scieee AI-readable full text Open interactive document viewer

Normativa do Campus Virtual da USC

Universidade de Santiago de Compostela. Consello de Goberno

Full text

Normativa do Campus Virtual da USC (Aprobada polo Consello de Goberno o 8 de novembro de 2005) Nos últimos anos a Universidade de Santiago de Compostela ven realizando un gran esforzo para dar resposta á crecente demanda de integración das Tecnoloxías da Información e as Comunicacións no proceso de ensino-aprendizaxe, tanto como elemento complementario á docencia presencial tradicional como na xeración de novas modalidades de formación síncronas e asíncronas baseadas no uso intensivo de factores e útiles tecnolóxicos. Así, o incremento na demanda por parte do persoal docente de espazos virtuais para complementar a súa docencia fai necesario que os seus esforzos sexan recoñecidos axeitadamente, o cal é difícil de levar a cabo cando os recursos xerados se atopan dispersos por toda a rede. Como unha das respostas a estas demandas creouse en decembro de 2003 o Centro de Tecnoloxías para a Aprendizaxe (CeTA) como un servizo universitario que ten como finalidade coordinar e apoiar á integración racional das tecnoloxías da información e as comunicacións no proceso de ensinanza e de aprendizaxe. Co establecemento do Campus Virtual da USC, búscase propiciar actividades formativas que se desenvolvan a través da rede, á vez que se incorpora á formación dos estudantes a xeración de habilidades e actitudes relacionadas co emprego das TIC, tan importantes na súa futura actividade social e profesional. Asemade, o Campus Virtual pretende facilitar a aplicación de metodoloxías asociadas á implantación do Crédito Europeo (ECTS), así como o acceso ós programas de Posgrao, Terceiro Ciclo e Formación Continua da USC a todas aquelas persoas que desexen cursalos. A través da presente normativa establécese o marco no que se desenvolverá a actividade docente no denominado Campus Virtual da USC, así como o método de recoñecemento da actividade desenvolvida DEFINICIÓN E NORMAS XERAIS DE ORGANIZACIÓN DO CAMPUS VIRTUAL Art. 1.-Definición O Campus Virtual da USC é a denominación coa que se fai referencia ao conxunto de ferramentas baseadas na rede Internet coas que se da apoio á docencia oficial e non oficial, abarcando tanto o apoio á ensinanza presencial como ós procesos de aprendizaxe a través de procedementos non presenciais (teleformación). Está formado polo conxunto de equipos, aplicacións, contidos e servizos informáticos orientados á formación que se poñen a disposición dos usuarios dende a rede de datos da USC. Art. 2.-Recoñecemento dos estudos A actividade docente virtual da USC realizarase a través do “Campus Virtual” e da súa organización dedicada a este fin. A prestación de servizos docentes virtuais sen seguir o establecido nestas normas poderá implicar o non recoñecemento dos estudos por parte da USC, agás que exista autorización expresa e recoñecemento específico. Art. 3.-Organización A organización e xestión do Campus Virtual correspóndelle ó Centro de Tecnoloxías para a Aprendizaxe (CeTA). O Centro será o encargado de seleccionar e poñer a disposición do persoal docente da USC aquelas aplicacións, plataformas ou servizos máis axeitados ós obxectivos pretendidos, así como establecer as priorizacións e regras de funcionamento dos medios prestados e eliminar incongruencias ou contradicións na oferta virtual da USC. A Área de Tecnoloxías da Información e das Comunicacións (ATIC) prestará asesoramento previo no proceso de selección e implantación de equipos, aplicacións e servizos. Tamén será a encargada de prestar o mantemento da infraestrutura física do Campus Virtual. Art. 4.-Funcionamento O acceso ós servizos, contidos e aplicacións do Campus Virtual realizarase mediante a solicitude establecida para estes efectos. O CeTA concederá a oportuna autorización e poñerá a disposición dos solicitantes os medios autorizados. O uso destes medios deberá ser conforme ás regras ou instrucións que estableza o CeTA. En caso de incumprimento, a autorización será revogada. Art. 5.-Comisión académica e Comisión de Usuarios. O CeTA contará co asesoramento dunha Comisión Académica nomeada polo Reitor a proposta do Consello de Goberno que realizará o seguimento e control das actividades a realizar, así como a acreditación do recoñecemento das actividades realizadas polo persoal docente. Estará integrada polo vicerreitor con competencias no CeTA, que actuará de presidente, o vicerreitor adxunto do Campus de Lugo con competencias relacionadas coa actividade do CeTA, o director do centro, que actuará como secretario, e cinco profesores de cada unha das grandes áreas e dous alumnos (un de 1º e 2º ciclo e outro de 3º ciclo) todos eles usuarios do Campus Virtual, procurando sempre a presenza dos campus de Santiago e Lugo. A Comisión Académica actuará tamén como comisión de usuarios. Art. 6.-Recoñecemento da actividade do Campus Virtual A actividade docente realizada no Campus Virtual será recoñecida pola Vicerreitoría de Organización Académica e Profesorado, e poderá ser certificada como actividade do persoal docente. Para estes efectos dita docencia poderá recoñecerse no POD e no Plan de Traballo Anual nas condicións que se establezan na normativa correspondente. Así mesmo, a Vicerreitoría de Terceiro Ciclo e Extensión Docente recoñecerá as actividades docentes realizadas a través do Campus Virtual dentro do seu ámbito de competencia. A través da Vicerreitoría de Calidade e Planificación Estratéxica poderán ser cualificadas como accións estratéxicas e recibir o apoio específico as accións propias do Campus Virtual. Art. 7.-Dependencia orgánica A organización das actividades virtuais do profesorado universitario someteranse ás presentes normas e ás directrices e ordes de servizo do CeTA, sen prexuízo das competencias dos departamentos. Correspóndelle á dirección do CeTA as relacións con terceiros, sen prexuízo das competencias das vicerreitorías competentes en cada materia. Art. 8.-Normas de utilización dos medios Para a utilización dos medios prestados a través do Campus Virtual emitiranse as correspondentes normas, que serán aprobadas pola dirección do CeTA, co visto e prace da vicerreitoría competente, e publicadas na páxina web do Campus Virtual. A petición de utilización e o seu uso implicará a aceptación das referidas normas. Art. 9.-Doutras actividades A través do Campus Virtual poderanse organizar accións formativas para membros da Comunidad universitaria distintas da oferta de títulos propios ou oficiais da USC. Asemade, poderanse organizar programas formativos a petición de persoas, institucións ou empresas alleas á USC a través de cursos de Formación Continua. Art. 10.-Utilización da denominación “Campus Virtual” Os membros da comunidade universitaria non poderán utilizar a denominación “Campus Virtual” ou similares para outras actividades que induzan a confusión e que non se correspondan coa presente normativa. Disposición final.- Entrada en vigor A presente normativa entrará en vigor o día seguinte da súa aprobación polo Consello de Goberno da USC.