Discurso do Reitor da Universidade de Santiago de Compostela Don Antonio López Díaz no acto de celebración de San Tomé de Aquino 2020
Full text
1 DISCURSO DO REITOR – Antonio López Díaz SAN TOMÉ DE AQUINO 2020 Facultade de Humanidades – 27.01.2020 – 12.00 h O 31 de xaneiro de 1820 nacía en Ferrol, no nº 177 da Rúa Real, dona Concepción Arenal. Cumpriranse, xa que logo, o vindeiro venres 200 anos desde que vira a luz unha galega que, de certo, merece un lugar preferente nas moitas facetas que abordou na súa vida, desde a creación literaria e ensaística á preocupación polos presos e as súas condicións na cadea, pero que xogou un papel esencial na loita polos dereitos das mulleres, e particularmente polo seu acceso á Universidade. Todos coñecemos como tivo que vestirse de home para poder asistir ás aulas na Universidade de Madrid e como, unha vez que foi descuberta, tiña que estar en todo momento acompañada dun profesor. Velaí as dificultades que calquera muller tiña para acceder á Universidade a mediados do século XIX. Mesmo así, e a pesar de todas as dificultades, o tesón desta galega permitiulle converterse nunha recoñecida defensora dos dereitos dos presos, nunha escritora recoñecida, pero moi especialmente nunha abandeirada dos dereitos das mulleres, razón pola que nos sentimos profundamente orgullosos dela. Por iso queremos que este ano 2020 que
2 agora estreamos sexa o ano de Concepción Arenal, e niso estamos a traballar coa colaboración das administracións e de colectivos cidadáns. Aínda así, houbo que agardar ata o 8 de marzo de 1910 —ese é o noso particular 8 de marzo— para que se ditase a Real Orde do Ministerio de Instrución Pública e Belas Artes, que sinalaba: «Ilmo. Sr: la Real orden de 11 de junio de 1888 dispone que las mujeres sean admitidas á los estudios dependientes de este Ministerio como alumnas de enseñanza privada, y que cuando alguna solicite matrícula oficial se consulte á la Superioridad para que ésta resuelva según el caso y las circunstancias de la interesada. Considerando que estas consultas, si no implican limitación de derecho, por lo menos producen dificultades y retrasos de tramitación, cuando el sentido general de la legislación de Instrucción pública es no hacer distinción por razón de sexos, autorizando por igual la matrícula de alumnos y alumnas, S.M. el Rey (q.D.g.) se ha servido disponer que se considere derogada la citada Real Orden de 1888, y que por los jefes de los Establecimientos docentes se concedan, sin necesidad de consultar á la Superioridad, las inscripciones de matrícula en enseñanza oficial ó no oficial solicitadas por las mujeres, siempre que se ajusten á las condiciones y reglas establecidas para cada clase y grupo de estudios.
3 De Real orden lo digo á V.I. para su conocimiento y demás efectos. Dios guarde á V.I. muchos años. Madrid, 8 de marzo de 1910. Asinaba como Ministro Romanones, pero debe salientarse que meses antes fora nomeada Consejera de Instrucción Pública outra galega eminente, dona Emilia Pardo Bazán. Nese mesmo ano de 1910, en setembro, outra Orde abriu a posibilidade de que as mulleres licenciadas puidesen opositar a profesoras de instituto e de universidade ou traballar en bibliotecas e arquivos, co que deste xeito se propiciaba o seu acceso a estudos como os de Filosofía e Letras ou Ciencias, que antes non tiñan saída para elas. Durante o século XIX só 44 mulleres se matricularan na Universidade española, e 77 antes de 1910, das cales o 75 % conseguira rematar os seus estudos. No caso da nosa Universidade merecen ser salientados os casos de Manuela Barreiro Pico, natural de Viveiro, que se matriculou en Farmacia en 1896 e obtivo o seu título en decembro de 1901, co que se converteu na primeira muller en acadar en Galicia o título de licenciada. Xa con posterioridade á mencionada orde de 1910, cabe salientar o caso das irmás Elisa e Jimena Fernández de la Vega, naturais da Veiga, na ribeira
4 asturiana do Eo, e licenciadas en Medicina en 1919, con premio extraordinario no caso de Jimena, e que posteriormente obtiveron o grao de doutoras, converténdose así nas primeiras mulleres en acadalo na Universidade galega. Cómpre lembrar tamén a Luisa Cuesta Gutiérrez, a primeira muller en matricularse en Dereito en 1921, e que exerceu como profesora auxiliar na mesma facultade ata 1930, ano en que retorna á Biblioteca Nacional a Madrid. O primeiro que chama a atención é o cambio cultural que foi necesario para abrir as portas da educación superior á metade da poboación que representaban as mulleres. Un proceso que, como sinalaba a mesma Concepción Arenal no congreso pedagóxico de 1892, requiría que os homes se fosen civilizando, pois “sería fuerte cosa que los señoritos respetasen a las mujeres que van a los toros y faltaran a las que entran a las aulas”. Por todo o que ela ten feito é polo que queremos poñer en valor a súa figura durante este ano 2020, empezando este próximo venres, cun chamamento para que as mulleres na Universidade rememoren a súa heroicidade acudindo ás aulas vestidas de home. Pero non só queremos homenaxear a figura de Concepción Arenal cunha ollada retrospectiva, senón tamén coa mirada posta no presente e no
5 futuro. Non temos acadada aínda a igualdade real e efectiva en todas as ordes, dentro e fóra da Universidade. Máis aló da criminal violencia machista, que vén de deixarnos a última vítima na nosa provincia onte mesmo —e oxalá que fose a derradeira dunha serie vergoñenta que suma xa 62 mulleres asasinadas dende o 2003 na nosa Comunidade—, seguimos a ter importantes retos por diante. Así, a presenza de mulleres nos estamentos máis altos da carreira universitaria é aínda moi inferior á dos homes. Só temos unha muller investida como doutora honoris causa (Nélida Piñón), e outra, Emilia Casas Baamonde, nomeada e pendente de investimento. A presenza de mulleres nos estudos de enxeñaría, tecnoloxía ou matemáticas non acada nin o 20 %, unha exigua porcentaxe que determina igualmente a súa escasa representación en ámbitos profesionais que, coma os mencionados, teñen unha considerable demanda e amplas posibilidades de desenvolvemento profesional. Nestes e noutros ámbitos debemos traballar todos con enerxía e seguindo a estela das referentes que, como Concepción Arenal, nos marcan o camiño. Precisamente porque non todo está acadado, resulta máis que necesaria a elaboración, aprobación e posta en marcha do III Plan de Igualdade na USC, logo da prórroga transitoria do II Plan (que remataba en 2018), e que foi acordada polo Consello de Goberno á vista de que arredor dun 20 % dos seus obxectivos aínda estaban por atinxir.
6 E se o ano 2020 será o ano de Concepción Arenal tamén o será de Ricardo Carvalho Calero, a quen, como é sabido, a Real Academia Galega acordou dedicar este ano o Día das Letras Galegas. Ademais dos méritos literarios e cívicos que o fan merecente desta homenaxe, na figura do profesor ferrolán, moi vinculado por outra banda a esta cidade de Lugo, onde entre 1950 e 1965 dirixiu o Colexio Fingoi, concorre o feito de se tratar do primeira persoa en ocupar a cátedra de Lingua e Literatura Galegas da nosa Universidade. O feito de que houbese que agardar nada menos que ata 1972 para que a Universidade crease unha cátedra dedicada ao estudo da lingua e da literatura do país constitúe tamén un motivo para a reflexión, que debe conducirnos a reafirmar o noso compromiso coa promoción do uso do galego en todas as ordes da vida universitaria, e particularmente na docencia. Nesta liña inscríbese a elaboración e posta en marcha do Plan de Normalización Lingüística, no que xa estamos traballando, e que segue o ronsel do aprobado por unanimidade no claustro fai 20 anos. Se 200 anos non bastaron para a igualdade efectiva de homes e mulleres e se os obxectivos do plan de normalización lingüística están aínda lonxe de atinxirse, non deixa de ser chocante tamén que, despois de 525 anos de historia da nosa Universidade, sexa preciso hoxe seguir xustificando e
7 defendendo a Universidade pública. E non porque o ensino superior estea en crise, senón máis ben por todo o contrario, é dicir, porque o ensino universitario está incrementando o seu interese tamén para a iniciativa privada. Se pensamos no Sistema Universitario español, basta recordar que no ano 95, hai agora 25 anos, había en España 46 universidades públicas e só 7 universidades privadas. Vinte e tres anos despois, en 2018, as públicas eran 50 (4 máis que en 1995), pero as privadas pasaran de 7 a 34, acollendo o 14,9 % dos estudantes de grao e o 36 % dos estudantes de posgrao. Non resulta, por tanto, estraño que grupos e fondos de investimento protagonizaran operacións como a compra da Universidade Europea polo grupo Permira por máis de 700 millóns de euros, ou como a aposta do fondo de capital risco CVC pola Alfonso X O Sabio por máis de 1.000 millóns. Como se sinalaba no xornal que daba conta da noticia, “parece lógico pensar que las instituciones con capacidad de dar títulos pueden dar rentabilidad". Nun escenario coma este, e cando xorde unha iniciativa de universidade privada en Galicia, as universidades públicas, e particularmente a Universidade de Santiago, non poden nin descoñecer nin negar a iniciativa privada tamén no ensino superior. Agora ben, ao mesmo tempo debemos poñer de relevo a este respecto:
8 a) A capacidade do sistema universitario público galego para atender as necesidades de formación superior na nosa contorna, como pon de manifesto o feito de que o número de prazas de novo ingreso ofertadas polas tres universidades públicas galegas (arredor de 11.000 das que 4.500 corresponden á nosa Universidade) cobren con certa folgura os arredor de 10.000 estudantes que queren acceder ás nosas aulas despois de superaren as probas de acceso. b) En segundo lugar, a esixencia de que o servizo que se preste por esoutras iniciativas teña os mesmos requirimentos que se esixen ás universidades públicas. Iso supón, como figura na Lei galega de universidades, que se ofrezan, ademais de mestrados e graos, tamén estudos de doutoramento; e supón tamén que, para que poidan ser licitamente consideradas como universidades, deben conxugar docencia, investigación e transmisión da cultura e do coñecemento, e dispoñer dos recursos persoais e materiais axeitados para garantir que isto sexa así. c) Finalmente, a consideración, en consonancia co disposto pola citada lei, de que calquera proxecto novo debe vir a complementar ou mellorar a situación actual do sistema universitario galego. E
9 entendemos que iso non se produce cando dende as universidades públicas, aínda considerando que a oferta global é suficiente, como xa se ten sinalado, vimos demandando con insistencia, diante das reticencias da administración educativa, a ampliación do número de prazas en titulacións relacionadas co sector tecnolóxico, onde se está a apreciar unha demanda social alta e unha boa empregabilidade e onde dispoñemos de recursos para atender esas necesidades. Por todo iso os reitores e xerentes das Universidades públicas galegas posicionámonos en contra dun proxecto de Universidade privada en Galicia. Non porque nos preocupe a competencia, sempre e cando sexa leal e en igualdade de condicións, senón porque debemos defender o ensino público universitario e apostar por el, como un motor de promoción social pero tamén de progreso e desenvolvemento económico. Permítanme que traia a colación algúns datos que se derivan do moi recente estudo sobre a Contribución socioeconómica do sistema universitario español, elaborado polo IVIE (Instituto Valenciano de Investigaciones Económicas) por encargo da Conferencia de Consellos Sociais dependente da CRUE. O sistema universitario español forma 1,5 millóns de estudantes e xestiona un orzamento anual de arredor de 10.000
16 que os graos de Bioquímica e Empresa e Tecnoloxía, que se implantarán no curso 2020/21, van reforzar esta aposta, que debe completarse coa proposta que se faga dende esta Facultade de Humanidades sobre a que logo volverei. No ámbito da investigación, o Campus de Lugo ten identidade propia, unha personalidade que posiciona os seus grupos de investigación e investigadores no panorama nacional e internacional. O nacemento e primeiros pasos da Agrupación Estratéxica Biorredes, ou o Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural, non son máis ca síntomas claros e evidentes do potencial investigador do campus, de carácter interdisciplinar, capaz de abordar, dende unha perspectiva sistémica e adaptada ás particularidades do entorno galego, os problemas e retos asociados á produción e xestión sostible dos recursos naturais. Para dar continuidade a este espírito interdisiciplinar, para conseguir integrar máis investigadoras e investigadores nun proxecto de campus e, porque debemos continuar dando pasos firmes no eido investigador, é hora de que Lugo conte con estruturas de investigación estables cuxa continuidade non dependa de políticas autonómicas ou financiamento puntual, que proxecten a identidade investigadora do campus e potencien os esforzos de
17 tantos que liderades os vosos campos de estudo cunha investigación apegada ao carácter propio de Lugo. A confluencia de docencia e investigación deben ser suficientes para que o Campus Terra poida superar con éxito o proceso de acreditación dos Campus de Especialización ao que imos a concorrer e que debe supoñer un respaldo, tamén económico, para este proxecto ilusionante. En materia de infraestruturas contemplamos no Plan que vimos de aprobar no Consello de Goberno o posible traslado da Facultade de Formación do Profesorado a este campus. Debe ser a ocasión para poder dotar a Facultade, en consonancia tamén coa aposta polo uso eficiente dos espazos, dos equipamentos docentes, de investigación e administrativos que precisa e que non sería posible acadar na súa actual localización. E debemos aproveitar tamén este movemento para mellorar as dotacións de servizos e equipamentos do Campus, así como a súa conexión coa cidade, para o que abrimos xa as vías de colaboración co Concello. A posta en funcionamento da Granxa Gayoso Castro, para a que, unha vez máis, contamos coa inestimable colaboración da Deputación Provincial,
18 debe supoñer un pulo importante para a formación práctica de Veterinaria e tamén das titulacións relacionadas co sector agrícola e gandeiro. Contemplamos tamén con ilusión o momento no que o remate das obras da A-54 permita conectar por autovía os nosos dous campus. Somos unha universidade con dous corazóns e debemos reclamar unha comunicación digna que nos permita a docentes, investigadoras e investigadores, alumnado e persoal de administración e servizos, unha maior integración sen que supoña un trauma para a nosa vida diaria. É por iso que, xuntamente coas corporacións municipais dos concellos que atravesa, debemos reclamar unha data real de finalización dunhas obras que xa coñecen, a medio rematar, varias xeracións de galegas e galegos. Para rematar, quero agradecerlle a esta Facultade de Humanidades os esforzos feitos para acoller este acto, así como a disposición da que ata hai ben pouco foi a súa decana, a profesora González Rey, para aceptar este encargo de impartir a lección que forma parte central deste acto e que nos sitúa diante dun tema da máxima actualidade como esa relación entre as convencións sociais ou estereotipos e a forma de comunicación, unha nova linguaxe simple e telegráfica que lle engade unha gran potencia
19 comunicativa, pero que ao mesmo tempo dificulta a precisión e os matices que conforman as ideas e os conceptos. Comparto tamén a súa preocupación polo futuro das Humanidades, que nos trasladou ao remate da súa intervención, aínda que penso que hai razóns para un certo optimismo. A que ata hai uns meses era CEO de Linked in, agora en Abitissimo, Sarah Harmon, con ocasión dunha comida coloquio que tivo lugar en Madrid hai escasamente dous meses, e preguntada polos elementos que máis se valoraban nos perfís profesionais, afirmaba que as cousas cambiaban con bastante rapidez, pero que había unha tendencia clara a valorar o coñecemento de linguas, pero moi especialmente as habilidades sociais, e certa formación humanística, tamén naqueles perfís máis tecnolóxicos. Quizais esta tendencia chega ou chegará a España con certo retraso, pero está claro que no mundo anglosaxón é unha realidade que se confirma cando vemos como Carly Fiorina, ex-directora executiva de Hewlett-Packard estudou Historia Medieval e Filosofía; Susan Wojcicki, directora executiva de YouTube estudou Historia e Literatura; Peter Thiel, fundador de Paypal, é filósofo, ou Frederic Mazzela, fundador de BlaBlaCar, é músico, por citar só algúns casos. Polo tanto, neste novo mundo tecnolóxico as Humanidades teñen o seu sitio, e a pregunta "¿Que pinta un filósofo en Google?", coa que se encabezaba un artigo hai algo máis dun
20 ano era un simple recurso para atraer a nosa atención cara a un texto cheo de razóns. Agora ben, imos ter todos que adaptarnos a este novo escenario e non vale meter viño novo en odres vellos. As solucións máis recentes pasan por integrar formación tecnolóxica e formación humanística, como ocorre xa no mundo anglosaxón, pero tamén nalgunhas das universidades españolas, e incorporar materias humanísticas e de habilidades sociais con carácter transversal e especialmente naqueles títulos máis tecnolóxicos. Por iso ao mellor o cancelo podería ser #humanidades_too #+humanidades_xa. Dixen.