Full text
441 III Xornada Universitaria Galega en Xénero Comunicación Violencia de xénero: persistencia e novas formas Área 3 Focalizar nos micromachismos para abordar a violencia de xénero nas escolas infantís Casal de la Fuente, Lucía Departamento de Didáctica e Organización Escolar Universidade de Santiago de Compostela [email protected] Resumo Dentro dos múltiples temas que se vinculan á violencia de xénero, entre os máis investigados destacan: o perfil de quen maltrata, as consecuencias da violencia de xénero, os programas de reeducación e terapia, as medidas de prevención e protección, etc. Nesta comunicación pretendo chamar a atención sobre un dos conceptos que máis difícil é, ao meu entender, de erradicar do día a día, que está presente en todas as comunidades (incluso na individualidade) e que non distingue de contextos nin de idades, comparecendo en todas as esferas que nos rodean: do lecer, familiar, laboral, educativa, etc. Estamos a falar dos micromachismos, que poden ser definidos como “feitos de control e dominación masculina” (Tena & Jiménez, 2007, p. 334) ou “prácticas de dominación masculina na vida corrente” (Fisas, 1998, p. 170). Dise deles que, ao estar tan “aceptados” socialmente, adoitan pasar desapercibidos aos sentidos das persoas. Precisamente por elo, neste escrito defendo a necesidade de traballar xa dende a escola, ámbito que me ocupa, o tema da violencia de xénero; partindo do máis pequeno detalle que a primeira vista pode semellar insignificativo. Violencia non só é o que nos entra polos oídos ou polos ollos, ou o que sentimos sobre a nosa pel a desgusto e intencionadamente... violencia tamén son aqueles pormenores que asumimos como “normais”, que practicamente nin chaman a atención cando se dan, e non fan senón acrecentar as diferenzas sociais entre mulleres e homes que, querendo ou non, vanse perpetuando de xeración en xeración.
442 III Xornada Universitaria Galega en Xénero Lucía Casal de la Fuente Palabras clave Violencia de xénero, micromachismos, educación, autoobservación, escola. Introdución A violencia de xénero verbera sen compaixón a nosa orbe. Non diferenza nin entre primeiro nin entre terceiro mundo. Simplemente zorrega. Non entendeu de estamentos nin de clases sociais; tampouco descifra os períodos históricos. A pesar dos esforzos e inversións (económicas, de tempo, formativas...) sobre a súa visibilidade –moi discutible, por certo-, na prevención, na información, na educación..., e aínda sendo cuestionable a súa suficiencia e eficiencia, non parece querer abandonar a humanidade. Expertas neste asunto (como Castillejo, 2014, p. 20) cualifícana como “unha das maiores lacras dos nosos días”. Fálase sobre os factores que a alimentan, que a sustentan... apúntase ás crenzas culturais en sociedades patriarcais e aos valores que se derivan delas... pero é isto suficiente para explicalo e sensibilizar ás persoas que cohabitamos no planeta Terra?. Sexa como for, a violencia de xénero está en todos os ambientes, pálpase e ninguén se libra de escoitar novas sobre ela, nin sequera as persoas máis maimiñas da humanidade, das cales acostumamos subestimar as súas capacidades. Xa non é que tentemos evitar temas considerados cando menos “desaprobados” nas nosas escolas, como docentes que traballamos na educación e na instrución; senón que somos nós quen, moitas veces, se esfuma detrás dos asuntos –así bautizados- “tabús”. É dicir, xa non é que silenciemos certos campos senón que nos agochamos tras eles. A realidade é que as nosas pequenas e pequenos poden falar sobre calquera cuestión, son capaces de pensar e expresarse, de acordo coas súas características e niveis de desenvolvemento. Para iso temos que propor eidos a discutir, fornecer información e ensinarlles a tecer as ideas, as opinións (e a xustificalas)... e en definitiva, a pensar. E pouco a pouco irán introducíndose na complexa tarefa de “intentar entender o mundo”, materia que, de feito, suspendemos moitas adultas e adultos. Un bo exemplo disto é “Ce n’est qu’un début” (Sólo es el principio, 2010), no que unha mestra francesa de Educación Infantil mostra a través deste documental cómo discutir libremente con nenas e nenos de 3 e 4 anos de idade sobre contidos que adoitan aparecer nos currículos de etapas educativas e formativas moito máis avanzadas. Deste xeito, outorgamos un voto de confianza a que aprendan a expresarse, a escoitarse, coñecerse e recoñecerse... a respectarse e reflexionar sobre temas moitas veces vetados nestas idades como a crise, a morte ou as diferenzas entre razas das que máis molesta falar, como a cor de pel.
Comunicación Focalizar nos micromachismos para abordar a violencia de xénero nas escolas infantís 443 III Xornada Universitaria Galega en Xénero Debemos/podemos afrontar o tema da violencia de xénero nas aulas de educación infantil? Eu defendo que si: si podemos, e si debemos. • Debemos, posto que a violencia de xénero é unha realidade que está á orde do día, e por pertencer ao noso mundo, temos que tratar o tema, sen escapar del, ao igual que podemos abordar unha catástrofe ecolóxica que poida chegar a devastar miles de hectáreas da nosa natureza, centros de familias ou calquera outro suceso (de actualidade ou non). As noticias e situacións lúgubres tamén forman parte da vida e dende logo que canto antes comecemos a tratar con elas, disporemos de máis facilidades para desenvolver a resiliencia e para forxar unha forte intelixencia emocional, mecanismos que nos permitirán vivir a vida máis felices e con máis recursos para dixerir estes procesos dunha forma o máis “normal” posible. Dende logo que “non [hai que] minimizar ou tapar a violencia” (Nogueiras, 2004, p. 197). • Podemos, porque ninguén coñece mellor que unha titora ou titor de aula ao seu alumnado para saber como facelo do xeito máis efectivo: en que momento procede introducilo, dentro de que proxecto, por onde comezar, como enfocalo, etc. Neste texto ofrécense algunhas ideas para traballala dende o concepto de micromachismo, mais tamén sería posible a suxestión do atallo desta temática dende outras ópticas. Conceptualización e exemplificación do micromachismo Tal e como definimos “micromachismo” na Introdución deste escrito, o concepto parece tan difuso que ata pode parecer irreal. Incluso quen o lea por primeira vez pode non entender nada, ou incluso non ser capaz de chegar a entreler a intención que hai entre os dous lexemas diferenciados que compoñen a palabra. Para poder situar o concepto, invítovos a facer unha reflexión: cando escoitades a palabra “violencia”, que é o primeiro que vos vén á mente? Posiblemente xurdan imaxes ou ideas que apuntan a pelexas, a insultos, a berros con intención de anular e avergoñar situacións ou persoas, a golpes, a sangue, a tiroteos... é dicir: apuntamos cara a unha violencia máis ben verbal ou física, que loxicamente acaba afectando á saúde psicolóxica das persoas, podendo inclusive chegar a falar de violencia ou maltrato psicolóxico.
444 III Xornada Universitaria Galega en Xénero Lucía Casal de la Fuente Mais en realidade existe unha obxectividade máis sutil e case invisible ou non tan doada de percibir ou de detectar, pero que non deixa de ser violencia, e por selo, entra dentro da mesma etiquetaxe. Estamos a falar dos micromachismos, que Tena & Jiménez (2007, p. 330) trazan como “mecanismos de control e dominación masculina que ocorren na vida cotiá”. Emporiso e para profundar máis no termo, recorreremos a quen o acuñou hai xa 20 anos, Luis Bonino, quen tomou o prefixo «micro» de Foucault cando este se refire ao poder e cómo este se infiltra polos intersticios da sociedade no seu conxunto sen distinción de persoas (Fisas, 1998). Polo tanto, Bonino (1995, pp. 195-196) refírese a este concepto como o abano de tácticas intrapersoais que practican os homes para soster o dominio e a súa presunta superioridade e supremacía sobre a muller. Trátase de microabusos e microviolencias que vulneran a autonomía da muller e que, ademais, están incorporados dentro da “orde social”. Os varóns son expertos nisto por efecto da súa socialización de xénero; socialización que, como sabemos, está baseada no ideal de masculinidade tradicional: autonomía, dono da razón, o poder e a forza, ser para si, e definición da muller como inferior e ao seu servizo. Chegando a este punto podemos preguntarnos: e isto que quere dicir? Exporemos algúns exemplos moi comúns e tan habituais, e que existen dende hai tantos anos, que incluso quen lea estas liñas pensará que estamos noutra órbita. Que se menosprece o labor doméstico como atender ás fillas e fillos e realizar as tan necesarias tarefas do fogar, polo feito de que non xeran cartos en limpo, é un micromachismo. Que a muller teña que ser capaz de atender as angueiras da casa á vez que traballa fóra do fogar, algo que do home xeralmente non se espera (ou moitas veces procuramos xustificar), é un micromachismo. Forzar unha situación para que a muller acepte algo co que non está de acordo só polo mero feito de que haxa tranquilidade no seu ambiente, é un micromachismo. Monopolizar os espazos da casa ao gusto e necesidades dos homes, tamén é un micromachismo. O “querer e non poder” sobre o cambio de hábitos e rutinas, é ante todo unha escusa, e por suposto, un micromachismo. E consecuentemente, as promesas de cambio sen consecuencia tamén son micromachismos. Os exemplos que aquí se ofrecen non están clasificados, pois non é obxecto da comunicación profundar nos micromachismos, pero por se fora de interese para a persoa que está a ler este escrito, Bonino (2004, pp. 98-100) diferénciaos en: utilitarios, encubertos, coercitivos e de crise, detallando máis exemplos e subclasificacións. Tena & Jiménez (2007) destacan especialmente o “micromachismo en crise”,
Comunicación Focalizar nos micromachismos para abordar a violencia de xénero nas escolas infantís 445 III Xornada Universitaria Galega en Xénero que soe utilizarse nos momentos de desequilibrio de mando nas relacións, como o aumento de autoridade ou poder na muller ou no desemprego masculino. Nestas etapas, o home, ao percibilas como ameazantes, pode aumentar a intensidade da microviolencia para repoñer o seu estatus: o feito de que se senta mal consigo mesmo e iso xustifique que fale mal á muller ou non fale directamente (ben sexa de forma puntual ou non), é outro exemplo de micromachismo. Pode dicirse que non son feitos que a priori fagan “demasiado dano”, quizais molesten no momento, pero logo parece que “xa se nos pasa” e admitimos que non hai cambio posible ou que tampouco é tan grave. Por iso Expósito (2011, p. 23) defíneos como “manobras normalizadas que desenvolven os varóns e que practicamente aceptan as mulleres”. Pero é que en realidade estas pequenas singularidades perpetúan patróns patriarcais, que están tan soterrados, que ata case pasan inadvertidos e incluso parece utópico pretender arrincalos de raíz. O próximo exemplo que porei poucas mulleres poderán dicir que non viviron: o piropo. Cando un home galantea, socialmente está “ben”, é “usual” ou ao menos é esperable ou non é demasiado sorprendente; e xustificámolo: “é lóxico ou normal que os homes adulen” e ata nos pode dar a risa frouxa e nerviosa nun primeiro momento. E cando o fai unha muller? Posiblemente se pense que ten necesidades sexuais inminentes ou que é unha descarada. Calquera que sexa o panorama dende o que se inspeccione, o piropo é un atentado á intimidade das persoas, trátese de homes ou mulleres. Ángeles Carmona, a presidenta do Observatorio contra a Violencia de Xénero do Consello Xeral do Poder Xudicial, afirmou nunha entrevista radiofónica que ninguén ten dereito a facer un comentario sobre o aspecto físico da muller [nin do home, engado eu], pois supón unha invasión á intimidade desta. E é que hai unha falta de respecto na sociedade en xeral pola imaxe da muller, e moitas actitudes cara a ela deben ser erradicadas (Abogadas para la Igualdad, 2015). Trátase principalmente, ao meu entender, dun acoso de rúa. Este caso ponnos diante que non só facemos eco dende o ámbito educativo ou social da necesidade de romper estes moldes. Acabamos de ver o exemplo de Ángeles Carmona, da área do Dereito. E desta mesma área é tamén de destacar a xuíza Estela San José (2014), que indica dende qué esferas é preciso actuar. A primeira que cita esta autora (p. 119) é a educación para a igualdade. A segunda, os medios de comunicación, que os separa da terceira, internet e as redes sociais. Sobre a educación para a igualdade, a que nos toca máis de preto, collerei outros exemplos de asuncións que temos nos esquemas sociais que nos fan actuar como tal e que, polo feito de telos asumidos e non cuestionalos constantemente (ou o suficiente),
446 III Xornada Universitaria Galega en Xénero Lucía Casal de la Fuente facilitan e conservan os micromachismos: “os nenos non choran, as bonecas son para as nenas, o neno ten que defender á súa mamá e ás súas irmás cando papá non estea, a toda nena chegaralle o seu príncipe azul” (p. 119)... Quen se atrevería a regalarlle a un neno unha boneca, e para máis inri, que vista de rosa? Nin eu mesma tería galadas para facelo, porque sei que só contribuiría a ferir a sensibilidade e a identidade dese hipotético neno (porque o mundo ensinoulle que as bonecas non son para el) así como a da familia que estivese alí con el. A industria do xoguete (e toda a publicidade que se deriva dela) ten moi clara a circunscrición do que significa deseñar e elaborar un trebello para un cativo, sexa de sexo feminino ou masculino. E dende logo, os roles patriarcais tradúcense tanto nos xoguetes como nos xogos, os cales axudan ao seu afianzamento. Dalgunha forma, os micromachismos conforman unha violencia simbólica máis, pero que toleramos porque non reparamos nela ou porque entendemos que as cousas non poden ser doutra forma. Ensináronnolo, transmitíronnolo, perpetuárono e chegou a nós como algo “normal”, e polo tanto, aínda que o podamos chegar a cuestionar, cremos imposible o día no que se poda falar do cambio real e universal e/ ou na súa desaparición. E polo tanto, aprendemos a través da experiencia que iso é así, é dicir, a través da teoría condutista da aprendizaxe: é como unha “indefensión aprendida” (Yugueros, 2015). E que significan estes micromachismos para os homes? Segundo Tena & Jiménez (2007) estes micromachismos ofrecen “vantaxes” para os varóns, mais o prezo que se paga é o dano que implica para as mulleres, sobre todo a longo prazo. Tamén impiden establecer vínculos harmoniosos coa parella, xa que producen resentimento e distanciamento. Como centrarnos nos micromachismos para o traballo da violencia de xénero na educación infantil? Yugueros (2015, p. 212) sinala a información, a educación e ao coñecemento como factores que permitirán que non se perpetúe na sociedade a violencia contra as mulleres, aos cales eu engadiría o recoñecemento. Nas palabras clave desta comunicación destácanse: violencia de xénero, micromachismos, educación, autoobservación e escola. A relación de todas as palabras coa comunicación creo que queda xa patente logo de chegar a este punto, agás a que implica á autoobservación. Pois ben, este concepto paréceme esencial con respecto á autocrítica que como persoas profesionais da educación en particular e cidadás e
Comunicación Focalizar nos micromachismos para abordar a violencia de xénero nas escolas infantís 447 III Xornada Universitaria Galega en Xénero cidadáns en xeral debemos facer de nós mesmas: da nosa conduta, da nosa linguaxe, dos nosos pensamentos (e da orixe dos mesmos)... por iso creo relevante facer un chamamento dende aquí á autoobservación, porque aínda que nos definamos a prol da coeducación, igualdade de dereitos, etc. non deixamos de estar condicionadas como persoas “participantes” dunha sociedade de corte patriarcal. Seguro que se reparamos nisto podemos detectar en nós mesmas moitos elementos cos que non nos identificamos pero que inconscientemente repetimos e propagamos. Unha vez identificados, poderemos proceder ao cambio de mentalidade e de obrar real: só esta muda de pensamento e de actuar permite ver os micromachismos, pois están no límite da evidencia (Fisas, 1998). O cuarto factor que eu engadín aos de Yugueros (2015), no primeiro parágrafo deste apartado quedaría recollido e explicado neste segundo parágrafo. Os tres factores que el indica serán explicados nos parágrafos que seguen ata entrar nas Conclusións. Unha vez pasamos por esta primeira fase de análise persoal, podemos pensar en como abordar estes temas coas nosas pequenas e pequenos. Creo que en infantil debemos traballar con metodoloxías activas, para que as nenas e nenos se sintan partícipes e polo tanto sexan protagonistas, que sentan unha responsabilidade (e por ende, un compromiso) para co grupo da súa misión e, en definitiva, aprendan. Está máis que demostrado que este tipo de metodoloxías son das que mellor funcionan para conseguir os obxectivos propostos dunha forma completa e satisfactoria. Co cal, a través do traballo por proxectos no que se poda incluír o tema dos micromachismos, con actividades que axuden a identificalos, podería dar pé a analizar se realmente queremos ese tipo de sociedade, as consecuencias que ten, se unhas somos máis que outras, etc. A modo de exemplo, en Educación Infantil podemos abordar esta temática a través de: • Teatro: facendo lectura de contos con temática relacionada e con leccións claras (para traballar a educación en valores) e representándoos, onde os roles das mulleres e dos homes sexan intercambiables e transferibles. • Canto de cancións (música): onde as letras abarquen unhas mensaxes e un vocabulario inclusivo e non sexista e podan interpretalas, entendendo e asumindo as ideas de cara a unha mellor convivencia e respecto polos demais. • Visionamento de películas e de curtametraxes: no que as nenas e nenos sexan invitados a detectar e discriminar actitudes sexistas e incluso vocabulario non inclusivo, momentos que debemos tamén aproveitar para invitar a propor alternativas de comportamento máis igualitarias.
448 III Xornada Universitaria Galega en Xénero Lucía Casal de la Fuente • Asembleas de reflexión: por exemplo, cuestionarlles qué significa ser home e ser muller na nosa sociedade, qué implica, etc. Sanz (2004, pp. 11-12) aporta algunha serie de medidas a adoptar para traballar o bo trato en relación coa educación para a saúde. Na miña opinión, esta é unha das posibles ópticas dende as cales podería enfocarse o tema da violencia de xénero en idades tan temperás como a Educación Infantil. Destaco algunhas delas que creo poderían transferirse e traballarse dende as aulas de Infantil: Poñer a énfase no bo trato e non no mal trato: traballar polo bo trato, para unha disposición cara a unha serie de valores máis igualitarios. • Aprender a dicir “non” ao que non nos guste, a pedir o que desexemos e a respectar o “si” ou “non” dos demais, a ser amables, a agradecer, a sorrir, a pedir perdón e a relaxarnos, para dominar as situacións que nos angustian. • Valorar a todas as persoas e respectalas, facendo fincapé nos seus corpos e aspecto físico, polo asunto que nos ocupa. • Poder expresar os nosos medos sen sentirnos máis febles por facelo. • Entender que tanto as nosas habilidades como as diferenzas nos complementan, no canto de percibilas como ameazantes. • Nos diversos repositorios que podemos atopar online temos a opción de filtrar recursos por niveis e palabras clave, cos cales poder traballar estas temáticas, por citar un exemplo. Nogueiras (2004, p. 197-198) brinda algunhas propostas para previr a violencia de xénero na educación de fillas e fillos, que poderían reforzarse dende a escola. Diferénciaas entre as que van dirixidas a nenos e mozos, aquelas a implementar con nenas e mozas e, nunha terceira categoría, indica liñas a seguir con fillas e fillos, sen diferenciar entre sexos. Eu persoalmente non as tería dividido, pois, por exemplo, educar para o maternal e o doméstico ou para a participación no traballo doméstico non é algo que só debe centrarse nos nenos, senón tamén nas nenas e viceversa: a proposta de quererse e valorarse e apoiar as nosas iniciativas non só debería estar centrada na educación das nenas, senón tamén na dos nenos. Non me cabe dúbida ningunha de que esta autora dividiu as propostas por sexos porque efectivamente, a sociedade non insiste tanto no labor doméstico do home, por poñer un caso, mais creo que se diferenciamos no que se debe insistir ou non
Comunicación Focalizar nos micromachismos para abordar a violencia de xénero nas escolas infantís 449 III Xornada Universitaria Galega en Xénero por sexos, o noso alumnado percibirao e seguiremos, de forma consciente ou non, nesgando por sexos. Conclusións Na introdución aludiamos ao documental “Ce n’est qu’un début” (Sólo es el principio, 2010), no que unha mestra de nenas e nenos de entre 3 e 4 anos aborda a actualidade, incluíndo temas de política; e incluso aspectos da filosofía, facéndolles falar de emocións, de sentimentos, etc. Se as nenas e nenos poden falar do amor, da liberdade (ou da non liberdade), da autoridade, da diferenza e da intelixencia, como queda de manifesto no documental e como testemuñan tantos profesionais que traballan a diario na Educación Infantil... por que non han poder falar de violencia de xénero? Facerlles pensar ás nenas e aos nenos sobre o nivel de igualdade que merecemos todas as persoas, facerlles entender que ninguén debe decidir por elas e por eles, que ningunha persoa ten dereito a provocar (véxase o exemplo do piropo: que se cuestionen... quen é quen para falar así de min, do meu aspecto, de como visto ou de se me queda ben esa camisa, con ese sorriso provocador...? quen? Ninguén!) ... todo isto son aprendizaxes, e canto antes llo vaiamos inculcando e llo poñamos diante, evitaremos aflicións posteriores. Temos aínda moitos retos por marcarnos e metas que acadar, mais non esquezamos o noso rol nin descoidemos o desenvolvemento do espírito cidadán que debemos espertar no noso alumnado. A interiorización de pautas de convivencia máis sas, a partir do traballo preventivo xa dende a infancia, permitirá que a nosa sociedade futura xere actuacións ben diferentes das que estamos a sufrir, e así evitemos dunha vez o que Expósito (2011) entende por “erro de inversor”. Refírese con este concepto ao feito de que as decisións que se toman (neste caso, a muller) se vexan influenciadas pola inversión que elas fixeron na relación (de parella, de matrimonio...), apelando a ideais como o mantemento da familia, pois é amplamente coñecido o “valor social de que unha muller debe manter a familia unida” (Yugueros, 2015). Está claro que dende a escola pódese contribuír a unha educación para a cidadanía respectuosa e para a paz, mais non esquezamos a corresponsabilidade: “non deixemos nas mans dos mestres e profesores unha tarefa que nos compete a todos. Non tratemos aos nosos fillos e fillas de maneira distinta polo exclusivo feito de ter nacido home ou muller” (San José, 2014, p. 119).