Regulamento do procedemento para a tramitación e modificación das titulacións oficiais de grao e máster da Universidade de Santiago de Compostela
Full text
1 REGULAMENTO DO PROCEDEMENTO PARA A TRAMITACIÓN E MODIFICACIÓN DAS TITULACIÓNS OFICIAIS DE GRAO E MASTER DA UNIVERSIDADE DE SANTIAGO DE COMPOSTELA (Aprobado polo Consello de Goberno de 17 de decembro de 2015) Dende que a Universidade de Santiago de Compostela (USC) aprobou as Liñas Xerais para a elaboración das novas titulacións oficiais reguladas polo Real Decreto 1393/2007, de 29 de outubro, de Ordenación das Ensinanzas Universitarias Oficiais (acordo da Comisión de Titulacións, na súa reunión do 9 de abril de 2008) así como o Procedemento para a tramitación das titulacións de Grao, Master e Doutoramento (Acordo do Consello de Goberno do 30 de maio de 2008) téñense producido importantes modificacións do marco normativo estatal (RD 861/2010, que modifica o RD 1393/2007; RD 99/2011, do 28 de xaneiro, que regula as ensinanzas oficiais de doutoramento, etc), autonómico (Decreto 222/2011, do 2 de decembro, polo que se regulan as ensinanzas universitarias oficiais no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia e a Orde do 20 de marzo de 2012 que desenvolve este Decreto), como da propia USC, co Decreto 14/2014, do 30 de xaneiro, polo que se aproban os Estatutos da Universidade de Santiago de Compostela (EEUSC). Os Estatutos da USC, na disposición transitoria 7.2, establecen o prazo de dous anos dende a súa entrada en vigor, para que o Claustro e o Consello de Goberno, no ámbito das súas respectivas competencias, procedan a adaptar as diferentes normas aos novos Estatutos. En consecuencia, e co obxecto de adecuar a normativa que regula as titulacións de grao e máster universitario a este novo marco normativo e dar cumprimento aos Estatutos da USC, é necesario proceder á revisión das normas que afectan á elaboración das titulacións de grao e máster universitario, e singularmente ao procedemento para a a súa tramitación na Universidade. I. Órganos responsables das titulacións oficiais de grao e máster 1. As facultades e escolas (en diante, centros) son as encargadas do deseño, planificación da docencia, organización e xestión dos estudos conducentes á obtención de títulos académicos oficiais de grao e máster. Correspóndelles a elas as funcións da elaboración dos plans de estudos das titulacións impartidas polo centro e a participación na elaboración daqueloutras compartidas por varios centros. 2. Os centros formularán as propostas dos plans de estudos correspondentes aos seus títulos e ámbitos de actuación no marco das normas emanadas do Claustro Universitario coa participación dos departamentos afectados. 3. Son competencias da Xunta de centro a elaboración e aprobación dos proxectos de plans de estudos das titulacións adscritas ao mesmo, así como a aprobación da proposta de implantación de novas titulacións oficiais.
2 4. Corresponde ao Consello de Goberno aprobar os plans de estudos, así como os criterios e o calendario que regularán a presentación de novas propostas de grao e máster, logo do informe da Comisión de Titulacións e Ordenación Docente delegada do Claustro. II. Propostas de titulacións e viabilidade 1. O Equipo de Goberno da USC e os centros, por iniciativa propia ou a proposta da/s Comisión/s de Título, poderán formular propostas de transformación das titulacións de grao e máster xa implantadas e das que son responsables, ou propostas de fusión de varias titulacións de grao e máster. As propostas enviaranse á vicerreitoría con competencias en titulacións. 2. No caso dunha titulación de grao ou máster ex novo, a iniciativa na formulación da nova proposta, ademais dos centros, poderá tomala o Equipo de Goberno da USC, os departamentos e os centros de investigación (institutos e centros singulares). A proposta deberá formularse ante a vicerreitoría con competencias en titulacións, e conterá a seguinte información: a) Denominación do título. b) Necesidade do título, tendo en conta a estrutura económica da Comunidade Autónoma, o seu mercado laboral e a existencia dunha demanda real da sociedade e dos estudantes. c) Interese e obxectivos da titulación, entre os que deberá figurar o seu carácter esencial e estratéxico que responda ás necesidades formativas e científicas do SUG e ás liñas estratéxicas e de especialización dos Campus da USC. Os obxectivos non poderán coincidir cos contidos noutros títulos oficiais existentes na USC para evitar a duplicidade. Os títulos de grao deberán diferenciarse en polo menos 90 ECTS (60 ECTS no caso de títulos de profesión regulada de enxeñaría técnica). No caso dos másteres a diferenciación deberá acadar o 60% das competencias e contidos. d) Carácter presencial, semipresencial ou non presencial da proposta. e) Docentes implicados na iniciativa, departamentos, áreas de coñecemento e, no seu caso, centros de investigación que poderían participar na oferta docente e que permitan acreditar a viabilidade inicial considerando os recursos existentes. f) No caso dunha titulación interuniversitaria, universidade coordinadora da proposta. g) Centro responsable da titulación proposta dentro da USC. No caso de titulacións interuniversitarias, centros participantes. h) Informe da Xunta do centro proposto como responsable sobre a viabilidade da proposta. i) Proposta xustificada de Comisión de Redacción, consonte se indica no punto III. 3. No caso dunha titulación conxunta (interuniversitaria) formulada a proposta dun centro ben a partir doutra titulación existente ou como proposta “ex novo” deberá presentarse, xunto á proposta indicada no apartado anterior, unha declaración de intencións do(s) reitor(es) das universidades participantes ou das vicerreitorías con competencia na materia. Nestas titulacións o procedemento a seguir estará regulado por un convenio interuniversitario.
3 4. A Comisión de Titulacións e Organización Docente, a proposta do seu presidente, deberá emitir informe de viabilidade en termos favorables ou desfavorables respecto das propostas que lle foron presentadas, e sobre a pertinencia académica do título e o seu aliñamento coas liñas estratéxicas e programación plurianual que ao respecto teña aprobadas a USC. 5. O Consello de Goberno, á vista do informe, acordará as propostas que teñen viabilidade para continuar a tramitación e elaborar o proxecto de memoria. 6. A vicerreitoría con competencia en titulacións dará publicidade entre a comunidade universitaria da USC, polo sistema máis acaído, respecto das titulacións de grao e máster cuxa viabilidade sexa aprobada polo Consello de Goberno para elaborar o Proxecto de memoria. III. A Comisión de Redacción 1. Aprobada a viabilidade de modificación/transformación dunha titulación, a Xunta do centro responsable do título ratificará a proposta de composición da Comisión de Redacción feita polos promotores da titulación ou proporá modificacións debidamente argumentadas e elevará a súa proposta ao Reitor para o seu nomeamento. No caso dunha titulación ex novo correspóndelle ao Consello de Goberno o nomeamento da Comisión de Redacción, para o que deberá ter en conta os centros, departamentos e, no seu caso, centros de investigación implicados na proposta e o centro responsable da titulación. Realizados os nomeamentos, a Comisión de Redacción procederá á elaboración do anteproxecto de memoria do título. 2. A Comisión de Redacción terá unha composición mínima de 5 membros e máxima de 10, entre os que estarán incluídos o presidente e secretario da comisión. En casos debidamente xustificados poderá formularse unha proposta de comisión con maior número de membros, considerándose aprobada coa resolución de nomeamento que corresponda. 3. A Comisión de Redacción estará formada por: • Un presidente. No caso de títulos interuniversitarios, a presidencia corresponderalle á universidade coordinadora da proposta. Nos demais casos, a presidencia corresponderalle ao responsable do centro que figura como responsable da proposta ou persoa na que delegue, que deberá posuír experiencia acreditada en dita titulación. • Unha representación de tódolos sectores, que deberá contemplar a participación dos distintos centros e departamentos que previsiblemente participarán na docencia, debendo ser asemade coherente coas peculiaridades académicas da titulación. • Un secretario elixido de entre os membros da Comisión, que levantará acta dos acordos da mesma. • O responsable de apoio á xestión de centros e departamentos do centro responsable do título. • Opcionalmente, poderán proporse suplentes que actuarán no caso de ausencia do titular. • No caso de titulacións que habilitan para profesións reguladas, deberá contarse con unha representación do Colexio Profesional que corresponda, e de non ser posible de profesionais de recoñecido prestixio do seu ámbito. Nos demais casos poderán participar, a proposta do centro e previa autorización da vicerreitoría con competencias en titulacións,
4 persoas alleas á USC para o seu asesoramento. En tódolos casos, participarán con voz e sen voto en calidade de asesores. • Poderá proporse a creación dunha Comisión Asesora Externa de carácter consultivo, a proposta do centro e previa autorización da vicerreitoría con competencias en titulacións, para que a Comisión de Redacción poida ter en conta a información dos egresados, colexios profesionais, empresas, e en xeral unha representación dos grupos de interese, dependendo das características do título proposto. IV Procedemento para a tramitación das solicitudes de novos títulos oficiais de grao e máster universitario 1. As propostas de titulacións de grao e máster que elaboren as comisións de redacción serán enviadas á vicerreitoría con competencias en titulacións para sometelas a exposición pública polos medios dispoñibles a tal efecto. Darase traslado do período de exposición pública ao Consello Social para que lles dea publicidade co fin de que os grupos de interese poidan facer as achegas que crean oportunas. 2. O prazo de presentación de alegacións durante a exposición pública dos borradores dos proxectos será de 15 días naturais. 3. A Comisión de Redacción, logo de finalizado o prazo de presentación de alegacións, e trala súa análise, elaborará o anteproxecto de memoria do título de grao ou máster consonte ao previsto no Anexo I do Real Decreto 1393/2007, modificado polo Real Decreto 861/2011, nos anexos da Orde da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, do 20 de marzo do 2012, e nesta normativa ou na que a estes efectos estableza a USC. 4. O anteproxecto de memoria do título elaborado pola Comisión de Redacción, así como as alegacións e os posteriores informes e propostas de dita comisión respecto das alegacións, será elevado á Xunta do centro responsable do título para o seu debate e aprobación. 5. O texto resultante será o proxecto de memoria do título de grao ou máster, que deberá ser enviado á vicerreitoría con competencias en titulacións para a súa revisión e pronunciamento logo da análise dos informes técnicos dos servizos competentes. A vicerreitoría informará á comunidade universitaria sobre este proxecto. 6. A vicerreitoría con competencias en titulacións dará traslado da memoria do título e dos informes técnicos elaborados polo servizo con competencia en xestión da oferta e planificación académica á Comisión de Titulacións e Organización Docente. 7. A Comisión de Titulacións e Organización Docente, para elaborar o seu informe, poderá solicitar unha presentación da memoria do título e aclaracións da comisión de redacción, convocar a quen estime necesario e solicitar o apoio de avaliadores externos. Tamén poderá formular suxestións de mellora ao proxecto para que a Comisión de Redacción considere a súa incorporación antes do pronunciamento do Consello de Goberno. En todo caso, as ditas suxestións deberán figurar no seu informe.
5 8. Co obxecto de que a Comisión de Titulacións e Organización Docente poida emitir o correspondente informe acerca da capacidade docente dos departamentos implicados na docencia do título do que se trate, xunto co proxecto da memoria deberá acompañarse unha proposta de adscrición das materias que configuran o título ás áreas de coñecemento que se propoñen para a súa impartición. No caso de ter previsto contar con persoal académico que non sexa profesorado universitario, a proposta deberá xustificar a necesidade deste persoal así como os custos e recursos cos que conta para a súa participación. V Aprobación da memoria dun programa de estudos e posterior implantación 1. O Consello de Goberno da USC, trala recepción do informe da Comisión delegada do Claustro, aprobará a memoria do título, de ser o caso, coas modificacións que estime oportunas para a súa tramitación ante o órgano competente da Comunidade Autónoma. 2. O Consello Social da USC emitirá informe, con carácter previo á súa proposta á Xunta de Galicia, respecto das memorias aprobadas polo Consello de Goberno, para proceder á súa tramitación. 3. O Reitor presentará a memoria co programa do plano de estudos da titulación de grao ou máster ante o departamento da Comunidade Autónoma de Galicia competente en materia de universidades para que proceda á emisión do informe previo de envío a verificación dos planos de estudos polo Consello de Universidades. 4. Trala emisión do informe previo por parte da Xunta de Galicia a USC tramitará, de ser o caso, a memoria do plano de estudos ao Consello de Universidades para a súa verificación, rexistro no RUCT, e correspondente publicación no BOE. 5 Unha vez verificada unha titulación de grao ou máster, solicitarase autorización para a súa impartición ao departamento da Comunidade Autónoma de Galicia con competencias en materia de universidades. VI Modificación da memoria dun programa de estudos de grao e máster 1. As propostas de modificación dos títulos oficiais de grao e máster deben ser froito do proceso de seguimento. Por este motivo, cada título oficial só se poderá someter ao proceso de modificación, como máximo, unha vez en cada curso académico, salvo circunstancias excepcionais debidamente xustificadas. O centro, ben por iniciativa propia ou por iniciativa das Comisións dos Títulos ou Comisións Académicas , unha vez feita a análise da oferta académica, poderá formular modificacións consistentes tanto na elaboración de novos títulos como na modificación dos existentes. Estas modificacións deberán ser aprobadas pola Xunta de centro. 2. Todas as propostas de modificación deberán estar sustentadas nas conclusións do proceso de seguimento do título e, polo tanto, deberán supoñer unha mellora do título que se pretende modificar. Non se poderán tramitar modificacións dos títulos cando estas coincidan cos procesos de renovación da acreditación.
6 3. As modificacións dos títulos coordinados por universidades do SUG, de acordo co que establece a ACSUG, clasifícanse en substanciais autorizables, substanciais non autorizables e non substanciais. • Substanciais autorizables: son os cambios no título verificado que afectan á estrutura do título pero non supoñen un cambio na súa natureza nin obxectivos. Deberán solicitarse ao través do proceso de modificación aprobado pola ACSUG e de acordo coa normativa que é de aplicación. Estes cambios deberán ser aprobados pola Xunta de centro. Os órganos encargados de elaboraren a proposta de modificación do título serán: a Comisión de Título ou a Comisión de Calidade do centro no caso dos graos, e a Comisión de Título ou Comisión Académica no caso dos másteres. • Substanciais non autorizables: son cambios substanciais que afectan á natureza e obxectivos do título e que non poden tramitarse mediante o procedemento ordinario de modificación. Só poden facerse efectivos solicitando a verificación dun novo plan de estudos e a extinción do plan implantado. • Non substanciais: son aqueles cambios menores que melloran o título e que se poderán implantar como resultado do proceso de seguimento do título. Estes cambios, á súa vez, poderán ser de dous tipos: a) que afecten á oferta de créditos de materias optativas, sempre que non repercuta na distribución global dos créditos entre materias obrigatorias e optativas que deba cursar o alumnado; b) que non afecten á oferta de créditos de materias optativas, ao tratarse de modificacións non substanciais que deberán implantarse como resultado do proceso de seguimento do título. En todo caso, deberán recollerse nos informes de seguimento e incorporarse á memoria do título cando se someta a un proceso de modificación ordinario. VII Aprobación das modificacións dos títulos e tramitación 1. As modificacións substanciais non autorizables serán tramitadas e aprobadas polos mesmos órganos que participan na tramitación dunha proposta nova de título. Nestas modificacións deberá procederse ao nomeamento dunha Comisión de Redacción a proposta da Xunta do centro. 2. As modificacións substanciais autorizables e as non substanciais que afectan á oferta de créditos de materias optativas deberán ser aprobadas pola Xunta de centro. O órgano encargado de elaborar a modificación será a Comisión do Título/Comisión Académica, de acordo co que estableza o regulamento de réxime interno do centro. Estas modificacións serán remitidas á vicerreitoría con competencias en titulacións que, logo da súa revisión, procederá á exposición pública durante un período de 10 días naturais para a presentación de alegacións. Finalizado o prazo de alegacións, a comisión que elaborou a modificación deberá informar sobre as alegacións e, de ser o caso, incorporalas ao título para a súa aprobación pola Xunta do centro responsable e, no caso de titulacións intercentros, informar ás Xuntas dos centros afectados polas modificacións, e posterior envío á vicerreitoría con competencias en titulacións, que dará traslado das modificacións á Comisión de Oferta Docente e Innovación Educativa delegada do Consello de Goberno para o seu informe e posterior aprobación polo Consello de Goberno.
7 Aprobada a modificación polo Consello de Goberno, darase traslado da mesma ao Consello Social para a súa posterior tramitación ao departamento da Comunidade Autónoma con competencia en materia de universidades, incorporando a documentación que ao respecto se establece na Orde da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, do 20 de marzo do 2012. Cando a modificación afecte á oferta de créditos de materias optativas, a comunicación ao departamento da Comunidade Autónoma farase cando haxa que facer mais modificacións para incorporar á memoria. Mestras tanto incluíranse no informe de seguimento. 3. No caso do resto das modificacións non substanciais, deberán integrarse nos informes de seguimento do título e incorporarse á memoria cando se tramite unha modificación seguindo o procedemento que se indica no apartado número 2 deste punto VII . VIII Criterios e calendario de presentación das propostas e de modificacións 1. Corresponde ao Consello de Goberno da USC, a proposta da vicerreitoría con competencias en titulacións, e logo do informe da Comisión da Titulacións e Programas de Estudos, a aprobación dos criterios para a presentación de novas propostas ou transformacións de títulos oficiais de grao e máster. 2. Igualmente, será o Consello de Goberno, logo do informe da Comisión de Titulacións e Programas de Estudo, o que aprobe o calendario e os prazos que serán de aplicación en cada curso académico para a tramitación tanto das propostas novas como das modificacións dos títulos existentes. 3. Serán excluídas por extemporáneas aquelas propostas que non cumpran os prazos aprobados para a presentación ou modificación de propostas. Non obstante, estas poderán volver a presentarse no curso seguinte. DISPOSICIÓNS ADICIONAIS Disposición adicional primeira: As expresións referidas aos cargos académicos e a certas responsabilidades, así como as de alumnos, estudantes e similares, entenderanse nun sentido xeral, sen identificación de sexo, polo que abranguen tanto o xénero feminino como masculino. Disposición adicional segunda: Este Procedemento dítase para dar cumprimento á disposición transitoria sétima dos Estatutos da USC. Disposición adicional terceira: Autorízase ao reitor ou persoa en quen delegue para ditar cantas resolucións sexan necesarias para o desenvolvemento deste Procedemento. Disposición transitoria primeira: Mentres no se constitúa a Comisión de Titulacións e Ordenación Docente que establece o artigo 33 do Regulamento do Claustro Universitario, continuarán desenvolvendo as súas funcións a Comisión de Organización Docente e a Comisión de Titulacións e Programas de Estudos. Corresponde á Comisión de Organización Docente emitir informe sobre a viabilidade das novas titulacións previamente á súa aprobación polo Consello de Goberno. Corresponde á Comisión de Titulacións e Programas de Estudos emitir informe sobre a viabilidade dos novos plans de estudo, previamente a súa aprobación polo Consello de Goberno, segundo o disposto no artigo 81.f) dos Estatutos.
8 Disposición transitoria segunda: No prazo de seis meses dende a publicación deste regulamento no taboleiro electrónico de anuncios da USC, os centros deberán adaptar a súa normativa e funcionamento ao que establece esta norma. Disposición derrogatoria Queda derrogada a seguinte normativa: O Acordo do Consello de Goberno, do 7 de xuño de 2006, polo que se aproba o Regulamento dos estudios oficiais de Posgrao da USC, no relativo ás propostas de títulos de máster. A Resolución Reitoral do 2 de abril de 2007, pola que se desenvolve o Regulamento de estudos oficiais de Posgrao, en relación cos órganos responsables na elaboración dos programas de máster e a súa tramitación. O Acordo do Consello de Goberno do 30 de maio de 2008 polo que se aproba o Procedemento para a tramitación das Titulacións de Grao da USC. O Acordo do Consello de Goberno do 30 de maio de 2008 polo que se aproba o Procedemento para a tramitación das Titulacións de Máster e dos Programas de Doutoramento da USC, en relación á tramitación de títulos de máster. Toda aqueloutra normativa que se opoña ao establecido neste Acordo.