Ravel e a rula de Cunqueiro
Full text
EVOHÉ | 45 Ravel e a rula de Cunqueiro XOSÉ CARLOS CARRACEDO Conta Ramón Gener que o seu pai faleceu convertido no bolero de Ravel porque a obra musical repite a mesma melodía variando tan só na súa intensidade. O bolero remata como moitas vidas, cun derrubamento. Tamén asegura o divulgador que o seu pai morreu dúas veces: unha ao esquecerse de lembrar e outra cando o seu corpo non resistía á vida. É a historia de alguén que padece Alzheimer. Antes de entender por que explico isto recomendareivos acompañar o resto do texto coa música citada. Considero que as emocións que verte son propicias para amplificar as do conto. E digo eu… Superar a morte resúltavos algo complicado? Sampedro diría si, xa que non nos educan para comprendela porque nesta sociedade a vida e a morte non son entendidas como un todo. Explicaría José Luis que o día que nacemos empeza o vieiro do pasamento. Quizais, Marcial Gondar afirmara que as costumes ancestrais sobre como levar o dó, que se repetiron variando a súa intensidade, derrubáronse no último acto da civilización: na nosa era.
46 | EVOHÉ O curioso é que ela non sabía nada do que vos comento cando a súa avoa faleceu. Lera algunhas historias, mais sen asimilar as ensinanzas que esconde, para ben ou para mal, todo relato. Que lle imos facer! Cada un co seu mundo vive, ou sobrevive, como pode. Interpreto que percibiu a vida como unha fantasía. Entendo que poida ser normal. A súa idade, para min a morte era unha mofa, un imposible. Algo tan afastado que apenas requiría a miña atención. Falábase dela, si, pero sempre dende a superficialidade dos tempos nos que os soños embriagan á mocidade con máis ilusións que derrotas. Deume moita pena. Recoñézoo. A súa avoa era a tenrura deses domingos nos que as conversas resplandecían e esquecían á escola, nos que os seus achaques eran menos importantes que un sorriso de devanceira. Non se imaxinan con que ledicia miraba á vella cando aprendeu a xogar ás cartas ou cando a neta lle ensinou como se desbloquea un móbil. Penso que eses instantes tatúanse na testa. A ledicia é o que ten, hospédase na memoria. Nos citados exemplos non se amosa o feito de que á rapaza nunca lle falecera ningún familiar. Nin sequera tiveran mascota na casa porque segundo os seus pais a nena podía traumatizarse. Que ironía. Tampouco digo que non soubera nada da Gadaña, que pensara que a inmortalidade está connosco. Non, non é o caso. O único que pretendo argumentar é que nunca lle amosaron como funcionan as cousas. Que sempre evitaron certas beiras da complexa existencia. Que lles vou a contar! Tódolos días vexo como as persoas dos nosos tempos viven no eterno optimismo. Na procura da santa felicidade eterna. Despois ven a frustración, o autoengano, o medo; porque a vida non é así. O peor de todo é que non saben valorarse, pois non se coñecen a si mesmos. Non aprehenderon nada da parte triste, que non mala, da vida. Viven nun Alzheimer colectivo porque só atenden ao efémero que ven eterno. Nese vieiro esquecen a fondura da memoria.
EVOHÉ | 47 En fin, deixémonos de diatribas e vaiamos ao conto. A rapaza enfrontábase á primeira morte da súa vida e non sabía como levalo. Agora, vostedes queixaránseme de que todo o que levo contado se resume nesa frase. Pode, pero non se entendería ou, peor aínda, non me sabería explicar sen mencionar os detalles que atinxen a ese suceso. Por que? Pois polo contexto da rapaza que facía bolos coa nai da súa nai, polo tempo pasado xuntos; xa saben. Hai que concibir como chegou a cuestionarse que debía que superar que nunca ía volver a repetir a rutina de tódolos domingos, que o bolero caera nas súas últimas notas. A mocidade de arestora évos estraña. Se aínda lle despexaran e consentiran ler o poema de Cunqueiro onde reflexiona, xa de vello, sobre a morte. Si, ese no que di que agora que morre decátase de que nunca ouviu cantar á rula. Ese paxaro tan simbólico na súa obra e que esqueceu coñecer, ou esqueceu que coñeceu cando en Mondoñedo, sendo un neno, sabía o nome de tódolos paxaros. Introduzo este dato porque tamén a rapaza temía esquecer a súa avoa e os momentos vividos con ela. Temíao profundamente. Ela era, e é, das que prefire morrer que desacordarse. En fin, se lera a Cunqueiro tería outra perspectiva. Non credes? Se escoitara a súa mestra da escola, a algunha amiga coa que se identificara. Pero non foi así porque o tema da morte non está de moda nin na ensinanza nin na sociedade. Agora o que consideramos malo gárdase para lucir todo o, figuradamente, bo. Sonvos así nesta miña época. Lembro como choraba no sofá, desolada. Decorrera bastante tempo dende que coñecera a nova do pasamento e non acaecera reacción algunha. Había quen dicía, as súas costas –como toda persoa ruín–, que non lle debía importar a ausencia da avoa, que iso só pasa coas psicóticas. Tamén existía preocupación: pola miña parte, da súa nai, do seu pai, etc. E veulle de golpe, pobre. Lembro que houbo algún analfabeto emocional que intentaba interromper as bágoas. “Debemos xogar ás agachadas coas emocións negativas”, aseguraba o seu equivocado rostro. Menos mal que ela non lle fixo caso. Menos mal que marchou sen acadar éxito, erroneamente triste. A rapaza precisaba chorar e débese
48 | EVOHÉ respectar. Hai xente que entende que a empatía é empregar os métodos propios con todos, como se os sentimentos fosen tratados cunha táboa de exercicios. Non entenden ren da diversidade humana. Semanas despois da explosión de emocións, do descubrimento da Gadaña, insistíame con que non podía superalo, que xa non volvería estar con ela. Parolaba moito aqueles días. Eran tantos anos obviando un tema tan importante… Aconselleille falalo con alguén máis vello, con máis mortes nas súas costas, para ver se lle facía ver as cousas mellor ca min. Mais ela non quería conversalo cun maior e tampouco sei ben por que. Só me reclamaba a min. Intuiría que ía axudala, dalgún xeito, a atoparlle sentido a todo iso? Non o sei, non sei que ten sentido e que non. Ignóroo. Pediume que lle amosara o que fixera eu, pois levárao bastante mellor que ela. Contesteille que a min fodeume moito a morte, pero que a comprendía. Logo de conversar un anaco fomos ao monte procurar a rula que Cunqueiro esquecera coñecer. O poema gustoulle e fíxoo propio. Sentía que o escritor escribírao para que ela puidese comprender a morte. Parecido ao que di Ramón Gener sobre o seu pai convertido no bolero de Ravel, que tamén escoitamos. A verdade é que a rapaza faise querer. Ás veces penso que a instruín, un pouco, sobre a vida e resúltame descoñecido, incluso extravagante. Espero que lle servira de algo. Quédanlle anos de vida e ten entusiasmo por ser feliz. Agora considera que para logralo é preciso comprender as miserias. O seu novo mantra é “no esterco seméntase ledicia”. Seguro que consegue ser feliz, aínda que sexa a anacos. Na vida, como en todo quebracabezas, hai pezas para tódolos gustos.