scieee AI-readable full text Open interactive document viewer

Criterios para a distribución dos espazos

Universidade de Santiago de Compostela. Consello de Goberno

Full text

CRITERIOS PARA A DISTRIBUCIÓN DOS ESPAZOS 1. Introdución Dispoñer de criterios para a xestión de espazos tense convertido nunha necesidade dado o aumento das demandas, complexidade e interrelación da actividade dos distintos centros, departamentos, servizos, grupos de investigación, etc. Na actualidade, unha das demandas máis amplamente formuladas polos grupos de investigación da nosa universidade ten que ver coas necesidades de espazo que precisan para levar adiante as súas labores investigadoras. Por iso é necesario asignar os espazos dispoñíbeis da maneira máis obxectiva posible. Así, propoñemos para debate do Consello de Goberno, unha proposta que ten por obxecto definir os criterios que permitan realizar a distribución dos espazos, nomeadamente os dedicados á investigación. 2. Criterios xerais A xestión ordinaria dos espazos de uso administrativo, docente e de investigación asignados aos distintos Centros da USC corresponde aos órganos de goberno dos mesmos, por delegación do Reitor de acordo coas especificacións que se indican nestes criterios. En todo caso, a decisión última sobre o uso dos espazos da USC corresponde ao Reitor ou Vicerreitor/a en quen delegue. Calquera membro da comunidade universitaria poderá recorrer diante del as decisións que se tomen sobre asignación e distribución de espazos nos distintos centros. O Reitor ou Vicerreitor/a en quen delegue será o responsábel de decidir en qué edificio e/ou locais se localizan os distintos centros, institutos, departamentos, servizos de apoio á docencia e investigación, servizos de apoio á comunidade universitaria, servizos administrativos, cátedras, e calquera outro organismo de carácter xeral. A decisión da localización irá acompañada dun encargo da xestión destes espazos (Aprobados polo Consello de Goberno do 29 de abril de 2008) 3. Criterios para a distribución dos espazos dedicados á investigación 3.1. .Procedemento e normas de aplicación dos criterios para a asignación de espazos 3.1.1. Os criterios establecidos neste documento empregaranse: a) Como criterios de partida para a elaboración das memorias de necesidades dos espazos destinados a usos investigadores das novas edificacións. b) No reparto de novos espazos de investigación das novas edificacións entre os grupos que se decida situar nas mesmas. c) Na redistribución de espazos de investigación actualmente ocupados por grupos de investigación. 3.1.2. O espazo calculado en función dos criterios anteriores poderá axustarse puntualmente en función da distribución interna dos espazos de cada edificio. 3.1.3. As Unidades de Distribución de espazos serán: • Os Centros Singulares de Investigación. • Os Institutos de Investigación. • Os espazos dedicados á investigación nas Facultades e Escolas e que deberán ser delimitados conxuntamente cos Decanatos e/ou Direccións de Escola. 3.1.4. Todo PDI a tempo completo terá dereito a un espazo de traballo resultante da suma da superficie básica de traballo e da superficie complementaria por actividade investigadora que lle corresponda no caso de estar activo en investigación. A definición de PDI corresponde á Vicerreitoría de Profesorado e Organización Académica e á Vicerreitoría de Investigación e Innovación. Provisoriamente e para os efectos da aplicación destes criterios considerarase PDI activo en investigación aquel que cumpra algunha das seguintes condicións: • Condición a .- Ter un sexenio concedido nos últimos oito anos. • Condición b .- Ter participado nun proxecto ou contrato de investigación nos últimos seis anos. • Condición c .- Ter dirixido unha tese de doutoramento nos últimos seis anos. Estes criterios adaptaranse posteriormente en función dos que se utilicen para definir os grupos de investigación que compoñen o catálogo da Universidade. 3.1.5.- O PDI e os/as investigadores/as só computaran nun grupo de investigación, (agás no caso dos centros de traballo localizados fóra dos campus) aínda que a superficie asignada poda localizarse en máis dunha Unidade de Distribución. 3.1.6. A Superficie Básica de Traballo (SBT) asignarase por PDI e será única para os labores de docencia e investigación. Incluirá gabinete de uso individual ou compartido (tenderase a que o PDI a tempo completo dispoña de gabinetes individuais), espazos de uso común, e unha superficie básica para investigación . A Superficie Básica por PDI asignarase con carácter indefinido e ligado á existencia dunha relación contractual coa USC. Cando a superficie básica de traballo do PDI estea localizada fóra dos centros onde este imparte docencia, os decanatos e direccións de Centro deberán prever espazos para o desenvolvemento das tarefas docentes (titorías, etc.). 3.1.7. A Superficie Complementaria por Actividade Investigadora (SCAI) asignarase por investigador/a, terá carácter temporal e asignarase por un período de catro anos. 3.1.8. Os locais habituais de traballo e os específicos de investigación estarán en locais diferentes cando así o esixan as avaliacións dos postos de traballo. 3.1.9. Unha vez asignada a superficie dunha Unidade de Distribución entre os grupos de investigación radicados na mesma, a superficie que non se asigne quedará como espazo de reserva. 3.1.10. Cando a superficie total dunha Unidade de Distribución sexa insuficiente para asignar a cada grupo o espazo calculado de acordo cos criterios anteriores, a Vicerreitoría de Infraestruturas tomará as medidas necesarias para solucionar o problema, ben mediante a ampliación dos espazos dispoñíbeis, ben mediante a utilización das superficies de reserva da propia Unidade de Distribución ou doutras, sempre que fora posible e se mantivera a coherencia da localización. Sen prexuízo do anterior e mentres non se concrete a solución, a superficie dispoñible distribuirase proporcionalmente á que lle correspondería a cada grupo en función dos criterios aprobados. 3.1.11. En calquera caso, os grupos de investigación deberán contar cos medios dispoñíbeis á hora de afrontar os seus proxectos e contratos de investigación. 3.1.12. Previo informe da Vicerreitoría de Investigación e Innovación, poderán solicitar ocupar espazos de reserva: a) Os grupos de investigación aos que non se lles asignou a totalidade da superficie que lles corresponde de acordo con estes criterios. b) Os novos grupos de investigación. c) Os grupos aos que lles sobreviñeran necesidades extraordinarias entre dous procesos de asignación. d) Os grupos de investigación que demanden unha superficie suplementaria da que lles corresponde de acordo cos presente criterios, sempre que asuman a totalidade dos custes imputábeis á superficie que lles fora asignada a maiores. A asignación farase coa prioridade establecida nos parágrafos anteriores. 3.1.13. No prazo dun ano, definiranse os espazos que se poden considerar de uso investigador nos distintos centros, realizarase a adscrición dos grupos a cada unha das categorías definidas na táboa de superficies e contrastarase o modelo definido nestes criterios. Unha vez feitos os axustes do mesmo, se foran necesarios, servirá de base para as decisións que se tomen a partir desta data. 3.1.14. A asignación dos espazos que resulten da aplicación destes criterios e a adscrición dos grupos de investigación a cada unha das categorías definidas na táboa de superficies unha vez definidos os espazos que se poden considerar de uso investigador nos distintos centros, contrastarase durante o prazo dun ano despois da súa aprobación. Unha vez contrastado, procederase a axustar o modelo definido nestes criterios que finalmente servirá de base para as decisións que se tomen a partires desa data. 3.1.15. A superficie posta a disposición dos grupos de investigación será valorada en función do custe de amortización e mantemento, limpeza, seguridade, etc. e será considerada como achega da USC ao grupo, correspondéndolle á Vicerreitoría de Investigación determinar a inclusión ou non desta achega na súa política de axudas. 3.1.16. Poderanse tomar medidas para incentivar aos grupos de investigación a deixar libre o espazo que non precisen sen agardar ao seguinte proceso de asignación. 3.1.17. A xestión dos espazos de investigación de acordo con estes criterios corresponde aos responsábeis de cada unidade de distribución, se ben o PDI, grupos e investigadores/as poderán recorrer a aplicación dos mesmos diante do Reitor e será resolta por unha Comisión nomeada polo mesmo na que estarán presentes cando menos a Vicerreitoría de Infraestruturas (ou no seu caso a encargada da xestión de espazos) e a Vicerreitoría de Investigación e Innovación. 3.1.18. A interpretación destes criterios corresponde ao Reitor ou Vicerreitoría en quen delegue. 3.2. Criterios de asignación de espazos a).- Superficie básica de traballo por PDI (SBT): De acordo co establecido no apartado 3.1.6., inclúe o espazo necesario para poder dispoñer de gabinete, espazos comúns (seminarios para reunións, actividades de grupos de debate, espazo para PDI visitante, almacéns, etc) e unha superficie básica para investigación. O seu valor recollese na Táboa de Superficies do apartado 3.4 b).- Superficie complementaria por actividade investigadora (SCAI): A superficie complementaria por actividade investigadora (SCAI) calcularase en función do número de investigadores/as do seguinte xeito: SCAI TOTAL= K * SCAI POR INVESTIGADOR * Nº investigadores/as K calcularase tendo en conta a produción científica e a captación de recursos en relación coa área á que pertence. Provisoriamente terá un valor de 1. Os custes indirectos dos recursos captados por cada grupo deberán tender a cubrir os custes imputábeis aos espazos asignados, que serán determinados pola Xerencia con carácter xeral para toda a universidade mentres non se poida discriminar por área ou grupo. Inicialmente os custes indirectos captados polo grupo cubrirán a totalidade dos custes de reparación e mantemento imputábeis á superficie complementaria asignada por actividade investigadora, agás que os proxectos sexan competitivos, caso no que só cubrirán un 40%. No caso de que os custes indirectos dos recursos captados polo grupo nos últimos cinco anos non cubran os custes imputábeis de acordo co descrito no parágrafo anterior, a Vicerreitoría de Infraestruturas queda facultada para tomar as medidas que estime oportunas e que poderán supoñer, no seu caso, unha redución da superficie asignada na porcentaxe de gastos imputábeis que queden sen cubrir. A estes a efectos considerase investigador/a, o PDI que estea activo en investigación de acordo cos criterios do apartado 3.1.4., os investigadores/as dos programas Ramón y Cajal, Parga Pondal, Juan de la Cierva, Angeles Alvariño, Isabel Barreto, etc., e en xeral os/as investigadores/as vinculados/as ao grupo de investigación agás os colaboradores/as externos/as e doutorandos/as que non dispoñan de bolsas ou contratos. Para o cálculo do número de investigadores/as do grupo analizarase a evolución do mesmo nos últimos seis anos e efectuarase a proxección para os seguintes. Para permitir a incorporación de novos/as investigadores/as e grupos, aqueles que non captaran recursos externos nos últimos seis anos (ou estes sexan tan escasos que non permitan garantir unha superficie de traballo mínima) poderán solicitar a SBT, SBI e SCAI con exención da limitación correspondente á superficie máxima por un período que non supere os tres anos nos cales deberán planificar a consecución dos recursos externos necesarios. c) Superficie complementaria por grandes equipos, máquinas, instalacións, equipamentos, depósitos, etc... (SCGE) Poderase solicitar superficie complementaria por grandes equipos, máquinas, instalacións, etc. que se analizará en cada caso concreto. 3.3.-Superficie Total: A superficie total correspondente a un grupo de investigación calcularase do seguinte xeito: ST = (SBT * nº PDI) + SCAI TOTAL + SCGM 3.4.- Táboa de superficies: PDI -TC PDI -TP Grupo -1 Grupo -2 Grupo -3 SBT por PDI 15 m 2 15 m 2 15 m 2 8 m 2 SCAI por investigador/a 10 m 2 7 m 2 4 m 2 Grupo 1.- Grupos de investigación con altas necesidades de superficie de laboratorios Grupo 2.- Grupos de investigación con necesidades medias de superficie de laboratorios Grupo 3.- Grupos de investigación con necesidades baixas ou nulas de superficie de laboratorios