Sobre o deseño e a ilustración de Carmen Blanco: Carmen Blanco, pintora do lugar do amor
Full text
Monográfico CARMEN BLANCO | 65 SOBRE O DESEÑO E A ILUSTRACIÓN DE CARMEN BLANCO Carmen Blanco, pintora do lugar do amor por Cristina Fiaño Interpretación de Carmen Blanco debuxada por Sara Lamas "Este é o lugar do amor. E eu levo case toda unha vida vivindo e pintando a súa beleza" Atracción total , Carmen Blanco
66 | EVOHÉ Como a pintora e amante de Augas Santas que protagoniza a parte inicial da súa obra de microrrelatos Atracción total , Carmen Blanco leva case toda unha vida vivindo e compartindo a beleza do lugar do amor; un lugar no que, "a vida, a verdade, a liberdade, o amor, a poesía, a arte e a beleza" se igualan e no que, polo tanto, non existen fronteiras entre a creación e a vida nin tampouco entre as diferentes disciplinas artísticas polas que ela sempre se interesou con entusiasmo vivaz e autenticidade integral. Así pois, entre as múltiples facetas creadoras de Blanco queremos deternos agora, pola súa importancia á hora de pensarse a si mesma e por tela cultivado dende nena, a menos coñecida da Carmen ilustradora e deseñadora que, movida polo mesmo vitalismo expansivo e alegre da súa alter ego , tamén "pintaba o paraíso" da "vida terreal plena" como mostra de amor e como proba da beleza subversiva do lugar do amor. "Na casa do mar ela pintaba o paraíso. El poñía a poesía. Vivían a poesía real paradisíaca da vida terreal plena. O único paraíso que existe. Pois nin o Inferno nin o Paraíso existen" Atracción total , Carmen Blanco No ano 1981 tivo lugar un fito importante na historia da nosa literatura. A Cooperativa Reprografía 1946 publicaba en Santiago de Compostela un peculiar libro de capas negras e páxinas azuis titulado Tigres de ternura que sería galardoado co Premio da Crítica española no ano seguinte. Tratábase do segundo poemario de Claudio Rodríguez Fer o cal, segundo ten explicado o propio autor, continuaba coa senda erótica e libertaria iniciada no seu libro de poemas anterior, incorporaba a perspectiva da liberación da muller e supoñía, ademais, "una ruptura plástica con la tradición libresca de Galicia, pues se presentó manuscrito con un diseño integral de Carmen Blanco" (Rodríguez Fer, 1999: 289). Corenta anos despois desta publicación, a poeta Olga Novo escribiría na súa excepcional introdución á sétima edición de Tigres de ternura - publicada por Unión Libre. Cadernos de vida e culturas, revista tamén creada e codirixida polo tándem Blanco e Rodríguez Fer-, sobre a harmonía profunda de ambos creadores nesta obra esencial da nosa literatura: A lírica primitiva, o amor absoluto, a tendencia materialista da celebración erótica e o forte contido feminista a prol da liberación da muller, xunto coa estética naïf e vitalista das ilustracións de Carmen Blanco, fan desta obra un dos maiores exemplos da coherencia ética e estética do autor na elaboración dun proxecto integral no que a Musa devén musa activa, lonxe do rol pasivo tradicional inspirador da creación masculina. Súa é a caligrafía dos versos somo súas son as imaxes que iluminan o senso da cosmovisión claudiana en fonda comunicación coa da autora. (Novo: 12-13) Esa coherencia ética e estética que conflúe no proxecto é demostrada pola mesma Olga Novo nunha descrición exhaustiva do aporte gráfico de
Monográfico CARMEN BLANCO | 67 Carmen Blanco a dito poemario que conecta os seus debuxos coa paixón amorosa, o ecoloxismo, a simboloxía da cultura galega rupestre e castrexa ou o pensamento libertario: As ilustracións de Carmen Blanco están inspiradas, na súa maior parte, en referentes gráficos que constitúen elementos simbólicos, alusivos a un compartido universo afectivo, ideolóxico, estético e poético no senso máis profundo. Os debuxos compásanse así á poética claudiana da exaltación da paixón amorosa -é o caso da imaxe portentosa dun tigre de Sumatra, que abre o libro, ou da figuración dun lobo naïf que representa a tenrura-, como tamén atenderá á procura da vida libre e plena desde posicións ecoloxistas e desde unha poética integradora de amor pánico, do micro ao macrocosmos: imaxes de agullas calcarias con tres eixes dunha esponxa, agullas de sílice do tipo orxyaster da esponxa tethya, asterionella formosa en colonias estreladas, placenta hemocorial dos metazoos, protozoos varios, merozoitos, microgametos, etc. Confluente coa poética dos microorganismos é a fascinación pola apertura cósmica -galaxia na constelación de Cisne-, en conexión coas potencias ctónicas, e as imaxes dos petróglifos castrexos que nos reenvían ao enigma galaico e á comuñón con outras culturas megalíticas que inspiran, por exemplo, os debuxos das fases do trazado dun labirinto segundo Vicente Risco, un tríscele da cultura galega castrexa, símbolos serpentiformes castrexos, gravados irlandeses de New Grange, esvásticas flamexantes, tríscele, liña crebada en zigzag, espiral e círculos concéntricos das culturas castrexas, a dobre espiral radial de Laxe das Rodas e outros símbolos da arte rupestre galega. Desde o ídolo cilíndrico faliforme da Pedra das Ferraduras ata as marcas de canteiros de Compostela, todo aniña nesta obra total en busca permanente da identidade, pero tamén desde ela, de toda extralimitación, como nos amosa a recreación dun gravado inciso en madeira dos ostiakos siberianos. Pois a arte indíxena concibida como arte da vida réxese polo mesmo principio pasional que anima a creación blanquiana, facendo xurdir a carón de referentes culturais altamente simbólicos, imaxes de mulleres infindas e cabeleiras estelares, amantes que prolongan a vida exaltando a materia a través dunha aperta que simboliza o alén, estoupidos orgásmicos que liberan o átomo, referencias á convivencia cotiá e á descuberta conxunta, que converten a escrita claudiana e o aporte plástico de Carmen Blanco nunha obra integral, mostra da radical experiencia do dialoxismo amoroso e da heteroglosia erótica. (Novo: 11-12) "Ela era pintora, el poeta. Os dous tiñan o mesmo traballo" Atracción total , Carmen Blanco
68 | EVOHÉ O diálogo creador e amoroso emprendido en Tigres de ternura no terreo da plástica e a poesía continuaría coa ilustración por parte de Carmen Blanco dos poemarios do seu compañeiro Historia da lúa (1984), Vulva (1990), A muller núa (1992), nas distintas edicións de A Cabeleira, no Manifesto por un movemento vital (1990) ou mesmo a creación do logotipo da revista Unión Libre , creada por ambos autores. Nelas resplandece a beleza da muller liberada, o erotismo das cabeleiras ou as representacións de Pan e Lilith para facer aínda máis expansiva e suxerente a poesía de Rodríguez Fer. E é que ela era pintora e el poeta, e ambos compartían o mesmo traballo, o de "vivir a fondo" e transmitir coa súa creación interartística a experiencia da "beleza abisal" do lugar do amor compartido en harmonía vital e creadora, da experiencia vivida coa plenitude de todos os sentidos: Beleza abisal Vivimos a fondo. No máis profundo. No mar negro. Na beleza abisal da negra anarquía que resplandece multicolor en todos os tons inusitados luminosos da alegría, con todas as formas estreladas espirais curvas diamantinas trísceles circulares concéntricas rectas oblícuas verticais quebradas converxentes diverxentes disidentes infinitas da liberdade, con todos os sons da música dos mares do silencio sonoro da paz, con todos os tactos intactos líquidos licuantes mornos moles contundentes acuosos cálidos ardentes refrescantes do pracer, con todos os recendos íntimos cósmicos animais mariños humanos a herba a maruxía a madreselva a seme a leite a auga a pan da xustiza, con todos os sabores que saben salgados ao sal da vida que non saben á auga da vida necesaria insípida que saben ás doces praias da vida abertas da felicidade, con todas as intuicións das certezas do incerto do descoñecido das visións visionarias dos soños dos desexos máis irresistibles dos imposibles máis necesarios do amor, con todos os pensamentos da luz negra lúcida da lúa negra do mar negro da poesía abisal dos buracos negros do cosmos da luz láctea da vía láctea do bosque lácteo das preguntas perpetuas do presente perpetuo no que nada se sabe certo da sabedoría, con todas as utopías da saúde social da saúde persoal do ben común comunal conquerido sen mandos sen deuses sen fronteiras sen poderes que oprimen da anarquía. Somos criaturas abisais. Anárquicas. Vivimos a fermosísima beleza abisal da anarquía. (Blanco: 36) Porque se falamos da Carmen pintora cómpre reparar en que esta non só pinta cando pinta, senón que tamén pinta cando escribe, como así demostra neste outro fragmento de Atracción total que é pintura poética, como tantos dos seus textos nos que a plástica se crea a través da palabra ao igual que tamén a palabra devén música, sabor, tacto, utopía e pensamento. "Penso na pintura" Atracción total , Carmen Blanco
Monográfico CARMEN BLANCO | 69 Mais o interese de Carmen Blanco pola pintura tamén se pode rastrexar no seu libro ensaístico Sexo e lugar onde, por exemplo, escribe sobre as pintoras Julia Minguillón, Elena Gago e Maruja Mallo e no que pensa sobre o lugar do pracer e o amor a través dos nús das afroditas galaicas pintadas por Isaac Díaz Pardo ou das ensinanzas da vangarda surrealista que entende o erotismo como un fenómeno subversivo. Nos seus estudos isto exemplarízase, sobre todo, coa súa lectura da obra de Eugenio Granell, tamén "poeta na pintura e debuxante na poesía", creador total que, coma ela, entendeu a arte coma un regalo ás persoas amadas e soubo vivir dende a creación e crear dende a vida: "Porque para el a poesía é todo. Acción, creación, confección, fabricación, composición. Poema. Pintura. Proxecto. Vida." (Blanco, 2006: 364) "A Mestra ensinaba coa súa vida" Atracción total , Carmen Blanco Porque para ela o amor é todo, e por iso nos ensinou coa súa vida a crear o lugar no que poida manifestarse coa maior liberdade, a maior beleza e con toda a verdade. Bibliografía: BLANCO, Carmen (2006), Sexo e lugar , Edicións Xerais de Galicia, Vigo. ____(2008), Atracción total , Edicións Xerais de Galicia, Vigo. NOVO, Olga (2021), " Tigres de ternura de Claudio Rodríguez Fer: Vida, feita, definitivamente, poesía", en Unión Libre. Cadernos de vida e culturas , Lugo, pp. 7-21. https://www.unionlibre.org/artigos/Tigres%20de%20ternura.pdf. RODRÍGUEZ FER, Claudio (1981), Tigres de ternura , Cooperativa Reprografía 1846, Santiago de Compostela, 1981, pp. 65. ____ (1998-1999), "En el corazón de la vulva. Latidos de Extrema Europa ", en Revista de lenguas y literaturas catalana, gallega y vasca , nº 6, pp. 281-302. “Pan e Lilith”, debuxados por Carmen Blanco