras de ambos e, polo tanto, máis claramente. Por exemplo, o afecto mutuo resplandece na forma na que se dirixen o un ó outro: «Muy querido amigo […]» (2016: 268) escríbelle Valente nunha ocasión; ou en afirmacións como «Sabiendo lo que te quiero y te admiro […]» (2007: 272), neste caso de Antonio Gamoneda a Valente. Como xa se adiantou, as publicacións dun e doutro foron de interese para ambos. Disto dá mostra a biblioteca persoal de José Ángel Valente, custodiada tamén na Cátedra Valente, onde tamén se conservan os arquivos relacionados coa obra de Valente que publicou el mesmo ou outros autores sobre ela, entre os que está o propio Antonio Gamoneda. Como mostra do interese literario de Valente por Gamoneda na biblioteca de Valente poden atoparse os seus libros Libro del frío (1992), así como a súa tradución ó francés Livre du froid (1996), Libro de los venenos: corrupción y fábula del Libro Sexto de Pedacio Dioscórides y Andrés de Laguna, acerca de los venenos mortíferos y de las fieras que arrojan de sí ponzoña (1995), El vigilante de la nieve (1995) e Relación y fábula (1997). A esta lista deben sumarse algunhas colaboracións do poeta leonés noutros volumes, como a presentación de Paisaje de invierno (1993) de José Luis Puerto e a introdución e tradución de Mallarmé, Herodías (1996), esta en colaboración con Amelia Gamoneda. De entre todos os libros referenciados, Gamoneda dedicoulle dous, precisamente os dous dos que se ten constancia que Gamoneda lle enviou grazas ás súas cartas: o Libro del frío, do que Valente acusa recibo na súa misiva do 15 de novembro de 1996, e o Libro de los venenos, que Valente lle solicita nunha epístola previa e que Gamoneda lle envía unhas semanas despois xunto con outra carta súa. No primeiro, Gamoneda escribe: «Para celebrar (si en este libro se puede celebrar algo) la poesía de José Ángel Valente y preservar su amistad. [Firma] Antonio Gamoneda. León, 9, enero 1996». No segundo pode lerse: Monográfico ANTONIO GAMONEDA | 33 «Para José Ángel Valente, «aún». [Firma] Antonio Gamoneda. 4-V-97». Igualmente significativas son as mencións que fan os ambos poetas do outro. Por unha banda, José Ángel Valente mencionou a Antonio Gamoneda en entrevistas como a do 7 de abril de 1997 en ABC a propósito da súa creatividade solitaria, cita que Antonio Gamoneda lle agradeceu once días despois a través dunha carta (2016: 269). Pola súa parte, Antonio Gamoneda tratou de participar en homenaxes a José Ángel Valente anos antes do seu falecemento. Mostra disto é a súa participación no evento convocado polo Círculo de Bellas Artes en setembro de 1997 e que Valente lle anuncia por carta tres meses antes. Nel Gamoneda leu o poema «[Si después de morir nos levantamos]» da autoría de Valente, quen se emocionou «al oír este poema en boca ajena» (Gamoneda, 2007: 108). Outro acto no que Antonio Gamoneda tratou de participar, aínda que non puido acudir tal e como lle anuncia a Valente na última carta conservada do seu epistolario, foi no celebrado polo Concello de Verín en 1999. Non obstante, a lealdade de Gamoneda a Valente mantívose incluso despois da morte deste a través dos escritos. Así, se se segue unha orde cronolóxica, Gamoneda publicou no ano 2000 o artigo «Valente: de la contemplación de la muerte», en Cuadernos Hispanoamericanos, onde traza unha breve análise sobre a contemplación da morte na poesía da etapa creativa final de Valente. É neste mesmo artigo no que Gamoneda xa expresa que «[…] hay que valorar -y querer- a Valente frente a la desidia crítica y la incomprensión tendenciosa de algunos nuevos «garbanceros» (salvada sea la memoria de Galdós) que destacan por la torpeza entre los minirrealistas del momento» (2000: 9), idea que repetirá noutras publicacións. Ó final do escrito dedícalle o poema «[Sábana negra en la misericordia]». Un ano despois publica «Memoria de Valente» en ABC Cultural. Con todo, máis revelador resulta o volume Valente: texto y contexto (2007) que Antonio Gamoneda escribiu en torno á súa relación con Valente e a súa obra. O libro está dividido en catro partes: a primeira titúlase «El pensamiento poético de Valente» e xoga o papel dunha introdución; na segunda, «Valente y sus coetáneos», Antonio Gamoneda defende a Valente das duras críticas que algúns escritores da denominada «Xeración dos cincuenta» verteron na súa contra unha vez falecido o poeta galego; na terceira, «Valente y yo mismo», expón por contraste algúns dos poemas da súa autoría e outros do propio Valente; e na cuarta e última, «Lectura comentada de poemas de Valente», presenta unha escolma de textos do poeta ourensán. Ó longo do libro Gamoneda afirma que, pese a que a poesía de Valente e a del mesmo non chegan a ser iguais, nin se produciu un influxo directo, certamente os uniu unha gran proximidade e o feito de non sentírense integrantes dunha xeración ou grupo determinado. Así mesmo, Antonio Gamoneda participou en homenaxes póstumas como a lectura de clausura de «José Ángel Valente: memoria sonora», onde pronunciou o poema «[Hay una astilla de luz…]», que lle adicou dende esa mesma intervención nas súas sucesivas edicións. Pese a que a celebración tivo lugar en Ourense o 25 de setembro de 2009 polo oitenta aniversario do poeta galego, o volume homónimo ó nome do evento non se publicou ata catro anos máis tarde. Non obstante, a súa participación recolleuse por escrito no ano 2010 como parte da selección de poemas en homenaxe a Valente que se expón a continuación a propósito da seguinte homenaxe a Valente na que participou Gamoneda. Pois, xunto ó devandito poema aparecen «[El óxido se posó en mi lengua…]», «[Vi la sombra perseguida…]», «[Tengo frío junto a los manantiales]», «[Amor que duras en 34 | EVOHÉ mis labios]», «[Lame tu piel el animal del llanto…]», «[Vi lavandas sumergidas…]», «[Ésta es la edad del hierro en la garganta. Ya.]», «[Yo estaré en tu pensamiento…]» e «Ha de llover» para participar no libro poético que homenaxeou ó poeta galego, Poetas con Valente, e que foi publicado no ano 2010 pola Cátedra Valente. Neste volume tamén participaron os poetas e amigos de Valente Luz Pozo Garza, Pere Gimferrer, Claudio Rodríguez Fer, Olga Novo e Tera Blanco de Saracho, todos eles retratados pola artista lucense Sara Lamas. Os poemas de Gamoneda reuníronse baixo o título «Estamos solos». Neles hai unha tendencia á narración e ó verso longo, agás no caso do derradeiro. Pola orde na que anteriormente se presentan, o primeiro poema provén do poemario Arden las pérdidas (2003), ó igual que o sétimo e o oitavo. O segundo, que provén de Descripción de la mentira (1977), é unha composición longa, conta cunha división en nove partes e con abundantes interrogacións retóricas arredor do que pode considerarse verdade. O terceiro é breve, paralelístico pola repetición de «vi» ó comezo da maioría dos versos, divídese nesta ocasión en dúas partes e procede de Lápidas (1986). Os seguintes tres poemas, é dicir, o cuarto, o quinto e o sexto son tamén breves, todos eles proceden do Libro del frío (1992) e contan con abundantes elementos naturais e animais. O sétimo e o oitavo abordan o tema do paso do tempo e da perda da xuventude. O noveno provén de Cecilia (2004) e xira en torno ó recordo amoroso. O derradeiro, presentado en versión inédita, é o máis extenso de todos, cunha temática de denuncia da barbarie franquista e canto contra todo tipo de represión. Ó longo desta decena de poemas reitéranse as alusións á luz, ás sombras e ás tebras, todos eles símbolos moi presentes e significativos tamén na poesía de Valente. Así, a luz na poesía de José Ángel Valente pode atoparse nos propios títulos dos poemas «La luz no basta» (2014: 121), «Luz de este día» (2014: 179), «De luz menos amarga» (2014: 211) ou «Con la luz que reluces» (2014: 240), entre outros. A luz aparece en numerosas composicións en oposición ás sombras, polo que Valente os emprega de forma simultánea en poesías como «Declinación de la luz» (2014: 368), «Las nubes» (2014: 382-383) e «El descenso del crepúsculo esta tarde» (2014: 383). As sombras asoman, por citar só algúns casos, tamén en «El escorpión amigo de la sombra…» (2014: 305), «Eneas, hijo de Anquises, consulta las sombras» (2014: 362), «Canción para franquear la sombra» (2014: 371) e «[Sordas insignias de la sombra]» (2014: 382). Pola súa parte, as tebras están presentes xa no propio título do undécimo poemario de Valente, Tres lecciones de tinieblas (1980). En conclusión, se ben é certo que a relación entre Antonio Gamoneda e José Ángel Valente non foi das máis longas que mantivo o poeta galego, si que foi a dunha amizade sincera e chea de admiración mutua e interese pola escrita do outro. Ademais, no caso de Antonio Gamoneda esa lealdade e benquerenza poética quedaron demostradas non só nas cartas e dedicatorias dos libros enviados ó ourensán, senón tamén na súa participación nas homenaxes póstumas que se lle renderon a José Ángel Valente ata o momento. Bibliografía citada Gamoneda, Antonio (2000). «Valente: de la contemplación de la muerte», Cuadernos Hispanoamericanos, Madrid, n.º 606, 7-10. _________ (3/9/2001). «Memoria de Valente», ABC Cultural. _________ (2007). Valente: texto y contexto. Universidade de Santiago de Compostela, Servizo de Publicación e Intercambio Científico, Santiago de Compostela. _________ (2010). «Estamos solos», en Claudio Rodríguez Fer (ed.), Poetas con Valente. Universidade de Santiago de Compostela, Servizo de Publicacións e Intercambio Científico, Santiago de Compostela, 41-64. _________ (2013). «Hay una astilla de luz…», en Raquel Rivera Fernández (coord.), José Ángel Monográfico ANTONIO GAMONEDA | 35 Valente: memoria sonora. Deputación Provincial de Ourense, Ourense, 191. Redondo Abal, Francisco Xavier (2016). Biblioteca de José Ángel Valente. Universidade de Santiago de Compostela, Servizo de Publicacións e Intercambio Científico, Santiago de Compostela. Valente, José Ángel (2014). Poesía completa. Andrés Sánchez Robayna (ed.), Círculo de Lectores, Galaxia Gutenberg, Barcelona. Laura Paz Fentanes falando na Cátedra Valente de Santiago de Compostela Valladares, Saturnino (2016). Retrato de grupo con figura ausente. Edición y análisis de la correspondencia entre José Ángel Valente y los poetas españoles de su edad. Deputación Provincial de Ourense, Ourense, 264-272 e 382-384.