Acordo do Consello de Goberno do 31/01/2018, polo que se aproba o Regulamento de réxime interno do Centro Internacional de Estudos de Doutoramento e Avanzados (CIEDUS)
Full text
REGULAMENTO DE RÉXIME INTERNO DO CENTRO INTERNACIONAL DE ESTUDOS DE DOUTORAMENTO E AVANZADOS DA USC TÍTULO PRELIMINAR Artigo 1. Lexislación O Centro Internacional de Estudos de Doutoramento e Avanzados da USC (en diante CIEDUS) rexérase polo presente Regulamento no marco do sinalado no seu acordo de creación (aprobado polo Consello de Goberno do 29 de xullo de 2016), no Regulamento de Estudos de Doutoramento da USC, e demais normativa xeral que lle sexa de aplicación. Artigo 2. Definición O CIEDUS ten como obxecto a xestión e coordinación das ensinanzas de doutoramento da USC, así como os procesos que conduzan á obtención do título de doutora ou doutor. Asume así mesmo a coordinación dos estudos avanzados da USC. Artigo 3. Sede O CIEDUS terá a súa sede no Edificio CEA, sito no Parque de Vistalegre, en Santiago de Compostela. Artigo 4. Competencias Son competencias do CIEDUS as indicadas no seu acordo de creación, concretamente: a. Planificar, coordinar, avaliar e difundir a oferta de doutoramento. b. Planificar e coordinar funcional e administrativamente as escolas de doutoramento. c. Xestionar administrativamente a defensa de teses de doutoramento. d. Asegurar a calidade dos programas de doutoramento. e. Apoiar á xestión das escolas de doutoramento da USC. f. Apoiar as actividades do Consello de Coordinación de Estudos Avanzados e, en particular:
-Servir de nexo entre a comunidade científica galega, española e internacional a través da organización de actividades científicas. - Favorecer e impulsar a actividade interdisciplinaria entre as grandes áreas do coñecemento científico. - Ser un espazo preferente para a reflexión sobre o papel da universidade, da influencia dos procesos de integración europea e de innovación tecnolóxica nas súas funcións e a súa práctica docente, e para facilitar a óptima adaptación da USC a eses novos contextos. - Ser espazo de divulgación do coñecemento e da investigación que se xera na USC. g. E calquera outra que lle asignen os órganos de goberno ou lle recoñeza a normativa vixente. TÍTULO I ESTRUTURA E FUNCIÓNS DO CIEDUS Artigo 5. Órganos de goberno do CIEDUS Son órganos de goberno do CIEDUS os indicados no seu acordo de creación: -Órganos colexiados: Consello de Coordinación de Estudos de Doutoramento e Consello de Coordinación de Estudos Avanzados. -Órganos unipersoais: Director ou directora do CIEDUS. Artigo 6. Composición do Consello de Coordinación de Estudos de Doutoramento Son membros do Consello de Coordinación de Estudos de Doutoramento os indicados no seu acordo de creación, concretamente: a. O vicerreitor ou vicerreitora competente nos estudos de doutoramento e que será quen o presida. b. O vicerreitor ou vicerreitora con competencias en investigación. c. O vicerreitor ou vicerreitora con competencias en internacionalización ou relacións exteriores. d. O director ou directora do CIEDUS.
e. Os directores e directoras das escolas de doutoramento da USC. f. Catro profesoras ou profesores doutores con vinculación permanente á USC que deberán cumprir os mesmos requisitos que para ser director ou directora de tese, un por cada Escola de Doutoramento Internacional. g. Un representante do PAS. h. Catro representantes das doutorandas ou doutorandos da USC, un por cada escola de doutoramento. Entre os seus membros designarase, por acordo do Consello, unha persoa que realizará as funcións de secretario ou secretaria. As súas funcións serán as de dar fe dos actos e acordos do Consello, a custodia das actas, e a expedición das certificacións dos acordos e actos que consten nos documentos oficiais do Consello. Cada catro anos renovaranse os membros non natos indicados nos puntos f) e g). Quen representa ao PAS será designado pola Xerencia, e os catro membros do persoal docente do apartado f) serán designados polo reitor ou reitora. Os representantes dos doutorandos ou doutorandas serán elixidos cada dous anos no comité de dirección da escola, cada un deles pola Escola de Doutoramento a que pertenzan, entre os membros do seu sector. A condición de membro do Consello perderase segundo o establecido no artigo 22 do Regulamento Electoral Xeral da USC. Tamén se perderá a condición de membro no caso de non asistencia reiterada e inxustificada ás súas reunións, falta de consideración grave á Presidencia ou aos restantes membros do órgano, incumprimento do deber de sixilo cando exista. A decisión tomarase xustificadamente por acordo do órgano. Artigo 7. Funcións do Consello de Coordinación de Estudos de Doutoramento Son funcións do Consello de Coordinación de Estudos de Doutoramento, as indicadas no seu acordo de creación, concretamente: a. Planificar e deseñar a estratexia da USC para o desenvolvemento das súas ensinanzas de doutoramento. b. Promover a posta en marcha de ensinanzas de doutoramento segundo criterios de oportunidade, calidade e sustentabilidade. c. Difundir a oferta dos títulos de doutoramento, tanto na USC como fóra dela. d. Promover a internacionalización das ensinanzas de doutoramento. e. Xestionar o orzamento da USC no relativo ás ensinanzas de doutoramento.
f. Promover a creación, modificación e supresión de escolas de doutoramento. g. Propoñer ou informar sobre a modificación do regulamento de estudos de doutoramento da USC, antes da súa aprobación polo Consello de Goberno. h. As competencias da Comisión de Doutoramento descritas no artigo 140 dos Estatutos da USC. A totalidade ou parte de ditas competencias poderán delegarse nas escolas de doutoramento. E calquera outra que lle asignen os órganos de goberno ou lle recoñeza a normativa vixente. Artigo 8. Composición do Consello de Coordinación de Estudos Avanzados Son membros do Consello de Coordinación de Estudos Avanzados os indicados no seu acordo de creación, concretamente: a. O vicerreitor ou vicerreitora competente nos estudos de doutoramento, que o presidirá e convocará. b. O vicerreitor ou vicerreitora con competencias en investigación. c. O director ou directora do CIEDUS. d. O coordinador ou coordinadora do Consello. e. Trece membros do persoal docente da USC de recoñecido prestixio, nomeados polo reitor ou reitora, oído o Consello de Goberno, dos que catro serán do colectivo dos directores ou directoras de institutos universitarios de investigación, de centros singulares de investigación, de centros propios de investigación ou de cátedras institucionais. Procurarase que representen ás cinco grandes áreas de coñecemento. Entre os seus membros designarase, por acordo do Consello, unha persoa que realizará as funcións de secretario ou secretaria. As funcións do secretario ou secretaria serán as de dar fe dos actos e acordos do Consello, a custodia das actas, e a expedición das certificacións dos acordos e actos que consten nos documentos oficiais do Consello. Cada catro anos renovaranse os membros non natos, é dicir, os indicados nos puntos d) e e), que serán designados pola reitora ou o reitor. A condición de membro do Consello perderase segundo o establecido no artigo 22 do Regulamento Electoral Xeral da USC. Tamén se perderá a condición de membro no caso de non asistencia reiterada e inxustificada ás súas reunións, falta de consideración grave á Presidencia ou aos restantes membros do órgano, ou incumprimento do deber de sixilo. Cando exista algunha destas circunstancias, a decisión tomarase xustificadamente por acordo do órgano.
O secretario ou secretaria poderá cesar como tal por acordo do Consello de Coordinación de Estudos Avanzados. Artigo 9. Funcións do Consello de Coordinación de Estudos Avanzados Son funcións do Consello de Coordinación de Estudos Avanzados os indicados no seu acordo de creación, concretamente: a. Organizar, aprobar e seguir o programa de estudos avanzados da USC, elaborando un informe anual sobre os resultados do mesmo. b. Elaborar informes e estudos sobre cuestións xerais relacionadas coa actividade docente, investigadora, de divulgación e de transferencia de coñecemento, e da investigación que xera a USC, e do papel da universidade na sociedade actual. c. Asesorar ao goberno da universidade en cuestións relevantes da política universitaria en relación a gobernanza, oferta académica, investigación, innovación, internacionalización ou calquera outro que se considere de interese, cando así se lle solicite. Artigo 10. Nomeamento e cese do director do CIEDUS O director ou directora do CIEDUS será nomeado polo reitor ou reitora, oído o Consello de Goberno, durante un período de catro anos renovables. Poderá ser nomeado como director ou directora do CIEDUS o persoal docente e investigador da USC que cumpra os mesmos requisitos para poder ser director ou directora da Escola de Doutoramento. Artigo 11. Funcións do director ou directora do CIEDUS Son funcións do director ou directora do CIEDUS as indicadas no seu acordo de creación, concretamente: a. Coordinar os distintos axentes implicados nos estudos de doutoramento: directores das escolas de doutoramento, coordinadores dos programas de doutoramento e con calquera outro órgano ou servizo con competencias en materia de estudos de doutoramento. b. Representar o CIEDUS e executar os acordos do Consello de Coordinación de Estudos de Doutoramento e do Consello de Coordinación de Estudos Avanzados. c. Calquera outra función que Ile delegue os órganos colexiados do CIEDUS.
Artigo 12. Nomeamento e cesamento da coordinadora ou coordinador do Consello de Coordinación de Estudos Avanzados O coordinador ou coordinadora do Consello será docente da USC de recoñecido prestixio, designado polo reitor ou reitora por 4 anos renovables, a proposta do director ou directora do CIEDUS, oído o Consello de Goberno. Artigo 13. Funcións do coordinador ou coordinadora do Consello de Coordinación de Estudos Avanzados - Dirixir as actividades relativas aos estudos avanzados. - Promover acordos de colaboración con entidades públicas e privadas para o financiamento das actividades relativas aos estudos avanzados - Elaborar a súa Memoria Anual. - Aqueloutras que lle encomende o Consello de Coordinación de Estudos Avanzados. Artigo 14. Convocatorias e sesións A asistencia ás xuntanzas dos órganos colexiados constitúe un dereito e un deber para todos os seus membros. Cando a natureza dos asuntos o requira, poderase invitar a outros membros da comunidade universitaria con voz pero sen voto. Os órganos colexiados estarán presididos polo vicerreitor ou vicerreitora con competencias nos estudos de doutoramento, en caso de ausencia, o vicerreitor ou vicerreitora será substituído no Consello de Coordinación de Estudos de Doutoramento por quen exerza a Dirección do CIEDUS, e no caso do Consello de Coordinación de Estudos Avanzados polo coordinador ou coordinadora de dito Consello. En caso de ausencia ou vacante dos secretarios dos consellos estes serán substituídos, para esa sesión, por quen determine a Presidencia do Consello correspondente. Todos os órganos colexiados poderán celebrar as súas sesións, adoptar acordos e remitir actas tanto de forma presencial como a distancia. Facilitarase que os membros dos órganos colexiados participen nas xuntanzas mediante videoconferencia, especialmente os membros pertencentes ao Campus de Lugo. Nas sesións que celebren os órganos colexiados a distancia, os seus membros poderán atoparse en distintos lugares coa condición de que se asegure por medios electrónicos a identidade dos membros e o contido das súas manifestacións, o momento en que estas se producen, así como a interacción e
comunicación entre eles en tempo real, e a dispoñibilidade dos medios durante a sesión. Considéranse medios válidos os telefónicos, o correo electrónico e os medios audiovisuais. En todo caso, para cada sesión a Presidencia será quen determine que medios técnicos non presenciais poderán utilizarse para garantir a interacción de todos os membros nesa xornada. Os órganos colexiados referidos neste regulamento reuniranse con carácter ordinario ou extraordinario por iniciativa do presidente ou presidenta, ou a pedimento dun terzo dos seus membros. Serán sesións extraordinarias as que se convoquen pola Presidencia para tratar asuntos cuxa importancia ou urxencia así o requira. Na orde do día das sesións extraordinarias non se incluirán a lectura de actas, asuntos de trámite ou rolda aberta de intervencións. As convocatorias ordinarias dos órganos colexiados referidos neste Regulamento serán comunicadas aos seus membros, polo menos, con tres días de antelación. As convocatorias de carácter extraordinario serán comunicadas, polo menos, con dous días de antelación. As convocatorias enviaranse vía correo electrónico, xunto á orde do día redactada polo secretario ou secretaria co visto e prace do presidente ou presidenta. Xuntarase á convocatoria toda a documentación necesaria para a información dos seus membros, ben a través de correo electrónico, ben a través de repositorio institucional. Non poderá ser obxecto de deliberación ou acordo ningún asunto que non figure incluído na orde do día, agás que estean presentes todos os membros do órgano colexiado e sexa declarada a urxencia do asunto co voto favorable da maioría. Artigo 15. Réxime de adopción de acordos Para a validez da constitución do órgano colexiado será necesaria a participación de a lo menos a metade dos seus membros, en primeira convocatoria. De non se producir quórum na primeira convocatoria, o órgano colexiado constituirase na segunda convocatoria, media hora despois, sempre que participen polo menos un 30% dos seus membros. En todo caso, requírese a presenza do presidente ou presidenta e do secretario ou secretaria, ou de quen legalmente os substitúan. As sesións ordinarias dos órganos colexiados referidos neste Regulamento iniciaranse co informe do presidente. Seguidamente, pasarase ao exame, debate e, de ser o caso, votación dos puntos establecidos na orde do día da convocatoria.
Corresponderá ao presidente ou presidenta establecer a orde de intervencións e moderar o debate, conceder e retirar a palabra, e precisar os termos ou propostas obxecto de votación. No exercicio de dita competencia, poderá establecer unha orde pechada de intervencións e asignar tempos determinados a cada unha delas, garantindo, polo menos, un dereito de réplica por alusións. Os acordos dos órganos colexiados poderanse adoptar por asentimento ou mediante votación. En casos xustificados, e a petición dun dos membros do Consello, a votación poderá ser de forma secreta; neste caso a sesión deberá ser presencial. Non se admitirá a delegación de voto nin o voto anticipado dos membros do órgano. Para ser válida a adopción de acordos, deberase acadar cando menos a metade máis un dos votos dos membros presentes. Nas votacións na que se produza empate, o presidente ou presidenta poderá exercer o voto de calidade ou aprazar o tema que se trate. Os acordos dos consellos serán executados polo director ou directora do CIEDUS e susceptibles de recurso de alzada fronte ao Consello de Goberno. Artigo 16. Actas De cada sesión que celebre o órgano colexiado levantarase acta polo secretario ou secretaria, que especificará necesariamente os asistentes, a orde do día da xuntanza, as circunstancias de lugar e tempo en que se celebrou, os puntos principais das deliberacións, así como o contido dos acordos adoptados. Na acta figurará, a solicitude dos respectivos membros do órgano colexiado, o voto contrario ao acordo adoptado, a súa abstención e os motivos que a xustifiquen, ou o sentido do seu voto favorable. Así mesmo, calquera membro ten dereito a solicitar a transcrición íntegra da súa intervención ou proposta, sempre que achegue no acto, ou no prazo que sinale a Presidencia do órgano, o texto que se corresponda fielmente coa súa intervención, facéndose así constar na acta ou xuntándose copia a esta. Os membros que discrepen do acordo maioritario poderán formular voto particular por escrito, no prazo de 2 días, que se incorporará ao texto aprobado.
As actas asinadas polo secretario ou secretaria, co visto e prace do presidente ou presidenta, serán enviadas mediante correo electrónico aos membros do órgano colexiado para a súa aprobación polos mesmos medios, considerándose neste caso aprobadas na mesma sesión. No caso de non aprobarse a acta, esta será sometida á consideración xunto coas alegacións presentadas na seguinte sesión. Nas certificacións de acordos adoptados emitidas con anterioridade á aprobación da acta farase constar expresamente tal circunstancia. TÍTULO ll DA REFORMA DO REGULAMENTO Artigo 17: Da iniciativa O presente Regulamento pode ser reformado a proposta do director ou directora do CIEDUS ou mediante solicitude dun 30% dos seus membros Artigo 18: Procedemento de reforma do Regulamento Presentarase o texto alternativo a todos os membros do Consello de Coordinación de Estudos de Doutoramento e do Consello de Coordinación de Estudos Avanzados, para que poida ser examinado e presentadas emendas durante un período mínimo de 15 días hábiles. Artigo 19: Aprobación da reforma do Regulamento No caso de que o proxecto de reforma do Regulamento fose aprobado polos órganos colexiados, será remitido ao Consello de Goberno da USC para a súa ratificación e aprobación definitiva. DISPOSICIÓN ADICIONAL ÚNICA En todo o non disposto no presente Regulamento de Réxime interno aplicarase o estipulado no Regulamento de Estudos de Doutoramento, Estatutos da USC e na lexislación xeral universitaria vixente.