Acordo do Consello de Goberno do 22-02-2018, polo que se aproba o Regulamento de réxime interno da Escola de Doutoramento internacional en Ciencias da Saúde (EDI-SAÚDE)
Full text
REGULAMENTO DE RÉXIME INTERNO DA ESCOLA DE DOUTORAMENTO INTERNACIONAL EN CIENCIAS DA SAÚDE DA USC (EDI-SAÚDE-USC) (Aprobado polo Consello de Goberno o 22 de febreiro de 2018) TÍTULO I A ESCOLA DE DOUTORAMENTO INTERNACIONAL EN CIENCIAS DA SAÚDE DA USC Artigo 1. Lexislación A Escola de Doutoramento Internacional en Ciencias da Saúde da USC (en adiante EDI-SAÚDEUSC) rexerase polo presente Regulamento, no marco do sinalado no seu acordo de creación (aprobado polo Consello de Goberno do 29 de xullo de 2016), nos Estatutos da USC, no Regulamento de Estudos de Doutoramento da USC, e demais normativa xeral que lle sexa de aplicación. Artigo 2. Definición Dependente do CIEDUS, a EDI-Saúde-USC é o centro universitario responsable de organizar, planificar, xestionar, supervisar e realizar un seguimento dos ensinos e actividades propias do doutoramento dentro do seu ámbito de coñecemento das ciencias da saúde. Artigo 3. Órganos de goberno da EDI-Saúde-USC Son órganos de goberno da EDI-Saúde-USC os indicados no seu acordo de creación: - Órganos colexiados: Comité de Dirección e Comisión Académica - Órganos unipersoais: Director ou directora e secretario ou secretaria Artigo 4. O Comité de Dirección O Comité de Dirección reunirase por iniciativa da dirección ou por pedimento dun terzo dos seus membros. Realizará, polo menos, tres sesións ordinarias durante o curso académico en período lectivo. O director CIEDUS deberá ser convocado as reunións do Comité de Dirección da escola. Artigo 5. Composición do Comité de Dirección O Comité de Dirección estará composto por:
a) O director ou directora da escola, quen o convocará e presidirá. b) Polo secretario ou secretaria da escola, que o será tamén do Comité de Dirección. c) Os coordinadores dos programas de doutoramento adscritos á escola. No caso de programas interuniversitarios de doutoramento se incluirá aos coordinadores da USC. d) Cinco representantes do persoal docente e investigador vinculado aos programas de doutoramento adscritos á escola. e) Unha representación dos doutorandos matriculados nos programas de doutoramento adscritos á escola, que suporá o 25 % do total dos membros do Comité de Dirección. f) Un representante do persoal de administración e servizos. Para a elección dos representantes dos apartados d), e) e f), estarase ao disposto no Regulamento Electoral Xeral da USC, que serán elixidos polos membros dos seus respectivos colectivos nunha votación directa e secreta. Os candidatos serán nomeados pola reitora ou reitor. Para os efectos de constituír o comité de dirección das escolas de doutoramento, estarán censados nas respectivas escolas: a) O persoal docente e investigador da USC en servizo activo vinculados aos programas de doutoramento adscritos á escola nos termos que determina o Regulamento de Estudos de Doutoramento da USC. b) Os estudantes matriculados nos programas de doutoramento adscritos á escola. c) O persoal de administración e servizos que desenvolva nela a súa actividade. Todos os representantes elixidos serano por 2 anos. A condición de membro do Comité perderase ao cesar a vinculación coa escola ou ao deixar de cumprir os requisitos demandados ao sector polo cal foi elixido. Artigo 6. Competencias do Comité de Dirección Son competencias do Comité de Dirección: a) A elección do director ou directora da escola de doutoramento e, de ser o caso, a súa remoción. b) A elaboración e a aprobación da proposta de regulamento de réxime interno da escola, así como do seu código de boas prácticas. c) A supervisión da xestión dos restantes órganos de goberno e de administración da escola.
d) Informe das propostas de novos programas de doutoramento adscritos á escola, e de modificación ou extinción dos existentes. e) A aprobación das liñas xerais da política académica da escola f) As competencias da Escola indicadas no Regulamento Estudos de Doutoramento no relativo aso premios extraordinarios de doutoramento. g) A resolución de conflitos entre axentes dos programas de doutoramento adscritos h) Fixar criterios de calidade das teses doutorais adscritas a Escola. i) Establecer procedemento de control co fin de garantir a calidade das teses, a formación dos doutorandos e o correcto seguimento destes. j) A planificación anual e organización de actividades de formación en investigación. k) A programación dos servizos e equipamentos da escola e a supervisión da súa xestión. l) A distribución das asignacións orzamentarias concedidas á escola e o control da súa aplicación. m) Elaboración anual da memoria da Escola. n) A designación dos membros elixibles da Comisión Académica. o) Calquera outra competencia que lle atribúan os estatutos ou a normativa de aplicación. Artigo 7. A Comisión Académica da EDI-Saúde-USC A EDI-Saúde-USC terá unha Comisión Académica que estará formada polo director ou directora da escola, que a convocará e presidirá, o secretario ou secretaria da escola, que o será tamén da Comisión Académica, e cinco doutores con vinculación permanente á USC e que teñan dirixido a lo menos unha tese no ámbito dos programas adscritos á escola. Estes doutores serán elixidos polo Comité de Dirección da Escola, de entre os seus membros e deberán pertencer preferentemente a programas de doutoramento diferentes. A Comisión Académica será a encargada de tomar as decisións oportunas nos aspectos académicos dos programas adscritos a súa escola, para o que poderán facer uso dos informes que consideren oportunos. En particular, a comisión académica desenvolverá as funcións seguintes: a) A admisión a trámite das teses b) A designación e nomeamento dos membros dos tribunais de tese c) Autorización de defensa de teses de doutoramento d) A emisión de informes sobre a lectura das teses en dependencias alleas á Universidade nos casos contemplados no artigo 37.5 do Regulamento de Estudos de Doutoramento da USC.
e) Informe das solicitudes de cambio de Programa de Doutoramento por parte dun doutorando. f) Informes sobre convenios de doutoramento e de cotutela do ámbito da Escola. g) Revisión de méritos par a inclusión no rexistro de directores. h) Autorización da asignación dun director de tese nos casos previstos no artigo 10.7 i) Autorización da participación dun membro do tribunal por videconferencia, segundo establecido no artigo 37.6 do regulamento de Estudio de doutoramento da USC. j) Autorización para delegación do secretario do tribunal da custodia da documentación da defensa da tese nun membro do persoal docente e investigador da USC. k) Emisión de informe de equivalencia a nivel académico de doutor. l) Calquera outra competencia que lle encomende o Comité de dirección ou a normativa de aplicación. Artigo 8. O director ou directora da EDI-Saúde-USC O director ou directora representa á escola, exerce a súa dirección e a xestión ordinaria, preside e coordina a actuación do Comité de Dirección e da Comisión Académica e executa os seus acordos. O director ou directora será elixido polo Comité de Dirección, consonte o artigo 61 do Regulamento electoral da USC (CG de 8 de outubro de 2015) e nomeado polo reitor ou reitora, por un período de catro anos renovables, de entre o persoal docente e investigador da escola co título de doutor ou doutora e vinculación permanente á Universidade que reúna a condición de investigador ou investigadora de recoñecido prestixio. Esta condición debe estar avalada pola xustificación da posesión de polo menos tres períodos de actividade investigadora recoñecidos consonte as previsións do Real decreto 1086/1989, do 28 de agosto, ou, no caso de non resultarlle de aplicación o dito criterio de avaliación, deberá acreditar méritos equiparables aos sinalados. O director ou directora da escola poderá cesar por dimisión ou por acordo do Comité de Dirección por maioría absoluta dos seus membros. Artigo 9. Competencias do director ou directora da EDI-Saúde-USC Son competencias do director ou directora da EDI-Saúde-USC as seguintes a) A representación da escola. b) A dirección e a xestión ordinaria da escola.
c) A presidencia das reunións do Comité de Dirección, así como a execución dos seus acordos. d) A presidencia da Comisión Académica da escola. e) A dirección da política académica da escola. f) A proposta ao reitor ou reitora do nomeamento e cesamento do secretario ou secretaria da escola g) A vixilancia do respecto dos dereitos e do cumprimento dos deberes de todos os membros da escola e, en particular, do seu código de boas prácticas h) O control do cumprimento das obrigas docentes e discentes i) O control do adecuado mantemento do patrimonio da escola j) A autorización dos gastos dentro do orzamento anual da escola k) O exercicio das restantes funcións que deriven do seu cargo, así como aqueloutras que sinalen os estatutos ou a lexislación universitaria l) As competencias do director estenderanse a todos os asuntos concernentes ao goberno e á administración da escola que non estean atribuídos a outros órganos Artigo10. O secretario ou secretaria da EDI-Saúde-USC O secretario ou secretaria da escola é quen dá fe dos actos e acordos dos órganos de goberno, representación e administración desta e, como tal, ten encomendada a custodia das actas e a expedición das certificacións dos acordos e de todos os actos ou feitos que consten nos documentos oficiais da escola. Ademais, exercerá aqueloutras funcións que lle encomenden o director ou directora, a lexislación vixente e os Estatutos. O secretario ou secretaria será nomeado polo reitor ou reitora, segundo a proposta do director ou directora, de entre os profesores ou funcionarios dos subgrupos A1 e A2 que presten servizos na escola. O secretario ou secretaria cesará por decisión do reitor ou reitora, ben tras a proposta do director ou directora da escola, ou por petición propia.
TÍTULO II OS PROGRAMAS DE DOUTORAMENTO ADSCRITOS Á EDI-Saúde-USC Artigo 11. As Comisións Académicas dos Programas de Doutoramento Cada programa de doutoramento contará cunha Comisión Académica do Programa de Doutoramento (en adiante CAPD), órgano responsable do deseño, implantación, actualización, organización, calidade e coordinación do programa de doutoramento. Artigo 12. Composición da CAPD A CAPD estará integrada por un mínimo de cinco e un máximo de quince membros, de entre o profesorado do programa, e será nomeada pola reitora ou reitor. Para o seu funcionamento a CAPD poderá nomear comisións delegadas para tratar os asuntos que lle delegue a CAPD. A CAPD estará integrada por persoal doutor con vinculación permanente coa universidade e dedicación a tempo completo, en posesión de, polo menos, un período de actividade investigadora recoñecida de acordo co RD 1086/1989, ou equivalente para o profesorado contratado. No caso de programas de doutoramento que conten coa colaboración doutros organismos, centros, institucións e entidades con actividades de I+D+i, públicos, privados, nacionais ou estranxeiros, poderá formar parte da CAPD o persoal investigador vinculado aos ditos organismos, sempre que acredite cumprir os mesmos requisitos que o persoal investigador adscrito á universidade ou méritos equiparables, no caso de que non resulte de aplicación a posesión do período de actividade investigadora. A totalidade dos membros da CAPD deberá formar parte do profesorado do programa de doutoramento, entendéndose como tal, o profesorado que figura na memoria de verificación. Na CAPD deberá designarse unha persoa presidenta e unha secretaria. Esta última dará fe dos acordos adoptados pola comisión e redactará as actas das sesións da CAPD No caso de programas de doutoramento interuniversitarios, ou programas en que participen organismos, entidades, centros ou institucións con actividades de i+D+i, a composición da CAPD será a que figure mediante acordo ou segundo o indicado no correspondente convenio de colaboración. En calquera caso, a composición da CAPD deberá contar, cando menos, cun membro da USC.
A CAPD renovarase, con carácter xeral, cada 4 anos. Cada programa de doutoramento poderá establecer a elección, cese e renovación dos membros da súa CAPD a través dos criterios establecidos no regulamento de réxime interno do Programa, no caso de telo, ou mediante acordo da CAPD, o que deberá ser remitido previamente para o seu informe ao Comité de dirección da Escola de Doutoramento. O programa, en todo caso, deberá establecer o número de membros definitivo da Comisión e, na composición da CAPD deberá haber representación dos distintos ámbitos de investigación do Programa. Artigo 13. Competencias da CAPD Son competencias da CAPD as indicadas no artigo 6 do Regulamento de Estudos de Doutoramento. Artigo 14. O coordinador da CAPD Cada programa de doutoramento deberá contar cunha persoa coordinadora, nomeada polo reitor ou reitora, que actuará como presidente da CAPD. O coordinador ou coordinadora debe cumprir os requisitos seguintes: (i) ter dirixido ou codirixido polo menos dúas teses de doutoramento, (ii) estar en posesión de polo menos dous períodos de actividade investigadora recoñecidos de acordo co RD 10 86/1989 ou equivalente, e (iii) ter vinculación permanente coa universidade e dedicación a tempo completo. Só se poderá ser coordinador ou coordinadora nun único programa de doutoramento. No caso de programas interuniversitarios, a designación do coordinador será por acordo entre reitores cando se trate de programas conxuntos e no modo indicado no convenio con outras institucións cando se desenvolva en colaboración con elas. O coordinador ou coordinadora poderá cesar por dimisión ou por acordo da Comisión académica por maioría absoluta dos seus membros. Artigo 15. O secretario ou secretaria da CAPD O Secretario ou secretaria será nomeado polo reitor ou reitora, a proposta do coordinador ou coordinadora entre os membros da CAPD. O secretario ou secretaria é o encargado de dar fe dos actos e acordos da CAPD e, coma tal, ten encomendada a custodia dos libros de actas e a expedición das certificacións dos acordos e de
todos os actos que consten nos documentos oficiais da CAPD. Tamén exercera aqueloutras funcións que lle delegue o coordinador ou coordinadora, ou se lle encomende noutras normas que sexan de aplicación. O secretario ou secretaria cesará por decisión do reitor ou reitora, ben tras a proposta do coordinador ou coordinadora da CAPD, ou por petición propia. Artigo 16. Os doutorandos e doutorandas adscritos á Escola. Son dereitos e deberes dos doutorandos e doutorandas da Escola os indicados no Regulamento de Estudos de Doutoramento da USC, no Estatuto do Estudante Universitario e os incluídos no compromiso documental de supervisión. Artigo 17. Os titores e directores de teses de programas adscritos á Escola. Son dereitos e deberes dos titores e directores de teses da Escola os indicados no Regulamento de Estudos de Doutoramento da USC e os incluídos no compromiso documental de supervisión. TÍTULO III RÉXIME DE XUNTANZAS DOS ÓRGANOS COLEXIADOS DA ESCOLA DE DOUTORAMENTO Artigo 18. Convocatorias e sesións A asistencia ás xuntanzas dos órganos colexiados constitúe un dereito e un deber para todos os seus membros. Para o cumprimento destas funcións quedan dispensados de calquera outra actividade universitaria polo tempo que duren as sesións desta. Cando a natureza dos asuntos o requira, poderase invitar a outros membros da comunidade universitaria con voz pero sen voto. Os órganos colexiados estarán presididos pola directora ou director da Escola de Doutoramento, en caso de ausencia, estes serán substituídos, para esa sesión, polo membro de superior categoría e antigüidade. En caso de ausencia ou vacante dos secretarios dos órganos colexiados estes serán substituídos, para esa sesión, polo membro do órgano que determine a presidencia do órgano. Todos os órganos colexiados poderán celebrar as súas sesións, adoptar acordos e remitir actas tanto de forma presencial como a distancia.
Facilitarase que os membros dos órganos colexiados participen nas xuntanzas mediante videoconferencia. Nas sesións que celebren os órganos colexiados a distancia, os seus membros poderán atoparse en distintos lugares a condición de que se asegure por medios electrónicos, a identidade dos membros e o contido das súas manifestacións, o momento en que estas se producen, así como a interacción e comunicación entre eles en tempo real e a dispoñibilidade dos medios durante a sesión. Considéranse medios válidos os telefónicos, o correo electrónico e os medios audiovisuais. En todo caso, para cada sesión a Presidencia será quen determine que medios técnicos non presenciais poderán utilizarse para garantir a interacción de todos os membros nesa xornada. Os órganos colexiados referidos neste regulamento reuniranse con carácter ordinario ou extraordinario por iniciativa do presidente ou presidenta, ou a pedimento dun terzo dos seus membros. Serán sesións extraordinarias as que se convoquen pola Presidencia para tratar asuntos cuxa importancia ou urxencia así o requira. Na orde do día das sesións extraordinarias non se incluirán a lectura de actas, asuntos de trámite ou rolda aberta de intervencións. As convocatorias ordinarias dos órganos colexiados referidos neste Regulamento serán comunicadas aos seus membros con polo menos con 3 días de antelación. As convocatorias de carácter extraordinario serán comunicadas polo menos con 2 días de antelación. As convocatorias enviaranse vía correo electrónico, xunto á orde do día redactada polo secretario ou secretaria co visto e prace do presidente ou presidenta. Xuntarase á convocatoria toda a documentación necesaria para a información dos seus membros, ben a través de correo electrónico, ben a través de repositorio institucional. Non poderá ser obxecto de deliberación ou acordo ningún asunto que non figure incluído na orde do día, agás que estean presentes todos os membros do órgano colexiado e sexa declarada a urxencia do asunto co voto favorable da maioría. Artigo 19. Réxime de adopción de acordos Para a validez da constitución do órgano colexiado será necesaria a participación de a lo menos da metade dos seus membros, en primeira convocatoria. De non se producir quórum na primeira convocatoria, o órgano colexiado constituirase na segunda convocatoria, media hora despois,