III Convenio colectivo das Universidades Públicas de Galicia
Full text
DERROGADO III CONVENIO COLECTIVO DAS UNIVERSIDADES PÚBLICAS DE GALICIA Índice Xeral de Contidos I.- Ámbito,Vixencia e Normas Xerais de Aplicación II.- Comisión Paritaria, Comité Interuniversitario III.- Clasificación Profesional IV.- Organización do Traballo e Modificación das súas Condicións V.- Provisión de Vacantes, Selección e Contratación VI.- Xornada e Horario de Traballo VII.- Réxime Retributivo VIII.-Vacacións Premios e Licencias IX.- Suspensión do Contrato do Traballo X.- Prevención de Riscos e Seguridade no Traballo XI.- Réxime Disciplinario XII.- Fomento do Emprego XIII.- Asistencia Social XIV.- Dereito de Representación colectiva do Persoal XV.- Formación e Perfeccionamento do Persoal Disposicións Anexo: Retribucións Complementarias II Convenio Colectivo. (1992-1994) I.- ÁMBITO, VIXENCIA E NORMAS XERAIS DE APLICACIÓN Artigo 1 Concertan este Convenio as Universidades de Santiago de Compostela e Vigo, universidades públicas de Galicia, e o persoal das universidades de Santiago de Compostela, Vigo e A Coruña, representados polos respectivos comités de empresa, integrados polas organizacións sindicais CIG, CCOO e UXT Artigo 2 Ámbito funcional e territorial. Este convenio é de aplicación ás universidades públicas do ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, os seus centros de traballo existentes actualmente e aqueloutros que durante a vixencia do convenio se poidan crear ou integrar nelas. Artigo 3 Ámbito persoal. As normas do presente convenio aplicaránselle a todo o persoal que, integrado no ámbito funcional do artigo anterior, estea vinculado ás universidades en virtude de relación xurídico-laboral, formalizada polo Rector ou órgano en que delegue, estea suxeito ó poder de dirección delas e perciba as súas retribucións con cargo ás correspondentes consignacións orzamentarias de persoal laboral de administracións e servicios.
Artigo 4 Período de vixencia. O presente convenio entrará en vigor ó día seguinte da súa publicación no DOG e terá vixencia ata o 31 de decembro de 1998. Os seus efectos económicos aplicaranse dende o 1 de xaneiro de 1995 e, ó seu termo, quedará automaticamente prorrogado por períodos anuais, salvo denuncia expresa dalgunha das partes. Artigo 5 Durante o período de vixencia deste convenio, as condicións retributivas fixadas nel serán revisadas anualmente con efectividade desde o primeiro de xaneiro, en virtude do incremento porcentual que determinen as respectivas leis de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma Galega, para o persoal sometido ó réxime estatutario da función pública. Igualmente, se nas referidas leis de orzamentos se estableceran condicións máis beneficiosas para o citado persoal, estas faranse extensivas ós grupos correspondentes do persoal laboral suxeito ó presente convenio. Así mesmo, cando se produza unha desviación entre o incremento do IPC na Comunidade Autónoma de Galicia e a revisión establecida na lei de orzamentos, negociaráse a revisión das condicions retributivas procurando compensa-la perda de poder adquisitivo, no marco en que as disponibilidades orzamentarias o permitan. Artigo 6 Compensación e absorción. As condicións económicas establecidas no presente convenio compensarán tódalas existentes no momento da súa entrada en vigor, calquera que sexa a súa orixe e natureza. Artigo 7 Respectaranse, manténdose estrictamente "ad personam", as condicións particulares que, con carácter global, en cómputo anual, excedan das melloras do presente convenio e veñan derivadas da norma preexistente estatal ou da Comunidade Autónoma de Galicia. II.- COMISIÓN PARITARIA DE VIXILANCIA E INTERPRETACIÓN DO CONVENIO,COMITÉS INTERCENTROS E COMITÉ INTERUNIVERSITARIO Artigo 8 1. Constituirase a comisión paritaria do convenio colectivo, sen prexuízo das competencias atribuídas ós órganos administrativos e xudiciais correspondentes. 2. A comisión estará composta por nove representantes do persoal laboral designados polas centrais sindicais asinantes do presente convenio en proporción ós resultados obtidos nas últimas eleccións sindicais celebradas, e por outros nove representantes das universidades públicas galegas. As partes poderán nomear asesores segundo se estableza no Regulamento de réxime interno. 3. A comisión paritaria constituirase por iniciativa de calquera das partes no prazo dun mes contado a partir da data da publicación do convenio no Diario Oficial de Galicia. Na sesión constitutiva procederase a designa-las persoas que exercerán a presidencia da comisión e a súa secretaría. 4. Son competencias da comisión: a.- A interpretación da totalidade do articulado e cláusulas do convenio.
b.- Vixila-lo cumprimento do pactado. c.- A conciliación previa naqueles conflictos de carácter colectivo que lle sexan sometidos a consideración por calquera das partes. d.- Aproba-lo seu regulamento de funcionamento interno. e.- Calquera outro asunto que lle sexa encomendado no articulado deste convenio. 5. A sede da comisión decidirase na primeira reunión desta que se celebrará na Xerencia da Universidade de Santiago. 6. Os acordos da comisión paritaria requirirán o voto afirmativo do sesenta por cento de cada unha das partes integrantes. Estes acordos, que vinculan as partes nos mesmos termos con que o fai o presente convenio, serán recollidos en actas que se incorporarán como anexos ó convenio. 7. A comisión reunirase con carácter ordinario unha vez ó semestre e con carácter extraordinario tra-la petición do 50% de calquera das partes. 8. As universidades e cada central sindical con representación na comisión poderán solicitar toda clase de información relacionada cos asuntos da competencia desta a través da secretaría. 9. A comisión continuará desenvolvendo as súas competencias sobre a parte do convenio que siga vixente. 10. Os acordos da comisión paritaria poderán fixa-lo prazo de execución. Artigo 9 Comité intercentros. No ámbito de cada universidade poderá constituírse un comité intercentros cun máximo de trece membros. A composición terá unha representación proporcional ós resultados obtidos por cada central sindical ou agrupación electoral nas últimas eleccións sindicais consideradas globalmente. Terán as competencias que lle delegue o comité de empresa no seu Regulamento de réxime interno. Artigo 10 Poderá crearse un comité interuniversitario composto por doce membros representantes dos traballadores das tres universidades de Galicia de xeito proporcional ó resultado obtido por cada sindicato ou agrupación nas últimas eleccións sindicais . Serán competencias deste comité: a) A denuncia e negociación de futuros convenios b) A negociación das revisións salariais cando proceda c) As mesmas competencias que posúen os comités de empresas ou delegados sindicais cando afecte ó ámbito global das partes do convenio d) A elección dos representantes de persoal na comisión paritaria de vixilancia e interpretación do convenio, respectando a proporcionalidade existente no comité intercentros. e) Solicitar conflicto colectivo e interpoñer calquera tipo de reclamación, así como solicita-la declaración de folga legal. As normas de funcionamento aprobaranse por maioría absoluta, na
primeira sesión en que se constitúa o devandito órgano de representación. III.- CLASIFICACIÓN PROFESIONAL Artigo 11 1. Anualmente cada universidade aprobará a súa relación de postos de traballo (RPT) negociada pola representación unitaria dos traballadores, na cal se indicarán por unidade ou centro de traballo as características esenciais dos postos, os requisitos esixidos para o seu desempeño e, de se-lo caso, os complementos retributivos que lles correspondan, así como o tipo de xornada que corresponda a cada posto de traballo. Procurarase que a antedita negociación se realice con anterioridade á aprobación dos orzamentos de cada unha das universidades. 2. O persoal comprendido no ámbito de aplicación deste convenio clasificarase atendendo ós seguintes criterios: a) Grupos: Atendendo á titulación académica esixida para o ingreso: Grupo I.-Título de doutor, licenciado, arquitecto, enxeñeiro ou equivalente. Grupo II.- Título de diplomado universitario, arquitecto técnico, enxeñeiro técnico ou equivalente. Grupo III.- Título de bacharelato superior, formación profesional de segundo grao ou equivalente. Grupo IV.- Graduado escolar, formación profesional de primeiro grao ou equivalente. Grupo V.- Certificado de escolaridade ou equivalente. A clasificación por grupo determinará as retribucións básicas do persoal. b) Categorías: Dentro de cada grupo e atendendo ás especificidades das funcións que deban desenvolver. c) Dentro de cada grupo atendendo ás características de xornada, responsabilidade e outras específicas ou xerais do posto ocupado, clasificaranse en postos singularizados e non-singularizados. Esta clasificación por posto determinará as retribucións complementarias do persoal. 3. Unha vez asinado este convenio procederase a elaborar un manual coas funcións de cada un dos postos de traballo existentes en cada universidade, cara a dar concreción ós criterios establecidos neste artigo. O dito manual de funcións será incorporado como anexo ó presente convenio colectivo. Artigo 12 O persoal que teña recoñecida legalmente a diminución da súa capacidade será destinado a un traballo axustado ás súas condicións, sen reducción salarial nin profesional. As traballadoras terán o dereito ó cambio de posto de traballo por embarazo se, segundo a prescripción dun facultativo da sanidade pública ou, se é o caso, do servicio de medicina de empresa, se certifica que as condicións do mesmo resultan nocivas para a súa saúde, para as do feto ou impiden o normal desenvolvemento da actividade que desempeña.
Neste suposto asegurarase que a traballadora non sufra ningunha mingua dos seus dereitos económicos, e terá dereito a incorporarse ó seu posto habitual cando remate a circunstancia que deu lugar ó cambio. IV.- Organización do traballo e modificación das súas condicións Artigo 13 A organización do traballo, conforme á lexislación vixente, é facultade exclusiva da universidade; a súa aplicación práctica correspóndelles ó Rector ou ós titulares da delegación expresa deste das súas competencias en materia de xefatura de persoal de administración e servicios, segundo o establecido nos estatutos das universidades, todo iso sen prexuízo dos dereitos e facultades de audiencia e información recoñecidos ós traballadores no RD Lexislativo 1/1995 polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos Traballadores. Artigo 14 a) Cambios de quenda voluntaria e provisoria Con carácter previo a un concurso de traslados e de existir en vacantes nun centro de traballo que posibiliten o cambio de quenda, os traballadores nel destinados poderán solicitar ó xerente o cambio provisorio de quenda ata a adxudicación do próximo concurso. De existiren varias peticións acudirase ó criterio de antigüidade para dirimi-la adxudicación provisoria. De non existir traballadores interesados no propio centro, a vacante poderá ser solicitada por traballadores doutros centros seguindo o procedemento e os criterios establecidos neste artigo. b) Cambio de quenda obrigatoria por necesidades do servicio Cando as necesidades do servicio o fagan necesario poderase proceder ó cambio de quenda dos traballadores conforme co procedemento establecido no artigo 41 do Estatuto dos Traballadores. No prazo de 30 días establecido no artigo 41.3 do Estatuto dos Traballadores, as xerencias e os respectivos comités iniciarán un período de consultas con anterioridade á execución do acordo. De non aceptar ningún traballador o cambio, realizarao o de menor antigüidade destinado no centro de traballo, cambiando da seguinte vez que ocorra ó segundo menos antigo, e así sucesivamente. Artigo 15 1. A mobilidade funcional non poderá aplicárselle a aquelas persoas que non posúan a titulación académica específica ou a titulación profesional esixida na RPT. Os traballadores deberán pertencer sempre ó mesmo grupo profesional ou a unha categoría profesional equivalente.
2. Funcións de categoría superior. Unicamente o Rector poderá autoriza-la realización de funcións de categoría superior, resultará nulo de pleno dereito o acto adoptado nesta materia por calquera outra autoridade universitaria. De autorizarse a realización de funcións de categoría superior para a cobertura dun posto de traballo vacante, a duración do período de desempeño poderá comprender ata un ano prorrogable por seis meses máis. Para os efectos do artigo 24 do Estatuto dos Traballadores, a superación do correspondente proceso selectivo por promoción interna será o único procedemento que permita o ascenso ou cambio de categoría profesional dun traballador. 3. Traballos de categoría inferior. Se por necesidades peremptorias e imprevisibles fose preciso destinar un traballador a tarefas correspondentes a unha categoría ou posto singularizado inferior ó que exerce, os xefes das unidades poderán propoñelo á xerencia a través dun informe motivado, á vista do cal a xerencia poderá facelo por tempo non superior a un mes dentro do mesmo ano e comunicándoo ós representantes dos traballadores. Nestes casos, ós traballadores manteránsenlle-las retribucións e os demais dereitos da súa categoría profesional. V.- PROVISIÓN DE VACANTES; SELECCIÓN E CONTRATACIÓN I. PROVISIÓN ORDINARIA Artigo 16 1. Traslados de localidade ou centro de traballo na mesma categoría. Os traballadores pertencentes á mesma categoría, e que reúnan os demais requisitos da vacante que se debe cubrir, poderán ocupa-las vacantes producidas na súa e nas outras universidades mediante traslado. Unha vez ó ano, cada universidade convocará o correspondente concurso de traslados, procurando que sexa no primeiro semestre, que será resolto pola aplicación do baremo que se establece no presente convenio. Nas ditas convocatorias ofreceránse tódalas prazas consignadas como vacantes nas correspondentes RPT de cada universidade. Na convocatoria respectiva, no suposto de prazas que se correspondan con perfís específicos, poderá establecerse a realización dunha entrevista ou proba de natureza similar, co obxecto de garanti-la adecuación do aspirante á praza que pretende ocupar. 2. A convocatoria do concurso de traslados de cada universidade será publicada, para a súa exposición, nos taboleiros de anuncios de tódolos centros de traballo de tódalas universidades públicas galegas, por resolución rectoral da universidade correspondente. Na convocatoria figurarán: A) Requisitos e condicións de participación Poderán tomar parte ós traballadores fixos das universidades públicas galegas que pertenzan á mesmacategoría profesional das prazas ofrecidas e que reúnan os demais requisitos da vacante, así como os funcionarios de corpos e escalas de subalternos declarados a extinguir en categoría profesional equivalente, nas condicións que se determinen nas disposicións adicionais. Non se poderá participar en quendas de traslado ata que transcorran dous anos desde a obtención do último destino definitivo salvo que:
a) durante ese período variara a quenda de traballo da praza, b) se producira un cambio ou modificación substancial das condicións de traballo decidido pola xerencia, no uso das súas competencias, c) obtivesen un posto polo sistema de cambio de localidade por cobertura provisoria, d) tivera solicitado o traslado provisorio por causa xustificada de índole persoal ou familiar polo menos tres meses antes da convocatoria do concurso e non obtivese praza por falta de vacante. B) Postos Ademais das prazas consignadas como vacantes na RPT engadiranse as que resulten vacantes en cada universidade por mor do proceso de cobertura do propio concurso. C) Irrenunciabilidade Unha vez transcorrido o período de presentación das instancias, as solicitudes formuladas serán vinculantes para o peticionario e os destinos adxudicados serán irrenunciables. D) Valoración de méritos O baremo que rexerá os concursos de traslado será: 0,025 puntos por cada mes de antigüidade ata un máximo de 6 puntos, e 2 puntos a repartir de acordo cos seguintes criterios: 0,2 puntos por fillo en idade escolar ata un máximo de 1 punto. 0,5 por traslado á cidade da residencia distante a máis de 30 km, con dous anos como mínimo de empadroamento. 0,5 puntos por minusvalías ou fillos con minusvalías. En caso de empate entre candidatos desempatará a maior puntuación obtida en antigüidade na mesma categoría a que se opta, e de persisti-lo empate empregarase o criterio de maior idade. E) Comisión de avaliación. Os méritos serán valorados por unha comisión de avaliación integrada por tres representantes da universidade convocante e dous representantes dos traballadores nomeados polos respectivos comités. Ás reunións das comisións de avaliación poderan asistir, con voz pero sen voto, un representante de cada unha das outras universidades e un representante dos traballadores das mesmas nomeados polos respectivos comités sen que sexan membros legais da comisión e co deber de sixilo correspondente. F) Resolución do concurso e toma de posesión
A resolución do concurso farase no prazo máximo de 3 meses dende que remate o prazo de presentación de solicitudes. A incorporación no posto de traballo farase efectiva nun mes, e excepcionalmente poderase alongar ata 3 meses. 3. Antes de remata-lo primeiro trimestre de cada ano, poderá acordarse na comisión paritaria do convenio que as convocatorias de concurso de traslados sexan realizadas e resoltas conxunta e simultaneamente. Esta comisión adaptará o concurso ós criterios establecidos no apartado dous do presente artigo naquelas cuestións que se poidan ver alteradas polo feito de tratarse dun único concurso de traslado interuniversitario, respectándose, en todo caso, o espíritu das mesmas en canto a criterios e prazos. Neste suposto a comisión de avaliación estará constituída por un representante de cada universidade e un representante dos traballadores de cada unha delas nomeados polos respectivos comités. A presidencia recaerá na representación das universidades e terá voto de calidade en caso de empate. 4. Reingreso procedente de excedencias voluntarias. Os traballadores que soliciten o seu reingreso ó servicio activo deberán participar obrigatoriamente no concurso de traslado dos apartados anteriores. Non obstante, as xerencias poderán adscribilos con ocasión de vacante a un destino provisorio ata a celebración do seguinte concurso. 5. Traslado provisorio por cambio de localidade. As vacantes que se produzan con posterioridade á resolución do concurso poderán ser cubertas provisoriamente polas xerencias respectivas no uso das súas funcións de organización do traballo. O xerente poderá autoriza-lo traslado provisorio ós traballadores que o soliciten cando neles concorran causas xustificadas de índole persoal ou familiar, debidamente acreditadas. Cando o traslado implique cambio de universidade os traballadores deberán presenta-la súa solicitude ante a xerencia da universidade na que estean destinados, a que interesará a conformidade da universidade de destino. 6. As universidades públicas de Galicia promoverán o asinamento de convenios coas restantes universidades públicas españolas que permitan o recíproco traslado dos seus traballadores. A efectividade do traslado supeditarase á comprobación pola comisión paritaria da devandita equivalencia de categorías profesionais ou funcións entre o posto de orixe e o solicitado. II. SELECCIÓN Artigo 17 Anualmente tódalas vacantes serán ofrecidas mediante convocatoria pública e a súa cobertura realizarase polos sistemas de promoción interna e acceso libre de acordo co seguinte réxime: 1.- A selección farase mediante concurso-oposición, e quedarán exentos, os de promoción interna, dunha proba das determinadas para a quenda libre. Os procesos de selección de promoción interna e libre realizaranse separadamente, e serán en primeiro lugar os de promoción interna. As vacantes non cubertas pola quenda de promoción interna acumularanse á provisión externa. Os seleccionados pola quenda de promoción interna terán preferencia sobre a quenda libre para a elección de vacantes. Cada universidade reservará o 4% da súa oferta de emprego anual para persoas con minusvalías. Nas probas selectivas estableceranse para as persoas con minusvalías que así o soliciten e acrediten, adaptación de tempo e medios para a súa realización, de tal xeito que gocen das mesmas oportunidades que o resto dos participantes.
2.- Para os grupos IV e V establecerase unha quenda inicial de promoción interna para a que se reservarán a totalidade das prazas convocadas, e na que poderán participar tódolos traballadores de calquera universidade que pertenzan a categoría distinta á das prazas obxecto de provisión. As vacantes non provistas por esta quenda serán provistas pola quenda libre. Neste procedemento o contido das probas de promoción e de quenda libre será idéntico. 3.- Para os grupos I, II e III establecerase unha quenda de promoción para a que se reservarán o 50% das vacantes e unha quenda libre para o resto. Na quenda de promoción poderán participa-los traballadores de calquera universidade que pertenzan a categoría distinta á das prazas obxecto de provisión e que dispoñan da titulación que os habilite para o desenvolvemento profesional das prazas ás que aspiran. 4.- As prazas do grupo III, IV e V poderán quedar exentas do requisito de titulación esixido para a quenda libre, agás que na relación de postos de traballo a titulación sexa esixida preceptivamente. Artigo 18 1. Os temarios das probas selectivas e a convocatoria correspondente serán elaboradas por unha comisión composta polas xerencias e o comité de empresa. 2. Os tribunais dos procesos selectivos estarán compostos por: a) O Rector ou persoa na que delegue, que actuará como presidente. b) Dous representantes da universidade convocante, nomeados polo Rector. c) Dous membros designados polo comité correspondente. d) Un representante proposto polo servicio de PAS e nomeado polo Rector, que actuará como secretario con voz pero sen voto. O presidente só votará en caso de empate. 3. Procurarase que os membros do tribunal sexan especialistas na materia, que teñan a mesma titulación ou superior á requirida para o acceso ó correspondente grupo do convenio, e que pertenzan ó mesmo grupo ou superior ó da praza convocada. 4. A universidade convocante, a proposta dos tribunais, poderá designar asesores especiais que se limiten a informar das probas e méritos relativos á súa especialidade. O nomeamento dos asesores farase público, e seranlles aplicables as causas de abstención e recusación ó igual que ós membros do tribunal. Artigo 19 Con carácter xeral procurarase que a estructura das probas selectivas, sen prexuízo da negociación das convocatorias prevista no artigo 18, sexa a seguinte: 1ª FASE Será igual para as quendas de acceso por promoción interna e libre; constará dunha proba sobre os coñecementos específicos necesarios para o desempeño do posto en cuestión que poderá desenvolverse en un ou varios exercicios,e terá carácter eliminatorio. 2ª FASE A quenda de acceso por promoción interna constará dunha proba de coñecemento do idioma galego que terá carácter selectivo e non eliminatorio, e deberá adecuarse ó grupo e categoría profesional do posto que se vaia desenvolver. A quenda libre constará de dúas probas, unha de coñecementos non específicos do posto, e outra de coñecemento do idioma galego, que terá carácter selectivo e non eliminatorio. A proba de coñecementos sobre o idioma galego deberá adecuarse ó grupo e categoría profesional do posto que se vaia desenvolver.
Artigo 36 Licencias sen soldo. O persoal que teña cumprido polo menos un ano de servicios efectivos poderá solicitar licencia sen soldo por un prazo non inferior a quince días nin superior a tres meses. Por causas excepcionais, apreciadas co informe favorable do comité de empresa, poderanse conceder licencias de 6 meses durante un ano ou 9 durante dous anos. No caso de denegación esta deberá ser debidamente motivada. Artigo 37 Licencias retribuídas. Os traballadores, logo de xustificación, se é o caso, terán dereito a licencias retribuídas polas causas e tempos seguintes: a) Quince días naturais por matrimonio. b) Catro días naturais en caso de nacemento dun fillo e no de morte ou enfermidade grave dun familiar ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade. c) Para concorrer a exames finais, liberatorios e demais probas definitivas de aptitude e avaliación en centros oficiais de formación, durante os días da súa celebración, e coa debida xustificación. d) Polo tempo indispensable por asuntos propios e por causa xustificada, non podendo supera-la quinta parte da xornada computada trimestralmente. No caso de que a causa que motivou a licencia implique a percepción de retribución ou indemnizacións, descontarase o importe desta do salario ó que teña dereito. e) As traballadoras embarazadas terán dereito a ausentarse do traballo, con dereito a remuneración para a realización de exames prenatais e técnicas de preparación ó parto, tralo aviso ás respectivas xerencias e xustificación da necesidade da súa realización dentro da xornada de traballo. f) As traballadoras, por lactancia dun fillo menor de nove meses, terán dereito a unha hora de ausencia do traballo que poderán dividir en dúas fraccións. A muller, pola súa vontade, pode substituír ese dereito por unha reducción da xornada normal dunha hora, coa mesma finalidade. Este permiso poderá ser desfrutado indistintamente pola nai ou polo pai no caso de que ambos traballen. g) Os traballadores que por razón de garda legal teñan ó seu coidado directo un menor de seis anos ou un diminuído físico ou psíquico que non desenvolva ningunha actividade remunerada, terán dereito a unha reducción dun tercio ou da metade da xornada de traballo, coa reducción proporcional das súas retribucións. A concesión de reducción de xornada por este motivo será incompatible co desenvolvemento de calquera outra actividade, sexa ou non remunerada, durante o horario que foi obxecto de reducción. No suposto de incapacidade debidamente xustificada do cónxuxe ou persoa coa que demostre convivir, do pai ou da nai, se convive co traballador, poderase solicitar reducción de xornadas nas mesmas condicións que as establecidas no parágrafo anterior. h) Ata nove días cada ano natural de traballo efectivo por asuntos particulares non incluídos nos puntos anteriores. Tales días non poderán acumularse, salvo autorización expresa da xerencia, ás vacacións anuais retribuídas. O persoal poderá distribuí-los ditos días á súa conveniencia, logo da autorización da correspondente unidade de persoal. Os traballadores que se incorporen ó longo do ano natural desfrutarán destes días na proporcionalidade que lle corresponda ó período efectivamente traballado. Os traballadores en xornada especial de fin de semana e festivos terán dereito a catro días por asuntos propios, os cales deberán ser solicitados cunha antelación de 15 días para permitir ás xerencias correspondentes o mantemento do servicio. A substitución destes traballadores poderá realizarse excepcionalmente acudindo a axencias de colocación, empresas de traballo temporal ou asimiladas
i) Os días 24 e 31 de decembro, que, no caso de ser preciso mante-lo servicio, serán substituídos por outros dous días, determinados por acordo entre a xerencia e o comité de empresa. Serán de aplicación, nesta materia, as condicións máis beneficiosas que teña recoñecido ou se lle recoñezan ó persoal funcionario. IX.- SUSPENSIÓN DO CONTRATO DE TRABALLO Artigo 38 Sen prexuízo do establecido nos artigos 45 e 48 do Estatuto dos Traballadores, o persoal incluído no ámbito de aplicación deste convenio terá dereito á suspensión do seu contrato, con reserva do seu posto de traballo, nos seguintes casos: a) Maternidade da muller traballadora, ou adopción de menores de cinco anos. No suposto de parto, por unha duración de dezaseis semanas ininterrompidas, ampliables por parto multiple ata dezaoito semanas, distribuídas a opción da interesada e sempre que seis semanas sexan inmediatamente posteriores ó parto; poderá facer uso destas o pai, para o coidado do fillo, no caso de falecemento da nai. A pesar do anterior, no caso de que o pai e a nai traballen, aquela ó iniciarse o período de descanso por maternidade, poderá optar por que o pai desfrute de ata catro das últimas semanas de suspensión, sempre que sexan ininterrompidas e ó remate do citado período, agás que no momento da súa efectividade a incorporación ó traballo da nai supoña risco para a súa saúde. No suposto de adopción, se o fillo adoptado é menor de nove meses, terá unha duración máxima de oito semanas, contadas a partir da resolución oficial pola que se constitúe a adopción. Se o fillo adoptado é menor de cinco anos e maior de nove meses, a suspensión terá unha duración máxima de seis semanas. No caso de que o pai e a nai traballen, soamente un deles poderá exercitar este dereito. Nestes casos manterase o dereito á percepción do 100% do salario. b) Cumprimento do servicio militar, obrigatorio ou voluntario, ou servicio social substitutorio ou equivalente, con reincorporación ó traballo no prazo máximo de dous meses, a partir da terminación do servicio. Durante a prestación do servicio militar ou servicio social substitutorio ou equivalente, manterase o dereito á percepción das pagas extraordinarias. c) Exercicio de cargo público representativo ou de funcións sindicais electivas, de acordo cos estatutos do sindicato, de ámbito provincial ou superior, suposto en que será de aplicación a situación de excedencia forzosa, con cómputo de antigüidade, sempre que o dito exercicio
imposibilite a asistencia ó traballo ou sempre que se perciban retribucións por el. O reingreso deberá ser solicitado dentro do mes seguinte ó cesamento no cargo ou función sindical. d) Privación de liberdade do traballador, mentres non exista sentencia condenatoria firme, incluídas tanto a detención preventiva como a provisional. Artigo 39 1. En materia de excedencia forzosa rexerá o disposto no artigo 46 do Estatuto dos Traballadores. 2. A excedencia voluntaria poderá ser solicitada polos traballadores que teñan un ano, polo menos, de antigüidade ó servicio da universidade. A duración desta situación non poderá ser inferior a un ano, nin superior a cinco, e o dereito a esta situación só poderá ser exercido outra vez polo mesmo traballador se transcorreran dous anos desde o final da anterior excedencia voluntaria, agás nos supostos de que se solicite para atende-lo coidado dun fillo, que comezará a contar desde a data de nacemento deste, casos nos que o período de excedencia non poderá ser superior a tres anos e nos que a iniciación dun novo período de excedencia por un novo fillo porá fin, de se-lo caso, ó que se viña desfrutando. Artigo 40 O traballador que, como aplicación da normativa de incompatibilidades, deba optar por un posto de traballo pasará á situación de excedencia voluntaria no posto que viña desempeñando sen que lle sexa esixible a permanencia de un ano nel. Permanecerá nesa situación mentres persistan as razóns que xeren a incompatibilidade, e conservará indefinidamente o dereito preferente ó reingreso en vacante de igual ou similar categoria á súa que haxa ou se produza na universidade. O reingreso por excedencia derivada de incompatibilidades deberá solicitala o traballador no mes seguinte ó remate desta. Caso de non solicitalo no mes perderá a condición de persoal laboral da universidade. Artigo 41 O traballador excedente voluntario que solicite a súa incorporación terá dereito a ocupala primeira vacante que se produza na súa categoría ou, no caso de estar extinguida, no mesmo grupo. Se, non existindo vacante na súa mesma categoría ou grupo, existise unha inferior á que se exercía, poderá optar a ela ou agardar a que se produza aquela. X.- PREVENCIÓN DE RISCOS E SEGURIDADE NO TRABALLO Artigo 42 As universidades e os traballadores comprométense a cumprir estrictamente as disposicións vixentes na materia, de conformidade co establecido na Lei 31/1995 de prevención dos riscos laborais, no Estatuto dos Traballadores e demais lexislación vixente. No caso de non teren servicio médico as universidades asegurarán a realización dunha revisión médica anual para tódolos traballadores. Todo traballador ten dereito a participar por medio dos seus representantes, en materia de seguridade e saúde laboral no traballo.
Para estes efectos, e como órgano paritario e colexiado de consulta, constituirase en cada universidade un comité de seguridade e saúde laboral que velará pola adopción, mantemento e perfeccionamento de medidas axeitadas en materia de prevención de riscos, seguridade e saúde laboral nos centros de traballo das universidades. Estará composto polos delegados de prevención elixidos na proporción e segundo o procedemento establecido no artigo 35 da Lei 31/1995, e por igual número de representantes da universidade. Sen prexuízo do establecido no artigo 38 e ss. da Lei de prevención de riscos, son funcións do comité as seguintes: Promove-la observancia das disposicións vixentes en materia de seguridade e hixiene no traballo e prevención dos riscos profesionais. Informar sobre o contido das normas de seguridade e hixiene no traballo ós traballadores. Realizar visitas para coñoce-las condicións relativas a orde, limpeza, ambiente, instalacións, maquinaria, ferramentas e procesos laborais, e constatar riscos que poidan afectar á vida ou saúde dos traballadores, e informar dos defectos e perigos que advirtan á universidade, e de se-lo caso, promove-la adopción das medidas necesarias para a corrección destas situacións e calquera outras que considere oportunas. Velar pola organización da loita contra incendios nos centros de traballo. Coñece-las investigacións realizadas polos técnicos de seguridade sobre accidentes de traballo e enfermidades profesionais. Procurar para os traballadores da empresa unha formación adecuada en materia de seguridade. Cooperar na realización e desenvolvemento de cursos e campañas de seguridade. Propoñe-la imposición de sancións ós que incumpran as normas e instruccións en materia de seguridade.
O comité de seguridade reunirase con carácter ordinario trimestralmente, ou cando a necesidade o requira a petición dunha das partes, con carácter extraordinario. O comité adoptará as súas propias normas de funcionamento. Artigo 43 En materia de roupa de traballo e vestiario, as universidades proporcionaranlles anualmente ós traballadores as seguintes pezas de roupa: PERSOAL DE MANTEMENTO, MOZOS DE SERVICIO E ALMACENEIROS: 2 fundas ou traxes ou 2 batas e 1 par de botas de pel ELECTRICISTAS: 2 fundas ou 2 traxes de mahón e 1 par de calzado illante AUXILIARES TÉCNICOS DE BIBLIOTECA, CONSERXES E AUXILIARES DE SERVICIO: 2 batas OFICIAIS DE LABORATORIO, TÉCNICOS DE LABORATORIO E PERSOAL DE COCIÑA: 2 batas e 1 par de zocos PERSOAL DE LIMPEZA: 2 batas e 2 pares de zocos MESTRES, EDUCADORES E AUXILIARES PUERICULTORES DA ESCOLA INFANTIL: 2 chándales MONITORES DEPORTIVOS: 2 chándales e 1 par de tenis XARDINEIROS: 1 traxe de pana, 1 traxe de mahón, 1 par de botas de pel, 1 par de botas de goma e 2 pares de luvas TÉCNICOS ESPECIALISTAS DA IMPRENTA: 2 batas ou 2 traxes de mahón ou 1 funda ESPECIALISTAS DE OFICIOS DE DEPORTES: 2 batas ou 1 funda ou 1 traxe de mahón ESPECIALISTAS DE OFICIOS DE DEPORTES QUE REALICEN LABORES PROPIOS DE XARDINERÍA PARA O MANTEMENTO DAS INSTALACIÓNS DEPORTIVAS: A maiores, 1 par de botas de pel PERSOAL DOS AMINALARIOS 2 batas ou 2 fundas, 1 par de botas e 4 pixamas cirúrxicos
MÉDICOS, A.T.S. E ENFERMEIROS: 2 batas brancas e 1 par de zocos AUXILIARES DE CLÍNICA: 2 pixamas cirúrxicos, 1 par de zocos e 1 chaqueta VIXILANTES: Cada 2 anos: 2 uniformes que constarán de : 2 traxes, 2 camisas, 2 gravatas, 2 pares de calcetíns e 2 pares de zapatos. Cada 3 anos e só para os vixiantes de noite: 1 abrigo CONDUCTORES: 1 funda, 1 gabardina e 2 uniformes que constarán de: 2 traxes, 2 camisas, 2 gravatas, 2 pares de calcetíns e 2 pares de zapatos. PERSOAL DE CORREOS: 2 batas e cada dous anos, 1 chuvasqueiro SOCORRISTAS: 2 bañadores, 2 gorros de baño, 1 albornoz e 1 par de zapatillas de goma DELINEANTES: 2 batas brancas PERSOAL DE APOIO A ACTOS OFICIAIS: Cada dous anos: 1 uniforme que constará de: 1 traxe, 2 camisas, 1 gravata, 2 pares de calcetíns e 1 par de zapatos A subministración de vestiario implica o seu uso obrigatorio durante a xornada de traballo.Cada uniforme comprende: traxe, camisa, gravata, calcetíns e zapatos. En todo caso, as xerencias e o comité de empresa determinaránse aquelas necesidades de roupa de traballo que non estean incluídas nos puntos anteriores. Os traballadores deberán presenta-la súa solicitude, para a subministración das pezas recollidas neste artigo, no Servicio de PAS, durante os meses de xaneiro e febreiro de cada ano; entenderanse decaídos nos seus dereitos aqueles traballadores que non fagan a súa solicitude dentro do prazo establecido, agás que isto se deba a causas debidamente xustificadas. XI. - RÉXIME DISCIPLINARIO Artigo 44 Os traballadores poden ser sancionados polo Rector, en virtude de incumprimentos laborais segundo a graduación de faltas e sancións que se establecen neste artigo.
As faltas disciplinarias dos traballadores, cometidas con ocasión ou como consecuencia do seu traballo, poden ser leves, graves ou moi graves. A) Son faltas leves as seguintes: 1 A incorrección co público e cos compañeiros ou subordinados. 2 O atraso, neglixencia ou falta de atención no cumprimento das tarefas. 3 Non comunicar coa antelación debida da falta de asistencia por causa xustificada, se non se proba a imposibilidade de facelo. 4 A falta de asistencia ó traballo sen causa xustificada un ou dous días nun mes. 5 A falta de coidado na conservación dos locais, materiais e documentos dos servicios. 6 En xeral, o incumprimento dos deberes por neglixencia ou falta de atención inescusable. B) Son faltas graves: 1 A falta de disciplina no traballo ou do respecto debido ós superiores, compañeiros ou subordinados. 2 O incumprimento das ordes e instruccións dos superiores e das obrigas concretas do posto de traballo ou as neglixencias das que se deriven ou poidan derivarse prexuízos graves para o servicio. 3 A desconsideración co público no desempeño do traballo. 4 O incumprimento ou o abandono das normas e medidas de seguridade e hixiene do traballo establecidas. 5 A falta de asistencia ó traballo sen causa xustificada durante tres días nun mes. 6 As faltas repetidas de puntualidade sen causa xustificada durante cinco días ou máis nun mes e menos de dez. 7 O abandono do traballo sen causa xustificada en dúas xornadas laborais nun mes. 8 A simulación de enfermidade ou accidente por un tempo inferior a tres días. 9 A simulación ou o encubrimento de faltas doutros traballadores en relación ós seus deberes de puntualidade, asistencia e permanencia no traballo. 10 A diminución continuada e voluntaria no rendemento do traballo normal ou pactado. 11 A neglixencia que poida causar graves danos na conservación dos locais, materiais ou documentos dos servicios. 12 O desempeño de actividades profesionais públicas ou privadas, sen solicitar autorización de compatibilidades, sendo compatibles. 13 A utilización ou difusión indebida de datos ou asuntos de que se teña coñecemento por razón do traballo. 14 A reincidencia na comisión de tres ou máis faltas leves, aínda que sexan de distinta natureza, dentro dun mesmo trimestre, cando houbera sanción por aquelas. C) Son faltas moi graves: 1 A publicación ou utilización indebida de segredos oficiais así declarados por lei ou clasificados como tales. 2 Toda actuación que comporte discriminación por razón de raza, sexo, relixión, lingua, opinión, lugar de nacemento ou calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social.
3 O acoso sexual, sobre todo cando vai acompañado de abuso de autoridade por ser efectuado por un superior a unha persoa subordinada laboralmente. 4 A fraude, a deslealdade e o abuso de confianza nas xestións encomendadas, e calquera conducta constitutiva de delicto doloso. 5 A desobediencia manifesta. 6 O falseamento voluntario de datos e informacións do servicio. 7 A falta de asistencia ó traballo non xustificada durante máis de tres días nun mes. 8 As faltas reiteradas de puntualidade non xustificadas, durante dez ou máis días nun mes, ou durante máis de vinte días nun trimestre. 9 O desempeño de actividades públicas ou privades incompatibles co exercicio do posto público. 10 A reincidencia de tres ou máis faltas graves, aínda que sexan de distinta natureza, dentro dun período de catro meses. Artigo 45 As sancións que se poidan impoñer en función da cualificación das faltas e que, en calquera caso, se comunicarán por escrito, son as seguintes: A) Por faltas leves: - Amoestación por escrito. - Suspensión de emprego e soldo ata dous días B) Por faltas graves: - Suspensión de emprego e soldo de tres días a un mes. - Suspensión do dereito a concorrer a probas selectivas ou concursos de ascenso por un perído de un ano. C) Por faltas moi graves: - Suspensión de emprego e soldo de un a tres meses. -Suspensión do dereito a concorrer a probas selectivas ou concursos de ascenso por un período de dous a tres anos. -Despido disciplinario. Poderáse impoñe-la sanción de despido disciplinario nos casos de extrema gravidade na comisión de faltas moi graves ou pola reiteración de sancións deste mesmo tipo de faltas. No caso de que a imposición destas sancións disciplinarias de despido sexan declaradas improcedentes por sentencia xudicial firme, as universidades optarán pola readmisión do traballador co aboamento dos salarios devengados e deixados de percibir. As sancións por faltas graves e moi graves requiren a tramitación previa de expediente disciplinario, a súa iniciación débese comunicar ós representantes dos traballadores e á persoa interesada, a quen se debe de dar audiencia, e serán escoitados aqueles. Para a imposicións de sancións por faltas leves non será preceptiva a previa instrucción do expediente ó que se refire o apartado anterior, salvo o trámite de audiencia do interesado quen poderá ser asistido pola persoa que considere oportuna, este trámite cumprirase en todo caso. A imposición das sancións por faltas leves requiren a comunicación ós representantes dos traballadores.
As faltas leves prescriben ós dez días; as faltas graves ós vinte días, e as moi graves ós sesenta días, a partir da data na que a Administración tivo coñecemento delas e en todo caso ós seis meses despois de cometerse. Eses prazos quedarán interrompidos por calquera acto propio do expediente instruído, ou información reservada, de se-lo caso, sempre que a duración do expediente, en conxunto, non supere o prazo de seis meses sen mediar culpa do traballador expedientado. Os xefes ou superiores que toleren ou encubran as faltas dos subordinados incorrerán en responsabilidades e sufrirán a corrección ou sanción que corresponda, tendo en conta a que se impón ó autor e a intencionalidade, perturbación para o servicio atentando á dignidade da Administración e reiteración ou reincidencia desta tolerancia ou encubrimento. Todo traballador pode dar conta por escrito, persoalmente ou mediante os seus representantes, dos actos que impliquen faltas de respecto á súa intimidade ou á consideración debida á súa dignidade humana ou laboral. A universidade, a través do órgano directivo ó que se encontre adscrito a persoa interesada, abrirá a información oportuna e instruirá, de se-lo caso, o expediente disciplinario que proceda, no cal intervirá a representación dos traballadores. As sancións impostas e a súa cancelación anotaranse no expediente persoal, e informarase diso ós representantes dos traballadores e a comisión paritaria. Non se pode impoñer sancións que consistan na reducción das vacacións ou outra minoración dos dereitos ó descanso dos traballadores, ou multa de haber. A cancelación das sancións impostas por faltas leves, graves e moi graves, anotarase no expediente persoal ó ano, tres anos ou cinco anos, respectivamente, desde a data do seu cumprimento, á petición previa da persoa interesada. XII. - FOMENTO DO EMPREGO Artigo 46 Dentro da política de promoción do emprego, a xubilación será obrigatoria ó cumpri-lo traballador a idade de sesenta e cinco anos; comprométense as universidades a constituíren bolsas de emprego coas vacantes que se produzan por esta causa, incluíndo nas súas ofertas de emprego prazas de idéntica categoría profesional ou outras de distinta categoría que se creen por transformación das citadas vacantes. As universidades, antes de remata-lo primeiro trimestre, informarán ás correspondentes representacións sindicais das previsións de xubilacións nos doce meses seguintes á data de emisión do informe, co obxecto de planifica-las futuras vacantes. Esta información realizarase por centros, reflectindo a categoría profesional, a clasificación do posto ou servicios, a xornada, a quenda e os pluses ou complementos correspondentes. Artigo 47 A idade de xubilación establecida no artigo anterior considerarase sen prexuízo de que todo traballador poida completa-los períodos de carencia para a xubilación, supostos nos cales a xubilación obrigatoria se producirá ó completa-lo traballador os ditos períodos de carencia na cotización á Seguridade Social. Artigo 48 O persoal afectado por este convenio poderá xubilarse a partir dos sesenta anos, concedéndoselle unha gratificación, por unha soa vez e polo referido feito, de acordo coa seguinte escala: Sesenta anos, 550.000 pesetas.
Sesenta e un anos, 450.000 pesetas. Sesenta e dous anos, 350.000 pesetas. Sesenta e tres anos, 250.000 pesetas. Artigo 49 Coa previa conformidade do traballador afectado, poderá producirse a xubilación ós 64 anos, segundo o establecido no Real Decreto 1194/85, naqueles casos en que a contratación simultánea doutro traballador, esixida no citado real decreto, sexa aconsellable por circunstancias do servicio ou da función, apreciadas pola xerencia co informe favorable do comité de empresa. XIII. - ASISTENCIA SOCIAL Artigo 50 Cada universidade creará unha comisión, constituída de forma paritaria, de asistencia e acción social, formada por 3 representantes da universidade e 3 do comité de empresa do persoal laboral de administración e servicios, co obxecto de desenvolver unha política nese campo. Artigo 51 Sen prexuízo das medidas que se desenvolvan, manterase a efectividade das seguintes: Ensino universitario. As universidades habilitarán os medios para conseguir que a matrícula nos centros universitarios dependentes das universidades públicas galegas sexa gratuíta para os traballadores activos e xubilados, para os seus cónxuxes ou persoa coa que convivan maritalmente, e para fillos ó seu cargo. Gardería infantil. Os traballadores da Universidade de Santiago terán os mesmos dereitos de admisión e réxime económico que o resto do persoal da universidade no uso da gardería infantil para os seus fillos. Incapacidade transitoria. Cada universidade completará as percepcións do traballador durante a situación de incapacidade transitoria ata o 100 por 100 das súas retribucións mensuais durante os 18 meses da incapacidade transitoria. Xubilación. Ó se produci-la xubilación dun traballador que teña como mínimo 15 anos de antigüidade recoñecida en calquera das tres universidades que asinan este convenio, percibirá da súa o importe íntegro de tres mensualidades e unha máis por cada cinco anos ou fracción que exceda dos quince de referencia.
GRUPO IMPORTE 1995 I 3.368.067 II 2.816.393 III 2.266.524 IV 1.924.569 V 1.727.774 ANEXO 2: RETRIBUCIÓNS COMPLEMENTARIAS ANEXO Escala do plus de posto de traballo TIPOS PESETAS/ANO GRUPOS DE APLICACIÓN A 2.280.604 1 B 2.033.549 1 C 1.789.498 1 D 1.241.746 1 2 E 960.134 1 2 F 931.311 1 2 G 788.221 1 2 3 H 649.697 1 2 3 I 620.874 1 2 3 J 477.784 1 2 3 4 K 463.437 1 2 3 4 L 404.990 1 2 3 4 M 392.652 1 2 3 4 N 339.260 1 2 3 4 Ñ 310.437 1 2 3 4 O 268.476 1 2 3 4 P 227.739 1 2 3 4 5 Q 204.764 1 2 3 4 5 R 124.176 1 2 3 4 5 S 85.089 1 2 3 4 5 ANEXO 3 : PLUS DE PERMANENCIA GRUPO ANUAL (*) III 477.784 IV 204.764 (*) Pagadeiro en 11 Mensualidades Dilixencia: Para facer constar que este é o texto final no que se recollen os puntos de acordo ós que chegou a comisión negociadora do convenio colectivo para o persoal laboral das universidades públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, na súa reunión do 20 de setembro de 1996 Santiago de Compostela, 20 de setembro de 1996.
ASINAN EN REPRESENTACIÓN DOS SINDICATOS: CIG: CC.OO: UXT: ASINAN EN REPRESENTACIÓN DAS UNIVERSIDADES: SANTIAGO A CORUÑA VIGO: