scieee AI-readable full text Open interactive document viewer

Regulamento dos estudos do programa universitario de maiores, IV ciclo da USC.

Universidade de Santiago de Compostela. Consello de Goberno

Abstract

Derrogado

Full text

Regulamento dos estudos do Programa Universitario de Maiores, IV Ciclo da Universidade de Santiago de Compostela (USC) (Aprobado polo Consello de Goberno do 5 de xullo de 2016) No marco da autonomía universitaria as Universidades poderán establecer ensinanzas conducentes á obtención de diplomas e títulos propios, así como ensinanzas de formación ao longo de toda a vida, xustificadas no preámbulo da LEY ORGÁNICA 4/2007, de 12 de abril, por la que se modifica la Ley Orgánica 6/2001, de 21 de diciembre, de Universidades: “Tamén darán adecuada resposta ás necesidades de formación ao largo de toda a vida e abrirse a quen, a calquera idade, desexe acceder a súa oferta cultural ou educativa. As universidades, ademais dun motor para o avance do coñecemento, deben ser un motor para o desenvolvemento social e económico do país. A presente normativa ten por obxecto regulamentar os aspectos de xestión académica dos títulos propios que conforman o Programa Universitario de Maiores, IV Ciclo, actualizando o regulamento aprobado polo Consello de Goberno o 28 de setembro de 2012 e as modificacións aprobadas polo Consello de Goberno o 23 de abril de 2014. Artigo 1. Do Programa Universitario de Maiores, IV Ciclo O Programa Universitario de Maiores, IV Ciclo, é un ciclo independente de estudos universitarios, dirixido a persoas maiores de 50 anos, e orientado á formación deste colectivo. Os seus obxectivos son: 1.1 Posibilitar que as persoas maiores compartan procesos formativos e de extensión cultural, propias do contexto social e institucional universitario, adoptando os criterios organizativos, normativos e metodolóxicos que sexan precisos para acadar tal fin. 1.2 Promover a formación universitaria das persoas maiores de 50 anos, con criterios de interdisciplinariedade, favorecendo a súa integración e participación en procesos formativos que respondan ás necesidades e expectativas deste colectivo social, no marco da formación permanente, entendida como experiencia global desenvolvida ao longo de toda a vida. 1.3 O Programa ofrece dous títulos propios, o Diploma Senior en IV Ciclo e o Diploma Excelsior en IV Ciclo. Artigo 2. Do Diploma Senior en IV Ciclo 2.1 A titulación universitaria “Diploma Senior en IV Ciclo” configúrase e articúlase de acordo coas novas directrices académicas que propón a Unión Europea na nova concepción do EEES. Os estudos do Diploma Senior en IV Ciclo estrutúranse en cinco cursos con un total de 60 créditos. 2.2 As materias da oferta académica do Diploma deberán ser equivalentes a 3 créditos, e todas terán consideración de teórico-prácticas. As materias poderán organizarse ben por un período anual, en cuxo caso terán unha docencia de 1 hora semanal ou por período cuadrimestral, suposto no que a docencia se corresponderá con 2 horas semanais. As materias poden ser:  De carácter permanente e estable no plano de estudos, definidas como optativas, que non sufrirán modificacións nin variacións ao longo dos diferentes cursos  De carácter complementario da formación, que se ofertarán para cada curso académico polo profesorado podendo renovarse a súa oferta. A superación destas materias non computan para os efectos da obtención do título de Diplomado Senior en IV Ciclo.  Tamén se poderán cursar ata 3 créditos mediante actividades complementarias cando estas posúan este recoñecemento. 2.4 Selección das materias: Os alumnos matricularanse cada curso de 12 créditos optativos e, opcionalmente, o alumno/a que queira, poderá cursar créditos complementarios. 2.5 Obtención do título de Diplomado Senior en IV Ciclo: Será necesario para ter dereito a obtelo a superación de cinco cursos nos que deberá completar os 60 créditos da titulación:  Cada curso o/a alumno/a deberá superar un mínimo de 4 materias optativas, das consideradas materias permanentes ou estables no plano de estudos.  Tamén se poderán cursar ata 3 créditos mediante actividades complementarias cando estas posúan este recoñecemento. 2.6 O alumnado poderá completar a súa formación con materias vinculadas a obradoiros, conferencias ou cursos que se regularán na oferta anual. 2.7 O alumnado poderá solicitar, mediante oficio dirixido á Comisión Académica do Programa, a convalidación de materias do Programa Universitario de maiores, IV Ciclo cursadas con anterioridade á entrada en vigor desta normativa co fin de adaptarse ao novo plano de estudos. Artigo 3. Do Diploma Excelsor en IV Ciclo Os Diplomados Senior en IV Ciclo poderán optar ao Diploma Excelsior en IV Ciclo. Para a obtención deste título o alumnado deberá realizar, baixo a dirección dun profesor ou profesores da USC, un traballo de investigación orixinal, individual ou colectivamente, axustándose para a súa presentación, exposición e defensa aos procedementos que de seguido se establecen. 3.1 Solicitude: Os Diplomados Senior en IV Ciclo que pretendan obter o Diploma Excelsior en IV Ciclo, deberán solicitalo o/a director/a do Programa Universitario de Maiores, IV Ciclo, co visto e prace do director do traballo, acompañando unha breve memoria do traballo a realizar, debendo mediar como mínimo 90 días entre a solicitude e a súa presentación ou depósito. 3.2 Presentación: O traballo será depositado por cuadriplicado na secretaría do Programa Universitario de Maiores, IV Ciclo, debidamente encadernado, debendo figurar na primeira páxina o visto e prace do director ou directores, non podendo ter sido avaliado ou cualificado con anterioridade en ningunha outra institución académica. 3.3 Exposición ou defensa: transcorridos quince días, dende o seu depósito, a dirección do Programa Universitario de Maiores, IV Ciclo, poderá autorizar a súa defensa, que deberá anunciar cun mínimo de quince días. Unha vez autorizada a súa defensa e fixado o día e nomeado o tribunal dará traslado á Secretaría do Programa Universitario de Maiores, IV Ciclo, comunicándolle ao alumnado a obriga de formalizar matrícula cun mínimo dunha semana antes da exposición. 3.4 Tribunal: O tribunal constará de tres membros que serán nomeados pola Comisión Académica do Programa Universitario de Maiores, IV Ciclo. O director do traballo formará parte do tribunal. De ser máis de un os directores, formará parte do tribunal un deles. 3.5 Cualificación: Os traballos que concorran serán cualificados consonte ás seguintes cualificacións: Aprobado, Notable e Sobresaliente. Se a xuízo do tribunal o traballo non acadara o nivel suficiente, procederá á devolución do traballo e á devolución do expediente á unidade de xestión correspondente, facendo constar na acta a mención de “devolto”. Artigo 4. Organización e docencia 4.1 As titulacións de Diploma Senior en IV Ciclo e Diploma Excelsior en IV Ciclo terán a consideración de Título Propio da USC e dependerán do Programa Universitario de Maiores, IV Ciclo, da USC, adscrito á vicerreitoría que asuma as competencias. 4.2 O Programa contará cunha Comisión Académica que exercerá as seguintes funcións: -Supervisión de programas e guías docentes de todas as materias da titulación. -Coordinación de horarios e materias. -Coordinación de exames e probas de aptitude. -Convocatoria e avaliación de propostas de novas materias na oferta anual de créditos complementarios. - Avaliación de oferta de programas de profesores externos a USC e propostas de venia docendi. - Seguimento e supervisión da titulación. 4.3 A Comisión Académica estará constituída por: 1. O/a vicerreitor/a con competencias no Programa Universitario, IV Ciclo (ou persoa na que delegue). 2. O/a director/a do Programa Universitario de Maiores, IV Ciclo da USC. 3. O/a coordinador/a da titulación no campus de Lugo. 4. O/a representante da USC na AEPUM (Asociación Estatal de Programas Universitarios para Persoas Maiores) 5. Dous membros do profesorado por cada un dos campus, nomeados pola Vicerreitoría correspondente, elixidos entre os docentes da titulación. 6. Un/ha alumno/a por cada un dos campus, elixido polo alumnado cada curso académico. 7. O/a secretario/a do Programa Universitario de Maiores, IV Ciclo que actuará como tal. 4.4 Impartirase docencia presencial, tanto de carácter teórico como práctico en aulas e instalacións da Universidade, sendo impartida maioritariamente por profesores universitarios. No caso de profesionais ou colaboradores alleos á USC requirirase un coordinador que sexa profesor da USC ou a previa autorización e o outorgamento da correspondente venia docendi. 4.5 As materias do grao incorporaranse ao campus virtual da USC e poderase dispoñer de eaulas. 4.6 Garantirase anualmente a impartición das 4 materias que presenten un maior número de matriculados, así como aquelas que superen un número de 10 alumnos preinscritos; non podendo impartirse aquelas que non acaden este mínimo. No caso de non chegar a ese número o alumnado poderán optar pola realización doutra materia ou solicitar a anulación de matrícula con devolución do importe da mesma. 4.7 O alumnado terá dereito a acudir ás titorías nos horarios que especifique o profesorado en igualdade co resto das materias. Artigo 5. Acceso 5.1 Poderán acceder a estes estudos os maiores de 50 anos, con independencia do seu nivel formativo previo. 5.2 A Universidade poderá establecer anualmente o límite de prazas para estes estudos. 5.3 O acceso os estudos do Programa Universitario de Maiores, IV Ciclo non supón o cumprimento dos requisitos ordinarios de acceso aos estudos oficiais da Universidade . Artigo 6. Matrícula 6.1 A matrícula realizarase, no Campus de Santiago, na Secretaría do Programa Universitario de Maiores, IV Ciclo (Casa da Balconada. Rúa Nova 6. 15782 Santiago de Compostela) e, no Campus de Lugo, na Unidade de Xestión Académica (Edif. Biblioteca Intercentros. Rúa Bernardino Pardo Ouro s/n. 27002 Lugo) 6.2 No primeiro curso, por primeira vez, deberá formalizar matrícula na totalidade dos créditos que conforman o curso. Excepcionalmente, e previo pedimento individual dos alumnos/as, atendendo as circunstancias persoais, a Comisión Académica poderá admitir matrículas con menor carga de créditos. 6.3 Para matricularse no curso superior o alumnado non deberá ter máis de unha materia pendente de cursos precedentes. 6.4 O prazo de matrícula establecerao anualmente a USC. De non fixarse será o mesmo que para a continuación de estudos da matrícula oficial. O réxime de modificación e anulacións será o xeral para o alumnado oficial. As modificacións realizadas con posterioridade non darán dereito á devolución do importe da matrícula. Coa matrícula o alumnado abonará o seguro de accidentes que estableza a Universidade. Artigo 7. Cualificacións 7.1 As cualificacións serán as mesmas que para as titulacións oficiais. A mención de matrícula de honra, non implica a exención ou bonificación de prezos públicos. Artigo 8. Dereitos e deberes 8.1 Os alumnos/as do Programa Universitario de Maiores, IV Ciclo, terán os seguintes dereitos: expedición e uso da tarxeta universitaria de identidade (TUI), uso das bibliotecas, utilización do bonobús universitario, e acceso aos servizos deportivos, cafeterías e comedores universitarios; e ás actividades culturais nas mesmas condicións que o alumnado das restantes titulacións. Poderanse ampliar estes dereitos por resolución reitoral. 8.2 O sistema de representación será o que estableza o Regulamento Electoral da Universidade. 8.3 Os deberes serán os normativamente establecidos para o alumnado da Universidade. Artigo 9. Prezos 9.1 Os prezos dos estudos e dos servizos asociados deben ser fixados polo Consello Social, a proposta do Consello de Goberno. Estes prezos incrementaranse conforme ás porcentaxes de incremento do Decreto anual de prezos da Xunta de Galicia. 9.2 Non caben exencións nin bonificacións de prezos. Artigo 10. Actas A Secretaría Xeral da Universidade poderá ditar instrucións sobre a elaboración e xestión das actas do Programa Universitario de Maiores, IV Ciclo, así como sobre a elaboración dos títulos. Artigo 11. Títulos 11.1 O procedemento de expedición dos títulos será xestionado na Sección de Títulos do Servizo de Xestión Académica. 11.2 As cartolinas soporte dos títulos, tamaño DIN A-3, deberán levar impreso o emblema da Universidade de Santiago de Compostela, así coma o selo en seco da Universidade e unha clave alfanumérica que se reflectirá tanto no anverso coma no reverso. Os títulos expediranse en versión bilingüe (galego-castelán) nun único documento, de acordo co modelo que aprobe a Secretaría Xeral. Os títulos levarán impresa no anverso a sinatura do reitor da Universidade de Santiago de Compostela. Tamén serán asinados no anverso polo xefe da Sección de Títulos e polo propio interesado/a. No reverso serán asinados polo responsable do Rexistro de Títulos que dará constancia do asento no Libro Rexistro Universitario. 11.3 Os títulos deberán ser retirados persoalmente polos interesados, acreditando a súa identidade e asinarán o título no momento da súa entrega, do que quedará constancia. No suposto de que non lle fora posible retiralo persoalmente, o interesado poderá autorizar a outra persoa, sempre mediante poder notarial, para que o retire no seu nome. Dito poder notarial arquivarase no expediente do alumno/a no caso de ser específico ou unha copia cotexada no caso de tratarse dunha autorización notarial xenérica. Os interesados que residan en localidade distinta do centro no que realizaran os estudos, poderán solicitar mediante instancia dirixida ao xefe da UXA a remisión do título á unha oficina de Educación ou Oficina Consular máis próxima ao seu lugar de residencia. No caso de falecemento do /a antes de recoller o título, o reitor poderá acordar a súa entrega aos parentes máis próximos ou herdeiros que o soliciten e acrediten a súa condición. Neste caso o título incluirá a mención legal de invalidación do mesmo. 11.4 Procederá a expedición de duplicados, previa anulación do título orixinal, no suposto de que se produzan alteracións derivadas de cambio de nome ou calquera outra que afecte ao contido do título. Así mesmo procederá a expedición de duplicado no suposto de extravío, destrución ou deterioro dun título. O procedemento para a expedición de duplicados será o mesmo que o dos títulos oficiais. Disposición derrogatoria Derróganse os acordos do Consello de Goberno do 28 de setembro de 2012 e do 23 de abril de 2014 sobre regulación de estudos de IV Ciclo da Universidade de Santiago de Compostela. Disposición final O presente acordo entrará en vigor ao día seguinte da publicación no taboleiro de anuncios electrónico oficial da Universidade de Santiago de Compostela.