Regulamento do 2 de xuño de 2020 de funcionamento da Mesa Xeral de Negociación da USC
Abstract
Regulamento do 2 de xuño de 2020 de funcionamento da Mesa Xeral de Negociación da USC
Full text
1 de 7 Regulamento de funcionamento da Mesa Xeral de Negociación da Universidade de Santiago de Compostela Na Universidade de Santiago de Compostela constituíronse mesas xerais de negociación para os colectivos de Persoal Docente e Investigador e para o Persoal de Administración e Servizos de xeito separado, nas que está representado tanto o persoal funcionario como o laboral. As materias que poden ser obxecto de negociación no seo destes órganos son as recollidas no artigo 37 do Real decreto lexislativo 5/2015 do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do estatuto básico do empregado público (TRLEBEP), comúns aos dous réximes xurídicos. Non obstante, hai materias que pola súa natureza afectan por igual aos dous colectivos de persoal e que se deben negociar nas dúas mesas. Por este motivo, considérase necesaria a constitución dunha mesa conxunta onde estea representado o persoal dos dous colectivos e que trate de forma homoxénea aquelas cuestións de ámbito xeral aplicables a todo o persoal. A negociación colectiva levarase a cabo coas organizacións sindicais designadas segundo o artigo 36.3 do TRLEBEP e mediante os procedementos establecidos para ese efecto, sen prexuízo dos órganos de representación de cada un dos colectivos contemplados legalmente no artigo 9 dos Estatutos da USC. A Mesa Xeral de Negociación constituíuse na reunión mantida coas organizacións sindicais o 24 de xaneiro de 2020 coa composición e criterios recollidos neste regulamento de funcionamento, aprobado en forma de pacto de acordo co artigo 38 do TRLEBEP. Normativa aplicable: • Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do estatuto básico do empregado público • Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia • Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do estatuto dos traballadores • Lei 9/1987, do 12 de xuño de órganos de representación, determinación das condicións de traballo e participación do persoal ao servizo das administracións públicas, no que non derroga expresamente o TRLEBEP • Lei 7/1990, do 19 de xullo sobre negociación colectiva e participación na determinación das condicións de traballo dos empregados públicos • Lei orgánica 11/1985, do 2 de agosto, de liberdade sindical • Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas • Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público • Estatutos da Universidade de Santiago de Compostela (Decreto 14/2014, do 30 de xaneiro, BOE núm. 50 do 27 de febreiro de 2014) • Convenio colectivo para o persoal laboral da administración e servizos da USC (Resolución do 17 de novembro de 2008, da Dirección Xeral de Relacións Laborais, DOG núm. 252 do 30 de decembro de 2008) • II convenio colectivo para o persoal docente e investigador laboral das Universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo (Resolución do 23 de
2 de 7 marzo de 2011 da Dirección Xeral de Relacións Laborais, DOG núm. 74 do 14 de abril de 2011) Artigo 1.- Obxecto O presente regulamento establece as normas de organización e funcionamento da Mesa Xeral de Negociación do persoal funcionario e laboral da Universidade de Santiago de Compostela constituída de conformidade co artigo 36 do Real decreto lexislativo 5/2015 do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do estatuto básico do empregado público. Así mesmo, regula o procedemento para a adopción de acordos ou pactos e as restantes condicións formais de validez ou eficacia derivados deles. Artigo 2.- Definición e ámbito A Mesa Xeral de Negociación é un órgano de negociación colectiva para a determinación das condicións de traballo do persoal funcionario e laboral da USC, constituído para exercer as funcións e competencias que legalmente se lle atribúen, respecto das materias previstas na lexislación aplicable. Para a súa eficacia os acordos da Mesa Xeral de Negociación deberán ser ratificados polos órganos de representación do persoal no tres días hábiles seguintes á súa adopción. Artigo 3.- Representatividade e composición da Mesa A Mesa Xeral de Negociación estará composta polos seguintes membros: 1. Presidencia: corresponde ao/á xerente/a ou persoa en quen delegue 2. Vogais da Universidade: a. Titular da vicerreitoría con competencias en profesorado b. Titular da vicerreitoría con competencias en investigación c. Titular da vicerreitoría con competencias de coordinación no Campus de Lugo d. Titular da Secretaría Xeral e. Titular da vicexerencia con competencias en persoal 3. Vogais sindicais: formarán parte da mesa as organizacións sindicais máis representativas a nivel estatal, as organizacións sindicais máis representativas da Comunidade Autónoma así como os sindicatos que obtivesen o 10 % ou máis das e dos representantes nas eleccións a xuntas de persoal e comités de empresa da USC. A súa distribución garantirá a presenza dos que teñan representatividade e será de maneira proporcional. Cada sindicato ten dereito ao número de membros de pleno dereito que lle correspondan en proporción aos votos recibidos nas últimas eleccións sindicais. O número máximo de representantes sindicais de pleno dereito non excederá de 15. 4. Resto de organizacións sindicais que non obtiveran o 10% ou máis de representación. Cada organización terá un representante con voz e sen voto e o
3 de 7 número total non poderá exceder de 5, que se repartirán entre as diferentes organizacións en funcións da representatividade obtida nas últimas eleccións sindicais. A Mesa quedará validamente constituída coa asistencia da maioría absoluta da representación de cada unha das partes que a compoñen. No momento de negociación e aprobación deste regulamento a representación sindical distribúese como segue: Vogais sindicais CCOO: 5 representantes CIG: 5 representantes CSI-F 3 representantes UGT: 2 representantes Representantes con voz e sen voto CIUS: 1 representante TGU: 1 representante A representación da Universidade e a representación das organizacións sindicais poderá delegarse. As e os representantes na Mesa dos distintos sindicatos ou agrupacións sindicais poderás ser substituídos de xeito temporal mediante notificación previa á Presidencia da Mesa polo seu sindicato ou agrupación sindical. A persoa substituta poderá asistir ás reunións cos mesmos dereitos que a persoa titular. As partes negociadoras poderán contar coa asistencia nas deliberacións dun/ha asesor/a que intervirá con voz, pero sen voto. Serán persoas designadas libremente por cada unha das partes, en número non superior a tres por parte da Universidade e unha persoa por cada unha das organizacións sindicais. A asistencia de asesores/as deberá poñerse en coñecemento da Presidencia e dos demais membros da Mesa, mediante escrito presentado con 48 horas de antelación á celebración da reunión, onde se faga constar o nome do/a asesor/a que asistirá. Cada organización sindical designará unha persoa portavoz, mediante escrito dirixido á Presidencia da Mesa, coa que se manterán todas as comunicacións para a realización de convocatorias ou para cuestións que sexan necesarias para os traballos da Mesa. Artigo 4. Adopción de acordos Considerando que a formación da vontade obedece a dúas partes, establécese o seguinte sistema: - A parte da administración formará unha única vontade, mantendo unha postura única sobre o asunto da votación. O presidente ou presidenta será a persoa encargada de manifestar a postura do equipo de goberno. - A parte social terá como sistema un voto por cada membro. O voto de un ou varios membros poderá delegarse noutro membro, previa comunicación por correo electrónico á Presidencia da Mesa.
4 de 7 As persoas integrantes da Mesa poderán emitir voto particular sobre calquera dos asuntos tratados nela no prazo de dous días hábiles. Artigo 5. Materias obxecto de negociación A Mesa Xeral de Negociación exercerá as súas funcións con respecto ás materias previstas na lexislación aplicable e vixente en cada caso, sen menoscabo das funcións asignadas aos órganos de representación contemplados no artigo 9 dos Estatutos da USC. Poderán ser materias obxecto de negociación, entre outras, as seguintes: a) A aplicación do incremento das retribucións do persoal que se estableza na Lei de orzamentos xerais do Estado e da Comunidades Autónoma. b) Os plans de Previsión Social Complementaria. c) Os criterios xerais dos plans e fondos para a formación. d) Os criterios xerais para a determinación de prestacións sociais e pensións de clases pasivas. e) As propostas sobre dereitos sindicais e de participación. f) Os criterios xerais de acción social. g) As que así se establezan na normativa de prevención de riscos laborais. h) As referidas ao calendario laboral, horarios, xornadas, vacacións e permisos, mobilidade xeográfica e funcional, así como os criterios xerais sobre a planificación estratéxica dos recursos humanos, naqueles aspectos que afecten a condicións de traballo dos empregados públicos comúns aos dous colectivos integrantes da Mesa. Quedan excluídas da obrigatoriedade da negociación, as materias seguintes: a) As decisións da Universidade que afecten as súas potestades de organización. b) A regulación do exercicio dos dereitos dos cidadáns e dos usuarios dos servizos públicos, así como o procedemento de formación dos actos e disposicións administrativas. c) A determinación de condicións de traballo do persoal directivo. d) Os poderes de dirección e control propios da relación xerárquica. e) A regulación e determinación concreta, en cada caso, dos sistemas, criterios, órganos e procedementos de acceso ao emprego público e a promoción profesional. Así mesmo, quedarán excluídas da negociación nesta mesa as cuestións que afecten exclusivamente a un determinado colectivo. Artigo 6. Reunións e convocatorias A Mesa funcionará en réxime de sesións ordinarias e extraordinarias. Todas as sesións serán ordinarias agás as que se convoquen co carácter extraordinario por parte da Presidencia non seguintes supostos:
5 de 7 - por decisión da Presidencia da Mesa - por solicitude da maioría das organizacións sindicais representadas As convocatorias realizaranse: - en sesión única - cunha antelación mínima de 72 horas, sexa en réxime ordinario ou extraordinario - por vía telemática/electrónica no correo institucional dos membros No texto da convocatoria constará o lugar, a data e a hora e acompañarase a documentación íntegra dos asuntos incluídos na orde do día, que deba servir de base nas deliberacións e, de ser o caso, nas posteriores votacións. Por petición das e dos representantes poderanse incluír novos puntos na orde do día, excepto no suposto de reunións en réxime extraordinario. Artigo 7. Actas A Mesa contará cunha secretaría de actas que recaerá nun/ha funcionario/a ou persoal laboral da Universidade designado polo/a presidente/a e que actuará con voz e sen voto. De cada sesión ou reunión que celebre a Mesa levantarase acta que conterá, polo menos, os seguintes datos: - lugar e data da celebración e o seu carácter ordinario ou extraordinario - hora de comezo e finalización da reunión - nome e apelidos das persoas asistentes de cada unha das partes - asuntos comprendidos na orde do día, así como os acordos ou pactos que se adopten, e de ser o caso, indicación de non ter chegado a ningún acordo ou pacto Cando un membro da Mesa queira facer constar nunha acta unha intervención literal entregará á Secretaría da Mesa no prazo de dous días hábiles o texto escrito que recolla exacta e fielmente o contido da súa intervención. A copia da acta remitirase a todos os membros titulares coa convocatoria da sesión para o seu coñecemento e, no seu caso, a formulación de observacións que serán achegadas con dous días hábiles de antelación á data da reunión e someteranse a aprobación no primeiro punto da orde do día da seguinte reunión ordinaria coa denominación “aprobación da acta da sesión anterior”. Incorporaranse as observacións que teñan por obxecto emendar erros ou imprecisións na transcrición das intervencións de cada representante. As actas serán confeccionadas polo/a secretario/a, que se encargará da súa custodia e distribución entre os membros da Mesa e irán asinadas polo/a presidente/a e polo/a secretario/a así como polas persoas vogais asistentes. Serán publicadas na páxina web da Universidade e estarán accesibles a toda a comunidade universitaria. As actas serán conservadas e custodiadas nas dependencias da Xerencia da Universidade. Artigo 8. Acordos e pactos
6 de 7 Os pactos, unha vez ratificados polos órganos de representación do persoal, sobre materias que se correspondan co ámbito competencial da Xerencia ou da vicerreitoría con competencias en profesorado vincularán ás partes e aplicaranse directamente ao persoal do ámbito correspondente non sendo precisa unha aprobación expresa posterior para a súa validez e eficacia. Os acordos versarán sobre materias que sexan competencia dos órganos de goberno da Universidade. Para a súa validez e eficacia será necesaria a aprobación expresa e formal por parte dos órganos de goberno correspondentes. Cando estes acordos fosen ratificados polos órganos de goberno o seu contido será directamente aplicable ao persoal incluído no seu ámbito de aplicación. Os acordos ou pactos deberán expresar, como mínimo, os seguintes datos: - determinación das partes que o concertan, - ámbito persoal, funcional e temporal, - forma, prazo de preaviso e condicións de denuncia, - comisión paritaria de seguimento do acordo ou pacto, de acordo co art.38.5 do TRLEBEP. Artigo 9. Vixencia Os acordos ou pactos subscritos conforme ao procedemento establecido neste regulamento obrigan ás partes durante todo o tempo de vixencia. Os acordos ou pactos terán eficacia indefinida agás que no propio acordo se contemple outra vixencia ou que a adopción dun novo acordo ou pacto derrogue o anterior. Artigo 10. Eficacia e validez Os pactos –unha vez subscritos polas partes-, e os acordos –unha vez ratificados polo órgano de goberno correspondente dentro do mes natural seguinte á adopción do Acordodeberán ser enviados á oficina pública competente e ordenarase a súa publicación no diario ou boletín correspondente. Se un órgano de goberno non ratificase un acordo deberá renegociarse no prazo dun mes desde a desestimación anterior, se así o solicita unha das partes, respectando a maioría establecida para a adopción de acordos. Artigo 11. Reforma do regulamento Para a reforma deste regulamento aplicaranse as mesmas normas que para a adopción de acordos e deberá ser ratificada polos órganos de representación do persoal nos tres días hábiles seguintes á súa adopción. Artigo 12. Denuncia do regulamento O presente regulamento ten duración indefinida. Non obstante, poderá ser denunciado por calquera das partes. De ser o caso, mentres non se aprobe un novo manterase en vigor o seu contido. Disposición adicional primeira. As variacións na representatividade sindical, para os efectos de modificación na composición da Mesa, serán acreditadas polas
7 de 7 organizacións sindicais interesadas, mediante o correspondente certificado da Oficina Pública de Rexistro competente, logo da celebración de cada proceso de eleccións sindicais da Universidade. Disposición final. O presente regulamento entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no Taboleiro Electrónico da Universidade de Santiago de Compostela.