scieee AI-readable full text Open interactive document viewer

Creación da Escola de Doutoramento de Ciencias Biomédicas y Tecnologías de la Salud

Universidade de Santiago de Compostela. Consello de Goberno

Full text

CREACIÓN DA ESCOLA DE DOUTORAMENTO de Ciencias Biomédicas y Tecnologías de la Salud (Biomedical Sciences and Health Technologies) O Consello de Goberno de 17 de febreiro de 2010 aprobou a Normativa do Centro de Posgrao, Terceiro Ciclo e Formación Continua. No seu artigo 4.5 sinala que dependendo da Comisión de Doutoramento poderán organizarse Escolas de Doutoramento que terán como función a organización dos estudios de doutoramento, propoñendo cursos, organizando a oferta e analizando os resultados dos cursos impartidos. Tamén se sinala que ao fronte de cada Escola estará un director que formará parte da Comisión de doutoramento con voz pero sen voto. A Universidade de Santiago considera conveniente e necesaria a especialización dos estudios de doutoramento por ámbitos de coñecemento para así facer a oferta moito máis atractiva. Por outra banda esta especialización vai permitir unha mellor avaliación destes estudios e do seu grao de eficacia, co fin de ir mellorando esta oferta especializada. Deste xeito proponse a creación dun órgano complementario sen personalidade xurídica de seu para os estudios de doutoramento como son as denominadas Escolas de Doutoramento, modelo xa contrastado noutros países. Por todo o anterior, o Consello de Goberno da Universidade de Santiago de Compostela, na súa reunión do día 19 de abril de 2010, acordou: PRIMEIRO.- Crear a Escola de doutoramento denominada de Ciencias Biomédicas y Tecnologías de la Salud (Biomedical Sciences and Health Technologies). SEGUNDO.- Esta Escola terá como obxectivo principal a organización dos estudos de doutoramento nos seguintes ámbitos de coñecemento: - Investigación Biolóxica aplicable á saúde. ‐ Mecanismos Moleculares, celulares e xenéticos da saúde e a enfermidade. ‐ Innovación Terapéutica, deseño de fármacos e desenvolvemento de medicamentos. ‐ Investigación Clínica e Traslacional. ‐ Investigación en Ciencias Veterinarias. . TERCEIRO.- Con carácter inicial se integran os seguintes programas de doutoramento, impartidos na USC: ‐ Endocrinoloxía. ‐ Investigación e desenvolvemento de medicamentos ‐ Medicina molecular ‐ Neurociencia ‐ Atención integral da saúde ‐ Biotecnoloxía. ‐ Avances en bioloxía microbiana e parasitaria. ‐ Xerontoloxía. ‐ Investigación básica e aplicada en ciencias veterinarias. ‐ Condicionantes xenéticos, nutricionais e ambientais do crecemento e o desenvolvemento. ‐ Especialidades Medico-cirúrxicas. ‐ Psicoloxía clínica e Psicobioloxía. ‐ Ciencias Forenses e Patoloxía CUARTO.- O Consello de Goberno poderá aprobar a incorporación á Escola, doutros programas de doutoramento que o soliciten, previo informe da Escola. O Consello de Goberno poderá, así mesmo, aprobar a participación na Escola doutras universidades, institutos de investigación, institucións e entidades públicas ou privadas, nacionais ou estranxeiras que teñan actividades de I+D+I no ámbito da Escola. As condicións de participación plasmaranse nun convenio de colaboración que tamén deberá ser aprobado polo Consello de Goberno. QUINTO.- A Escola dependerá da Comisión de Doutoramento do Centro de Posgrao, Terceiro Ciclo e Formación Continua. A estrutura de goberno estará formada polos seguintes órganos:  Director, subdirector e secretario. O director será nomeado polo Reitor. O subdirector e o secretario serano tamén polo Reitor a proposta do Director.  Comité de Dirección da Escola O Comité de dirección estará formado polo director da escola e os coordinadores dos programas de doutoramento que se integren na escola. No caso en que na escola participen outras institucións alleas á USC deberá formar parte do Comité de Dirección unha representación das citadas entidades.  Comité Asesor Internacional Os seus membros deberán ser externos á USC, todos de recoñecido prestixio, e unha parte deles debe estar formado por membros estranxeiros. Encargarase do seguimento do cumprimento de obxectivos e emitirá recomendacións á dirección da Escola e á Comisión de Doutoramento do CPTF.  Subcomisión de calidade, que deberá garantir a calidade da formación impartida e da investigación realizada, en particular das teses de doutoramento.  Subcomisión de persoal, que deberá responsabilizarse de todos os temas relacionados coa relación dos investigadores en formación e os titores e directores de tese. As subcomisións traballarán no marco da dirección e coordinación e instrucións impartidas polo Comité de Dirección. SEXTO.- A escola rexerase por un regulamento de réxime interno que aprobará o Consello de Goberno. Este regulamento deberá contemplar:  A estrutura organizativa e de funcionamento dos órganos da Escola  As funcións e dereitos e deberes dos membros da escola: investigadores en formación, titores, directores, etc.  O procedemento de decisión sobre a oferta de proxectos de tese, así como da asignación de titores e / ou directores aos doutorandos.  O procedemento de rexistro do control das actividades de dirección, titoría e investigación.  Composición e réxime.  O sistema de proposta dos criterios de admisión e permanencia de doutorandos, do sistema de formación da escola, do sistema de seguimento da formación dos investigadores en formación e dos requisitos necesarios para presentar as teses. SÉTIMO.- De permitilo a lexislación vixente e no caso de considerarse estratéxico para os intereses da USC, a Escola poderá xestionar Másters dirixidos exclusivamente á formación investigadora. OITAVO.- A Escola poderá contar con recursos humanos e materiais, propios ou adscritos a outras unidades, que lle permitan o cumprimento dos seus obxectivos.