scieee AI-readable full text Open interactive document viewer

Investigar e divulgar os procesos de comunicación profesorado-alumnado a través do teatro

Casal de la Fuente, Lucía

Abstract

Ofrécese neste texto o proceso de organización dun encontro para profesorado co gallo de expoñer os resultados dun proxecto de investigación que une teatro, escola e familias. O aliciente para compartilo coa comunidade académica reside no feito de que poda chegar a servir de modelo para profesionais que nalgún momento opten por realizar un proxecto deste estilo ou podan recoller algunhas claves para ser quen de organizar con eficiencia encontros abertos á comunidade usando metodoloxías non convencionais para facelo e, quizais, tamén máis amenas

Full text

Correspondencia: Lucía Casal de la Fuente, lu[email protected] To do research and to divulge teacher-student communication processes through theatre Lucía Casal de la Fuente Universidade de Santiago de Compostela ResumR Ofrécese neste texto o proceso de organización dun encontro para profesorado co gallo de expoñer os resultados dun proxecto de investigación que une teatro, escola e familias. O aliciente para compartilo coa comunidade académica reside no feito de que poda chegar a servir de modelo para profesionais que nalgún momento opten por realizar un proxecto deste estilo ou podan recoller algunhas claves para ser quen de organizar con eficiencia encontros abertos á comunidade usando metodoloxías non convencionais para facelo e, quizais, tamén máis amenas. Palabras clave: arte dramática, educación infantil, formación continua profesional, investigación participativa, estratexias de comunicación. Abstract The process of organization of a meeting for teachers and educators with the aim to show the results of a research project that joins theater, school and families is expounded in this text. The incentive to share it with the academic community resides in the fact that it could serve as a model for professionals that in any moment opt for realizing a project like this one, or could gather some keys to be able to efficiently organize open meetings to the community using non-conventional (and perhaps more entertaining) methodologies. Keywords: theater arts, early childhood education, professional training, participatory research, communication strategies. Introdución “Milano – Infanzia e Linguaggi Teatrali” é un proxecto de investigación liderado por persoal da Università degli Studi di Milano-Bicocca e da Università Cattolica del Sacro Cuore-Milano, xunto con tres compañías de teatro (Alma Rosé, Teatro del Buratto eLa Fucina), que foi levado a cabo no período 2012-2014. Coa convicción de que o teatro ten unha función transformativa na escola e coa vontade de indagar na linguaxe teatral como medio de comunicación na relación profesorado-alumnado, este proxecto ten como obxectivos xerais (Antonacci, Guerra & Mancino, 2015): -Delinear propostas para promover a formación activa de profesionais da educación sobre linguaxes teatrais e valores educativos. -Formar profesionais capaces de utilizar o potencial pedagóxico do teatro tanto na didáctica habitual como na realización de obradoiros que teñan que ver directamente co teatro. -Fomentar o achegamento ao teatro a nenas e nenos como oportunidade de encontro con dimensións culturais menos usuais. Polo tanto, o proxecto navega nunha dimensión tridimensional (investigación-formación-acción), pois inclúe: investigación de campo, formación teatral e acción teatral -performance-. Con esta investigación tamén se pretendía profundar na linguaxe teatral como medio de comunicación na relación co alumnado, epicentro da presente comunicación, o cal permitirá ás e aos educadores (Antonacci, Guerra & Mancino, 2015): desenvolver a capacidade de “dialogar” co material usado; concienciar da propia forza creativa e artística; respectar e compartir, sen prevaricar os tempos e as formas de traballo doutras persoas; aumentar a autoestima e a crítica (como capacidade de confrontar); considerar a diversidade como riqueza e promover composturas de apertura; probar emocións, deixándose implicar activamente nas diferentes situacións; recoñecer o valor e a exclusividade de cadaquén para a construción de relacións interpersoais; recoñecer a importancia do traballo en grupo e reforzar a dispoñibilidade para a cooperación; e comprender e reelaborar mensaxes a través de diversos códigos. O que implica ao profesorado con respecto a este proxecto é moi relevante, pois dalgunha forma grazas ás sesións formativas capacitarano para a “lectura da linguaxe corporal [que para un/ha educador/a pode significar un] instrumento para comprender mellor os nenos cos que traballa e para comezar ou consolidar relacións significativas” (Guerra, 2013, p. 116). Partindo da escola como foco para estudar o rol do teatro nas relacións entre profesionais da educación e do teatro, alumnado e familias, ao abeiro deste proxecto organizáronse diferentes obradoiros de carácter formativo para adultos; teatral con e para nenas e nenos así como se organizaron e realizaron eventos abertos para familias e comunidade. Así, tentouse encamiñar un percorrido de formación e investigación para sistematizar as múltiples e heteroxéneas experiencias nos servizos e nas escolas para a infancia con respecto ao 6HOHFFLyQ\SHHUUHYLHZEDMRUHVSRQVDELOLGDGGHO*UXSRGH,QYHVWLJDFLyQ**,3'$(8QLYHUVLGDGHGD&RUXxD(VSDxD Investigar e divulgar os procesos de comunicación profesorado-alumnado a través do teatro REVISTA DE ESTUDIOS E INVESTIGACIÓN EN PSICOLOGÍA Y EDUCACIÓN ISSN: 2386-7418, 2015, Vol. Extr., No. . DOI: 10.17979/reipe.2015.0.0. CASAL DE LA FUENTE teatro e ás diferentes formas de teatralidade (Antonacci, Guerra & Mancino, 2015). Escolleron como escena principal 11 escolas infantís (0-6 anos) de tres zonas diferenciadas do concello de Milán-Comune di Milano, que colaborou co financiamento. Estas escolas foron: Scuole dell’Infanzia Martinengo,Monte Velino e Sulomona;Scuole Infanzia del Volga eMerloni;Asilo Nido Martini;Nidi Infanzia Senigallia eMerloni; e Scuole di via della Giustizia, Ragusa ePallanza. Os instrumentos usados para documentar e dar visibilidade a este proxecto foron o blog, o vídeo, as grellas e cadernos de observación e as entrevistas. Pero ademais, para espallar o traballo feito, darlle continuidade e crear espazos de restitución e visibilidade de resultados realizáronse dous seminarios abertos: o primeiro, na metade do camiño en outubro de 2013 e o segundo en xuño de 2014, como peche do proxecto. Esta comunicación está focalizada no primeiro seminario. Froito dunha estancia predoutoral no Dipartimento di Scienze Umane per la Formazione da Università degli Studi di Milano-Bicocca como investigadora en formación invitada, seguín moi de cerca a preparación do primeiro encontro aberto sobre o status quo da investigación, dirixido a profesorado. O obxecto desta comunicación é detallar as fases de preparación deste encontro divididas en: dúas reunións previas, o encontro en si e ofrecer unhas conclusións como observadora participante na acción. Método Apostouse por unha metodoloxía cualitativa para abordar os procesos de preparación do encontro do “ecuador” do proxecto. A través de reunións coas persoas multiprofesionais organizadoras foi posible conxugar ideas e transportalas á realidade. Consideramos as dúas reunións previas o vehículo que nos leva ao encontro aberto para profesorado, pois nelas tratáronse temas que deberían ser sintetizados e abordados en dito encontro. Participantes Na primeira reunión participaron 7 persoas: 2 actrices, 4 profesoras e 1 actor. Na segunda reunión estiveron presentes 11 persoas, das cales 2 eran actrices e 2 actores; o resto, docentes das universidades participantes. Ámbalas reunións estiveron coordinadas pola profesora Monica Guerra. No encontro para profesorado, participaron representantes das 3 compañías de teatro involucradas no proxecto, das universidades que o coordinan, un cento de docentes das escolas implicadas e personalidades varias do Concello de Milán. Instrumentos Para documentar as reunións e o encontro utilicei a fotografía, o vídeo, as grellas de elaboración propia para realizar a observación nos meus cadernos así como as entrevistas coas persoas coordinadoras do proxecto para aclarar dúbidas puntuais. Procedemento En ámbolos tres casos (2 reunións previas e o encontro en si) e en calidade de observadora participante fun recollendo os temas de intervención, as persoas que interviñan, as ideas que ían xurdindo do discurso e as decisións tomadas para co proxecto. A categorización e fiado de todo elo desembocou nos resultados. Resultados Primeira reunión Tivo lugar nun despacho do edificio U16 da Università degli Studi di Milano-Bicocca e estendeuse ás tres horas de duración. O eixo central que a ocupou foi o “estado da arte” da investigación e das sesións de intervención nas escolas. Nos subapartados que seguen ofrecemos as verbas máis destacadas categorizadas polos axentes a quen implican. O proxecto. Comezouse falando a título persoal das experiencias de traballo de todo un ano nas escolas, entre o que se realzou: -O desenvolvemento do proxecto: Ata a data (outubro 2013) fixéranse 6 encontros nas escolas de 2 horas de duración cada un: a primeira hora, dedicada ao alumnado e a segunda, ao profesorado. O proxecto está a aceirar os lazos e a forxa do sentimento de grupo. -A fundamentación teórica: O teatro nos nidi (escolas 0-3) foi moito menos observado e estudado que nas scuole infanzia (escolas 3-6). O grupo salienta o papel das emocións como coñecemento corpóreo. -Sobre a metodoloxía:Acordouse destacar unha actividade significativa por escola para a memoria do proxecto e a posibilidade de filmar e fotografar algunhas sesións de cara á xuntanza de documentación, ademais de seguir a utilizar a observación directa da práctica. Fixouse como número máximo 15 nenas e nenos por grupo nas scuole e 10 nos nidi. -A reflexión sobre a práctica: O grupo cuestiónase... “Que quere dicir suxerir unha proposta teatral para nenas e nenos de 24-36 meses? Cales son os obxectivos formativos para coas e cos formadores?”. Para elo propóñense preparar documentación nesta liña e acordar estas accións: oIdentificar as palabras clave da experiencia teatral, da reflexión grupal e as relacionadas coa reflexión educativa (é dicir, as reflexións das e dos investigadores). oComparar os exercicios planificados para as sesións e tentar ligalos ás palabras clave. oReflexionar sobre estes aspectos e tentar responder á pregunta: “Como cambian todas estas cousas? Para todo isto xurde a necesidade de elaborar un instrumento no cal poder recoller esta información categorizada, dispoñendo dunha columna baleira para escribir todo o que non estaba previsto. As e os profesionais do teatro. Subliñaron como óbices atopados: - As diferenzas ao traballar en asili nidi e en scuole dell’infanzia. - A dificultade de imaxinación do alumnado dos asili nidi. - Espazo insuficiente ou incómodo nalgunhas escolas. As escolas. Delas falouse sobre a vontade que mostraban de cara aos esforzos de implicar ás familias no 5(VW,QY3VLFR\(GXF([WU$ TEATRO E COMUNICACIÓN PROFESORADO-ALUMNADO proxecto. Comentáronse tamén en alto as valoracións enviadas por estas, que fixeron propostas como a división por idades dos grupos de traballo. Incluso dalgunha salientouse a súa situación, en fase de busca de estratexias para cambiar a imaxe da escola, decisión elicitada deste proxecto. Doutras dilucidáronse os informes que están a redactar para co proxecto, que inclúen as características do barrio e o panorama de teatralidade (celebración de representacións en datas especiais, como o Nadal...), o traballo con compañías externas… para vincular a actividade co proxecto educativo do centro. As familias. Dalgunhas escolas non se tiña moita información, pero doutras asentiuse a colaboración xeneralizada das familias para co proxecto. Con aquelas que non se implican tanto quizais sería unha boa idea aproveitar a festa do Nadal para envolvelas para co teatro, pois as celebracións sempre se prestan máis para a cooperación. Segunda reunión O lugar de celebración da reunión anterior ao encontro co profesorado foi o mesmo ca o indicado no apartado “Primeira reunión” e tivo unha duración de tres horas e media. O encontro do 29 de outubro de 2013 foi o foco de atención principal dos acordos acadados. Categorizo a súa organización e toma de decisións nos subepígrafes que seguen. Finalidade xeral. Mostrar o status quo do proxecto ao profesorado dos centros participantes. Pensouse na posibilidade de invitar ás familias pero por acordo coa coordinadora técnica e pedagóxica do Sector Servizos á Infancia do concello acordouse focalizar o encontro no profesorado. Finalidades específicas: Presentar o equipo, expoñer as diversas achegas teatrais dos operadores implicados, así como compartir a nova fase de traballo. Trátase de expor a relación entre as escolas de teatro e a educación. Contidos. Unha das actrices apuntou a necesidade de presentar e explicar o que separa ao teatro en si do acto formativo, diferenciando entre a ficción e a verdade, tentando relacionar todo co teatro do social. Escada. Chegouse aos seguintes acordos para organizar o encontro: -Presentación do encontro: Orixe e estado actual do proxecto, no cal remarcar a inquedanza que nas dúas universidades organizadoras espertou sobre o teatro e a infancia, a cargo de Monica Guerra, en representación da Bicocca e Giulia Innocenti, en representación da Cattolica. -Teatro del Buratto: Intervención a cargo dun operador desta compañía. -Equipo sociolóxico do proxecto: Presentación do equipo e dos instrumentos utilizados na investigación. -Teatro Alma Rosé: Intervención a cargo dun operador desta compañía. -Equipo pedagóxico do proxecto: Presentación do equipo e da documentación pedagóxica. -Teatro La Fucina: Intervención a cargo de 2 operadoras desta compañía. O centro do discurso serán os obradoiros de formación. -Clausura: Intervención de personalidades diversas. Deixarase un espazo para preguntas. Lugar do encontro e decorado. Fixouse como espazo físico para o encontro o Laboratorio Teatrale Apollonio da Università Cattolica del Sacro Cuore-Milano, no canto de facelo nunha aula tradicional. Falouse de enchelo con estímulos diversos. Estipulouse abrir o encontro con música… O decorado definiuse baixo unha filosofía social que invitaría á participación do público asistente. Invitacións especiais. Considerouse a posibilidade de invitar ao encontro a persoeiros destacados. O profesorado. Foi convocado por correo electrónico para o encontro do día 29 detallando contidos e cita. Dialogouse sobre o seu papel con respecto ao das operadoras e operadores teatrais: o profesorado ten que acompañalos sen entremeterse ou ter autoridade no transcurso dos obradoiros. Deste xeito pódese traballar dun xeito máis directo o xogo simbólico, pois o profesorado torna un alumno, por iso é relevante concretar este rol co profesorado. O proxecto. Argumentouse sobre aspectos como: -Número de prazas nos obradoiros das escolas: Ata un máximo de 80 entre alumnado, nais, pais e profesorado. -A voz do profesorado: Algún ensinante manifestou a súa vontade para participar nos obradoiros do alumnado co fin de coñecer mellor o proxecto. Este feito foi tomado en conta para retomalo máis adiante. -A fundamentación teórica: Da documentación pedagóxica resaltouse a necesidade de precisar os porqués da utilización e recollida de certo material. Recursos necesarios. Proxector, ordenador portátil, cámara de vídeo e blog como ventá á sociedade. Ao blog dedicóuselle un tempo máis específico e sobre el considerouse: - A redución do texto nas entradas. - A importancia de que figure debaixo do título (Altea-Blog) o subtítulo “proxecto de investigación”, así como que figure o Concello de Milán como motor do financiamento do proxecto. - Consideración de engadir as fotos individuais e de grupo das persoas que organizan este proxecto e un breve currículum. - Dous grandes apartados do blog: oAs páxinas: É a alma máis “sólida” do blog, a parte máis teórica (e estrutural) que fai comprender a quen entra no blog de qué se está a falar e de qué se fala nos post, onde se indican as partes fundamentais do proxecto, escrito cunha linguaxe específica (pedagóxica e sociolóxica). Serán 8 páxinas: premisa (por que e como nace a pretensión do proxecto), suxeitos implicados, obxectivos, actividades, formación para ensinantes, metodoloxía e palabras clave. Contémplase a opción de inserir un apartado sobre instrucións para o uso do blog, entrevistas, bibliografía de referencia, etc. oOs post: É a parte máis “móbil”. A subdivisión podería facerse con etiquetas con linguaxe “poética”. 5(VW,QY3VLFR\(GXF([WU$ CASAL DE LA FUENTE O encontro Descrición do espazo: o Laboratorio Teatrale Apollonio preparado para a ocasión. Trátase dun espazo cuberto con moqueta para cuxo acceso a xente debe descalzarse. Na entrada xusto á esquerda podíase ver un cartel grande branco que levaba por título “Laboratorio-Scena”, a cuxo lado líanse as palabras “ideas teatrais, do laboratorio á escena”. Nese cartel e debaixo da palabra “ingredientes” só estaba escrita a palabra “investigación”, para que o profesorado puidera, durante e despois do encontro, escribir as palabras que a presentación lles suscitara, habendo ao lado rotuladores que se podían utilizar para elo. Dende a entrada e cara ao fondo visualízanse unha especie de escadas para sentarse. Fronte ao “Laboratorio-Scena”, un gran panel branco baleiro. Ao seu carón, unha explicación que dicía así: “PALABRAS, PALABRAS, PALABRAS… ingredientes: calquera cousa coa que escribir, follas, unha ou máis palabras. Deixade fluír libres os pensamentos e as imaxes e creade conexións con outros pensamentos e imaxes. Poucos minutos de cocción e xa está lista unha historia con máis mans, ou mellor, con máis cabezas, que non leredes e ningún outro libro”. Xusto debaixo había uns rotuladores dispoñibles e unhas cartolinas negras para escribir nelas as ideas. Logo, coa axuda dunhas pinzas había que colgalas en tal panel. Á beira, 2 mesas pequenas con diferentes materiais: tesoiras, pinturas, rotuladores, cartolinas brancas, pinzas, cola, pequenos acuarios con bólas de decoración no seu interior, trociños de papel crepe de varias cores… e unha tea branca translúcida que colgaba do teito. A explicación deste recuncho estaba recollida nun folio que contiña estas palabras: “SEÑA E MATERIAIS. Ingredientes: materiais simples, creatividade, ganas de experimentar. Deixádevos guiar polos materiais comúns, observade a forma e a cor, tocade a consistencia. Que sabor terá o papel crepe vermello? Fresa? Engadide un pouco de creatividade, o que faga falta, e experimentade… Non sempre chegaredes a obter o efecto desexado, pero seguramente o que realizastes é único e orixinal”. Á esquerda cerca das escadas estaba a parte máis musical do laboratorio: 3 mesas, unha encima doutra e a terceira xusto pegada. Nas 2 primeiras había unha bóla de tenis, 2 buxainas e varios instrumentos de percusión: unha pandeireta, campás, etc. Na outra mesa podíanse ver 2 pequenos acuarios con bólas de cores dentro. Un texto que acompañaba este recanto o explicaba: “A MÚSICA DOS SONS. Ingredientes: instrumentos, obxectos de todo tipo, corpo, voz. A música reprodúcese con calquera ‘cousa’, polo tanto collede calquera cousa coas mans ou cos pés e facédeo soar. ATENCIÓN! Se facedes soar o corpo non esaxeredes! Intentade utilizar os instrumentos musicais de xeito non convencional”. Ao fondo víanse dous pares de cortinas, os camerinos das actrices e actores así como tamén o último recuncho, que quizais era o que máis chamaba a atención: unha larga alfombra suave de diferentes cores e redonda ocupaba toda unha esquina. Á súa esquerda, un gran cubo tamén mórbido, colorido e acolchado. Á súa dereita, un atril grande e azul cun libro de homónimo tamaño e titulado “Capuccetto rosso, verde, giallo e bianco”, despregable para usar en representacións teatrais infantís. Entre o cubo e este atril, pero sen pisar a alfombra, víase outra especie de atril no que estaba apoiado outro libro xigante titulado “Una fame da lupo”. Debaixo del, varios contos. Ao despregar a portada, víase un lobo corrente e ao despregar a outra parte do libro, víase como o lobo tiña dentro da barriga unha galiña, unha ovella, un paxaro e un rato. Todo este material era dos actores e actrices, feito polas súas respectivas compañías, e que utilizaban para as representacións. E xusto ao fondo á esquerda, atopábase un aparato de música, un ordenador e un proxector. Últimos detalles. As persoas organizadoras do evento sentámonos na gran alfombra para revisar a escada, axustar os tempos, as diferentes intervencións e fixar a próxima reunión. Na parede, proxectábase o título do encontro: “Altea, un proxecto de formación e investigación sobre as linguaxes teatrais na escola infantil”. A chegada do profesorado. Con música de fondo, o profesorado entra e explora a aula con aire curioso, a decoración, o material… interactúa con el, le as mensaxes explícitas, etc. O decorrer do acto. O acto seguiu unha liña moi teatral, en harmonía coa lóxica do proxecto, o que fixo da longa presentación unha entretida tarde, non perdendo por elo a debida seriedade. O transcorrer do encontro seguiu fielmente as fases descritas na escada. -Presentación do encontro: Abre o encontro a profesora Giulia Innocenti e Monica Guerra encárgase de situar na data actual o proxecto e de facer un resumo do que se veu traballando ata a data. -Teatro del Buratto: Un actor le e interpreta contos infantís dun xeito moi atraente, coa axuda dos 2 libros enormes antes citados. Destaca que este material é moi bo para achegar a infancia á lectura e orienta o seu discurso aos vencellos entre o espectáculo e o xogo. -Equipo sociolóxico: Tres persoas preséntanse como o “equipo de documentación sociolóxica” despuntando o valor do teatro para transformar a sociedade. Expoñen os resultados do seu traballo con respecto ao proxecto, co apoio dunha táboa sinóptica que recolle informacións relativas á escola segundo a percepción e coñecemento do profesorado. Nela figuran as diferentes escolas que compoñen unha unidade educativa, contando cada unha destas últimas cunha ficha de elementos, compilada e actualizada durante a primeira fase do proxecto, entre abril e xuño de 2013. As informacións incorporan datos sobre estas 6 áreas: a escola ou nido (número de alumnado e profesorado, de aulas, de equipos, número de alumnado con hándicaps, porcentaxe de alumnado de orixe estranxeira, etc.); a experiencia teatral (recursos presentes no centro con respecto ao teatro, espazos, tempos, competencias, tradicións, etc.); o contacto/relación centro-familia; a experiencia festiva (recursos no centro para realizar actividades de festa, espazos, tempos, competencias, procedementos, etc.); os contactos co territorio de referencia da escola (os contactos presentes e pasados da escola con diversos entes do territorio, tanto públicos como privados); e a formación (percorridos realizados sobre teatro, recursos e competencias, necesidades 5(VW,QY3VLFR\(GXF([WU$ TEATRO E COMUNICACIÓN PROFESORADO-ALUMNADO formativas, etc.). Así, non se trata tan só dunha “cartografía” realizada a través da análise de fontes documentais ou estatísticas, senón dun cadro que recolle e confronta os coñecementos que o corpo educativo expresa respecto da escola, estimulando a percepción e a síntese dalgúns elementos inherentes ás actividades do proxecto nos seus dous focos: a experiencia da teatralidade como recurso pedagóxico e en relación cos diversos suxeitos que compoñen a comunidade escolar territorial. A ficha foi pensada na súa estrutura para valorar o punto de vista do profesorado en servizo e os datos sobre o centro en relación ás 6 áreas arriba citadas. Isto permitiu orientar as actividades de formación, sendo un estímulo de reflexión para o equipo do proxecto. Tamén serviu de base para o trazado das entrevistas en profundidade a docentes: ata a data fixéranse 11. Aínda atopándose en fase de análise, adiantaron que nelas resaltaba especialmente a falta de vencello experiencia teatral-territorio-actrices/actores; mais as ideas de liberdade, disciplina e emocións positivas foron igualmente realzadas. -Teatro Alma Rosé: Cun aire irónico e cómico un actor ofreceu un monólogo sobre Milán: a crítica á burocracia á hora de presentar un proxecto e o teatro como ferramenta para cambiar o mundo, un mundo no que se fale nas escolas de creatividade, de cultura e de crecemento, e como instrumento de creación de relacións e das posibilidades de espremer as emocións a través do corpo e da voz. Fíxose un chamamento ao profesorado para recalcar que o teatro está para apoiar o seu traballo, fomentar a participación e crear vínculos coas familias. -Equipo pedagóxico: Tres persoas precisaron as diferentes partes da documentación pedagóxica: a escrita (onde se destaca a reflexión); a online (a través do blog, que constitúe un “megáfono” de partillar ideas); e a cinematográfica (da cal se destaca a importancia dos cambios nos espazos e no movemento). -Teatro La Fucina: Dúas actrices explicaron as características dos laboratorios teatrais formativos, que os etiquetan de “democráticos” e de ratio limitada. No que máis insisten é no que se precisa para aproveitalos, que resumen en 3: xogo (divertimento), transformación (disfrazarse, etc.) e experimentación, ideas que se complementan cos conceptos de coraxe, curiosidade, investigación, empeño, traballo con consciencia e sorpresa (sorprender e deixarse sorprender). -Clausura: Interveu en primeiro lugar Maurizia Pagano, responsable da coordinación técnico-pedagóxica do Sector Servizos á Infancia do concello de Milán. Centrou o seu discurso no investimento que fixo o concello neste proxecto, por crer nel e sobre todo na transferibilidade que pode chegar a manar del. En segundo lugar interveu o director científico da Cattolica, que orientou a súa disertación cara á representación da pedagoxía transformativa, unha pedagoxía capaz de imaxinar que se poden cambiar as cousas, para que a infancia siga tendo dereito a soñar, vinculando todo elo co fin último de traballar por unha cidade mellor. Conclusións Nesta comunicación faise fincapé na lóxica e importancia da implicación e conexión de traballo de todos os axentes educativos en proxectos deste calibre. O teatro, como utensilio para facer medrar tanto ás persoas como á sociedade, dende logo, ten un camiño longo por diante para explorar. As achegas que poden facer as e os artistas no mundo educativo poden ser infinitas. Por citar un punto feble, que habería que contrastar en todo caso co equipo, como investigadora e observadora participante faltoume a perspectiva do profesorado, é dicir, a súa voz, a súa intervención e participación máis directa: que expresaran dúbidas, comentarios, que compartiran e contrastaran experiencias… non tanto a través da escrita, como o atrezzo invitaba, mais coas súas verbas orais, para evitar a imaxe bastante unidireccional que caracterizou o encontro. Non obstante, quedou patente que co traballo fiado de varias equipas dentro do mesmo “paraugas”, é posible facer chegar os resultados palpables a calquera tipo de público, estea ou non tan somerxido no ámbito académico ou investigador. Como punto forte, e así quixera pechar este escrito, destacaría a tentativa de chamar a atención en intentar rachar o estereotipo que temos inculcado de formalidade á hora de realizar presentacións académicas en público: a calidade das mesmas non ten por que minguar se as facemos máis amenas recorrendo ao teatro ou a calquera outro tipo de arte que permita cumprir o obxectivo e chegar ao público, pois en definitiva, é do que se trata. Por último, agardo que esta experiencia poida servir de guía para quen queira darlle a volta á tortilla e mudar os encontros escola-comunidade-investigación (ou outros doutra magnitude) dun xeito máis estimulante e creativo. Referencias Antonacci, F., Guerra, M. & Mancino, E. (coord.) (2015). Milano – Infanzia e Linguaggi Teatrali. Documentazione del progetto realizzato grazie a un finanziamento 285/97 del Comune di Milano. https://goo.gl/fuXvzs Guerra, M. (2013). Corpi in gioco. En M. Guerra (coord.), Progettare esperienze e relazioni (pp. 111-118). Parma: Edizioni Junior. Agradecementos Agradezo á Dra. Monica Guerra, profesora do Dipartimento di Scienze Umane per la Formazione "Riccardo Massa" da Università degli Studi di Milano-Bicocca polo cálido acollemento durante a miña estadía en Milán; así como tamén a todas as persoas que traballaron no proxecto “Milano–Infanzia e Linguaggi Teatrali”: tanto o equipo docente e investigador como o equipo de actrices e actores profesionais. 5(VW,QY3VLFR\(GXF([WU$