Full text
Boletín da Real Academia Galega Núm. 384, pp. 153-168 © 2023. Real Academia Galega https://doi.org/10.32766/brag.384.843 © 2023. REAL ACADEMIA GALEGA. Boletín da Real Academia Galega 384, 153-168 ISSN: 1576-8767 ISSN-e: 2605-1680 Enviado: 22/XII/2023 Aceptado: 11/III/2024 153 A HIDRA TRICÉFALA DE GALAXIA: O EQUIPO FRANCISCO FERNÁNDEZ DEL RIEGO, XAIME ISLA E RAMÓN PIÑEIRO GALAXIA THE THREE-HEADED HYDRA: THE FRANCISCO FERNÁNDEZ DEL RIEGO, XAIME ISLA AND RAMÓN PIÑEIRO TEAM Xosé Luís Pastoriza Rozas Universidade de Santiago de Compostela ORCiD: 0000-0002-4193-8375 Resumo: A editorial Galaxia e o labor do seu equipo humano durante o franquismo pode analizarse desde múltiples perspectivas. Mais Xaime Isla sempre insistía en que se debía prestar unha atención especial á súa organización colectiva como equipo, unha teima que reflectiu con asisada creatividade en data indeterminada na súa caracterización caricaturesca de Piñeiro, Del Riego e el mesmo como unha hidra de tres cabezas. A análise das dinámicas positivas, nutritivas e produtivas deste traballo en equipo permitirían explicar a supervivencia histórica da editorial e o seu proxecto político-cultural, así como o triunfo do galeguismo en canto cultura política da Galicia autonómica e democrática. Porque a editorial Galaxia e o seu grupo humano constituíuse e desenvolveuse como un exemplar equipo de alto rendemento motivado e inspirado por unha épica de rebeldía, resistencia, reconquista, entusiasmo e fidelidade ao ideal galeguista e ás súas sete misións. Un compromiso rexo e insubornable que permitiu a continuidade do proxecto Galaxia malia os conflitos, disidencias, porfías e retesías que nunca comprometeron a irmandade e o espírito de fraternal camaradería ao servizo dunha causa común: construír Galicia. Abstract: The Galaxia publishing house and the endeavours of its staff during Franco’s dictatorship can be analysed from multiple perspectives. However, Xaime Isla always insisted that special attention should be paid to its collective organization as a team, an insistence that he reflected in creative form at an undetermined date in his portrayal of Piñeiro, Del Riego and himself as a threeheaded hydra. This analysis of the positive, nurturing and productive dynamics of this teamwork is the basis for an explanation of the historical survival of
© 2023. REAL ACADEMIA GALEGA. Boletín da Real Academia Galega 384, 153-168 ISSN: 1576-8767 ISSN-e: 2605-1680 154 Xosé Luís Pastoriza Rozas Galaxia and its political and cultural project, as well as the triumph of Galicianism as the main political culture in an autonomous and democratic Galicia. One of the reasons for this success can be attributed to the fact that Galaxia and its personnel established themselves and acted as an exemplary high-perfor- mance team, motivated and inspired by an epic of rebellion, resistance, reconquest, enthusiasm and loyalty to the Galicianist ideal and its seven missions. This strict and unyielding commitment enabled the continuity of the Galaxia project despite conflicts, dissidence, disputes and resistance that never compromised the brotherhood and spirit of fraternal camaraderie in service of a common cause: building Galicia. Palabras chave: editorial Galaxia, Galeguismo, Francisco Fernández del Riego, Xaime Isla Couto, Ramón Piñeiro. Key words: Galaxia publishing house, Galicianism, Francisco Fernández del Riego, Xaime Isla Couto, Ramón Piñeiro. O EQUIPO DA EDITORIAL GALAXIA EN TRES IMAXES Todos as investigacións sobre o galeguismo na segunda metade do século xx salientan a transcendencia da creación da editorial Galaxia como un proxecto colectivo singular de resistencia político-cultural ao franquismo (Villares 2013). Esta iniciativa destaca polo orixinalidade da estratexia adoptada, que mudou un partido político clandestino —o Partido Galeguista— nunha sociedade anónima por accións cun exemplar sistema de gobernanza (Vidal 2020, 2022). De vez, a análise do proxecto Galaxia revela como un dos factores chave do seu éxito e supervivencia o traballo en equipo e a mobilización intelixente do talento e dos capitais humano, social, cultural e relacional das redes e subredes galeguistas que orbitaban arredor da editorial (Villanueva 2015). Para representarnos visualmente a editorial Galaxia como equipo e como hub do galeguismo temos dúas posibilidades. Primeiramente, podemos recorrer á fotografía de grupo tirada en Santiago de Compostela o 25 de xullo de 1950 no bodegón do hotel Compostela.1 Naquel grupo de vinte e nove homes e catro mulleres que asistiron á asemblea fundacional da editorial non se atopaba Ramón Piñeiro, futuro director literario e estratego do proxecto Galaxia. Naquel verán de 1950, 1 Neste enlace pódese consultar a fotografía coa identificación das trinta e tres persoas asistentes: https:// editorialgalaxia.gal/a-historia-de-galaxia/
A hidra tricéfala de Galaxia: o equipo Francisco Fernández del Riego, Xaime Isla e Ramón Piñeiro 155 © 2023. REAL ACADEMIA GALEGA. Boletín da Real Academia Galega 384, 153-168 ISSN: 1576-8767 ISSN-e: 2605-1680 Piñeiro atopábase en Santander para ser operado das graves cataratas que o condenaban a unha prematura cegueira (Fernández del Riego 2000; Monteagudo 2015). Como segunda alternativa, podemos botar man do icónico e colorido cadro de Xohán Ledo, nome artístico do médico galeguista Ricardo García Suárez, onde aparece “embotellados” no lenzo o equipo que puxo en marcha a empresa: Xosé Meixide, Rufo Pérez, Luís Viñas, Francisco Fernández del Riego, Emilio Álvarez Blázquez, Xaime Isla, Antón Beiras e o propio Xohán Ledo. Con todo, neste lenzo bótase de ver outra volta a ausencia de Ramón Piñeiro. Recuncamos na relevancia desta dupla ausencia de Piñeiro, porque se atendemos ao relato canónico establecido por Paco del Riego na súas tres obras autobiográficas e memorialísticas —O río do tempo (1990), A xeración Galaxia (1996) e Camiño andado (2003)—, os tres grandes “pioneiros da empresa”, ideadores e realizadores de Galaxia foron: Xaime Isla, conselleiro delegado e argallador da idea, Ramón Piñeiro, director literario, e Paco del Riego, xerente e factótum da editora. Mais a ausencia na fotografía colectiva e a invisibilidade de Piñeiro no cadro de Xohán Ledo deixan un pouso de insatisfacción. E fainos matinar en recorrer a outra alternativa gráfica: a “hidra” de Galaxia. A hidra é un animal depredador cativiño pero tamén un monstro mitolóxico acuático: unha caste de serpe policéfala. A hidra que acadou maior sona na mitoloxía clásica foi a de Lerna, que combateu e matou Hércules. E co veleno desta hidra, Hércules iscou as súas frechas para matar a Xerión, o xigante que a lenda sitúa soterrado embaixo da torre de Hércules. Mais despois deste desvío mitolóxico, cómpre resolvermos o motivo polo que apelamos a unha hidra de Galaxia. En data indeterminada, Xaime Isla Couto —afeccionado á caricatura— debuxou o equipo impulsor da editorial Galaxia como unha hidra tricéfala, onde emerxían as súas testas dun mesmo corpo de serpe (Pastoriza 2015a, p. 62). Unha metáfora dun réptil humanoide que representaba a autoconciencia do protagonismo de Paco del Riego, Xaime Isla e Ramón Piñeiro na dinamización e liderado do principal emprendemento da resistencia político-cultural ao franquismo. Evitando as andrómenas que nos puidesen conducir a pensar en conspiracións reptilianas, resulta máis acaído pensar nunha motivación alternativa para representar a trepia galaxiá con esta feitura. Se cadra, o moi católico Xaime Isla tiña en mente o Evanxeo de Mateo cando bosquexou a hidra: “Vede que vos mando coma ovellas entre lobos. Así que sede prudentes coma as serpes, e sinxelos coma as pombas. Tede coidado coa xente porque vos entregarán aos tribunais e hanvos azoutar nas sinagogas” (Mateo, 10:16-17). Porque precisamente o labor de conspiración e resistencia argallada por Isla, Piñeiro e Del Riego demandaba toda unha serie de virtudes: astucia, prudencia, valor e unha integridade radical fronte
© 2023. REAL ACADEMIA GALEGA. Boletín da Real Academia Galega 384, 153-168 ISSN: 1576-8767 ISSN-e: 2605-1680 156 Xosé Luís Pastoriza Rozas aos riscos, perigos, seducións e unha ditadura inzada de “lobishomes” represores e violentos. O GRUPO GALAXIA: UN EQUIPO DE ALTO RENDEMENTO Revisando a traxectoria do equipo Galaxia, podemos concordar en que Paco del Riego, Ramón Piñeiro e Xaime Isla lideraron un equipo de persoas que actuaron como conspiradores de alto rendemento. Mais resulta preciso previamente definir que entendemos por “conspirar” e “alto rendemento”. Etimoloxicamente, conspiración significa “respirarmos xuntos” que, trasfegado á “hidra” de Galaxia, recoñece unha respiración compartida para resistir e para construír Galicia en equipo e mancomún. Un mandato e un estilo, o do traballo en equipo, que formaba parte do ADN das persoas que se nuclearon arredor de Galaxia. “Heroes calados”, en verbas de Seoane, como nos lembraba Ramón Villares (2021), pero quen de respirar con peito común. A partir da análise das dinámicas de grupo e as micropolíticas do equipo de persoas que participaron no emprendemento colectivo de resistencia e construción que foi Galaxia, podemos afirmar que nos atopamos perante o que hogano se denomina equipo de alto rendemento. Unha característica que explica a feliz continuidade histórica de Galaxia fronte á sempre real ameaza de disolución e autodisolución, procesos de descomposición que adoitaron afectar a outras moitas iniciativas fracasadas do galeguismo. Esta dinámica interna resultou central á hora de lograr que unha identidade política minoritaria —a galeguista— mudase na cultura política que inspirou os esteos institucionais da Galicia autonómica (Rodríguez Polo 2009). Porque un equipo de alto rendemento presenta nove características a partir das cales se poden describir e avaliar as dinámicas, funcionamento e resultados do equipo Galaxia: obxectivos claros e compartidos; roles e responsabilidades definidas; comunicación aberta, honesta, transparente; confianza mutua; colaboración, división do traballo e complementariedades; resolución construtiva de conflitos; responsabilidades compartidas; adaptabilidade e flexibilidade; e recoñecemento e celebración de logros. Hogano, o gran desexo das institucións, empresas e entidades vén sendo contar con equipos de alto rendemento. E invisten enerxías e recursos en acadar este resultado nutritivo para a eficacia e o benestar do seu talento humano. Agora ben, o equipo pioneiro de Galaxia careceu do acompañamento de asesores ou de empresas de formación e consultoría. Xa que logo, o seu adestramento e preparación para actuar como un equipo de alto rendemento debemos procuralo noutra fonte.
A hidra tricéfala de Galaxia: o equipo Francisco Fernández del Riego, Xaime Isla e Ramón Piñeiro 157 © 2023. REAL ACADEMIA GALEGA. Boletín da Real Academia Galega 384, 153-168 ISSN: 1576-8767 ISSN-e: 2605-1680 En primeiro lugar, Del Riego, Isla e Piñeiro compartiron un proceso de socialización política como primeira xeración de “nativos nacionalistas”, como salienta Justo Beramendi (2023). A responsabilidade directa da súa formación no traballo en equipo radica no Partido Galeguista e en organizacións satélites (Ultreyas, Mocedades Galeguistas, Seminario de Estudos Galegos), institucións que constituían un “ecosistema de equipos” onde aprenderon experiencialmente o traballo en equipo e a súa importancia, relevancia e transcendencia para a consecución dos obxectivos políticos, culturais e sociais do galeguismo. Neste proceso de socialización aprenderon unha clave fulcral para a comprensión das amizades, lealdades e filiacións de longa duración: a irmandade, a disciplina e o espírito de sacrificio. O 12 decembro de 1935, o exsecretario de organización da Federación de Mocedades Galeguistas (FMG), Xaime Isla Couto, publicou n’A Nosa Terra o artigo “No plano da acción da Mocedade. Os irmáns e a irmandade”, onde establecía como obriga dos afiliados “crear un clima de irmandade entre os mozos da Federación”. Unha irmandade entendida como “clima afectivo moral e afeitivo do nazonalismo galego”, de xeito que para un mozo patriota os outros patriotas son “irmáns e sinxelamente como irmáns serán tratados uns e outros”. Xa que logo, debían existir confianza e compenetración entre os mozos que derivasen nunha integración e vencello simbólico en todas as actividades da mocidade patriota de xeito que nacese unha amizade e acontecese a hospitalidade entre todos os mozos e grupos da FMG. Unha irmandade anticipada no decálogo do Ultreyas (Diéguez 2003) que nos conecta coa doada apelación contemporánea á “familia” e que podemos trasladar de xeito coherente ás xentes de Galaxia: familia política, familia cultural e familia de irmáns. Esta dimensión familiar do equipo Galaxia atópase reflectida nun proxecto de carta datado o 26 de marzo de 1955 que Xaime Isla tiña intención de remitir ao seu irmán Ramiro —exiliado en Venezuela— e que sintetiza esta autoconciencia de convivencia familiar e rede de afectos e coidados mutuos: Meu querido Ramiro, Tópome aquí en Santiago, miña terra, e quero escribirche. É noite. Veño da casa de Domingo García Sabell. Con Cris. Con Paco del Riego e a súa dona. Con Ramón Piñeiro e a súa muller. Quero escribirche deseguida, denantes que o trafego das xornadas, dos traballos demoren un intre feliz. Na cas de García Sabell, arredor da mesa, preto dos seus libros, da súa discoteca, síntese un no fogar familiar. Tantas veces estivo aquí D. Ramón Otero Pedrayo. Estiven tamén eu con el, cos rapaces novos que aprenderon a amar Galicia fóra dos textos da Universidade, fóra dos xornais,
© 2023. REAL ACADEMIA GALEGA. Boletín da Real Academia Galega 384, 153-168 ISSN: 1576-8767 ISSN-e: 2605-1680 158 Xosé Luís Pastoriza Rozas fóra do ambiente oficial, presentíndoa no aire, nas feiras da Ferradura, nas súas vacacións da aldea, na súa alma, no fondal da súa alma máis ben. Quero escribirche. Hoxe rematarei en Vigo, antes de saír cara unha das labouras abafantes do despacho. Fiquei liberado e estiven o serán no tren con Cris, de viaxe na compaña de Paco del Riego e a súa dona Evelina, e logo, na conversa con Piñeiro, con Domingo, feliz. Somentes botamos de perda a D. Ramón Otero Pedrayo (ten enferma á súa mai en Trasalba e nestes días somentes alí tópase tranquilo). Primeiro, denantes da cea, fixemos o noso repaso de conciencia. As nosas cousas. Sentimos desacougo das fallas que temos de superar a présa; devecemos polas nosas responsabilidades nesta hora galega. Paco fixo relatorio das súas relacións todas con América. Domingo e Ramón sereos, profundos, da nosa vida cultural. Eu de Galaxia, da nosa cultura, dos nosos libros, da nosa xentes. Lémbrome da derradeira carta que me chegou de Ramón. Novas optimistas; o limpo esforzo que camiña para o mañán; a semente fecunda da nova xeración. (Isla Couto 2022, pp. 207-208) En segundo lugar, outro elemento que debemos salientar deste período de formación inicial e fundamental a nivel da súa común biografía galeguista vén sendo a rexa disciplina e lealdade orgánica aprendida nas MG e na FMG. Porque resulta posible identificar unha continuidade do estilo organizativo da FMG en Galaxia. E para isto temos que poñer o foco no proxecto de estatutos da FMG que Xaime Isla publicou n’A Nosa Terra e en Guieiro e que serían debatidos na III Asemblea das FMG en Ourense o 2 e 3 de maio de 1936 (Rojo 1987). En síntese, había dous modelos organizativos antagónicos: o primeiro defendía a autonomía dos grupos locais e comarcais, cun enlace consultivo coa secretaría da FMG, dotándose dunha estrutura en rede e de funcionamento atomizado que unicamente permitía a centralización do mando en circunstancias excepcionais. Isla, por contra, propuña a concentración do mando en moi poucos dirixentes —un total de cinco— nunha Xunta Nacional, cun Segredario Xeral e catro Reitores, cunha Oficiña Nacional e un Consello Nacional meramente consultivo. Esta estrutura restrinxida considerábase un requisito imprescindible para acadar unha actuación única, coherente e monolítica de toda a organización. E para conseguir a unidade e cohesión nacional, Isla salientaba que había que renunciar ás divisións intragalegas por razón de ideoloxía, de aí a súa apelación á unidade: “Todo en Galiza debe ser unificado, Galiza é unha unidade, e o máis arduo problema do nazonalismo é agudizar a concencia da sua unidade. A nosa organización ten de responder a esa unidade”. Xa que logo, o modelo de Isla propuña unha dirección
A hidra tricéfala de Galaxia: o equipo Francisco Fernández del Riego, Xaime Isla e Ramón Piñeiro 159 © 2023. REAL ACADEMIA GALEGA. Boletín da Real Academia Galega 384, 153-168 ISSN: 1576-8767 ISSN-e: 2605-1680 única, centralista, baseada nunha rexa disciplina e que guiase os militantes nunha dirección única e unitaria. Organizados en células, pero sendo unha organización total, ortodoxamente nacionalista, e de arriba-abaixo, especializada na infiltración noutras entidades para controlalas e galeguizalas. Con todo, os estatutos de Xaime Isla retiráronse do debate e buscouse un equilibrio: nomeouse un Consello Executivo Nacional e a Oficina Nacional rematou nun órgano informativo e non centralizador. Ademais, as bases poderían discutir os acordos antes de ser aprobados polos órganos directivos da FMG, de tal xeito a organización resultaría menos xerarquizada, centralizada e autoritaria do que propuña Xaime Isla. Agora ben, tras da guerra civil e da represión, o modelo de Xaime Isla vaise reactivar como estrutura organizativa acaída para as duras condicións de clandestinidade e resistencia do Partido Galeguista (Castro 2001). De feito, coidamos que Galaxia conservou o estilo xerárquico e centralizado de organización combativa de vangarda expresados previamente nos reiterados chamamentos á unidade de acción e disciplina férrea da FMG e que se recuperaron nos anos 40 polo puro interese de supervivencia física e política ao tratarse dunha vulnerable minoría á intemperie. Con todo, a continuidade deste modelo bateu nos anos 60 coas novas camadas xuvenís inspiradas nas organizacións políticas de vangarda marxista-leninista baseadas na férrea disciplina, unidade de acción e culto ao líder ou líderes. Agora ben, se cadra Galaxia e a UPG mantiveron quizais máis elementos en común no seu estilo organizativo e de liderado do que nunha chegaron a recoñecer expresamente (Pastoriza 2022). En terceiro lugar, non existe un equipo de alto rendemento sen motivación. Son coñecidos os leitmotivs de Paco del Riego: “queimar a vida por Galicia” ou “furar nas tebras”, e o de Ramón Piñeiro: “animar e tonificar”. Pero estes leitmotivs teñen referentes previos para os militantes das MG. En primeiro lugar, a apelación á “Xuventude de estrelas” que recuperaba unha estrofa do poema “Tarangaños” de Curros Enríquez: ¡Troca en homes de ben estes monstros, que nin mesmo que os viran meigallos; nunha gran xuventude d’estrelas esta gran xuventude de sapos! En segundo lugar, outra fonte de inspiración foi a afirmación de Ramón Suárez Picallo: “É mellor morrer queimado loitando pola liberdade que morrer afogado nas toupeiras”. Mais para completar os leitmotivs da hidra galaxiá, debemos recuperar a menos coñecida “realización no fracaso”, que Xaime Isla rescatou do libro
© 2023. REAL ACADEMIA GALEGA. Boletín da Real Academia Galega 384, 153-168 ISSN: 1576-8767 ISSN-e: 2605-1680 160 Xosé Luís Pastoriza Rozas Ambiente espiritual de nuestro tiempo do filósofo existencialista alemán Karl Jaspers que leu nas pousas do combate en Aragón e Levante e que empregou como tonificante dos superviventes das Mocidades Galeguistas a comezos dos anos 40 (Pastoriza 2015b). Unha motivación que debía transformarse en “entusiasmo”, como axiña expresou en 1949 o Ramón Piñeiro que aínda vivía en liberdade vixiada tras a súa excarceración. Nunha carta a Del Riego escrita no ano previo á constitución de Galaxia, manifestaba o seu compromiso cos “altos ideais para que a vida teña sentido” e para que “a nosa alma arda nunha labarada de entusiasmo”.2 Porque, por mediación da nacente editorial, acadaríase que a alma galega comezase a sentir a “pasión dramática da libertade, que é a única pasión salvadora dos homes e dos pobos”. De feito, as novas do proxecto redentor e liberador da editora produciron en Piñeiro a “ledicia íntima” de contactar co “rexurdimento das vellas arelas”, onde Del Riego tiña o “honor de ser un dos guieiros de tal rexurdemento” (Fernández del Riego 2000, pp. 24-25). En cuarto lugar, non existe equipo de alto rendemento sen visión, tal e como tematizaron Piñeiro, Isla e Del Riego en numerosos escritos, apelando ao “Rexurdimento de Galicia”, “unha Galiza nova nunha Humanidade mellor” ou “unha Galicia dona de seu”. Un labor en equipo que alentaba horizontes de esperanza co fin de acadar o rexurdimento da nosa identidade colectiva e a conquista da democracia e o autogoberno para construír Galicia. En quinto lugar, non existe equipo de alto rendemento sen misión. E tras da derrota da loita política clandestina, en 1957 na sección “Galaxia” do coñecido como “Informe de Compostela” atopamos formuladas as denominadas sete misións de Galaxia: Quebrar o illamento moral e renovar o galeguismo, acadar a presenza de Galicia no mundo a través do prestixio da súa cultura; tomar contacto coa mocidade universitaria galega e incorporala ás tarefas de responsabilidade que lles ían ser demandadas como xeración; estudo sistemático da realidade económica de Galicia e a súa actividade divulgadora acerca dos seus problemas económico-sociais; a creación de centros e bibliotecas especializadas para dotar a Galicia da máxima autonomía cultural; atender a formación de xente nova conseguindo pensións para estadías temporais no estranxeiro, e, sobre todo, 2 Carta de Ramón Piñeiro a Francisco F. del Riego. Lugo, 1 de agosto de 1949.
A hidra tricéfala de Galaxia: o equipo Francisco Fernández del Riego, Xaime Isla e Ramón Piñeiro 161 © 2023. REAL ACADEMIA GALEGA. Boletín da Real Academia Galega 384, 153-168 ISSN: 1576-8767 ISSN-e: 2605-1680 levar a cabo o estudo científico do idioma tratando de constituír un equipo de lingüistas e filólogos.3 De feito, coidamos que o alto rendemento no cumprimento destas sete misións provocou a mutación na súa autoconciencia xeracional, que agromou como xeración das Mocedades Galeguistas, Piñeiro caracterizouna en 1958 como “xeración dos realizadores”, e Paco del Riego canonizouna como xeración Galaxia en 1996. En sexto lugar, este rendemento e eficacia non sería posible sen o traballo en equipo, un comprometido, dedicado e rexo traballo colectivo malia as diversas ocupacións laborais, o abafo de ocupacións e canseiras, a precariedade de medios e a presión do “oscuro escombro circundante”, como lle describía Xaime Isla as circunstancias vitais dos galeguistas vigueses ao europeísta vasco Miguel de Azaola.4 Unha verba, “equipo”, que permite describir a Galaxia como unha editorial-equipo,5 que editaba libros-equipo,6 revistas-equipo (Grial. Revista galega de cultura ou Revista de Economía de Galicia) e desenvolvía un programa-equipo consonte unha intelixente división do traballo, a xeración de complementariedades e a posta en valor dos talentos diversos e plurais, algúns xa coñecidos pola vella convivencia militante e outros emerxentes como resultado da curva de aprendizaxe desenvolvida ao abeiro da experiencia editorial mancomunada. En sétimo lugar, estamos perante un equipo motivado e inspirado por unha épica de rebeldía, resistencia, reconquista e entusiasmo, como ben cedo o aínda preso Piñeiro lle comunica a Del Riego en agosto de 1948: ¿Teremos folgos para acometer con alta cobiza e rexa vontade a empresa de superar a nosa actitude tradicional de pasivo lirismo cunha nova actitude de máis resonancias épicas? Isto sería entrar de novo na Historia, que é a meta irrenunciábel dos pobos que teñen conciencia de si mesmos.7 3 Informe de Compostela. Apartado “Galaxia”, 1957. Biblioteca Francisco Fernández del Riego. Fundación Penzol. 4 Carta de Xaime Isla Couto a Miguel de Azaola. 14 de decembro de 1952. Fundación Sancho el Sabio. AA AZAOLA, C. 117, n. 7. 5 Interpretación que atravesa o conxunto do ensaio de Fernández del Riego dedicado á xeración Galaxia (1996). 6 Expresión de Del Riego en carta a Luis Seoane. Vigo, 30 de novembro de 1950: “El propósito es que a comienzos de año aparezca el primer libro-equipo o libro-clan”. Fondo Luis Seoane. Fundación Luis Seoane. 7 Carta de Ramón Piñeiro a Francisco F. del Riego. Lugo, 1 de agosto de 1949 (Fernández del Riego 2000, pp. 24-25).
© 2023. REAL ACADEMIA GALEGA. Boletín da Real Academia Galega 384, 153-168 ISSN: 1576-8767 ISSN-e: 2605-1680 168 Xosé Luís Pastoriza Rozas Pastoriza Rozas, Xosé L., ed. (2015a). Xaime Isla: raíz e utopía de Galicia. Vigo: Galaxia. Pastoriza Rozas, Xosé L. (2015b). Presenza da nación. O galeguismo xuvenil de Xaime Isla. Grial. Revista Galega de Cultura. 207, 22-33. Pastoriza Rozas, Xosé L. (2022). Xaime Isla nas Mocedades Galeguistas: pensamento e acción organizativa. En: Xosé L. Pastoriza e Marcelino Agís, eds. Xaime Isla Couto. Repensar Galicia, proxectar Galicia, facer Galicia. Vigo: Fundación Isla Couto, 71-101. Piñeiro López, Ramón (1958). Economía y cultura. Revista de Economía de Galicia. 1, 3-4. Piñeiro López, Ramón (1974). Galeguismo. En: Olladas no futuro. Vigo: Galaxia, 154-155. Piñeiro López, Ramón (2009 [1981]). Galaxia e a fronte cultural. En: Henrique Monteagudo, ed. O espertar da conciencia galega. Galeguismo, cultura e identidade. Ensaios e artigos dispersos (1950-1990). Vigo: Galaxia, 94. Rodríguez Polo, Xosé Ramón (2009). O triunfo do galeguismo: opinión pública, partidos políticos e comportamento electoral na transición autonómica en Galicia. Madrid: Dykinson. Rojo, Arxemiro (1987). As mocedades galeguistas. Vigo: Galaxia. Vidal Andión, Antón (2020). Xaime Isla, o enxeñeiro da idea. O modelo de gobernanza da Editorial Galaxia. Grial. Revista Galega de Cultura. 225-226, 8-13. Vidal Andión, Antón (2022). Xaime Isla, o ideador e creador da Editorial Galaxia, S.A. En: Xosé L. Pastoriza e Marcelino Agís, eds. Xaime Isla Couto. Repensar Galicia, proxectar Galicia, facer Galicia. Vigo: Fundación Isla Couto, 221-233. Villanueva Gesteira, María Dolores (2015). A Editorial Galaxia: proxecto e traxectoria 1950-1963. Tese de doutoramento. Universidade de Santiago de Compostela. Villares Paz, Ramón (2013). Actuar desde a cultura. Galeguismo “histórico” e transición democrática. Grial. Revista Galega de Cultura. 200, 15-27. Villares Paz, Ramón (2021). Cultura e política na Galicia do século xx. Vigo: Galaxia.