scieee AI-readable full text Open interactive document viewer

Normativa provisoria para a implantación con carácter experimental de programas oficiais de posgrao no curso 2006/2007

Universidade de Santiago de Compostela. Consello de Goberno

Full text

1 NORMATIVA PROVISORIA PARA A IMPLANTACIÓN CON CARÁCTER EXPERIMENTAL DE PROGRAMAS OFICIAIS DE POSGRAO NO CURSO 2006/2007 (Aprobada polo Consello de Goberno o 8 de novembro de 2005) 1.1.1 PREÁMBULO As Universidades Españolas están a traballar na adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior (en diante EEES), de cara a cumprir o calendario e obxectivos establecidos nos diferentes cumios europeos. Con este obxectivo as respectivas administracións públicas, en cadanseu ámbito de competencias están comezando a desenvolver o Título XIII da Lei Orgánica de Universidades que se dedica ao EEES, para o que se teñen publicado catro Reais Decretos que definen o marco no que as universidades deberán desenvolver a súa oferta de estudos oficiais: Real Decreto 1125/2003, do 5 de setembro, polo que se establece o sistema europeo de créditos e o sistema de cualificacións nas titulacións universitarias de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional; Real Decreto 1044/ 2003, do 1 de agosto, polo que se establece o procedemento para a expedición polas universidades do Suplemento Europeo ao Título; Real Decreto 55/2005, do 21 de xaneiro, polo que se establece a estrutura das ensinanzas universitarias e se regulamentan os estudos de Grao; Real Decreto 56/2005, do 21 de xaneiro, polo que se regulamentan os estudos universitarios oficiais de posgrao; e Real Decreto 49/2004, do 19 de xaneiro sobre homologación de planos de estudo e títulos de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional. Consonte ao RD 56/2005, “a implantación dos programas oficiais de posgrao requirirá os informes previos favorables da comunidade autónoma correspondente e do Consello de Coordinación Universitaria.” Non obstante, unha modificación posterior do RD 56/2005 acordada polo Consello de Ministros na súa reunión do 22 de abril de 2005 e pendente de publicación no B.O.E., establece que “a implantación dos programas oficiais de posgrao será acordada pola Comunidade Autónoma correspondente”. En función desta competencia a Comunidade Autónoma galega está pendente de establecer o procedemento de autorización para a implantación dos estudos oficiais de posgrao. 2 Dado que, como establece o RD 56/2005, “para o acceso aos estudos oficiais de posgrao será necesario estar en posesión do título de grao ou outro expresamente declarado equivalente”, a configuración definitiva das novas ensinanzas oficiais de posgrao dependerá de como se organicen os títulos oficiais de grao, que aínda está sen aprobar. Por outra parte, tampouco están fixados os prezos públicos a que, consonte ao RD 55/2005, estarán sometidos os estudos oficiais de posgrao. Neste contexto xa hai universidades que van ofertar titulacións de posgrao para o curso 2006/2007. A USC entende tamén que non pode quedar á marxe deste proceso. Atopámonos, pois, ante un dobre escenario: a) A MEDIO PRAZO é necesario iniciar o debate sobre o Posgrao na USC e a elaboración da normativa para a posta en marcha dos posgraos a partir do curso 2007/2008, para o que se deberá elaborar o regulamento correspondente, segundo establecen os Estatutos da USC. b) A CURTO PRAZO (inmediato) cómpre elaborar unha proposta de posgraos para implantar no curso 2006/2007. Dado o escaso tempo co que contamos para elaborala esta proposta ten que ser necesariamente cauta e ter carácter experimental, servindo como banco de probas para o desenvolvemento futuro dos estudos de Posgrao. A oferta de posgrao deberá ser áxil e flexible, que permita a súa adaptación permanente ás demandas de formación da sociedade e ás posibilidades coas que en cada momento conte a Universidade. Estas características teñen que ser aínda máis claras nesta primeira oferta experimental, de xeito que a posta en marcha dos primeiros posgraos oficiais non determine o desenvolvemento futuro dos que, polas circunstancias, non poidan implantarse neste momento. Por esta razón os Programas Oficiais de Posgrao que se poñan en marcha no curso 2006-2007 ao abeiro desta normativa provisoria deberán ser revisados no marco do regulamento aprobado consonte ao establecido nos Estatutos da USC. Para a elaboración das propostas de implantación de programas oficiais de posgrao con carácter experimental no curso 2006-2007 é necesario aprobar unha normativa provisoria mínima en tanto non se aproba o regulamento correspondente. Tendo en conta que esta normativa ten por obxecto a regulación da elaboración dos programas de posgrao só para o curso 2006-2007 e que nese curso aínda terán vixencia os actuais programas de doutoramento, considérase procedente regular 3 soamente a elaboración dos programas de estudios dos másters oficiais, facendo referencia aos programas oficiais de posgrao unicamente na medida en que os másters deben incardinarse sempre nun programa de posgrao. En consecuencia, o Consello de Goberno, na súa reunión do 8 de novembro de 2005 ACORDA: 1.2 Artigo 1.- Obxecto Esta normativa ten por obxecto regular a elaboración, contido e aprobación das propostas de implantación de programas oficiais de posgrao (POP) con carácter experimental na Universidade de Santiago de Compostela no curso 2006/2007 que serán sometidas á Comunidade Autónoma de conformidade coa Lei Orgánica 6/2001, do 21 de decembro de Universidades e a normativa que a desenvolve. 2 3 Artigo 2.- Estrutura dos programa oficiais de posgrao Consonte ao RD 55/2005, as ensinanzas universitarias conducentes á obtención de títulos de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional comprenderán estudos de grao e de posgrao e estruturaranse en ciclos. As ensinanzas que levan aos títulos oficiais de Grao corresponden ao primeiro ciclo. Os estudos oficiais de posgrao teñen como finalidade a especialización do estudante na súa formación académica, profesional ou investigadora e articúlanse en programas integrados polas ensinanzas conducentes á obtención dos títulos de máster (segundo ciclo) ou doutor (terceiro ciclo)”. En consecuencia, os programas oficiais de posgrao estarán orientados a proporcionarlles aos estudantes un dos seguintes tipos de formación: a) Especialización académica b) Especialización profesional c) Iniciación en tarefas de Investigación d) Mixta (que implique a combinación de algúns dos outros tres) Un programa oficial de posgrao pode estar integrado por ensinanzas correspondentes a un ou varios másters e/ou por estudos de doutoramento. 4 Artigo 3.- Estrutura dos estudos oficiais de Máster na USC 3.1. Os estudos de Máster poden ter unha extensión mínima de 60 créditos e máxima de 120. Non obstante, con carácter xeral, tenderán a ter unha extensión de 120 créditos. Para o cómputo dos créditos dos programas conducentes ao título oficial de Máster aplicarase a unidade regulada no Real Decreto 1125/2003, do 5 de setembro (crédito ECTS). A estes efectos, para a asignación de créditos a cada unha das materias que configuran o programa de estudos do Máster computarase o número de horas de traballo requiridas para a adquisición polos estudantes dos coñecementos, capacidades e destrezas correspondentes, nas que deberán estar comprendidas as horas correspondentes ás clases lectivas, teóricas ou prácticas, as horas de estudo, as dedicadas á realización de seminarios, traballos, prácticas ou proxectos e as demais esixidas para a preparación e realización dos exames e probas de avaliación. O número mínimo de horas, por crédito será de 25 e o número máximo será de 30 horas. 3.2 Os programas de estudo conducentes a títulos oficiais de Máster, coa fin de favorecer a organización e flexibilidade destes estudos, optimizar os recursos e posibilitar a obtención de máis dun título de Máster dentro do mesmo programa de posgrao estrutúranse en: a) MATERIAS, que son os contidos correspondentes a disciplinas e actividades formativas que poden ter carácter presencial ou non presencial. b) MODULOS, que se definen como o conxunto de materias relacionadas entre si e poderá estar constituído por materias obrigatorias e/ou materias optativas. 3.3 O programa de estudos para a obtención do título de Máster deberá definir os seguintes aspectos: a) Denominación do programa oficial de posgrao do que forma parte b) Órgano responsable do desenvolvemento do programa oficial de posgrao. c) Denominación específica do título do máster. d) O perfil profesional asociado ao título. e) Relevancia do título para o desenvolvemento do coñecemento e para o mercado laboral 5 f) Especificación dos obxectivos do programa de estudos, así como dos coñecementos, aptitudes e destrezas que deban adquirirse para a obtención do título. g) Número total de créditos, contidos formativos e número de créditos asignados a cada un deles, e concreción dos coñecementos, aptitudes e destrezas nos distintos contidos formativos. h) Especialidades que incorpora, de ser o caso, e cales son os módulos, materias ou complementos formativos que as configuran. i) Módulos e materias que deberán cursar os estudantes en función da formación previa que acrediten. En todo caso para a obtención do título de Máster será preciso cursar un mínimo de 60 créditos do programa. j) Ordenación temporal dos estudos. k) Realización, de ser o caso, dun practicum e/ou un traballo de investigación. l) Realización, de ser o caso, dun Traballo ou Proxecto final de estudos. m) Requisitos de acceso aos estudos. Artigo 4.- Elaboración da proposta de programas oficiais de posgrao e dos programas de estudo conducentes ao título de Máster 4.1. As iniciativas para a implantación de programas oficiais de posgrao deberán presentarse a través dun centro, un departamento ou un instituto. Tamén poderá propoñer iniciativas para a implantación de programas oficiais de posgrao a Comisión de Avaliación de Estudos. 4.2. O programa de estudos conducente á obtención dun título de Máster será elaborado por unha comisión redactora nomeada polo Consello de Goberno, consonte ao disposto no artigo 136.3 dos Estatutos. Por razóns de urxencia, o Consello de Goberno delega no reitor a competencia de nomeamento de ditas comisións para a elaboración dos programas a implantar no curso 2006/2007. 4.3. A efectos administrativos e de xestión académica o Consello de Goberno, a proposta da comisión académica correspondente e previo informe da Comisión de Avaliación de Estudos, adscribirá cada un dos programas oficiais de posgrao a un centro ou, con carácter excepcional, a un departamento ou un instituto, que será o órgano responsable da súa implantación. 6 4.4. En tanto non se aprobe o regulamento dos estudos oficiais de posgrao segundo establecen os Estatutos, no caso dun POP intercentros, a comisión redactora asumirá as funcións de Comisión Académica do programa, á que lle corresponderá a coordinación do programa unha vez implantado, sen prexuízo das competencias de supervisión e coordinación que corresponden aos órganos de goberno e á Comisión de Avaliación de Estudos. No caso dun POP impartido fundamentalmente por un centro, departamento ou instituto, as funcións da Comisión Académica corresponderanlle aos órganos de goberno respectivos ou comisión na que deleguen. En calquera caso o director do centro, departamento ou instituto ao que se adscriba o programa formará parte da Comisión Académica do Programa. 4.5. Os programas oficiais de posgrao serán dirixidos por un profesor doutor con dedicación exclusiva na USC, nomeado polo reitor, a proposta da comisión académica correspondente. Nos programas oficiais de posgrao interuniversitarios estarase ao que dispoña o convenio correspondente. 3.1 3.2 Artigo 5.- Criterios para a determinación da oferta 2006/2007 5.1. O número de programas oficiais de posgrao a implantar no curso 2006/2007 estará en torno a cinco. 5.2. Para o curso 2006/2007 os programas de posgrao oficiais que ofertará USC con carácter experimental deberán reunir algún dos seguintes requisitos: a) Reconversión das ensinanzas de titulacións propias de Graduado Superior. b) Reconversión de programas de doutoramento actuais con mencións de calidade. c) Propostas de programas interuniversitarios. d) Propostas que sexan consideradas pola USC opcións estratéxicas con financiamento externo, tendo en conta as grandes áreas do saber e a estrutura bicampus da USC. 5.3. As propostas de programas oficiais de posgrao (POP) deberán reunir as condicións establecidas polas Axencias de Avaliación das Comunidades Autónomas que figuran como ANEXO a esta normativa. 5.4. Será condición sine qua non para a aprobación da proposta dun POP que existan recursos humanos e materiais suficientes para a súa implantación. 7 5..5. As propostas de programas conducentes ao título oficial de Máster deberán xustificar unha previsión de demanda mínima, consonte aos límites que a estes efectos estableza a Comunidade Autónoma. Artigo 6.- O encargo docente nos Programas Oficiais de Posgrao 6.1 Tendo en conta os obxectivos formativos dos programas oficiais de posgrao para a asignación de docencia neles terase en conta o seguinte: a) Nos posgraos de especialización académica ou profesional como mínimo o 70% dos créditos serán impartidos por profesorado co título de doutor. b) Nos posgraos de iniciación á investigación como mínimo o 90 % dos créditos serán impartidos por profesorado co título de doutor. c) Nos posgrados mixtos como mínimo o 70 % dos créditos serán impartidos por profesorado co título de doutor. 6.2. Na proposta de POP constará a relación de profesores que se encargarán de impartir docencia nel especificando o número de horas de docencia que lle corresponde a cada un deles. A proposta deberá vir acompañada da: a) Aceptación dos profesores. b) Confirmación polo departamento ao que pertence o profesor da asignación docente que establece a proposta. No caso de desconformidade o departamento e a comisión académica achegarán informes razoados xustificando a discrepancia. Á vista destes informes, o reitor ou o vicerreitor con competencias na materia fará a proposta definitiva ao Consello de Goberno. 6.3. Aos efectos do establecido na disposición adicional segunda do RD 56/2005, as horas de docencia impartidas no posgrao terán o mesmo tipo de recoñecemento académico cas impartidas no primeiro e segundo ciclos actuais. 6.4. Os centros e departamentos velarán para que a docencia no posgrao non afecte negativamente á docencia nas actuais titulacións oficiais. 6.5. A Universidade, a proposta do órgano responsable do desenvolvemento do programa, poderá autorizar a colaboración de profesionais ou investigadores que non sexan profesores universitarios, baixo a supervisión dun ou varios dos profesores do programa. Tamén poderá establecer acordos de colaboración con outras institucións ou organismos públicos e privados así como con empresas ou industrias. 8 Todas estas colaboracións deberán contar coa autorización previa da Universidade, a proposta do órgano responsable do desenvolvemento do programa. Artigo 7.- Xestión 7.1. Serán responsables da xestión académica dos POP as unidades administrativas que actualmente realizan a xestión dos estudos de primeiro e segundo ciclo, coas instrucións que a estes efectos dite a Secretaría Xeral da Universidade e as vicerreitorías competentes na materia. A matrícula, elaboración de actas e demais procedementos de xestión académica seguirán, no posible, os criterios e regras de aplicación aos demais estudos oficiais impartidos pola USC. 7.2. En tanto non se aprobe o Regulamento dos estudos de posgrao, a programación e a organización académica anual dos estudos oficiais de posgrao rexerase por esta normativa, as resolucións reitorais que a desenvolvan e, supletoriamente, pola demais normativa de programación e organización académica dos estudos actuais de primeiro e segundo ciclo. Artigo 8.- Calendario para a presentación de propostas O Calendario para a presentación á Comunidade Autónoma das propostas de oferta de POP para o curso 2006/2007 será o que segue: a) As propostas para analizar pola Comisión de Avaliación de Estudos deberán presentarse na Vicerreitoría de Organización Académica e Profesorado antes do 10 de xaneiro de 2006. b) As propostas presentadas someteranse a información pública polo procedemento de urxencia ata o 20 de xaneiro. c) Aprobación polo Consello de Goberno e o Consello Social das propostas antes do 31 de xaneiro d) Envío á Comunidade Autónoma para a súa autorización o 31 de xaneiro. Disposición final Facúltase ao reitor para que mediante Resolución poida establecer as normas e criterios necesarios para o desenvolvemento desta normativa provisoria. 9 ANEXO MEMORIA XUSTIFICATIVA PARA A IMPLANTACIÓN DE PROGRAMAS OFICIAIS DE POSGRAO (Segundo o documento de referencia das Axencias de Calidade Universitaria sobre os puntos que deberían desenvolverse na solicitude de implantación de Programas de Posgrao oficiais polas universidades). 3.2.1.1 I. CARACTERÍSTICAS XERAIS DO PROGRAMA DE POSGRAO 1. Denominación do Programa 2. Órgano responsable do Programa /Coordinador do Programa 3. Unidades participantes (Universidades, Departamentos, Institutos Universitarios, etc.) 4. Títulos que se otorgan dentro do Programa. Para cada un deles: • Denominación do Título. • Institución que tramita o Título. • Orientación ou enfoque (Profesional, Investigador, Académico-Mixto) • Número de créditos. • Periodicidade de oferta. • Número de prazas a ofertar. Número mínimo de alumnos para a súa impartición. • Réxime de estudos (Tempo Completo/Tempo Parcial) • Modalidade de impartición (presencial, virtual, mixto) • Período lectivo (anual, semestral, trimestral, variables segundo módulo e/ou materia). • Número mínimo de créditos de matrícula por período lectivo. II. XUSTIFICACIÓN DO PROGRAMA 1. Referentes académicos Xustificar a proposta de Programa atendendo aos seguintes criterios: • Obxectivos xerais do programa en función das competencias xenéricas e específicas conforme aos perfiles académico, investigador e profesional. • Adecuación aos obxectivos estratéxicos da Universidade ou Universidades. • Interés e relevancia académica-científica-profesional. • Equivalencia no contexto internacional. • Adecuación do título ao nivel formativo do Posgrao (descriptores de Dublín) • Coherencia con outros títulos existentes (antigos títulos propios e/ou programas de Doutoramento; oferta de prazas, matrícula, graduados, mencións de calidade, etc.) • Liñas de investigación asociadas (grupos de investigación, proxectos no último trienio, convenios, publicacións, teses, etc.) e no seu caso, recoñeocemento da calidade das mesmas. • Situación da I+D+I do sector profesional.