Discurso do Reitor da Universidade de Santiago de Compostela Don Antonio López Díaz no Acto Académico de Apertura do Curso 2021-2022
Full text
1 DISCURSO DO REITOR – Antonio López Díaz APERTURA DO CURSO 2021-2022 Facultade de Medicina e Odontoloxía – 10.09.2021 – 12.00 h Vicerreitora da Universidade da Coruña, Vicerreitora da Universidade de Vigo, Vicerreitores de Investigación e Profesorado, Vicerreitoras e Vicerreitores. Secretaria Xeral, Prof. Estevez Toranzo, Xerente da USC, Ex reitores Villares, Villanueva, Casares, Viaño, Ex reitor Barja da Universidade da Coruña, Valedor da Comunidade universitaria. Delegado para o ensino medio, Presidenta da ACSUG. Decanas e Decanos, Directoras e Directores de Departamentos Institutos e centros de investigación, membros do Consello de Goberno, cargos académicos da Universidade. Alcaldesa de Lugo, Tenente Alcalde de Compostela, Xefe da forza loxística operativa, Fiscal Xefe do Tribunal Superior de xustiza, Presidenta do Consello da Cultura. Autoridades civis e militares, membros das forzas e corpos de seguridade. Profesorado, persoal de administración e servizos, estudantes, donas e señores.
2 As ansiadas obras de limpeza e restauración do Colexio de S. Xerome e do Pazo de Fonseca, particularmente no que afectan ao seu Claustro, impiden celebrar este acto no tradicional Salón Nobre. Si é gozosa a causa, xa que nos permitirá desfrutar do esplendor das súas pedras, frisos e brasóns, como fai moito tempo que non viramos, resulta tamén motivo de ledicia poder aproveitar esta ocasión para inaugurar formalmente este remozado Salón de Actos desta Facultade de Medicina acondicionado agora para poder ser utilizado como espazo docente neste contexto de limitación da capacidade das aulas. Moitas grazas Decano por todas as facilidades para organizar esta celebración. A rotación dos centros protagonistas deste acto de inauguración de curso atribúelle este ano o un papel destacado a Facultade de Bioloxía, que xa cumpre 45 anos dende a súa creación en 1977 a partir da Facultade de Ciencias, e que hoxe xestiona con éxito dous graos, un dobre grao a catro mestrado, grazas ao esforzo da súa comunidade universitaria e ao compromiso dos seus equipos decanais. En representación da Facultade, e cando levamos mais de ano e medio vivindo baixo os efectos desta dura pandemia, quixeron as circunstancias
3 nunha decisión que nin buscada sería mais acertada, que a intervención inaugural recaese baixo a responsabilidade dunha Catedrática de Microbioloxía. E así tivemos o pracer de escoitar a magnífica lección maxistral da Prof. Estevez Toranzo, que xa leva tempo sendo unha referencia do protagonismo das mulleres na ciencia, o que lle valeu, entre outros o Premio María Josefa Wonenbourger na súa edición de 2018. No ámbito da patoloxía de animais acuáticos ten acreditada unha exitosa traxectoria compatibilizando de xeito exemplar, docencia, investigación e transferencia dese coñecemento para o progreso social e económico. Hoxe foi quen de reflexionar sobre un concepto que adquiriu unha importancia esencial neste contexto de pandemia como é o de One Health resaltando o papel do benestar, a sanidade animal e a calidade dos alimentos para a saúde humana, para a redución do uso de medicamentos e como garantía da biodiversidade. Esa colaboración transversal da investigación e da ciencia de diversas disciplinas, que é clave para a saúde dos animais, dos seres humanos e tamén do noso planeta, é tamén un eixe esencial do noso Campus Terra, que vén de recibir a acreditación como campus de especialización, coa máxima valoración A e por un período de 4 anos, o que sen dúbida é unha magnífica oportunidade para reforzar, a través dun plan especial, a súa
4 oferta docente, os resultados da investigación e tamén a conexión co tecido empresarial e produtivo. E, se algo bo podemos recoñecerlle a esta calamidade que nos asola, oxalá sexa, como afirma tamén a prof. Estévez Toranzo, que a sociedade se conciencie, e eu engadiría que os responsables dos distintos niveis de goberno tamén, que só un investimento adecuado en ciencia e innovación permitirá atopar solucións a situacións deste tipo que, con certeza, se repetirán. Dicía no discurso de inauguración do curso 2020-21: Por iso, diante desta pandemia, estamos seguros de que sairemos adiante. Porque somos capaces, porque temos as ferramentas e a capacidade que nunca antes tivemos e porque a sociedade nos necesita. Está na nosa man estar á altura das expectativas e da confianza depositada en nós. Con distanciamento pero xuntos, con máscaras pero con voz, con absoluta colaboración e con autonomía responsable somos quen. Hoxe, un ano despois creo que todos podemos sentirnos satisfeitos polo papel xogado e polos resultados do pasado curso 2020-2021 que a Secretaria Xeral ven de condensar con precisión na súa memoria: Grazas ao traballo e á responsabilidade de todos, profesorado, persoal de administración e servizos, e estudantado, e coa fonda implicación dos
5 equipos directivos de centros e departamentos fomos quen de superar o reto académico e tamén o sanitario. Os espazos universitarios foron seguros e a comunidade universitaria presentou uns índices de incidencia substancialmente menores aos xerais da poboación. A poboación universitaria, e moi especialmente o estudantado, demostrou nos seus comportamentos unha responsabilidade non sempre recoñocida. Pero, máis ca iso, unha implicación decidida en todo o que se lle solicitou para afrontar a pandemia: dende a colaboración desinteresada pero imprescindible para xestionar cribados masivos e a súa participación nos mesmos como público obxectivo de moitos deles, ata a súa exemplar actitude solidaria para colaborar en proxectos como o Programa de Voluntariado COVID que puxemos en marcha na Univerisdade ou o Programa Higea, lanzado pola Cátedra Institucional de Cronicidade, que permitiu que os enfermos ingresados nos hospitais que non contaran con medios ou coñecementos, puidesen contactar telematicamente coas súas familias. Os e as nosas investigadoras seguiron e están a traballar na búsqueda de solucións terapéuticas e tamén preventivas a esta crise sanitaria, e os sanitarios, coa colaboración de outros colectivos, xustamente recoñecidos coa medalla de Ouro de Galicia, foron quen de facer realidade un proceso de vacinación que podemos considerar como exemplar.
6 Con esta ilusión iniciamos este curso 2021/2022 cheo de novos retos: Comezamos esta singradura preocupados aínda pola situación sanitaria, pero confiando que a gran novidade deste curso, a vacinación nunha altísima porcentaxe da poboación universitaria, que nos permite iniciar o curso con medidas suavizadas no que a distancia de seguridade se refire, nos pemirta albergar tamén a esperanza razoable dunha evolución positiva que nos achuegue cada vez mais á ansiada normalidade, caracterizada pola volta á presencialidade plena. É tamén un reto deste curso, e concretamente dos meses inmediatos, poder acadar un plan de financiamento para o quinquenio 2022-2026, que permita poder facer fronte ás funcións propias da Universidade (docencia, investigación, transferencia e difusión da cultura e o coñecemento), pero tamén para poder atender ás necesidades derivadas dos investimentos en infraestructuras, e para a transformación que se require para adaptarnos aos novos escenarios. Esta responsabilidade, á que se puxo cifra no solemne acto de inauguración do curso do SUG fai unha semana, no que se mencionaba a necesidade de mobilizar ( e as palabras son importantes) 3.000 millóns € en 5 anos, non poden facerse recaer de xeito principal sobre a limitada capacidade das Universidades para obter ingresos, senón que
7 require un compromiso decidido da Administración competencialmente responsable como é a Comunidade Autónoma. Por último, pero non menos importante, este curso vai ter lugar un proceso electoral tanto para as Eleccións de Reitor como para as de representantes no Claustro Universitario. Estamos, xa que logo, no inicio dun curso que pecha un ciclo que, no que atinxe ao Reitor, se iniciou en xuño de 2018. Un período marcado, sen dúbida, pola pandemia que se erixiu na protagonista da súa segunda metade obrigando a centrar o foco na adopción de medidas para adaptar as nosas actividades e facelas compatibles coa seguridade sanitaria das persoas. Aínda así, fomos quen de aprobar e desenvolver plans e accións para dar cumprimento aos compromisos adquiridos e á programación plurianual: a) Tiñamos e temos claro que un dos principais problemas que está a afrontar a nosa Universidade é o imprescindible relevo xeracional, tanto no que se refire ao persoal docente e investigador como ao persoal de administración e servizos. Para iso, púxose en marcha un plan plurianual de actuacións que permitiu dotar, nas primeiras tres anualidades (2019, 2020, 2021) 150 prazas de profesorado axudante doutor, como vía de incorporación principal para o desenvolvemento da carreira académica. Este programa complementouse coa incorporación de 24 profesoras e
8 profesores a través de distintas convocatorias para a incorporación de recursos humanos noutras figuras de profesorado. Ao mesmo tempo, apostouse pola estabilización do profesorado temporal, a través fundamentalmente da figura de profesorado contratado doutor (para o que se crearon 55 prazas), e tamén pola promoción na carreira académica como un dereito dos traballadores (creando 114 prazas de profesorado titular e 97 de catedrático de Universidade). As actuacións desenvolvidas ao longo destes tres exercicios completaranse no cuarto ano do mandato para dar así cumprimento pleno ao previsto. Esta é a reacción necesaria para evitar que un acelerado proceso de xubilacións poida poñer en risco a continuidade e a mellora continua nas nosas funcións de docencia, investigación e transferencia. O dito para o PDI serve tamén para aplicar ao PAS. Neste caso unha revisión profunda da nosa relación de postos de traballo que afectou a boa parte dos servizos fundamentais complementouse coas convocatorias de entorno a 400 prazas, tanto pola vía de acceso libre como de promoción interna. b) A redefinición da oferta docente é outro reto permanente da Universidade para adaptarse ás demandas da sociedade e ás preferencias do estudantado. A implantación de novas titulacións, cunha incidencia especial no campus de Lugo, permitiunos un cambio de tendencia do
9 alumnado de 1ª matricula, pasando de 4173 en 2018 a 4637 estudantes de primeiro ano neste curso no que andamos, o que representa un aumento dun 11% no xeral, pero mais dun 38 % nos datos do Campus Terra. Nese proceso seguimos, coa tramitación dun grao de Intelixencia Artificial (interuniversitario) previsto para comezar a implantarse no curso 2022/2023, ao que se engaden novas propostas de Master, algúns para ese mesmo curso, e a maioría para o 2023-204, e tamén programas internacionais como o da Universidade sen Fronteiras, froito dunha cooperación entre as universidades galegas e as do norte de Portugal. Ao mesmo tempo estase a iniciar a revisión dos estudos de Doutoramento, logo da refundación da Escola de Doutoramento Internacional, e tras os primeiros procesos de renovación da acreditación, para tratar de aproveitar ao máximo toda a nosa capacidade para formar novos doutores atendendo tamén as demandas que nos chegan dende fóra das nosas fronteiras. c) A investigación e a transferencia de coñecemento son esenciais no perfil da nosa Universidade e moi determinantes do noso posicionamento nacional e internacional, entre as 12 mellores Universidades de España e entre as 500 do mundo, onde non debemos esquecer que hai máis de 26.000. Vén sendo unha demanda reiterada a necesidade de estruturalizar o financiamento da investigación para que non dependa case en exclusiva