Normativa do Centro de Posgrao, Terceiro Ciclo e Formación Contínua
Full text
NORMATIVA DO CENTRO DE POSGRAO, TERCEIRO CICLO E FORMACIÓN CONTINUA O Centro de Posgrao, Terceiro Ciclo e Formación Continua (CPTF) foi creado no ano 1998 tendo como obxectivo central unificar a xestión da oferta de posgrao e analizar a calidade destes estudios. Posteriormente, o 26 xullo de 2006, o Consello de Goberno aprobou o Regulamento de Réxime Interno e estableceu a estrutura de Goberno deste Centro. Posteriormente, disgregouse a xestión da oferta da xestión do alumnado, que pasou ao Servizo de Xestión Académica, dependente da Secretaría Xeral. A creación do Servizo de Xestión da Oferta e Programación Académica e o establecemento dos máster como títulos oficiais viñeron a modificar as competencias deste órgano. Os cambios normativos que se aveciñan, coa creación das Escolas de Doutoramento e o regulamentado en Estatutos Universitarios, fan necesaria unha revisión da estrutura de goberno e funcionamento do CPTF. Tamén é necesario que as actividades de formación e innovación docente teñen un referente de xestión nun centro da USC. Por todo o anterior é necesario derrogar a normativa de creación e o Regulamento de Réxime Interno para que nun só documento queden reguladas as función e a organización do mesmo adecuadas ao novo marco normativo. Por todo o anterior, o Consello de Goberno de 17 de febreiro de 2010 aprobou a NORMATIVA DO CENTRO DE POSGRAO, TERCEIRO CICLO E FORMACIÓN CONTINUA PRIMEIRO.- FUNCIÓNS DO CPTF O Centro de Posgrao, Terceiro Ciclo e Formación Continua configúrase como un centro universitario que ten como función a coordinación e o desenvolvemento de estudios de terceiro ciclo, de posgrao propio e de formación continua que dea resposta as diversas demandas da nosa sociedade, tendo como obxectivo central a calidade da oferta. En particular, analizará as necesidades formativas que se poidan suscitar no mercado e nas institucións, organizará a oferta académica e velará pola calidade dos estudios. En concreto, será o encargado de realizar: • A análise da demanda de formación de posgrao • Fomento e organización de cursos de posgrao non oficial en consonancia coa demanda • Estudio dos proxectos de cursos de posgrao non oficial, de formación continua e de doutoramento • Organización académica da oferta • Xestión económica dos cursos de posgrao non oficial • Seguimento dos cursos e control de calidade • Nomeamento de Tribunais de tese, certificacións de cursos e programas impartidos polo profesores, etc. • Análise de necesidade e xestión da formación e innovación docente Queda excluída da competencia do CPTF a xestión administrativa do alumnado. 1
SEGUNDO.- ESTRUTURA DE GOBERNO A dependencia funcional do Centro de Posgrao, Terceiro Ciclo e Formación Continua corresponderá ao vicerreitor ou vicerreitora con competencias en oferta docente. O Centro estará dirixido por un director ou directora que será nomeado, polo reitor/a, que será o responsable directo do seu funcionamento e de forma especial da calidade da oferta. O/a director/a do Centro deberá coordinar o funcionamento das Comisións establecidas nesta Normativa e prestar o seu apoio administrativo e de xestión. Son funcións do director/ado CPTF as seguintes: a. A representación do Centro. b. A vixilancia e cumprimento da legalidade en tódalas actuacións do CPTF. c. A dirección da política académica do CPTF e dirección da xestión administrativa. d. A execución dos acordos das Comisións. e. A proposta de Convenios na área da súa competencia f. O exercicio das restantes funcións que se deriven do seu cargo, así coma aquelas outras que se deriven dos Estatutos da USC e da lexislación universitaria. TERCEIRO.- DAS COMISIÓNS Para o seu funcionamento ordinario, o Centro dótase das seguintes comisións: - A Comisión de Doutoramento. - A Comisión de Posgrao Propio. - A Comisión de formación e innovación docente CUARTO.- DA COMISIÓN DE DOUTORAMENTO 1.- A Comisión de Doutoramento estará integrada polo/pola vicerreitor/a con competencias en oferta docente, que será o presidente/a, polo vicerreitor/a adxunto/a, polo/pola director/a por un subdirector/a de doutoramento e un secretario/a académico/a de doutoramento, e dez membros máis. 2.- A proposta do Consello de Goberno e por un período de catro anos o reitor/a nomeará 12 membros para a Comisión de doutoramento. Tódolos seus membros serán catedráticos/as, profesores/as titulares da USC ou contratados doutores con un sexenio de investigación como mínimo, garantindo a presenza dos campus de Santiago e Lugo e das cinco grandes áreas. O subdirector/a e o secretario/a académico/a serán nomeados polo reitor/a, a proposta do vicerreitor/a, de entre os membros da Comisión propostos polo Consello de Goberno. Cesarán por dimisión ou por decisión do reitor/a, a proposta do vicerreitor/a. 3.- A Comisión de Doutoramento terá unha Comisión Permanente integrada polo presidente/a, o vicerreitor/a adxunto/a, o director/a, o subdirector/a, o secretario/a académico/a, tres membros da Comisión elixidos por esta e os directores das Escolas de Doutoramento. A Comisión Permanente resolverá os asuntos de trámite e aqueles asuntos que lle sexan expresamente encomendados pola Comisión de Doutoramento. O secretario ou secretaria levantará acta e dará 2
fe dos acordos da Comisión. 4.- Son competencias da Comisión de Doutoramento: a. Aprobar os programas de doutoramento. b. Aprobar os tribunais únicos de cada programa de doutoramento. c. Admitir a trámite as teses de doutoramento. d. Designar os tribunais de teses. e. Aprobar, previos aos informes preceptivos, a defensa pública das teses de doutoramento, incluído as modalidades de Doutoramento Europeo. f. Resolver as alegacións ás teses de doutoramento. g. Autorizar, a proposta dos Departamentos, os recoñecementos de créditos e validacións dos alumnos de Doutoramento. h. Tratar calquera outro tema a proposta do/a presidente /a da Comisión no ámbito dos estudios do Terceiro Ciclo. i. A dirección das Escolas de Doutoramento j. As que figuren nos Estatutos, no Regulamento dos estudios de Terceiro Ciclo da USC e no Real Decreto regulador dos estudios do Terceiro Ciclo. 5.- Dependendo da Comisión de Doutoramento poderán organizarse Escolas de Doutoramento por grandes áreas científicas que terán como función a organización dos estudios de doutoramento na correspondente área científica, propoñendo cursos, organizando a oferta e analizando os resultados dos cursos impartidos Ao fronte de cada Escola estará un director que formará parte da Comisión de doutoramento con voz pero sen voto. QUINTO.- DA COMISIÓN DE POSGRAO 1.- A Comisión de Posgrao asume as funcións que a normativa actual lle asigna á COAP, en relación cos cursos de especialización e máster propios, asumindo tamén as competencias da Comisión de Cursos e Convenios sobre a aprobación dos Cursos que non conducen a títulos propios da Universidade 2.- A Comisión de Posgrao Propio estará integrada polo/a vicerreitor/a con competencias en oferta docente como presidente/a, polo/a vicerreitor/a adxunto/a, polo/a director/a, por un/unha subdirector/a de Posgrao e un/unha secretario/a académico/a de posgrao, e dez membros máis. 3.- A proposta do Consello de Goberno e por un período de catro anos o/a reitor/a nomeará 12 membros para a Comisión de posgrao propio. Tódolos seus membros serán Catedráticos/as, Profesores/as Titulares da USC ou contratados doutores, garantindo a presenza dos campus de Santiago e Lugo e das cinco grandes áreas. O/A subdirector/a e o/a secretario/a académico/a serán nomeados polo/a Reitor/a, a proposta do/a Vicerreitor/a, de entre os membros da Comisión propostos polo Consello de Goberno. Cesarán por dimisión ou por decisión do/a Reitor/a, a proposta do/a Vicerreitor/a. O/a Secretario/a levantará acta e dará fe dos acordos da Comisión 4.- A Comisión de Posgrao Propio terá unha Comisión Permanente integrada polo presidente/a, o vicerreitor/a adxunto/a, o director/a, o subdirector/a, o secretario/a académico/a e tres membros da Comisión elixidos por esta. A Comisión Permanente resolverá os asuntos de trámite e aqueles asuntos que lle sexan expresamente encomendados pola Comisión de Posgrao 3
Propio. 5.- Son competencias da Comisión de Posgrao Propio: k. Aprobar as propostas de Cursos de Posgrao Propio e Formación Continua. l. Levar a cabo o seguimento dos Cursos de Posgrao Propio e Formación Continua. m. Aproba-las memorias remitidas polos directores dos Cursos de Posgrao Propios. n. Tratar calquera outro tema a proposta do/a Presidente/a da Comisión de Posgrao Propio no ámbito dos estudios de Posgrao Propios e Formación Continua. SEXTO.- A COMISIÓN DE FORMACIÓN E INNOVACIÓN DOCENTE A Comisión de formación e innovación docente ten como finalidade determinar a oferta de formación para o persoal docente da USC así como xestionar os cursos impartidos e controlar a calidade dos mesmos Estará integrada polos vicerreitores con competencia en Profesorado, Oferta Docente e Calidade ,polo/s vicerreitores adxuntos con competencias Profesorado e Oferta Docente un/unha secretario/a académico/a que será o responsable do plan de formación e innovación docente, e dez membros máis Son competencias da Comisión: o Aprobar os programas de formación o Convocar premios e accións de innovación docente. o Informar sobre a avaliación dos cursos o Tratar calquera outro tema a proposta do presidente /a da Comisión no seu ámbito. SÉTIMO.- RÉXIME DE CONVOCATORIAS A convocatoria das Comisións corresponde ao presidente/a. A convocatoria deberá remitirse, cunha antelación de 72 horas a tódolos membros da comisión mediante notificación na que se fará constar a orde do día, o lugar, día e hora da reunión. Esta notificación deberá efectuarse a través de correo electrónico. En caso de urxencia ou prioridade non será necesario atender ao prazo de antelación de 72 horas. Os motivos de urxencia ou gravidade serán ratificados por maioría absoluta dos membros da Comisión na sesión correspondente. Para a válida constitución das Comisións de Doutoramento e de Posgrao será necesaria en primeira convocatoria a maioría absoluta dos seus membros, sendo imprescindible a presenza do presidente/a e do secretario/a. En segunda convocatoria, que se entenderá convocada para media hora máis tarde, constituirase validamente cun terzo dos seus membros e sempre coa presenza do presidente/a ou persoa en quen delegue e o secretario/a, ou persoa que o substitúa. Os acordos adoptaranse por asentimento, por unanimidade ou por maioría dos asistentes. As votacións serán a man alzada ou secretas, cando así se solicite. 4
Non se admitirá delegación de voto nin voto anticipado para a adopción de acordos. Os acordos adoptados polas Comisións serán executados polo director/a. Contra esas resolucións poderá interpoñerse recurso de alzada ante o /a reitor no prazo dun mes. DISPOSICIÓN DERROGATORIA A presente Normativa derroga o Acordo de creación do CPTF (Xunta de Goberno do 22 de decembro de 1998) e ,o Regulamento de organización e funcionamento do CPTF (Consello de Goberno de 26 de xullo de 2006). DISPOSICIÓN FINAL.- A presente Normativa entrará en vigor ao día seguinte da súa aprobación polo Consello de Goberno da USC. 5