Encomenda de xestións administrativas á Vicexerencia do Campus de Lugo
Full text
NORMATIVA DEROGADA ENCOMENDA DE XESTIÓNS ADMINISTRATIVAS Á VICEXERENCIA DO CAMPUS DE LUGO (RESOLUCIÓN DO 7 DE MARZO DE 1994) (D.O.G. DO 5 DE ABRIL DE 1995) A Vicexerencia da Universidade de Santiago de Compostela para o Campus de Lugo configúrase como unha unidade administrativa que, baixo a dependencia da Xerencia, exerce funcións de xestión directa así como de coordinación e impulso de diversas áreas no indicado ámbito interritorial, á que, por razóns diversas, principalmente de proximidade ós afectados na toma de decisións, parece conveniente encomendarlle certas xestións, coa finalidade de facilita-la realización de trámites e facer efectivos os principios de economía celeridade, eficacia, descentralización e cooordinación que deben imperar no ámbito da administración universitaria. En consecuencia, este rectorado, vista a proposta da Xerencia universitaria , vista a Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, en uso das competencias atribuídas polos artigos 18 da Lei de reforma universitaria e 60 dos Estatutos da Universidade de Santiago de Compostela. RESOLVE: Encomendar á Vicexerencia para o Campus de Lugo a xestión de funcións, baixo a coordinación da xerencia, nos termos seguintes: Primeiro.- Con carácter xeral. a) A vicexerencia constitúe un órgano administrativo de apoio na xestión ordinaria dos órganos centrais da universidade cos que coordinará as súas actuacións. Recibirá información de todo tipo coa finalidade de facilita-lo acceso a ela por parte dos membros da comunidade universitaria. b) Establécese como límite o determinado polo ámbito do Campus de Lugo. Segundo.- Persoal do P.A.S a) Conforme o disposto no artigo 7 da Resolución do 20 de marzo de 1991, ó vicexerente, como xefe da unidade administrativa, compételle a concesión de permisos, licencias e vacacións ó persoal adscrito ó Campus de Lugo, non delegados ós decanos, directores de centros e xefes doutras unidades administrativas. b) Participar e dirixi-lo proceso selectivo para a contratación temporal de persoal proposto polo INEM e sempre que non existan listas de espera. c) O asinamento de contratos temporais de traballo e das súas denuncias ou prórrogas, con expresa delegación de sinatura por parte do xerente e unha vez que este autorice a dita contratación. d) Seguimento e aplicación das listas de espera para contratacións temporais. e) Elabora-la proposta da oferta de emprego público e as modificacións das relacións de postos de traballo do Campus de Lugo.
f) Emitir informe sobre asistencia a cursos de selección formación e perfeccionamento e desenvolve-la impartición e control dos ditos cursos cando sexan promovidos pola universidade, así como a preparación de diplomas ou certificados. g) A autorización de comisións de servicio con dereito a indemnización do persoal de administración e servicios adscrito ó Campus de Lugo nos termos regulados no Real Decreto 236/1988, do 4 de marzo. h) Prepara-los actos derivados da xestión e tramitación dos procedementos de xubilación, salvo as certificacións que correspondan. i) A comunicación das resolucións e instruccións xerenciais en materia de persoal. j) Recollida e tramitación de solicitudes de vestiario profesional e conforma-las facturas pertinentes. k) Control de crédito horario da xornada de traballo e sábados traballados, todo isto de conformidade co disposto no artigo 26 do convenio colectivo. l) Autoriza-la realización e aboamento de horas extraordinarias, extraordinarias urxentes e gratificacións por servicios extraordinarios. m) Todos aqueles actos de administración e xestión ordinaria do persoal, que non figuren atribuídos á xerencia ou a outros órganos universitarios. Terceiro.- Nóminas e Seguridade Social: a) Presentación das altas e baixas na Seguridade Social. b) Con respecto ás altas en Muface, a emisión de certificación acreditativa do ingreso no corpo respectivo. c) Con respecto ás variacións de nómina, a expedición da documentación que motiva a modificación. d) Recepción e posterior envío a nóminas dos partes de baixa e alta por ILT. e) Cubrir e presenta-los formularios para a inclusión de familiares a cargo na afiliación do persoal. f) Cubri-lo modelo E-111 de desprazamentos a países da CEE e presentación ante a Seguridade Social. g) Atende-los requirimentos da Inspección de Traballo na provincia de Lugo. Cuarto.- Contabilidade e presupostos: a) Os pagamentos de indemnizacións por razón do servicio de persoal adscrito ó Campus de Lugo, cando se opte pola súa precepción a través da unidade e se achegue autotización da comisión e xustificación da súa realización. Quinto.- Asesoría xurídica: a) Recompilación de documentacións para formar ou completar expedientes contenciosos ou laborais, con carácter previo á súa resolución. b) Emitir informe sobre as reclamacións previas e demandas en vía xurídico-laboral. Sexto.- Servicio de profesorado: a) Expedición e asinamento de tarxetas de identidade. b) Expedición e asinamento de certificacións acreditativas para a obtención do beneficio de matrícula gratuíta. c) Conformar aqueles aspectos do expediente de profesorado contratado que serán obxecto de delimitación e determinación polo Vicerrectorado de Profesorado.
Sétimo.- Xestión económica. a) A preparación dos expedientes de contratación centralizada que afectan ó Campus de Lugo. b) Depósito e custodia e seguimento dos expedientes de contratación administrativa do Campus de Lugo. c) A preparación de documentación sobre titularidades dos bens do Campus de Lugo (escrituras, cesións..). d) A xestión da cesión temporal do uso do patrimonio da universidade para a celebración de actividades alleas ós fins académicos e investigadores da universidade, todo isto nos supostos de autorización polo rector e de acordo co disposto nos artigos 2, 3 e 4 da Resolución do 6-9-1991 (DOG do 16-10-1991). e) Ó abeiro do disposto no punto 7º B) da instrucción xerencial X/1993, corresponderalle á vicexerencia a elaboración en coordinación coa sección de patrimonio das follas de inventario en expedientes de gasto de bens mobles superiores a 10.000.000 de pesetas, así como a súa recepción nos termos regulados no artigo 42 do Regulamento de contratación da Universidade de Santiago de Compostela (Resolución do 20-5-1989). Oitavo.- En colaboración cos distintos vicerrectorados, exercerá funcións de coordinación, apoio e organización cando así lle sexan encomendados. Noveno.- No caso de actos dictados como consecuencia de delegación de sinatura, farase constar esta circunstancia, e data da delegación e o órgano delegante. Décimo.- Os actos dictados en virtude da presente encomenda non poderán exceder dos límites dela, declarándose en caso contrario, nulos de pleno dereito. Décimo primeiro.- A presente encomenda de xestión poderá ser modificada ou ampliada por resolución rectoral de acordo coas necesidades do servicio. Décimo segundo.- O xerente da universidade, tras acordo previo motivado, poderá avocar para si en calquera momento da tramitación, o coñecemento das xestións encomendadas na presente resolución. O rector poderá, así mesmo avocar en calquera momento a resolución daqueles asuntos atribuídos á vicexerencia por delegación. Disposición derradeira.- A presente resolución terá efectividade a partir do día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.