scieee AI-readable full text Open interactive document viewer

A figura de Briseida: relevancia e biografía na Ilíada

Pérez Bernárdez, Laura

Abstract

Este traballo ten por obxectivo o estudo da figura de Briseida: como era a vida dunha muller hai miles de anos que, sendo filla do rei Briseo e, polo tanto, princesa en orixe, viviu a súa vida convertida en escrava de guerra. No contexto global do conflito bélico máis importante da época, a Guerra de Troia, Briseida é utilizada, xunto con Criseida (filla do sacerdote Crises) como premio dos dous guerreiros mais destacados da batalla: Agamenón e Aquiles. Cando ao primeiro lle quitan a súa escrava Criseida, o segundo queda sen a del, Briseida, porque Agamenón esixe que lle sexa compensado o botín que lle viñan arrebatar. Establécese, pois, un xogo de poder entre estes guerreiros, aos que lles importa máis o seu honor e os trofeos que a propia loita e o seu desenlace. Briseida convértese no motivo de disputa entre os principais líderes gregos, o que provoca a división e conseguinte diminución de forzas no campo de batalla. É, xa que logo, unha personaxe de especial relevancia no relato recollido na Ilíada e compre recoñecerlle o seu papel. Asemade, o traballo tamén se centrará no máis persoal de Briseida: as súas orixes, como queda viúva precisamente por culpa de Aquiles e como afronta o seu loito tendo que convivir com quen matou ao seu marido. Briseida vese desamparada sen o seu companheiro e, ao mesmo tempo, sen un futuro e sometida ao poder doutro guerreiro. Analizarase en que medida pode unha viúva e escrava de guerra manifestar a súa dor pola perda dos seus seres queridos e como é o destino que lle espera.

Full text

A figura de Briseida: relevancia e biografía na Ilíada Autora LAURA PÉREZ BERNÁRDEZ Titor ÁNGEL RUIZ PÉREZ Grao en Filoloxía Clásica Universidade de Santiago de Compostela Curso académico 2021/2022 A figura de Briseida: relevancia e biografía na Ilíada Autora LAURA PÉREZ BERNÁRDEZ Titor ÁNGEL RUIZ PÉREZ Grao en Filoloxía Clásica Universidade de Santiago de Compostela Curso académico 2021/2022 2 Á familia que construín polo camiño e lle puxo banda sonora a isto e a todo o demais. 3 4 ÍNDICE 1. ASPECTOS INTRODUTORIOS 6 1. 1. OBXECTIVOS DO TRABALLO 6 1. 2. PRESENTACIÓN DA FIGURA DE BRISEIDA 6 1. 3. METODOLOXÍA 7 2. BRISEIDA E OS EPÍTETOS RELACIONADOS COA BELEZA 8 3. BRISEIDA: CARACTERIZACIÓN DA PERSONAXE 14 4. RELACIÓNS INTERPERSOAIS DE BRISEIDA 23 4. 1. AQUILES 23 4. 2. PATROCLO 31 4. 3. AGAMENÓN 34 4. 4. O SEU MARIDO 37 4. 5. CRISEIDA 38 4. 6. CONXUNTO DE CARPIDEIRAS 38 5. RECONSTRUCIÓN CRONOLÓXICA DA IMPORTANCIA DE BRISEIDA NA ILÍADA 39 6. CONCLUSIÓNS 41 7. BIBLIOGRAFÍA 43 5 1. ASPECTOS INTRODUTORIOS 1. 1. OBXECTIVOS DO TRABALLO O estudo que realizaremos sobre a figura de Briseida centrarase principalmente nunha reconstrución biográfica da moza, tratando, por unha banda, dende o comezo da súa vida ata o momento da súa viuvez; e, pola outra, despois deste punto de inflexión na súa traxectoria vital, o seu papel na guerra de Troia e a súa nova vida como escrava de guerra. sendo antes unha muller libre cos seus correspondentes dereitos. Asemade, poremos o foco nas súas relacións interpersoais con Aquiles, Patroclo, o seu marido e mais o resto de mulleres coas que comparte espazo e circunstancias. Trataremos de dar conta do modo no que se enfrontou á viuvez e ao cambio do seu status social: era a esposa dun guerreiro e pasou a ser o botín do valoroso Aquiles, o mesmo que acabara coa vida do seu amado marido. Outro aspecto chave é a forma que ten Briseida de afrontar o seu loito mentres se ve obrigada a convivir con quen a converteu en viúva. A moza está desamparada sen o seu compañeiro e, ao mesmo tempo, vese sen un futuro e sometida á vontade e ao poder doutro guerreiro. Analizaremos en que medida pode unha viúva e escrava de guerra expresar a súa dor pola perda dos seus seres queridos e como se debuxa o destino que lle agarda. De igual modo e paralelamente, reflexionaremos sobre a súa importancia no desenvolvemento do conflito bélico, o de maiores dimensións documentado na época antiga. 1. 2. PRESENTACIÓN DA FIGURA DE BRISEIDA Briseida era filla do rei Briseo e, por conseguinte, unha princesa, mais rematou vivindo convertida en escrava. Xunto con Criseida, a filla do sacerdote Crises, é utilizada como premio dos dous combatentes máis destacados do bando troiano: Agamenón e Aquiles. Cando ao primeiro lle quitan a súa escrava Criseida, Aquiles queda sen a del, Briseida, xa que o Atrida Agamenón esixe que lle sexa compensado o botín que lle viñan de arrebatar. Xa que logo, establécese entre ambos guerreiros un xogo de poder, no cal se disputa cadanseu honor. A estes troianos semella importarlles máis a súa dignidade e os trofeos que cren merecer que a propia loita na que participan e o seu desenlace. 6 Briseida convértese no motivo de disputa entre os principais líderes gregos e isto resulta na inevitable división e conseguinte diminución de forzas no campo de batalla. A moza que estudamos é, xa que logo, unha personaxe de especial relevancia á que cómpre recoñecerlle o seu papel no relato recollido na Ilíada, a obra que tomamos como principal referencia para a realización da presente investigación. 1. 3. METODOLOXÍA En canto á metodoloxía seguida para a elaboración do presente traballo cómpre destacar que se empregou como guía a edición da Ilíada de Homero da editorial Gredos, cuxo tradutor (ao castelán) é Emilio Crespo. Seguíronse, pois, as súas traducións en todas aquelas partes que se consideraron necesarias incluír neste estudo. Estas están, á súa vez, adaptadas ao galego pola autora deste traballo. Tamén se empregaron os diferentes volumes de comentarios á obra, The Iliad: a commentary, dos que G. S. Kirk é o editor xeral. Do mesmo xeito, foime de gran utilidade o artigo de Linda Molli «Just a pale shadow? The characterization of Briseis in Homer’s Iliad», de 2021, malia só poder consultalo nos últimos días de elaboración do traballo, xa que acaba de saír publicado. Ao ter boa parte da investigación realizada, puiden comprobar como o punto da miña análise e mais o da autora coincidían practicamente na súa totalidade, o que me resultou moi gratificante e me serviu de guía para as últimas pinceladas do traballo No proceso de redacción fóronse aportando reflexións persoais apoiadas en fragmentos do texto orixinal en grego, aos que lle seguen os seus correspondentes traducidos ao galego. Conforme se avanza no estudo e quedan analizados xa ditos fragmentos, só volven aparecer mencións ou referencias a estes cando se considera necesario. 7 2. BRISEIDA E OS EPÍTETOS RELACIONADOS COA BELEZA Para levar a termo unha análise máis precisa das comparacións en termos de beleza das que é obxecto Briseida nas diferentes mencións que se lle fan na Ilíada, procederemos a tratalas canto por canto. No canto I atopamos a primeira mención á figura que estudamos, no verso 184. Porén, podemos remontarnos xa uns versos máis atrás (arredor do v. 93, cando comeza a intervención do adiviño Calcante) para establecer un contexto a esta primeira nominación que procedemos a tratar. Así pois, o Atrida Agamenón deshonrou ao sacerdote Crises cando este chegou ás veloces naves dos aqueos con inmensos rescates para liberar á súa filla Criseida, a cal fora apresada como botín de guerra, como tamén o fora a nosa moza, Briseida, filla, á súa vez, do rei Briseo. O sacerdote ofrecéralles un rescate mais o Atrida, rei dos aqueos, non respectou o trato, que esixía da parte contraria a liberación da súa rapaza. Agamenón transmitiulle a Calcante a súa firme intención de non entregar a Criseida e afirmou, asemade, preferila antes que a Clitemnestra, a súa lexítima esposa, chegando ata a equiparalas en figura, talle, habilidade e xuízo. O adiviño, pois, vaticinou que unha peste recaería sobre os aqueos se Agamenón non devolvía a Criseida. Foi por iso polo que o Atrida mandou dispoñer para el outro botín e así poder devolver o que lle estaba sendo requirido. Este segundo botín do que se apropiou foi o que orixinariamente lle fora atribuído ao valoroso Aquiles: outra moza, tamén moi recoñecida pola súa beleza, Briseida, o obxecto de estudo deste proxecto. 8 Esclarecido o contexto e volvendo entón ao verso 184 arriba citado, o texto grego reza: Βρισηΐδα καλλιπάρῃον, cuxa tradución ao galego é ‘Briseida, de fermosas fazulas’. Cabe destacar, en primeiro lugar, unha característica do plano métrico: atópase en posición final de verso. A pasaxe na que figura este verso forma parte dunha intervención de Agamenón dirixida a Aquiles. Nela, logo de mencionar a Briseida con ese cualificativo καλλιπάρῃον (que seguiremos analizando despois e buscándolle paralelos na obra), identifica a moza como o botín de Aquiles, τὸ σὸν γέρας (v. 185). Quere isto dicir que Briseida aparece cousificada, tratada como un mero obxecto, neste caso unha recompensa de guerra que un valente guerreiro gañou a causa do seu bo facer no campo de batalla. Agamenón dille ao Pelida Aquiles que, de igual modo que Febo Apolo lle quitou a Criseida, a moza que lle fora outorgada, el mesmo podería quitarlle a Briseida, acudindo, se for preciso, en persoa á tenda de Aquiles para facerlle ver canto máis poderoso era ca el, e así tamén aborrecese calquera outro pretender igualarse e compararse ao soberano dos aqueos. Kirk (1985: 71) considera que Agamenón pretende, ante todo, deixar claro que a propiedade de Briseida debe serlle atribuída a el exclusivamente. Tamén apunta que Aquiles, pola súa parte, non fai unha referencia específica a Briseida na súa contestación, senón que se refire cun termo máis xeral, δῶρ’ ἀποαιρεῖσθαι (v. 230, en posición inicial), ‘quitar os regalos’. No verso 323 volvemos atopar a fórmula Βρισηΐδα καλλιπάρῃον. Igual que no verso 184, aparece a final de verso. Neste caso é Agamenón quen ten a palabra. Encárgalle a Taltibio e Euríbates, os seus dous heraldos e dilixentes servidores, que fosen á tenda de Aquiles e trouxesen de alí a Briseida. Se se dese a situación de que o Pelida Aquiles non quixer entregala, Agamenón iría en persoa con reforzos. Uns vinte versos máis adiante (concretamente, v. 346) repítese a fórmula que estamos tratando e a súa posición en final de verso. No fragmento nárrase o momento no que Patroclo saca a Briseida da tenda do Pelida e a rapaza acompaña aos emisarios do soberano Agamenón de mala gana. O texto grego é o que segue: 9 interpretación de Briseida, a súa denominación habitual como o patronímico paralelo de Criseida, a filla de Crises. ‘Briseida’ é máis ca unha etiqueta; pode que este nome faga referencia á ‘muller de Brisa’, un enclave situado en Lesbos, aínda que na obra se presente asociada a Lirneso. Tamén destaca o autor que hai ninfas con este nome. En toda a obra non se volve facer referencia a Briseida recorrendo ao seu proxenitor, mais resulta moi significativo que sexa desta maneira como se dea a primeira aparición da moza na obra. Ponse en escena relacionándoa cunha figura masculina, que neste caso é o seu pai, e déixase así constancia de que a persoa que se vai tratar ten unha identidade feble e que o seu percorrido na historia estará determinado por un home, ben sexa o seu pai, como tratamos aquí; o seu marido, o rei de Lirneso; ou os guerreiros aqueos, o soberano Agamenón e mais o divino Aquiles. Do lugar de orixe de Briseida daremos conta nas seguintes liñas: No canto II hai unha primeira mención á patria orixinaria de Briseida, Lirneso, unha cidade ben amurallada que fora enteiramente saqueada polos aqueos. O texto grego correspóndese ao dos versos 690 e 691: τὴν ἐκ Λυρνησσοῦ ἐξείλετο πολλὰ μογήσας / Λυρνησσὸν διαπορθήσας καὶ τείχεα Θήβης, ‘(...) que arrebatara para si de Lirneso, logo de moitas fatigas / tras saquear completamente Lirneso e as murallas de Teba’. En relación ao contexto cabe clarificar que se trata da pasaxe coñecida co nome de “Catálogo das naves”. Aquiles mantíñase apartado nas naves debido á súa ira por causa da moza Briseida, a que lle viñan de levar da súa tenda. Coñecemos, pois, o lugar de procedencia de Briseida e mais da súa familia. Kirk (1985: 230) ve que a atención destes versos recae sobre a moza e a súa obtención en Lirneso. Aquiles lembra o ataque de Teba, a cidade de Etión da cal foi capturada Criseida na mesma intrusión que Briseida. Outra das aclaracións que fai o autor é que a cidade de Lirneso xace baixo o Monte Ida. No canto XVI aparece outra referencia a este enclave, desta volta como πόλιν εὐτείχεα, ‘a ben amurallada cidade’, no verso 57. Prodúcese nunha conversa entre Aquiles e Patroclo, na cal o primeiro fala de Briseida referíndose a ela como κούρην ἣν ἄρα μοι γέρας 16 ἔξελον υἷες Ἀχαιῶν, / δουρὶ δ’ ἐμῷ κτεάτισσα, ‘a rapaza que os fillos dos aqueos me reservaron en prenda / e que adquirín coa miña lanza tras saquear (...)’. Destácase, en efecto, a idea de que o lugar onde se produciu o combate do que sacaron trofeos de gran valor, entre os que se inclúen as fillas de Crises e de Briseo, estaba moi ben fortificado e a incursión nel foi dificultosa. Isto, por outra banda, deixa ver que se trataba dunha rexión ben capacitada dende o punto de vista económico, pois doutra maneira non sería posible que contase con defensa propia. Consta outra mención á patria da nosa rapaza no canto XIX, nunha intervención realizada por Aquiles e dirixida ao Atrida Agamenón no medio dunha asemblea que celebraron os aqueos xusto antes de reincorporarse á loita. Aparece no verso 60: ἤματι τῷ ὅτ’ ἐγὼν ἑλόμην Λυρνησσὸν ὀλέσσας·, ‘aquel día no que eu conquistei e destruín Lirneso’. Vemos como Aquiles, o máis valente dos guerreiros aqueos, se atribúe a el mesmo o mérito da gañancia deste lugar e, implicitamente, tamén o da moza que lle tocara no reparto das recompensas. As verbas de Aquiles reflicten en realidade a súa intención de deixar patente que, sen a súa participación no saqueo de Lirneso, os aqueos nunca terían chegado a conseguir a vitoria sobre dita cidade. No canto XX hai de novo varias referencias ao saqueamento de Lirneso por parte de Aquiles e Eneas, que se volven enfrontar agora no campo de batalla de Ilión. En boca de Eneas está a primeira alusión a Lirneso e Pédaso no verso 92: οὐ μὲν γὰρ νῦν πρῶτα ποδώκεος ἄντ’ Ἀχιλῆος στήσομαι, ἀλλ’ ἤδη με καὶ ἄλλοτε δουρὶ φόβησεν ἐξ Ἴδης, ὅτε βουσὶν ἐπήλυθεν ἡμετέρῃσι, πέρσε δὲ Λυρνησσὸν καὶ Πήδασον· Non será esta a primeira vez que ante o velocípedo Aquiles me oporei; xa noutra ocasión coa súa lanza me puxo en fuga fóra do Ida, cando atacou as nosas vacas e saqueou Lirneso e Pédaso. 17 En canto ao contexto, Eneas respóndelle a Apolo, quen tomou a voz de Licaón, o fillo de Príamo, para exhortalo a combater contra o Pelida. Un par de versos máis abaixo (v. 94) hai unha nova referencia á protección que Atenea servía para os aqueos: ἦ κ’ ἐδάμην ὑπὸ χερσὶν Ἀχιλλῆος καὶ Ἀθήνης, ἥ οἱ πρόσθεν ἰοῦσα τίθει φάος ἠδ’ ἐκέλευεν ἔγχεϊ χαλκείῳ Λέλεγας καὶ Τρῶας ἐναίρειν. Seguro que tería sucumbido a mans de Aquiles e de Atenea, que ía diante levándolle a luz da salvación e ordenándolle exterminar coa broncínea pica os lélexes e os troianos. Segundo apunta Edwards (1991: 304), Pédaso era a cidade principal dos lélexes. No verso 191 do mesmo canto volve mencionarse Lirneso, desta volta en voz de Aquiles, quen se dirixe a Eneas lembrándolle un enfrontamento común nese lugar. ἔνθεν δ’ ἐς Λυρνησσὸν ὑπέκφυγες· αὐτὰρ ἐγὼ τὴν πέρσα μεθορμηθεὶς σὺν Ἀθήνῃ καὶ Διὶ πατρί, ληϊάδας δὲ γυναῖκας ἐλεύθερον ἦμαρ ἀπούρας ἦγον· (...) De alí fuches refuxiarte a Lirneso, mais eu saqueeina cando irrompín nela tras de ti con Atenea e Zeus pai e arrebatei o día da liberdade ás mulleres, ás que levei cautivas (...). A información que a Ilíada ofrece sobre quen era o seu marido, morto no saqueo de Lirneso a mans do valoroso Aquiles, é bastante escasa. Porén, trataremos de reconstruír a biografía do soberano na medida en que nos sexa posible. 18 No canto XIX hai unha pasaxe moi destacable: o pranto de Briseida pola morte de Patroclo. Nela narra a nosa moza a historia propia do seu marido, e é a partir destes versos de onde obtemos a maior parte da información que podemos ofrecer ao respecto. A narración comeza no verso 287 e esténdese ata o 300. A partir do v. 291: ἄνδρα μὲν ᾧ ἔδοσάν με πατὴρ καὶ πότνια μήτηρ εἶδον πρὸ πτόλιος δεδαϊγμένον ὀξέϊ χαλκῷ, (...) οὐδὲ μὲν οὐδέ μ’ ἔασκες, ὅτ’ ἄνδρ’ ἐμὸν ὠκὺς Ἀχιλλεὺς295 ἔκτεινεν, πέρσεν δὲ πόλιν θείοιο Μύνητος, κλαίειν (...). Ao marido a quen me confiaron o meu pai e a miña augusta nai vino diante da cidade desgarrado polo afiado bronce, (...) Nin sequera me permitiches, cando o lixeiro Aquiles matou ao meu marido e saqueou a cidade do divino Minete, chorar (...). Briseida confirma que viu morrer o seu marido aos pés da cidade onde vivían, a cal quedara asemade totalmente destruída, tamén por obra do Pelida Aquiles, o que reducía de xeito máis evidente as posibilidades de continuar alí. Ademais, Briseida non só quedara viúva a causa da invasión aquea, senón que tamén perdera aos seus tres irmáns varóns, o que facía dela unha muller sen escapatoria á conversión en escrava de guerra, sometida aos guerreiros que provocaron a súa desgraza. Dos irmáns de Briseida pouco máis sabemos do referido nos versos 93 e 94: τρεῖς τε κασιγνήτους, τούς μοι μία γείνατο μήτηρ, κηδείους, οἳ πάντες ὀλέθριον ἦμαρ ἐπέσπον. igual que aos tres irmáns que a miña nai enxendrara, tan amados e todos alcanzaron o día da ruína. 19 Na segunda parte deste capítulo faremos fincapé na presenza da figura estudada na obra e no seu papel como protagonista, especialmente na pasaxe que vimos de tratar, o pranto pola morte de Patroclo. No canto XIX aparece o seu nome a principio de verso e en nominativo, polo que non deixa dúbidas de que será quen leve o peso da acción. Tal e como apunta Edwards (1991: 267), o lamento de Briseida responde ao dó tradicional das mulleres sobre o corpo de Patroclo. Tratamos aquí o verso 282 e seguintes, que rezan: Βρισηῒς δ’ ἄρ’ ἔπειτ’, ἰκέλη χρυσέῃ Ἀφροδίτῃ, ὡς ἴδε Πάτροκλον δεδαϊγμένον ὀξέϊ χαλκῷ, ἀμφ’ αὐτῷ χυμένη λίγ’ ἐκώκυε, χερσὶ δ’ ἄμυσσε στήθεά τ’ ἠδ’ ἁπαλὴν δειρὴν ἰδὲ καλὰ πρόσωπα. Entón Briseida, semellante á áurea Afrodita, ao ver o corpo de Patroclo desgarrado polo afiado bronce, caeu abrazada a el e estalou en agudos xemidos, e rabuñábase coas unllas o peito, o suave pescozo e a fermosa cara. Malia que estes versos xa os tratamos no capítulo 1, neste caso analizarémolos dende outra óptica: como desenvolve Briseida a acción e cales son os sentimentos que manifesta. Briseida representa aquí a unha muller que expresa o seu dó polo pasamento de Patroclo, un home que foi benévolo con ela dende o momento da súa capturación, e dirixe logo os lamentos fúnebres na súa honra. O último verso significa un sinal de desesperación e profunda tristeza; en pasaxes anteriores da obra ten aparecido “darse golpes na coxas”. Segundo Edwards (1991: 298), estes versos tamén dramatizan o retorno a Aquiles do seu premio de honra sen desmerecer a atención do seu loito por Patroclo. A propia dor de Briseida fai que resulte máis fácil comprender a perda que Aquiles vén de sufrir. Ademais, a ilustración de Briseida manifestando o loito trae ao recordo que ela foi devolta ao Pelida a cambio da vida de Patroclo. 20 Edwards recolle as palabaras de I.J.F. de Jong: “a visión de Patroclo evoca lembranzas do pasamento do seu marido, e no discurso que segue intégrase a dor polo esposo que perdeu no seu lamento por Patroclo. De xeito sucesivo, o seu recordo activa a memoria das outras mulleres que a acompañan no dó” (I.J.F. de Jong en Bremer, HBOP 113). Nos versos que seguen déixase de ver a Briseida como unha mera mercadoría e céntrase a atención na súa persoa: εἶπε δ’ ἄρα κλαίουσα γυνὴ ἐϊκυῖα θεῇσι· «Πάτροκλέ μοι δειλῇ πλεῖστον κεχαρισμένε θυμῷ, ζωὸν μέν σε ἔλειπον ἐγὼ κλισίηθεν ἰοῦσα, νῦν δέ σε τεθνηῶτα κιχάνομαι, ὄρχαμε λαῶν, ἂψ ἀνιοῦσ’· ὥς μοι δέχεται κακὸν ἐκ κακοῦ αἰεί. E dixo entre bágoas a muller, semellante ás deusas: «Patroclo, o ser máis grato para esta desgraciada de min! Vivo te deixei cando saín desta tenda, e agora áchote morto, comandante de hostes, ao tornar de novo. Desgraza sobre desgraza me vén sen cesar! As palabras da muller permiten deducir o afecto que sentía polo defunto, especialmente se reparamos no último verso, ‘desgraza sobre desgraza me vén sen cesar’. Reflicten estas verbas un sentimento de desamparo ante o futuro inmediato que lle agarda, o cal xa non vai contar cos ánimos do nobre Patroclo e coas súas esperanzadoras promesas de poder casar con Aquiles e así volver gozar da posición que unha vez tivo en Lirneso e que lle foi arrebatada precisamente polos aqueos. Tanto en estrutura como en contido, o pranto de Briseida correspóndese moi estreitamente co de Aquiles, vv. 315-37 (Edwards 1991: 268). Mentres o de Briseida enfatiza un resultado da asemblea, a súa devolución a Aquiles e a recompensa paga, o de Aquiles dálle voz a outro resultado, o banquete comunitario antes da batalla e a propia ausencia do Pelida deste. 21 Seguindo coa narración que verbaliza Briseida sobre a súa historia, dirixida ao falecido Menecíada, o seu testemuño lembra a unha Briseida á que non se lle permitiu noutro momento chorar pola morte do que entón era o seu marido, morte que supuxo, á súa vez, a conversión dunha muller libre en escrava de guerra dos aqueos. En troques, Patroclo ofreceulle consolo e un ombreiro no que poder chorar e insufloulle as esperanzas dun futuro certeiro como esposa do Pelida para que non se sentise tan infeliz na súa miseria. οὐδὲ μὲν οὐδέ μ’ ἔασκες, ὅτ’ ἄνδρ’ ἐμὸν ὠκὺς Ἀχιλλεὺς ἔκτεινεν, πέρσεν δὲ πόλιν θείοιο Μύνητος, κλαίειν, ἀλλά μ’ ἔφασκες Ἀχιλλῆος θείοιο κουριδίην ἄλοχον θήσειν, ἄξειν τ’ ἐνὶ νηυσὶν ἐς Φθίην, δαίσειν δὲ γάμον μετὰ Μυρμιδόνεσσι. τώ σ’ ἄμοτον κλαίω τεθνηότα μείλιχον αἰεί. Nin sequera me permitiches, cando o lixeiro Aquiles matou o meu marido e saqueou a cidade do divino Minete, chorar; asegurabas que me convertirías en lexítima esposa do divino Aquiles e que el me levaría nas naves a Ftía e celebraría o banquete de voda entre os mirmidóns. Por iso choro sen cesar a morte do que sempre foi tan doce. Aínda que non apareza de xeito explícito nos versos de Homero, os escolios (bT 296) asumen que Minete, o rei da cidade, é o marido de Briseida, polo que esta pena (Edwards 1991: 269-70). A pregunta de se Aquiles podería ou non casar cunha viúva só aflora nas mentes dos autores dos comentarios. A narración de Briseida e, polo tanto, o seu protagonismo explícito na obra, remata cos versos 301 e 302 como broche, unha evocación ao comezo do pranto: Ὣς ἔφατο κλαίουσ’, ἐπὶ δὲ στενάχοντο γυναῖκες Πάτροκλον πρόφασιν, σφῶν δ’ αὐτῶν κήδε’ ἑκάστη. 22 Así falou chorando (Briseida), e as mulleres respondían xemendo por Patroclo e tamén polos seus propios dós cada unha. As mulleres mencionadas reciben o nome de ‘carpideiras’ ou ‘choradeiras’, pois xuntábanse para expresar en público o loito polo defunto, á parte de choraren tamén cada unha polos seus mortos particulares. Isto confírelle á situación un ton moito máis verosímil, desgarrador e real. Estas mulleres pensan nas súas penas e nos falecidos do seu entorno para inspirarse e construír un dó moito máis sentido. As choradeiras non se valen da ocasión para indultar o seu propio loito, senón que se unen ao pranto de Briseida sobre o corpo sen vida de Patroclo porque unha imaxe tan dolorosa é a que suscita nelas a pena e as leva a compartila coa moza (Edwards 1991: 271). 23 4. RELACIÓNS INTERPERSOAIS DE BRISEIDA Neste capítulo trataremos as relacións da nosa protagonista con diversos personaxes da Ilíada. A maior parte deles son masculinos: Aquiles, Patroclo, Agamenón e o seu primeiro marido. Entre as personaxes femininas destacamos Criseida e o grupo de carpideiras que se unen a Briseida no pranto por Patroclo. Así pois, o primeiro en analizar é Aquiles: 4. 1. AQUILES A relación entre Aquiles e Briseida é o eixo vertebrador deste traballo e a chave para comprender mellor a biografía da moza que estudamos. A continuación procederemos a recompilar as pasaxes da obra nas que se recollen mencións aos personaxes e á relación que entre eles se establece. Xa no canto I atopamos unha alusión a ambos, na cal Briseida non é tratada nin como muller nin como persoa, senón como un obxecto, un botín, τὸ γέρας. Referímonos ao verso 185, cuxo contexto vén dado pola mensaxe que Agamenón lle dirixe a Aquiles. Asegúralle ao Pelida que se el queda sen Criseida, a escrava que lle tocara en prenda, el mesmo iría á tenda de Aquiles a quitarlle a Briseida, á que chama Βρισηΐδα καλλιπάρῃον (...) τὸ σὸν γέρας, ‘Briseida, de fermosas fazulas (...), o teu botín’. Nesta mesma liña de tratamento de Briseida como un premio está a resposta de Aquiles (vv. 298-9): χερσὶ μὲν οὔ τοι ἔγωγε μαχήσομαι εἵνεκα κούρης οὔτε σοὶ οὔτέ τῳ ἄλλῳ, ἐπεί μ’ ἀφέλεσθέ γε δόντες· Coas mans eu non penso loitar pola moza, nin contigo nin con outro, pois quitádesme o que me destes. Ademais Aquiles expresa a súa vontade de manterse impasible ante a posibilidade de que lle arrebaten a Briseida, a moza que lle tocara en prenda grazas á vitoria aquea en 24 Lirneso. Considera que non é propiedade súa como tal, senón que é un regalo, polo que tanto lle ten quedar sen el, porque antes xa non o tiña, foi algo engadido ao seu patrimonio. Kirk (1985: 83) ve que estas palabras de Aquiles clarifican a súa posición, pois resultan ser unha advertencia de evitar calquera posible confrontación física e, ao mesmo tempo, un xeito de preservar o seu honor aparentemente intacto. Cando chegan os heraldos Taltibio e Euríbates que Agamenón enviara para buscar a rapaza á tenda de Aquiles, este tranquilízaos exculpándoos dos desexos do Atrida e ordénalle presto a Patroclo que lles entregue a Briseida. Pola maneira na que se relata a pasaxe podemos concluír que non lle importaba demasiado o destino da rapaza nin o propio feito de quedar sen ela, sen o trofeo que lle correspondía polo seu bo facer como guerreiro. Vémolo nos versos 337-8: ἀλλ’ ἄγε διογενὲς Πατρόκλεες ἔξαγε κούρην καί σφωϊν δὸς ἄγειν· (...) Mais, ea, Patroclo, descendente de Zeus, saca á rapaza e entrégallela para que a leven. Xusto despois da partida de Briseida, hai outro testemuño na narración. Aquiles apártase dos seus compañeiros e senta sobre a ribeira do mar a chorar. Faino culpando a Agamenón de terlle quitado o seu botín, que non sen esforzo gañara, non por Briseida en si mesma. É así como o relatan os versos 348-56: (...) αὐτὰρ Ἀχιλλεὺς δακρύσας ἑτάρων ἄφαρ ἕζετο νόσφι λιασθείς, θῖν’ ἔφ’ ἁλὸς πολιῆς, ὁρόων ἐπ’ ἀπείρονα πόντον· (...) «ἦ γάρ μ’ Ἀτρεΐδης εὐρὺ κρείων Ἀγαμέμνων ἠτίμησεν· ἑλὼν γὰρ ἔχει γέρας αὐτὸς ἀπούρας.» Á súa vez, Aquiles 25 moito máis sinxelo contar coa protección dun home e non vivir o resto dos seus días en condición de escrava. Edwards (1991: 270) considera que a relación que estamos a analizar, aínda que non sexa romántica, mostra o lado máis amable de Aquiles e prepáranos para o efecto que causará a imaxe deles dous xuntos, que trataremos a continuación. No último canto, o XXIV, hai por vez primeira na Ilíada unha mención explícita a ambos personaxes que nesta epígrafe relacionamos, Briseida e Aquiles, xacendo xuntos. Aparece no v. 676: τῷ δὲ Βρισηῒς παρελέξατο καλλιπάρῃος, ‘e ao seu carón deitouse Briseida, a de fermosas fazulas’. Segundo o criterio de Richardson (1993: 347), a mención de Briseida durmindo con Aquiles, sendo esta a última vez que aparece o guerreiro na obra, confírelle unha maior intensidade. 4. 2. PATROCLO A relación que Briseida mantén con Patroclo é moi especial, e non será ata o canto XVIII, que narra a morte do varón e analizaremos deseguido, cando vexamos claras probas disto. Patroclo foi o encargado de tranquilizar a Briseida logo do saqueo de Lirneso, a súa terra, e o asasinato do seu marido e os seus irmáns. Ela, que nese momento estaba totalmente desconsolada e sen ningún tipo de esperanza, acolleu as promesas de Patroclo como o máis valioso ao que podía aterse. Co seu pasamento, ademais do gran pesar que lle suscitaba o feito en si mesmo, tamén viu esvaerse toda posibilidade dun futuro ao lado do Pelida Aquiles en calidade de esposa súa. Seguindo co procedemento que levamos empregando ao longo deste traballo, procederemos a recoller todas as mencións a ambos personaxes ou ben á súa relación segundo aparezan no relato, canto por canto. No canto I aparece a primeira mención a ambos personaxes xuntos nos versos 337-8 (xa tratados na anterior epígrafe), cando os heraldos de Agamenón chegan á tenda de Aquiles 32 para levar á xove Briseida e o Pelida lle ordena a Patroclo que a saque do interior da tenda e llela entregue aos enviados. Patroclo obedeceu as ordes do seu compañeiro e entregou a Briseida. Pasando xa ao canto XVI, hai unha pasaxe (vv. 83-6) tamén xa mencionada na epígrafe de Aquiles na que este fala con Patroclo e o aconsella para a loita, para que así retorne vitorioso e os aqueos lle devolvan a Briseida. O canto XIX contén a maior parte da información relativa a Briseida e Patroclo. Cando lle é devolta a xove Briseida a Aquiles, xunto cun gran cargamento de presentes, esta chega á tenda do Pelida e o primeiro que ve é o corpo sen vida de Patroclo (vv. 282-5): Βρισηῒς δ’ ἄρ’ ἔπειτ’, ἰκέλη χρυσέῃ Ἀφροδίτῃ, ὡς ἴδε Πάτροκλον δεδαϊγμένον ὀξέϊ χαλκῷ, ἀμφ’ αὐτῷ χυμένη λίγ’ ἐκώκυε, χερσὶ δ’ ἄμυσσε στήθεά τ’ ἠδ’ ἁπαλὴν δειρὴν ἰδὲ καλὰ πρόσωπα. Entón Briseida, semellante á áurea Afrodita, ao ver o corpo de Patroclo desgarrado polo afiado bronce, caeu abrazada a el e estalou en agudos xemidos, e rabuñábase coas unllas o peito, o suave pescozo e a fermosa cara. A descrición da reacción de Briseida ante tal imaxe é totalmente desgarradora. Invádea unha profunda dor e tristeza, e o ‘rabuñarse coas unllas’ diferentes partes do corpo constitúe unha ácida expresión de dó. Segue o seu pranto polo defunto (v. 286): εἶπε δ’ ἄρα κλαίουσα γυνὴ ἐϊκυῖα θεῇσι· «Πάτροκλέ μοι δειλῇ πλεῖστον κεχαρισμένε θυμῷ, ζωὸν μέν σε ἔλειπον ἐγὼ κλισίηθεν ἰοῦσα, νῦν δέ σε τεθνηῶτα κιχάνομαι, ὄρχαμε λαῶν, ἂψ ἀνιοῦσ’· ὥς μοι δέχεται κακὸν ἐκ κακοῦ αἰεί. E dixo entre bágoas a muller, semellante ás deusas: 33 «Patroclo, o ser máis grato para esta desgraciada de min! Vivo te deixei cando saín desta tenda, e agora áchote morto, comandante de hostes, ao tornar de novo. Desgraza sobre desgraza me vén sen cesar! Briseida é agora unha muller que sente, padece pola morte de Patroclo e expresa o seu loito persoal, non o fai como apoio a outras mulleres. Edwards (1991: 269) apunta que o emprego de νῦν δέ compárteo Aquiles no verso 319. Mais mídense as perspectivas da dor pola morte de Patroclo e, no caso de Aquiles, que non sufriu anteriormente tanto como o fixo Briseida, faino comparando o seu loito a unha dor futura (v. 321). Briseida continúa dirixíndose a Patroclo (v. 295): οὐδὲ μὲν οὐδέ μ’ ἔασκες, ὅτ’ ἄνδρ’ ἐμὸν ὠκὺς Ἀχιλλεὺς ἔκτεινεν, πέρσεν δὲ πόλιν θείοιο Μύνητος, κλαίειν, ἀλλά μ’ ἔφασκες Ἀχιλλῆος θείοιο κουριδίην ἄλοχον θήσειν, (...). τώ σ’ ἄμοτον κλαίω τεθνηότα μείλιχον αἰεί. Nin sequera me permitiches, cando o lixeiro Aquiles matou o meu marido e saqueou a cidade do divino Minete, chorar; asegurabas que me convertirías en lexítima esposa do divino Aquiles (...). Por iso choro sen cesar a morte do que sempre foi tan doce. Briseida ve a Patroclo como a súa única consolación cando Aquiles a deixou viúva, non lle permitiu expresar o seu loito e a capturou como escrava de guerra. Patroclo, asegurándolle unha voda con Aquiles, conseguiu que a moza non se sentise tan desamparada pola perda que viña de sufrir, que supuña para ela quedar como muller soa, sen un marido que a protexese e tamén sen os seus benqueridos irmáns varóns. 34 A solución era casar co guerreiro que lle causara tal desgraza, mais polo menos desa forma estaría protexida baixo o mando dun valeroso combatente. Isto supuña para o devir da súa vida unha leve mellora, pois non quedaría o resto dos seus días en condición de simple escrava, senón que recuperaría o seu status de muller libre e digna dun matrimonio dese calibre. A amabilidade de Patroclo a esta muller infeliz compáraa Edwards (1991: 270) á de Héctor para con Helena. A estrutura οὐδὲ μὲν οὐδέ é moi enfática, e máis se destacamos a súa posición de comezo de verso (Edwards 1991: 270). 4. 3. AGAMENÓN A relación entre Briseida e Agamenón é practicamente referencial. Porén, analizaremos as máis relevantes para o estudo da súa evolución e centrarémonos no trato que o soberano emprega coa rapaza, a máis pura cousificación de Briseida na obra. A primeira alusión que Agamenón fai a Briseida é xa no canto I, e supón a primeira aparición da moza na obra. Diríxese a Aquiles para advertilo de que en caso de que Febo Apolo lle quite á súa moza Criseida, el fará o propio con Briseida (v. 184): ὡς ἔμ’ ἀφαιρεῖται Χρυσηΐδα Φοῖβος Ἀπόλλων, (...) (...) ἐγὼ δέ κ’ ἄγω Βρισηΐδα καλλιπάρῃον αὐτὸς ἰὼν κλισίην δὲ τὸ σὸν γέρας (...). Igual que Febo Apolo me quita a Criseida, (...) pode que me leve a Briseida, de fermosas meixelas, o teu botín. 35 Considera a moza non como unha muller, senón como un trofeo que lle foi entregado a Aquiles logo dun vitorioso golpe en Lirneso. Constitúe, como recompensa, un simple obxecto. O Atrida encárgalle a Taltibio e Euríbates, os seus dous heraldos e dilixentes servidores, que fosen á tenda de Aquiles e trouxesen a Briseida. Se o Pelida non quixer entregala, el mesmo iría en persoa con reforzos (v. 322): «Ἔρχεσθον κλισίην Πηληϊάδεω Ἀχιλῆος· χειρὸς ἑλόντ’ ἀγέμεν Βρισηΐδα καλλιπάρῃον· εἰ δέ κε μὴ δώῃσιν ἐγὼ δέ κεν αὐτὸς ἕλωμαι ἐλθὼν σὺν πλεόνεσσι· (...)» Ide ambos á tenda do Pelida Aquiles, e aside da man e traede a Briseida, a de belas meixelas. E se non a entrega, eu mesmo en persoa pode que a colla indo con máis (reforzos). Busca facerse con ela a calquera custo. Xa no canto IX, no marco da pasaxe xa citada na que Néstor aconsella a Agamenón, recrimínalle que lle tivese arrebatado a moza ao Pelida, motivo do afastamento deste do campo de batalla e da consecuente e progresiva derrota do exército aqueo. A intervención que tratamos correspóndese cos versos 106-11: ἐξ ἔτι τοῦ ὅτε διογενὲς Βρισηΐδα κούρην χωομένου Ἀχιλῆος ἔβης κλισίηθεν ἀπούρας οὔ τι καθ’ ἡμέτερόν γε νόον· (...) εἴξας ἄνδρα φέριστον, ὃν ἀθάνατοί περ ἔτισαν, ἠτίμησας, ἑλὼν γὰρ ἔχεις γέρας· (...) (...) Dende que, oh, descendente de Zeus, á moza Briseida arrebataches e sacaches da tenda do airado Aquiles en contra da nosa opinión; (...) 36 e ao varón máis valioso, recompensado ata polos inmortais, deshonraches, pois quitácheslle e aínda retés o seu botín. Estes versos xa os analizamos anteriormente na epígrafe de Aquiles, mais resultan de interese tamén para estudar a relación con Agamenón, por iso os recuperamos. A continuación, Agamenón procede a enumerar os presentes que lle dará a Aquiles para convencelo (v. 131) e ademais engade un xuramento de non ter mantido relacións íntimas con ela. Isto é, durante o tempo no que a tivo no cautiva baixo o seu poder, apenas compartiu tempo e espazo con ela, o contacto entre ambos foi mínimo. O desexo de Agamenón, mais que facerse coa rapaza, é darlle unha lección ao Pelida e, ao tempo, advertir a todos os aqueos e facelos así conscientes da súa posición de superioridade con respecto ao resto. τὰς μέν οἱ δώσω, μετὰ δ’ ἔσσεται ἣν τότ’ ἀπηύρων κούρη Βρισῆος· ἐπὶ δὲ μέγαν ὅρκον ὀμοῦμαι μή ποτε τῆς εὐνῆς ἐπιβήμεναι ἠδὲ μιγῆναι, ἣ θέμις ἀνθρώπων πέλει ἀνδρῶν ἠδὲ γυναικῶν. Esas dareille e ademais estará a que entón lle quitei, a rapaza de Briseo. E tamén prestarei solemne xuramento de non ter subido nunca ao seu leito nin terme unido a ela, como é lei humana entre homes e mulleres. Pasamos á pasaxe da asemblea, no canto XIX, na que falan Aquiles e Agamenón. O segundo fai unha referencia a Briseida denominándoa ‘botín’, γέρας (v. 89). Agamenón efectúa o xuramento antes citado e na súa declaración vemos como a moza é tratada como unha mercadoría, un produto que non degustou malia ser da súa propiedade (v. 258): «ἴστω νῦν Ζεὺς πρῶτα, θεῶν ὕπατος καὶ ἄριστος, Γῆ τε καὶ Ἠέλιος καὶ Ἐρινύες, αἵ θ’ ὑπὸ γαῖαν ἀνθρώπους τίνυνται, ὅτις κ’ ἐπίορκον ὀμόσσῃ, 37 μὴ μὲν ἐγὼ κούρῃ Βρισηΐδι χεῖρ’ ἐπένεικα, οὔτ’ εὐνῆς πρόφασιν κεχρημένος οὔτέ τευ ἄλλου. ἀλλ’ ἔμεν’ ἀπροτίμαστος ἐνὶ κλισίῃσιν ἐμῇσιν. Sexa testemuña primeiro Zeus, o deus máis sublime e excelso, e tamén a Terra, o Sol e as Erinies, que baixo terra castigan ás xentes que prestan xuramento perxuro, de que nunca puxen a man sobre a moza Briseida nin por desexo manifesto do seu leito nin por ningún outro motivo, e de que permaneceu intacta na miña tenda. Vemos, xa que logo, que a visión que Agamenón ten de Briseida é a dun produto, que a el lle serviu de proveito para amolar a Aquiles e poñer orde nas filas do exército aqueo. Equiparouna en valor a unha recompensa económica ou material, mais sen ter en ningún momento en conta os seus sentimentos nin a súa opinión. 4. 4. O SEU MARIDO A información que aporta a Ilíada sobre a relación de Briseida co seu defunto marido é reducida e está contida case na súa totalidade na pasaxe do pranto de Briseida por Patroclo. ἄνδρα μὲν ᾧ ἔδοσάν με πατὴρ καὶ πότνια μήτηρ εἶδον πρὸ πτόλιος δεδαϊγμένον ὀξέϊ χαλκῷ Ao marido a quen me confiaron o meu pai e a miña augusta nai vino diante da cidade desgarrado polo afiado bronce Cando os aqueos invaden Lirneso e destrúen a cidade, na cal reinaba este home, é o propio Aquiles quen acaba coa súa vida aos ollos de Briseida. Esta, que logo foi convertida en escrava de guerra e privada cruelmente da súa liberdade, era unha muller libre que gozaba de certos privilexios debido ao seu status social. Era a esposa dun rei e xuntos vivían en Lirneso, deducimos, unha vida apracible. 38 4. 5. CRISEIDA A relación entre ambas mozas é, en moitos aspectos e comezando xa polo nome, paralelística. O nome de Briseida, como xa se dixo noutro capítulo, é un patronímico derivado de Briseo, o seu pai; mentres que o de Criseida o é do seu, o sacerdote Crises. Ambas son recrutadas polos aqueos e pasan de ser mulleres libres a escravas de guerra. Os dous guerreiros máis destacables do bando grego involúcranse nunha disputa por estas dúas mulleres, ao serlle requirido ao Atrida que devolva a que tiña no seu poder, Criseida. Este, negándose a quedar sen a parte do botín que lle correspondía, unha serva, decidiu quitarlle ao Pelida a Briseida, a moza que lle tocara a el no reparto de bens. A principal diferenza entre ambas é o seu destino: Criseida é finalmente posta en liberdade grazas aos rogos do seu pai Crises, sacerdote de Apolo, a este deus; mentres que Briseida permanece ao lado de Aquiles en condición de escrava. 4. 6. CONXUNTO DE CARPIDEIRAS Como xa apuntamos en ocasións anteriores, estas mulleres que se unen a Briseida na pasaxe do pranto para chorar a Patroclo non o fan especialmente porque coñecesen ao falecido ou á mesma Briseida, senón que se agrupan arredor do defunto e entoan uns cantos fúnebres moi sentidos. A relación entre as mulleres e quen encabeza o pranto ou o defunto non é neste caso importante, senón que elas se inspiran evocando na súa memoria as dores propias de cada unha e mais os seus respectivos loitos pasados. Comparten, porén, con Briseida a pena e o sentimento de abandono e soidade, aínda que non de xeito simultáneo. Podemos concluír que o coñecen por experiencias pasadas e, debido a este factor, empatizan con el e coa moza que se lamenta. 39 5. RECONSTRUCIÓN CRONOLÓXICA DA IMPORTANCIA DE BRISEIDA NA ILÍADA O cuarto e último capítulo do presente traballo pretende recompilar os momentos máis importantes da obra dende a óptica da personaxe que estudamos. Nunha perspectiva xeral, apreciamos como Briseida conta cunha posición privilexiada entre o conxunto de mulleres cautivas no campamento grego. A súa relevancia na obra reside, en primeiro lugar, no feito de que a súa primeira aparición no canto I da Ilíada supón a primeira entrada dunha personaxe feminina na obra (Molli 2021: 3). Logo dun fugaz mais crucial aparecemento no canto I, Briseida está ausente ata o canto XIX, cando ten lugar a súa volta á tenda de Aquiles. Entrementres, é a miúdo nomeada ao longo da obra en evocacións que fan outros personaxes, principalmente Aquiles e Agamenón. Convértena, xa que logo, en “obxecto de focalización” (Molli 2021: 4). Ademais, aínda que dun xeito indirecto e paciente, Briseida é tamén o motivo polo que Aquiles, o máis destacado guerreiro aqueo, se retira do combate e deixa o seu exército sen líder e sen forzas para afrontar a batalla na que se atopaba inmerso. Unha vez que a moza lle é devolta, el tamén volve ao campo de batalla, mais faino para vingar a morte do seu amigo Patroclo. No contexto da morte do seu benquerido amigo Patroclo, a moza toma a palabra para darlle voz ás súas emocións persoais (Molli 2021: 4). É enxalzada ao dotala dunha intervención con discurso directo, isto é, ten voz propia e protagoniza importantes accións: expón os seus sentimentos e emocións en público e chora unha morte que si lle afecta a ela directamente e non, como tratamos na epígrafe 4.6. referíndonos ás carpideiras, sumándose a un pranto común para así poder chorar as súas desgrazas persoais. A súa relevancia no relato e no desenvolvemento dos acontecementos bélicos é, como xa se puido entrever ao longo da presente investigación, progresiva. Chega ao seu cume na pasaxe do pranto por Patroclo, pasando de ser unha personaxe secundaria sen apenas voz nin capacidade de decisión dos seus propios actos a ser quen toma a dirección das accións que están tendo lugar. 40 Outra pasaxe na que se demostra a gran importancia da nosa moza na obra é a escena final dela e Aquiles deitados xuntos, o que confirma a vontade desta de permanecer ao lado do guerreiro e a súa pretensión de facelo recuperando a posición social que o propio varón lle arrebatara en Lirneso. Briseida, xa que logo, deixaría de ser a súa escrava para ser a súa muller, segundo Patroclo lle prometera que ocorrería. 41