scieee AI-readable full text Open interactive document viewer

Normativa da Universidade de Santiago de Compostela para a contratación de persoal con cargo a actividades de investigación, desenvolvemento e innovación (I+D+i)

Universidade de Santiago de Compostela. Consello de Goberno

Full text

1 NORMATIVA DA UNIVERSIDADE DE SANTIAGO DE COMPOSTELA PARA A CONTRATACIÓN DE PERSOAL CON CARGO A ACTIVIDADES DE INVESTIGACIÓN, DESENVOLVEMENTO E INNOVACIÓN (I+D+i) A Universidade de Santiago de Compostela (USC) e o Comité Intercentros do persoal laboral de administración e servizos, manifestan a necesidade de establecer unha normativa para a contratación de persoal con cargo a programas, proxectos, contratos, convenios, etc., en diante actividades de I+D+i, por non serlle de aplicación o estipulado no vixente convenio colectivo para o persoal laboral da USC publicado no Diario Oficial de Galicia o día 30 de decembro de 2008 por Resolución do 17 de novembro de 2008 da Dirección Xeral de Relacións Laborais, nin o II convenio colectivo para o persoal docente e investigador laboral das Universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo, publicado no Diario Oficial de Galicia o día 14 de abril de 2011 por Resolución do 23 de marzo de 2011, da Dirección Xeral de Relacións Laborais. Para establecer esta normativa, é preciso ter en conta que o desenvolvemento das actividades de I+D+i nas universidades está moi ligado á obtención do financiamento necesario para a súa execución e, especialmente, á captación de recursos externos. Ademais, polo seu carácter especializado, coxuntural e finalista requiren a contratación temporal de persoal investigador, técnico e/ou outro persoal que facilite a súa correcta execución. 1.RECURSOS EXTERNOS Estes recursos poden proceder de: - Axudas e subvencións para a realización de proxectos específicos de I+D+i, acadadas polo Persoal docente e investigador (PDI) e polos grupos de investigación nas correspondentes convocatorias competitivas dos distintos Plans e Programas públicos de I+D+i. - Das relacións de colaboración que se establecen entre as universidades e outras entidades públicas ou privadas que posibilita a Lei Orgánica 6/2001, do 21 de decembro de Universidades (LOU), modificada pola Lei Orgánica 4/2007, do 12 de abril. O seu artigo 83 determina que os grupos de investigación recoñecidos pola Universidade, os Departamentos e os Institutos Universitarios de Investigación, e o seu profesorado a través dos mesmos ou dos órganos, centros, fundacións ou estruturas organizativas similares da Universidade dedicados á canalización das iniciativas investigadoras do profesorado e á transferencia dos resultados de investigación, poderán celebrar contratos con persoas, Universidades ou entidades públicas e privadas para a realización e a transferencia dos resultados de traballos de carácter científico, técnico ou artístico, así como para o desenvolvemento de ensinanzas de especialización ou actividades específicas de formación. 2 - Dos convenios de colaboración aos que se refire o artigo 34 da Lei 14/2011, do 1 de xuño, da Ciencia, a Tecnoloxía e a Innovación (LCTI), que indica que as universidades, dentro dos distintos axentes público do Sistema Español de Ciencia, Tecnoloxía e Innovación, poderán subscribir convenios de colaboración suxeitos ao dereito administrativo, tanto entre si como con axentes privados que realicen actividades de investigación científica e técnica, nacionais, supranacionais ou estranxeiros, para a realización conxunta de: Proxectos e actuacións de investigación científica, desenvolvemento e innovación; creación ou financiamento de centros, institutos e unidades de investigación; financiamento de proxectos científico-técnicos singulares; formación de persoal científico e técnico; divulgación científica e tecnolóxica ou uso compartido de inmobles, de instalacións e de medios materiales para o desenvolvemento de actividades de investigación científica, desenvolvemento e innovación. 2. PERSOAL - A LCTI no seu artigo 13, considera ao persoal investigador como aquel que estando en posesión da titulación exixida en cada caso, leva a cabo unha actividade investigadora, entendida como o traballo creativo realizado de forma sistemática para incrementar o volume de coñecementos, incluídos os relativos ao ser humano, a cultura e a sociedade, o uso de eses coñecementos para crear novas aplicacións, a súa transferencia e a súa divulgación. Igualmente, establece que o persoal investigador poderá estar vinculado coa Universidade pública para a que preste servizos mediante unha relación suxeita ao dereito administrativo ou ao dereito laboral, e poderá ser funcionario de carreira, funcionario interino ou persoal laboral fixo ou temporal, de acordo co artigo 8 da Lei 7/2007, do 12 de abril, do Estatuto Básico do Empregado Público. - Tamén o artigo 20 da LCTI, dispón que as modalidades de contrato de traballo específicas do persoal investigador (contrato predoutoral, contrato de acceso ao Sistema Español de Ciencia, Tecnoloxía e Innovación e contrato de investigador distinguido), as poderán utilizar as universidades públicas cando sexan perceptoras de fondos cuxo destino inclúa a contratación de persoal investigador ou para o desenvolvemento dos seus programas propios de I+D+i, ademáis daqueloutras modalidades de contrato de traballo establecidas polo Texto Refundido da Lei do Estatuto dos Traballadores, aprobado por Real Decreto Lexislativo 1/1995, de 24 de marzo. - Finalmente, o artigo 48 da LOU determina que as universidades poderán contratar tanto persoal investigador, técnico ou outro persoal, a través de contrato de traballo por obra ou servizo determinado, para o desenvolvemento de proxectos de investigación científica ou técnica, como persoal investigador conforme ao previsto na LCTI. De acordo co anterior, tanto a LCTI coma a LOU facultan ás universidades para contratar persoal en réxime laboral e con carácter temporal, para o desenvolvemento de actividades de investigación, transferencia e innovación e, máis especificamente, para a execución de proxectos 3 específicos de investigación científica ou técnica, e que a USC definiu como aqueles que inclúen as seguintes tipoloxías de actividades: 1. Actividades ou proxectos con prazo de execución determinado e financiamento específico desenvolvidos no marco de Programas con fins de investigación vía convocatoria pública competitiva. 2. Actividades de I+D+i desenvolvidas baixo contrato cunha empresa ou consorcio de empresas asociadas a un proxecto financiado por programas públicos de I+D+i dirixidos a entidades privadas. 3. Contratos e convenios asinados con empresas, fundacións, organismos públicos, etc que teñan por obxecto a realización dun proxecto de I+D, o desenvolvemento programado dunha liña de investigación colaborativa (Unidades Mixtas, Plataformas Tecnolóxicas) ou a realización de Programas de Valorización de Resultados. 4. Proxectos, unidades de investigación ou plataformas programas pola USC, con financiamento específico finalista e de duración determinada, para a execución de obxectivos institucionais en materia de I+D ou Transferencia de Tecnoloxía”. Considerando, tanto o número de contratos de traballo que realiza a USC con cargo ás actividades de I+D+i, como a tipoloxía e cualificación do persoal requiridas para a prestación dos servizos, faise necesario regular a vinculación temporal do persoal contratado, definindo unha serie de categorías e as súas funcións xerais asociadas segundo o traballo que vaian desenvolver. 3. CATEGORÍAS E FUNCIÓNS DO PERSOAL CONTRATADO CON CARGO A ACTIVIDADES DE I+D+i A. Para realizar tarefas de investigación 1. Investigador/a Asociado/a Titulación requirida: doutor/a Son as persoas que, no marco da actividade de investigación para a que van ser contratadas temporalmente, realizan tarefas de investigación entendidas como o traballo creativo realizado de forma sistemática para incrementar o volume de coñecementos, incluídos os relativos ao ser humano, a cultura e a sociedade, e o seu uso para crear novas aplicacións, a súa transferencia e divulgación. As súas funcións, que deberán corresponderse coa súa especialización e co obxecto do seu contrato de traballo, terán como finalidade contribuír á creación e ao avance do coñecemento mediante a formulación de teorías ou a modificación das existentes empregando, na práctica, os coñecementos, técnicas e procedementos adquiridos na súa especialización. Realizarán ademais aqueles traballos afíns relacionados coa súa categoría e especialización que lles sexan encomendados polo/a responsable da actividade con cargo ao/á que foi contratado/a, e dentro do obxecto do seu contrato, e participarán nos procesos de verificacióne cumprimento das disposicións en materia de control de calidade e de prevención de riscos laborais, de equipos e de materiais empregados no desempeño da súa actividade. 4 2. Investigador/a en Formación Requisitos: - Titulacións requiridas: aquelas que den acceso aos programas de doutoramento. - Estar matriculado na USC nun programa de doutoramento. Son as persoas contratadas temporalmente con cargo a actividades de investigación nas que, a realización dos traballos que se lles encomenden polo/a responsable da mesma, deben estar vinculados co desenvolvemento da súa tese de doutoramento e contribuír ao seu proceso formativo como investigadores/as co obxecto de acadar a súa especialización investigadora. As súas funcións, deben estar relacionadas co desenvolvemento da súa tese de doutoramento e requirirán a supervisión do/a responsable da actividade de investigacación con cargo ao/á que foi contratado/a, e de ser o caso, co director/a e/ou tutor/a da tese co fin de que poidan cumprir cos obxectivos do programa de doutoramento para acadar a súa especialización investigadora. Participarán nos procesos de verificación e cumprimento das disposicións en materia de control de calidade e de prevención de riscos laborais, de equipos e de materiais empregados no desempeño da súa actividade. B. Para realizar tarefas técnicas de apoio á investigación 1. Técnico/a superior de apoio á investigación Titulación requirida: doutorado ou licenciatura, enxeñeiría, arquitectura, grado, etc. Son aqueles traballadores/as contratados/as temporalmente con cargo a actividades de investigación para realizar labores especializadas de carácter técnico e asistencial contempladas no desenvolvemento da mesma. As súas funcións, que deberán corresponderse coa súa especialización e co obxecto do seu contrato de traballo, estarán relacionadas co apoio na planificación, elaboración, execución e avaliación técnica de procesos e protocolos de investigación ou de innovación asociados aos requerimentos da actividade á que se vencella o contrato. Calquera actividade que requira algunha acreditación e/ou especialización figurará nos requisitos do contrato de traballo. Participarán nos procesos de verificación e cumprimento das disposicións en materia de control de calidade e de prevención de riscos laborais, de equipos e de materiais empregados no desempeño da súa actividade. Realizarán ademais aqueles traballos afíns relacionados coa súa categoría e especialización que lles sexan encomendados polo/a responsable da actividade con cargo ao/á que foi contratado/a, e dentro do obxecto do seu contrato. 5 2. Axudante de apoio á investigación Titulación requirida: bacharelato, BUP, FPII, ciclo formativo de grao superior. Son aqueles traballadores contratados temporalmente con con cargo a actividades de investigación que van realizar funcións de apoio e asistencia na investigación que exixen o coñecemento dun conxunto de técnicas necesarias e que requiren unha capacitación profesional. As súas funcións, responsabilidades e ámbito de especialización do posto, deberán ser definidos nos criterios de contratación e realizarán os traballos que lle sexan asignados polo/a responsable da actividade con cargo ao que foi contratado/a, e colaborarán, de ser o caso, cos técnicos superiores no desenvolvemento das súas funcións. Así mesmo, colaborarán nos procesos de verificación e cumprimento das disposicións en materia de control de calidade e de prevención de riscos laborais, de equipos, procesos, e de materiais empregados no desempeño da súa actividade. C. Para realizar tarefas de apoio á xestión de investigación 1. Técnico Administrativo Titulación requirida: doutorado ou licenciatura, enxeñeiría, arquitectura, grado, etc Son aqueles traballadores contratados temporalmente con cargo a actividades de investigación que realizan funcións de apoio á xestión administrativa e/ou económica e de promoción de I+D+i, nunha actividade concreta que requira a atención específica destas funcións. As funcións e responsabilidades do posto estarán relacionadas co apoio na planificación, execución e avaliación técnica de procedementos e/ou protocolos de xestión e administración de investigación, transferencia e promoción de resultados asociados á actividade á que se vencella o contrato. Deberán cumprir as disposicións de aplicación en materia de prevención de riscos laborais. Realizarán ademais aqueles traballos afíns relacionados coa súa categoría e especialización que lles sexan encomendados polo/a responsable da actividade con cargo ao/á que foi contratado/a, e dentro do obxecto do seu contrato. 2. Axudante Administrativo Titulación requirida: bacharelato, BUP, FPII, ciclo formativo de grao superior. Son aqueles traballadores contratados temporalmente con cargo a actividades de investigación que realizan función de apoio administrativo no ámbito dunha actividade que requira esta atención. As súas funcións consistirán na realización de tarefas administrativas e de xestión básicas para o que deberán manexar ferramentas ofimáticas (word, excel, etc.) e os programas de xestión necesarios para o desenvolvemento da actividade de investigación. Deberán cumprir as disposicións de aplicación en materia de prevención de riscos laborais. 6 Ademais realizarán todos aqueles traballos administrativos afíns relacionados coa súa categoría que lles sexan encomendados polo/a responsable da actividade con cargo ao/á que foi contratado/a e, de ser o caso, polos/as técnicos/as superiores, dentro do obxecto do seu contrato. 4. RETRIBUCIÓNS As retribucións brutas mínimas anuais por categoría laboral son: CATEGORÍA RETRIBUCIÓN Investigador/a Asociado/a 24.000 € Investigador en Formación 16.422 € Técnico 20.475 € Axudante 15.750 € 5. AXUDAS DE CUSTO E LOCOMOCIÓN De acordo co recollido no Real decreto 462/2002, de 24 de maio, sobre indemnizacións por razón de servizo (BOE do 30), as categorías de: Investigador/a Asociado/a, Técnico/a superior de apoio á investigación e Técnico Administrativo, terán a consideración de Grupo 2. As de Investigador/a en formación, Axudante de apoio á investigación e Axudante Administrativo, terán a consideración de Grupo 3. 6. EXCEPCIÓN Esta normativa non será de aplicación: Aos contratos formalizados ao abeiro de convocatorias de axudas/subvencións nas que se establezan cláusulas e retribucións específica, especialmente aos derivados das de recursos humanos que se rexerán polas súas propias convocatorias. No entanto para o que non esté regulado nestas convocatorias esta normativa terá carácter supletorio. 6. DERROGACIÓN Quedan derrogadas cantas disposicións se opoñan ao disposto nesta normativa, 7. ENTRADA EN VIGOR Esta normativa entrará en vigor o día 1 de xuño de 2014.