scieee AI-readable full text Open interactive document viewer

Regulación da figura de profesor emérito na Universidade de Santiago de Compostela

Universidade de Santiago de Compostela. Consello de Goberno

Full text

REGULACIÓN DA FIGURA DE PROFESOR EMÉRITO NA UNIVERSIDADE DE SANTIAGO DE COMPOSTELA Aprobada polo Consello de Goberno o 21 de decembro de 2005 A Lei Orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de Universidades (LOU), regula no seu artigo 54.1. a posibilidade de que as universidades contraten, en réxime laboral, profesores eméritos entre funcionarios xubilados dos corpos docentes universitarios que prestaran servizos destacados á universidade. A esta figura refírese tamén o Decreto autonómico 266/2002, do 6 de setembro, de contratación do profesorado universitario, nos seus artigos 9 e 15.3.f). Tras a aprobación dos estatutos da Universidade de Santiago de Compostela (USC) polo Decreto 28/2004, do 22 de xaneiro (DOG 09-02-2004), que recollen a figura do profesor emérito no artigo 31, con data 30 de marzo de 2004 aprobouse unha nova normativa para regular o acceso á condición de profesor emérito nesta Universidade. Dita normativa partía da necesidade de optimizar a utilización de recursos e de avanzar no reequilibrio do cadro de persoal docente, tanto entre áreas de coñecemento como entre categorías de profesorado, consonte á Programación Plurianual aprobada polo Claustro na súa sesión do 11 de marzo de 2004. Os seus obxectivos eran, por unha parte, tratar de aproveitar a experiencia do profesorado xubilado e, pola outra, establecer un mecanismo que permitira anticipar o proceso de renovación do cadro de persoal docente, posibilitando o adianto da idade de xubilación. A súa aprobación produciuse no marco do Plan de Equilibrio Económico-Financeiro e supuxo unha contribución importante no proceso de superación dunha situación económica difícil. Unha vez encarrilada a situación cumpre recuperar a posibilidade de contratación como profesor emérito a partir dos 70 anos. Tendo en conta que, independentemente da situación económica, seguen vixentes os obxectivos contemplados na antedita normativa, é preciso manter tamén a posibilidade de contratación daqueles profesores que opten por xubilarse voluntariamente antes dos 70 anos. Por todo o exposto, proponse ao Consello de Goberno para a súa aprobación na sesión do 21 de decembro de 2005 a seguinte REGULACIÓN: 1. PROFESORES EMÉRITOS Poderán ser contratados como profesores eméritos, consonte ao establecido nesta norma e nas disposicións de carácter xeral que sexan de aplicación, os funcionarios dos corpos docentes universitarios que cumpran os seguintes requisitos: 1 a) Cumprir a idade de xubilación obrigatoria durante o curso no que se solicite a contratación como profesor emérito. b) Ter prestado servizos destacados á universidade durante un mínimo de 25 anos, 15 deles, cando menos, con dedicación a tempo completo. c) Ter recoñecido como mínimo un número de tramos de actividade investigadora avaliados positivamente que o sitúe no cuartil superior da distribución porcentual dos profesores funcionarios por tramos de investigación correspondente á súa área de coñecemento, consonte aos datos máis recentes que figuren na web da Comisión Nacional de Avaliación da Actividade Investigadora (CNEAI) na data da convocatoria á que se refire o apartado 2.1. d) Non ter sido sancionado en firme durante a prestación de servizos na universidade. 2. REGULACIÓN A contratación do profesorado emérito ao que fai referencia o apartado 1 desta normativa rexerase polo establecido nas seguintes disposicións: 2.1. CONVOCATORIA Cada curso académico por resolución reitoral abrirase un prazo durante o cal os profesores que cumpran os requisitos relacionados no mencionado apartado 1 poderán solicitar ser contratados como eméritos. Por razóns orzamentarias, a convocatoria poderá limitar o número de contratos de profesor emérito que se poderán realizar no curso académico correspondente. En calquera caso, o número de profesores eméritos a que fai referencia esta normativa non poderá exceder do 3% do cadro de persoal docente da Universidade. 2.2. SOLICITUDES A iniciativa para a contratación corresponderá ao profesor interesado, que deberá presentar unha solicitude dirixida ao reitor acompañada da seguinte documentación:  Currículo completo do solicitante.  Informe razoado do Consello de Departamento e, de ser o caso, tamén do Instituto, no que se indicará o plan de actividades que realizará o profesor no caso de ser contratado como emérito.  Informe razoado da Xunta/s de Centro no/s que o profesor desenvolvera o seu labor (docente e/ou de xestión) nos últimos dez anos. 2.3. AVALIACIÓN DAS SOLICITUDES E PROPOSTAS DE CONTRATACIÓN A Comisión de Organización Académica e Profesorado (COAP) analizará as solicitudes de contratación presentadas e elevará a proposta que corresponda ao Consello de Goberno. 2 Para os efectos de elaborar a proposta consideraranse méritos relevantes os seguintes:  Os anos de servizo na universidade.  O labor desempeñado nos ámbitos da docencia e da investigación, así como os resultados da avaliación correspondente. Terán unha consideración especial as actividades desenvolvidas nos últimos cinco anos.  O proxecto de actividades que o solicitante vai desenvolver durante o período para o que se solicita a contratación.  As estadías en institucións científicas e académicas estranxeiras.  O desempeño de cargos académicos.  Valorarase especialmente a necesidade de culminar tarefas investigadores e/ou proxectos docentes en curso. Terán unha consideración especial para estes efectos os servizos prestados na USC. Con carácter previo á formulación da proposta a COAP poderá solicitar informe sobre os currículos dos solicitantes a unha axencia de avaliación externa. Cando a convocatoria limite o número de contratos de profesor emérito, a COAP ordenará as solicitudes recibidas e emitirá un informe xustificativo da orde de prelación asignada. Na medida do posible tenderase a que no conxunto de profesores eméritos estean representados os diferentes ámbitos de coñecemento. 2.4. APROBACIÓN DAS PROPOSTAS DE CONTRATACIÓN O Consello de Goberno decidirá sobre a contratación de profesores eméritos á vista da proposta elevada pola COAP. 2.5. CONTRATACIÓN 2.5.1. Duración do contrato Os profesores eméritos serán contratados en réxime laboral, con carácter temporal, por un período de tres anos, con posibilidade de prórroga por outro período de dous anos. En calquera caso, a condición de profesor emérito será vitalicia a efectos honoríficos. A efectividade da contratación estará condicionada a que o profesor acredite a súa condición de xubilado. 2.5.2. Adscrición Os profesores eméritos adscribiranse a unha área de coñecemento e quedarán asignados ao departamento e, de ser o caso, ao instituto correspondentes. 2.5.3. Dedicación 3 A dedicación dos profesores que sexan contratados como eméritos ao abeiro desta normativa será de 12 horas á semana. 2.5.4. Retribución A retribución dos profesores eméritos contratados en virtude desta norma estará asimilada á de profesor asociado tipo 3, 6 horas. 2.5.5. Funcións Os profesores eméritos colaborarán nalgunhas das seguintes actividades: dirección de tarefas de investigación, docencia de posgrao e, en xeral, estudos de especialización científica e profesional, actividades de extensión universitaria e outras equiparables. A colaboración dos profesores eméritos na docencia de posgrao non computará para os efectos do cálculo da capacidade docente das áreas de coñecemento. 2.6. PRÓRROGA DOS CONTRATOS 2.6.1. Os profesores eméritos que rematen o contrato e non teñan esgotado o período máximo de contratación establecido nos estatutos poderán solicitar a prórroga do seu contrato no prazo de presentación de solicitudes a que se refire o apartado 2.1. desta normativa. 2.6.2. As solicitudes de prórroga dirixiranse ao reitor, acompañadas dun informe persoal sobre as actividades realizadas e de informe do Consello de Departamento, e no seu caso do Instituto, sobre o grao de cumprimento do plan de actividades proposto para a contratación como profesor emérito. 2.6.3. A COAP, tendo en conta as actividades docentes e investigadoras desenvolvidas durante a vixencia do contrato como profesor emérito e a súa adecuación ao plan de actividades, analizará as solicitudes de prórroga e elevará a proposta que corresponda ao Consello de Goberno. DISPOSICIÓN ADICIONAL Co obxecto de favorecer a renovación do cadro de profesorado, a USC tamén poderá contratar profesores eméritos ao abeiro da Normativa aprobada para estes efectos no Consello de Goberno do 30 de marzo de 2004, modificada parcialmente por acordo do 17 de novembro de 2004, nas condicións que nela se determinan. DISPOSICIÓN TRANSITORIA (Sen efecto por acordo do C.G. do 11-02-2009) Os profesores contratados como eméritos no momento de aprobarse esta normativa manterán as condicións en que foron contratados, sen prexuízo da posibilidade de 4 5 prórroga dos seus actuais contratos no caso de que ao remate deles non teñan esgotado o período máximo de contratación consonte ao establecido nos estatutos, e cumpran o requisito recollido no apartado 1.c) da presente regulación. DISPOSICIÓN FINAL Esta normativa entrará en vigor a partir da data da súa aprobación polo Consello de Goberno da Universidade de Santiago de Compostela.