scieee AI-readable full text Open interactive document viewer

Os combustibles e as manufacturas en madeira durante a Idade do Ferro: estudo antracolóxico do xacemento de Castrolandín (Cuntis, Pontevedra)

Martín Seijo, María

Abstract

O estudo antracolóxico do xacemento de Castrolandín (Cuntis, Pontevedra) ofrece información sobre o consumo de especies leñosas como combustibles e para a elaboración de manufacturas nun xacemento castrexo de interior cunha cronoloxía que vai do s. II ANE ata finais do s.I da nosa era

Full text

Estudos do Quaternário, 5, APEQ, Porto, 2008, pp. 87-98 87 OS COMBUSTIBLES E AS MANUFACTURAS EN MADEIRA DURANTE A IDADE DO FERRO: ESTUDO ANTRACOLÓXICO DO XACEMENTO DE CASTROLANDÍN (CUNTIS, PONTEVEDRA) MARÍA MARTÍN SEIJO * Resumo O estudo antracolóxico do xacemento de Castrolandín (Cuntis, Pontevedra) ofrece información sobre o consumo de especies leñosas como combustibles e para a elaboración de manufacturas nun xacemento castrexo de interior cunha cronoloxía que vai do s. II ANE ata finais do s.I da nosa era. Palavras - chave: Idade do Ferro, antracoloxía, combustibles, manufacturas en madeira. Abstract Woodfuel and the woodworking during the Iron Age: charcoal analysis data from Castrolandín (Cuntis, Pontevedra) - The charcoal analysis of the settlement of Castrolandin (Cuntis, Pontevedra) offers information about the tree species management for fuelwood and for woodworking in an Iron Age hillfort from s. II BC to s. I AC. Key - words: Iron Age, charcoal analysis, woodfuel, woodworking. 1. INTRODUCIÓN A análise dos carbóns arqueolóxicos permite obter información sobre determinadas actividades esenciais da vida cotiá das sociedades da Idade do Ferro, especialmente aquelas vinculadas á producción de enerxía térmica e lumínica. Os datos referidos ó uso e consumo de combustibles para alimentar os fogares domésticos e artesanais son os máis habituais, pero no caso da existencia de incendios permiten identificar outro tipo de usos da madeira: construcción, carpintería, etc. Os datos obtidos a partir do estudo antracolóxico do xacemento de Castrolandín permiten realizar unha aproximación ós tipos de materias primas leñosas utilizadas para estos fins nun asentamento castrexo dunha zona de interior ocupado dende o s. II ANE ó s. I da nosa era (Fig. 1). Durante a Idade do Ferro e especialmente cara o cambio de era os datos obtidos a partir de diversas análises paleobotánicas e edafolóxicas sinalan un cambio significativo na xestión do bosque, no que os sinais de deforestación pasan de ser locais a rexionais (MARTÍNEZCORTIZAS et al., 2005), e son introducidas prácticas de silvicultura que favorecen a expansión de determinadas especies forestais como Castanea e Juglans. Fig. 1 - Localización do xacemento de Castrolandín (Cuntis, Pontevedra). Fig. 1 - Location of the settlement of Castrolandín (Cuntis, Pontevedra). __________________________________ * Grupo de Estudos para a Prehistoria do Noroeste Ibérico, Dep. Historia I-Universidade de Santiago de Compostela. María Martín Seijo 88 2. CONTEXTO BIOXEOGRÁFICO O xacemento localízase na rexión bioxeográfica atlántica ou eurosiberiana da Península Ibérica dentro do piso bioclimático colino ou basal (COSTA et al., 2001, RIGUEIRO, 2003), no que a carballeira acidófila con xilbardeira (Rusco aculeati- Quercetosum roboris) constitúe a vexetación potencial desta zona. Durante o Subatlántico a vexetación característica segundo a información paleoambiental obtida a partir das análises polínicas son os bosques caducifolios, predominando claramente no estrato arbóreo o xénero Quercus, seguido de taxóns eurosiberianos como Betula, Alnus e Corylus (CARRIÓN, 2003). O estrato arbustivo acada unha importante representación durante este periodo tanto nas secuencias polínicas como antracolóxicas documentándose a presenza de Fabaceae e Ericaceae. A vexetación que rodea actualmente o xacemento está moi alterada pola repoboación con especies como o eucalipto e o piñeiro, sen embargo nalgunhas zonas próximas aínda podemos ver a vexetación autóctona integrada por formacións de caducifolios co carballo pedunculado (Quercus robur) como especie dominante, nos claros exemplares de espiño albar (Crataegus monogyna), e nas zonas máis húmidas formacións riparias (Alnus glutinos, Corylus avellana, Salix sp, Frangula alnus). As formacións arbustivas son as que teñen unha maior importancia con especies colonizadoras como Genista e Ulex, e nas zonas degradadas polos eucaliptos xeófitos como os fieitos. 3. CONTEXTO ARQUEOLÓXICO O xacemento de Castrolandín é un pequeno poboado fortificado, situado en Cuntis (Pontevedra), emprazado nun pequeno esporón que queda delimitado por dous cursos de auga. Ten unha croa de forma oval delimitada por un parapeto en todo o seu perimentro excepto na zona Oriental onde aproveita a pendente natural do terreo. No que respecta ás estructuras documentadas na croa observouse a coexistencia de estructuras pétreas con outras realizadas en materiais perecedoiros, así como áreas de actividade ó aire libre. En zonas puntuais do asentamento documentáronse incendios que destruíron varias construccións que non foron ocupadas posteriormente polo que os materiais arqueolóxicos foron recuperados in situ. A cronoloxía do asentamento a partir da tipoloxía dos materiais arqueolóxicos recuperados vai dende os inicios do s. II ANE ata finais do do s. I da nosa era. As mostras analizadas proceden das intervencións levadas a termo polo Laboratorio de paleoambiente, patrimonio e paisaxe (LPPP) da USC e xestionadas pola Fundación Terra Termarum. Durante o 2004 realizouse unha campaña de sondaxes e unha escavación en área no ano 2005. Os carbóns analizados foron recuperados de distintas áreas do asentamento (interior de construccións realizadas en pedra ou en materiais perecedoiros, espacios exteriores próximos ás construccións, zonas de actividade ó aire libre), e de diferentes contextos (niveis de recheo e nivelación, niveis de uso, niveis de incendio, e niveis de abandono). 4. MATERIAL E MÉTODOS Durante as intervencións arqueolóxicas recolléronse a man os fragmentos de carbón de maiores dimensións, e durante a campaña do 2005 paralelamente á escavación levouse a termo a flotación dos sedimentos que ofrecían unha maior concentración de restos arqueobotánicos. Debido á importante cantidade de carbón recuperado despois do tamizado e da tria xa no laboratorio realizouse unha mostraxe, a partir dun volume constante de carbóns por cada bolsa resultante da flotación ou a totalidade da mostra no caso de non chegar á cantidade mínima. A recollida combinada das mostras permitíu determinar unha sobrerrepresentación de determinadas especies arbóreas de madeira dura (Quercus sp caducifolio) fronte a outras especies de madeira máis branda ou de arbustos que proporcionan unha leña de menor calibre. Ademais na mostra resultante da flotación foi posible identificar unha maior variedade de taxóns arbóreos e arbustivos (Fig. 2). O carbón foi observado nun microscopio de luz a reflexión con obxectivos 20x, 40x, 200x e 400x do Departamento de Historia I da Universidade de Santiago de Compostela. Para a determinación realizáronse diferentes cortes no carbón buscando os tres planos anatómicos da madeira: transversal, lonxitudinal tanxencial e lonxitudinal radial. Unha vez observadas as características anatómicas comparouse cos atlas de anatomía de madeira de F.H. Schweingruber (1978, 1990), J.G. Hather (2000) e co de carbóns actuais e arqueolóxicos de J.-L.Vernet et al. (2001), e cunha colección de referencia de carbóns actuais. Os combustibles e as manufacturas en madeira durante a Idade do Ferro: estudo antracolóxico do xacemento de Castrolandín (Cuntis, Pontevedra) 89 Táboa 1 - Relación dos taxóns identificados no interior das diferentes construccións da croa. Table 1 - List of taxa identified within the various buildings of the high platform. María Martín Seijo 90 Fig. 2 - Riqueza taxonómica e porcentaxe de representación dos diferentes taxóns en función do tipo de mostraxe realizado. Fig. 2 - Taxonomic variety and percentage of representation of different taxa depending on the sample process. 5. DATOS ANTRACOLÓXICOS 5.1. Identificación taxonómica e comentarios A partir da análise estudáronse un total de 1166 fragmentos de carbón determinándose en total 12 taxóns: carballo (Quercus sp caducifolio), fabáceas tipo xesta-toxo (Fabaceae), ameneiro (Alnus sp), ameneiro-avelaira (Alnus/Corylus), maloideas tipo espiño albar (Maloideae), bidueiro (Betula sp), freixo (Fraxinus sp), salgueiro-chopo (Salix/Populus), abelaira (Corylus avellana), acivro (Ilex aquifolium), sanguiño (Frangula alnus), hedra (Hedera helix) e nogueira (Juglans regia). Recuperáronse fragmentos de carbón dos depósitos interiores das construccións en pedra (B a J) e de dous fondos de cabana construídos con materiais perecedoiros (cons. K, cons.*, Táboa 1). A especie máis representada neste tipo de estructuras é o carballo, seguido das fabáceas, e especies de ribeira como a abelaira e o ameneiro, as demais especies teñen unha presenza moi puntual. Analizáronse 5 mostras de carbóns relacionadas con estructuras de combustión, identificándose unicamente 6 taxóns a partir 47 fragmentos de carbón recollidos manualmente. Entre os taxóns determinados predomina claramente o Quercus sp caducifolio (80.9 %), fronte ás demais especies determinadas Fabaceae (6.4 %), Corylus avellana (4.3 %) e máis puntualmente Alnus sp, Maloideae, e Fraxinus sp (2.1 %) (Táboa 2). A pouca diversidade taxonómica destas estructuras é habitual debido ós procesos de limpeza e mantemento ás que son sometidos estos dispositivos de combustión co fin de garantizar un correcto funcionamento, polo que só aparecen os restos dos derradeiros momentos de ocupación (PIQUÉ & ROS, 2002) Táboa 2 - Número absoluto (Nº) e porcentaxe (%) dos taxóns nas estructuras de combustión. Table 2 – Absolute number (Nº) and percentage (%) of the taxa in the structures of fireplaces. Os combustibles e as manufacturas en madeira durante a Idade do Ferro: estudo antracolóxico do xacemento de Castrolandín (Cuntis, Pontevedra) 91 Os resultados obtidos dos carbóns recollidos en áreas de actividade ó aire libre, espazos entre construccións e en zonas vinculadas ó parapeto de terra que rodea o asentamento ofrecen unha importante variedade de taxóns, sendo nas zonas entre construccións onde se localizaron os fragmentos de madeira carbonizados con sinais de traballo de carpintería (Táboa 3). Táboa 2 - Taxóns identificados en zonas exteriores ás construccións, patios e en relación ó parapeto. Table 3 – Taxa identified in areas outside the buildings, related with courtyards and with the parapet. 5.2. Aspectos dendrolóxicos Observáronse determinados aspectos dendrolóxicos, como a medición do diámetro de pólas, a frecuencia da presenza de vitrificación dos tecidos, grietas na estructura anatómica, acción de insectos xilófagos, e incluso a existencia de cicatrices nalgún dos fragmentos de carbón. Realizáronse en total 124 medicións de radios, un 10.6 % do total analizado, na maior parte dos casos correspóndense con pequenas pólas de diferentes especies: Quercus sp caducifolio, Fabaceae, Corylus avellana, Alnus sp, Maloideae, Juglans regia e Salix/Populus. A maior cantidade de medicións foron realizadas sobre pequenas pólas de entre 1 mm e 10 mm. Os diámetros de maior envergadura correspóndense con fragmentos de Quercus sp caducifolio. O maior número de medicións realizouse sobre Corylus avellana, nos que foi posible determinar o diámetro dun 56.09 % dos fragmentos identificados desta especie, que se corresponden en xeral con pequenas pólas de entre 6 mm e 15 mm (Fig. 3). Nos carbóns estudados observáronse cicatrices en fragmentos carbonizados de madeira de carballo, en tódolos casos observados a cicatriz se localiza no leño xove, no momento de crecemento da árbore que se produce durante a primaveira. Os tecidos das árbores e arbustos poden presentar estas cicatrices por diversos motivos como feridas que afectan ó cambium, enfermidades de diverso tipo, a acción do lume, as xeadas, etc. Fig. 3 - Medicións dos diámetros en relación co taxón arbóreo ou arbustivo. Fig. 3 - Measurement of diameters in relation to the tree and shrub taxon. María Martín Seijo 92 A presenza de marcas de xilófagos é anecdótica unicamente se apreciou nun 0.65 % das mostras analizadas. As especies afectadas pola acción destos insectos son Corylus avellana (UE275, UE060, UE054), Fraxinus sp (UE148), Alnus sp (UE400), Fabaceae (UE060). Algúns dos fragmentos que presentan este tipo de alteración presentan marcas de traballo. Os insectos xilófagos atacan unicamente á madeira morta polo que a constatación da existencia da súa acción sobre a madeira pode indicar ben o consumo de madeira morta producida de maneira natural polas árbores ou madeira viva contaminada no pé da árbore ou a recolección de madeira verde que é almacenada. No caso de obxectos elaborados en madeira ou utilizados como elementos constructivos adoitan presentar en moitas ocasións este tipo de marcas (CARRIÓN & BADAL, 2004; MARGUERIE & HUNOT, 2007). A presenza de grietas radiais é moi común nos carbóns, e depende habitualmente da estructura anatómica específica das diferentes especies (son máis frecuentes no caso de taxóns con radios multiseriados como Quercus sp caducifolio), a localización na parte do tronco ou da póla (son menos habituais cerca do cerne), o nivel de humidade e da temperatura acadada durante a combustión. A presenza de tecidos vitrificados é consecuencia da fusión dos diferentes compoñentes anatómicos da madeira, cando o proceso de vitrificación chega ó seu estadio final non permite unha identificación anatómica. Observouse a presenza de vitrificación dos tecidos nun 8.1 % dos casos, unha porcentaxe pouco significativa. Os taxóns que presentan vitrificación son Juglans regia, Fabaceae e Quercus sp caducifolio, o que podería indicar a combustión destas especies cando contiñan aínda un elevado grao de humidade. A vitrificación soe ir asociada coa presenza de grietas radiais. Normalmente este tipo de alteración afecta máis a pequenas pólas. As causas da vitrificación non se coñecen exactamente, e pode producirse por varios motivos: a combustión rápida a altas temperaturas, ou incluso condicións específicas de combustión e tafonómicas, como a queima de madeira verde en condicións anaeróbicas (MARGUERIE & HUNOT, 2007). 5.3. Xestión do combustible O conxunto de carbóns estudados na análise antracolóxica permite obter datos sobre as estratexias de aprovisionamento e uso dos recursos forestais durante o periodo de ocupación do asentamento, dende inicios do s. II ANE ata finais do do s. I da nosa era. O estudo da ubicuidade dos diferentes taxóns nas diferentes estructuras, é dicir a aparición recurrente dun taxón, indica un uso preferente dunha determinada especie (Táboa 4). A análise da recurrencia de aparición das diferentes especies en relación ás unidades estratigráficas de procedencia minimiza a sobrerrepresentación de determinados taxóns en base ó reconto do número de fragmentos (PIQUÉ, 1999). Taboa 4 - Número de fragmentos e ubicuidade nas unidades estratigráficas dos taxóns determinados. Table 4 - Number of fragments and ubiquity in certain taxa of stratigraphic unit. En Castrolandín a especie que aparece representada máis recurrentemente é Quercus sp caducifolio, seguida de Fabaceae, e de especies de ribeira como Corylus avellana, Alnus sp, Maloideae, Frangula alnus e Salix/Populus. Existe unha explotación combinada do bosque de caducifolios do que se obtén a madeira de carballo, xunto coas formacións de matogueira representadas polas fabáceas, e co bosque de ribeira do que se aproveitan multitude de especies arbóreas. Hai unha clara preferencia pola utilización de especies arbóreas fronte ás arbustivas, tanto para a obtención de combustibles como para a confección de obxectos en madeira (Fig. 4). Os ámbitos teóricos de obtención da materia prima e manufacturas a través de mecanismo de explotación ou intercambio elaborados para a o periodo castrexo (CARBALLO, 2002) sinalan a zona inmediata ó asentamento, entre 1 km e 2 km de distancia como a área na que se explotan os recursos forestais, onde se obteñen os alimentos, e materias primas como a pedra ou a arxila. Neste caso a partir da localización dos cursos de auga ós Os combustibles e as manufacturas en madeira durante a Idade do Ferro: estudo antracolóxico do xacemento de Castrolandín (Cuntis, Pontevedra) 93 que se vinculan as especies de ribeira identificadas podemos sinalar parcialmente a área de captación da que se obteñen estas madeiras utilizadas posteriormente tanto como combustibles como madeira para a construcción ou a elaboración de artefactos. No caso de Castrolandín as zonas vinculadas a cursos fluviais, ás que se asocian os bosques de ribeira, máis próximas estarían a 0.1 km cara o Norte, e 0.3 km cara o Sur, e as máis alonxadas situadas cara o Este e o Oeste estarían a 1.5 km e 1.2 km respectivamente. As especies de ribeira serían as predominantes no entorno do asentamento, de aí a importancia da súa representación, especialmente se observamos a ubicuidade dos taxóns que integran estos bosques xa que representan o 35.64 %, a pesar de que a formación arbórea máis explotada é o bosque mixto de caducifolios, co carballo como a madeira máis utilizada se observamos a recurrencia do seu uso nas unidades estratigráficas (41.99 %) e o número de fragmentos (76.7 %) (Fig. 5). Os vales e ladeiras suaves probablemente ocupados por bosques mixtos de caducifolios ou carballeiras estarían na zona Oeste do asentamento. Nas zonas marxinais deste bosque a matogueira ten un papel moi importante para a obtención dos combustibles ou incluso como forraxe para os animais ou material de construcción. A extensión deste tipo de formacións pode ser favorecida intencionalmente polos habitantes do castro co fin de aproveitar estas prantas mediante a realización de cortas ou incendios. Fig. 4 - Comparación entre o número total de fragmentos e a ubicuidade dos taxóns nas diferentes unidades estratigráficas. Fig. 4 - Comparison between the total number of fragments and ubiquity of taxa in different stratigraphic units. Fig. 5 - Comparación entre o número total de fragmentos e a ubicuidade das diferentes formacións identificadas. Fig. 5 - Comparison between the total number of fragments and ubiquity of the different groups of species identified. María Martín Seijo 94 As xestas e toxos, así como os bidueiros son especies pioneiras e pirófitas que medran favorecidas pola acción do lume sobre as formacións herbáceas e boscosas, ademais as primeiras favorecen a rexeneración dos solos degradados mediante a fixación do nitróxeno. Como sinalamos anteriormente a recolección de pólas de pequeno calibre ten unha certa importancia na mostra analizada polo que podemos atoparnos ante unha recolección preferente deste tipo de leña. Este tipo de leña é facilmente transportable, ademáis de permitir unha recolección sen utilizar un instrumental específico, simplemente a man, coa axuda dun lazo, ou con pequenas ferramentas de corte como coitelos, fouces ou podóns. Ademais de que probablemente fora abundante no entorno, pola propia poda natural de determinadas especies que producen madeira morta que pode ser recollida do chan ou do pé da árbore, como podería ser o caso da abelaira, un arbusto ou pequena árbore que se ramifica dende a cepa, sen un tronco principal definido (LÓPEZ, 2002) polo que é sinxelo cortar varas duns tamaños facilmente transportables, ademáis de producir unha importante cantidade de madeira morta que está dispoñible a nivel do chan (NEWMAN et al., 2007). Non podemos desbotar de tódolos xeitos que a selección de pequenas pólas non fora destinada á confección de elementos de cestería, entramados para delimitacións interiores ou exteriores, confección de recipientes ou mangos de ferramentas, etc e que os residuos derivados destas actividades pasaran a formar parte do rexistro antracolóxico debido a un incendio fortuito ou á eliminación mediante o lume deste tipo de residuos. As varas longas e flexibles da abelaira ou do salgueiro utilízanse en cestería, as de carballo eran utilizadas nas seves ou peches realizados con madeira cos que se delimitaban prados e cultivos no mundo tradicional, en ocasións combinando paus de carballo e entramados de abelaira (BLANCO, 1996), as xestas (Fabaceae) son utilizadas para confeccionar os teitos de construccións debido á súa resistencia á acción de roedores e insectos (TORRES, 2003), etc. Para poder observar a existencia de continuidades ou cambios no consumo de combustibles leñosos no asentamento, agrupamos os resultados a partir dun criterio cronolóxico utilizando as fases constructivas definidas durante a intervención realizada no 2005. A primeira fase corresponderíase coa construcción de edificacións circulares en pedra xunto con fondos de cabana realizados en materiais perecedoiros (Construccións A, E, K, I, D). Durante o segundo momento refórmanse algunhas das construccións e edifícanse outras, entre elas unha construcción circular con vestíbulo e outra de planta rectangular (Construccións G, J, L, H, e ampliación da Construcción D). A terceira fase estaría documentada a partir da reforma realizada nunha das construccións edificadas durante a segunda fase (dependencia anexa á Construcción H, desta última fase non temos datos antracolóxicos). O resto de datos vinculados a construccións que non son adscribibles a ningunha das fases foron agrupados como indeterminados (Construccións B, C, F, espacios entre as Construccións D e F, B e C, E exterior da Construcción B) (Táboa 5). Táboa 5 - Distribución de taxóns en relación coas fases constructivas. Table 5 - Distribution of taxa in relation to the constructive phase. A partir dos datos obtidos podemos observar unha certa continuidade no patrón de explotación de combustibles, co carballo e as fabáceas como as especies fundamentais das que se obteñen os combustibles leñosos utilizados, seguidos das especies de ribeira. Na segunda fase hai unha maior importancia Alnus e Corylus, sen embargo sería necesario ampliar a mostra para confirmar un cambio na extratexia de explotación. 5.4. Manufacturas en madeira A excepcional conservación de obxectos de madeira carbonizada con sinais de traballo no xacemento de Castrolandín permítenos diferenciar as prácticas forestais destinadas á obtención de combustibles leñosos daquelas relacionadas co traballo da madeira para a elaboración de artefactos ou elementos de constructivos. As cualidades da madeira a traballar difiren daquelas apreciadas nas Os combustibles e as manufacturas en madeira durante a Idade do Ferro: estudo antracolóxico do xacemento de Castrolandín (Cuntis, Pontevedra) 95 que se utilizan como combustibles, neste caso obsérvanse características da madeira como a dureza ou a lixereza, a porosidade, a tenacidade, a flexibilidade, a cor, o olor, a presenza de resinas ou gomas, a presenza de vetas ou nudos. Estas características da madeira son tomadas en conta no momento de seleccionar a mellor especie para conseguir unha determinada forma ou para un uso específico. As madeiras brandas teñen unha fibra de trama ancha e son traballadas fácilmente con ferramentas de corte, mentres que si é torneada rompe e astíllase, pola contra as madeiras duras cunha madeira compacta, son máis pesadas, trabállanse con dificultade con ferramentas de corte e son máis apropiadas para tornear. En xeral podemos sinalar catro tipos de restos de madeira carbonizada nos que se identificaron marcas de traballo: • restos de tala e obxectos inacabados, pequenas pólas nas que se aprecian os planos de corte; • restos de traballo de carpintería como achas de madeira, pequenos fragmentos en forma de cuña, etc.; • obxectos con evidencias de traballo de carpintería como poden ser os rebaixes, os cortes para formatizar as pezas, etc.; • fragmentos de contedores de madeira con acabados coidados conseguidos mediante o puído, etc. Para abordar a análise deste tipo de restos arqueobotánicos, nos que se poden apreciar evidencias de tala e corte, extracción de materia, acabados das superficies como o puído, etc, observáronse os fragmentos na lupa binocular para ver as características das superficies das diferentes pezas, comparándose coas descricións realizadas na bibliografía especializada e realizáronse reproduccións experimentais de diferentes xestos técnicos. A partir da determinación de restos de carpintería podemos reconstruir algúns dos xestos técnicos empregados durante o traballo da madeira no xacemento de Castrolandín. Obsérvase como na madeira de Quercus sp caducifolio da que se explotan dende pequenas pólas ata troncos, para obter segmentos ou fragmentos das mesmas realízanse cortes radiais dende o cerne ata o exterior. Identificáronse tamén pequenos fragmentos en forma de cuña probablemente resultado da utilización da machada ou da aixola para a extracción de materia e a formatización de determinadas pezas. Unha vez obtido o fragmento da forma desexada ben a partir dun tronco ou dunha póla, éste segméntase utilizando diversos obxectos cortantes, que deixan planos de corte especialmente visibles en especies de madeira dura e densa como pode ser o acivro (Fig. 6). Tamén documentamos a utilización de gubias para a extracción de madeira e a realización de pequenos rebaixes nestos fragmentos. Fig. 6 - Segmento con sinais de traballo dunha pequena póla de acivro. Fig. 6 - Little branch segment of holly tree with signs of working. En xeral os obxectos identificados en Castrolandín corresponderíanse con recipientes, mangos de ferramentas, elementos constructivos, etc. As manufacturas en madeira eran probablemente moi habituais nos asentamentos castrexos, actualmente están documentadas en xacementos como Castromao (Celanova, Ourense), Castrovite (A Estrada, Pontevedra), Cameixa (Boborás, Ourense), Montealegre (Moaña, Pontevedra) ou mediante mineralización no caso do Castro Grande de O Neixón (Boiro, A Coruña). Existe unha selección de diferentes especies para a elaboración de manufacturas en madeira, en cada caso adecuadas ó uso final das pezas. A lista de taxóns cos que se elaboran obxectos neste xacemento é moito máis limitada daqueles utilizados como combustibles: ameneiro (Alnus sp), carballo (Quercus sp caducifolio), freixo (Fraxinus sp), abelaira (Corylus avellana) e acivro (Ilex aquifolium) (Táboa 6). Táboa 6 - Usos determinados en Castrolandín das diferentes especies con marcas de traballo. Table 6 - Use of differents species with different traces of work.