Full text
319Madrygal 20 (2017): 319-320 RECENSIÓNS A presente antoloxía, Six Galician Poets, recolle a voz de seis poetas actuais de Galicia nunha edición bilingüe galego-inglés que pretende achegar estas voces ao público anglófono. O volume pertence á colección New Voices From Europe and Beyond, da editora inglesa Arc, de recoñecido prestixio na publicación de poesía internacional, que xa conta con volumes adicados –entre outros– á poesía de Cataluña e do País Vasco, así como a diversas nacións de cariz tan diverso como a República Checa ou Xeorxia. Six Galician Poets completa esta mostra de poetas de literaturas non dominantes, e nomeadamente no caso que nos ocupa, nunha lingua cooficial mais periférica no seu Estado. A colección, dirixida por A. Büchler, directora de Literature Across Frontiers, ten unha vontade transnacional e transcultural, incluíndo novas voces de sistemas literarios non hexemónicos, mesmo pertencentes a países alén das fronteiras europeas. Esta selección representa o décimo terceiro volume nunha serie de antoloxías bilingües desta mesma colección. Segundo se explica no limiar, o principal obxectivo desta escolma, e por extensión da colección, é a posta en común entre os países anglófonos, tradicionalmente pouco dados á tra - dución –máis se se trata de linguas non hexemónicas e obras non clásicas–, e Galicia: un sistema literario onde é habitual a tradución (alén de polo seu pequeno tamaño), e onde as estreitas e constantes relacións tanto co sistema literario español como coa lusofonía, en concreto, converten os seus lectores en especialmente proclives á asimilación de literaturas de cariz estranxeiro. A propia literatura galega sostén unha serie de características particulares, que atinxen variábeis históricas, sociais e culturais. Resulta, por tanto, un proxecto ambicioso e a un tempo complexo no que corresponde á selección e contextualización destas obras e autores, así como o seu propósito de dirixirse a un público de fala inglesa. A editora, Manuela Palacios, é profesora de Literatura Inglesa na Universidade de Santiago de Compostela e, amais de diversos proxectos relacionados coas literaturas galega e irlandesa, traducións e monográficos, ten editado e coeditado diferentes libros en relación a esta temática. Palacios edita este volume con vontade de solucionar esa eiva relacional entre ambas as tradicións literarias, escollendo así mesmo un tradutor que non ten nada de casual: Keith Payne, poeta irlandés radicado en Vigo e profesor de poesía irlandesa contemporánea en diversas universidades españolas ao longo destes anos. Payne convive con ambas tradicións literarias e ten contacto cos propios poetas, sendo, ao tempo, coñecedor do verso literario en lingua inglesa: todos estes factores son imprescindíbeis para unha tradución propicia. O volume comeza cunha completa introdución á antoloxía que contempla os antecedentes desta xeración de escritoras e escritores así como a súa evidente heteroxeneidade. Nela, a editora, Manuela Palacios, explora as conexións entre as diferentes xeracións literarias, xurdidas sobre todo a partir da fin da ditadura franquista, achegando unha perspectiva panorámica do amplo e por veces confuso panorama literario galego, así como das súas relacións cos contextos sociais e políticos. Nesta aproximación á poesía galega das últimas décadas tense moi en conta a irrupción de poetas mulleres a partir dos 90 e a particular relevancia deste aspecto en termos de xénero, cuestión presente na escolma cunha representación paritaria na escolla feita pola editora. Así mesmo, o propio funcionamento do sistema literario galego fai que coexistan diferentes xeracións de poetas que, con diferenzas patentes, Madrygal. Revista de Estudios Gallegos ISSN: 1138-9664 http://dx.doi.org/10.5209/MADR.57664 Palacios, Manuela (ed.) (2016): Six Galician Poets (trad. Keith Payne). Todmorden (Reino Unido): Arc Publications, 189 pp. Libro_Madrygal 20 regular.indb 319 18/10/2017 9:16:35
320 Recensións. Madrygal 20 (2017): 297-334 se interrelacionan e participan en grande medida de proxectos literarios comúns. A escolla de poetas dentro da selección pretende, tamén, amosar a variabilidade destas xeracións que, no momento actual, continúan en activo no panorama literario galego.A esta introducción séguelle unha nota do tradutor, Keith Payne, que alude á necesidade de facer xustiza poética aos autores a través da tradución, así como o completo labor que acompañou o desenvolvemento do libro, incluíndo audios dos poemas recitados, conversas cos autores e unha busca incansábel dunha voz poética acaída para eles dentro da tradución a lingua inglesa. A selección obedece a diversos criterios, amais da xa mentada mostra de xeracións diversas. En Six Galician Poets conviven dous poetas de renome na literatura galega: Xosé María Álvarez Cáccamo e Chus Pato, xunto con outros catro, máis novos, pero cuxa carreira literaria está ben consolidada (e continúa en ascenso), como son Yolanda Castaño, María do Cebreiro, Estevo Creus e Daniel Salgado. A escolla significa tamén unha aposta ambiciosa polo coñecemento dunha serie de poetas cuxa carreira está aínda en construción, e polo tan- to unha representación dunha (nova) tradición poética viva e enérxica. Asemade, escóllense poetas que teñen unha grande influencia de lecturas procedentes doutros sistemas literarios e lingüísticos, explicitando a íntima conexión entre a literatura galega e o resto de literaturas do mundo, e mantendo unha coherencia contextual coa finalidade da propia colección New Voices From Europe and Beyond. Cada unha das seis partes das que consta o libro está adicada a un dos poetas incluídos, que foron os encargados de escoller os poemas que figurarían na antoloxía. Incluíndo poemas inéditos xunto con outros xa publicados, Six Galician Poets nútrese dun conxunto pleno de obras que reflicten con claridade as trazas particulares de cada un destes cautivadores e diversos autores e autoras, así como a súa evolución, debido a unha recolleita que inclúe poemas máis e menos recentes, e procedentes de diversas obras e mesmo períodos autoriais. As voces dos seis poetas eríxense como auténticas, representativas precisamente de universos literarios particulares, incluíndo as súas obvias diferenzas. Do simbolismo de Xosé María Álvarez Cáccamo á polifonía de Chus Pato, pasando pola identidade en rebelión de Yolanda Castaño, o desacougo existencial de Estevo Creus, a autopsia da corporeidade de María do Cebreiro e a contemporaneidade crúa e consciente de Daniel Salgado. Todo isto vai acompañado dunha coidada tradución que, na páxina dereita de cada obra, traslada estes territorios poéticos á lingua inglesa creando un conxunto distintivo que cumpre coa vontade expresada no limiar e que subxace a toda a antoloxía: a de achegar unha representativa escolma das voces poéticas galegas ao público anglófono. Arancha Rodríguez Fernández Universidade de Santiago de Compostela [email protected] Libro_Madrygal 20 regular.indb 320 18/10/2017 9:16:35