Regulamento de Réxime Interno da Estación de Hidrobioloxía "Encoro do Con"
Full text
Regulamento de Réxime Interno da Estación de Hidrobioloxía "Encoro do Con" (Aprobado por Consello de Goberno do 12-V-2004) Catroagudín, Vilagarcía de Arousa Pontevedra
1 Regulamento de Réxime Interno da Estación de Hidrobioloxía "Encoro do Con" TÍTULO 1: NATUREZA E FUNCIÓNS ARTIGO 1.- NATUREZA 1. A Estación de Hidrobioloxía "Encoro do Con" é un servizo científico que forma parte da Universidade de Santiago de Compostela e que se crea como un servizo específico de apoio a docencia e a investigación co fin de propiciar, fomentar e facilitar a investigación, a docencia e a divulgación de coñecemento en hidrobioloxía, e o asesoramento e difusión en temas relacionadas coa fauna e flora das augas epicontinentais. 2.- O seu funcionamento rexerase polo establecido na Lei Orgánica de Universidades e súas disposicións regulamentarias, os Estatutos da Universidade de Santiago de Compostela e seus decretos e normas de desenvolvemento, e polo presente regulamento. 3. O patrimonio que ten a Universidade de Santiago de Compostela na Estación de Hidrobioloxía "Encoro do Con" está constituído por un edificio, con todo o seu equipamento interno e externo, coleccións científicas, de estudo e docentes e calquera outros obxectos de valor científico ou docente, procedentes de adquisicións realizadas pola Universidade de Santiago de Compostela. ARTIGO 2.- FUNCIÓNS Son funcións da Estación de Hidrobioloxía "Encoro do Con": 1.- O fomento e a promoción da Investigación Científica no ámbito da Hidrobioloxía de Galicia, facilitando aos investigadores tódalas súas instalacións e medios dispoñibles para o desenvolvemento de traballos científicos, proxectos de investigación, teses de doutoramento e reunións científicas, e estimular e favorecer estudios e investigacións sobre a fauna e flora de Galicia. 2.- A realización e coordinación de actividades docentes e formadoras para os alumnos nas súas instalacións: practicas, seminarios, conferencias, cursiños, cursos de doutoramento, cursos de especialización e mestrados, dentro do marco xeral dos programas de estudos da Universidade de Santiago de Compostela. 3.- O asesoramento e colaboración en materia de docencia e investigación con entidades publicas e privadas. 4.- O establecemento e coordinación de relacións de intercambio científico con outras Universidades e institucións científicas de España e doutros países.
2 TÍTULO II: ÓRGANOS DE GOBERNO ARTIGO 3.- A ESTACIÓN DE HIDROBIOLOXÍA "ENCORO DO CON" ESTARÁ REXIDA POR: 1.- A Xunta de Goberno. 2.- O director. 3.- O subdirector. 4.- O xefe da Estación. ARTIGO 4.- A XUNTA DE GOBERNO A Xunta de Goberno estará formada por: 1.- O reitor da Universidade, ou persoa na quen delegue, que presidirá e convocará. 2.- O alcalde-presidente do Concello de Vilagarcía de Arousa, ou persoa na que delegue. 3.- O director da Estación. 4.- O subdirector. 5.- O xefe da Estación que actuará como secretario da Xunta de Goberno. 6.- Un representante das áreas de coñecemento máis directamente implicadas nas actividades da estación: Área de Zooloxía (Departamento de Bioloxía Animal), Área de Ecoloxía (Departamento de Bioloxía Celular e Ecoloxía) e Área de Botánica (Departamento de Botánica). 7.- Os directores das outras estacións de Bioloxía da Universidade de Santiago de Compostela. 8.- A Xunta de Goberno reunirase en sesión ordinaria alomenos unha vez ao ano, e en sesión extraordinaria por iniciativa do seu presidente, do director da Estación ou dun tercio dos seus membros. ARTIGO 5.- FUNCIÓNS DA XUNTA DE GOBERNO 1.- Elaborar as directrices que orienten a programación anual de actividades científicas, docentes e asesoramento a desenvolver pola Estación e velar pola súa realización. 2.- Propoñer o proxecto de orzamento da Estación 3.- Aprobar a Memoria anual de Actividades da Estación.
3 4.- Aprobar a Memoria Económica anual da Estación. 5.- Propoñer as modificacións do Regulamento de Réxime Interno da Estación. 6.- Aprobar o Regulamento de Uso da Estación e, de se-lo caso, as modificacións posteriores para a súa aprobación definitiva polo Consello de Goberno da Universidade de Santiago de Compostela. 7.- Asesorar e elevar propostas en tódolos asuntos que pola súa importancia se considere necesario someter á súa consideración. ARTIGO 6.- O DIRECTOR 1.- O director da Estación será un membro do persoal docente e investigador da Universidade de Santiago de Compostela, con coñecementos e formación en Hidrobioloxía, en activo e con dedicación a tempo completo. 2.- O director da Estación será nomeado polo reitor, oída a Xunta de Goberno, por períodos de catro anos. ARTIGO 7.- FUNCIÓNS DO DIRECTOR Serán funcións do director da Estación de Hidrobioloxía "Encoro do Con": 1.- Representar á Estación de Hidrobioloxía "Encoro do Con" no ámbito da súa competencia. 2.- Dirixir científica, técnica e administrativamente a Estación de Hidrobioloxía "Encoro do Con". 3.- Elaborar e planificar a programación anual de actividades da Estación, de acordo coas directrices aprobadas pola Xunta de Goberno. 4.- Coordinar, xestionar e controla-las actividades desenvolvidas pola Estación. 5.- Informar das necesidades de persoal, instalacións e equipamento da Estación. 6.- Elabora-las Memorias anuais de Actividades e Económica da Estación. 7.- Elabora-lo proxecto de orzamento da Estación. 8.- Elaborar o Regulamento de Uso da Estación e velar polo seu cumprimento. 9.- O director, durante a súa ausencia da Estación, delegará a representación e aquelas funcións que considere necesarias no subdirector, no caso de estar nomeado, e no xefe da Estación.
4 ARTIGO 8.- O SUBDIRECTOR 1.- O subdirector da Estación será un membro será un membro do persoal docente e investigador da Universidade de Santiago de Compostela, con coñecementos e formación en Hidrobioloxía, en activo e con dedicación a tempo completo. 2.- O subdirector poderá ser facultativamente proposto polo director, sen que o cargo supoña remuneración, nin reducción da dedicación docente. 3.- O subdirector da Estación será nomeado polo reitor a proposta do director. ARTIGO 9.- FUNCIÓNS DO SUBDIRECTOR Serán funcións do subdirector da Estación de Hidrobioloxía "Encoro do Con" auxiliar ao director nas súas funcións e substituílo na súa ausencia. TÍTULO III: DO PERSOAL ARTIGO 10.- O XEFE DA ESTACIÓN 1.- O xefe da Estación deberá ser titulado superior en Bioloxía e ter coñecementos e formación en Hidrobioloxía, e auxiliará ao director e ao subdirector, no caso de estar nomeado, nas súas funcións e substituílos nas súas ausencias 2.- Por delegación do director, asumirá as funcións de xestión, coordinación e control das actividades docentes e investigadoras desenvolvidas pola Estación. 3.- Custodiará o equipamento científico, bibliográfico e material, a documentación e as coleccións de estudio e de referencia depositadas na Estación. 4.- Supervisará a labor do persoal de administración e servicios. 5.- Redactará as actas das sesións da Xunta de Goberno. ARTIGO 11.- PERSOAL CIENTÍFICO 1.- O persoal científico da Estación estará integrado polos profesores e investigadores da Universidade de Santiago de Compostela que desenvolvan parte do seu labor investigador ou docente nas instalacións da Estación, así como os investigadores en período de formación. 2.- Persoal investigador contratado especificamente para as actividades de investigación ou docentes desenvolvidas na Estación, no marco de proxectos, convenios e contratos de investigación
5 ARTIGO 12.- OUTRO PERSOAL A Estación poderá contar con persoal técnico e de administración e servizos. TÍTULO IV: DO RÉXIME ECONÓMICO ARTIGO 13.- ORZAMENTO 1.- A Estación terá o seu propio orzamento de ingresos e gastos, que será elaborado, aprobado e executado de acordo co establecido neste regulamento. 2.- O orzamento da Estación formará parte dos orzamentos xerais da Universidade e xestionarase de acordo coas normas xerais presupostarías que lle sexan aplicables. ARTIGO 14.- RECURSOS ECONÓMICOS 1.- As cantidades que se adscriban á Estación nos orzamentos xerais da Universidade de Santiago de Compostela. 2.- As cantidades que se xeren en virtude de proxectos, convenios e contratos de investigación desenvolvidos nas instalacións da Estación. 3.- As cantidades que se xeren pola realización de mestrados, cursos de especialización e calquera outra actividade docente desenvolvida na Estación. 4.- Os fondos provenientes pola prestación de servicios, da elaboración de asesoramentos e dictames e da venda das súas publicacións e outros artigos comerciais. 5.- Os fondos provenientes da súa oferta de instalacións docentes e investigadoras a outras Universidades ou Centros públicos e privados de investigación nacionais ou estranxeiros. 6.- Os fondos provenientes de doazóns e subvencións cos que a Estación vexase favorecida, concedidas por entidades públicas ou privadas 7.- Calquera outro recurso económico que lle puidera corresponder. ARTIGO 15.- A Estación, e os membros do seu persoal científico a través dela, poderán contratar con entidades públicas ou privadas e con persoas físicas a realización de traballos de carácter científico, técnico ou de asesoramento, así como o desenvolvemento de cursos de especialización, nas condicións establecidas na Lei Orgánica de Universidades e nos Estatutos da Universidade de Santiago de Compostela.
6 ARTIGO 16.- Os bens inventariables que adquira ou reciba por doazón a Estación, ou os seus investigadores para o cumprimento dos contratos sinalados no apartado anterior, serán propiedade da Universidade de Santiago de Compostela e estarán adscritos totalmente ao cumprimento dos fins da Estación. ARTIGO 17.- O reitor, en nome da Estación e a proposta da súa Xunta de Goberno, poderá subscribir convenios con entidades públicas ou privadas, tanto españolas como estranxeiras. TÍTULO V: DO RÉXIME ACADÉMICO ARTIGO 18.- A Estación poderá organizar, con cargo a seu orzamento ou con financiamento externo, calquera actividade científica ou docente no ámbito da Hidrobioloxía, sempre de acordo cos fins recollidos no presente Regulamento. ARTIGO 19.- A Estación poderá tramita-la xestión de diplomas acreditativos dos estudios realizados na mesma, correspondendo o seu outorgamento ao reitor e a súa expedición á Universidade de Santiago de Compostela. DISPOSICIÓNS FINAIS: PRIMEIRA.- Corresponde ao reitor da Universidade de Santiago de Compostela a facultade de interpretar o presente Regulamento e dictar as normas aclaratorias que sexan pertinentes. SEGUNDA.- O presente Regulamento poderá ser modificado a iniciativa da Xunta de Goberno da Estación, mediante acordo do Consello de Goberno da Universidade de Santiago de Compostela. TERCEIRA.- O presente Regulamento entrará en vigor ao día seguinte da súa aprobación polo Consello de Goberno da Universidade de Santiago de Compostela.