scieee AI-readable full text Open interactive document viewer

Lingua galega e identidade

Recalde Fernández, Montserrat

Abstract

A lingua galega ocupou, dende o Rexurdimento, unha posición destacada como elemento identitario dos galegos. Para o galeguismo decimonónico de herdanza herderiana, era un símbolo central na delimitación do grupo etnolingüístico, idea que foi recollida e transmitida polo nacionalismo galego, dende as Irmandades da Fala até o momento actual. Asemade, un dos argumentos explicitamente invocados pola Lei de Normalización Lingüística a favor da protección do galego foi a función deste na preservación da "personalidade colectiva" dos galegos. Para termos unha panorámica máis completa da importancia do idioma propio na representación identitaria, faise necesario contrapoñer esta visión dende arriba, sostida por unha parte das elites políticas e intelectuais galegas, á visión dende abaixo tal como é expresada polos falantes comúns. Tal é o obxectivo desta contribución, centrada en describir a relación entre lingua e identidade a partir da análise das opinións dunha mostra de entrevistados de diferentes grupos sociolingüísticos obtida no marco do proxecto do Mapa Sociolingüístico de Galicia (1990-1995).

Full text

Atti del XXI CONGRESO INTERNAZIONALE DI LINGUISTICA E FILOLOGIA ROMANZA. Ruffino, G. (1998). Volume V. Dialettologia, geolinguistica, sociolingüística (pp. 575-588). Berlin, Boston: Max Niemeyer Verlag. https://doi.org/10.1515/9783110934038.575 1 Lingua galega e identidade Montserrat Recalde Fernández (Universidade de Santiago de Compostela) Galiza, como grupo étnico, ten dereito a diñificar a língoa que o seu proprio xenio creou (...) (Alfonso Rodríguez Castelao) O concepto de etnicidade deriva do termo grego ethnikós, que orixinariamente significaba 'pertencente á nación, grupo que comparte unha común ascendencia'. Entre os séculos XIII e XIV foi tomado polas linguas europeas para denominar grupos aboríxenes de carácter 'salvaxe ou pagano', sentido co que permaneceu aproximadamente ata entrado o século XIX en que gradualmente comezou a referirse a características raciais. Os cambios producidos despois da Segunda Guerra Mundial provocaron que as sociedades comunmente etiquetadas pola antropoloxía clásica de 'tribais' ou 'aborixes' tomaran crecente contacto coas sociedades poscoloniais, xa fose como consecuencia de emigracións masivas a Europa e Estados Unidos, xa mediante movementos de liberación nacional, normalmente revestidos de conflictos étnicos. Estes foron feitos fundamentais para que nos grupos étnicos se orixinase unha crecente toma de conciencia verbo da súa diferencialidade respecto á sociedade que os acollía ou controlaba politicamente, o que favoreceu o xurdimento de fronteiras intergrupais que arredaban o nosoutros do vosoutros. Foi a partir de entón cando a antropoloxía social comezou a utilizar a etiqueta de minorías étnicas para designar grupos minoritarios, culturalmente marcados ou non estándares (aínda que, en sentido estricto, todo grupo humano que comparta un acervo cultural, sexa ou non minoritario, constitúe un grupo étnico1). Pódese soster, pois, que o sentido actualmente aplicado ao concepto de etnicidade é un producto dos estados modernos. Como indica Eriksen (1993), existen centos de acepcións distintas asignadas na idade moderna a identidade étnica, pero a todas elas parecen subxacer dúas ideas clave: a de 'clasificación' e a de 'relación intergrupal'. Seguindo a teoría das relacións intergrupais de Tajfel (1974, 1974a) a clasificación social é unha consecuencia directamente derivada das categorizacións que se efectúan a través da interacción intergrupal. Mediante a interacción social os membros do endogrupo compáranse cos membros do exogrupo buscando características ou cualidades relevantes do seu propio grupo (contido grupal) que lles permitan diferenciarse nun sentido positivo do exogrupo (establecemento de fronteiras grupais). O coñecemento e conciencia de pertenza a un determinado grupo e o valor que se lle outorga a esa condición de membro é o que Tajfel denomina identidade social. A búsqueda de contido grupal relevante iníciase xeralmente atendendo a datos obxectivos proporcionados pola historia compartida e, unha vez que se atopa, é observado coma unha evidencia insoslaiable que vencella os membros do grupo e os identifica fronte aos non-membros. Como pode facilmente deducirse, se os valores relevantes que serven de contido diferenciador teñen un carácter predominantemente obxectivo, os motivos que impulsan os individuos a buscar elementos de autoafirmación étnica son de carácter máis ben subxectivo. Desde esta perspectiva, tal e como afirma Edwards (1985: 8), un grupo étnico debe ser definido coma un conxunto de individuos que se consideran unidos por algún tipo de lazo emocional - aínda que compartan unha ascendencia común obxectiva parece moito máis importante para o sentimento étnico que crean nela. Son, precisamente, os vencellos emocionais que configuran a identidade étnica, os que permiten que as fronteiras intergrupais permanezan cando o contido cultural se esvae 2 . Segundo Laponce (1984), son basicamente nove os criterios que os individuos utilizan para definir a súa identidade social no seo de amplos conxuntos políticos, como poden ser o Estado ou a nación: 1. a orixe biolóxica ou social (familia, clan, tribu, etnia, nación), 2. o lugar de residencia, 3. a profesión, 4. a raza, 5. o sexo, 6. a idade, 7. a relixión, 8. a lingua, 9. a ideoloxía política. Pese a que a lingua está situada no octavo lugar, en situacións específicas de multilingüismo pode acadar un papel preponderante na reivindicación da identidade grupal, especialmente cando o grupo lingüístico minoritario entende que a súa situación é ilexítima ou inaceptable, e ve ameazada a súa supervivencia diferenciada. Algúns exemplos da extraordinaria relevancia que pode adquirir a lingua na configuración da identidade colectiva ofrécennolos o euskera no País Basco (cfr. Tejerina Montaña 1992; Ros et alia 1994), o irish en Irlanda (Edwards 1985), o welsh no País de Gales (Bourhis & Giles 1977) ou o catalán en Cataluña (cfr. Royo 1991; Woolard 1991, 1992; Ros et alia 1994) 3 . Sen embargo, este non é un fenómeno novo. Debemos remontarnos ao Romanticismo europeo, e máis estrictamente ao alemán, para atopar, na idea do Volksgeist unha conexión íntima, caseque mística, entre a lingua e o pensamento dun pobo. Desde que Herder publicou, no 1772, a súa obra Ueber den Ursprung der Sprache, na que postulaba a orixe común e o común desenvolvemento da linguaxe e o pensamento, a idea de que a lingua conformaba a espiritualidade dos pobos e, polo tanto, que desaparecendo a lingua desaparecerían estes como entidades diferenciadas, foi un motivo recurrente dos ideólogos do nacionalismo lingüístico (Humboldt, Fichte, Maurras). En Galicia estas ideas comezaron a facerse eco durante o Rexurdimento, especialmente a partir de 1840, ano en que xorde un movemento político, o provincialismo, que, se ben non tiña a recuperación pública do galego como obxectivo fundamental, sentou as bases da ideoloxía galeguista posterior trasladando o referente nacional desde España a Galicia. Será Murguía, ideólogo do rexionalismo liberal, quen, entre 1885 e 1893, estableza o núcleo conceptual que recollerá o nacionalismo do primeiro terzo do s. XX, reclamando a galeguización política e cultural do país e pondo de relevo o papel sobranceiro que ten a existencia dunha lingua propia para o recoñecemento da individualidade colectiva (cfr. Beramendi et al. 1995; Hermida 1992). Así pois, unha das tarefas dos homes do Rexurdimento foi a creación dunha identidade etnolingüística positiva, que suplantase a identidade negativa Atti del XXI CONGRESO INTERNAZIONALE DI LINGUISTICA E FILOLOGIA ROMANZA. Ruffino, G. (1998). Volume V. Dialettologia, geolinguistica, sociolingüística (pp. 575-588). Berlin, Boston: Max Niemeyer Verlag. https://doi.org/10.1515/9783110934038.575 3 que se fora estendendo gradualmente entre a poboación a partir do século XV, debido ás presións culturalmente unificadoras do centralismo español, e que desembocara nun progresivo abandono da lingua propia por parte da clase media urbana. Neste proceso utilizaron dúas das tres estratexias ás que, segundo Tajfel (1974, 1974a), recorren os grupos minoritarios cando vislumbran alternativas cognitivas ao status quo, isto é, a redifinición das características valoradas negativamente e a creación ou descubremento de novas dimensións, non usadas previamente, nas comparacións de intergrupo. No primeiro caso entrarían os intentos de aderezar a lingua galega con calificativos positivos (dulce, armoniosa, apta para a poesía...) que contrarrestaran a influencia das calificacións negativas (rústica, vulgar...). No segundo, o descubremento da lírica galego-portuguesa proporcionoulles aos rexurdimentistas un argumento de forza na súa procura de ennobrecer a lingua. Sen embargo, este movemento nacido na intelectualidade urbana castellanofalante estaba a reclamar unha identidade lingüística que non era a dos seus voceiros 4 , mentres a poboación realmente portadora do legado que eles defendían era fundamentalmente campesiña e na súa meirande parte analfabeta. Por conseguinte, o intento de revitalización etnolingüística tivo escasa difusión na masa poboacional (Hermida 1992) quen, por outra banda, dada a súa escasa formación intelectual, dificilmente se adentraría en profundas reflexións sobre a importancia que, para a súa identidade como pobo, posuía unha lingua usada por motivos fundamentalmente pragmáticos. Quedaba, pois, establecida unha profunda separación entre función comunicativa e función simbólica do galego 5 . Algo de máis repercusión social, sen embargo, tiveron as reivindicacións étnicas na Galicia do primeiro terzo do século XX. No 1916, a proposta de Antón Villar Ponte, nacen as Hirmandades de Amigos da Fala, que, se ben o seu propósito orixinario era promover a cultura do país no sentido máis folklórico do termo (creación de grupos de coros e danzas, cursos de galego, xogos florais e efemérides patrióticas), a partir do 1918 amplíanse as actividades ao terreo da actuación estrictamente política. No desenvolvemento das ideoloxías nacionalistas a partir deste ano e ata 1936, a lingua, a terra e a raza configuran o Volksgeist substancial da galeguidade subxacente a todas elas. Coas esixencias da galeguización da vida pública e administrativa, xunto co predominio do idioma galego en todos os niveis de ensino, procurábase demostrar que esta lingua constituía un vehículo apto para a alta cultura. E así coma os esforzos levados a cabo na segunda metade do século pasado caeran en saco roto dada a escasa penetración social dos movementos de revitalización etnolingüística, cabe supor que o impacto social sen precedentes que tiveron as ideas nacionalistas inmediatamente despois da dictadura de Primo de Rivera que -lonxe de reducírense á intelligentsia urbana, agora presentaban unha adscripción social marcadamente interclasista (cfr. Beramendi et al. 1995) 6 - levaría consigo un certo agromar da conciencia etnolingüística dos seus votantes. Hoxe en día, tras o longo paréntese do franquismo, en que as expresións máis radicais de nacionalismo lingüístico tiveron que reducirse ás puramente culturais ou conmemorativas, e pese a unha preocupante recesión demográfica, non cabe dúbida de que o galego é unha das linguas minorizadas que aínda conserva unha importantísima función como instrumento de comunicación ordinario para amplas capas de poboación. Non esquezamos que continúa a ser a lingua materna do 60.2% dos galegos (72.1% se temos en conta os bilingües iniciais) e que o 69.4% dos mesmos a fala habitualmente, xa sexa de forma exclusiva, xa predominante. Máis aínda, mentres só o 10% da poboación total de Galicia maior de 15 anos afirma non utilizar nunca o galego, para 39.4% da mesma é o único sistema de comunicación viable, é dicir, non fala máis lingua ca esta 7 . Non obstante, nin o destacado rol identificativo que lle foi asignado á lingua pola intelectualidade galeguista ao longo de un século, nin o feito de que a preservación da personalidade colectiva sexa unha das razóns aducidas para emprender a elaboración da Lei de Normalización Lingüística do galego, son elementos o suficientemente determinantes da posición que ocupa a lingua na definición da identidade galega. Pretender concluír se é utilizada para establecer fronteiras intergrupais, se é sentida coma un ben necesario para a autoafirmación positiva e a conservación da identidade, ou se non ten máis función cá puramente utilitaria, require a análise previa das actitudes dunha mostra representativa dos diversos sectores sociais que compoñen a poboación galega, así como a observación da súa interrelación co grupo lingüístico e o posicionamento ideolóxico. Utilizando a mostra que serve de base para a elaboración do Mapa Sociolingüístico de Galicia, composta por 38.897 entrevistados de 16 anos ou máis e distribuída seguindo criterios de idade e sexo (cun erro mostral do 3% e unha marxe de seguridade do 95%), trataremos de decidir se o galego funciona coma un marcador étnico e, se o fai, cal é a súa posición respecto doutros marcadores. Basearemonos en catro cuestións clave que oporemos dúas a dúas: 1ª) a visión da lingua como mero trazo distintivo (¿Cal é a lingua dos galegos?) fronte á proxección conductual da conciencia etnolingüística (¿Que lingua deben falar os galegos?); 2ª) a transcendencia do galego na conservación do patrimonio étnico e cultural colectivo (Se se deixase de falar o galego, a cultura e identidade de Galicia ¿perderíanse ou manteríanse?) fronte á significatividade da conducta lingüística no establecemento da identidade individual (¿Quen é máis galego: o que fala galego, o que naceu en Galicia, o que vive e traballa aquí?). Namentres o 58.3% da poboación identifica o galego como a lingua dos galegos, só o 40% cre que é a que estes deben falar de modo exclusivo. O 58.1% amósase partidaria dun comportamento bilingüe en Galicia, aínda que unicamente o 39.9% considere que o castellano sexa unha lingua tan distintiva de Galicia coma o galego 8 . Do mesmo xeito, case a totalidade da poboación estima que a perda da lingua galega levaría consigo a perda da cultura e identidade de Galicia (76.8%), pero a porcentaxe dos que consideran a conducta galegofalante Atti del XXI CONGRESO INTERNAZIONALE DI LINGUISTICA E FILOLOGIA ROMANZA. Ruffino, G. (1998). Volume V. Dialettologia, geolinguistica, sociolingüística (pp. 575-588). Berlin, Boston: Max Niemeyer Verlag. https://doi.org/10.1515/9783110934038.575 5 coma o mellor símbolo da galeguidade redúcese a un 16.3%. Para o 62.3% dos entrevistados é máis importante o ter nacido en Galicia e para o 21.4% o feito de traballar neste país 9 . A lingua materna dos entrevistados, e especialmente a lingua habitual, introducen variacións substanciais na relevancia concedida ao galego como definidor da identidade grupal. Deste xeito, un 64.3% de galegofalantes iniciais cren que o galego é a lingua propia dos galegos, porcentaxe que se reduce a un 54.7% no caso dos bilingües iniciais e a un 46.8% no dos castellanofalantes. Contrástense estas porcentaxes coas dos que defenden o galego como a única lingua que deben falar os galegos: galegofalantes iniciais 49%; bilingües iniciais 32.5%; castellanofalantes iniciais 23.7%. Ao tomar como referencia a variable ¿quen é máis galego?, a preponderancia do factor lingüístico como o principal símbolo de etnicidade descende marcadamente. As respostas dadas a esta cuestión delatan unha tendencia a observar a etnicidade desde unha óptica máis territorialista ca lingüística, e isto independentemente da lingua materna. Deste xeito, só o 15.5% dos que recibiron o galego como primeira lingua pensan que é máis galego quen o fala, porcentaxe que ascende levemente no caso dos bilingües iniciais (18.9%) e entre os que tiveron como lingua materna o castellano (16.9%). Así, o 65.7% dos galegofalantes iniciais cren que é máis galego quen naceu en Galicia e o 18.8% o que vive e traballa aquí. Só o 15.5% dos mesmos sustenta a galeguidade sobre criterios lingüísticos. Nos outros dous grupos estas opcións de resposta acadan as porcentaxes seguintes: 'o que naceu en Galicia' 59% entre os bilingües iniciais, 56% entre os castellano falantes iniciais; 'o que vive e traballa aquí' 22% no primeiro grupo e 27% no segundo; 'o que fala galego' 16.9% nos castellano falantes e 18.9% nos bilingües. Polo que se refire á incidencia da lingua habitual, detéctase un incremento paulatino na transcendencia que se lle outorga ao galego como emblema grupal a medida que aumenta a súa presencia nas interaccións diarias. Tan só o 29% de monolingües en galego defende que tanto o castellano coma o galego sexan as linguas dos galegos, entrementres o 70% dos mesmos cren que é exclusivamente o galego -contrástese co 60.2% e o 34% no caso dos monolingües en castellano. Así mesmo, se ben un 42% de monolingües en galego son partidarios de que os galegos adopten unha conducta bilingüe, o 56.8% dos mesmos defende un monolingüismo militante, afirmando que deberían falar unicamente o galego. Entre os monolingües habituais en castellano, o 78.9% é partidario do bilingüismo e o 15.1% do monolingüismo en galego. Atendendo á necesidade de conservar o galego como depositario da cultura e identidade galegas, percíbese unha xeralización da crenza de que as últimas se perderían se se abandoase a primeira, pero se resulta estensible ao 69% dos que falan unicamente en castellano, acada o 79.3% nos que falan exclusivamente galego. Non obstante, o feito de practicar o monolingüismo en galego non conleva que este grupo sobrevalore, por encima doutros factores, o uso da lingua coma o principal marcador da identidade individual. Só o 16.2% de entrevistados deste subgrupo lingüístico afirma que é máis galego quen fala galego, o 65.1% considera máis galego a quen naceu en Galicia e un 18.7% a quen vive e traballa nela. Nesta actitude en concreto, parece incidir máis decisivamente a idade dos entrevistados, posto que canto menor é esta máis altamente valoran a conducta lingüística como autoafirmadora da identidade. Así, se ben só un 8.5% de individuos maiores de 65 anos cren que é máis galego quen fala o galego, a porcentaxe case se cuadruplica nos mozos de 16 a 25 (30.3%), mentres un 11.8% da poboación de 41 a 65 anos e un 17.5% da de 26 a 40, participa desta crenza. A tendencia a considerar máis galego quen naceu en Galicia segue a ser maioritaria en todos os grupos de idade, pero descende paralelamente a esta. Deste xeito, as tres cuartas partes da poboación maior de 65 anos (75.2%) opina que os nacidos en Galicia son máis galegos cós que falan galego ou cós que viven e traballan neste país, pero as porcentaxes redúcense a un 68.5% no grupo de 41 a 65 anos e a un 57.1% no de 26 a 40. Finalmente, menos da metade dos entrevistados de 16 a 25 anos (45.7%) comparten esta opinión. Non obstante, probablemente as variacións máis interesantes na conciencia etnolingüística da poboación analizada sexan as introducidas pola ideoloxía política dos entrevistados. Sabemos que en múltiples comunidades lingüísticas onde se detecta a existencia de movementos de reivindicación nacional cunha firme base política, a posesión dunha lingua diferenciada convértese nun argumento de gran valor xustificativo. Por escasa que sexa a súa vitalidade, a lingua constitúe un elemento esencial do nacionalismo cultural que normalmente precede o nacionalismo político 10 . Aínda que en Galicia, durante a transición, xurdiron movementos de reivindicación nacionalista de moi diferentes tendencias políticas (centrodereita, democristiáns, esquerda marxista-leninista, esquerda socialdemócrata), a galeguización do país constituíuse nun dos escasos pontos en común a todos eles -se ben se detectan diferencias de intensidade e convicción que discorren desde a mera utilización pública e a demanda da súa cooficialización co castellano, ata pretensións de convertilo na única lingua oficial de Galicia e un uso individual marcadamente militante (cfr. Fernández Rei 1990; Beramendi et al. 1995). Pois ben, a relación entre as actitudes etnolingüísticas da poboación estudiada nestas páxinas e as súas simpatías políticas delata unha importante escisión entre os nacionalistas e non nacionalistas sen que existan, entre estes últimos, diferencias minimamente apreciables na súa valoración da lingua como elemento de identificación étnica 11 . Así, aínda que a maior parte dos entrevistados consideran que a lingua dos galegos é o galego, independentemente da súa proxección ideolóxica, nos nacionalistas esta opción recolle o 75.9% das respostas, mentres que entre os non nacionalistas se reduce a algo máis da metade da poboación (54.5% nos que se senten próximos á dereita e 56.5% no caso dos esquerdistas). As porcentaxes dos que estenden a equivalencia lingua dos galegos=galego a unha dimensión conductual redúcese considerablemente en todas as tendencias ideolóxicas, se ben segue sendo maioritaria entre os nacionalistas. Un 54% dos mesmos afirman que os galegos deberían falar exclusivamente Atti del XXI CONGRESO INTERNAZIONALE DI LINGUISTICA E FILOLOGIA ROMANZA. Ruffino, G. (1998). Volume V. Dialettologia, geolinguistica, sociolingüística (pp. 575-588). Berlin, Boston: Max Niemeyer Verlag. https://doi.org/10.1515/9783110934038.575 7 galego, en tanto que o 45.6% considera conveniente que se alterne co uso do castellano. Pola contra, o 59.5% dos non nacionalistas optan polo uso conxunto de galego e castellano e só un 38% dos mesmos, no caso dos dereitistas, e un 38.8% nos esquerdistas, defenden o uso exclusivo do galego. Así mesmo, son elevadas as porcentaxes de entrevistados que coidan que se deixase de falarse o galego se perdería a cultura e identidade de Galicia. Sen embargo, esta convicción é máis firme entre os simpatizantes nacionalistas (89.1%, fronte ao 73.6% dos simpatizantes da dereita e o 76.3% da esquerda non nacionalista). Un dato relevante para clarificar a situación do galego como configurador da etnicidade é a importancia que lle conceden os nacionalistas á militancia lingüística. Neste sentido cómpre admitir que incluso neste grupo de suxeitos a concepción territorialista da galeguidade relega a un segundo termo o uso da lingua. Se o 32.4% considera máis galego a quen fala galego e 45.2% cre que o é quen naceu en Galicia -só o 22.5% dos nacionalistas din que é máis galego o que vive e traballa neste país 12 . Así e todo, os nacionalistas concédenlle ao uso do galego moita máis relevancia cós non nacionalistas para definir a identidade galega. Nestes últimos, só o 13.6% do centro-dereita e o 15.2% da esquerda, califican como máis galego a quen o fala. O 1 de marzo de 1989 a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia promulga unha orde pola que se regulamentan unha serie de cursos de iniciación e perfeccionamento da lingua galega destinados a divulgar o seu coñecemento entre diversos colectivos sociais. Moitos dos asistentes a ditos cursiños son membros de distintos corpos de funcionarios que, ou ben están obrigados a probar o seu coñecemento da lingua galega (caso dos profesores), ou se ven favorecidos por el no acceso a determinados postos profesionais. Sen embargo, hai tamén unha parte da poboación que asiste a tales cursiños motivada unicamente polo seu interese en ampliar coñecementos de lingua galega. Estes dous grupos de suxeitos véñense denominando nas investigacións enmarcadas na área da socioloxía da linguaxe aprendices instrumentais e aprendices integrativos da lingua que, como moi ben sinalan Bourhis e Giles (1977) para o galés, poden demostrar unha marcada diferencia na valoración da lingua do seu grupo nacional. De acordo con estes autores, os aprendices integrativos, que estudiaban o galés para amosárense máis familiarizados co seu patrimonio cultural e como membros dun grupo étnico nacional, sentían a lingua moito máis vencellada á súa identidade como pobo cós aprendices instrumentais, que o estudiaban para alcanzar beneficios materiais. As actitudes destes dous grupos de suxeitos en Galicia reproducen, en certa medida, o mencionado no caso do País de Gales. A valoración do galego como símbolo da identidade grupal é moito máis alta entre os que o aprenden arrastrados polo seu interese pola lingua ca entre os que o fan para mellorar profesionalmente. Se a maioría dos entrevistados que realizaron cursiños de galego cren que esta é a lingua dos galegos, no caso dos aprendices integrativos trátase dun 66.4% mentres no dos instrumentais redúcese a un 50.4%. Así mesmo, as porcentaxes dos que opinan que coa morte da lingua galega se perderían a cultura e identidade de Galicia son moi altas nos dous grupos, pero sobresaen as dos que o estudian por interese persoal (87.1% vs. 79.6%). Polo que se refire á lingua que deben falar os galegos, hai unha clara tendencia a favor do bilingüismo galego-castellano nos dous grupos de aprendices (56.8% nos integrativos e 71.3% nos instrumentais); sen embargo, a porcentaxe de estudiantes integrativos partidarios do monolingüismo en galego acada o 43% (27.8% nos instrumentais). Finalmente, pode resultar de interese subliñar que entre os que realizaron cursiños de galego fóra da escola, descende a importancia de ter nacido en Galicia para definir o ser galego (42.6%) en relación co resto da poboación. Agora ben, o peso de cada unha as opcións varía segundo as causas que impulsaran os entrevistados a realizar ditos cursiños. Pese a que tanto no grupo integrativo como instrumental predomina a concepción de que é máis galego o que nace en Galicia, a fundamentación da identidade galega no uso da lingua cobra forza entre os integrativos (39.6%) e no feito de vivir e traballar en Galicia entre os instrumentais (31.3%). O examinado nas páxinas anteriores permitiranos trazar unhas breves pinceladas recapitulatorias sobre a cuestión da identidade lingüística en Galicia. En primeiro lugar, polo que se desprende das respostas ás diferentes cuestións analizadas, convén enfocar o fenómeno da identidade etnolingüística neste país coma un feito gradual. Vimos que para a maioría da poboación galega a lingua propia dos galegos, a definitoria de Galicia en canto comunidade lingüística, é o galego. Sen embargo, a mesma maioría de poboación non cre que sexa a que os galegos deben falar exclusivamente, senón que se amosa máis a favor do bilingüismo galego-castellano. Así mesmo, practicamente a totalidade da mostra analizada considera que o mantemento da lingua galega resulta indispensable para a conservación da súa cultura e identidade como pobo, pero o feito de falar galego non constitúe unha etiqueta de calidade galega superior a outras. Ao contrario, sustentándose nun fundamento de base territorial, o ter nacido en Galicia supón, para os entrevistados, o mellor distintivo da galeguidade. A resposta a todas estas cuestións, lonxe de ser contradictoria, denota unha dimensión simbólica do galego relativa e gradual. E dicir, os galegos asumen a equivalencia lingua=pobo na medida en que non atenta contra intereses máis pragmáticos, entre os cales están o coñecemento e uso do castellano. Así pois, a lingua galega desempeña un papel moito máis importante como instrumento de comunicación que de identificación 13 , o que se fai máis palmario cando se analizan as actitudes etnolingüísticas dos galegofalantes iniciais. O factor identificativo cobra forza entre os monolingües habituais en galego, único grupo que se declara maioritariamente partidario de que os galegos falen unicamente galego. Sen embargo esta postura contrasta coa súa valoración de que é máis galego quen naceu en Galicia ca quen fala esta lingua. Estes datos lévannos a concluír que o galego non funciona como marcador de fronteiras interétnicas, o que resulta comprensible se pensamos que, a diferencia do que sucede en Cataluña -onde os falantes de castellano se identifican con grandes masas de inmigrantes procedentes de Castilla e Atti del XXI CONGRESO INTERNAZIONALE DI LINGUISTICA E FILOLOGIA ROMANZA. Ruffino, G. (1998). Volume V. Dialettologia, geolinguistica, sociolingüística (pp. 575-588). Berlin, Boston: Max Niemeyer Verlag. https://doi.org/10.1515/9783110934038.575 9 Andalucía- en Galicia os galegofalantes e castellanofalantes non pertencen a dous grupos étnicos ben delimitados, senón que son membros dun mesmo grupo étnico que conservaron ou abandonaron a súa lingua identificativa. Pénsese no frecuente que resulta na actualidade a convivencia de membros de diversos grupos lingüísticos no seo dunha mesma familia (avós monolingües en galego, pais bilingües con predominio do galego e fillos bilingües con predominio do castellano) 14 . Por outra banda, o elevado grao de bilingüismo existente hoxe en día en Galicia (cifrado nun 50.7%) e o feito de que este tipo de falantes cambien dun código a outro coa mesma facilidade coa que se altera algunha das compoñentes da interacción comunicativa, dificulta aínda máis que a lingua sexa considerada un importante marcador da etnicidade 15 . Non obstante as variables máis decisivamente relacionadas coas actitudes etnolingüísticas da poboación son a idade, o carácter integrativo/instrumental da aprendizaxe do galego e a ideoloxía política dos entrevistados, esencialmente a dicotomía nacionalista/non nacionalista. Sobre este último aspecto, atrevémonos a dicir que a recuperación da centralidade do galego como representación cultural da identidade colectiva está sendo impulsada polas ideoloxías nacionalistas, fundamentalmente polos mozos da clase media urbana cun nivel cultural medio-alto 16 . Estes non sempre amosan uns hábitos lingüísticos consecuentes coas súas ideas, como indica ese 22.8% de nacionalistas que consideran que os galegos deben falar exclusivamente galego e sen embargo se recoñecen castellanofalantes habituais. Isto demostra que a reivindicación do galego como símbolo definidor do endogrupo non a leva a cabo unicamente o 'endogrupo' en sentido estricto, isto é, os galegofalantes, senón que, como remanente do XIX, hai unha porcentaxe non despreciable de falantes de castellano na avangarda de tales reivindicacións. Así pois, as funcións simbólica e instrumental do galego seguen sen ser demograficamente coincidentes. A experiencia aportada por outras comunidades onde o nacionalismo ten unha raigame social moito máis estendida e profunda ca en Galicia, evidencia que esta ideoloxía pode ser unha destacada impulsora da conciencia etnolingüística da poboación, pero tamén que a miúdo se manifesta pouco capaz de recuperar espacios e usuarios (Egin, o diario voceiro de ETA, está case integramente redactado en castellano e o Irish Republican Army utiliza o inglés nas súas reivindicacións independentistas) 17 . Dado o pragmatismo da poboación galega, cabe pensar que unha política lingüística orientada fundamentalmente a reforzar os lazos entre lingua e identidade terá unha repercusión máis ben escasa en canto a recuperación de falantes. Por iso resulta preciso complementar as estratexias puramente identificativas con outras predominantemente utilitarias. E dicir, facer do coñecemento e uso do galego algo socialmente necesario.