scieee AI-readable full text Open interactive document viewer

Regulamento de Réxime Interno Facultade de Filosofía

Universidade de Santiago de Compostela. Consello de Goberno

Full text

1 REGULAMENTO DE RÉXIME INTERNO FACULTADE DE FILOSOFÍA UNIVERSIDADE DE SANTIAGO DE COMPOSTELA (Consello de Goberno do 30-01-06) TÍTULO PRELIMINAR Artigo 1º A Facultade de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela (USC) é un centro universitario que asume e desenvolve as súas funcións como servizo público mediante a actividade docente, de estudo e investigación, para a creación, desenvolvemento e transmisión critica do saber, a ciencia e a cultura, coa finalidade de preparar para o exercicio das actividades profesionais e de prestar, de modo específico, un decidido servizo ao progreso material e cultural da sociedade galega. Artigo 2º No cadro do proceso de normalización lingüística da USC e da Comunidade Autónoma de Galiza, os órganos de xestión e de goberno desta Facultade asumen o idioma galego nas súas manifestacións oficiais, así como nos seus impresos e documentos. Ademais, a Facultade promoverá o uso da lingua galega no ensino e en todas as restantes actividades do centro, sen que se poida producir ningunha discriminación por causa da opción ortográfica escollida. Artigo 3º De acordo co art. 56 dos Estatutos da USC, son funcións da Facultade as seguintes: a) a elaboración dos planos de estudos das titulacións impartidas polo centro e a participación na elaboración de aqueloutras compartidas por varios centros; b) a organización e a xestión dos servizos docentes que lle correspondan; c) a coordenación e a supervisión da actividade docente no centro, de departamentos e profesorado, así como a participación nos procedementos de avaliación da calidade docente establecidos pola universidade; d) a elaboración dun calendario de actividades lectivas para cada curso que se deberá facer público con anterioridade á abertura do prazo de matrícula; e) a promoción de programas de intercambio; f) a promoción e establecemento de medidas para a realización de prácticas externas; g) a realización das actividades de xestión académica que lle encomende a universidade; h) a administración dos servizos, equipamentos e recursos do centro, así como o control da súa calidade; i) o coñecemento da actividade investigadora que se desenvolva no centro; j) a realización de actividades de formación permanente ou de extensión universitaria no seu ámbito de competencia; k) a promoción de estudos de posgrao. Artigo 4º A Facultade de Filosofía, para o cumprimento das funcións que lle son conferidas pola lexislación vixente, nomeadamente os Estatutos da USC, rexerase polo presente Regulamento. TÍTULO I. DA XUNTA DE FACULTADE 2 Artigo 5º A Xunta de Facultade é o órgano colexiado de goberno do centro e como tal, aproba as liñas xerais de actuación no ámbito da Facultade e supervisa o labor dos seus órganos de dirección e xestión. Artigo 6º A asistencia ás sesións da Xunta constitúe un dereito para todos os seus membros. Para o cumprimento desta función fican dispensados de calquera outra actividade universitaria polo tempo que duren as sesións. Artigo 7º A Xunta actúa en Pleno ou en Comisión Permanente. Tamén poderá dotarse de Comisións Delegadas, estábeis ou conxunturais, que a asesoren e asistan nas súas funcións. CAPÍTULO I. Do Pleno da Xunta Artigo 8º 1. A composición do Pleno da Xunta será a establecida no art. 98 dos Estatutos da USC: a) o/a decano/a, que a presidirá e convocará; b) o/a vicedecano/a e o/a secretario/a, que o será tamén da Xunta; c) o persoal docente e investigador, censado ou non no centro, cuxa carga docente anual nel sexa igual ou superior a 9 créditos: todos/as os/as funcionarios/as docentes, que representarán o 51% da Xunta, e o restante persoal nunha proporción que non exceda do 14% do total dos membros da Xunta; d) o persoal docente e investigador non censado no centro sempre que a súa carga docente anual nel non sexa inferior a 9 créditos. e) unha representación dos/as estudantes de 1º e 2º ciclo nunha porcentaxe do 25% do total da Xunta, e unha representación dos/as estudantes de 3º ciclo nunha porcentaxe do 5% do total da Xunta; f) unha representación do persoal de administración e servizos censado no centro nunha proporción do 5% do total da Xunta, cun mínimo de dous; 2. Tamén poderá asistir á Xunta, con voz pero sen voto, todo o persoal docente e investigador que imparta docencia no centro e non sexa membro dela. Así mesmo, poderá asistir á Xunta calquera membro da Facultade, previa notificación con 24 horas de antelación, podendo ser ouvido no transcurso da sesión. Artigo 9º Todos/as os/as representantes, que serán elexidos/as polos mesmos sectores que representan, desempeñarán o seu posto por un período de 2 anos, excepto os do estudantado, para os/as cales o período de representación dura 1 ano. Se algún/ha dos/as representantes perdese a súa condición de membro da Xunta durante o período do seu mandato, o seu posto será ocupado até o final do período polo/a seu/súa suplente, que será sucesivamente o/a que obtivera máis votos nas eleccións correspondentes. Artigo 10º Son competencias do Pleno da Xunta, de acordo co art. 101 dos Estatutos da USC, as seguintes: a) a elección do/a decano/a e, se é o caso, a súa revogación; b) a elaboración e a aprobación do seu Regulamento de Réxime Interno; 3 c) a supervisión da xestión dos restantes órganos de goberno e de administración do centro; d) a elaboración e a aprobación dos proxectos de planos de estudos das titulacións radicadas no centro, en consonancia coa lexislación vixente e coas normas xerais emanadas do claustro universitario; e) a aprobación das liñas xerais da política académica do centro e, entre elas, a proposta e implantación de novas titulacións, a creación de escolas de especialización profesional dependentes do centro e a organización de cursos ou estudos de posgrao; f) a organización de servizos docentes para a obtención de títulos académicos do seu ámbito, así como a coordenación e a supervisión da actividade do profesorado con docencia no centro, e igualmente a supervisión do seu cumprimento; g) a programación dos servizos e equipamentos do centro e a supervisión da súa xestión; h) a distribución das asignacións orzamentarias concedidas ao centro e o control da súa aplicación; i) o informe acerca das propostas de creación, modificación ou supresión de departamentos relacionados co centro pola súa docencia e investigación; j) a organización de actividades de formación permanente e de extensión; k) a manifestación da súa opinión acerca de calquera asunto relacionado co centro ou coas súas actividades; l) a creación de cantas Comisións Delegadas estime oportunas; m) o pronunciamento sobre aqueles asuntos que lle sexan submetidos polo decanato ou a Comisión Permanente; n) as restantes competencias que lle atribúen os Estatutos da USC. CAPÍTULO II. Do funcionamento da Xunta Artigo 11º O Pleno da Xunta será convocado polo/a decano/a ou na súa ausencia polo/a vicedecano/a, con carácter ordinario polo menos unha vez por trimestre, e con carácter extraordinario a iniciativa do/a decano/a ou a pedimento de: a) 1/3 dos seus membros; b) as 3/4 partes dos/as representantes dun sector na Xunta de Facultade: persoal de administración e servizos, axudantes e bolseiros/as, estudantes ou profesores/as; c) a maioría simple da Comisión Permanente. Artigo 12º 1. Na convocatoria deberá constar a orde do día, data, hora e lugar da reunión. A convocatoria deberá ser entregada, cando menos, con 48 horas de antelación, excepto no caso de Xunta extraordinaria, que por razóns de urxencia poderá ser convocada o día anterior. 2. Na convocatoria ordinaria, a documentación ou información relacionada directamente cos asuntos da convocatoria, que impliquen toma de decisións, deberán estar ao dispor dos membros da Xunta, na medida do posíbel, cunha antelación de 48 horas. Artigo 13º 1. A orde do día será elaborada polo/a decano/a, asistido/a polo/a secretario/a e os demais membros do equipo decanal. Nela figurarán as mencións de aprobación da acta da sesión anterior, asuntos de trámite, peticións e preguntas (salvo que a Xunta se convoque con carácter extraordinario, para a elección de decano/a, ou para a súa revogación). 4 2. Con anterioridade á convocatoria da Xunta ordinaria poderán presentarse propostas de inclusión de puntos a tratar na orde do día, que deberán ser avaladas polas asinaturas de 1/6 dos membros da Xunta ou as 3/4 partes dos/as representantes dun sector na Xunta de Facultade. Artigo 14º 1. A Xunta ficará validamente constituída, estando presentes o/a decano/a e o/a secretario/a (ou quen legalmente os substitúa), en primeira convocatoria coa asistencia da maioría absoluta dos seus membros e en segunda convocatoria, que se celebrará media hora despois aínda que non se diga expresamente, coa presenza de 1/5 dos seus membros. De non alcanzar o quórum asinalado, a Xunta deberá ser novamente convocada para un día posterior. 2. Unha vez constituída a Xunta poderá incluír na orde do día, con carácter de urxencia, un novo asunto ou tema a tratar se están presentes todos os membros da Xunta e é acordado por maioría. Artigo 15º 1. A Xunta será presidida polo/a decano/a ou quen faga as súas veces, asistido dunha mesa integrada polo/a vicedecano/a e o/a secretario/a. 2. O/A decano/a dirixe e ordena o desenvolvemento dos debates. 3. A mesa, tendo en conta a opinión da Xunta, interpretará o presente Regulamento en casos de dúbida ou omisión. Artigo 16º 1. As decisións poderán ser tomadas por asentimento ou por votación. Para axilizar o procedemento, as votacións poderán ser públicas e a man alzada, ou secretas (cando así sexa solicitado). Serán secretas, en todo caso, cando afecten a persoas concretas. 2. Non se admitirá a delegación de voto nin en membros da Xunta nin en persoas alleas. Tampouco será admitido o voto anticipado. Artigo 17º 1. Unha vez debatido un punto da orde do día será submetido, se procede, a aprobación, que pode ser por asentimento ou por votación, na cal só os/as presentes poderán participar. Non poderá ser obxecto de acordo ningún asunto que non figure na orde do día, salvo o contemplado no art. 14.2. 2. A votación será decidida por maioría simple dos/as presentes, excepto os casos outramente contemplados neste Regulamento. 3. Antes de proceder á votación, calquera membro poderá pedir quórum, sendo entón necesario, para poder efectuar a votación e adoptar validamente un acordo, reunir o que teña sido o quórum de constitución segundo o establecido no art. 14.1. 4. De haber unicamente dúas propostas, cumprirá efectuar unha votación entre ambas as dúas. Será aprobada a que acade a maioría. En caso de empate, despois dun turno de palabra limitado a un dos promotores de cada proposta, procederá unha nova votación, despois da cal, de persistir o empate, decidirá o voto de calidade do/a decano/a. 5. De haber máis de dúas propostas, cumprirá efectuar unha primeira votación conxunta de todas elas. Posteriormente será feita unha segunda votación entre as dúas máis votadas, seguindo o procedemento establecido no apartado anterior. Artigo 18º A Xunta arbitrará os mecanismos necesarios para que os diversos sectores da mesma sexan puntualmente informados dos acordos que se adopten tanto no Pleno como nas Comisións. Artigo 19º 5 1. A Secretaría da Xunta será desempeñada polo/a secretario/a da Facultade que, na súa condición de fedatario/a dos actos e acordos daquela, levantará acta de cada sesión. Nos supostos de imposibilidade de asistencia por parte do/a secretario/a, fará as súas veces outro membro da mesa, mediante designación decanal. 2. En cada acta especificaranse necesariamente: a) os membros da Xunta, nominalmente designados, que asistiron á sesión, engadindo as ausencias comunicadas; b) a orde do día da sesión; c) as circunstancias de lugar e tempo en que se celebrou. d) os puntos principais das deliberacións; e) o contido íntegro dos acordos, especificando, se foron aprobados por votación, o número de votos de cada unha das propostas. 3. Na acta figurará, previa solicitude dos respectivos membros da Xunta, o voto contrario ao acordo adoptado, a súa abstención e os motivos que a xustifican, ou o sentido do seu voto favorábel. Así mesmo, calquera membro ten dereito a solicitar a transcrición íntegra da súa intervención ou proposta, sempre que achegue no acto, ou no prazo que asinale a mesa, o texto correspondente. 4. Os membros que discrepen do acordo maioritario poderán formular por escrito o seu voto particular, no prazo de 48 horas, voto que se incorporará ao texto aprobado. En todo caso, deberán expresar, na propia sesión, a súa intención de facer un voto particular. 5. Cada acta será asinada polo/a secretario/a, ou quen faga as súas veces, co Visto e Prace do/a presidente/a efectivo/a da sesión. 6. As actas serán aprobadas na seguinte sesión ordinaria da Xunta, coas modificacións que se propoñan e entreguen por escrito que, aprobadas pola Xunta, reflitan máis adecuadamente o desenvolvemento da sesión. Artigo 20º 1. As actas, unha vez aprobadas, ficarán baixo a custodia do/a secretario/a, e poderán ser consultadas na súa presenza por calquera membro da Facultade. 2. Só as certificacións expedidas polo/a secretario/a, co Visto e Prace do/a decano/a, darán fe dos acordos aprobados pola Xunta. Con anterioridade á preceptiva aprobación da acta tamén poderán emitirse certificacións sobre os acordos que se adoptaron, facendo constar neste caso tal circunstancia. CAPÍTULO III. Da Comisión Permanente Artigo 21º 1. Ao amparo do disposto no art. 99 dos Estatutos da USC, a Comisión Permanente, cuxos membros non poderán exceder de 1/3 dos da Xunta, estará integrada por: a) a/a decano/a, o/a vicedecano/a, o/a secretario/a, que o será tamén da Comisión Permanente; b) unha representación proporcional dos distintos sectores integrantes da Xunta. 2. En consonancia co previsto no apartado anterior, completarán Comisión Permanente os/as seguintes representantes: o/a director/a e o/a secretario/a de cada departamento polo profesorado; 2 polos/as estudantes de 1º e 2º ciclo; 1 polos/as estudantes de 3º ciclo; 1 polos/as axudantes e bolseiros/as; e 1 polos membros do persoal de administración e servizos. Artigo 22º A Comisión Permanente será elexida entre os membros da Xunta, elexendo cada sector os/as 6 seus/súas representantes, excepto o profesorado que estará representado segundo o previsto no art. 21. O procedemento de elección será o establecido de modo xeral para a elección dos órganos colexiados da Universidade, segundo o regulamento electoral da USC. Artigo 23º 1. A Comisión Permanente é competente para: a) coñecer e decidir sobre os asuntos de trámite; b) coñecer e adoptar acordos sobre calquera asunto que, sendo competencia da Xunta e non estando reservado expresamente ao Pleno, lle fora delegado por este; c) asesorar en todas as cuestións que lle sexan presentadas polo/a decano/a no exercicio das súas competencias; d) coñecer e decidir sobre os asuntos que lle sexan presentados polas Comisións Delegadas e elevalos, no seu caso, ao Pleno; 2. Calquera acordo da Comisión Permanente poderá ser ratificado, modificado ou anulado polo Pleno da Xunta que se convocará para tal efecto cando así o soliciten polo menos 1/3 dos membros da Comisión Permanente xuntamente con 1/4 dos membros da Xunta de Facultade, ou 1/3 dos membros da Xunta. Artigo 24º En canto o Pleno da Xunta non se pronuncie en sentido contrario, enténdese que delega as súas competencias na Comisión Permanente, excepto as que se mencionan nas letras a), b), c), d), e) e h), que non poderán ser delegadas. Artigo 25º O/A decano/a informará ao Pleno da Xunta, na primeira sesión que esta celebre con posterioridade á última celebrada pola Comisión Permanente, de todas as actuacións da Comisión, con excepción das referidas a asuntos de trámite. Artigo 26º 1. A Comisión Permanente deberá reunirse con carácter ordinario como mínimo unha vez cada tres meses, e con carácter extraordinario sempre que o/a decano/a o considere oportuno, ou a pedimento ben de 1/3 dos membros da Comisión ben dun Consello de Departamento. 2. A convocatoria ordinaria será feita como mínimo con 48 horas de antelación; nos casos de urxencia, apreciados polo/a seu/súa presidente/a, poderá convocarse o día anterior. 3. A Comisión ficará validamente constituída, en primeira convocatoria, coa presenza da maioría absoluta dos seus membros e, en segunda convocatoria, coa presenza de 1/3 dos seus membros. En todos os demais aspectos referidos ao seu funcionamento, procederá o previsto neste Regulamento para a Xunta de Facultade. 4. Previa solicitude razoada ao/á decano/a, calquera membro da Xunta poderá ser escoitado pola Comisión Permanente en relación con algún dos asuntos da orde do día, sempre e cando se informe ao respecto no inicio da sesión e sexa aceptado por maioría. 5. A representación dos diversos sectores na Comisión Permanente deberá renovarse despois dos correspondentes procesos electorais nos diferentes sectores, elexendo cada sector os seus representantes, excepto o profesorado que estará representado segundo o previsto no art. 21. 6. Os membros da Comisión Permanente cesarán no momento en que perdan a súa condición de membros da Xunta e, tanto se demiten como se cesan, ocuparán os postos vacantes os/as seguintes da lista de candidatos/as presentados/as no seu momento. De non existir, cumprirá proceder á elección do/a substituto/a dentro do sector correspondente, no prazo de tempo máis breve posíbel. 7 CAPÍTULO IV. Das Comisións Delegadas Sección 1ª: Normas xerais Artigo 27º 1. As Comisións Delegadas son instancias de asesoramento, que actúan por delegación da Xunta que creará as que estimar oportunas. A súa función é emitir informe, coordenar, estudar e elaborar propostas de carácter operativo sobre os asuntos que este Regulamento ou os órganos competentes de goberno da Facultade, para o desempeño dos seus cometidos, lles encomenden. As comisións contarán coa colaboración do persoal de administración adscrito á Facultade. 2. As comisións poderán ser de carácter estábel ou conxuntural. 3. As comisións de carácter estábel serán a de Docencia e Investigación, a de Validacións, a de Asuntos Económicos, a de Normalización Lingüística, a da Aula de Informática, a de Horarios e a Comisión Cultural. Todas estas comisións deberán de dar conta do seu traballo, polo menos unha vez ao ano, perante o Pleno da Xunta. 4. Ademais e á marxe destas comisións de carácter estábel, a Xunta poderá decidir a creación de comisións de carácter conxuntural para resolveren sobre situacións puntuais ou asuntos concretos. Artigo 28º 1. Os membros das Comisións Delegadas teñen que ser membros da Xunta. No entanto, estas comisións poden invitar a outras persoas a participar nelas, con voz mais sen voto, sempre que a decisión sexa adoptada maioritariamente. 2. Os membros das comisións serán elexidos por cada un dos sectores na Xunta. Ademais dos/as compoñentes especificados/as para cada caso, elexidos/as por sectores en listas abertas e votando como máximo 2/3 dos postos a cubrir, formará parte delas o/a decano/a, ou a persoa do equipo decanal en quen delegue, que será quen presida. 3. Cada comisión elexerá o/a seu/súa secretario/a, e dotarase do réxime de funcionamento que considere máis apropiado para o cumprimento das súas funcións. Artigo 29º 1. Para a asistencia e participación nas Comisións Delegadas, todos os seus membros serán convocados por escrito cunha antelación mínima de 48 horas. Nos casos de urxencia, apreciados polo/a seu/súa presidente/a, as comisións poderán convocarse o día anterior. 2. As comisións ficarán validamente constituídas, en primeira convocatoria, coa presenza da maioría absoluta dos seus membros e, en segunda convocatoria, coa presenza de 1/3 dos seus membros. 3. As comisións adoptarán os seus acordos, informes, propostas e recomendacións por maioría simple, sendo preciso que no momento da votación exista o quórum asinalado no punto anterior. Sección 2ª: Das comisións de carácter estábel Artigo 30º 1. A Comisión de Docencia e Investigación estará composta polo/a presidente/a, 1 titular e 1 suplente (profesor/a ou bolseiro/a) nomeados/as por cada departamento adscrito ao centro e 2 representantes dos/as alumnos/as (cos/as seus/súas suplentes) elexido/a polos/as alumnos/as. 2. Corresponde á Comisión de Docencia e Investigación todo o relacionado co 8 desenvolvemento da actividade docente e co coñecemento da actividade investigadora realizada polo profesorado e os departamentos adscritos ao Centro, excepto a resolución de validacións ou adaptacións de estudos. 3. Corresponde tamén a esta Comisión promover o uso das novas tecnoloxías na docencia e na investigación. Artigo 31º A Comisión de Validacións estará integrada polo/a presidente/a, 1 representante do profesorado por cada área de coñecemento e o/a auxiliar da secretaría do decanato, que terá voz mais non voto, tendo como función propor e tramitar validacións ou adaptacións de estudos. Artigo 32º 1. A Comisión de Asuntos Económicos estará composta polos membros do equipo decanal, os/as directores/as dos departamentos adscritos ao centro, 2 representantes de alumnos/as e o/a responsábel de asuntos económicos. 2. A Comisión terá como funcións: a) informar o proxecto de orzamento elaborado polo equipo decanal antes do seu debate no Pleno da Xunta; b) propor a distribución das partidas de equipamento docente e de comunicacións do Centro; c) informar a proposta de dotación de medios que cubran as necesidades de administración e servizos, e de funcionamento das comisións que o precisaren; d) aqueloutras que expresamente lle sexan delegadas ou encargadas polo Pleno da Xunta ou pola Comisión Permanente. Artigo 33º 1. A Comisión de Normalización Lingüística estará composta polo/a presidente/a, 1 representante por cada departamento adscrito ao centro, 1 polo persoal de administración e servizos e 1 alumno/a por cada colectivo estudantil. 2. A Comisión terá como funcións promover, analizar e informar todo o relacionado coa normalización da cultura e lingua galega na vida académica, administrativa e convivencial da Facultade, procurando que o galego sexa a lingua normal de comunicación. Artigo 34º A Comisión da Aula de Informática estará composta polo/a presidente/a, 1 titular e 1 suplente (profesor/a ou bolseiro/a) por cada departamento adscrito ao centro, 1 representante polo persoal de administración e servizos e 2 alumnos/as, tendo como función o coidado e a xestión da aula de informática. Artigo 35º A Comisión de Horarios estará composta polo/a presidente/a, os/as secretarios/as dos departamentos e 3 alumnos/as, preferentemente 1 de 1º ciclo e 2 de 2º ciclo, tendo como función a confección anual dos horarios de 1º e 2º ciclo e, asimesmo, elaboración do correspondente calendario de exames. Artigo 36º 1. A Comisión Cultural será aberta e estará integrada, alén de por 1 profesor/a por cada departamento adscrito ao centro e 1 representante dos/as alumnos/as e 1 representante do persoal de administración e servizos, por cantas persoas o desexen pertencentes aos 9 colectivos da Facultade (persoal de administración e servizos, alumnado, profesorado). Dado o seu carácter totalmente aberto, a asistencia ás súas reunións e a achega de suxestións é algo que poderá facer calquera persoa interesada, sen necesidade de integrarse plenamente nela. A Comisión estará presidida por un alumno/a. 2. A Comisión terá por función a organización, promoción e realización de actividades culturais. 3. A esta Comisión será asignado un orzamento anual, procedente dos orzamentos xerais da Facultade, que os/as seus/súas compoñentes terán que administrar en función das actividades perseguidas. CAPÍTULO V. Da Comisión da Biblioteca Artigo 37º A Comisión da Biblioteca terá a composición e funcións establecidas polo Regulamento da Biblioteca Universitaria (BUSC). Artigo 38º 1. As Comisións das Bibliotecas dos centros estarán formadas por: a) o/a decano/a, director/a ou a persoa en que delegue, que actuará como presidente/a; b) o/a director da biblioteca de centro ou intercentros ou o/a bibliotecario/a encargado/a da mesma; c) profesores/as, dos departamentos que impartan docencia no centro, da forma que determine a súa Xunta e sempre que formen parte da mesma; d) 1 representante, no seu caso, da biblioteca do instituto ou servizo universitario adscrito; e) representantes do alumnado nunha proporción do 30% dos membros da Comisión. Estes representantes serán elexidos entre o alumnado que forme parte da Xunta do centro, deles un 20% serán de 1º e 2º ciclo, e o 10% de bolseiros/as e alumnado de 3º ciclo. 2. Será función das Comisións das Bibliotecas de centros integradas nunha biblioteca intercentros aprobar a política de desenvolvemento das coleccións e distribuír o presuposto no ámbito da súa competencia, de acordo coas liñas xerais emanadas da Comisión da BUSC. Artigo 39º 1. As Comisións das Bibliotecas Intercentros estarán formadas por: a) os/as presidentes/as das Comisións de Bibliotecas dos centros integradas na biblioteca intercentros, un dos cales actuará como presidente/a. A presidencia da Comisión Intercentros será rotatoria, con carácter bianual, entre as diferentes facultades e/ou escolas; b) o/a director/a da biblioteca intercentros; c) 1 profesor por cada unha das Comisións de Biblioteca de centros que formen parte da biblioteca intercentros; d) 1 representante do persoal da biblioteca intercentros, elexido por un período de 3 anos; e) 1 alumno de 1º e 2º ciclo por cada unha das Comisións de Biblioteca de centros que formen parte da biblioteca intercentros; f) 1 alumno en representación de bolseiros/as e 3º ciclo, membro das Comisións de Biblioteca de centros que formen parte da biblioteca intercentros . 2. Serán funcións das Comisións das Bibliotecas Intercentros: