DIA INTERNACIONAL DAS MULLERES 2019 Acto de recoñecemento á BUSC pola súa traxectoria en prol da igualdade de xénero
Abstract
Discurso pronunciado o 7 de marzo de 2019 no Acto de recoñecemento á Biblioteca Universitaria da USC pola súa traxectoria en prol da igualdade de xénero.
Full text
1 DIA INTERNACIONAL DAS MULLERES 2019. Acto de recoñecemento á BUSC pola súa traxectoria en prol da igualdade de xénero Intervención de María Isabel Casal Reyes, directora da Biblioteca Universitaria. Xoves 7 de marzo de 2019. Salón Nobre do Colexio de Fonseca. Sr Reitor, Sra Secretaria Xeral de Igualdade, Sra. Vicerreitora de Comunicación, Cultura e Servizos, Sr. Vicerreitor de Investigación e Innovación, vicerreitores, Persoal docente e investigador, alumnado, persoal de administración e servizos, compañeiras e compañeiros da Biblioteca Universitaria, miñas donas, meus señores, BOS DIAS Evidentemente non compre outra cousa en primeiro lugar que dar as grazas a quen nos premia, a quen recoñece o noso labor. Grazas á Universidade por pensar que en nós para esta mención honorífica, co que iso significa de consideración e recoñecemento do valor do traballo que desenvolvemos na Biblioteca Universitaria. No vixente Plan estratéxico de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes da USC aparece recollido na introdución o seguinte texto: “É ineludible que os servizos, os centros e os departamentos participen en maior medida no logro dos obxectivos e no desenvolvemento das accións a prol da igualdade que se adopten. Só dese xeito se logrará sensibilizar a máis persoas, homes e mulleres, e aumentar a vontade necesaria para acadar esa meta. “
2 Esta mención que hoxe recibe a Biblioteca Universitaria e as que recibiron os nosos 8 predecesores na entrega da distinción significa que cada vez somos mais os servizos e os centros que contribuímos co noso traballo diario visibilizar o compromiso institucional coa igualdade de xénero Sentímonos ademais especialmente honradas, entre outras razóns porque repasando a relación daqueles e aquelas que nos precederon no galardón, non podemos mais que sentir un profundo orgullo e agradecemento por poder incorporarnos á listaxe que conforman o: -Centro Interdisciplinario de Estudos Feministas e de Xénero 2011 -Seminario Mulleres e Universidade 2012 -Servizo de Vixilancia da Saúde 2013 -Escola Infantil Breogán 2014 -Programa Woman Emprende,.2015 -Servizo de Normalización Lingüística 2016 -Escola Politécnica Superior 2017 - Instituto de Ciencias da Educación. 2018 Por iso, entenderan que non é menor a responsabilidade de recoller e agradecer o premio en nome da Biblioteca, porque cómpre representala e saber transmitir que somos, que facemos e porque nos sentimos merecentes da distinción. O traballo que a cotío se desenvolve na Biblioteca Universitaria trata de ser transparente, pero non invisible. Explícome. Transparente porque intentamos satisfacer as demandas e necesidades de información das nosas usuarias e usuarios, sen que apenas se note a nosa intermediación entre as necesidades de información que manifestan e a fonte onde saciar esa necesidade de coñecemento. Pero non invisibles, porque dende hai anos na Biblioteca non queremos ser unicamente reactivas, senón proactivas. Queremos adiantarnos ás necesidades da comunidade universitaria e, aínda máis importante, facer nosos os obxectivos da USC.
3 No artigo 149.1 dos Estatutos da Universidade de Santiago de Compostela defínese a Biblioteca Universitaria, a BUSC, como: Unha unidade funcional concibida como un centro de recursos para a docencia, a investigación, o estudo e a aprendizaxe, así como para todas aquelas actividades relacionadas co funcionamento e a xestión da Universidade. Como servicio básico ten a misión de facilitar o acceso e a difusión dos recursos de información e colaborar nos procesos de creación de coñecemento, co fin de contribuír á consecución dos obxectivos institucionais da Universidade. Neste ultimo aspecto, consideramos que dende a Biblioteca Universitaria temos a obriga de resaltar o valor da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, como un dos principios que deben rexer a vida universitaria, tal e como corresponde a unha institución que ten por misión esencial desenvolver e transmitir coñecemento e valores e a responsabilidade de dar exemplo. Pero como o movemento se demostra andando, quero contarlle a este auditorio algunhas das cousas que facemos. Moitas das nosas accións xorden dunha colaboración case natural co noso entorno. E neste sentido temos que dar as grazas ás equipas decanais, direccións de departamentos, grupos de investigación, servizos e, en xeral, a todas as persoas que na USC contan coa biblioteca para dar soporte ao seu traballo. Deste xeito, nas moitas exposicións que se desenvolven na nosa universidade, é habitual recorrer aos fondos bibliográficos da Biblioteca para iluminar ou ilustrar algún aspecto, cando non son os propios fondos os protagonistas das mostras, como sucedeu na selección bibliográfica da Biblioteca da Facultade de Ciencias da Comunicación que levou por título: Que imaxe teño que tan mal me queres, celebrada co gallo do 25 de novembro, dia internacional contra a violencia de xénero, ou na titulada Mulleres na Química, levada a cabo na Biblioteca da Facultade de Química a partir da súa colección.Nestes dias nesa mesma biblioteca estase a desenvolver unha interesante exposición sobre a táboa periódica onde unha parte dela esta dedicada ao papel que nela desenvolveu a muller. Podemos igualmente achegarnos nestes dias pola Facultade de Xeografía e Historia e visitar a mostra bibliográfica e audiovisual Malvadas Princesas Putas a construción do Feminino no cine, organizada pola Biblioteca desa Facultade. Outras veces, a biblioteca revélase como o espazo mais acaído para acoller mostras como sucedeu coa Exposición Mulleres no laboratorio: primeiras científicas da USC, comisariada pola investigadora da USC Xoana Pintos Barral, autora de As mulleres
4 nos estudos experimentais na Universidade de Santiago: 1910-1960 (tese de doutoramento), que pretendeu rescatar do esquecemento ás primeiras científicas que pasaron pola nosa universidade, e que contou coa Biblioteca Concepción Arenal, como marco expositivo ; ou a mostra Investigadoras na Luz e nas tecnoloxías da luz, que recalou na Biblioteca Intercentros de Lugo no ano 2015, para conmemorar o Día Internacional das Mulleres e as Nenas na Ciencia co fin de acadar o acceso e a participación plena e equitativa na ciencia para as mulleres e as nenas, o seu empoderamento e para avanzar na igualdade de xénero. Precisamente a Biblioteca Intercentros de Lugo ten organizado múltiples centros de interese arredor do tema da muller como Con Letra de Muller, Unha habitación propia (a partir de fragmentos de obras de e sobre mulleres), ou Cine 8 de marzo (Escolma de películas de cine dirixidas, interpretadas ou baseadas en novelas escritas por mulleres). Pero imos mais aló porque entendemos que o compromiso da USC coa Igualdade traspasa os nosos campus. Deste xeito dende a Biblioteca Universitaria tamén nos convertemos en caixas resoadoras de campañas institucionais como a Campaña de prevención contra a violencia de xénero da Secretaria Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia “Un selfie contra o mal amor” no ano 2015. Participamos en Literarias, iniciativa do Concello de Santiago no que se convida ás librerias, editoriais e bibliotecas da cidade a destacar libros escritos por mulleres e/ou de pensamento feminista para poñer en valor a escrita de autoras que fomente os dereitos das mulleres e permita mirar más alá dos estereotipos sexistas. Visibilizámonos dunha forma explícita no dia internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres, facendo algo que tres anos despois xa é un fermoso costume: fotografarnos en Fonseca e no resto das bibliotecas coas camisolas negras e os cartaces da campaña En Negro contra as Violencias. Porque entendemos que o noso compromiso coa institución leva implícito igualmente un compromiso coa sociedade na que estamos inseridas. Pero non podemos quedarnos so en xestos, con toda a importancia que de feito teñen. Dende a Biblioteca consideramos que hai que dar un paso mais. E de novo voltamos á vista ao vixente Plan estratéxico de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes da USC. Alí recollese como obxectivo darlle : visibilidade ao traballo das mulleres científicas en relación aos homes e poñer en valor a produción científica con perspectiva de xénero, así como adoptar as medidas necesarias para eliminar o uso sexista da linguaxe e garantir e promover a
5 utilización dunha imaxe das mulleres e dos homes fundamentada na igualdade de sexos, en todos os ámbitos da vida. Na Biblioteca Universitaria empregamos nos nosos materias divulgativos, titoriais e infografías unha linguaxe non sexista. E isto inclúe non so os materias de consumo interno na USC, senón nas traducións ao galego que facemos para a CRUE, Conferencia de Rectores das Universidades Españolas, concretamente todos os materiais elaborados pola sectorial das Bibliotecas Universitarias REBIUN, como os vídeos sobre competencias dixitais, as guías sobre propiedade intelectual ou as infografías sobre acceso aberto. Na BUSC entendemos igualmente que as redes sociais son un vehículo que ben conducido ten unha potencia formidable para difundir as actividades e servizos da biblioteca pero, sobre todo, para establecer vencellos coa nosa comunidade, empregando as nosas canles sociais para visibilizar as contribucións das mulleres nos eidos da docencia e da investigación. E estamos especialmente orgullosas dalgunha actividade levada a cabo o ano pasado como a Editaton(a). Investigadoras na USC: as pioneiras . Coordinada pola Biblioteca Universitaria e a Oficina de Igualdade de Xenero-USC, coa colaboración de Galipedia e a Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas de Galicia (AMIT-Gal). Unha actividade convocada para conmemorar o Día Internacional das Mulleres e as Nenas na Ciencia coa fin de crear, ampliar e mellorar artigos relacionados coas mulleres na ciencia, biografías de científicas e as súas achegas. Como resultado da wikimaratón creáronse ou ampliáronse 23 artigos, dos cales máis da metade foron sobre alumnas da Universidade de Santiago. Dolores Lombardero Martínez, Antonia Ferrín, Josefa Ron Noya, María de la Concepción Carnero Valenzuela, Irene Lucía Álvarez Veras, Luisa Cuesta Gutiérrez, Tarsy Carballas Fernández, Ramona Vaamonde Fernández, Ascensión Vidal Piazuelo, Manuela Barreiro Pico, Dolores Lorenzo Salgado, María Rosario Aida Méndez Miaja, Balbina López Somoza, Elisa Díaz Riva, Rebeca Atienza. E precisamente esta actividade da pe a por de relevo algo esencial no noso traballo: a cooperación. Cando facemos accións en solitario na Biblioteca ou en calquera outro servizo, centro, departamento, non temos a mesma forza que cando o facemos acompañadas. A transcendencia e o alcance precisamente da Editatona radicou en ir collidas todas xuntas da man Oficina da Igualdade de Xénero, Galipedia, AmitGal e Biblioteca. E quero aquí destacar a complicidade e a empatía coa Oficina da Igualdade de Xénero, coa súa responsable Eva Aguayo á cabeza. Esa complicidade realmente levounos a cada vez ser mais ambiciosas nos proxectos conxuntos. Temos que seguir, Eva, porque isto non se
6 pode parar. Grazas ao todo o persoal da Oficina, porque non so dan soporte as iniciativas, dannos ás para voar mais alto cada vez. Dicía ao principio da miña intervención que non era menor a responsabilidade de representar á Biblioteca Universitaria e de saber transmitir que somos e que facemos. Igual que no tema da igualdade de xénero, aínda quedan moitos tópicos e estereotipos que romper na imaxe das bibliotecas. A dia de hoxe, a pesar dos nosos esforzos por enfrontarnos e adaptarnos aos moitos avances tecnolóxicos e, quizás mais importante, aos cambios sociolóxicos no acceso á información, aínda hai xente na nosa propia universidade (pouca , hai que dicilo en honor á verdade) e sobre todo fora dela que cando lles dis que traballas na Biblioteca Universitaria pensa que no teu traballo les moitos libros ou (e isto e peor) considera que hoxe en dia o teu traballo non ten valor ou directamente que é prescindible. A BUSC confórmana 186 persoas repartidas en 19 puntos de servizo nos campus de Santiago e Lugo, 186 persoas cada unha dende cadansúa responsabilidade, que contribúen a conseguir os obxectivos da Biblioteca e, por elevación, da propia Universidade. 186 persoas que conforman un servizo ben valorado, porque (sempre é un perigo xeneralizar) á meirande parte de nos gostamos do noso traballo e non deixamos de ver as múltiples posibilidades, as novas oportunidades de ser útiles á comunidade universitaria. Pero isto non xorde da nada. Hoxe temos a sorte de contar con compañeiras e compañeiros xubilados que nos acompañan neste acto. Porque o camiño vaise facendo ao andar e nese sentido tamén na Biblioteca Universitaria houbo pioneiras. Hoxe mesmo, antes deste acto, na Biblioteca Concepción Arenal inaugurouse unha sala que leva o nome de Luisa Cuesta, bibliotecaria nesta casa entre os anos 1921 e 1930 e primeira alumna matriculada nos estudos de dereito na Universidade de Santiago de Compostela, autora, entre outros méritos, dunha obra bibliográfica importante que abarca diversos temas, desde a investigación histórica ao feminismo, e centrada, na súa última etapa, na historia da imprenta. Pero detrás dela viñeron mais. En 1973 Daría Vilariño Pintos converteuse na primeira muller directora da Biblioteca de USC. Despois chegarían Concha Varela e Mariví Pardo. O seu traballo e impulso, xunto aos das moitas compañeiras e compañeiros xa xubilados, leváronos ata aquí. Hoxe 186 mulleres e homes constrúen a cotío o futuro da biblioteca, sendo conscientes de que estamos nun servizo transversal, un servizo básico, esencial na USC, un servizo onde todas e todos temos cabida. A elas e eles, (ás persoas que están aquí en representación do colectivo e ás que non poden estar porque precisamente están atendendo
7 o servizo, mañás, tardes e as veces noites), a todas estas persoas dicía, o meu agradecemento sincero como responsable do servizo: sen vós acadar esta distinción non seria posible, sen a vosa implicación, a vosa vontade e o voso compromiso diario coa institución. E vou xa finalizando. Estamos vivindo tempos complicados, de vaivéns constantes, incertezas, de sobreabundancia da información, de sobreexposición a ela, época de fake news e de manipulacións interesadas de imaxes e de relatos (nos últimos tempos especialmente virulentos, ademais, contra dereitos fundamentais das mulleres). Como di un colega ao que admiro profundamente, Luís Anglada, movémonos en tempos de abundancia de información e escaseza de tempo para buscar e atopar a precisa, a mais acaída ao que necesitamos, porque a facilidade no acceso parece estar substituíndo a calidade como criterio na selección da información. Por iso seguimos sendo necesarias as e os profesionais das bibliotecas, porque grande parte do noso traballo debe ser o de contribuír dende a BUSC a separar o gran da palla nas fontes de información, para que calquera de nós poda atopar evidencias, para que calquera de nós poda buscar a verdade e desmontar bulos e falacias, para que calquera de nós poda construír o seu traballo académico dende a base dunha información de calidade que devolverá a sociedade en forma de coñecemento, comezando polo alumnado que se incorpora aos estudos universitarios. Ademais as bibliotecas seguen e seguirán sendo valiosas na creación e mantemento do sentimento de comunidade universitaria. Sen deixar de lado a Biblioteca como espazo para a reflexión, o debate e a participación, dende a BUSC queremos seguir promovendo unha sociedade mais comprometida e xusta e seguir reivindicando o carácter publico da nosa institución. O noso compromiso profesional ten o seu raíz na misión da biblioteca: facilitar o acceso á información e ao coñecemento, difundilos e estendelos na nosa comunidade e no conxunto da cidadanía , así como preservalos para trasladarlle ás xeracións futuras un legado que lles permitirá, a partir do coñecemento do pasado, entender o seu presente e construír o seu futuro. No manifesto de 2017 da Rede de Unidades de Igualdade de Xénero para a Excelencia Universitaria expresábase que a universidade foi unha das institucións que máis contribuíu nas últimas décadas aos avances en igualdade, pero aínda queda moito camiño por percorrer (ao que eu engado: sen dar nin un paso atrás).
8 Na Biblioteca Universitaria queremos seguir sendo merecentes desta distinción nos anos vindeiros, polo que seguiremos traballando nestes obxectivos, conscientes de que para ser necesarias temos que estar plenamente implicadas e imbricadas na nosa institución Reza un proverbio africano: se queres chegar rápido, camiña so, se queres chegar lonxe, faino acompañado. Deste xeito queremos facelo, chegar lonxe na compaña da comunidade universitaria á que pertencemos. Hoxe non podemos estar mais orgullosas porque recibir esta mención honorífica pola nosa traxectoria en pro da igualdade de xénero de mans da propia comunidade á que prestamos servizo é o mellor premio. MOITAS GRAZAS.