scieee AI-readable full text Open interactive document viewer

"Estoupar na vida" de Cristina Fiaño

Eimil, Vanessa

Full text

EVOHÉ | 9 “Estoupar na vida” de Cristina Fiaño VANESSA EIMIL Facultade de Humanidades Universidade de Santiago de Compostela O POEMA “Estoupar na vida” é un poema da polifacética Cristina Fiaño recollido, a carón de “Morder os ceos” e “O noso amor”, no poemario O amour fou, editado este no ano 2017 co gallo do oitenta aniversario da publicación de L´amour fou de André Breton. Pertence á serie A tola soñando e está ilustrado por Sara Lamas. Nel, ademais de Fiaño, colaboran Olga Novo, Carmen Blanco, Claudio Rodríguez Fer, os tres antigos docentes de Fiaño en diferentes etapas da súa vida, e María Lopo. ESTOUPAR NA VIDA Cando a vida sen norte é tempos e máis seres e máis nadas sen norte cando a vida non pasa cando o pracer permanece inacabablemente. Claudio RODRÍGUEZ FER Fíxome pequena o mundo. Fíxome pequena o mundo para aprenderme que se medra máis firme cun só verso libertario que sobre 10 centímetros de tacón de Prada. Fíxome pequena porque eu medrarei e medrarei aumentando a altura do que aprehendo, fagocitando versos coa ansia de sementar lume, en min, de cargar beleza dende o íntimo, de xerminar no mesmo nó que ata o meu estómago a liberdade de expresión do ruxir das miñas tripas, con fame de vida. Sabía o mundo que medrarei comendo versos. Que construirei a vida sobre cimentos de poesía. 10 | EVOHÉ Que introducirei sopros de seiva na boeta dos domingos para erguer o templo no que bendicir o meu corpo. Tódolos santos días. O mundo fíxome pequena. Fíxome pequena o mundo a sabendas de que un só verso libertario me despezaría o corpo ós 22 anos volatizándome nunha éxtase vital que me expulsa á perfección do cosmos, para acabar aterrando nunha alegoría da beleza, cíclica. Clamo agora á ousadía de medrar queimando a cinza co lume renovador. De que me penetre a noite mentres me relambe o día ateigada da profunda necesidade de non profanar tumbas, de acadar o epicúreo, de e s t o u p a r na VIDA O ANDAR DA AUTORA Cristina Fiaño graduouse en Enxeñería en Deseño Industrial no Campus de Ferrol da Universidade da Coruña e en Ciencias da Cultura e Difusión Cultural no Campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela. Durante os seus estudos neste campus dirixiu e maquetou a revista Evohé, sendo o número 23, en 2012, o primeiro no que participou, coincidindo coa súa primeira publicación, a entrevista a Claudio Rodríguez Fer. Más adiante, tamén entrevistará a Jean Liberto Andreu, Darío Rivas, Taty Almeida, Julio Ortega e a Antonio Gamoneda. Como poetisa, ademais de “Morder os ceos”, “Estoupar na vida” e “O noso amor”, ten outros dous poemas, “Danzar a dor” e “Comeume a casa”, ata agora publicados, neste caso en Poemas para pais, Poesía para tod@s, nº6, proxecto de Unión libre (2017) no que, de novo, tamén colaboran Carmen Blanco, Olga Novo e Claudio Rodríguez Fer. A día de hoxe, Cristina está a facer o máster en Servizos Culturais ao tempo que é socia dunha cooperativa cultural de Compostela, o que lle permite compaxinar a labor cultural e o deseño, sen perder o entusiasmo pola investigación e a creación. EVOHÉ | 11 A propósito de entusiasmo, é momento de analizar en profundidade “Estoupar na vida”. VITALIDADE EXPLOSIVA E POESÍA COMO LIBERACIÓN “Estoupar na vida” é a expresión de Fiaño do seu desexo de VIVIR de maneira intensa sendo a poesía un medio para elo. En trinta e cinco liñas recolle a súa experiencia coa literatura, o seu estoupido, nunca mellor dito, no mundo literario, un mundo, para ela, collido da man da liberdade e do cal flúe a vida mesma. Aos vinte e dous anos comeza o seu enlace coa poesía decatándose de que cun só verso libertario medrará interiormente máis firme, de que nutríndose de versos aumentarán cada vez máis os seus coñecementos (“aumentando a altura do que aprehendo”). Se poesía e liberdade están intimamente unidas, adquirindo poesía, adquirirá liberdade, o cal lle provocará beleza interna e, polo tanto, profundas ansias de máis vida. Poesía, liberdade, beleza, vida. Son as claves dun poema inspirado polo erotismo e a vangarda. Preséntanolas coma unha cadea de secuencias que a levará a construír, indubidablemente para ela, a súa vida sobre cimentos de poesía. Dito de forma máis sinxela, temos ante nós o que significa a poesía para Cristina Fiaño, a relevancia que ten na súa vida e, por encima de todo, o desexo vital da autora, un desexo que parece pender dun conxunto de versos de liberdade. Cunha poesía escrita e plasmada no papel dunha forma tan intensa fainos crer que grazas a ela descubriu a natureza da existencia, o verdadeiramente importante da vida: vivila, correr cara o pracer. De xeito gradual imos vendo como transcribe unhas ganas de vivir cada vez máis fortes. A expresión desta vitalidade explosiva demostra que a poesía permite toda expresión, toda liberdade. Mais neste poema hai algo máis que expresión, algo máis que ansia. Ao final non perde a oportunidade de suxerir o atrevemento, de incitar a que sigamos, nós, os que a lemos, o camiño da liberdade, despois de convencernos de que non hai outro mellor. CON FORMA DE VIDA Pondo o ollo na forma do poema e, en concreto, no plano fónico, o máis resaltado é a aliteración do “r” (“estoupar”, “medrar”, “cargar beleza”, “xerminar”, “sementar”, “construirei”, “introducirei”, “aterrando”, “renovador”, “relambe”, “profunda”, “profanar”...). Este son provoca unha sensación de intensidade, de profundidade, de incremento de ganas, dunha forza moral propia dunha persoa que non se quere deixar dominar. En canto ao nivel gramatical, o primeiro que chama a atención é o epímone “Fíxome pequena o mundo”, que se transforma no verso 19 en “O mundo fíxome pequena” botando man dunha concatenación. Ao mesmo tempo, este epímone da lugar a varios paralelismos coa estrutura “fíxome pequena” que destaca a idea que ten a voz poética de sentirse pequena nun mundo tan cheo de cousas por coñecer e aprender que é o mesmo mundo o que a fai pequena a ela. Mais non só está presente o paralelismo mencionado, tamén se reiteran as estruturas xerundio-obxecto directo-frase preposicional (“aumentando a altura do que aprehendo”, “fagocitando versos coa ansia de sementar lume”), preposición-infinitivo (“de sementar...”, “de cargar...”, “de xerminar...”, “de acadar...”, “de estoupar...”), conxunción-verbo-obxecto 12 | EVOHÉ directo-frase preposicional (“que construirei a vida sobre...”, “que introducirei sopros de...”), sendo, ademais, exemplos de zeugma. Todos estes recursos crean unha música tenra, de sentimento sacado dende o máis íntimo, de contento coa vida que descubriu. Da a sensación de que aprendeu a saboreala, a quedarse co mellor, de aí que queira estoupar, fundirse nela de cheo, beber todo o que a poida seducir e crecer como persoa da forma máis hedonista posible. Todo iso conseguirao dende unha posición baixa e estratéxica, pequena ante o mundo, para observalo e desfrutalo todo, pois cando di e reitera “Fíxome pequena o mundo” resulta doado imaxinar o seu corpo coma un punto diminuto entre o infinito do seu redor. Esta é quizais a imaxe que quere achegarnos, todos somos pequenos neste mundo. Só nos faremos grandes a través da liberdade. Con todo, o máis relevante deste nivel son os encabalgamentos abruptos (véxanse, por exemplo, os versos número 2 e 4). Cristina Fiaño, non só se afasta da poesía rimada, senón que mostra ademais unha poesía non contida e engaiolada, igual que Olga Novo e Claudio Rodríguez Fer. A súa poesía é desenfadada, derramada, unha imaxe da vida mesma. Semella non concibir a expresión dunha vida sen freos nunha estrutura reprimida. A vida que ela quere dista moito dunha vida refreada e dominada. Así pois, este pensar e sentir seu non só se extrae das súas palabras vertidas con forza en papel, a estrutura é tamén representativa da forma de vida pola que loita. O SIGNIFICADO DA VIDA No entanto, a máxima profundidade atópase no plano léxico. Para empezar, emprega vocablos representativos dunha variante diastrática mesturada con dialectalismos “cimentos” (en lugar de “cementos”) e “seiva” (en lugar de “zume”), o cultismo “epicúreo” ou o tecnicismo "fagocitar" (Bioloxía), que non deben carecer de mención, pois particularmente considero que o uso dunha lingua non demasiado normativa vai en sintonía coa súa personalidade e co que pretende reflexar; axuda na creación da profundidade e tenrura inherentes ao poema e mostran unha vida aberta a todo. Máis alá destes termos, hai tamén unha serie de campos semánticos que remiten precisamente a esa profundidade e pensamento da autora. Son os seguintes: o campo do crecemento (“pequena”, “medra”, “medrarei”, “altura”, “sementar”, “xerminar”), da aprendizaxe literaria e vital (“aprenderme”, “aprehendo”, “liberdade de expresión”, “versos”, “poesía”, “verso libertario”), do aparello dixestivo (“fagocitando versos”, “estómago”, “ruxir das miñas tripas”, “comendo versos”), da relixión católica (“boeta”, “domingos”, “templo”, “bendicir”, “santos días”, “profanar tumbas”), da natureza (“seiva”, “cosmos”, “lume”, “cinza”) e un campo do pracer sexual (“éxtase vital”, “expulsar”, “penetre”, “relambe”, “epicúreo”). O conxunto léxico parece conter un mundo dentro duns poucos versos. Mais o significado concrétase e perfílase grazas ás figuras literarias. A dominante en todo o poema é a metáfora, utilizada de maneira maxistral, de xeito que cómpre descifrala. Nun primeiro momento, Fiaño expresa a xa comentada metáfora e á vez personificación do que somos no mundo e na vida, pequenos. Ademais, fala dun crecemento como persoa, en ningún momento dun crecemento físico, este máis ben sérvelle para explicar que non é o verdadeiro, o que interesa. Afirma que se medra de maneira máis segura cun só verso libertario que sobre dez EVOHÉ | 13 centímetros de tacón de Prada. Isto é, a liberdade como factor importante e decisivo no crecemento dunha persoa. O que, ao meu parecer, quere expresar é que a verdadeira sensación de ter crecido conseguirémola nun ambiente de liberdade, non sobre un estado tan superficial, externo e pasaxeiro, como o é estar subida nuns tacóns. Seguir a moda e, polo tanto, a corrente, non será o que nos madure e diferencie. De seguido, explica que aumentará o seu saber inxerindo versos, é dicir, léndoos coas ganas de crear forza e beleza espiritual no seu interior (“aumentando a altura do que aprehendo, fagocitando versos coa ansia de sementar lume, en min, de cargar beleza dende o íntimo”). Da mesma forma intensa coa que quere aprender, desenvolveuse dentro dela a liberdade de expresión, que identifica co ruxir, coa protesta das súas tripas (“xerminar no mesmo nó que ata o meu estómago a liberdade de expresión do ruxir das miñas tripas, con fame de vida”). Igual que as súas tripas teñen ansia de comer, ela ten ansia de vivir libre. Así, deixará que a poesía sexa a base, a que marque a súa vida. Por iso di “construirei a vida sobre cimentos de poesía”. Continua expresando, de maneira comparativa, que erguerá a súa voz libremente todos os días con sopros vitais (con versos, palabras) igual que se ergue un templo coas esmolas da boeta cando di “introducirei sopros de seiva na boeta dos domingos para erguer o templo no que bendicir o meu corpo”. Esta relación súa coa poesía xa estaba escrita, forma parte do seu destino, pois presenta o mundo como sabedor de que un verso sería o culpable de que aos seus vinte e dous anos o seu corpo empezase a descomporse, a notar que se altera a súa natureza, o seu ser. Isto apréciase cando di “Fíxome pequena o mundo a sabendas de que un só verso libertario me despezaría o corpo ós 22 anos”. Hai un cambio nela, un descubrimento, o da poesía como escape, que a levará a unha exaltación vital para deixarse caer e fundir na perfección, na beleza do universo, unha beleza cíclica, que volta progresivamente, de aí que exprese o seguinte: “volatizándome nunha éxtase vital que me expulsa á perfección do cosmos, para acabar aterrando nunha alegoría da beleza, cíclica”. Finalmente, incita a atreverse a medrar desprendéndose do pasado e abríndose a unha nova vida, renovadora (“Clamo agora á ousadía de medrar queimando a cinza co lume renovador”), na que persoalmente ela se atreve a desfrutar de día e de noite do pracer (“De que me penetre a noite mentres me relambe o día”), sen facer mal, centrándose nos vivos, coa única necesidade de conseguir os praceres sensuais, de rebentar na vida (“ateigada da profunda necesidade de non profanar tumbas, de acadar o epicúreo, de estoupar na VIDA”). Por outro lado, é importante a combinación que fai de tres tipos de apetito aproveitándose da ampliación semántica do vocablo. Fala dun apetito referido a unha fame intensa de comida que fai ruxir as tripas, dun apetito de liberdade e dun apetito de pracer. Os tres axudan a expresar a ferocidade e intensidade da súa arela. Todo isto englóbase nunha estrutura interna ben sinxela conformada, ao meu parecer, por dúas partes: a primeira, a explicación do papel da poesía na vida do suxeito poético e a súa concepción desta como medio para expresar a liberdade, único camiño para facerse máis grande e vivir; a segunda (a partir de “Clamo agora”), unha reivindicación, unha incitación a atreverse a medrar do xeito que ela o fai, queimando a cinza, deixando atrás o pasado, nun mundo renovador, avanzado, libre, que só busca a felicidade. Volvendo ao léxico, a relevancia deste percíbese dende o título, que representa precisamente o seu desexo, “estoupar na vida”. En tres palabras resume todo o que transmite no poema. Máis que na palabra “vida”, é no verbo que escolle, 14 | EVOHÉ tan pertinente como atronador, no que se abrangue toda a vitalidade que mostra a continuación. Estoupar significa ‘provocar que (unha cousa) rompa violentamente e con ruído ao facer que aumente de repente a presión que contén’. Neste caso, Fiaño utilízao nun sentido metafórico. Quere romper con forza, entrar de cheo na vida, entregarse por completo a ela, sen calalo, sen ocultalo, dando renda solta ás ansias contidas, soltando o freo. Dificilmente podería atoparse outro verbo ou palabra que representase mellor esta mensaxe. A ESPIRAL DA VIDA Coas mesmas palabras coas que encabeza o poema péchao. Así pois, mostra unha estrutura cíclica, coma a beleza da que fala. Está a combinar ética e estética, influenciada por Claudio Rodríguez Fer. Cómpre ter en conta tamén as súas dotes como deseñadora. Ademais, presenta as tres palabras finais de xeito simbólico. Separa cada letra da palabra “estoupar” dando unha sensación de recalco da mesma, ao tempo que separa en versos distintos cada palabra do sintagma rematando coa palabra “vida” en maiúsculas, pois sobre ela xira o poema. Esta maneira de representar, xunto cos encabalgamentos dos que xa falei máis arriba e a tendencia de pegar moito uns versos e separar outros causando a impresión de que a propia poesía se abraza, é unha demostración da poesía e da vida que lle gusta, sen pautas. Outras palabras presentes no poema que remiten a esta vitalidade estremecedora son “éxtase” e “lume”. Tampouco deben pasarse por alto os significados de ambas. Éxtase neste contexto é un ‘estado anímico de grande exaltación no que un sentimento de gran felicidade ocupa totalmente o espírito’ e lume defínese como ‘luz e calor producidas polas chamas que se desprenden dunha materia que arde’. Esta materia que arde é a voz poética, que arroxa luz e paixón mostrando un sentimento de entusiasmo, un desexo de vivir moi vivo, coma as chamas do lume. Como pode verse, todo se eleva ao máximo, ao estado máis elevado de vitalidade e felicidade cíclicas. CRISTINA FIAÑO EN ESTADO PURO Cristina Fiaño, muller, estudante, directora, entrevistadora, poetisa, investigadora, traballadora. Bríndanos o que pensa, o que quere, o que espera da vida. Neste caso, a voz poética si coincide coa voz da poetisa. Nestes versos achéganos un dato biográfico explícito: aos vinte e dous anos penetrou no mundo literario descubrindo o marabilloso que é e todo o que lle aporta. Neles tamén se aprecia a influencia de Olga Novo e Claudio Rodríguez Fer, ambos moi presentes na súa carreira vital como sabemos grazas a unha entrevista feita por Marcela Bao e publicada no número 27 de Evohé, onde Cristina conta que foron os primeiros poetas que leu de maneira visceral e que todas as súas obras influíron na súa forma de amar e de vivir e, polo tanto, na súa forma de escribir. Da poesía de Olga afirma que segue a ser a que sente máis dentro e da de Claudio que con ela aprendeu “moitísimas cousas, entre elas a importancia da coherencia entre ética e estética que se manifesta xa dende o seu primeiro poemario, Poemas de amor sen morte”. A influencia deste poeta en Fiaño pode verse incluso na cita do poema, uns versos de Claudio pertencentes ao seu poema titulado “Tao”, publicado en Poemas de amor sen morte (1979) e recollido, posteriormente, en Amores e clamores (2011), sobre o pracer EVOHÉ | 15 inacabable. En “Estoupar na vida” Cristina non está a falar da búsqueda dun pracer orgásmico, senón dun pracer máximo e sen fin que leva a unha éxtase mística. Tendo isto en conta, pode dicirse que tamén o taoísmo está presente na poesía de Fiaño. Trátase dunha corrente filosófica cuxo obxectivo é alcanzar a inmortalidade entendida esta coma unha vida plena e en harmonía coa natureza. Para chegar a ese estado de felicidade e harmonía, basease na complementariedade (do ben e o mal, da muller e o home...) así como na procura dunha fortaleza mental. Outra corrente que pode tomarse como fonte de inspiración é o epicureísmo, apreciado de maneira máis explícita cando di “necesidade...de acadar o epicúreo”. Esta tendencia filosófica baséase no hedonismo. Considera que a meta básica da vida é, ademais dunha vida tranquila, o pracer dos sentidos. Neste poema, Cristina Fiaño fala de desfrutar dos praceres da vida sendo a vida mesma un pracer do que quere envolverse. Seguindo na liña vitalista, móstrase capaz de fusionar tenrura e ferocidade nunha rebelación contra unha tradición pesimista que, unha vez máis, recorda a Tigres de tenrura de Claudio R.F., poeta que deixa ver dende Poemas de amor sen morte, como xa se aprecia no título, a vontade de escapar dunha poesía melancólica e de desarraigo. En definitiva, trátase dun poema baseado na vida persoal de Cristina Fiaño, onde deixa ver a influencia dos poetas que admira e cos que di sintonizar vitalmente. Grazas á súa influencia forxou unha idea moi clara da vida e da poesía. Na entrevista xa mencionada realizada por Marcela Bao, Fiaño di acerca da poesía de Olga Novo que con ela descubrira que “a poesía non hai que entendela, senón sentila”, mais eu, ademais de sentir as súas palabras, tratei, como podo verse, de entendela, o cal non me resultou moi complexo, xa que en “Estoupar na vida” atopei xustamente as dúas características fundamentais que Cristina Fiaño sente necesarias en toda creación poética: ser vital e verdadeira. Se algo hai neste poema é un sentir sincero e vida, incluso, unha ansia, un soño abrasador de máis vida, polo que se tivese que cualificala como autora diría que é “revolucionaria”, “profunda”, “intensa”, “ardente”. Asímesmo, atrévome a crer que Fiaño presenta a liberdade como algo que se aprende e que baixo ese clamor de atrevemento agóchase a liberación do eu poético e unha procura consciente de optimismo coa que persoalmente me sinto identificada. Paréceme, ademais, que baixo unha poesía que fuxe das formas pretende berrarnos que está nas nosas mans, nas de todos, conseguir ese mundo renovador e libre do que fala. Basta con desexalo e loitar por vivir desatadamente. Fala do ruxir do seu interior, de erguer a voz, de clamar por unha vida mellor. Arremete contra o silencio ante unha vida domada. A min este poema estame a dicir que só hai unha forma posible de vivir: en liberdade.