scieee AI-readable full text Open interactive document viewer

Recensión "Trabajo y protección social del autónomo. Un estudio sobre su precariedad"

Gil Otero, Lidia

Abstract

Recensión de la monografía de Inmaculada Ballester Pastor, "Trabajo y protección social del autónomo. Un estudio sobre su precariedad", Atelier (Barcelona, 2016), 174 págs.

Full text

ISSN: 1696-3083, Revista Galega de Dereito Social -2ª ET- (4,2017), pp. 217-234 Recibido: 24/11/2017; Aceptado: 30/01/2018 TRABAJO Y PROTECCIÓN SOCIAL DEL AUTÓNOMO. UN ESTUDIO SOBRE SU PRECARIEDAD Autor: Ballester Pastor, I. Editorial: Atelier, 2016, 174 páginas "A protección social é, hoxe, para o traballador autónomo o modo de ser visible á sociedade". Con esta cita pódese plasmar a orientación da obra Trabajo y protección social del autónomo. Un estudio sobre su precariedad, escrita por Inmaculada Ballester Pastor, catedrática de Dereito do Traballo e da Seguridade Social da Universidade Jaume I de Castelló. Enmarcado no Proxecto de investigación financiado polo Ministerio de Economía e Competitividade Repensar a Seguridade Social ante a crise de emprego, este estudo centra a súa atención, dentro do amplo sector que conformaría o traballo autónomo, no denominado autónomo ou autónoma en precario do sector da industria e dos servizos, xeralmente pobre ou en risco económico, analizando en consecuencia os obstáculos diarios aos que está sometido ante a transformación dos mecanismos de protección social, para así poñer de manifesto unha falta de adaptación normativa incoherente coa diversidade do traballo por conta propia que, irremediablemente, desmotiva a permanencia dese traballador autónomo débil nun sistema de seguridade social no que se encontra desprotexido. A obra encóntrase dividida en catro capítulos e un epílogo. Nos diferentes capítulos, a autora, sempre dende a temática xeral do traballador autónomo en precario, aborda o fenómeno non só dende a perspectiva puramente legal ou normativa, senón que, poñendo de manifesto as deficiencias da lexislación laboral e social, é capaz de trasladar ao lector 218 RESEÑAS E RECENSIÓNS RGDS (4, 2017) un fiel reflexo dos problemas máis comúns que os devanditos traballadores poden sufrir, sen esquecerse ademais de achegar as súas propostas de reforma e/ou mellora ante este panorama tan complexo. O primeiro capítulo titúlase Emprego, traballo autónomo e protección social hoxe e nel, a través dos seus diferentes apartados, a autora pretende introducir e mostrar como a través das transformacións sociais as novas formas de traballo, e especialmente o traballo autónomo, foron evolucionando e redeseñándose, poñendo de manifesto novas necesidades aínda sen cubrir. Ben é sabido que a Revolución Industrial trouxo consigo un modelo fordista sustentado por un sistema de traballo en cadea cunha man de obra adoutrinada e remunerada sobre a base do seu rendemento, de modo que o modelo tradicional da relación de traballo protexido polo noso Dereito Laboral se configurou como aquel no que nos encontramos un traballador por conta allea unido ao seu empregador a través dun contrato xeralmente por tempo indefinido. En consecuencia, o traballo era (e é), por definición, o traballo dependente e asalariado, tendo o traballo autónomo por entón unha consideración marxinal en sectores como a agricultura, a artesanía, as profesións liberais... Non obstante, a partir dos anos 70, o "postfordismo" e a "empresa rede" trouxeron como máximas a flexibilización ou liberalización das relacións de traballo que conduciron á ampliación do traballo autónomo fronte ao traballo dependente nun ámbito máis profesional pero máis incerto. O traballo autónomo é un traballo independente que implica unha actividade que permite que aquel que a desenvolva obteña un lucro suficiente para subsistir. É evidente que a actividade autónoma trae consigo de forma irremediable unha maior liberdade e independencia, á vez que xera (ou non) unha serie de rendementos, razón pola cal os Estados a inclúen entre as finalidades das súas políticas de fomento do emprego. Bo exemplo diso pode ser o Plan de acción sobre emprendemento 2020. Relanzar o espírito emprendedor en Europa ou o Plan Anual de Política de Emprego para o ano 2016. O fomento do emprego RGDS (4, 2017) RESEÑAS E RECENSIÓNS 219 conséguese a través da actividade autónoma en dobre medida xa que, en primeiro lugar, o emprendedor se converte en traballador a través do autoemprego e, en segundo lugar, cabe a posibilidade de que ese emprendedor contrate traballadores asalariados. Con todo iso, a principal cuestión que se formula a autora é se, efectivamente, a nosa sociedade brinda un marco de protección social axeitado que incentive a que as persoas traballen para si mesmas e non para un terceiro. Cando facemos referencia ao traballo autónomo, sen decatarnos, facemos referencia a un colectivo excesivamente heteroxéneo no que se encontran integrados unha gran variedade de autónomos con diferentes situacións sociais e capacidades económicas. Mais alá de que poidamos contrapoñer a traballadores asalariados e pemes (que representan o 99,8% do noso tecido empresarial a febreiro de 2017 1 ) fronte a grandes empresas, o certo é que, ademais das diversas actividades profesionais que poidan desempeñar cada un deles, o que debería preocupar a un sistema de protección social son dous aspectos fundamentais: a motivación de cara ao autoemprego e a situación económica que se derive deste. En canto ao primeiro deles, a motivación, debemos atender precisamente ao contexto de crise económica que subxace no noso mercado laboral para así poder observar que, en numerosas ocasións, o autoemprego é simplemente unha saída fronte ao desemprego, o que a autora denomina "autónomos obrigados polas circunstancias". É esta necesidade a que dirixe a traballadores autónomos a buscarse un método de subsistencia sen contar con garantías sólidas, moitas veces encubrindo o que debería ser unha actividade por conta allea debido á flexibilización da dependencia en canto nota característica dos traballadores asalariados. Estamos a falar, sen ningún tipo de dúbida, da figura do falso autónomo que se enmarca na tendencia máis recente da fuxida do Dereito do Traballo. En ton crítico, a autora considera que a evolución das 1 http://www.ipyme.org/Publicaciones/Cifras-PYME-febrero-2017.pdf 220 RESEÑAS E RECENSIÓNS RGDS (4, 2017) características que definen a actividade autónoma e a actividade por conta allea non tivo un reflexo na normativa tanto laboral como de protección social, deixando así o colectivo conformado polo falso traballo por conta propia sen unha regulación fiable que o protexa en todas as súas vertentes, cuestión que xa viña advertindo e recollendo o Ditame do Comité Económico e Social Europeo, do 21 de marzo de 2013, sobre o uso abusivo do estatuto de traballador autónomo. Respecto á situación económica do traballador autónomo, non cabe dúbida de que nun mercado de bens e servizos nos encontramos con emprendedores de moi diferente capacidade económica entre si. Todos seguen conformando un colectivo, o dos traballadores autónomos, pero para os efectos de protección social, a profesora Ballester sinala, con gran acerto, que a finalidade dun sistema protector non é precisamente protexer profesionais que reciben elevados rendementos e xa teñen a súa vida resolta, senón que este debe poñer o foco de atención nos colectivos débiles economicamente. Non se debe pasar por alto que, con maior frecuencia, están a xurdir novos autónomos expostos a que a súa actividade autónoma poida desaparecer (profesionais que poñen en marcha unha start-up, transportistas, axentes de comercio...), destacando ademais a dependencia económica do profesional autónomo para co destinatario desa nova actividade. Sendo os elementos anteriores os principais aspectos problemáticos a ter en conta polo noso sistema, alcanzouse efectivamente unha regulación iuslaboral que non só os solucionase, senón que a maiores dese unha efectiva protección aos traballadores autónomos máis flexibles? Para responder a esta pregunta, o que se debería examinar sería, de forma lóxica, a normativa actual e ver que definición achega esta (ou non) acerca do que é un traballador autónomo. A esta tarefa dedica a autora o Capítulo II do estudo, titulado O traballador autónomo no ordenamento español. O traballo autónomo pode aparecer en moi diferentes vertentes e áreas do ordenamento xurídico español (Dereito RGDS (4, 2017) RESEÑAS E RECENSIÓNS 221 Mercantil, Dereito do Traballo, Dereito da Seguridade Social, Dereito Tributario...), de modo que non existe unha definición o suficientemente ampla que estude a devandita actividade en todas as súas facetas. Contar cunha definición sería máis que recomendable, e así o resaltou a Unión Europea na Resolución do Parlamento europeo, do 14 de xaneiro de 2014, sobre a protección social para todos, incluídos os traballadores autónomos [2013/2111 (INI)], xa que sen ela se aumenta o risco do falso autónomo. No noso país, as primeiras normas que empezaron a ter en conta a figura do traballador autónomo foron, precisamente, as normas reguladoras dos sistemas de protección social. Así, a Lei do 14 de decembro de 1942, pola que crea o seguro obrigatorio de enfermidade, e o seu regulamento de desenvolvemento incluíron os autónomos no ámbito de aplicación dos Seguros Sociais, esixindo como requisito que neles se puidese percibir, cuantitativamente, unha debilidade económica. Aínda que as devanditas normas non tivesen efectividade pola unificación e coordinación dos Seguros no ano 1948, nos Mutualismos tamén se outorgaba protección social ao autónomo, nun primeiro momento na Mutualidade Nacional de Previsión Agraria e na Mutualidade de traballadores do mar, se ben é certo que normativas posteriores ampliaron os devanditos beneficios a certos tipos de autónomos pertencentes a sectores de actividade determinados ata que, finalmente, se creou por Orde do 30 de maio de 1962 a Mutualidade de Traballadores Autónomos de Servizos, Industria e Actividades directas para o consumo. Esta protección social, xunto cos seus mecanismos, foi evolucionando ata a entrada en vigor da Lei de 28 de decembro de 1963 de bases de Seguridade Social, que incluía os autónomos no campo de protección social a través de Réximes especiais con diferente alcance en función do seu sector de actividade, aínda que actualmente o Réxime Especial Agrario quedou integrado no Réxime Especial dos Traballadores Autónomos e no Réxime Xeral. Deixando a un lado a evolución histórica, a descrición do traballo autónomo que pode realizar o Dereito do Traballo 222 RESEÑAS E RECENSIÓNS RGDS (4, 2017) bebe directamente da definición que realiza daquel o Dereito da Seguridade Social, de modo que, tomando como referencia os artigos 305 e seguintes do Texto refundido da Lei xeral da Seguridade Social (2015), o Decreto 2530/1970, do 20 de agosto, polo que se ditan normas para a aplicación e desenvolvemento do Réxime Especial de Traballadores Autónomos e a Orde de 24 de setembro de 1970, apareceu no noso país a Lei 20/2007, do 11 de xullo, do Estatuto do traballo autónomo (ESTA). Segundo a autora, tres eran os obxectivos desta lexislación: unha protección social do autónomo aproximada á protección do traballador por conta allea, o fomento da actividade profesional do autónomo e a creación dunha figura ex novo, o traballador autónomo economicamente dependente (TRADE). Non obstante, o mérito que se lle atribúe ao Estatuto é o de recoller unha regulación sistemática do traballo autónomo na Unión Europea. Segundo o artigo 1º ESTA son traballadores autónomos (...) as persoas físicas que realicen de forma habitual, persoal, directa, por conta propia e fóra do ámbito de dirección e organización doutra persoa, unha actividade económica ou profesional a título lucrativo, dean ou non ocupación a traballadores por conta allea (...). A autora recolle a posibilidade de que a actividade por conta propia se realice a tempo completo ou a tempo parcial dende o 1 de xaneiro de 2017 (a autora escribe en 2016), aínda que o certo é que a devandita disposición referente ao traballo autónomo a tempo parcial non ten prevista a súa entrada en vigor ata o 1 de xaneiro de 2019. En xeral, o concepto de traballador autónomo defínese, nas súas notas características, por contraposición ao concepto de traballador por conta allea, para evitar así o auxe dos "falsos autónomos", cuestión xa resaltada pola Recomendación n.º 198 OIT. Se un autónomo executa unha actividade profesional a título lucrativo de forma habitual, persoal e directa, en virtude do artigo 305 TRLXSS-15 estará obrigatoriamente incluído no campo de aplicación do RETA. Sen prexuízo de que a lexislación referente ao sistema de Seguridade Social contén mencións específicas que atribúen a condición de RGDS (4, 2017) RESEÑAS E RECENSIÓNS 223 autónomo a eses efectos por exemplo aos familiares colaboradores ou aos socios industriais, o que salta á vista é que, dada a conexión entre as normas de protección social e as normas laborais, non se logrou un concepto de traballador autónomo que alcance a todos os ámbitos do Dereito. A simple vista, as características da actividade autónoma poden resultar sinxelas: a actividade debe ser realizada a título lucrativo, de forma habitual, persoal e directa. Non obstante, a autora ao longo da súa redacción vai poñendo de manifesto os posibles problemas que estes termos poden xerar en canto conceptos xurídicos indeterminados. A habitualidade é unha nota que non resulta doada de medir neste ámbito, tendo en conta que nunha actividade autónoma non existen xornadas declaradas nin rendementos mínimos. Ao non existir un criterio fixado pola lei, este tivo que ser suplido pola xurisprudencia, como ben analiza a Sentenza do Tribunal Supremo (Sala do Social) do 29 de outubro de 1997. Así, a habitualidade non esixe que a actividade profesional sexa un medio fundamental de vida para o traballador autónomo, senón que debe conectarse coa continuidade (sen confundir coa periodicidade). Ante a imposibilidade de acudir a parámetros temporais, para analizar esa habitualidade pódese acudir a datos como a percepción de rendementos económicos, concretamente o salario mínimo interprofesional (co perigo de deixar fóra ao autónomo de escasas rendas), así como a existencia de contratos, o ingreso de impostos como o IAE, o feito de que un establecemento do que se é titular permanecese aberto... chegando finalmente á conclusión de que esta cuestión debe ser estudada de forma casuística. Sumado á habitualidade, a actividade autónoma debe ser persoal e directa, o cal pode resultar conflitivo en supostos de pluriactividade, tendo en conta ademais que a normativa permite o cobramento da xubilación e a execución de traballos, así como o cobramento de pensións ou prestacións acumuladas. O realmente importante é que a actividade autónoma estea a ser executada a través dun traballo efectivo, considerando a Sentenza do Tribunal 224 RESEÑAS E RECENSIÓNS RGDS (4, 2017) Supremo (Sala do Social) do 21 de xullo de 2016 que o mantemento da afiliación e a cotización ao RETA non equivale a realizar a actividade autónoma. A autora conclúe poñendo de manifesto a necesaria praxe xudicial no labor de completar a actual descrición da actividade autónoma, non sen antes resaltar os efectos perniciosos que trae consigo unha doutrina xudicial puramente casuística. No Capítulo III, titulado O traballo autónomo dependente económicamente e a súa protección social, a autora dedícase a analizar en profundidade esta categoría de novo cuño, destacando as súas notas características, a súa finalidade, as súas condicións laborais, os seus obstáculos, a súa protección social... para ofrecer así unha visión moi ampla desta. Como se comentou con anterioridade, o colectivo dos traballadores autónomos é moi diverso entre si, e observouse nel unha submodalidade de traballo autónomo dirixido cara a un único cliente do que o traballador depende economicamente. Así, países do noso ámbito tales como Italia, Alemaña ou Reino unido empezárono a recoller na súa normativa. En España, a figura do traballador autónomo dependente economicamente apareceu no ano 2007 da man da Lei 20/2007, do 11 de xullo, do Estatuto do traballo autónomo. Para que un traballador autónomo teña a condición de TRADE, evidentemente debe realizar unha actividade económica ou profesional a título lucrativo e de forma habitual, persoal e directa, pero en virtude do artigo 11º ESTA este debe, en primeiro lugar, desempeñar a actividade só, de forma persoal, e baixo as ordes dun único cliente, sen poder subcontratar parte da actividade ou contratar persoal auxiliar. Só poderá contratar o TRADE un substituto durante un período máximo de 12 meses a tempo completo se é unha autónoma embarazada en situación de risco por razón de embarazo ou risco durante a lactación ata os nove meses do menor, ou se suspende o seu contrato en períodos de descanso por maternidade, paternidade, adopción ou acollemento; e poderá contratar un interino a tempo parcial se o TRADE é coidador de menores de sete RGDS (4, 2017) RESEÑAS E RECENSIÓNS 225 anos ao seu cargo, ou se ten ao seu cargo un familiar en situación de dependencia ou cunha discapacidade. De xeito moi acertado, a autora resalta o feito de que un traballador autónomo que depende exclusivamente dun cliente será remiso a deixar un substituto á fronte do seu negocio, de modo que en realidade deberá seguir a traballar dirixindo o seu suplente e deberá seguir cotizando para non perder posibles prestacións futuras. Como segundo requisito, o TRADE debe executar de forma diferenciada a súa actividade respecto a do resto dos traballadores que presten servizos para o mesmo cliente, con criterios organizativos propios (sen prexuízo das indicacións do cliente), dispoñendo para iso de infraestrutura produtiva e materiais propios independentes dos do seu cliente, cando na devandita actividade sexan relevantes economicamente, e percibindo unha contraprestación económica en función do resultado da súa actividade, de acordo co pactado co cliente asumindo o risco e ventura. A través destas esixencias trátase de diferenciar o TRADE do traballador asalariado, negando a alleidade e a dependencia técnica ou funcional no desenvolvemento da actividade autónoma cun carácter lucrativo que pode quedar manifestado nun único momento, a diferenza do soldo ordinario dun traballador. Malia o anterior, o que realmente define o TRADE é que a actividade autónoma debe executarse para unha persoa física ou xurídica, o cliente, percibindo deste polo menos o 75% dos seus ingresos por rendementos de traballo. No cálculo desta porcentaxe débense incluír todos os ingresos totais percibidos polo traballador autónomo como consecuencia do traballo realizado para calquera cliente e os rendementos que puidese ter como traballador por conta allea en supostos de pluriactividade, excluíndo os rendementos de capital ou plusvalías derivados da xestión do seu patrimonio persoal e os ingresos derivados da transmisión de elementos afectos a actividades económicas. A autora chega á conclusión de que un TRADE pode compatibilizar o traballo autónomo co traballo por conta allea se os rendementos procedentes deste último non 232 RESEÑAS E RECENSIÓNS RGDS (4, 2017) RETA, independentemente da data do mes na que se inicie a actividade, pagando así a cota por mes completo. En materia de baixas e cesamento de actividade sucede algo parecido, prevalecendo a baixa formal sobre a baixa real. Así, se o autónomo non formaliza a súa baixa, a norma presume que segue traballando e, polo tanto, segue cotizando, aínda que cabe proba en contrario pola súa banda, pero en todo caso mantense a cotización ata o último día do mes natural. Segundo a autora, a protección que teñen os traballadores autónomos é inferior á do resto de traballadores, precisamente porque as cotas pagadas por estes profesionais non dependen dos seus rendementos, encontrándonos cunha cotización case homoxénea para o colectivo, calquera que sexa a capacidade económica, duración ou estabilidade do negocio, necesidades sociais... En realidade, non sería tan complicado establecer cotas de cotización sobre a base dos rendementos obtidos, xa que estas contías se poden controlar a través dos mecanismos impositivos. A cotización mínima universal, ademais, xerou moitas dificultades en actividades autónomas precarias, xa que a pesar das circunstancias a cota debe ingresarse, porque as lagoas de cotización poden xerar a perda ou redución de prestacións. No noso sistema plásmase un réxime privado de protección onde importa que o suxeito sufragase por si mesmo o dereito ao pagamento das prestacións e por iso a cotización mínima é negativa porque é excesiva e impide o pagamento en actividades autónomas precarias e, ademais, impide a operancia do principio de contributividade e solidariedade na medida que as cotizacións dos traballadores autónomos con grandes rendementos adoita ser precisamente esa cota mínima por non ser proporcional. Sen lugar a dúbida, unha rebaixa da cota mínima de cotización sería positiva pero, ademais, se debería buscar que o réxime de protección social se convertese nun réxime con finalidade impositiva e fiscal, ao igual que opera para o traballador por conta allea, permitindo así que as cotizacións dos traballadores autónomos con gran capacidade económica non mingüen as arcas do sistema dunha forma insolidaria e inútil. RGDS (4, 2017) RESEÑAS E RECENSIÓNS 233 Expostos os principais puntos críticos ao longo de todo o estudo, a autora continúa a súa reflexión no Epílogo, titulado Unha protección social con amplitude de miras: moito por andar. A evolución da sociedade actual e a implantación do aprender a aprender cambiou a consideración do traballo autónomo, non sen ver a outra cara da moeda. Os custos e a mercantilización do traballo trouxeron consigo un traballo precario onde, a cambio de maiores beneficios, se sacrifican aspectos tan importantes como a formación dos traballadores, a competitividade, e mesmo a súa protección social. Os autónomos e profesionais independentes teñen necesidades moi distintas e están sometidos tamén a riscos moi distintos, sendo un dos colectivos máis afectados pola crise económica. O traballo autónomo creceu e continuará crecendo, xa que é un mecanismo que fomenta o emprego: por unha parte, outorga emprego a traballadores sen ocupación e, por outra, xera emprego a traballadores asalariados a cargo do traballador autónomo. Nun actual modelo de traballo postfordista centrarémonos nas calidades persoais, a formación, a implicación dos traballadores, a rendibilidade dos negocios... pero na actualidade pequenas e medianas empresas dedicadas ao sector servizos contan con verdadeiros problemas para subsistir dada a incerteza que rodea ao seu negocio. Por iso, a protección social é aquilo que fai visible ao traballador autónomo na sociedade, e o certo é que os traballadores autónomos con escasos rendementos aínda seguen transitando polo mundo laboral ocultos. Este estudo axuda a reflexionar acerca de se os actuais mecanismos de protección social dos autónomos son positivos ou se, pola contra, existirían mellores alternativas. De aí que a autora, retomando a frase inicial, afirme que ante as novas necesidades quede moito por andar, sempre con amplitude de miras ante as carencias e os puntos conflitivos dun sistema de Seguridade Social onde os traballadores autónomos en precario sexan regulados de forma diferenciada e non a través de simples especialidades. 234 RESEÑAS E RECENSIÓNS RGDS (4, 2017) LIDIA GIL OTERO Universidade de Santiago de Compostela [email protected]