Pozo Garza: unha luz que tamén se proxectou en revistas culturais
Full text
20 | EVOHÉ Pozo Garza: unha luz que tamén se proxectou en revistas culturais por Cristina neGreira BarCia O ano 1975 supuxo un novo fito para a traxectoria artística da ribadense, pois ao ronsel de poemarios escritos engadiu un novo tipo de publicación: Nordés: Revista de poesía y crítica. Tratouse dunha publicación bilingüe (castelán, galego) de periodicidade irregular (malia a intención inicial de ser trimestral) na que é posible diferenciar varias etapas. O cambio máis relevante tivo lugar da primeira á segunda xeira, pois Luz Pozo Garza pasou de ser codirectora, xunto con Tomás Barros, a encargarse en exclusiva da dirección da mesma, en xuño de 1980. Nunha ollada aos seus vinte e dous números (agrupados en dezasete volumes), atopámonos cun formato en papel de 16.5 x 23 cm, que mantén sempre o mesmo deseño da portada, o cal foi realizado por Luís Seoane. Trátase das letras do título feitas a man e un tríscele sobre un fondo que muda de cor en cada edición. No referente ao número de páxinas, este é, polo xeral, semellante nos seus diversos volumes, situándose arredor das corenta. Ao abrir os exemplares observamos varios aspectos relevantes. Por unha banda, a constancia das seguintes seccións, que conforman a esencia da maioría dos números: «A roda solar» (para escritores galegos cunha gran traxectoria); «As lindes» (para escritores de renome internacional, con traducións de poemas por parte de Luz Pozo e Eduardo Moreiras); «Pórtico da Groria» (para homenaxear a múltiples artistas); «Onda nova» (para autores noveis) e «Ollo de vidro» (para os textos de crítica). Alén destes apartados de base, cómpre salientar a aparición, a partir da segunda etapa, de textos manuscritos por múltiples escritores (Ramón Otero Pedrayo, Álvaro Cunqueiro, Rafael Dieste, Paul Éluard, Luís Pimentel, Xavier R. Baixeras, Eduardo Moreiras...). Ao longo das dúas décadas de existencia, foron decenas os artistas que contribuíron nas súas páxinas. Deseguido, recóllense os nomes que aparecen na portada do número 1 de 1975: X. Alonso Montero, Gabriel Celaya, Álvaro Cunqueiro, Celso Emilio Ferreiro, Mario Ángel Marrodán, Valentín Paz Andrade, Miguel González Garcés, Bernardino Graña, Yolanda Novo, Mario Couceiro, Tomás Barros, Ángeles Penas, Luís Seoane, Luz Pozo, Antonio Tovar, Pura Vázquez, Leyra Domínguez, Eduardo Moreiras, Manuel María, Isidro Conde, Carballo Calero, Uxío Novoneyra, Rafael Dieste e Jorge Montes. En relación ás colaboracións, cómpre indicar os seguintes datos. Por unha banda, cada vez foron tendo máis presencia textos de escritores estranxeiros (feito favorecido polo amplo dominio de linguas de Luz Pozo). Por outra banda, as colaboracións non só se limitaban ás creacións escritas, senón que, en Nordés, as ilustracións xogaron un papel relevante. Estas aparecen sempre en branco e negro (agás na portada). Na primeira etapa (1976-1980) foi Luís Seoane o encargado exclusivo das imaxes. Xa en números posteriores, o nome da directora, Luz Pozo, tamén apareceu xunto co de outros ilustradores como Laxeiro, Lugrís, Cunqueiro ou Isaac Díaz Pardo. Velaquí unha nova faceta da ribadense: a creación plástica. Nordés: Revista de poesía y crítica foi sinónimo de fitos. Foi una publicación en galego impulsada por unha muller nunha ditadura. Tamén foi unha publicación que permitiu sementar a faceta creativa de
Monográfico CEN ANOS-LUZ POZO GARZA | 21 diversos autores, comezando pola da propia Luz, quen se animou a probar nas súas páxinas coa ilustración e co ensaio literario. E Nordés tamén foi o xerme dunha nova revista: Clave Orión. Clave Orión: Poesía Galega Actual continúa o ronsel iniciado por Nordés e, ao longo de dezasete números, aborda tanto a literatura coma outras manifestacións artísticas (ilustración e música). Publicada entre 1995 e 2017, tivo unha periodicidade irregular. A nivel externo apréciase un formato de 17 cm x 24 cm, onde a ilustración da portada vai mudando co tempo. Nos números I-VIII, aparece unha versión de Luz sobre gravado dun barco de R. Sanzio; nos números IX-XI, «versión de Chagall» con figuras antropomórficas; e nos dous números restantes, o exemplar dos números XII-XV e o dos números XVI-XVII, as capas son da autoría de Luz Pozo. O volume de páxinas oscila de xeito notable, debido, en gran parte, á periodicidade irregular que implica dende tomos dun número ata tomos de tres. Con respecto ao «consello de redacción», este aparece indicado en dous tomos, quer o dos números IX-XI, quer o dos números XIIXV. Polo tanto, nas páxinas iniciais de ambos volumes obsérvase unha relación dos seus membros, xunto coa entidade á que están vinculados: Luís Alonso Girgado (Centro «Ramón Piñeiro» de Humanidades), Ramón Lorenzo (Universidade de Santiago de Compostela), Úrsula Heinze de Lorenzo (Pen Club Alemán. Pen Clube Galego. Comité de Paz do Pen Internacional), Andrés Pociña (Universidade de Granada), Aurora López (Universidade de Granada), Carmen Blanco (Universidade de Santiago de Compostela, Campus Lugo), Claudio Rodríguez Fer (Universidade de Santiago de Compostela, Campus Lugo), Maximino Cacheiro (Universidade de Vigo), Olga Novo (Universidade de Brest), Natalia Regueiro (Gran Enciclopedia Galega) e Mónica O’Reilly (Asociación de Compositores de América: ASCP-Dublín). No que atangue ao nivel lingüístico, atopámonos ante unha publicación na que predomina o uso do galego como lingua vehicular, mais que está aberta a acoller textos en linguas foráneas; motivo polo cal son moi frecuentes as traducións a linguas como o ruso, inglés, alemán, bretón, francés... Algunhas destas son realizadas pola académica. Xa no tocante á distribución do contido de Clave Orión, podemos indicar que o número de seccións foi mudando e aumentando co transcorrer do tempo. Como mostra, indícanse as do número I: «O faro extraviado», «Donas da palabra», «Meendinho», «Mensura», «Paradiso», «Prímula» e «A pluma na man». Xa no último volume (números XVI-XVII) o número das seccións ascende a once: «O faro extraviado», «Tributo a Federico García Lorca», «Donas da palabra», «Lembranza de Alexandra Koss», «Mensura», «Iwerddon», «Parteluz», «Tributo a Luís Pimentel», «Paradiso», «A pluma na man» e «Partitura». Desta mostra é posible deducir que, ao longo dos 22 anos da publicación, houbo seccións fixas e outras variables. Grosso modo, en Clave Orión predominan os textos poéticos, tendo tamén cabida as pezas de crítica literaria; continuándose así a estela trazada pola súa predecesora. Porén, nesta segunda cabeceira aparecen seccións especialmente salientables, por estaren estreitamente vinculadas coa vida da autora. Estamos a falar de «Iwerddon» e «Partitura». «Iwerddon» é o termo galés para referirse a Irlanda e, a súa presenza na revista (sección na que se recollen poemas de Luz sobre a illa, a súa historia e mitoloxía), reflicte tanto a filiación de Luz polo celtismo galaico, así como as súas experiencias en Dublín (lugar de residencia dunha filla). En «Partitura» recóllense pezas musicais (creadas maioritariamente por Aurora López) que poñen acordes a diversos textos, dándose así saída á paixón e formación musical de Luz Pozo.
22 | EVOHÉ Esta aposta pola interdisciplinariedade artística continúa coa ilustración. Aquí apréciase unha notable diferencia con respecto á de Nordés: a aparición da cor. Ao longo da vida de Clave Orión son numerosos os nomes referidos como autores dos deseños que aparecen. Cómpre salientar que, nesta nómina reflectida, non se diferencia entre os debuxantes colaboradores habituais de Clave Orión e os autores cuxos deseños aparecen reproducidos na revista sen a implicación do creador no proxecto. É por iso que nos atopamos cunha extensa relación ao longo das dúas décadas. Deseguido indícanse os artistas referidos no número I: Rafael Sanzio, Luz Pozo Garza, Felipe Criado, Igor Ivanov, Lugrís, Leonardo da Vinci, Pietro Cornelius e Alejandro G. Pascual. Acabamos de ver nas liñas anteriores que a propia Luz aparece como ilustradora. Mais esta non será a única faceta creativa da ribadense na revista, pois nas páxinas de Clave Orión tamén aparecen numerosos poemas e ensaios literarios da súa autoría. En síntese, as catro décadas de vida das revistas lideradas pola académica contribuíron notablemente ás nosas Letras. Nordés foi o campo de cultivo para que moitos artistas (maioritariamente galaicos) sementaran múltiples creacións e deste sólido abono agromou Clave Orión. En ambas revistas, a ribadense floreceu como directora e, co seu labor, engadiu máis cor e luz á cultura galega. Exemplar da revista Nordés Exemplar da revista Clave Orión María Xosé Queizán, Pilar Vázquez Cuesta, Carmen Blanco, Luz Pozo Garza, Pura Vázquez e Olga Novo no encontro en Lugo sobre Mulleres Escritoras de 1994