Procedementos de xeneralización e marcado da implicación no corpus CORTEGAL: entre a linguaxe académica e o rexistro coloquial da lingua
Full text
Procedementos de xeneralización e marcado da implicación no corpus CORTEGAL: entre a linguaxe académica e o rexistro coloquial da lingua carMe silva-doMínGuez Universidade de Santiago de Compostela 1. introdución1 O presente traballo ten como obxectivo analizar como se expresa a relación entre lugar común e punto de vista do/a autor/a nos textos que constitúen o corpus CORTEGAL, presentado en Álvarez de la Granja e Rodríguez Rodríguez neste volume. Estudarase o inventario de recursos que permiten tanto a expresión de ideoloxías, opinións etc., partilladas por un número indeterminado de persoas, como a asunción e expresión do parecer máis persoal, desprovisto de todo apoio colectivo. Entre ambos os extremos sitúase a ampla gama de posibilidades que permiten soster un punto de vista persoal dotándoo da aparencia de opinión maioritaria. Dada a estreita relación existente entre a diversidade de opcións estruturais e a oposición entre variedades coloquial e formal da lingua, recadaranse datos acerca da adscrición a diferentes rexistros de cada un dos procedementos detectados no corpus, coa finalidade de indagar sobre que papel desenvolve nas aulas de lingua galega o concepto adecuación, de tanta importancia para o proceso de construción textual. 1 A autora do traballo quere agradecer ás profesoras Noemí Basanta Llanes e Olga Amigo Devesa a súa xenerosa achega de información sobre distintas cuestións relativas á composición de textos académicos nas aulas de Bacharelato. Os erros, como é obvio, son só responsabilidade da persoa asinante.
288 Carme Silva-Domínguez A procura bibliográfica de referencias para a análise do tipo de estruturas escollida permitiu localizar diversos traballos que estudan a tamén chamada desaxentivización, despersonalización e impersonalización, conxunto de procesos vinculados á elaboración de textos científico-técnicos e consistentes no borrado da persoa emisora para a consecución dunha perspectiva máis neutral, menos subxectiva na emisión da mensaxe, que gaña así en credibilidade. Máis recentemente son obxecto de análise os recursos obxectivadores de que a lingua dispón e que se aplican nos medios de comunicación2. De entre os procedementos estudados na bibliografía baixo o paraugas da desaxentivación, no presente traballo analízase a variación nas persoas gramaticais e mais o emprego da voz pasiva. As estruturas pasivas con se, reiteradamente mencionadas tamén para a consecución da obxectividade discursiva, aparecen ben representadas no corpus CORTEGAL, e en menor medida ocorren nel exemplos de voz pasiva clásica: (1) Por outra banda tamén se debe criticar o consumismo (2) Se ben é certo (...) que a mocidade aspira a profesións como futbolista ou modelo, un feito como este non debería ser tido en conta para falar do tema que se propón no documento As estruturas (1)-(2) serán analizadas como casos de xeneralización, pois nelas exprésanse aquelas opinións, tendencias, puntos de vista etc., que se consideran máis comúns nun momento dado e nunha determinada sociedade para a maioría, ou un sector, da poboación. Outras formas de expresar o mesmo valor, tamén obxecto de estudo para nós, aparecen nas estruturas seguintes: (3) A xente vai seguir comprando sen escrúpulos, gastando grandes cantidades de diñeiro (4) O apuro é cego e a fame sen mirar, cada un mira polo seu e non polo ben común (5) Os medios comunicativos provocaron que as persoas se interesasen por este ámbito (6) Hai que ter en conta que gran parte da poboación mundial traballa no sector terciario (7) Hoxe en día, a sociedade non sería nada se non existise o consumismo e a produtividade (8) O mundo móvese grazas a iso xa que todo o mundo quere mellorar o seu nivel de vida 2 Unha noción próxima ás sinaladas é a de (inter)subxectividade, desde a cal se estudan as expresións de incerteza en Míguez neste mesmo volume.
289 Procedementos de xeneralización e marcado da implicación no corpus CORTEGAL: entre a linguaxe académica e o rexistro coloquial da lingua Nalgúns casos, a intención xeneralizadora que se percibe no uso dos recursos indicados combínase coa necesidade de clarificar en que medida a persoa emisora participa do lugar común, ideoloxía, punto de vista etc., presentado como maioritario na sociedade. Exemplos como (9) e (10) explícanse polo afán de converter comportamentos, opinións colectivas, hábitos en propios tamén de quen constrúe o texto e serán analizados baixo a denominación de marcado da implicación: (9) Semella que cando imos ó super, comprar as cousas o mais baratas posibles, e sinónimo de ser un bó consumidor (10) A publicidade está en todas partes e non somos ninguén se non tes un «iphone» na man e vistes unhas «adidas» A carón das posibilidades construtivas ligadas á xeneralización e ao marcado da implicación, o/a emisor/a dispón dalgúns recursos que permiten distanciar o seu punto de vista persoal daquel propio de determinados sectores da sociedade. É o que ocorre en (11): (11) Esas persoas que mercan estes produtos, obxectos, máquinas ou complementos carísimos e innecesarios para sentirse ben con un mesmo, non saben que están fomentando o consumismo, un exercicio moi perigoso para a sociedade e para o mundo en xeral Indagarase así mesmo sobre unha característica común á xeneralización e ao marcado da implicación, relevante para a percepción da diferenza entre o rexistro académico e o informal: se ben os procesos que se estudarán teñen lugar en ambos, non todos os recursos presentan a mesma validez no discurso coidado. Existen algunhas opcións estruturais compartidas polo coloquio e o estilo académico, mais outras son específicas unicamente dun deles. Este aspecto será obxecto de especial interese no noso traballo, tanto no relativo ás instancias (gramaticais, académicas) que distribúen os recursos entre rexistros, como na transmisión escolar destas decisións aos/ás usuarios/as finais da lingua. O traballo estrutúrase nas seguintes seccións: primeiramente farase unha reflexión sobre as características dos textos do corpus CORTEGAL examinados desde a súa condición de producións de natureza académica, e por tanto como exemplos que permiten comprobar a asimilación, por parte do/a alumno/a, de estratexias de adecuación dirixidas a seleccionar recursos especificamente ligados á linguaxe formal. Unha segunda sección presenta un achegamento bibliográfico aos procedementos de consecución da obxectividade textual na lingua galega, que serán inventariados e sobre os cales se
290 Carme Silva-Domínguez achegará a información dispoñible acerca da súa adecuación, ou non, para a construción de textos formais. Un cuarto apartado describirá a presenza en CORTEGAL de cada unha das mencionadas posibilidades construtivas e na parte final combinaranse as conclusións con algunhas pautas relativas á implementación de posibles estratexias de ensino da adecuación que permitan unha maior claridade na delimitación entre rexistros. 2. o corpus CORTEGAL e o concepto de AdECuACión TExTuAL O corpus CORTEGAL, de acceso libre e aloxado na páxina web do Instituto da Lingua Galega da USC, está conformado por 1000 redaccións elaboradas como resposta á pregunta número 3 [da proba de Lingua Galega no exame de acceso á universidade], en que se solicita que a/o estudante redacte un texto, de ao redor de 200-250 palabras, en que exprese a súa opinión sobre un tema de actualidade (Álvarez de la Granja, 2018, p. 55). O nome do corpus, Corpus de textos galegos escritos por estudantes no ámbito académico, sinala xa un aspecto moi relevante da súa caracterización, dado que nel se subliña como central o contexto (académico) en que os materiais que o compoñen foron producidos. A intención das/os docentes que deseñaron a pregunta do exame a partir da que se constrúe o corpus foi moi probablemente a de conseguir un produto textual de extensión determinada (pois hai unha limitación en número de palabras) e redactado no rexistro formal da lingua. Un texto persuasivo sobre unha cuestión de actualidade. 2.1. Mínima aproximación ao concepto de adecuación textual no ámbito hispánico e aplicación da definición aos textos de CORTEGAL Os tratamentos teóricos do concepto (Fernández Smith e Escoriza Morera, 2004; Gómez Capuz, 2006) subliñan a necesidade de dotar de maior relevo no traballo escolar a unha propiedade textual que se define como segue: La adecuación supone el conocimiento y dominio de la diversidad lingüística, debida a diversos factores (geografía, historia, grupo social, situación de comunicación, canal), se basa en la noción de elección y consiste en saber escoger, de todas estas opciones, en (sic) la solución más apropiada para cada situación de comunicación (Gómez Capuz, 2006 3 ). 3 A versión do artigo que se localizou carece de paxinación, por causa do seu formato exclusivamente dixital.
291 Procedementos de xeneralización e marcado da implicación no corpus CORTEGAL: entre a linguaxe académica e o rexistro coloquial da lingua De acordo con esta achega, a adecuación pode definirse como a habilidade de escoller estruturas lingüísticas axeitadas en función de factores externos ao propio discurso. Nalgunhas aproximacións, a adecuación supón unha subpropiedade dentro da propiedade textual, máis xenérica, da coherencia: La coherencia tiene que ver con el interior del texto pero tiene que ver, también, con la pertinencia entre texto y contexto: incoherente es el texto que no responde adecuadamente al sentido que tiene, a lo que se espera de él en el contexto en el que se produce (Côrte Vitória, 2018, p. 81). Nos traballos examinados non se adoita defender que a oposición formal/ informal estea baseada en principios absolutos e inamovibles: La adjudicación de formalidad o informalidad a un rasgo verbal depende de los usos lingüísticos que haga de él su comunidad de hablantes. (...) De este modo, no existe nada neutro. Cualquier palabra, construcción o giro carga con sus propias marcas, con sus connotaciones, con la historia de los usos lingüísticos que de ellos ha hecho la comunidad hablante. Por otra parte, la carga formal/informal de la lengua no es un valor estable ni absoluto para todos los usuarios (Cassany, 1995, p. 188). Segundo se indicou anteriormente, nos materiais que conforman o corpus CORTEGAL a situación de comunicación en que se constrúen os textos é moi concreta: trátase do «ámbito académico», a práctica e avaliación da construción textual nun contexto escolar. Porén, indagando algo máis acerca das circunstancias de composición das redaccións, pódese detectar un certo paradoxo, xa sinalado en traballos previos sobre o corpus (Álvarez de la Granja, 2020a e b). O equipo de correctoras/es que se ocupa de achegar unha cualificación numérica á proba de lingua galega para o acceso á universidade constitúese como interlocutor primario dos materiais e, dado que a diagnose achegada por este terá relevancia no futuro do/a aprendiz/a, enténdese que se elaborará un texto dotado das «mellores galas» lingüísticas de que dispoña; trátase, ademais, dunha composición escrita, polo que admite reformulacións e revisións en que se implementen modificacións, sen que os borradores previos teñan presenza ningunha no proceso de cualificación. No entanto, outras circunstancias relativas ao modo de produción do texto (a ausencia dun coñecemento previo do tema e mais o tempo limitado do que a persoa dispón para a elaboración dunha redacción que se insire nun exame de varias preguntas) poderían ter como consecuencia unha redución da capacidade, por parte do/a aprendiz/a, para a realización do proceso de cribado de materiais que implica a adecuación textual. A propia situación mental da persoa produtora, derivada do momento de tensión e da transcendencia
292 Carme Silva-Domínguez da proba, sitúase tamén na liña de propiciar un menor control sobre o material que se constrúe. 2.2. O tratamento escolar da adecuación textual: textos legais, libros de texto e instrucións para a elaboración e a corrección do exame de acceso á universidade O exercicio do que se toman as redaccións que conforman o corpus CORTEGAL vén formando parte do exame de lingua galega para o acceso á universidade desde finais da primeira década do século XXi e tiña, no momento de toma dos materiais, un destacado papel na cualificación da proba (o 30% da nota). A actividade proposta sitúase no horizonte da produción de materiais de natureza argumentativa: a persoa que redacta debe achegar a súa visión motivada a respecto dun proceso, tendencia, comportamento ou ideoloxía que se consideran compartidos por un sector da cidadanía. Alén de medir a capacidade de defender a posición propia aducindo razóns de natureza diversa, frecuentemente sometidas nos manuais a unha tipoloxización, os criterios de corrección do exame para o curso 2016-2017, en que se obtiveron as redaccións que conforman o corpus, permiten recoñecer a vinculación destas co concepto de adecuación textual, explicitamente aludido: Valórase a capacidade de construción de textos adecuados á situación (formal) en que estes se producen. Requírese un apropiado manexo dos rexistros da lingua, tanto nas escollas lexicais como no emprego das construcións gramaticais. Deben evitarse tanto os trazos propios da oralidade e dos textos espontáneos e non planificados como os que amosan un requintamento afectado, así como as palabras baúl. Bo manexo dos recursos cohesivos, tanto gramaticais como léxicos, é dicir, evitar as repeticións mediante o emprego dos recursos de cohesión. (Criterios de corrección do exame de Lingua Galega, curso 2016-2017, recuperables en https:// ciug.gal/gal/abau/exames [última consulta: 31/01/23]). É certo que no parágrafo reproducido se indica de maneira explícita que a diferenciación entre rexistros non aparece ligada unicamente ao compoñente léxico; porén, menciónanse a modo de exemplo erros ligados fundamentalmente ao compoñente léxico da lingua (palabras baúl, repeticións)4, o que podería desequilibrar a balanza do traballo escolar sobre a adecuación cara a este nivel de análise e talvez diminuír, ou colocar nun plano menor, a práctica de procesos de selección entre rexistros vinculados a outros niveis de análise. Non dispoñemos de materiais para examinar e, no seu caso, aseverar 4 Aínda que no segundo caso se propón un procedemento que implica o compoñente sintáctico para solucionar a dificultade orixinal (a repetición de palabras), esta é, de base, de natureza léxica.
293 Procedementos de xeneralización e marcado da implicación no corpus CORTEGAL: entre a linguaxe académica e o rexistro coloquial da lingua en firme esta hipótese, mais si é posible achegar algún indicio ao respecto. Así, no libro de 1º de BAC da Editorial Anaya (Nieto Pazó e Troitiño Fráiz, 2015) exemplifícase a adecuación mediante dous fenómenos lingüísticos moi concretos, as formas de tratamento e as escollas léxicas: (...) Non resultaría oportuno utilizar expresións xocosas nun funeral; non resultaría apropiado dirixirse a unha persoa maior, coa que non temos moito trato, utilizando apelativos cariñosos; ou non resultaría aceptable utilizar termos coloquiais nunha disertación científica [as cursivas son nosas]. A vinculación entre adecuación e procesos de selección léxica en que intervén o fenómeno da sinonimia parcial, sendo que unha das formas pertence con claridade ao rexistro formal da lingua e outra ou outras ao coloquial, vese referendada neste manual mediante o exercicio que se achega para a asimilación do concepto; nel, a/o aprendiz/a debe asociar cada unha das palabras dunha serie a unha das tres variedades lingüísticas previamente definidas (coloquial-vulgar, estándar e culta). Deste xeito sublíñase a diferenza, en termos de adecuación, entre formas próximas semanticamente do tipo de falar, latricar, baduar ou parolar, o que desde o noso punto de vista reforza, na mente da persoa que aprende, o vínculo entre o concepto de adecuación e o compoñente léxico da lingua. Dous libros de texto máis de 1º de BAC da época LOMCE foron obxecto de análise, aínda que neles a presenza do concepto adecuación é notablemente máis reducida do que no anterior. Iglesias Álvarez et al. (2014) asinan o manual da Editorial Xerais. Dotado dunha estrutura peculiar, pois parte xa de inicio dunha tipoloxía textual que se estende en unidades sucesivas ata abranguer a totalidade dos temas de lingua do manual, non foi posible localizar nel actividade ningunha vinculada á práctica da adecuación; porén, varias propostas prácticas (por exemplo, o exercicio 5 da p. 22 e o exercicio 8 da p. 140) traballan a cohesión. O segundo dos manuais, publicado pola editorial Baía (González Avión e Ínsua López, 2016) tampouco contén proposta de definición ningunha para o termo adecuación; neste manual, unicamente un exercicio de carácter práctico aparece vinculado ao proceso (p. 155) e consiste nunha redacción para a que se achegan pautas temáticas ao tempo que se indica que se debe revisar «a súa coherencia, cohesión, adecuación e corrección ortográfica e gramatical». A consulta dos materiais elaborados para a corrección e preparación da pregunta 3 e mais o exame do tratamento do concepto adecuación nos manuais escolares debe complementarse coa aproximación ao currículo de Bacharelato que estaba en vigor no momento en que se recolleron as redaccións
294 Carme Silva-Domínguez que forman parte do corpus CORTEGAL, o chamado Bacharelato LOMCE5. A mención desta propiedade textual faise sempre de maneira seriada, conxuntamente coas outras: Contidos. B.3.3. Produción de textos escritos ou orais de diferentes xéneros mostrando un correcto nivel de corrección gramatical, presentación, adecuación, coherencia, cohesión e corrección. Criterios de avaliación. B.3.3. Producir textos escritos ou orais de diferentes xéneros mostrando un correcto nivel de corrección gramatical, presentación, adecuación, coherencia, cohesión e corrección. Estándares de aprendizaxe. LGB3.3.1. Produce textos escritos ou orais de diferentes xéneros mostrando un correcto nivel de corrección gramatical, presentación, adecuación, coherencia, cohesión e corrección (dispoñibles en https://www.edu.xunta. gal/portal/guiadalomce/bacharelato/materias/lca/lgl) [última consulta: 01/02/2023]. Como se pode apreciar, no material reproducido outórgase unha grande importancia á corrección, pois esta é mencionada en dúas ocasións, distinguindo entre corrección gramatical e outro tipo que non se especifica. É posible que esta circunstancia derive da existencia dunha moi consistente liña de investigación, inaugurada pola tese de doutoramento de Bieito Silva Valdivia (2004) e xa na actualidade cun longo percorrido6, que vén detectando deficiencias na adquisición daqueles trazos gramaticais que diferencian galego e castelán, como por exemplo os verbos irregulares, os tempos verbais e a colocación dos clíticos. Os traballos formulados desde esta perspectiva conseguiron unha importante visibilidade social: son recorrentes, na prensa máis favorable ao galego, os artigos en que se menciona o non desenvolvemento dunha competencia gramatical correcta en galego por parte do alumnado7. Desta liña de análise despréndese o relativo fracaso do modelo de ensino de linguas vixente, ao non se conseguir o previsto no apartado terceiro do artigo 5 A Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa (LOMCE), en vigor entre 2013 e 2020, pode ser recuperada en https://www.boe.es/eli/es/lo/2013/12/09/8/con. 6 Nunha relación non exhaustiva, debemos mencionar Silva Valdivia (2006 e 2010); Loredo e Fernández Suárez (2005); Fernández Salgado et al. (2005); Silva et al. (2008); Loredo Gutiérrez e Silva Valdivia (2014) e máis recentemente Loredo e Silvia Valdivia (2020). 7 A modo de exemplo mínimo cítanse os seguintes: baseado en declaracións do propio Bieito Silva, «Os cambios morfosintácticos avisan da transformación da lingua galega» (El Correo Gallego, 8/12/2007, https://www.elcorreogallego.es/hemeroteca/os_cambios_morfosintacticos_avisan_da_transformacion_ da_lingua_galega-GHCG217562); canda a publicación do último estudo sobre o particular, «Un terzo do alumnado castelánfalante acaba ESO con baixas competencias en galego» (Cultura Galega, 8/4/2021, http://culturagalega.gal/noticia.php?id=32417), e «RAG: «o 35% do alumnado castelanfalante remata a ESO cunha escasa competencia en galego»» (Novas do Eixo Atlántico, 27/4/2021, https://www. novasdoeixoatlantico.com/rag-o-35-do-alumnado-castelanfalante-remata-a-eso-cunha-escasa- competencia-en-galego/).
295 Procedementos de xeneralización e marcado da implicación no corpus CORTEGAL: entre a linguaxe académica e o rexistro coloquial da lingua 14 da Lei de Normalización Lingüística no relativo á simetría de nivel que se debe acadar na aprendizaxe das linguas cooficiais tras o paso polo ensino obrigatorio8. A combinación das dúas circunstancias que acaban de ser presentadas (unha visión da adecuación como proceso fundamentalmente asociado á selección léxica e a centralidade da corrección como medición da adquisición dos trazos sintácticos e morfolóxicos diferenciais entre galego e castelán) explica, ao noso xuízo, a escasa ou nula presenza, nos manuais deste período, de actividades que especificamente teñan como obxectivo a práctica da variación sintáctica desde a perspectiva da diversidade de rexistros. Dado que tales contidos parecen estar ausentes dos libros de texto, en que segundo vimos tende só a practicarse (e mesmo a definirse) a adecuación como proceso ligado ao compoñente léxico da lingua, unicamente o traballo en aula sobre as producións do alumnado e as correccións dos/as docentes sobre estas servirían para transmitir pautas de adecuación ligadas a outros compoñentes da lingua. O ano 2022 representa un importante punto de modificación do paradigma de traballo escolar, tras a entrada en vigor dunha nova lei educativa, a LOMLOE9, e dun novo currículo de lingua galega para o Bacharelato10. Da lectura deste último documento parece desprenderse a intención de dotar de maior presenza nas aulas ao traballo de análise e construción textual; neste sentido, inclúese unha referencia explícita á «excepcional importancia» da elaboración de materiais académicos («son os que constrúen a formación científica e humanística de cada estudante nesta etapa», apartado 27.1, introdución). Para o presente traballo resulta pertinente ademais o seguinte parágrafo deste mesmo documento: Nesta etapa prestarase especial atención a situacións con maior distancia social entre os interlocutores, que exixen usos lingüísticos máis elaborados, rexistros formais […]. Estas destrezas serán esenciais para o desenvolvemento académico e profesional posterior […]. As ditas secuencias didácticas atenderán ás sucesivas fases do proceso (planificación, produción, ensaio e revisión) ata chegar ao produto final (Apartado 29.2, «Obxectivos da materia», Obxectivo 3). 8 Velaquí a coñecida redacción deste apartado da Lei de Normalización Lingüística: «As autoridades educativas da Comunidade Autónoma garantizarán que ó remate dos ciclos en que o ensino do galego é obrigatorio, os alumnos coñezan este, nos seus niveis oral e escrito, en igualdade co castelán». 9 A Lei Orgánica pola que se modifica a Lei Orgánica de Educación (LOMLOE) foi aprobada en 2020 mais non entrou en vigor en Galicia ata o curso 2022-2023. O texto da lei pode recuperarse en https:// www.boe.es/eli/es/lo/2020/12/29/3. 10 O novo currículo, contido no Decreto 157/2022, do 15 de setembro, pode recuperarse en https:// www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220926/AnuncioG0655-190922-0003_gl.html.
302 Carme Silva-Domínguez Parece daquela evidente que o recurso á P4 é rendible nas redaccións do corpus CORTEGAL. Sinalaremos finalmente que nalgunhas aproximacións, elaboradas desde unha perspectiva normativa e no contexto do castelán, considérase pouco axeitada esta posibilidade na confección de textos académicos20. Para o galego non temos localizada disposición ningunha que se oriente en contra do recurso, mais tampouco non observamos a existencia de ditames favorables. O cómputo de recursos empregados para a integración da persoa escritora nos contidos que elabora non estaría completo sen o exame do vigor cuantitativo da P2 nos textos do corpus CORTEGAL. Segundo veremos, non son infrecuentes secuencias deste tipo: (22) A publicidade está en todas partes e non somos ninguén se non tes un «iphone» na man e vistes unhas «adidas» A posibilidade estrutural aparece recollida na gramática descritiva do galego, en que se alude ao uso indicando que «o locutor implica o alocutario situándoo na ficción de que el é esa persoa indeterminada á que se fai referencia; deste xeito achega os feitos ao receptor da mensaxe e, xa que logo, a si mesmo como emisor» (Álvarez e Xove, 2002, p. 542), mais sen achegar pauta ningunha de natureza normativa. Esta opción construtiva ten sido obxecto na segunda década do século XXi de diversas análises na gramática do castelán, especialmente centradas no seu emprego nos medios de comunicación21. Nelas destácase o carácter progresivo do que se denomina nelas ti obxectivador, sinálase a súa maior frecuencia en textos orais e no español dos medios e da publicidade e detéctase a súa coexistencia a respecto con diversos elementos gramaticais que actúan como indutores da xenericidade ou, noutras achegas, construtores de 20 «Es cierto que cualquier lector puede interpretar correctamente el valor generalizador de las formas de primera persona de estos fragmentos, esto es, entendiendo que los nosotros no significan “yo, el escritor, y un grupo cerrado de personas” sino “todo el mundo”. Sin embargo, es cierto también que este mecanismo de generalización resulta poco adecuado en cualquier texto de carácter formal. En otras situaciones comunicativas como, por ejemplo, una conversación coloquial, una manera cortés de generalizar es ponerse uno mismo como ejemplo, con lo que en contextos espontáneos estas estructuras resultan muy útiles. No obstante, en textos académicos, y en general en textos científico-técnicos, las normas de cortesía son diferentes: lo más adecuado es evitar que los textos señalen hacia el escritor o hacia el lector, es decir, lo conveniente es desfocalizar la atención de las personas implicadas en la comunicación a fin de enfocar con más claridad y precisión el mensaje, la información que hay que transmitir» (Montolío e Santiago, 2000, p. 153). 21 Hollaender Henssen (2003); Aijón e Serrano (2014); Serrano Montesinos (2013, 2021a, 2021b); Aijón Oliva (2020a).
303 Procedementos de xeneralización e marcado da implicación no corpus CORTEGAL: entre a linguaxe académica e o rexistro coloquial da lingua espazos mentais, tales como o tempo verbal presente ou as construcións con si e con cuando. Desde a perspectiva de gramática normativa si se achega a consideración da P2 en funcións de xeneralización como inadecuada á marxe da informalidade, pois afírmase que «constituye un mecanismo de generalización demasiado coloquial» (Montolío e Santiago, 2000, p. 162). Vexamos deseguido o valor cuantitativo que acada a forma no corpus CORTEGAL mediante o cómputo das ocorrencias de ti e das estruturas con clíticos de segunda persoa te e che. Localízanse 35 exemplos do pronome tónico22, xunto a 87 do pronome átono de acusativo e 68 do de dativo: (23) Se ti traballas, alguén consumirá o que ti produces, e precisará cartos... (24) Os salarios son maiores e pódeste gastar máis cartos que antes (25) Non é o mesmo acudir ao teu mesón de confianza (...) que sentarse nunha terraza en sillóns masaxeadores mentres tráenche comida á carta (26) Cada vez esta a crecer o número de restaurantes con estas características e a maioría moi baratos non che son A rendibilidade dos posesivos teu e túa é similar: 51 ocorrencias do primeiro, 41 do segundo: (27) Por moi bó cociñeiro que sexas se non tes un gran material o teu traballo non sería tan gozado e tampouco terá tanto éxito (28) Por moitas gañas que teñas de ser futbolista, antes están os teus estudos e a túa formación cultural e intelectual A Gráfica 1 ofrece a tradución porcentual e centesimal das ocorrencias de cada unha das persoas gramaticais no corpus CORTEGAL, tanto baixo a forma de pronome persoal como de posesivo23: GrÁFica 1. Total de referencias explícitas, mediante o pronome persoal ou o posesivo, á persoa emisora do discurso 22 O número total de formas verbais que presenta o corpus en P2 é de 473, polo que nesta persoa só aparece con suxeito pronominal explícito o 7,4% dos casos. 23 Para a elaboración das porcentaxes sumáronse as formas de posesivo masculino e feminino, así como os clíticos de acusativo e dativo da P2.
304 Carme Silva-Domínguez Despréndese dos datos o predominio cuantitativo da P4, que se achega ou supera os tres cuartos do total de mencións explícitas da persoa emisora tan- to en números absolutos como nas categorías pronome átono e posesivo: só a subxectivización extrema que supón a mención da P1 mediante o recurso ao pronome tónico fai que este nivel de emprego se reduza. O máis usual no corpus, por tanto, é combinar xeneralización con marcado da implicación mediante o recurso a esta persoa gramatical, en tanto que a outra posibilidade, o emprego da P2, presenta un vigor non por moito máis reducido carente de significado: no total, preto do 10% de mencións explícitas se fan mediante o recurso a esta persoa gramatical, a pesar do posible ditame normativo ambiguo a respecto desta opción construtiva. Non podemos obviar neste apartado a necesidade de aludir ao emprego, minoritario no corpus CORTEGAL mais non inexistente, da P6 como estratexia de xeneralización sen marcado da implicación. Trátase de ocorrencias en que a persoa vén determinada unicamente pola morfoloxía verbal e nas que, ou ben o antecedente da relación anafórica (usualmente dotado de valor totalizador) está excesivamente lonxe, ou non concorda gramaticalmente (vid. ao respecto o capítulo a cargo de Cidrás neste mesmo volume), ou ben é difícil determinar con exactitude cal sexa este, a pesar de que o significado da estrutura é totalmente comprensible. Falamos de exemplos como os que seguen, sobre os que cómpre indicar que en (29) e (30) se marcou con cursiva a forma comentada e mais o probable elemento anafórico a partir do cal se xustifica o emprego desta P6: (29) A partir destes programas xorde xente que se cre coñecedora da cultura de todo o mundo pero isto non é así e creo que cando se decaten de que hai outros tipos de cultura ademais da gastronómica estes programas deixarán de ser tan populares (30) Existen restaurantes nos que a cantidade de comida que poñen é tan reducida que casi é difícil de ver (31) Eso fixo que media España collera as sarténs e cacerolas e foran as cociñas para non sair de alí ata ter o seu ‘solomillo con patacas cocidas e guarnición de boletus’ ao punto do crítico máis cercano, é dicir, a familia, ou en casos máis extremas, os veciños. Posteriormente estrenarían a versión para nenos dese programa No primeiro exemplo dos reproducidos non existe concordancia gramatical con xente, aínda que parece clara a condición de antecedente que presenta este elemento; en (30) a dificultade vén dada por ter o probable antecedente unha semántica inadecuada para o verbo escollido, dada a condición daquel como [-humano]. O exemplo (31) é aínda máis complexo, pois non existe elemento ningún ao que se poida atribuír o ligame anafórico, máis alá dunha
305 Procedementos de xeneralización e marcado da implicación no corpus CORTEGAL: entre a linguaxe académica e o rexistro coloquial da lingua activación contextual da relación entre medios de comunicación e gastronomía que permita a presenza do verbo estrear, así como a dedución do seu suxeito. Este tipo de emprego xenérico da P6 difire dos anteriormente estudados para a P4 e P2 na non implicación do/a emisor/a; é máis, podería ser asociado a unha intención de marcar a distancia entre este/a e os individuos non determinados que realizan a acción do verbo: en (29) enténdese que a persoa que redactou o texto non se considera parte do colectivo que debe decatarse do seu erro, e en (30) e (31) o afastamento ten que ver coa non condición de profesional da restauración ou dos medios de comunicación que caracteriza o/a emisor da mensaxe. Por unha circunstancia ou por outra, o emprego da P6 permite colocar a tendencia, ideoloxía, comportamento etc. da que se fala nun lugar distante do suxeito emisor. Segundo acertadamente afirma Aijón Oliva (2020b, p. 8) no seu tratamento destas estruturas no castelán, o valor inherente á persoa consiste en que os referentes indicados non son «neither you nor I». A modo de cata que permita deducir o vigor numérico desta opción construtiva, examináronse as primeiras cinco redaccións de cada unha das 25 comisións de avaliación a partir das cales se constituíu o corpus CORTEGAL; nestes 125 textos foron localizados un total de 13 exemplos de P6 con valor xeneralizador como os anteriormente mencionados; de media, algo máis do 10% dos materiais presentaría un exemplo deste tipo, aínda que varios deles aparecen situados na mesma redacción, polo que o recurso, mesmo sendo minoritario, non é inédito nos textos formais que se compilaron. 4.2. A xeneralización desde o individuo: un, cada un, cadaquén Freixeiro Mato (2000, p. 253) afirma que «pode tamén un equivaler expresivamente a ‘calquer persoa’, baixo a que se pode agochar ou que pode encubrir eufemisticamente o propio eu». Similar tratamento gramatical aparece en Álvarez e Xove (2002, p. 88). De acordo coa terminoloxía empregada na presente aproximación, entendemos que nestes usos do indefinido un está sempre implicado o proceso de xeneralización, pero non se produce de maneira explícita o marcado da implicación, aínda que o valor é deducible a partir do contexto. Así, en (32) parece plausible a sinonimia entre a estrutura utilizada e as opcións que se presentan en (32a), en que se marca explicitamente a concordancia entre o comportamento xeral e o escollido pola persoa redactora:
306 Carme Silva-Domínguez (32) Na sociedade actual, a tendencia é valorar unha apariencia física fronte a personalidade e os gustos que un ten (32a) Na sociedade actual, a tendencia é valorar unha aparencia física fronte á personalidade e os gustos que temos/tes Porén, a ausencia dun elemento lingüístico explícito que marque a implicación da persoa redactora provoca que a estrutura poida ser tamén considerada sinónima a respecto doutras en que unicamente está presente o valor xeneralizador: (32b) Na sociedade actual, a tendencia é valorar unha aparencia física fronte á personalidade e os gustos que se teñen En calquera caso, o aspecto máis relevante no emprego da unidade é a súa moi escasa rendibilidade. Examinadas a totalidade das ocorrencias (adxectivais e pronominais, 3021) da forma, unicamente foron localizados 10 exemplos. Algo mellor numericamente é o balance que achega a fusión da individualidade coa distribución en exemplos con cada un (33 casos). O reducido vigor do recurso podería poñerse en relación coa dificultade que presenta en termos de linguaxe non sexista, e actuar, por tanto, como indicio de que esta cuestión é tratada nas aulas de Secundaria. Outra hipótese que xustificaría o exiguo número de exemplos detectado consiste en mencionar como argumento a posible decadencia de un pronominal no rexistro informal da lingua, aínda que sería precisa unha indagación específica para corroborar que tal circunstancia se produce. De ser demostrable esta última visión, a práctica desaparición de un no oral (cando menos na fala das xeracións máis novas) podería poñerse en relación coa súa escaseza na formalidade académica que representan os textos do corpus CORTEGAL. Porén, non son mellores cuantitativamente os datos que achega a forma cadaquén, máis axeitada en termos de linguaxe non sexista e, aínda así, igualmente escasa nos textos do corpus; das seis ocorrencias que presenta a unidade, só en tres o elemento se sitúa en posición de suxeito gramatical e con valor xeneralizador: (33) Nun mundo e nunha sociedade onde a información están ao alcance da maioría das persoas, vivimos practicamente desinformados. Cadaquén ten que buscar a información do que desexe polos seus propios medios 4.3. A voz pasiva A utilización desta posibilidade construtiva como procedemento de consecución da obxectividade discursiva é mencionada naquelas achegas en que se realiza un inventario de opcións estruturais ligadas a esta finalidade, e así
307 Procedementos de xeneralización e marcado da implicación no corpus CORTEGAL: entre a linguaxe académica e o rexistro coloquial da lingua podemos vela, entre outras, na listaxe de estratexias de desaxentivación achegada en Ciapuscio (1992, p. 201) e en Montolío e Santiago (2000, p. 155). A presenza das estruturas pasivas tradicionais no corpus CORTEGAL é moi reducida. A modo de comprobación e como en apartados anteriores, realizamos unha cata nas mesmas cinco redaccións que abren cada unha das 25 comisións de avaliación: nos 125 exercicios foron localizadas un total de 15 estruturas deste tipo: (34) A popularidade deste fenómeno pode ser entendida por moitos como unha simple mostra de poder ou dominación (35) A cociña e a gastronomía acadaron moita popularidade, e ademais por moitos é considerada unha arte en si mesma Os exemplos reproducidos dan conta dunha circunstancia que comparten sete das 15 estruturas con pasivas tradicionais inventariadas (isto é, algo menos do 50% das ocorrencias): este grupo de casos contén algún erro construtivo, xeralmente asociado á concordancia. É o caso de (36): (36) Estos cambios no medo á cociña «laboriosa» que se da xa dende a infancia pode levar a que sexa adoptado culturalmente como unha norma Temos, pois, que a voz pasiva na súa formulación tradicional non só aparece no corpus CORTEGAL de maneira certamente esporádica, senón que ademais resulta ser unha construción dificultosa para as/os aprendices de lingua canto á concordancia. Ambos os indicios sosterán a nosa hipótese de que o traballo escolar con esta opción estrutural pode non ser suficiente. Distinto é, porén, o caso das pasivas con se, de ocorrencia extremadamente frecuente; examinados os resultados que achega corpus CORTEGAL nunha busca do elemento (3338 ocorrencias do pronome se, das cales aproximadamente 2000 corresponden ao valor requirido), foron analizadas as 100 primeiras 24 e obtivéronse un total de 45 exemplos válidos de pasiva con se. No traballo cos resultados obtidos ponse de manifesto o máis amplo espectro de posibilidades semánticas e sintácticas que posúe a estrutura fronte a aqueles recursos a respecto dos cales se realizaron probas de conmutación: as persoas P4 e P2 e o indefinido un. En 31 ocorrencias das 45 sinaladas, a substitución da pasiva con se por calquera outro dos procedementos analizados deu lugar a secuencias aceptables: 24 Descartáronse as estruturas en que o clítico actúa como formante léxico ou pronome reflexivo, e mais tamén os exemplos xerados con deberse (a), tratarse (de) ou dar(se). Estes últimos non forman parte, ao noso xuízo, de estruturas en que estean implicadas a desaxentivación ou a xeneralización, pois non é posible neles a conmutación pola voz activa correspondente ou pola pasiva tradicional.
308 Carme Silva-Domínguez (37) A gastronomía non é só algo que se come, tamén é visual (37a) A gastronomía non é só algo que comemos/comes/un come, tamén é visual As outras 14 presentaron diversos problemas de substitución, que se exemplifican en (38-40): (38) Cada vez máis xente viaxa habitualmente [e] podemos observar numerosos anuncios por medios nos que se ofertan billetes de avión, barco etc. a bós prezos (38a) Cada vez máis xente viaxa habitualmente [e] podemos observar numerosos anuncios por medios nos que *ofertamos/*ofertas/*un oferta billetes de avión, barco, etc., a bos prezos (39) Hai xente que o fai [asumir novas modas gastronómicas] por un motivo serio ou por denunciar a forma en que se trata ós animais destinados a acabar nos supermercados. (39a) Hai xente que o fai [asumir novas modas gastronómicas] por un motivo serio ou por denunciar a forma en que tratamos/*tratas/*un trata os animais destinados a acabar nos supermercados (40) As empresas tamén producen máis do necesario (...) e finalmente moitos destes produtos son tirados ao lixo. En este proceso prodúcese unha perda enorme de cartos innecesaria (40a) As empresas tamén producen máis do necesario (...) e finalmente moitos destes produtos son tirados ao lixo. Neste proceso producimos/produces/*un produce unha perda enorme de cartos innecesaria As estruturas modificadas de (38a) resultan agramaticais porque en (38) o emprego da pasiva con se permite ocultar a/o axente, mais non ten como función a de xeneralizar no sentido de indicar unha acción, ideoloxía, actividade etc., da que esta/e pode participar: a venda de billetes de avión lígase a un colectivo profesional concreto, alleo á persoa emisora. En (39a) si é viable a substitución da pasiva por P4, pois, aínda non sendo a/o axente real da acción, unha persoa pode asumir a súa responsabilidade no comportamento social sinalado e utilizar, por tanto, un recurso que supón a un tempo xeneralización e marcado da implicación. O mesmo ocorre en (40a) e aínda en maior medida, dado que o emprego da P2 é posible, mais non o do indefinido un, o cal, queda descartado polo seu significado de xeneralización desde o individuo. As conmutacións permiten comprobar, segundo se indicou, o maior espectro semántico cuberto pola pasiva con se: a misión fundamental da estrutura é o ocultamento da persoa axente e, aínda que na maior parte dos casos esta circunstancia provoca que a opción construtiva sexa unha candidata ideal para a expresión da xeneralización sen marcado da implicación, as súas posibilidades de ocorrencia son certamente maiores.
309 Procedementos de xeneralización e marcado da implicación no corpus CORTEGAL: entre a linguaxe académica e o rexistro coloquial da lingua 4.4. Frases nominais e indefinidos Estudaranse deseguido aquelas estruturas cuxo valor de xeneralización na descrición de opinións, costumes, criterios etc., a respecto dos cales a/o alumna/o achega o propio punto de vista, vén dado polo significado de determinadas unidades substantivais, ou máis ben das frases nominais en que estas se insiren. Parece pertinente achegar unha descrición do comportamento destas unidades no corpus CORTEGAL, dado que o seu emprego se converte nunha posibilidade estrutural alternante a respecto dos recursos estudados en §4.1, §4.2 e §4.3; neste sentido poden ser interpretadas as conmutacións que seguen, realizadas sobre exemplos que pertencen ao corpus: (41) Moita xente ve agora a comida como unha forma de pracer máis que de nutrición (41a) Vese/Ves/Vemos/Un ve agora a comida como unha fonte de pracer máis que de nutrición (42) Non é xusto valorar o estado da sociedade tendo en conta o que as persoas soñan na súa infancia (42a) Non é xusto valorar o estado da sociedade tendo en conta o que se soña/ soñamos/soñas/un soña na nosa/túa infancia (43) Os críticos gastronómicos naceron co movemento e a sociedade os aceptou sen miramentos (43a) Os críticos gastronómicos naceron co movemento e aceptáronse/ aceptámolos/aceptáchelos/un aceptounos sen miramentos (44) Tamén cómpre destacarmos que ese «tráfico de comida» que se denuncia no texto é en realidade o que demanda a poboación (44a) Tamén cómpre destacarmos que ese «tráfico de comida» que se denuncia no texto é en realidade o que se demanda/demandamos/demandas/un demanda (45) Da produción encárganse unhos poucos durante un período de tempo pero todo o mundo pode consumir cando e onde queira (45a) Da produción encárganse uns poucos durante un período de tempo pero consómese/consumimos/consomes/un consome cando e onde queira (46) Pola contra, está a gran dependencia que os seres humanos temos ante o consumo e a producción (46a) Pola contra, está a gran dependencia que se ten/temos/tes/un ten ante o consumo e a produción (47) En resumo, creo que todos deberíamos valorar máis outras cousas non tan materialistas (47a) En resumo, creo que se deberían/deberiamos/deberas/un debería valorar máis outras cousas non tan materialistas Ao optar por un elemento nominal para a expresión do valor de xeneralización, a/o emisor/a ten en conta dúas circunstancias vantaxosas a respecto das opcións anteriormente estudadas, alén da semántica intrínseca da forma e das
310 Carme Silva-Domínguez súas características morfolóxicas; en primeiro lugar, a introdución de elementos modificativos na estrutura nominal permite determinar o tamaño do grupo de referencia e expresar, ben unha xeneralización plena, ben unha xeneralización referida a un segmento da sociedade unicamente; en segundo termo, a persoa emisora pode provocar, ou non, o marcado da implicación, mediante o emprego da concordancia gramatical en P4 en lugar de en P3 ou P6. 4.4.1. Xente O substantivo xente, común con este valor no rexistro coloquial da lingua e de significado colectivo (e polo tanto, previsiblemente non pluralizable)25, aparece como o recurso máis rendible, en compañía do artigo determinado, á hora de situar un elemento nominal con función xeneralizadora. O corpus CORTEGAL permite localizar un total de 216 exemplos do tipo de (48): (48) Grazas á producción, a xente pode consumir, é dicir comprar O verbo que acompaña a frase nominal está case sempre en presente, de indicativo ou subxuntivo, e xeralmente en P3; porén, localizáronse dúas ocorrencias de concordancia con P626: (49) Sen consumo e sen produción a xente non terían diñeiro para vivir Segundo se indicou anteriormente, o emprego desta unidade permite o establecemento de subconxuntos, fundamentalmente cuantitativos mais tamén cualitativos, a respecto da totalidade ilimitada que supón a utilización da forma núa xente. A maioría da xente, a meirande parte da xente, non toda a xente son expresións deste tipo; obsérvese a concordancia con P427: (50) Moitas veces os adolescentes e quizáis a maioría da xente empregamos a táctica de se eso non me me funciona con un chamo ao outro Canto á creación de subconxuntos de base non cuantitativa, exemplifícanse mediante ocorrencias do tipo de (51): (51) O máis importante é o que pensa a xente normal, a poboación 25 O plural xentes localízase no corpus, mais nunca en estruturas deste tipo. 26 Dous exemplos máis sitúanse de a cabalo entre os examinados neste apartado e os analizados en liñas anteriores como de P6 con valor xeneralizador, así en: Agora somos máis descuidados co diñeiro, non nos importa gastar e antes a xente prefería aforrar, xa que viviron anos moi duros. 27 A mesma dupla posibilidade de concordancia detéctase no portugués europeo (Rubio, 2014) e brasileiro (Scherre et al., 2018).
311 Procedementos de xeneralización e marcado da implicación no corpus CORTEGAL: entre a linguaxe académica e o rexistro coloquial da lingua Sinalaremos tamén a aparición no corpus CORTEGAL dunha estratexia que serve para marcar a distancia entre o grupo sinalado e a persoa emisora, isto é, para a expresión da non implicación. Trátase do emprego das frases esta xente e esa xente, en que o demostrativo ten como función precisamente a de servir como marca de que a persoa emisora non pertence ao grupo que se menciona, isto é, de non implicación: (52) Se a producción diminúe esa xente terá que buscar o que quere consumir noutro lugar 4.4.2. Persoas, seres humanos, homes, cidadáns e individuos (en singular e plural) O emprego destas unidades substantivais en estruturas do tipo das que nos interesan presenta como nexo de unión a aparición en plural do elemento nominal, aínda que (segundo veremos) o emprego dun singular con valor xenérico é tamén posible para algunhas das unidades examinadas. O colectivo sobre o que se establece unha afirmación global enténdese, daquela, como constituído por unidades menores diferenciadas, polo que xeralmente o verbo aparece concordando en P6 co substantivo en plural. Dentro desta agrupación de elementos nominais, o sintagma as persoas é con diferenza o máis rendible, pois ocorre en 108 ocasións co valor perseguido, como en (53): (53) Nun futuro non moi lonxano as persoas xa non traballarán en fábricas Tamén a frase é matizable cuantitativamente (todas as persoas, a maioría das persoas) e cualitativamente, como en (54), (54) Normalmente as persoas que son viaxeiras interésanse moito pola cultura de cada país, e a cultura tamén é a gastronomía O emprego deste substantivo ten como peculiaridade principal o feito de se localizaren no corpus CORTEGAL un total de 22 exemplos (algo máis do 20%) en que a concordancia se fai con P4, como en (55): (55) Hoxe en día, a maioría das persoas consumimos máis do que producimos E, ao igual que no caso anterior, existe a posibilidade de marcar a distancia entre a persoa emisora e o grupo do que se está falando mediante o emprego dos demostrativos na función de determinación; así en (56): (56) Debido a globalización rexéitase o propio (...). Esta actitude e común porque esas persoas non sufriron o bombardeo continuo audiovisual de ese producto
318 Carme Silva-Domínguez xeito explícito, pois non existe na variedade coloquial da lingua. A utilización da P6 sen antecedente claro ou expreso e cun significado próximo ao que se consegue mediante a voz pasiva moi probablemente sería corrixida pola maior parte das/os docentes, aínda que non se obtivo información ningunha acerca do tipo de traballo escolar realizado con estruturas de tan elevada frecuencia no rexistro coloquial da lingua. Por outra banda, o moi escaso emprego da voz pasiva tradicional correlaciona cunha certa impericia no seu manexo, impericia que podería requirir unha maior atención ao fomento deste recurso nas aulas. O indefinido un si coñece unha utilización ortodoxa desde unha perspectiva gramatical, mais cunha mínima rendibilidade: cremos que debera aflorar o debate acerca da súa procedencia ou improcedencia no rexistro formal da lingua, especialmente tendo en conta o case seguro retroceso da construción na oralidade, a súa probable asociación a variedades diastráticas propias de adultos/as maiores e as dificultades que o recurso podería supoñer en termos de linguaxe non sexista. Canto ás secuencias estudadas no último subapartado, en que o valor xeneralizador provén da frase nominal que funciona como suxeito, na nosa opinión deberan ser tamén obxecto de traballo escolar, especialmente canto á pertinencia dos distintos substantivos no rexistro formal da lingua, á validez de cada un deles en contextos non coloquiais, a posibilidade da concordancia verbal con P4 e, por último, no que ten que ver coa formulación de expresións non sexistas. O traballo na aula con estas estruturas debera facer explícita a máis que probable valoración do grupo nominal todo o mundo como improcedente no rexistro formal, así como a escasamente aconsellable opción pola fórmula a xente, cando menos como recurso único e, en moitas ocasións, reiterado. Os resultados da análise son compatibles coa hipótese, formulada no inicio de §4, segundo a cal na construción das redaccións que forman parte do corpus CORTEGAL acadan unha grande importancia as circunstancias que explican o modo de produción dos textos; así, o nulo control previo do tema, o estado mental da persoa que redacta, a desigualdade de roles entre emisor/a e receptor/a propios da linguaxe persuasiva, unidos a un talvez insuficiente traballo previo sobre os recursos que cómpre activar, explican, ao noso xuízo, a notable converxencia entre as posibilidades construtivas activadas no corpus e as características do rexistro coloquial da lingua, e tamén a menor habilidade dos/as aprendices/as no manexo daquelas construcións de moi escasa ou nula aparición no coloquio.
319 Procedementos de xeneralización e marcado da implicación no corpus CORTEGAL: entre a linguaxe académica e o rexistro coloquial da lingua De cara ao traballo nas aulas de lingua galega, a evidencia de que a adecuación textual non está referida unicamente á selección léxica deberá situar a alternancia de estruturas entre rexistros no lugar que lle corresponde para un adecuado manexo da variedade formal, sempre partindo, por suposto, do carácter móbil, e pertinente só en determinado momento da historia, das clasificacións que as/os docentes e os manuais achegan ás/aos aprendices. referencias bibliográficas ädel, A. (2006). Metadiscourse in L1 and L2 English. John Benjamins. https:// doi.org/10.1075/scl.24 aijón oliva, M. A. (2020a). It can be us or you. The desubjectification of viewpoint through person choice in Spanish oral and written media discourse. Journal of Pragmatics, 163, 4-17. https://doi.org/10.1016/j.pragma.2020.04.009 aijón oliva, M. A. (2020b). Talking about ‘others’: referential readings and pragmatic functions of non-phoric plural third persons in Spanish media discourse. Lingua. International Review of Media Discourse, 243, 1-18. https://doi.org/10.1016/j.lingua.2020.102906 aijón oliva, M. A. e serrano, M. J. (2014). Moving towards the realm of the other: second-person objectivization in Spanish media discourse. Language Sciences, 45, 173-188. https://doi.org/10.1016/j.langsci.2014.07.001 Álvarez, R. e Xove, X. (2002). Gramática da lingua galega. Galaxia. Álvarez de la Granja, M. (2018). Corpus de textos de estudantes galegos (CORTEGAL). Aspectos metodolóxicos. En M. Díaz, G. Vaamonde, A. Varela, M. C. Cabeza, J. M. García-Miguel e F. Ramallo (Eds.), Actas do XIII Congreso Internacional de Lingüística Xeral (pp. 55-62). Universidade de Vigo. http://cilx2018.uvigo.gal/actas/resumos/655842.html Álvarez de la Granja, M. (2020a). O infinitivo flexionado no Corpus de textos galegos escritos por estudantes no ámbito académico (CORTEGAL). Madrygal. Revista de estudios gallegos, 23, 15-38. https://doi.org/10.5209/ madr.73064 Álvarez de la Granja, M. (2020b). Análise da conxugación verbal no Corpus de textos galegos escritos por estudantes no ámbito académico (CORTEGAL). En L. de Castro Moutinho, R. L. Coimbra e A. Gómez Bautista (Coords.), Línguas Minoritárias e Variação Linguística (pp. 150-173). Universidade de Aveiro. https://doi.org/10.34624/rj68-vz44 Álvarez lópez, M. F. (2012). ¿Presento, presentamos o se presenta? La autoría en el español académico escrito de CC. Económicas y Empresariales. En A. Van Hooft (Coord.), El español de las profesiones: artículos seleccionados del IV Congreso Internacional de Español para Fines Específicos (CIEFE). Amsterdam, noviembre de 2011 (pp. 27-39). Ministerio de Educación, Cultura y Deporte, Subdirección General de Documentación y Publicaciones. https://cvc.cervantes.es/ensenanza/biblioteca_ele/ciefe/pdf/04/cvc_ ciefe_04_0006.pdf
320 Carme Silva-Domínguez Álvarez lópez, M. F. (2013). La despersonalización en el discurso académico escrito [Tese de doutoramento, Universidade de Alcalá]. TESEO. https:// www.educacion.gob.es/teseo/mostrarRef.do?ref=349713 barrajón lópez, E. e lavale ortiz, R. M. (2013). Los recursos de impersonalidad en el lenguaje jurídico y en el lenguaje médico. Español Actual, 99, 25-50. bolívar, A. e parodi, G. (1995). Academic and Professional Discourse. En M. Lacorte (Ed.), The Routledge Handbook of Hispanic Applied Linguistics (pp. 459-476). Routledge. CasaMiGlia blancaFort, H. (1996). Multifaceted Dimensions of Self Reference. Links & Lerters, 3, 61-76. https://raco.cat/index.php/LinksLetters/article/ view/49846 cassany, D. (1995). La cocina de la escritura. Anagrama. cassany, D. (2008). Metodología para trabajar con géneros discursivos. En P. Salaburu Etxeberria e I. Ugarteburu Gastañares (Eds.), Espezialitate hizkerak eta terminologia III: espezialitate hizkeren didaktika eta komunikazioa. Jornadas sobre lenguajes de especialidad y terminología; Leioa, Biscaia, 1 febrer de 2008 (pp. 9-24). Universidad del País Vasco. cHaFe, W. e danielewick, J. (1987). Properties of Spoken and Written Language. En R. Horowitz e S. J. Samuels (Eds.), Comprehending Oral and Written Language (pp. 83-113). Academic Press. ciapuscio, G. E. (1992). Impersonalidad y desagentivación en la divulgación científica. LEA. Lingüística Española Actual, 14(2), 183-206. ciapuscio, G. E. (2014). Mecanismos de divulgación del conocimiento. En E. Montolío (Ed.), Manual de escritura académica y profesional. II. Estrategias discursivas (pp. 285-318). Ariel. côrte vitória, I. (2018). La escritura académica en la formación universitaria. Narcea. FernÁndez salGado, X. A., loredo Gutiérrez, X. e suÁrez FernÁndez, I. (2005). Análise da expresión escrita en galego e castelán ao final do ensino obrigatorioresultados dun estudo realizado na comarca de Santiago de Compostela. Cadernos de lingua, 27, 109-126. https://doi.org/10.32766/cdl.27.58 FernÁndez silva, C. (2015). La inscripción del autor en la escritura académica. Análisis de monografías escritas por estudiantes nativos y no nativos de español [Tese de doutoramento inédita]. Universidad Antonio de Nebrija. FernÁndez sMitH, G. e escoriza Morera, L. (2004). Variación léxica y texto. Análisis cualitativo del grado de formalidad en contexto con AQUAD. Pragmalingüística, 12, 73-90. https://doi.org/10.25267/Pragmalinguistica.2017.i25 FreiXeiro Mato, X. R. (2000). Gramática da lingua galega. II. Morfosintaxe. A Nosa Terra. Garcés-conejos, P. e sÁncHez-Macarro, A. (1998). Scientific Discourse as Interaction. En A. Sánchez-Macarro e R. Carter (Eds.), Linguistic Choice across Genres (pp. 173-190). John Benjamins. https://doi.org/10.1075/cilt.158.13gar
321 Procedementos de xeneralización e marcado da implicación no corpus CORTEGAL: entre a linguaxe académica e o rexistro coloquial da lingua GiMeno Martínez, M. (2012). Usos argumentativos orales en estudiantes adolescentes [Tese de doutoramento, Universitat de València]. TESEO. https://www.educacion.gob.es/teseo/mostrarRef.do?ref=975771 GóMez capuz, J. (2006). Evaluación de las propiedades textuales en enseñanza secundaria: la adecuación en la producción de textos escritos. Tonos digital. Revista de estudios filológicos, 11. https://www.um.es/tonosdigital/znum11/ estudios/8-correccion.htm GonzÁlez avión, I. e ínsua lópez, E. X. (2016). Lingua galega e literatura 1º Bacharelato. Baía Edicións. Hyland, K. (2004). Disciplinary Interactions: metadiscourse in L2 Postgraduate Writing. Journal of Second Language Writing, 13, 133-151. https://doi. org/10.1016/j.jslw.2004.02.001 Hyland, K. (2005). Stance and engagement: a model of interaction in academic discourse. Discourse Studies, 7(2), 173-191. https://doi. org/10.1177/1461445605050365 Hollaender jensen, M. (2003). Expresiones impersonales y espacios mentales. Foro Hispánico. Revista hispánica de Flandes y Holanda, 23, 83-93. https:// doi.org/10.1163/9789004334403_008 iGlesias Álvarez, A., Moo pedrosa, X. M., pena sÁncHez, X. R., rodríGuez rodríGuez, A. e rosales cereijo, M. (2014). Lingua e literatura 1º Bacharelato. Vigo: Xerais. loredo, X. e silva valdivia, B. (Coords.) (2020). Avaliación da competencia bilingüe nos idiomas galego e castelán do alumnado de 4º da ESO. Real Academia Galega. https://doi.org/10.32766/rag.372 loredo Gutiérrez, X. e silva valdivia, B. (2014). Variables asociadas á competencia gramatical e léxica en galego e castelán do alumnado de Galicia ao final do ensino obrigatorio. Revista de Investigación en Educación, 12, 191-208. https://reined.webs.uvigo.es/index.php/reined/article/view/257 Montolío, E. e santiaGo, M. (2000). Objetividad e implicación en el texto académico. En E. Montolío (Coord.), Manual práctico de escritura académica (pp. 153- 182, vol. 3). Ariel. Muñoz, N. I. (1999). La desagentivación en el lenguaje científico y en el de la divulgación. Anclajes. Revista de análisis semiótico del discurso, 3(3), 95- 105. https://cerac.unlpam.edu.ar/index.php/anclajes/article/view/3208 nieto pazó, A. e troitiño Fraiz, X. (2015). Lingua galega e literatura 1º Bacharelato (Aprender é crecer en conexión). Anaya. pérez Gaztelu, E. e zulaika ijurko, E. (2014). De dónde partimos. Las prácticas letradas académicas de los estudiantes de bachillerato. En I. Ballano e I. Muñoz (Eds.), Escribir en el contexto académico (pp. 53-88). Universidad de Deusto.
322 Carme Silva-Domínguez poudat, C. e loiseau, S. (2005). Autorial presence in academic genres. En E. Tognini- Bonelli e G. Del Lungo-Camiciotti (Eds.), Strategies in Academic Discourse (pp. 51-68). John Benjamins. https://doi.org/10.1075/scl.19.05pou rubio, C. F. (2014). Variação na concordância verbal com ‘a gente’ no português europeu. Fórum Linguístico, 11(2), 164-177. https://doi.org/10.5007/1984- 8412.2014v11n2p164 salas valdebenito, M. (2015). Una propuesta de taxonomía de marcadores metadiscursivos para el discurso académico-científico escrito en español. Revista Signos. Estudios de Lingüística, 48(87), 95-120. https://doi.org/10.4067/ S0718-09342015000100005 scHerre, M. M. P., yacovenco, L. C. e naro, A. J. (2018). Nós e a gente no português brasileiro: concordâncias e discordâncias. Estudos de Lingüística Galega, 12, 13-27. https://doi.org/10.15304/elg.ve1.3585 serrano, M. J. (2013). El pronombre tú como recurso objetivador en español. Variación textual y discursiva. Borealis. An International Journal of Hispanic Linguistics, 2(1), 179-197. https://doi.org/10.7557/1.2.1.2519 serrano, M. J. (2021a). Gradual objectivity. Variation in the use of the objectivizing second-person singular tú in Spanish. Journal of Pragmatics, 176, 44-72. https://doi.org/10.1016/j.pragma.2021.01.029 serrano, M. J. (2021b). La función de los constructores de espacio mental en el discurso publicitario: el uso de la segunda persona objetivadora tú. Oralia, 24(2), 385-411. https://doi.org/10.25115/oralia.v24i2.7141 silva, B., MorÁn, C., buela, P. e loredo, X. (2008). O ensino da lingua e a literatura galega na ESO. Unha aproximación sociopedagóxica á situación desta área curricular. Revista galega de educación, 41, 88-93. silva valdivia, B. (2004). Interferencias morfosintácticas do castelán no galego: avaliación da competencia do alumnado de educación secundaria [Tese de doutoramento inédita]. Universidade de Santiago de Compostela. silva valdivia, B. (2006). Castelanismos morfosintácticos no galego. Avaliación da competencia do alumnado. Universidade de Santiago de Compostela. silva valdivia, B. (Dir.) (2010). Avaliación da competencia do alumnado de 4º da ESO nos idiomas galego e castelán. Universidade de Santiago de Compostela. veneGas, R., Meza GuzMÁn, C. e Martínez Hincapié, J. (2003). Procedimientos discursivos en la atribución del conocimiento en tesis de lingüística y filosofía en dos niveles académicos. RLA. Revista de Lingüística Teórica y Aplicada, 51(1), 153-179. http://doi.org/10.4067/S0718-48832013000100008